Tollemerendas

6 de outubro 2022

Abrollan tollemerendas
nos Rebolos e Ilarín.
Polo rego do Mazuco,
mana a auga canda min.

Percorro terras de outono,
evoco soños acedos
que conducen á soidade
e espertan temores negros.

Fican a terra, as árbores
e os lameiros agostados.
Mais, faltan todos aqueles
que me alentaron antano.

Tempo de outono

É tempo de apañar as mazás, que este ano cargan con fartura nos pomares. Tamén é tempo de percorrer as carballeiras no comezo do outono. Ao paso polas fragas do Barrancal, sorprende a púrpura das tollemerendas que evocan a infancia. Ai neno, xa non se merenda. Agarda un pouco que logo chega a cea.

Tollemerendas. Colchicum montanum

Mágoa do pan centeo con chocolate a esta hora da tarde. Acabáronse as merendas de agora en adiante. Os días van revendo pouco a pouco.

As xornadas de verán eran longas. Desde o abrente ao solpor pasaban 15 horas das que había que aproveitar a luz solar para gadañar, segar, mallar… Estes duros traballos requirían comer catro ou cinco veces ao día.

Entre as 6 e as 7, ao erguérense, os homes tomaban a parva antes do almorzo: un anaco de pan e unha copa de augardente. Logo, sobre as 10, chegaba a hora do taco: pan con touciño e un vaso de viño, se o había. Xantábase na casa entre as 12 e as 13, a non ser que se realizasen traballos lonxe do fogar: caldo, pan e, como compango, touciño. Ás veces, merendábase arredor das 18 e, xa de regreso na casa, entre as 21 e as 22 horas ceábase na cociña á luz dun candil de gas ou de carburo: cachelos con leite ou o caldo que quedara do xantar.

Os nenos, na merenda, tiñamos o privilexio, por veces, de acompañar o pan centeo cunha onza de chocolate Carmiña. E isto constituía un auténtico pracer. Para prolongar a degustación, eramos expertos en ir arrouñando cada onza con fruición en moi pequenas mordedelas como ansiosos roedores. Mais, o cumio do pracer reservábase nas merendas para os días en que había na casa, non sabiamos por onde chegara, unha caixa metálica de marmelo Nuestra Señora del Carmen de Puente Genil. Sucedía isto en moi contadas ocasións, mais o marmelo esmagado sobre o pan centeo era un pracer de deuses.

Deixar de merendar para os nenos supuña privarnos deses doces praceres e volver a monotonía diaria dos alimentos dos maiores: caldo, cachelos, arroz algunha vez, leite, de cando en cando chourizo e, en outono, pisto de cebola. Por isto, a presenza das tollemerendas eran odiosas. Mais, por lei da natureza había que acatala. As horas de luz de outubro en adiante son moitas menos e desde o xantar á cea o corpo aguanta sen necesidade de alimentos.

Etimoloxía

Tollemerendas é unha palabra composta da forma verbal tolle e do substantivo merendas. Toller significa deixar a alguén con todos ou parte dos seus membros carentes de movemento, isto é, privar dunha facultade que posúe a xeneralidade das persoas. Por isto, tolleito é quen non pode desenvolver o seu corpo como fan os demais. Procede do verbo latino tōllo, tollere, sustulī, sublātum, que significa suprimir, quitar, facer desaparecer, anular. Con este mesmo sentido se dicía na liturxia da misa a oración Agnus Dei, qui tollis peccata mundi.

O substantivo merendas procede do latín merenda, nome da comida de mediodía ou de media tarde que recibían os soldados do exército romano. En sentido estrito, esta palabra en latín aludía á compensación en forma de comida que estes soldados percibían polo seu traballo. Por isto, merenda e mérito gardan relación etimolóxica entre si porque ambas formas proceden do verbo mereo, merere, merui, meritum = “merecer, gañar”. Así que merendar significaba inicialmente aquilo ao que se ten dereito pola realización dunha actividade, xa for física ou intelectual. De aquí tamén proceden os vocábulos “mérito” e “emérito”. Tollemerendas etimoloxicamente significa, por tanto, que suprime a comida de media tarde, ou sexa, a merenda.

Relacionados...

Ouro en Penarrubia

Xρυσὸν γὰρ οἱ διζήμενοι γῆν πολλὴνὀρύσσουσι καὶ εὑρίσκουσιν ὀλίγονQuen busca ouro cava moito e saca pouco.Heráclito Xacementos mineiros en Penarrubia Coñecemos as

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Ara votiva de Papín

Achado en 1905 En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario