O cruceiro da Condomiña

Situación e estado

O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Coordenadas:

UTM ETRS89

X: 646356

Y: 4753910

Está situado diante da escola da Condomiña a carón da estrada LU-P-0501 que, desde A Ponte de Neira, pasando pola Condomiña, desemboca na estrada LU-710, que vai desde Baralla ao Cádavo. O estado de conservación é deficiente debido á erosión que afecta o fuste, o pedestal e nomeadamente o baseamento de cachotería.

O cruceiro encóntrase no soar público situado no lado sur da antiga escola da Condomiña

Os spolia

O vocábulo latino spolia (plural neutro de spolium, “espolio, restos dun animal”), en arquitectura refírese á reutilización de materiais (en particular columnas, basas, capiteis e perpiaños) procedentes de monumentos xa existentes para a construción de novos edificios sexa por razóns estéticas ou por consideracións puramente económicas. Os materiais clasificados como spolia considerábanse despoxos, restos que perderon a vida e a utilidade que antes posuían, mais, unha vez reaproveitados nunha construción, adquirían nova vida e tiñan a consideración de rediviva saxa. E este novo uso constitúe unha mostra de prestixio e de poder por parte de quen o realiza.

A reutilización de materiais construtivos e decorativos foi unha práctica habitual xa en Roma desde a época republicana. Do mesmo xeito que existían os horrea que servían de almacéns para os víveres, tamén está documentada a existencia dalgún horreum no que se encontraron pezas arquitectónicas destinadas a seren reaproveitadas alí onde puidesen ter utilidade. Esta práctica incrementouse na Alta Idade Media, mantívose na Idade Moderna e perdura en certa maneira na actualidade. ¿Que foi, por exemplo, das columnas que existían no pórtico da casa reitoral de Penarrubia? De certo, alguén se fixo con elas para darlles outra utilidade construtiva. ¿Quen, para brasonar de fidalguía, arramplou co escudo que existía na fachada da Casa Principal de A Pena e onde o colocou? ¿Onde está a columna de granito que sostiña o púlpito da igrexa parroquial de Penarrubia até inicios da década dos sesenta do pasado século? 

Na igrexa de Santa Comba de Bande, construída a fins do século VIII ou principios do IX no lugar onde antes existía un templo suevo, reutilízanse columnas monolíticas de mármore escuro que rematan en capiteis tamén reaproveitados posibelmente de época romana. A propia ara votiva encontrada no lugar de Papín da nosa parroquia de Penarrubia serviu de mocheta nunha casa durante moitos anos até ser depositada no Museo de Lugo.

A reutilización de elementos arquitectónicos caracterízase polo abandono do canon e da proporción que dominaba no conxunto das construcións a que pertencían anteriormente esas pezas. Impónse a heteroxeneidade na selección dos elementos reaproveitados: un capitel pode servir de basa e viceversa e os piares e fustes, de linteis.

A reutilización responde a varias causas. En primeiro lugar, intervén a limitación de recursos e de medios técnicos. Mais, tamén cobra importancia a desaparición e o afastamento da promoción construtiva por parte do poder que antes patrocinaba grandes obras. Alén disto, aforra traballos: evita a custosa extracción da pedra das canteiras e o seu labrado a base de ciceis, martelos e punteiros. Evita tamén, en moitos casos, o transporte dos materiais que adoitan aproveitarse de antigas construcións próximas en estado de abandono. Isto último, cremos nós, é o que sucede coas pezas reaproveitadas do cruceiro da Condomiña. O lugar onde se encontra este cruceiro queda nas proximidades da antiga “cidade de Pedreda” á que se refiren distintas fontes e que Patrimonio ten catalogada como xacemento arqueolóxico co código GA27036030. Neste caso, os edificios históricos desta cidade estarían, xa non en estado de abandono, senón enterrados ou semienterrados e serían descubertos cando os labregos traballaron os predios e, fundamentalmente, cando na segunda e terceira décadas do século XX se realizaron as obras da estrada que comunica Baralla co Cádavo.

Reelaboración dos materiais encontrados

Elementos do entaboamento como arquitrabes, frisos e cornixas foron usados indistintamente como perpiaños e como mochetas de portas e fiestras. En cambio, os fustes e columnas, basas e capiteis adoitan reutilizarse para o mesmo fin.

A fidalguía rural e mais o clero servíronse en moitas ocasións destas pezas para empregalas na construción das súas vivendas e dos templos e mobiliario litúrxico respectivamente. A falta de pericia na talla dalgúns materiais provocou o aproveitamento de pezas antigas elaboradas. Isto é o que ocorre cos elementos de formas curvas e cilíndricas. Para as construcións tradicionais, os nosos antepasados, porque non dominan as técnicas para trazar e crear estas formas, non as empregan con estas características, mais, cando achan elementos construtivos deste tipo, considéranos valiosos e danlles utilidade de novo. E isto, cremos nós, foi o que sucedeu con este cruceiro da Condomiña.

O cruceiro

Velaquí o Cruceiro visto desde a cara sur. Está emprazado diante da antiga escola da Condomiña na veciña parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Cara sur do cruceiro

Descoñecemos desde cando se encontra neste lugar. Sospeitamos que se colocaría aquí a finais da década dos corenta ou principios da dos cincuenta do pasado século coincidindo co momento en que se construíu a escola. Este cruceiro non segue as características que adoitan ter os cruceiros tradicionais.

Estrutura dos cruceiros. Debuxo baseado no cruceiro da veciña parroquia de Furís, xa no concello de Castroverde

O da Condomiña non se sitúa nunha encrucillada. Tampouco presenta a típica estrutura de baseamento estratificado en varios banzos, pedestal, varal, fuste, capitel e cruz. O fuste e a cruz son os únicos elementos que permiten cualificar este conxunto como cruceiro.

Baseamento de cachotería e pedestal

O baseamento consiste nun bloque de cachotería con forma de prisma rectangular. Sobre el aséntase o que pretende ser pedestal, que consiste na sucesión, de abaixo arriba, dun plinto cuadrangular de 47 x 47 cm, sobre o que se colocan dous toros de 15 cm de altura cada un entre os que figura unha escocia ou moldura convexa de aproximadamente 4 cm de alto. Sobre este conxunto figura un elemento liso cunha pequena moldura cóncava  no medio que podemos interpretar como un colariño liso sobre o que arrinca o fuste.

Este pedestal, que aquí realiza funcións de base, desde o punto de vista histórico-artístico, resulta o máis interesante do cruceiro e nós cremos, sen pouco lugar a dúbidas, que se trata dun capitel ou dunha basa de orixe romana.

Cara norte

O fuste, de 2,02 metros de altura, cilíndrico e monolítico, presenta un adelgazamento no seu diámetro de aproximadamente 5 cm entre a parte inferior (27,38 cm), o imoscapo,  e a superior (22,29 cm), o sumoscapo, achegándose con estas medidas ao canon que Vitruvio propón en De Architectura. Libro, IV. Cap. 7 2-3. Mais, debemos ter en conta que en certos lugares da súa superficie presenta recubrimento dunha lixeira capa de argamasa empregada no momento en que foi erixido para reparar os estragos da erosión.

Medidas do cruceiro

A Cruz ofrece o Crucificado tan só pola súa cara sur mantendo lisa a norte. Como mostra da falta de harmonía na concepción deste cruceiro, resalta o feito de que, sendo esta cruz de sección plana, coroa un fuste cilíndrico ao que se une por medio de cemento ou argamasa. A imaxe do Crucificado preséntase en altorrelevo con acusada frontalidade e composición case simétrica na disposición do corpo cos brazos completamente estendidos en diagonal e coa perna dereita lixeiramente flexionada cara á esquerda. Debido á erosión, non podemos distinguir o número de cravos que perforan os pés permitindo sospeitar quen se trata do tipo de tres (un en cada man e o terceiro atravesando ambos pés). Do conxunto, resalta a cabeza con avultada coroa de espiñas, barba a ambos lados da face e poboado bigote que deixa entrever a boca aberta. Dos ollos entornados  e da disposición dos membros, resalta a expresión serena de Cristo sen mostra de sufrimento dando máis sensación de descansar que de pender. Presenta tamén un difuso pano de pureza cinxido por enriba das cadeiras atado no lado esquerdo con ondulacións no centro e no lado dereito.  Na cúspide do pau central figura a cartela disposta en diagonal que contén as letras INRI que, polos efectos da erosión, non somos quen de distinguir.

Basa ou capitel?

Como vimos, na elaboración deste cruceiro fóronse ensamblando elementos arquitectónicos heteroxéneos procedentes doutras construcións anteriores reaproveitados que se colocaron seguindo certas pautas dos cruceiros tradicionais. Cremos que os seus autores tan só levantaron ex novo o baseamento de cachotería e que lle encargaron a un canteiro do lugar a talla da cruz e do medio relevo do Crucificado. A basa, que aquí actúa como pedestal, estamos case seguros de que pertencería nos primeiros séculos da nosa era a un edificio romano. O mesmo podería suceder co fuste.

Froito da diversidade de procedencia dos elementos, o conxunto carece da harmonía estrutural que caracteriza os nosos cruceiros. Mais, o elemento que neste cruceiro funciona como  pedestal, e que actúa como basa que soporta un fuste ou varal, ten máis sentido se o invertemos para recuperar as funcións orixinais no antigo edificio a que pertencía.

Deste xeito, o colariño liso engarza co sumoscapo do fuste e despois sucédense equino, escocia, equino e ábaco cuadrangular, estrutura que podemos encontrar nalgúns capiteis romanos de estilo toscano. ¿Pertencería este capitel ao Timalinum citado no Itinerarium Antonini, que algúns historiadores sitúan nestas terras de Neira de Rei?

Reconstrución hipotética do fuste e do capitel romanos reutilizados neste cruceiro

Relacionados...

Parque eólico Serra do Puñago

En datas recentes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu unha resolución pola que suspende cautelarmente o inicio das obras do

Ouro en Penarrubia

Xρυσὸν γὰρ οἱ διζήμενοι γῆν πολλὴνὀρύσσουσι καὶ εὑρίσκουσιν ὀλίγονQuen busca ouro cava moito e saca pouco.Heráclito Xacementos mineiros en Penarrubia Coñecemos as

Ara votiva de Papín

Achado en 1905 En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario