Ouro en Penarrubia

Xacementos mineiros en Penarrubia

Coñecemos as grandes obras emprendidas polos romanos para extraeren ouro na Gallaecia. As Médulas e Montefurado constitúen espectaculares exemplos de explotacións mineiras que atraeron a atención dos investigadores e que concitan a admiración de quen as visita. Mais, nas comarcas de Os Ancares, Quiroga e Valdeorras existen centos doutras explotacións auríferas de menor entidade que estiveron en produción entre os séculos I e II d. C.

Desde hai pouco tempo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta procedeu a censar varios destes xacementos arqueolóxicos. Tres deles encóntranse na nosa parroquia: o primeiro sitúase no monte das Grobiñas; o segundo, na Groba da Curuxa do monte da Canteira; e o terceiro, en Valintrobo, nas terras de concentración parcelaria que xa limitan coa parroquia de Pedrafita. A inclusión no censo dun ben cultural implica a súa conservación e protección e isto esixe que, para realizar determinadas accións nese lugar afectado, será preciso solicitar permiso perante a Dirección Xeral de Patrimonio tendo en conta que o contorno de protección debe manterse cos valores ambientais que lle son propios e que as intervencións que se realicen deben resultar harmoniosas coas características do ámbito evitando movementos de terras e outras accións que supoñan variacións significativas da topografía orixinal tanto do propio ben como da superficie de 12 ha. que o abeira.

As Grobiñas

No censo de Patrimonio figura co nome de O Barrancal, mais o topónimo correcto é As Grobiñas porque o perímetro delimitado localízase na súa maior parte nos predios que así son designados entre nós. Barrancal é o topónimo co que nos referimos a un conxunto de carballeiras e a algún prado que lindan polo norte e polo leste.

Estes son os datos cos que figura o xacemento no censo de Patrimonio: Código: GA27036064. Localización das coordenadas: X: 644964,517157 Y: 4756713,87421. Baralla_2702.

Sitúase a uns 750 metros do núcleo do lugar de Penarrubia en dirección norte e nas súas proximidades conflúen os regos das Louseiras e do Cebeiral, que descenden do monte do Mazuco cara o val.

O arqueólogo Luis Francisco López González, na súa tese de doutoramento Castros y territorio: evolución del poblamiento castreño y de los procesos de territorialización en la sierra oriental gallega y sector meridional lucense, identifica esta explotación mineira co código M-CSN-073 baixo a denominación de O Barrancal. Este e outros erros na identificación toponímica mostran como algúns traballos científicos carecen do rigor que se lles esixe aos seus autores no respecto á toponimia debido á ausencia de contacto directo cos lugares sobre os que investigan e ás consultas que deberían ter realizado ás persoas que habitan cada unha das terras como coñecedoras que son dos nomes con que designamos cada un dos predios da contorna. A superficie deste xacemento comprende aproximadamente unha hectárea e a zona de afección esténdese en círculo desde os seus límites exteriores nun radio de 200 metros segundo se mostra na seguinte imaxe:

Delimitación do xacemento As Grobiñas e área de afección

Na actualidade, a vexetación oculta os vestixios do xacemento. Para poder detectar mostras da intervención humana servímonos desta imaxe sombreada extraída do visor de mapas da Xunta na que se poden ver foxos escavados en tempos pasados pola acción humana.

Vestixios das escavacións mineiras nas Grobiñas

Se visitamos este lugar, constatamos a existencia de pequenos foxos e tamén de grandes cavorcos que non proceden da erosión producida polas augas dos regos nin dos mananciais. Mesmo sospeitamos que un destes cavorcos, o situado entre as parcelas catastrais 101 e 107 polo sur e a 102, polo norte, puidese ser orixinado pola desviación do leito do rego das Louseiras dun xeito semellante, a menor escala, ao utilizado en Montefurado para a extracción de ouro.

A inclusión por parte de Patrimonio deste vestixio no censo de bens culturais de carácter arqueolóxico non nos sorprende porque outros factores, alén dos topográficos que acabamos de sinalar, contribúen a acreditar esta catalogación.

Desde sempre se transmitiron lendas que sitúan neste lugar a existencia de escavacións na procura de tesouros misteriosos atribuídos, como sucede nestes casos, aos tempos dos mouros. O propio topónimo, As Grobiñas, tamén se refire á constatación destas escavacións. Un feito, xa non lendario senón real, é a existencia de murias neste lugar. Así se denominan as moreas de pedras e entullos procedentes dos movementos de terras e do moído e lavado do mineral que se acumulaban en vertedoiros como materiais que se rexeitaban. Todas as persoas naturais de Penarrubia que vivimos a comezos da década dos cincuenta do pasado século recordamos que o pavimento do Camín de Penarrubia, que conduce desde Seisfontes até o cabo do lugar no Carrocheiro, foi realizado coa pedra acumulada nesta muria, pedra que se extraeu e foi cargada polos veciños do lugar e que se carretou na carroceta de Antonino de Camporredondo. Así nolo explica Suso do Carrocheiro no seguinte audio:

A Groba da Curuxa

Encóntrase no monte de A Canteira a 1.300 metros de Penarrubia, xa nas proximidades do lugar de Cernadas. Presenta morfoloxía de dexección cónica en abano moi estreita e pouco profunda na cabeceira que gaña profundidade e anchura conforme descende até a zona do pé.

Foxo da Groba da Curuxa

No censo de Patrimonio figura co nome de As Louseiras, mais os vestixios deste xacemento son designados especificamente co topónimo A Groba da Curuxa. Baixo o nome de As Louseiras identifícase un conxunto de predios e de monte que abeiran o rego deste mesmo nome. Lingüisticamente, podemos comprobar que, tamén neste caso, se repite o vocábulo ‘groba’, ao que nos referiremos posteriormente no epígrafe Toponimia e minaría.

Patrimonio asígnalle o código GA27036065 Localízase nas coordenadas X: 644403,92665 Y: 4757019,38396

Localización da Groba da Curuxa nas proximidades de Cernadas

O arqueólogo L. F. López González identifica esta explotación mineira, que tamén denomina desaxeitadamente As Louseiras, co código M-CSN-074, catalógaa como mina secundaria e considera que o volume de terra removida é < 25 m3 x 1000. Patrimonio delimita este xacemento e estabelece o seu contorno de protección como se mostra na seguinte imaxe

Contorno de afección do xacemento Groba da Curuxa

Mais, como coñecedores que somos deste lugar desde hai moitos anos, constatamos que as liñas de delimitación que ofrece Patrimonio non son exactas, pois polo norte, o inicio excédese uns 50 metros, que, en cambio, deben incrementarse polo sur. En canto ás liñas perimetrais, tamén constatamos que son incorrectas dado que no lado sur o ancho desta escavación é moi superior ao do norte presentando, como dicimos, forma de cono de dexección cunha pendente que se aproxima ao 9 %.

Como sucede nestes casos, este xacemento tamén está situado nas proximidades dun rego, O Cebeiral, cuxas augas serían aproveitadas para o lavado do mineral. Actualmente, os sinais da existencia desta groba só se perciben a simple vista nos meses de inverno por mor da abundante e mesta vexetación que a cobre e mais polas árbores caducifolias que rexeneraron de forma natural. Mais, na seguinte imaxe sombreada distinguimos con total nitidez as liñas dunha escavación ancha e fonda en vertical que no seu extremo norte se prolonga cara o oeste nunha gabia menos profunda e estreita.

Vestixios das escavacións mineiras na Groba da Curuxa. A gabia lonxitudinal en sentido SW-NL puidera ser usada como conduto para a auga necesaria para o lavado do ouro.

Neste caso, os efectos da intervención humana na morfoloxía do monte son evidentes. Preguntámonos onde foron parar as murias desta escavación de moito maiores proporcións que as do xacemento de As Grobiñas tamén censado na parroquia. A resposta é moi probábel que radique nas informacións que nos foron transmitindo os devanceiros: a pedra aquí existente foi empregada para a construción da igrexa parroquial, obra que se realizou entre os séculos XVI e XVII. Na miña infancia, na década dos cincuenta e principios da dos sesenta, recordo a existencia no fondo do cavorco de numerosas pedras soltas de pequeno tamaño e de textura arenífera que nos encargaban na casa ir buscar para fregar a prancha de ferro da cociña bilbaína. Era unha pedra branda que, co rozamento do metal e a calor, pronto se desfacía, mais a súa capacidade de limpeza e brillo era superior á das pedras que se compraban na feira de Baralla para o mesmo cometido. Este mesmo tipo de pedra tamén a encontramos na construción da igrexa de Penarrubia e nalgunhas partes da Casa Principal de A Pena, residencia da familia fidalga Santiso Ulloa, promotora deste templo parroquial e mais do pazo que habitaba na mesma época histórica.

Valintrobo

Patrimonio recoñece aquí a existencia de dous xacementos, cada un delimitado co seu perímetro e coas respectivas áreas de protección segundo se reflicte na seguinte imaxe

Os dous xacementos de Valintrobo segundo Patrimonio cultural da Xunta. Área de afección

Ambos xacementos figuran censados co mesmo código GA27036066 e localizadas nas coordenadas X: 644540 e Y: 4757452. O arqueólogo Luis Francisco López González identifica estas explotacións mineiras co código M-CSN-075 baixo a denominación, agora correcta de Valintrobo aínda que ortograficamente escrita como ‘Valintrovo’.

Mais, a localización destes dous xacementos no plano non nos parece acertada. Consideramos que só existen vestixios dunha soa explotación mineira situando o seu centroide nas coordenadas X: 644528.13 Y: 4757348.35, entre as parcelas catastrais 42 e 43 do polígono 2. A localización que realiza Patrimonio debe ser adiantada uns 50 metros ao límite da parcela catastral veciña dado que aquí si que se observa un profundo foxo.

Foxo escavado de Valintrobo. A vexetación impide velo con claridade

Do segundo dos xacementos delimitados por patrimonio non constatamos ningún vestixio aparente nin no mapa sombreado nin na propia parcela que actualmente é un pasteiro. Sospeitamos, en cambio, que, en dirección noroeste, a uns 250 metros, si se aprecian vestixios de intervencións humanas compatíbeis cun xacemento mineiro como se pode comprobar na seguinte imaxe

Foxo de Valintrobo a carón do Rego da Canteira e, máis arriba, outro foxo que tamén consideramos procedente de obras mineiras

Segundo testemuños de un dos propietarios do predio que contén o foxo, aquí existía unha muria da que se carretou a pedra que foi empregada, en tempos pasados, para ampliar a vivenda que esta familia posúe en Val. Outra coincidencia cos dous xacementos anteriores tamén se constata neste vestixio coa presenza dun manancial, o Rego da Canteira, cuxas augas serían empregadas para o lavado do mineral extraído.

Xacementos na contorna

Na limítrofe parroquia de Furís, Patrimonio tamén cataloga 14 xacementos arqueolóxicos clasificados case todos eles como explotacións auríferas. Deles, 13 gozan da consideración de catalogados e un, a Seara da Abelleira, de censado. Como tales figuran tamén no PXOM de Castroverde con data de aprobación de 14/03/2008. DOG de 07 de abril de 2008. Son os seguintes

O Latadal. Denominada como Explotación mineira de Lotadal [sic], catalogada coa IDE_COPRA 40027422, IDE_ARQUEO GA27011084. Coordenadas. X: 642641.8986859831, Y: 4757356.685066963.

A Groba. Explotación mineira situada ao norte do lugar de O Couso. Figura catalogada coa IDE_COPRA 40027421, IDE_ARQUEO GA27011083. Coordenadas. X: 642435.1853093054, Y: 4758523.340399609.

A Azoreira. Denominada por Patrimonio Explotación mineira de Azareira [sic], catalogada coa IDE_COPRA 40027430, IDE_ARQUEO GA27011092. Coordenadas. X: 642149.6418678877, Y: 4758129.877513937.

A Raíz. A explotación mineira de A Raíz sitúase nas inmediacións do nacemento do rego da Abelleira e a súa delimitación ocupa unha extensión de dez hectáreas. Catalogada coa IDE_COPRA 40027420, IDE_ARQUEO GA27011082. Coordenadas. X: 641963.5010410722, Y: 4758856.634249396.

A Seara da Abelleira. Este xacemento arqueolóxico non ten a consideración de ben catalogado senón de censado como canle 3 co código de arqueo RE27011008. Sitúase na ladeira oeste da Serra da Lagúa nas coordenadas. X: 642218,768033, Y: 4759345,93277.

As Furadas. Esta explotación mineira encóntrase no monte A Moreira ao leste de Pereira e figura catalogada coa IDE_COPRA 40027432, IDE_ARQUEO GA27011094. Coordenadas. X: 641777.4361744369, Y: 4759430.719521119.

Monte do Torno. Situada na ladeira leste do monte deste nome, a carón do rego Riomol, está catalogada coa IDE_COPRA 40027439, IDE_ARQUEO GA27011101. Coordenadas. X: 641567.2585947126, Y: 4760083.034923142.

As Fusacas. Explotación mineira moi próxima ao castro de Pereira xa no límite coa parroquia de Riomol. O seu perímetro ten forma elíptica alongada de leste a oeste. Catalogada coa IDE_COPRA 40027441, IDE_ARQUEO GA27011103. Coordenadas. X: 640330.2012792468, Y: 4760240.857904111.

O Caboal. Situada no monte do mesmo nome, está catalogada coa IDE_COPRA 40027438, IDE_ARQUEO GA27011100. Coordenadas. X: 639665.5938521613, Y: 4759435.788247389.

A Paleira. Explotación mineira situada no monte do mesmo nome. Está catalogada coa IDE_COPRA 40027433, IDE_ARQUEO GA27011095. Coordenadas. X: 639032.3840896713, Y: 4757554.934182656.

Arrubial. Esta explotación mineira no catálogo de Patrimonio figura adscrita á parroquia de Furís, mais nós cremos que pertence á de O Páramo, tamén do mesmo concello de Castroverde. Está catalogada coa IDE_COPRA 40027434, IDE_ARQUEO GA27011096. Coordenadas. X: 640078.3982811804, Y: 4756760.798898661.

Monte A Cabanela 1. Explotación mineira situada a 750 metros do lugar de O Couso, na ladeira norte do monte A Cabanela e nas proximidades do Rego Arganal. Está catalogada coa IDE_COPRA 40027435, IDE_ARQUEO GA27011097. Coordenadas. X: 641636.8202536796, Y: 4757302.6867641825.

Monte A Cabanela 2. Explotación mineira situada na ladeira oeste do monte A Cabanela e nas proximidades dun pequeno rego que conflúe co Rego Agriado. Está catalogada coa IDE_COPRA 40027436, IDE_ARQUEO GA27011098. Coordenadas. X: 640962.8707567378, Y: 4756630.345487532.

Monte A Cabanela 3. Explotación mineira situada na ladeira oeste do monte A Cabanela a 500 metros de Furís de Abaixo. Está catalogada coa IDE_COPRA 40027437, IDE_ARQUEO GA27011099. Coordenadas. X: 640552.9253496852, Y: 4757381.002640484.

Castros mineiros?

Formulamos entre interrogante este apartado porque existen dúas interpretacións distintas do que se entende por castro mineiro. Desde hai pouco, diversos arqueólogos refírense con esta expresión a aqueles castros que, asentados a carón de explotacións mineiras, foron construídos utilizando a técnica hidráulica empregada para a extracción dos minerais. Nós preferimos entender por castros mineiros aqueles que foron habitados pola man de obra que realizaba os traballos nas minas da contorna. O arqueólogo L. F. López González clasifica os castros segundo a tipoloxía en mineiros e non mineiros se na súa construción se empregaron ou non técnicas hidráulicas propias destas explotacións. Entre os mineiros, inclúe os de San Miguel, A Condomiña, Penarrubia, Pedrafita, A Croa de Pereiramá, Quintela e O Reguengo.

Castros catalogados e censados na contorna de Penarrubia. Fonte: L. F. López González

Na superficie de 60 Km2, que vai, a ambos lados do monte Puñago, desde O Cádavo á ponte da estrada LU-710 que cruza o río Neira en San Miguel, Patrimonio ten catalogados estes 28 asentamentos castrexos. Trátase dunha alta densidade de poboamentos que explica tamén a concentración neste territorio da man de obra necesaria para as prospeccións e explotacións mineiras realizadas posibelmente desde tempos prerromanos e, sobre todo, posteriormente, durante os séculos I e II coincidindo coa expansión desta actividade impulsada polos conquistadores romanos. Na cunca hidrográfica do río Neira, o medio de asentamentos castrexos, de acordo cos cálculos do arqueólogo L. F. López González é de 217 nunha superficie total de 845 Km2, representa un medio de 2,56 núcleos de poboación por cada 10 Km2. Esta proporción case se duplica na superficie que ocupan os 28 castros existentes na zona xeográfica que nós expoñemos na táboa superior (4,66 castros por cada 10 km2).

Polo seu emprazamento, L. F. López González clasifícaos en sete tipos segundo se sitúen en zonas elevadas e destacadas (A), elevadas e menos destacadas sobre a contorna (B), promontorios naturais a media ladeira (C), emprazamentos en ladeiras sen illamento natural con pouco dominio visual (D), en cadeas rochosas a media ladeira (E), nas revoltas dos ríos e regos (F) e en pequenas elevacións en terreos chairos nos fondos dos vales (G). No emprazamento tipo D están os castros de Penarrubia, A Condomiña, Castrolanzán, Pedrafita, Quintá, A Frairía, O Reguengo, Guimarei e Arrubial.

O mesmo arqueólogo afirma que os castros mineiros son recintos con morfoloxía fortificada, cuxos traballos de delimitación se realizaron con técnicas distintas ás tradicionais, moi relacionadas coas empregadas na explotación aurífera. Trátase dun amplo grupo que se diferenciou na análise dos recintos por estaren relacionados, dun xeito máis ou menos directo, coa explotación aurífera romana. Se observamos a súa distribución xeral, vemos que ocupan maioritariamente o extremo oriental da zona de estudo. Estes poboados foron construídos na época na que se puxeron en marcha as explotacións mineiras romanas de ouro…

Estas terras da contorna de Penarrubia, como vemos pola cantidade de asentamentos constatados, estaban densamente habitadas e debemos ter en conta que os castros, desde os comezos da conquista romana, non eran os únicos poboados existentes tal e como nos refire o historiador Floro (séculos I-II d.C.) con estas palabras:

Hic finis Augusto bellicorum certaminum fuit, idem rebellandi finis Hispaniae. Certa mox fides et aeterna pax, cum ipsorum ingenio in pacis artes promptiore, tum consilio Caesaris, qui fiduciam montium timens in quos se recipiebant, castra sua, quia in plano erant, habitare et incolere iussit; ibi gentis esse concilium, illud observari caput. Favebat consilio natura regionis; circa enim omnis aurifera est et chrysocollae miniique et aliorum colorum ferax. Itaque exerceri solum iussit. Sic Astures nitentes in profundo opes suas atque divitias, dum aliis quaerunt, nosse coeperunt. (Lucius Annaeus Florus. Epitome rerum Romanarum… 2.33.12.60). (Así puxo fin Augusto ás guerras e á rebelión de Hispania. Pouco despois, xerouse a confianza e a paz duradeira como resultado tanto da natural predisposición das xentes para as artes da paz como das prevencións tomadas por César, quen, temendo a confianza que lles inspiraban as montañas aos nativos, ás que adoitaban retirarse, mandoulles ocupar e cultivar as chairas onde tiveran o seu campamento; instou a que a asemblea do país se celebrase alí e a que ese lugar fose considerado como a capital. As vantaxes naturais do lugar favoreceron o seu plan; pois toda a redonda é rica en ouro, en crisocola, vermellón e outros pigmentos; ordenou, por tanto, que se traballase a terra. Así os astures, traballando con esforzo nas profundidades para outros, coñeceron os seus propios recursos e riquezas).

Como sabemos, a conquista das terras que posteriormente conformarían a nosa Gallaecia realizouse en dúas fases. Este texto refírese á segunda delas, a etapa comprendida entre os anos 25 e 19 a d. C., auspiciada nos tempos do emperador Augusto e que desembocaría na denominada pax romana. Isto é, desde comezos da romanización, os habitantes destes lugares foron cominados a abandonaren os poboados situados nos montes para que baixasen ás chairas, cultivasen as terras e estabelecesen nestes lugares as sedes da organización social. A este acordo dos conquistadores cos conquistados chegouse, afirma o historiador Floro, sen oposición dos nativos e por interese dos colonizadores para conseguir a paz duradeira que permitise explotar as riquezas naturais do territorio en beneficio do Imperio.

Explotación dos xacementos

Época prerromana

Antes de as nosas terras seren conquistadas polos romanos, as lendas e os historiadores gregos situaron no extremo occidental europeo os lugares máis abondosos en ouro. Segundo o poeta Hesíodo (séc. VIII-VII a. d. C.), as deusas Hespérides gardaban mazás de ouro máis alá do Océano. Heródoto (séc. V a. d. C.) afirma que das Illas Casitérides proceden os produtos máis valiosos e que no norte de Europa é onde máis ouro existe. Estrabón (séc. I a. d. C.- I d. d. C.) di que as Casitérides, lugares ricos en estaño, están no mar aberto cara ao norte desde o porto dos ártabros e, verbo do ouro, di que os ríos “arrastran ouro e as mulleres cavan e, despois de quitar as partes máis grosas cunha especie de cesto entretecido, lávano en bateas”. O certo é que hai uns catro mil anos nas nosas terras xa se coñecía o ouro como nolo testemuñan o tesouro de Caldas de Reis, pertencente á Idade de Bronce galaica, composto por 36 pezas cun total de 14,9 kg de ouro de máis de 20 quilates e con concomitancias coas Illas Británicas, Irlanda, Bretaña e Centroeuropa, e o tesouro de Agolada, datado no Bronce Inicial ou no Bronce Antigo (1700-1600 a. C.), composto por unha gargantilla e dous brazaletes de ouro. De datación anterior á conquista romana da Gallaecia, tamén é o torque de Burela, peza de 211 mm de diámetro e 65 mm de lonxitude dos remates, cun peso de 1.812 gramos de ouro de 23 quilates, peso moi superior do que adoitan ter os torques castrexos.

A principios do primeiro milenio a. d. C., chegaron ás nosas terras os fenicios, despois viñeron os cartaxineses e os gregos atraídos pola riqueza mineral.

Na época castrexa prerromana (750 – 19 a. d. C.) xa se explotaba a minaría do ouro no noroeste peninsular segundo se constata nas pezas de ourivería achadas e nos testemuños que recollen as fontes clásicas. Nun primeiro momento, o metal extraíase de forma artesanal nos leitos e terrazas fluviais como nos informa Estrabón: ἐν δὲ τοῖς Ἀρτάβροις οἳ τῆς Λυσιτανίας ὕστατοι πρὸς ἄρκτον καὶ δύσιν εἰσίν ἐξαν θεῖν φησιν τὴν γῆν ἀργυρίῳ καττιτέρω χρυσίῳ λευκῷ ἀργυ ρομιγὲς γάρ ἐστι τὴν δὲ γῆν ταύτην φέρειν τους ποταμούς τὴν δὲ σκαλίσι τὰς γυναῖκας διαμώσας πλύνειν ἐν ἠθητηρίοις πλεκτοῖς ἐπὶ κίστην οὗτος μὲν (Entre os ártabros, que habitan nos confíns máis afastados do norte e do solpor de Lusitania, din que o solo ten pebidas de prata, estaño e ouro branco, mesturadas con prata. E esta terra, arrastrada polos ríos, as mulleres, despois de cavala cun sacho ou aixada, lávana en peneiras tecidas en forma de cesto). (Xeografía III 2,9).

Época romana

Coa chegada dos romanos, a actividade mineira experimenta tal grao de transformacións que configura a conquista e o posterior desenvolvemento histórico da propia Gallaecia.

Plinio (séc. I d. d. C.), escritor e militar romano, autor da Historia natural, sitúa as Casitérides fronte a Celtiberia, lugar que confina co Océano e recoñece que “vicena milia pondo ad hunc modum annis singulis Asturiam atque Callaeciam et Lusitaniam praestare quidam prodiderunt, ita ut plurimum Asturia gignat. Neque in alia terrarum parte tot saeculis perseverat haec fertilitas”. (Hai quen di que Asturica, Gallaecia[1] e Lusitania superan nun ano as vinte mil libras (20.000 libras = 6549 kg.) de ouro, de modo que Asturica produce a maior cantidade. E esta abundancia non se mantén durante tanto tempo en ningunha outra parte do mundo) (Plin. HN. XXXIII.78).

A Gallaecia foi a principal fornecedora de ouro do Imperio romano a partir da época do emperador Octavio Augusto (27 a. C. – 14 d. C.). Desde este momento até a caída do Imperio, investigadores do CSIC calculan que 190 toneladas de ouro foron extraídas na Gallaecia con destino a Roma. O valor desta cantidade, segundo a cotización actual, equivalería a 11.421 millóns de euros, isto é, a totalidade do orzamento da Xunta para un ano ou o 67,6 % das reservas de ouro do Banco de España. No século III d. C., durante os 27 anos en que reinaron os tres emperadores da dinastía Flavia (Vespasiano, Tito e Domiciano), estímase que o 7 % das riquezas de todo o Imperio chegaban a Roma desde a Gallaecia e que os centos de minas espalladas por este territorio producían unha media de sete toneladas de ouro cada un destes anos.

Dentro da riqueza mineira da Península Ibérica, foron as minas auríferas do noroeste Peninsular as que concentraron a atención dos emperadores debido, en grande parte, ás necesidades da política monetaria imperial.


[1] A Gallaecia como provincia do Imperio foi creada no século III despois de Cristo polo emperador Diocleciano. Desde este momento, intégrana os conventus Lucensis, Asturicensis e Bracarensis. Antes disto, Gallaecia estaba adscrita á provincia Tarraconense.

Moedas romanas

O aureus, acuñado en ouro, mantívose en vigor desde o século I a. d. C. até o ano 309 d. d. C. en que Constantino o substitúe polo solidus, tamén de ouro. Non obstante, estas moedas son pezas pouco frecuentes nos achados posteriores. Eran pezas de gran valor cuxa circulación se restrinxía a persoas de elevada categoría social fronte o bronce e a prata, de usos máis xeneralizados. O ouro procedente das nosas terras tiña sona pola súa calidade. O poeta Marcial refíreo nos seus Epigramas coas seguintes palabras:

Nec desunt tibi vera Gratiana, 
Nec quae Callaico linuntur auro,
Nec mensis anaglypta de paternis.
Argentum tamen inter omne miror
Quare non habeas, Charine, purum
.
Nin che faltan auténticos versos de Gratio,
nin vaixela recuberta de ouro callaico,
nin baixorrelevos nos móbeis de familia.
Mais, entre toda a túa prata
estráñame, Carino, que non a teñas de lei. (Epigramas IV. 39).
............
Quamvis Callaico rubeam generosa metallo,
Glorior arte magis: nam Myos iste labor.

Cincelada copa de ouro
nobre polo filón callaico, aínda que me dea rubor,
estou orgulloso fundamentalmente pola túa arte... (Epigramas XIV. 95)

O ouro na natureza

O ouro é un elemento moi inerte. Isto quere dicir que reacciona con poucos produtos químicos. Non se altera polo aire, a calor, a humidade nin a maioría dos axentes, aínda que se disolve en mesturas que conteñen cloruros, bromuros ou ioduros. Tamén se disolve noutras mesturas oxidantes en cianuros alcalinos e en auga rexia. Na natureza preséntase de dúas maneiras:

Nos depósitos primarios, o ouro aparece de forma natural nas vetas enchendo fendas nas rochas do terreo. Pode presentarse como pequenas partículas e grans, acompañando outros minerais como o cuarzo ou a pirita. Para extraelo destes depósitos faise necesario realizar escavacións a ceo aberto ou en galerías subterráneas. Tamén pode presentarse en depósitos secundarios creados por mor da meteorización, do transporte e da sedimentación. Neste caso, o ouro aparece depositado en aluvións en forma de lascas e pebidas nas areas fluviais xunto con minerais como o corindón. Son os chamados pláceres fluviais. A auga é o principal axente xeolóxico que permite a formación de concentracións secundarias de ouro. A forza hidráulica foi o método máis usado polos romanos nas nosas terras da Gallaecia. Para isto, nuns casos desviaron regatos e leitos de ríos e, noutros, provocaron a destrución de montes para, posteriormente, proceder ao lavado dos minerais para escoller o ouro.

Desvío do leito do río Sil para aproveitar as concentracións secundarias de ouro existentes
Gravado do túnel de Montefurado. La Ilustración Española y Americana. 15/10/1877

Como conseguían o ouro

No Libro XXXIII da Naturalis Historia, Plinio O Vello describe os métodos que se empregaban para a extracción do ouro. De forma introdutoria e breve indica …aurum invenitur in nostro orbe …tribus modis: fluminum ramentis, ut in Tago Hispaniae, Pado Italiae, Hebro Thraciae, Pactolo Asiae, Gange Indiae, nec ullum absolutius aurum est, ut cursu ipso attrituque perpo­litum. Alio modo, puteorum scrobibus effoditur aut in ruina montium quaeritur. (O ouro encóntrase no noso mundo de tres formas: …Nas labras dos ríos, como se fai no Texo na Hispania, no Po en Italia, no Hebro en Tracia, no Pactolo en Asia, no Ganxes na India. E ningún ouro é máis puro xa que se encontra moi puído pola propia corrente e polo desgaste producido polo roce. Por outra parte, escávase mediante pozos nas grobas ou ben se busca na derruba dos montes. HN XXXIII 66). Deseguido, explica con máis detalle cada un destes métodos.

1.- Aurum fluminum ramentis (o ouro das lascas dos ríos). Este ouro encóntrase nos depósitos fluviais en forma de pequenas lascas. Antes integraba vetas metálicas en combinación doutros elementos que, por mor dos axentes atmosféricos, se foron meteorizando e esfarelando polas correntes de auga. Este método, di Plinio, emprégase en todo o mundo e non hai ouro máis puro que o que se obtén desta maneira. Para facerse con el, segue dicindo Plinio, emprégase o segutilium ou segullum, isto é, o bateo da area, que se lava, e do material aurífero que resta dedúcese a estimación da existencia do xacemento nas proximidades.

Bateando no Rego do Cebeiral na procura das lascas de ouro. Debuxo de Lucía Gómez

Trátase, pois, dun método prospectivo, que dirían os analistas financeiros de hoxe, empregado para verificar de antemán se os intensos traballos de escavación nos terreos da contorna poden conducir á existencia de veas do cobizado metal.

2.- Aurum talutium (minaría superficial a ceo aberto): constitúe o segundo paso na procura do ouro. Os traballos realízanse fóra das canles dos ríos en terreos consolidados que se supoñen auríferos e nos que as terras subxacentes tamén o son. Para asegurarse da existencia é necesario cavar o terreo. Trátase dun método sinxelo porque consiste na extracción directa do metal sen necesidade de iluminación, como sucede nas galerías, nin de grandes obras de canalización de desaugadoiros. Por esta razón, esta minaría resulta moi rendíbel. Só require o esforzo da man de obra non especializada necesaria para despezar a rocha.

Minaría superficial a ceo aberto. Os Biocos. San Xoán de Río. Fotografía tomada da Galipedia

3.- Aurum canalicium (minaría en galerías subterráneas). Así o describe Plinio:

[68] quod puteis foditur, canalicium vocant, alii canaliense, marmoris glareae inhaerens, non illo modo, quo in oriente sappiro atque thebaico aliisque in gemmis scintillat, sed micas amplexum marmoris. vagantur hi venarum canales per latera puteorum et huc illuc, inde nomine invento, tellusque ligneis columnis suspenditur. (O ouro que se extrae a través dos pozos das minas chámase canalicium, outros din canalialense, porque está unido aos fragmentos de rocha de mármore, non como brilla o zafiro de Oriente e o de Tebas e outras xemas, senón unido a partículas da rocha de mármore. Estas vetas esténdense de aquí para alá polos laterais dos pozos, dos que recibe o seu nome e a rocha está sostida por piares de madeira).

[69] quod effossum est, tunditur, lavatur, uritur, molitur. farinam apilascudem vocant; argentum, quod exit a fornace, sudorem. quae e camino iactatur spurcitia in omni metallo scoria appellatur. haec in auro tunditur iterumque coquitur. catini fiunt ex tasconio; hoc est terra alba similis argillae, neque enim alia flatum ignemque et ardentem materiam tolerat. (O mineral que se retirou cavando esfarélase, lávase, quéimase e móese. Chámanlle apiláscude ao farelo resultante; á prata que se obtén pola acción do forno, chámanlle suor. A impureza de calquera mineral que expulsa o forno pola cheminea chámase escoura, que no caso do ouro é triturado e fundido de novo. Os crisois están feitos de tasconio, que é unha terra branca semellante á arxila, xa que ningunha outra terra resiste o lume avivado por unha corrente de aire ou materia ardente).

Para extraer o ouro con este método é necesario abrir galerías subterráneas. Aquí o ouro encóntrase adherido a outros minerais e , por isto, faise necesario sometelo a un tratamento para separalo da ganga e da escoura segundo nos describe con detalle Plinio o Vello. Nas serras do Porto, cerca desta cidade, encóntrase o Complexo mineiro de Valongo que contén máis de quince quilómetros de galerías subterráneas con 130 pozos de sección cadrada ou redonda, algunhas delas de até 80 metros de profundidade.

Galería mineira de Valongo no distrito do Porto

4.- Aurum arrugiae: As explotacións realízanse por medio da forza hidráulica sobre xacementos secundarios consolidados. Adoita usarse neste caso o método denominado ruina montium como se constata na explotación aurífera de Las Médulas.

As Médulas

Detemos a atención neste método empregado nas Médulas xa que esta explotación mineira constitúe o paradigma da grandiosidade que supuxo a remoción de 300 millóns de metros cúbicos de terra na procura do cobizado metal.

Perfóranse os montes con galerías sen saída ao exterior para debilitar a súa estrutura. Estas galerías inúndanse con auga acumulada en grandes estanques aos que fora conducida a través de canais desde regos e ríos afastados. O efecto da presión da auga sobre as paredes debilitadas do monte provoca o colapso e a inmensa masa mineral expándese pola contorna permitindo extraer o ouro e outros metais existentes. Veñen despois os traballos de separar o metal que se realizan nos lavadoiros.

Para isto, tamén utilizan as correntes de auga. Os romanos trataban os terreos auríferos mediante técnicas de lavado especialmente adaptadas aos distintos tipos de xacementos e á súa morfoloxía. Neste caso, o método que empregaban era similar ao que xa coñecemos do uso da batea: a auga, posta en movemento permite que o ouro se asente no fondo, en virtude da súa maior densidade, e os restantes materiais, máis lixeiros, son evacuados. Mais, para isto, eran necesarios traballos previos de trituración e moído dos minerais que posteriormente se colocaban nas canles de lavado polas que decorría a auga de xeito que as partículas de ouro ficaban no fondo do conduto mentres que os demais minerais eran desbotados.

Todos os entullos procedentes da destrución dos montes, do moído e do lavado do mineral acumulábanse en vertedoiros e moreas de pedras denominadas murias.

Plinio o Vello en Historia natural, Libro XXXIII 73-74, describe, moi graficamente, como se produce o derrubamento do monte e como, despois, se realiza o lavado dos entullos:

[73] Hic voce, nutu evocari iubet operas pariterque ipse devolat. Mons fractus cadit ab sese longe fragore qui concipi humana mente non possit, aeque et flatu incredibili. Spectant victores ruinam naturae. Nec tamen adhuc aurum est nec sciere esse, cum foderent, tantaque ad pericula et inpendia satis causae fuit sperare quod cuperent.

[74] Alius par labor ac vel maioris inpendii: flumina ad lavandam hanc ruinam iugis montium obiter duxere a centesimo plerumque lapide corrugos vocant, a conrivatione credo. Mille et hic labores: praeceps esse libramentum oportet, ut ruat verius quam fluat; itaque altissimis partibus ducitur. convalles et intervalla substructis canalibus iunguntur. Alibi rupes inviae caeduntur sedemque trabibus cavatis praebere coguntur.

[73] Este, con berros e xestos, ordena chamar os obreiros e el, igualmente, descende voando. O monte cae en pedazos cun longo estrondo que a mente humana non pode imaxinar e, así mesmo, prodúcese unha explosión de aire incribel­mente intensa. [Os mineiros], triunfadores, contemplan a destrución da natu­reza. Por agora, non hai ouro, do mesmo xeito que non sabían que existise mentres cavaban, mais a esperanza de atopar o que ansiaban era motivo suficiente para afrontar tantos perigos e custos.

[74] Outra tarefa igualmente laboriosa, que supón un gasto aínda maior, é a operación de levar previamente regatos ao longo de monta­ñas, frecuentemente a unha distancia de 100 millas, co propósito de lavar os restos deste colapso; as canles feitas para este fin chámanse corrugui, termo derivado, penso eu, de conriva­tione [unión de correntes de auga]. Isto tamén implica mil tarefas: o descenso debe estar nive­lado para provocar que a auga se precipite máis que flúa; e, deste xeito, é condu­cida desde altitudes moi elevadas unindo des­fila­deiros e vaguadas por medio de acuedutos sostidos por soportes. Noutros sitios intransitábeis, fenden as rochas e nelas, escavándoas, asentan toradas ocas.

Canle de lavado do mineral. Debuxo de Lucía Gómez

Zonas mineiras da Gallaecia

Segundo recolle Óscar Pazos Rodríguez en A invención da Gallaecia e a minaría do ouro, a comezos de 2022, o catálogo de Patrimonio da Xunta recollía nada menos que 535 xacementos mineiros romanos situados no actual territorio galego. A este catálogo hai que engadir varios centos máis ao norte do Douro en Portugal, en Zamora, León e mais en Asturias para completarmos o territorio da Gallaecia romana.

O. Pazos Rodríguez recompila na antiga Gallaecia vinte zonas xeo-mineiras do ouro comprendidas dentro do perímetro dos leitos dos ríos Douro, Esla e Sela

A máis coñecida destas zonas, situada no conventus da Asturica Augusta, é Las Médulas-Teleno pola impresionante paisaxe que se orixinou como consecuencia do sistema hidráulico empregado para remover 300 millóns de metros cúbicos de terra na súa explotación.

No sur da Gallaecia, sobresaen as zonas de Valongo e de Tresminas, ambas expresión da intensa minaría de ouro das que se conservan conxuntos monumentais formados polas cortas de explotación a ceo aberto e interesantes complexos de pozos e galerías subterráneas.

A extensa zona Ancares-Asturias é a máis abundante en vestixios de explotacións mineiras romanas. Na actualidade, en Salave, perto de Tapia de Casariego, a empresa canadiana Black Dragon Gold Corp, a través da súa filial Exploraciones Mineras del Cantábrico S.L. (EMC), posúe o 100% do proxecto aurífero que consta de aproximadamente cinco concesións mineiras e extensións asociadas que abarcan 662 hectáreas e un permiso de investigación anexo que comprende outras 2.765 hectáreas.

En Ribas de Sil é impresionante o complexo O Covallón, formado polas minas a ceo aberto de O Covallón, O Vogo e A Escrita e pola explotación subterránea do túnel de Augas Santas.

O Covallón. Fotografía de Eduardo González Clavijo. 2018

Non moi lonxe, en Montefurado encontramos outra das maiores obras de enxeñería romana: para desviar o Sil, deixando seca unha revolta do río de dous quilómetros e medio, furaron o monte de plena rocha creando un oco 120 metros de lonxitude por 19 de ancho e 17 de alto.

Gravado do túnel de Montefurado. La Ilustración española y americana. 15/10/1877

Nas Terrazas do Miño, Áridos do Mendo, dedicada á investigación, extracción e beneficio de recursos mineiros e á fabricación de formigóns, é a única empresa que extrae ouro de todas as que foron explotadas polos romanos.

En Cabana de Bergantiños, despois dos romanos, as minas de Corcoesto foron explotadas no último terzo do século XIX até 1910 en que a empresa inglesa The Sagaste Gold Mine Ldt. as abandonou. Na actualidade, Mineira de Corcoesto, filial da multinacional canadiana Edgewater Exploration, solicitou a concesión para a que a Xunta aprobou en 2013 a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto que consistía na explotación mineira a ceo aberto durante oito anos para mobilizar uns 72 millóns de m3 de terra para extraer 30 toneladas de ouro mediante o uso de arsénico e cianuro agravando, deste xeito, a contaminación existente desde a explotación realizada no século XIX. Despois das múltiples protestas dos veciños afectados, a Xunta rexeitou o proxecto non por causas medioambientais senón de solvencia económica e técnica da multinacional Edgewater, quen recorreu á arbitraxe da Comisión para o Dereito Mercantil Internacional da ONU, entidade que desestimou as súas pretensións. Mais, a Declaración de Impacto Ambiental aprobada previamente pola Consellaría de Medio Ambiente segue vixente na actualidade e, se esta empresa resolver as causas financeiras e técnicas, no suposto da presentación dun novo proxecto, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente podería aceptar os plans da multinacional canadiana.

Zona de Penarrubia

Penarrubia encóntrase na zona 18, etiquetada xeoloxicamente como Lousas de Cándana. Este grupo, segue dicindo Pazos Rodríguez, está integrado por 42 vestixios mineiros catalogados polo Servizo de Patrimonio da Xunta. Xeolóxicamente, as terras de Penarrubia encóntranse na Zona Asturoccidental Leonesa e pertencen ao período Cámbrico inferior da era paleozoica datado entre 542 millóns e 488 millóns e 300 mil anos atrás.

Zona xeolóxica Asturoccidental Leonesa á que pertence Penarrubia

Se prestamos atención ao mapa xeolóxico, constatamos que Penarrubia se sitúa nunha faixa estreita de xistos piritosos que se ensancha en dirección norte cara ao Vilar e Valdería. Polo leste, sitúase unha faixa máis ancha de bancos de cuarcitas con mestura de xistos da serie Cándana superior que se interrompe nas lindes da parroquia de Furís, onde comeza a zona de xistos con intercalacións areniscosas ou cuarcíticas da serie Cándana media.

Mapa xeolóxico da zona

Desta zona de Penarrubia, O. Pazos Rodríguez afirma que tradicionalmente foi explotada como fonte de ferro con coñecidas mineralizacións poli-metálicas de chumbo, arsénico e outros e que a primeira noticia moderna de ouro foi en 2015 “dando así confirmación xeolóxica parcial ás evidencias arqueolóxicas”. Este xeólogo, non obstante, indica que non todos os indicios da minaría da antiga Gallaecia sexan de ouro.

A febre do ouro

A minaría romana no século III d. C. caracterízase por un rápido descenso da actividade extractiva. A ausencia de mantemento das infraestruturas existentes, a falta de organización e de control por parte do fisco imperial, a recesión económica, os cambios da situación da man de obra, os condicionantes externos derivados da inseguridade por mor das incursións dos pobos xermánicos nos lindes do decadente Imperio, a nova organización social a través das civitates… provocan o retroceso paulatino da minaría.

A reforma do sistema monetario promovida por Constantino a principios do século IV reforzou as moedas de ouro (solidus) e prata (siliqua), que ficaron reducidas ao pagamento dos impostos, mentres que a moeda de cobre xeneralizouse para o tráfico económico xeral inmerso nunha galopante inflación.

Extinguido o Imperio romano, na Alta Idade Media perduran algunhas explotacións de ouro con métodos menos eficientes que os empregados anteriormente e a produción vai en constante declive. As economías de Europa, ao tornárense locais e agrarias, reducen a necesidade dunha moeda universal como era o ouro. Isto provoca tamén a decadencia do comercio con Oriente pola ausencia da solvencia que ofrecía este metal para as transaccións. A partir do século XV, a economía monetaria avanza progresivamente estimulada polo auxe do comercio. A esixencia de moeda para as transaccións faise imprescindíbel na sociedade, o que se traduce nunha demanda cada vez maior de medios de pagamento en metálico. Porén, a finais do século XV o ouro escaseaba en Europa.

A febre dos conquistadores

Na conquista e colonización do continente americano, a procura de ouro e prata é o principal estímulo para a expansión por eses territorios e para sufragar desde a metrópole o control militar da inmensa xeografía colonial. A sede de ouro para financiar exércitos e para satisfacer cobizas persoais provocou vagas de expedicións posteriores a 1492.

Gonzalo Fernández de Oviedo (1478-1557), nomeado por Carlos I cronista das Indias en 1532, afirma sen disimulo “que los que vienen [a América] buscan enriquecimiento y nadie navega tantas leguas por amor del alma, sino para sacar de necesidad y pobreza su persona lo más presto que ellos puedan”. O tamén cronista Cieza de León (1520-1554) exprésao coa mesma sinceridade: “El conseguir oro es la única pretensión de los que vinimos de España a estas tierras.” Con non menor claridade exprésao o dominico frei Bertolomé de las Casas na súa obra Brevísima relación de la destruición de las Indias (Sevilla, 1552): La causa por la que han muerto y destruido tantas y tales y tan infinito número de ánimas [de indios] los cristianos ha sido solamente por tener por su fin último el oro y henchirse de riquezas en muy breves días y subir a estados muy altos y sin proporción de sus personas conviene a saber: por la insaciable cudicia y ambición que han tenido, que ha sido la mayor que en el mundo ser pudo, por ser aquellas tierras tan felices y tan ricas, y las gentes tan humildes, tan pacientes y tan fáciles a sujetarlas, a las cuales no han tenido más respeto ni dellas han hecho cuenta ni estima…”

Os conquistadores atoparon ouro na illa La Española xa en 1494. Os tentáculos imperiais estendéronse polo continente. Só no primeiro medio século da conquista, das Américas extraéronse máis de 100 toneladas de ouro. Na conquista de México, Hernán Cortés concentrou os obxectivos na procura deste metal. A superioridade en armas, as tácticas bélicas agresivas e absolutas e o uso dos aliados locais proporcionaron aos conquistadores a vitoria e o control definitivo do imperio azteca. Pedro de Alvarado dirixiu a brutal conquista dos maias en Guatemala. Pizarro saqueou Perú. Hernando de Soto explorou América do Norte até o río Mississippi. Buscaban riquezas de todo tipo, desde esmeraldas até peles exóticas, pero o material máis cobizado era o ouro.

Os indíxenas víronse sometidos a traballos baixo o sistema de encomenda, que daba ao seu titular o dereito a utilizar a man de obra local de balde a cambio de ofrecer un grao nominal de seguridade e a seren educados os habitantes na relixión cristiá. As enfermidades e a explotación laboral reduciron a poboación local.

O ouro procedente de América, a mediados do século XVI, duplica a cantidade que deste metal existía en Europa. Estas cantidades seguiron aumentando grazas ás novas explotacións mineiras do Vicerreinado de Granada (actual Colombia, Ecuador e Venezuela), con barcos que arribaban cada ano a Sevilla unhas 4 toneladas de ouro. Por isto, a explotación da minaría aurífera na Península ficou en abandono. Conforme van chegando os metais á Península desde América, a minaría vai decaendo e, no século XVII, a decadencia é total.

Wilhelm P. D. Schulz

En 1835, o enxeñeiro de minas Wilhelm P. D. Schulz publica Descripción geognóstica del Reyno de Galicia, na que recoñece a existencia de ouro en diversos lugares da nosa xeografía. Esta descrición está estruturada en tres partes. Na terceira, cita os diferentes puntos de interese para a explotación mineira e para a localización doutras industrias.

Mapa Petrográfico del Reyno de Galicia 1834. Wilhelm P. D. Schulz

Coa divulgación destes datos, son moitas as concesións que se solicitan procedentes de particulares e de empresas. Trátase de exploracións rudimentarias nas que se empregan métodos obsoletos.

Empresas británicas

Varias compañías británicas foron creadas para explotar minas existentes nas colonias do seu imperio, mais tamén dirixiron este propósito a España e Portugal. Para este cometido servíronse de persoal cualificado e de equipos de minaría de fabricación propia.

Inicialmente, as empresas foron identificadas a partir dunha relación do Mining Journal (Londres) desde 1830 até 1920. Despois dese período houbo unha redución significativa do interese mineiro británico en España xa que un Real decreto de 1921 restrinxiu a actividade, xestión e equipamentos mineiros principalmente a empresas españolas e a persoas e maquinaria de orixe local.

Nos Informes diplomáticos e consulares de comercio e finanzas dos anos 1890-1909 elaborados desde o distrito consular de A Coruña, recoñécese a riqueza de minerais existente na Galiza e, en concreto, para a provincia de Lugo dise o seguinte: O ouro atópase por toda a provincia de Lugo, e é ben sabido que no río Sil as mulleres e os nenos gañan a vida lavando as areas para recoller os grans de ouro, e calcúlase que cada persoa gaña de 1 a 2 pesetas diarias. Unha empresa belga estivo recentemente explorando o distrito. Don Juan Varela, de Lugo, e don Antonio Vázquez, de Pontevedra, pediron extensas solicitudes a ambos lados do río e entraron en negociacións cunha empresa británica por 80.000 l, pero dise que estas negociacións fracasaron. En Becerreá tamén traballa e explota minas con moita actividade a Lugo International Explorations Syndycate Limited. En Valle de Oro, Ría de Foz e Espiñeira, nas proximidades de Vivero, existen vestixios de investigacións realizadas hai moitos anos, e o enxeñeiro de minas alemán Schulz afirmou que debeu de ser nestes lugares onde os romanos atoparon o ouro que, segundo a historia, levaron desta parte de España. Varias empresas británicas solicitan concesións para realizaren exploracións na Galiza a finais do século XIX e primeiros do XX. Entre elas, citamos aquelas que o fan na a provincia de Lugo

The Victoria Gold Mining Company

A importante The Victoria Gold Mining Company, creada a mediados do XIX con traballos de explotacións auríferas en Australia e no resto das colonias do Imperio británico, debeu de ser unha das primeiras compañía en solicitar concesión para a explotación das minas auríferas denominadas La Romana e La Victoria situadas no concello de Quiroga. Descoñecemos os labores mineiros desta empresa, mais si sabemos que, o 22 de agosto de 1898, o BOP de Lugo publica o edito no que se comunica que esta sociedade ten ao descuberto o pagamento do canon por superficie e que se lle concede un prazo de quince días para que o satisfaga. En caso contrario, procederase á venda das expresadas minas.

Lugo International Exploration Syndicate Ltd

Esta empresa solicita concesión para realizar exploración en tres propiedades: 229.71 acres para as denominadas Eva (12 hectáreas), Paquita (20 hectáreas), Nicolasa e Mercedes; 296.4 acres para Anita (20 hectáreas) e Río Navia e 74.1 acres para Eugenia Olga. A concesión desta última constaba de 30 pertenzas[1] de minerais de aluvións auríferos situados en terras de Constantín e fora adquirida inicialmente polo francés Felix Prot de Viéville. No BOP de Lugo de 31 de maio de 1900 publícase a providencia pola que se admite o rexistro desta mina. No BOP de 3 de agosto de 1901, publícase a circular pola que se citan os implicados para realizar a demarcación das 30 hectáreas que comprende. O BOP de 7 de maio de 1902 publica a circular na que se invita aos propietarios das terras afectadas, con relación de nomes, apelidos e tipo de predio afectado, a que fagan uso do dereito de preferencia a explotar esas pertenzas porque así llelo recoñece a lei. A febre polo ouro neste caso durou pouco, pois no BOP de 30 de abril de 1904 xa se publica a admisión da renuncia a explotación destas minas.


[1] Pertenza. É a unidade de medida mineira coa que se designa o terreo que dispón dunha autorización oficial específica para a exploración e explotación dos minerais ou rochas contidos no seu solo ou subsolo. Tanto a lei de minas de 1868 como a de 1944 definía a pertenza como «un sólido de base cadrada de cen metros de lado, medidos horizontalmente, e de profundidade indefinida». Na actualidade, o termo empregado para este mesmo concepto é cuadrícula mineira, volume de profundidade indefinida cuxa base superficial queda comprendida entre dous paralelos e dous meridianos, cuxa separación sexa de vinte segundos sexaxesimais, que deberán coincidir con graos e minutos enteiros e, no seu caso, cun número de segundos que necesariamente haberá de ser vinte ou corenta. As cuadrículas mineiras son indivisíbeis e non poden superpoñerse. O seu tamaño sitúase entre 27 e 28 hectáreas.

Cabrera Mines Ltd

Esta compañía, con sede en Londres, alén de contar con concesións para minas de ouro, ferro e chumbo no Bierzo, tamén figura na Base de datos de empresas mineiras británicas rexistradas constituídas para adquirir e traballar minas en participación con Gold-Northwest Spain, con Olvido Syndicate Ltd e con Lugo Goldfields Ltd.

Dome Mining Corporation Ltd.

Descoñecemos a cantas concesións mineiras optou, mais sabemos que nos BOP de Lugo de 13 de novembro de 1931 e de 8 de novembro de 1934 se publican sendas notificacións nas que se informa de que esta empresa concesionaria da mina ¿Ourueca?, radicada nesta provincia, se encontra ao descuberto no pagamento do canon de superficie por importe de 600 e de 780 pesetas respectivamente. Esta compañía foi posteriormente adquirida pola Dredging Development Corporation Ltd da que non conseguimos ningunha información sobre as súas actividades na Galiza.

The Montefurado Gold Syndicate

Concédeselle poder realizar operacións de recoñecemento en 26 hectáreas da zona de Quiroga (BOP 13/05/1909).

Felicidad Gold Company Ltd.

En decembro de 1908 constitúese en Londres esta compañía con capital social de 1.120.000 libras para a explotación dos aluvións auríferos do río Sil en Montefurado. As concesións teñen por nome Maria de los Angeles (100 hectáreas sobre o antigo leito do río) e Felicidad (63 hectáreas sobre o leito actual) en sociedade con Monteferado Gold Syndicate).

Outras empresas inglesas

Na base de datos que manexamos tamén se inclúen as empresas Gallicia Mining Company Ltd e Spanish Industries Ltd, esta con concesións en Pontevedra, Ourense, Lugo e León. O escritor, enxeñeiro e explorador británico Albert Frederick Calvert (18721946), en 1903 publica no seu libro de viaxes Impressions of Spain que as empresas inglesas dispoñen de “dezasete concesións mineiras na provincia de Lugo, que acadan a superficie total de 2.148 hectáreas, a maioría delas situadas nas beiras dos ríos Sil, Miño e os seus afluentes”.

Da empresa Gold-Northwest Spain, citada nesta base de datos, non conseguimos obter ningunha información. De Olvido Syndicate Ltd sabemos que se asociou con Lugo Goldfields Ltd.

Outros solicitantes de concesións

Son numerosos os solicitantes de explotacións mineiras non ingleses dos que temos datos. O noso veciño da parroquia de Penarrubia, Antonio Correa, o médico de A Pena (Neira de Xusá, Baleira, Guitiriz) é un deles como indicamos noutro lugar. Se lemos as solicitudes que se realizan nos primeiros anos do século XX, podemos constatar moitas páxinas do BOP de Lugo con contidos como este de 1902:

BOP de Lugo do 4 de outubro de 1902 no que se publican concesións minerias a numerosos solicitantes

O madrileño Leandro Carbonell (solicita 58 pertenzas de ferro na mina Santiago situada en Vilar de Ousón, Morcelle, Valiña Chaodevila e Horta no concello de Becerreá e nas minas Niño Jesús e Santa María no concello de Pedrafita), os vascos Julián de Saracho Llamosas (pertenzas de ferro situadas en Samos, O Incio e en Mercurín no Courel) e Pascual de Isasi Isasmendi (Riotorto, Trabada, Rego da Grandela en Mondoñedo, Cervantes…); a poderosa empresa Real Compañía Asturiana fabricante e distribuidora de ferros, zinc e chumbo xa en 1873 e 1874 solicita concesións de mina de ferro e de chumbo, entre elas a chamada Rosa situada na Fonsagrada e varias outras (Monte da Cova en Ribadeo, Pilar de santa María de Son en Navia de Suarna…), a sociedade mercantil, financeira e axencia de transportes marítimos Hijos de Marchesi Dalmau, con sede en A Coruña, tamén obtén concesións mineiras (mina Isabel en Cervantes); Ramiro Martínez (Láncara e Neira de Xusá). E moitos máis son os solicitantes de concesións mineiras.

A Lugo Goldfields Ltd en Becerreá

Desta sociedade temos información polos datos que nos ofrece a Revista minera, metalúrgica y de ingenería, ano LIII, Tomo LIII, publicada en Madrid en 1902, que se pode consultar en The University of Illinois Library.

Lugo Goldfields Ltd, con sede en Londres, celebrou a súa primeira xunta xeral, logo da súa constitución en 1901, nos primeiros días de marzo do ano seguinte. Preside esta empresa o inglés Jorge [sic] Lyman. Forman parte da Comisión Delegada en España os señores Yermo, de Bilbao, e os señores Carlos Saro e Jorge Mowinckel, de Santander. A Sociedade fora constituída para explotar tres grupos de concesións mineiras situados en Becerreá. Un era o Eva-Paquita, con cuarzo piritoso, que contén un filón de cuarzo aurífero e pirita, con 2.700 metros de percurso. Afirma que a concentración do mineral é fácil. A outra mina é a Anita, cuxo filón, de 4.000 metros de longo, contén pirita de cobre, galena, cinc e ouro, e está máis mineralizado.

Finalmente, a Compañía conta cunha concesión de aluvións de minas de ouro co nome Eugenie-Olga. Para estas tres minas fóralle outorgada con anterioridade concesión de pertenzas en 1900 a Félix Prot de Viéville, francés domiciliado na cidade de A Coruña. Eva-Paquita sitúase en Vilar de Ousón e ten como punto de partida da súa delimitación “a porta que dá entrada á casa do Monte, de don Antonio López” (BOP 21/05/1900). Anita localízase en Igón, concello de Cervantes. A terceira delas, Eugenie-Olga, de aluvións auríferos, estaba localizada en Baralla ao lado sur da estrada Lugo a Madrid (BOP 05/05/1900). En abril de 1904 (BOP 25/04/1094), a empresa inglesa Lugo Goldfields Ltd adquírelle a Prot de Viéville as concesións destas tres minas. Unha vez que se fai pública a noticia de que en Becerreá hai minas de ouro que vai explotar unha compañía inglesa, o optimismo expándese na contorna e en toda a provincia. Así presenta os feitos o xornal El Regional. Diario de Lugo o día 19 de setembro de 1901.

El Regional. Diario de Lugo. 19/09/1901

Cando aínda non comezaran os traballos e tan só se realizaran simples exploracións que “xa dan emprego a 140 homes, que pronto aumentarán en moitos máis”, Becerreá entra na era da prosperidade e reborda o entusiasmo. Aínda máis, para a eficaz explotación destas minas e doutras que existen na contorna, tamén está en proxecto a construción dunha liña de ferrocarril que enlace, na Pobra de San Xiao, coa do Noroeste. Estas explotacións mineiras tamén atraeron a admiración no Reino Unido. O mesmo Albert Frederick Calvert describe estas minas explotadas pola Lugo Goldfields da seguinte maneira:

Albert Frederick Calvert. Impressions of Spain. 1906. Texto orixinal na columna da esquera e tradución á dereita

Quen adquiriu inicialmente as concesións foi o francés Prot de Viéville de quen sospeitamos que se dedicou a acaparar amplas extensións de superficie coa finalidade da revenda pois solicitara varias pertenzas máis en Baleira, Castroverde, As Nogais, Cervantes…, entre elas tamén tiña a concesión da mina Río Navia no mesmo lugar de Igón, lindeira con Anita, e da mina La Reunión, situada en Marcelle. O certo é que Prot de Viéville en anos posteriores é declarado incurso en prema por débedas tributarias por non satisfacer o canon de concesións mineiras. Mais, antes de que isto sucedese, o enxeñeiro monsieur Prot de Viéville tamén tivo tempo de proxectar unha liña de tranvía eléctrico que conectase Becerreá con Ribadeo pasando por Laxosa, Lugo, Rábade, Vilalba, Lourenzá e Mondoñedo. (El Correo de Lugo. 25/09/1900).

Nunha das primeiras xuntas xerais, o xerente da Lugo Goldfields Ltd eloxiou o persoal que tiña a Sociedade e repasou o traballo realizado até agora nas minas, principalmente en Eva-Paquita. Tamén se tratou na Memoria a enerxía hidráulica, da que dixo que podería ser case ilimitada e que os proxectos xa estaban feitos e as concesións solicitadas. Como dixemos, a noticia da inminente explotación destas tres minas de ouro en Becerreá inundou de optimismo toda a comarca.

Mais, o que se afirma nos informes que se ofrecen nas xuntas parece ser que non convence algúns dos membros e pronto xorden disensións. Como lemos no xornal La Atalaya de Santander, os accionistas de The Lugo Goldfields Limited reúnense na Cámara de Comercio desa capital na que, parece ser, o señor Saro dirixiu unha circular aos demais accionistas indicando a conveniencia de eliminar os plans de traballo nalgunhas das minas, que non merecen, na súa opinión, máis investigacións, e solicita o aprazamento do pagamento do terceiro dividendo pasivo, xa anunciado, até que fose designado un enxeñeiro de confianza para que realizase unha visita de inspección. Despois dunha discusión entre os señores Saro e Díaz e o xerente, Sr. Layman, levantouse a sesión sen acordo. Para esixir aos accionistas o terceiro dividendo pasivo, fronte ás pretensións dos ingleses, o grupo español amosou o desexo de que enxeñeiros españois interviñesen nas operacións que se estaban realizando, ou polo menos, que se emitisen informes sobre o bo uso das cantidades postas a disposición dos técnicos ingleses. Esta pretensión é abertamente rexeitada pola Compañía Inglesa, que ameaza coa caducidade a quen non pague o dividendo nos prazos legais. Conclúe o xornalista La Atalaya con estas palabras: “Sen coñecer a historia secreta deste asunto, ocórresenos que unha intervención que debería ser demandada cando se constituíu a Sociedade se solicita algo tarde”. Por máis que o persoal inglés apoie a súa negativa en motivos de honra profesional, non é totalmente tranquilizador para os demais accionistas a falta de franqueza e cordialidade que implica non satisfacer as demandas dun grupo de accionistas aparentemente bastante importante. Conclúe a noticia publicada no xornal: “se ben se estaba satisfeito coa súa xestión, non parece que se deba impedir ao grupo español recibir informes elaborados por enxeñeiros de confianza”. Neste ambiente de desconfianza, varios inversores venden as súas accións e publican na prensa as súas decisións.

El Norte de Galicia. 28/10/1902

Os poucos traballadores que foran contratados deixan de cobrar e realizan folga. Tanto Prot de Viéville como o xerente Layman comezan a renunciar a moitos dos dereitos mineiros que tiñan concedidos e no Boletín Oficial da provincia de Lugo tamén se publican varias dilixencia de prema por falta de pagamento do canon das concesións das tan celebradas minas pouco tempo antes. Mais, tanto o francés como o inglés regresaran aos seus respectivos países. Aquí nada posuían e as débedas acumuladas vanse incrementando cos xuros de mora. A prensa, que antes zumegaba eloxios e optimismo por tan beneficiosos proxectos, mantense calada. Aquelas prometedoras explotacións mineiras ficaron enterradas na escuridade máis profunda dos campos de ouro da comarca dos Ancares.

Renuncias e embargos

A febre mineira entra en devalo. Por un lado, solicítanse concesións e, por outro, ao cabo de pouco tempo, eses mesmos solicitantes renuncian aos dereitos outorgados. As leis de minas contemplan que os solicitantes ou titulares de permisos de exploración, permisos de investigación e concesións de explotación poden renunciar en calquera momento a todo ou parte das pertenzas solicitadas ou concedidas.

No BOP de Lugo dos primeiros anos do século XX son moitas as publicacións de renuncias totais de dereitos mineiros concedidos con anterioridade. Unha causa pode ser que os concesionarios chegasen á conclusión da falta de rendibilidade das súas pertenzas. Pero, o máis probábel fose que as renuncias se debesen aos impostos que había que satisfacer pola superficie da concesión outorgada.

Estes impostos, no último terzo do século XIX e principios do XX, experimentaron moitas variacións. As leis mineiras e os seus regulamentos sucedíanse con cambios frecuentes. Como norma xeral, establecíanse dous tipos de impostos: un deles era o canon de superficie, trimestral ou anual, que impoñía unha cantidade fixa, nuns casos por hectárea e noutros por pertenza, que era preciso satisfacer houbese ou non extracción de minerais. Así, a Lei de 28 de marzo de 1900, reguladora do Imposto sobre a propiedade mineira, estabelece un canon anual de 15 pesetas para as minas de pedras preciosas e criadeiros de substancias metalíferas, exceptuando as de ferro, de 6 pesetas nas de ferro e demais substancias da segunda e terceira sección e de 4 pesetas nas de hulla, lignito e antracita. O segundo imposto fixa como cantidade a correspondente a unha porcentaxe que oscilaba entre o 2 e o 3 por cento sobre o valor do material extraído.

O feito de que os canons de investigación e de exploración houbese que pagalos malia non existir explotación nin beneficios supuxo que moitos solicitantes renunciasen a este tipo de concesións, como sucede, por exemplo, coa adquisición de 18 pertenzas de mineral de ferro, de título Dositeo no lugar do Rego dos Biduedos da parroquia de Guimarei (BOP 06/02/1902) e de 20 pertenzas de pirita de ferro co título de Gonzalo situadas no Reguendo, parroquia de Vilachambre (BOP 08/03/1902), ambas do concello de Neira de Xusá, por parte de Enrique López Dorado, veciño do lugar do Latadal. Dous meses despois da primeira das concesións, o solicitante presenta renuncia dos dereitos mineiros outorgados (BOP 10/04/1902). Tamén son frecuentes os editos que se publican no BOP, sobre todo a partir de 1908, nos que se notifica a celebracións de poxas de embargo por mor de dereitos mineiros non satisfeitos á Facenda pública.

Embargo a Enrique Gallet Artigue. BOP 29/12/1909

No caso da imaxe, trátase dun embargo por falta de pagamento do dereito de minas correspondente a catro trimestres de canon de superficie por importe de 14.000 pesetas, unha cantidade moi elevada se temos en conta que, a principios de século, a dotación salarial anual dunha cátedra universitaria ascendía a 3.500 pesetas. Do titular desta concesión dise que é veciño de Boucan, Francia, situación que vai impedir a execución desta débeda.

O médico Correa

Do noso veciño de A Pena o médico Antonio Correa, xa informamos da súa faceta mineira neste mesmo blog. Nos primeiros anos do século XX son numerosas as solicitudes de concesións mineiras que realiza, unhas veces de ferro e outras de pirita de ferro.

A pirita (ou pirita de ferro) é o mineral de sulfuro máis abundante na terra. O seu aspecto brillante e dourado tradicionalmente confundiu os buscadores de fortuna e, por isto, foi coñecido co alcume do “ouro dos parvos”. A pirita (FeS2) concentrou a atención porque é o segundo mineral hóspede máis común para as especies de ouro. Esta asociación de minerais presenta unha complexidade diversa, xa que o ouro adoita estar diseminado nun tamaño moi fino (0,1 a 1,0 µm), o que require condicións extremas de trituración e/ou oxidación para liberar o metal e procesos de cianuración altamente contaminantes para o medio ambiente. É dicir, a obtención de ouro, nestes casos, non se consegue cavando e apañando pebidas como se fai en Penarrubia cando se apañan as patacas no mes de setembro senón con métodos moi agresivos que destrúen a natureza e acaban destruíndo tamén a saúde das persoas que a habitan.

O médico Correa tivo continuador nos proxectos mineiros no seu fillo Juan Antonio Correa Calderón quen, na segunda metade da década dos cincuenta, tamén realizou exploracións mineiras nas terras da parroquia de Penarrubia, concretamente na zona do Barrancal e As Veigas nas que, medio século antes, seu pai solicitara a concesión administrativa de 22 pertenzas de pirita de Ferro. Así nos recorda Manolo de Moreno en que consistiron aqueles traballos e como remataron:

Na actualidade

As exploracións e as explotacións mineiras prerromanas e romanas realizadas durante séculos hai dous mil anos na nosa terra e as frustradas de hai pouco máis de cen anos teñen continuidade no presente.

Segundo a lexislación actual, Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, cando unha empresa cre que existe un recurso mineiro nunha zona determinada, solicita un permiso de exploración (para realizar estudos superficiais) ou de investigación (para realizar prospeccións e utilizar maquinaria). O permiso de exploración só precisa da aprobación da administración mineira, xa que non hai ningún impacto no terreo e habilita para realizar estudos e recoñecementos nos recursos mineiros das Seccións C e D, sempre que a técnica empregada non altere substancialmente a configuración do terreo. O permiso de investigación tamén precisa da autorización da administración ambiental e da autoridade competente en patrimonio porque o terreo será perforado con maquinaria pesada. Temos que saber que dúas empresas volveron solicitar concesións para continuar na procura de ouro nestes mesmos lugares.

Mineira de Corcoesto S.L.

No ano 1989 (5/31/1989) solicitou a concesión de exploración (expediente LU/C/05772) para nunha extensa superficie de 2.100 cuadrículas mineiras, que equivalen aproximadamente a 56.700 ha. Dez anos despois, o 3/20/1998, foille outorgada a concesión, que estivo en vigor até o 3/24/1999. Con data de 2/9/2001 foi declarada a súa caducidade.

Xeograficamente, polo norte parte de Cubilledo e cara ao sur comprende as terras do Alto do Cerredo na Serra do Hospital, a Serra do Pozo, o Alto da Fonteneira, Pousada, Camporredondo, Penarrubia, San Martín, San Miguel, Constantín, Vilarpunteiro, Sixirei e Lexo até as proximidades de Vilaesteva de Herdeiros, xa no concello de Láncara. Polo centro e leste esténdese por terras de Baleira, A Fonsagrada, Cervantes, Becerreá e As Nogais. Da empresa Mineira de Corcoesto xa dixemos que é filial da multinacional canadiana Edgewater que acadara concesión de explotación de ouro no lugar de Corcoesto, no concello de Cabana de Bergantiños.

Goldquest Ibérica, S.L.

GoldQuest Ibérica é unha filial enteiramente participada da canadiana GoldQuest Mining Corp., empresa dedicada á identificación, adquisición e exploración de propiedades minerais. A Compañía Está centrada no ouro e o cobre na República Dominicana. Segundo constatamos aquí, tamén pretende os mesmos obxectivos na Galiza. En nota de prensa publicada o 19 de xullo de 2011, GoldQuest Mining Corp. afirma que a mina Lago supón un recurso mineral de 4,04 millóns de toneladas cun 5,30% de chumbo (Pb), 6,50% de zinc (Zn) e 41 g/t de prata (Ag), que contén máis de 470 millóns de libras de Pb, 577 millóns de libras de Zn e 5,3 millóns de onzas de Ag., ao que se lle calcula un recurso mineral inferido de 4,67 millóns de toneladas cun 4,44% de Pb, 5,40% de Zn e 32,0 g/t Ag que contén máis de 456 millóns de libras de Pb, 555 millóns de libras de Zn e 4,8 millóns de onzas de Ag.

Lago III

A principios de xaneiro de 2011, esta empresa solicita da Xefatura Territorial da Xunta en Lugo permiso de investigación para 15 cuadrículas mineiras, denominadas Lago III, situadas nos montes de Fontarón en dirección sur seguindo o curso do Río do Carballal, o Teso da Lomba, a Serra de Vilamane, Pedrelada, Acevedo, Caldoval e Foncova até chegar ás proximidades de Sarceada. Asígnaselle o número de expediente LU/C/06058.

Entre as liñas azuis, situación da solicitude Lago III no mapa catastral mineiro de Galiza

Lago

No DOG de 17 de agosto de 2011 figura o anuncio da Xefatura Territorial de Lugo da Xunta polo que se fai público que se outorga o permiso de investigación denominado Lago (expediente 6053) para os recursos da sección C que se concretan en cinc, chumbo, prata, cobre e outros situados no termo municipal de Becerreá e indícase que a superficie delimitada comprende sesenta e oito (68) cuadrículas mineiras, que equivalen, engadimos nós, a unhas 1.836 ha. Non comprendemos como a Administración competente concedeu, de forma excepcional, permiso de investigación para unha superficie 4,5 veces superior (68 cuadrículas mineiras) ao máximo que se fixa na lexislación galega en vigor (15 cuadrículas): “no caso de permisos de investigación, a autoridade mineira non outorgará extensións superiores a quince cuadrículas mineiras, agás supostos excepcionais debidamente xustificados e motivados por razón da tipoloxía do recurso que se investiga, das melloras técnicas dispoñibles, da súa natureza estratéxica ou do seu interese para a economía galega” (art. 28.1 b. da Lei 3/2008).

Lago II

Posteriormente, no DOG de 28/06/2013, publícase o Acordo do 19 de febreiro de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública a solicitude do permiso de exploración mineira Lago II, número 6056.

Solicitante: Goldquest Ibérica, S.L. Domicilio social: rolda Norte, 7 piso 23-A (Torre de la Rosaleda), 24400 Ponferrada (León).

Denominación: Lago II.

Número: 6056.

Situación: concellos da Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá.

Cuadrículas mineiras: 396.

Recurso: cinc, cobre, ouro, prata e chumbo.

A designación do terreo é a seguinte:

Vértice Lonxitude             Latitude

1 -7° 09’ 00”                       42° 54’ 00”        

2 -7° 13’ 00”                       42° 54’ 00”        

3 -7° 13’ 00”                       43° 05’ 00”

4 -7° 09’ 00”                       43° 05’ 00”

Remata o anuncio da Xefatura Territorial de Lugo advertindo que todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examinar o expediente e presentar as súas alegacións nesta xefatura territorial, situado na rolda da Muralla 70, 27071 Lugo, no prazo de trinta días, a partir da última publicación. No mapa catastral mineiro figura a seguinte delimitación da concesión da superficie  de exploración outorgada a esta empresa.

Situación do permiso de exploración mineira Lago II

Toponimia mineira

Os nomes con que designamos a realidade da contorna non son caprichosos. Serven para identificar cada lugar pola súa morfoloxía, pola cor, a altitude, a vexetación, etc. Os topónimos na historia van conformando a natureza, o relevo, os cursos de auga e as relacións de cada sociedade coas actividades que realiza. Na súa orixe, cada topónimo mantiña unha clara relación semántica co lugar a que se refería. Co paso do tempo, xa non somos conscientes de que moitos deles manteñen aínda un significado que se corresponde coa realidade de tempos pasados. As actividades humanas que se realizaron na natureza adoitan gardar relación con topónimos que aluden a eses feitos. Isto é o que sucede cos lugares vinculados ás explotacións mineiras. Topónimos que sinalan accidentes xeográficos como A Groba, Murias, Couso, Cavorco, As Pozas, Montefurado, A Furada, A Furna, As Covas, As Medas, Pedra Furada, Pena Tallada, etc. poden referirse a escavacións ou a cavidades naturais nalgúns casos, mais noutros sinalan actividades humanas que gardan relación coa minaría. O mesmo sucede cos topónimos derivados do vocábulo aurum latino como Ourol, Louro, Valadouro, Douro, Ourense, Fazouro.

Groba

En Penarrubia, dous dos tres xacementos arqueolóxicos relacionados coas explotacións mineiras romanas manteñen o topónimo groba: As Grobiñas e A Groba da Curuxa. As Grobas, en plural, e A Groba, en singular, tamén identifican respectivamente predios situados, polo sur, a carón do castro e na agra das Panás. Non moi lonxe, na parroquia de Cascallá, existe un xacemento mineiro censado co mesmo topónimo de Groba da Coruxa (X: 646432 Y: 4752580) e, en fronte, na parroquia de Furco, volvemos encontrar o topónimo A Groba (X: 648637 Y: 4750175) para designar outro xacemento mineiro. Xa no norte, na Abelleira, parroquia de Furís, sucede o mesmo coa explotación mineira A Groba.

Os escritores clásicos latinos usaban o substantivo feminino scrobisis co significado de foxo, cavidade de forma cóncava que se practica no terreo cun pico ou outro instrumento. Plinio O Vello, cando describe a técnica da ruina montium usada para a extracción do ouro emprega esta palabra en ablativo do plural —alio modo, puteorum scrobibus effoditur aut in ruina montium quaeritur—. O mesmo uso encontrámolo noutros escritores latinos: os foxos a que se refire o substantivo scrobis identifican accións humanas e non accidentes naturais (Virxilio, autor das Xeórxicas, así o mostra en numerosas ocasións: …haec quoque, si quis / inserat aut scrobibus mandet mutata subactis, / exuerint siluestrem animum, cultuque frequenti / in quascumque uoles artis haud tarda sequentur. Xeórxicas 2, 47-52). Segundo as leis da fonética histórica, do vocábulo latino scrobem non podería xerarse o galego groba por ausencia no resultado do ‘e’ protético de apoio ao s- *esgroba, como sucede con speculu > espello. O máis probábel sexa que a nosa ‘groba’ se orixinase desde unha posíbel forma coloquial ou do baixo latín *grovula co mesmo significado ‘escavación, exploración mineira ‘ e con variantes como Grobas, Grobo, Engroba, As Grobias.

Valintrobo

O outro topónimo que identifica o terceiro xacemento arqueolóxico catalogado por Patrimonio é Valintrobo, un vocábulo composto de dous substantivos: Val + trobo. Valín procede do diminutivo vale(m) + o sufixo diminutivo –inus > valiño, valín no galego oriental que caracteriza a fala de Penarrubia, que fai referencia a unha pequena depresión do terreo. ‘Trobo’ tamén en se refire a un furado ou espazo co seu interior baleiro e designa os habitáculos circulares para as abellas feitos con cortiza de sobreira ou co tronco escavado dun carballo, dun castiñeiro ou doutra árbore. Etimoloxicamente, parece derivar da base indoeuropea *treb– construción de madeira, edificio, vivenda. Segundo Edelmiro Bascuas, isto permitiría interpretar este topónimo como colmea, mais tamén como vivenda, aldea, lugar. En bable recibe o nome de truébanu, o que permite pensar nun paso intermedio latino *trobanu. A solución que presenta C. García González parte do vocábulo latino t ŭ b ŭ l u s, que significaba ‘canalis, fístula per quam aqua, aut fumus aut calor exigue permeat’. Desde o punto de vista semántico, esta proposta encaixa perfectamente co significado que ten o noso ‘trobo’ de espazo co seu interior baleiro. Foneticamente, segundo García González, de t ŭ b ŭ l u > tob’lo por perda da postónica e, por rotacismo (l > r) e metátese > ‘trobo’, como sucede, por exemplo, en r e s t i p u l a > ‘restreba’.

Murias

Este topónimo está moi vencellado ás obras hidráulicas da minaría romana dado que identifica os amoreamentos de coios e doutras rochas procedentes das explotacións.

No leste do Latadal, zona na que existen xacementos arqueolóxicos auríferos, a carón do Rego do Xuvento, encóntrase o marco de Murias no cumio do monte do mesmo nome a 935 metros de altitude, nunha das cotas máis elevadas da Serra do Puñago. Marca os límites administrativos polo suroeste do concello de Neira de Xusá co de Castroverde e tamén os da parroquia de Penarrubia coa de Furís.

J. Concepción Suárez, no Diccionario etimológico de toponimia asturiana, Ediciones KRK 2007, indica que unha muria en asturiano é unha zona de pedras, entullos ou pedregais e tamén un montón de pedras; outras veces indica que as pedras poden proceder dun simple paredón ou dunha cabana ou de vivendas abandonadas. Cabeza Quiles, F., en Toponimia de Galicia, Vigo 2008, Galaxia, cita a voz Murias, recollida nos Ancares leoneses, co significado de morea de pedras soltas. En Asturias e Santander, muria significa tamén valado de pedra, parede. Procede do latín *mura, feminización de muru(m), forma latina que, á súa vez, estaría creada sobre os lexemas prelatinos mor-r / mur, morena, rocha, monte. A presenza do iod epentético pode explicarse por influencia asturiana como acontece en acurtiar, empedriar, segundo explica C. Longo Viejo en Etnotoponimia de las tierras situadas entre las rías d’Avilés y d’Aboño. Morala Rodríguez, J. R., en Toponimia de la comarca de Los Oteros, Universidad de Oviedo 1987, páx. 764, indica que Muria en zonas de León significa fito, marco entre asentamentos de poboación ou de predios, significado que se constata xa no ano 999: Per illo laco usque in illa foce de Ualle Uiride et de illa penna de illas murias usque in illa penna de coba Bella… (en Ruiz Asensio J. M. Colección documental del Archivo de la Catedral de León. 775-1230. III (986-1031) CSIC-CECEL. León. 1987.

O couso

Probabelmente proceda do latín c a p s u m, acusativo do substantivo capsus, que, entre outras acepcións, tiña a de “cavidade, oco para reter animais salvaxes’. Na actualidade, a RAG define o vocábulo ‘couso’ con este mesmo significado: “Buraco a modo de trampa, que se prepara no monte para cazar animais, sobre todo lobos”. No Estraviz, a definición é máis coincidente aínda: “Fojo rodeado de um muro de pedra que se faz para caçar o lobo metendo nele uma ovelha para que o animal desça para a comer e depois não tenha saída”. Con este sentido encontramos o vocábulo na Historiae Romanae do escritor Caius Velleius Paterculus (19 a. C. – c. 31 d. C) …et quemadmodum clausa capso aliove saepto diversi generis animalia nihilo minus separata alienis in unum quodque corpus congregantur. Co mesmo significado interpretamos a súa presenza neste texto medieval de 1.179 da Colección documental do mosteiro de Santa María de Meira para situar un predio que se vende no lugar de Xixín, Crecente, A Pastoriza, entre o río Miño, que abeira estas terras, e o foxo alí existente. …ut facerem uobis kartam uenditionis de tota mea hereditate que habeo in Gigin ex parte matris mee illo riuo et capsum (Madrid, A. H. N., Clero, Lugo, Meira, leg. 745/P-26. CODOLGA). Foneticamente, a evolución desde capsum> couso non segue o comportamento habitual do paso do grupo consonántico -ps- > s por asimilación regresiva como sucede en ipse > ‘ese’, gypsu > ‘xeso’; mais, como indica Manuel Ferreiro no §93 da súa Gramática histórica galega, existen casos en que a evolución -ps- diptonga por equivalencias coa vocalización do grupo -ks-: capsellu > ‘couselo’, capsu > ‘queixo’, capsa > ‘caixa’.

Epílogo

O filósofo Heráclito (544-484 a. C.) na súa máxima χρυσὸν γὰρ οἱ διζήμενοι γῆν πολλὴν ὀρύσσουσι καὶ εὑρίσκουσιν ὀλίγον, que traducimos como «quen busca ouro cava moito e saca pouco», dinos que a natureza esconde unha segunda realidade que algúns humanos son incapaces de descubrir e outros queren ocultar. Esta dificultade para coñecer a harmonía que subxace no mundo visíbel convida a un comportamento que vai máis alá do coñecemento inmediato e que fai necesaria a separación dos ámbitos en que se mostra a natureza: un plano manifesto, sensíbel, e outro oculto para o que se precisa un nivel distinto de aprehensión. Se nos movemos tan só polo coñecemento sensíbel, aparente, procuraremos o «carto fresco» en detrimento da propia natureza e de nós mesmos. Seguidores do primeiro dos métodos son, entre outros, a canadiana Edgegawater co seu plan mineiro en Corcoesto; a portuguesa Altri, coa pasteira nas Terras da Ulloa; a australiana Galicia Tin & Tungsten, coa mina de volframio de San Finx; a tamén canadiana Strategic Minerals Europe, coa mina de coltan de Penouta e mais as autoridades políticas que aproban as correspondentes declaracións de Impacto Ambiental malia os efectos devastadores que provocan.

Relacionados...

Suso de Moreno

12 de outubro 2024 Hoxe quedamos sen ti, Suso de Moreno. Sabemos que loitaches con forza e con optimismo até os últimos

Parque eólico Serra do Puñago

En datas recentes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu unha resolución pola que suspende cautelarmente o inicio das obras do

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario