Achado en 1905
En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893 a 1909, deron a coñecer a existencia dunha ara votiva romana, que posibelmente se encontrase como mocheta nunha porta ou fiestra da casa que esta familia posuía en Papín.
Pola información que se publica no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense dos meses de xaneiro-febreiro de 1906, tío e sobriño comunicaron a existencia deste achado romano ao daquela cóengo da catedral de Lugo Manuel Lago González, a quen lle entregaron dúas copias en papel. Lago González, á súa vez, envioulle a Ourense unha destas copias ao clérigo historiador e arqueólogo Marcelo Macías, quen realiza o estudo epigráfico e describe os elementos desta peza romana. Temos que corrixir, en cambio, a Marcelo Macías verbo da confusión que realiza en relación co topónimo de Pepín (parroquia de San Xiao de Cazás, concello de Xermade) co Papín da parroquia de Penarrubia onde se descubriu esta ara. A ara, moi estragada, foi depositada no Museo Provincial de Lugo onde se conserva.
Descrición
Con forma de prisma rectangular, mide 0,50 m. de alto por 0,22 m. de largo e 0,17 de ancho. Presenta o aspecto tripartito clásico deste tipo de epígrafes: base, fuste e ático.
A súa base é irregular posibelmente a causa das modificacións que sufriu para ser adaptada como mocheta na construción en que se encontraba.
O ático consta de dous toscos baquetóns separados por unha incisión transversal que non ocupa toda a anchura da pedra. O seu coroamento carece dos foculi, elementos que adoitan encontrarse en moitas das aras votivas.
O fuste contén o elemento principal da ara: a lenda epigráfica, que repite unha formula consagrada en toda a extensión do imperio romano. Estrutúrase en tres partes: [1] os deuses aos que se dirixe o voto, [2] o nome da persoa que o realiza e o [3] ex voto, que alude ao cumprimento do compromiso de levantar esta ara por parte da oferente.
Carece foculi, pequenas cavidades colocadas na superficie superior do ático para prender nelas o lume mentres se realizaban as ofrendas.
Quen realiza o voto chámase Placidina. Mais, descoñecemos os favores que os Lares Viais lle concederon a esta muller. Unha das causas habituais de agradecemento consistía na liberación dunha enfermidade. No voto existe un compromiso entre a persoa que o realiza e a divindade. Esta satisface a oferente mediante a súa intervención benéfica, que pode consistir na curación dunha enfermidade ou na protección divina dos seus familiares e transeúntes, converténdose a persoa favorecida nun voti reus ou voti damnatus ou condemnatus mentres non solvet votum, isto é, mentres non se libere do compromiso de erguer a ara. Do mesmo xeito que os exvotos de acción de grazas ofrecidos aos santos polos crentes cristiáns, estas dedicatorias mostran a forza da fe romana nos seus deuses.
As aras votivas
As aras viais, como esta de Papín, adoitan ser de pequenas dimensións e colocábanse chantadas na súa base á beira dos camiños e nas encrucilladas. A palabra latina ara significa “altar”, isto é, pedra elevada na que se realizan sacrificios á divindade de forma pública ou privada, solemne ou sinxela. Na parte superior da ara depositábase a ofrenda que se dirixía aos deuses e nesta superficie adoitaban situarse os foculi.
Están dedicadas aos deuses menores dos camiños e das encrucilladas [Laribus Vialibus]. Durante a época da república (509 a. C – 27 a. C), estes deuses, denominados Lares Compitais, protexían as familias das enfermidades e as sementeiras dos agros. Desde o emperador Augusto, os Lares Viais encargábanse tamén de protexer os viaxeiros que transitaban polas vías que comunicaban os inmensos territorios do Imperio.
A maior concentración de aras votivas dedicadas a estas divindades que se conservan localízanse nos conventi Lucensis, Bracarum e Asturum da Gallaecia. Co edito do emperador Teodosio do ano 392, ficou prohibido o culto aos deuses Lares Viais. A cristianización adaptou os antigos cultos romanos aos da nova relixión substituíndo as aras por templos e outras construcións de carácter relixioso como os cruceiros.
A Vía XIX e a “cidade” de Pedreda
A Vía XIX
O achado en Papín dunha ara dedicada aos Lares Viais indica que por este lugar ou polas proximidades pasaba unha vía romana. Na Gallaecia, o Itinerario Antonino menciona a existencia de tres rutas principais (as vías XVIII, XIX e XX) e unha serie doutras secundarias que derivaban delas. Das tres, a XIX unía Bracara Augusta con Lucus Augusti e, segundo os últimos estudos, desde esta última cidade pasaría por Furís, descendería pola Barrosa cruzando o Val de Neira de Rei onde atravesaría o río Neira pola Ponte dos Mazos, en cuxas proximidades se encontraría a mansión de Timalino, e proseguiría cara Asturica Augusta por Furco e O Cereixal, Oselle, cruzando o río Navia, onde se localizaría a mansión Ponte Naviae.
A “cidade” de Pedreda
Sempre se falou da existencia en tempos pasados dunha populosa poboación situada na Agra de Pedreda nas terras de A Condomiña. O médico de A Pena Antonio Correa Fernández, no mes de decembro de 1896, publicou no xornal católico El Lucense un artigo titulado La ciudad de Pedreda. Recoñece que, malia non existir probas da existencia de tal cidade, corren voces desde tempos inmemoriais na contorna que falan de tal asentamento habitado por máis de tres mil almas. Segue dicindo que nas leiras desta agra acháronse alicerces de casas, habitacións verdadeiras lastradas de tixolos, como unha que se encontrou hai pouco cuxos ladrillos foron empregados para lastrar fornos de cocer o pan. Encóntranse, así mesmo, diseminados por todo o referido labradío grande porción de anacos de ladrillo, algúns de forma caprichosa, e restos tamén de vasillas de barro e outros utensilios de épocas antigas. Tamén se di que antes de agora foron encontrados obxectos de valor de uso vario. O historiador e arqueólogo Vázquez Seijas, en 1967, coincide coas afirmacións de Antonio Correa cando, na páxina 242 do tomo IV de Fortalezas de Lugo y su provinvia, indica que na Agra de Pedreda foron achados restos romanos consistentes en “materiais construtivos, ladrillos, tégulas, fragmentos de cerámica… e algunhas moedas de ouro e prata”. Gómez Vila sospeita que neste lugar podería situarse a mansión de Timalino baseándose en cálculos de distancias do Intinerario Antonino e nas características da Condomiña para a ubicación desta poboación romana: “O lugar elixido (A Condomiña) presenta todas as vantaxes para este tipo de asentamento: ampla terraza fluvial moi apta para cultivos agrícolas, protección do vento do norte, curso fluvial a escasos metros, unha ampla visibilidade de toda a contorna e, ademais, unha excelente zona para actuar como ligazón viaria.” Por isto, o mesmo Gómez Vila cre que a ara de Papín “quizais estea relacionada co paso da vía antoniniana XIX-XX un pouco máis ao sur pola zona da Condomiña e cun posible ramal que desta vía partiría cara ao norte pasando pola zona de Penarrubia”.
Algúns elementos arquitectónicos de factura romana foron reaproveitados posteriormente nuns casos para usos particulares e noutros para seren acoplados en construcións de carácter relixioso. Alén da ara votiva de Papín que serviu de mocheta nunha casa particular, podemos citar outros elementos de posíbel procedencia romana. Así é probábel que suceda co cruceiro da Condomiña, moi cerca onde se cre situada a “cidade” de Pedreda.
Como nos indica Xabier Moure, este cruceiro asenta sobre un fuste liso e unha base, ambos os dous de granito, probablemente de época romana. Nel podemos constatar elementos arquitectónicos clásicos no pedestal e no fuste monolítico de sección cilíndrica en contraste coa pobreza e ausencia de factura da cruz. Que se trata dun conxunto para o que se aproveitaron pezas existentes noutros lugares parece indubidábel, pois non respecta a estrutura dos cruceiros: carece de baseamento, o pedestal presenta formas alleas á tipoloxía xeral e está desprovisto de capitel no asentamento da cruz.
Nós tamén sospeitamos que varios elementos do antigo púlpito da igrexa de Penarrubia, actualmente arrombados na beira do arco occidental da torre, tamén formarían parte dalgunha construción romana.
Bibliografía
Arias Vilas, Felipe; Le Roux, Patrick; Tranoy Alain: Inscriptions romaines de la province de Lugo. Centre Pierre Paris. De Boccard. 1979.
Gaytan de Ayala Indart, Irene: El culto a los Lares Viales en la provincia de Hispania Citerior. Facultade de Filosofía e Letras. Universidade de Cantabria. 2021.
Gómez Vila, Javier: Vías romanas de la actual provincia de Lugo. Tese de doutoramento. Universidade de Santiago. 2005.
“Dedicatorias a los Lares Viales en la provincia de Lugo”. En revista Gallaecia, nº 23. Páxinas 135-154. 2004.
Moure Salgado, Xabier: Patrimonio galego. En Columna romana na Ponte de Neira | Patrimonio Galego
Colectivo Patrimonio dos Ancares: https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/
Rodríguez Colmenero, Antonio; Ferrer Sierra, Santiago; Álvarez Asorey, Rubén D.: Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico. (Conventos Bracarense, Lucense e Asturicense). Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela. 2004.
Vázquez Seijas, Manuel: Fortalezas de Lugo y su Provincia. Junta del Museo Provincial de Lugo, Tomo IV. 1967. Páx. 242. Reedición facsímil (1997).