Biografía
Antonio Correa Fernández naceu o 3 de abril de 1862 na casa de Correa da Pena, freguesía de Penarrubia. Seus pais foron Andrés Correa Valcárcel e Teresa Fernández Pin, falecidos ambos na primeira infancia do noso biografado. O padriño de bautismo foi seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Furís e, posteriormente, desde 1893 a 1909, de Penarrubia. El será inicialmente o seu preceptor e, con posterioridade, quen lle abra as portas da formación sufragándolle os estudos medios e universitarios. Na persoa de Antonio Correa Fernández conflúen vínculos familiares de tres familias fidalgas que habitaban casas contiguas na Pena: El, da casa de Correa, é o marido de Filomena Calderón López, da casa de Caldeiro, e tamén é curmán de Ramón Correa Montenegro, fillo este de Manuel Correa Núñez e de María Josefa Montenegro Santiso.
A familia Correa dispuña de dúas casas na parroquia, unha no lugar de A Pena, situada a carón da de Montenegro xusto no soar que hai na intersección do camiño que continúa cara a Papín co que conduce a Val. A outra casa da familia estaba en Papín, ao norte da Leira do Coto. Na década dos anos cincuenta, a da Pena, xa en estado medio ruinoso, estivo habitada por unha familia de caseiros que pronto abandonou o lugar. A de Papín pasou por distintos propietarios e actualmente está restaurada en bo estado de conservación.
Antonio Correa estudou bacharelato en Lugo e realizou estudos de Medicina en Compostela licenciándose en 1888. Ao ano seguinte, acadou o doutoramento con cualificación de sobresaliente en Madrid coa tese Hospitalización de los Tísicos o Tuberculosos pulmonares.
Iniciou o exercicio como médico na veciña freguesía de Furís onde era párroco seu tío e padriño Antonio Correa Valcárcel. Aquí asina, en novembro de 1891, o prólogo do Ensayo de topografía médica de la provincia de Lugo, publicado ese mesmo ano pola Imprenta El Regional. En 1894 exerceu como médico na Pena, o seu lugar de nacemento, segundo comprobamos no Boletín Oficial de la Provincia de Lugo de 25 de xaneiro de 1895. En agosto de 1889 temos constancia por anuncios de prensa de que xa pasaba consulta en Lugo en horario de 10 a 12 pola mañá e de 3 a 5 pola tarde, atendendo de balde os pobres os sábados pola tarde. En 1900 concédeselle a patente para o exercicio da profesión nesta cidade, onde se instala definitivamente na praza Bispo Izquierdo nº 1, actualmente Campo Castelo. En 1906 foi nomeado Subdelegado de Medicina[1] do partido xudicial de Lugo. Faleceu nesta cidade en setembro de 1907.
Como afirma Carlos González Guitián na súa tese de doutoramento Bibliografía médica gallega del siglo XIX, Antonio Correa constitúe unha excepción no panorama dos médicos galegos: Pertencía ás Reais Academias de Medicina e Cirurxía de Madrid e Barcelona, publicaba en prestixiosas revistas médicas da época, como El Siglo Médico. Fóra do ámbito da Facultade de Medicina, é o médico de Galiza que máis publicou. A súa topografía posibilitoulle ingresar na Real Academia de Cirurxía de Barcelona.
Casou con Filomena Calderón López, filla do fidalgo Manuel Calderón Franco-Díaz (1838-1928) da veciña casa de Caldeiro. Deste matrimonio descenden cinco fillos: Isaac (1893-1975), Asunción (1896-1951), Evaristo (1899-1986), Jesús (c. 1900-?) e Juan Antonio (1907-1962) Correa Calderón.
Isaac naceu en Furís cando seu pai exercía de médico nesa freguesía. Asunción e Evaristo naceron na Pena coincidindo co período en que seu pai traballaba neste lugar e Juan Antonio xa naceu na cidade de Lugo a comezos do mesmo ano en que morre seu pai.
De Jesús descoñecemos a data exacta do seu nacemento, mais sabemos que en 1900 xa nacera pois nese ano foi editado o libro Historia fin de siglo… e o seu nome figura na dedicatoria que o autor realiza desta obra á súa esposa e os seus catro fillos existentes nese momento. Ignoramos que foi da vida de Jesús a partir da segunda metade da década dos cincuenta en que deixa de haber pegadas súas nas hemerotecas consultadas. Andrés J. Bonet Merten, bisneto de Antonio Correa, na páxina web dedicada á súa avoa Asunción, a pintora Choncha Bonet, ignora a existencia deste fillo do matrimonio Correa-Calderón. Del sabemos que se licenciou en Medicina no ano 1927 e que aprobou o exame para o ingreso no Corpo Médico da Mariña civil e que, por isto, realizou travesías oceánicas ao servizo de distintas compañías internacionais de navegación. Por testemuño do seu sobriño Antonio Bonet Correa, sabemos que formou parte da tripulación do mítico transatlántico inglés Queen Mary e que prestou servizos na navieira alemá Hamburg Amerikanische Packetfahrt Actien Gesellschaft. Por dúas cartas que se intercambian en setembro de 1956 e abril de 1957 Francisco Leal Insua e Lois Tobío Fernández, exiliado este en Montevideo, sabemos que Jesús Correa Calderón era gran amigo e que actuaba como correo para o envío de libros e outros encargos entre os exiliados en América e os intelectuais do interior. Tamén temos referencias de que realizaba o mesmo cometido con encargos de Maruja Mallo no período de exilio da pintora en Buenos Aires.
Obra
De contido médico
Alén da Topografía médica e da tese de doutoramento xa mencionadas, publicou Estudio médico de los Insectos nocivos al hombre (1894); Tratamiento a que debe someterse a los delincuentes desde el punto de vista de la higiene social (1898), que acadou o Premio da Academia de Hixiene de Cataluña; Los pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso (1899); El trabajo y la salud. Influencia recíproca de estos factores en la duración de la vida humana (1907), premiado pola Sociedad Española de Higiene.
Dos libros que incluímos neste apartado médico, o titulado Los pecados y vicios capitales en el concepto médico, social y religioso ten menos de contido científico que moral. Dedicado ao bispo Benito Murúa López, está estruturado en vinte e dous capítulos nos que o autor enumera os pecados capitais e os vicios desde a súa óptica profundamente católica e conclúe identificando os coidados da alma a través da práctica da relixión cos do corpo que realizan os médicos, pois “…siempre que la ciencia señala y reprueba los excesos y los vicios de las acciones humanas, no hace más que extender el reino de Dios por medio de las buenas costumbres, higienizando á la vez nuestra manera de vivir…”
De contido literario
En 1888, no seu último curso da carreira de Medicina, publica no xornal El Lucense en formato folletín a novela Los contrastes de la vida[2]. Esta faceta como escritor foi obxecto de acedas críticas por alguén baixo o pseudónimo Lucas Ayarragaray no semanario satírico ilustrado compostelán Café con gotas: “…no estoy conforme con el señor Correa, porque si bien es, o puede ser, un excelente estudiante de medicina porque posea condiciones o aptitud, carece de éstas como escritor, y verdaderamente es de malestar que se malgaste de manera lastimosa cerebro mejor dispuesto para otra cosa…” O mesmo crítico reproduce algunhas das frases que o autor de Penarrubia expón no traballo Moisés según Voltaire y según la ciencia, publicado tamén en El Lucense: “Apartemos la vista de las páginas de las obras de ese espíritu del averno porque están escritas en el fango de la villanía y dictadas por el vicio y la mentira. Consideremos a Voltaire como el hombre más criminal, como un embustero, como un pretencioso que es lo peor que puede haber, como el más grande calumniador que graba sus satánicas bufonadas en la hiel de la inmoralidad y la depravación…”
En 1906 publica no xornal monárquico La Idea Moderna (1889-1919) La poesía popular en Galicia. Colección de cantares en variedad de metros que non conseguimos consultar.
Outros contidos
En 1899 participa no Congreso Católico Nacional de Burgos e publica as memorias da súa intervención, que se integran na sección de propaganda deste acto. Un dos seus apartados trata de “los medios y forma de realizar la unión sincera de los católicos españoles y un nuevo proyecto para la propagación del catolicismo y aniquilamiento de las falsas religiones”.
Historia fin de siglo (1900), edición financiada con 500 pesetas pola Deputación, na que realiza a descrición histórico-xeográfica da provincia de Lugo, coas biografías dos seus habitantes máis notábeis do último terzo do século XIX, entre estes os persoeiros lucenses do momento (o propio Presidente da Deputación que financia a edición, o director do Instituto de Ensino Medio, os ex-presidente e presidente da Audiencia Provincial, o delegado de Facenda…).
A cabalo da medicina e da literatura, en 1905 escribe o discurso Las ciencias médicas en tiempo de Miguel de Cervantes que o Colexio de Médicos de Madrid dedicou a este escritor, publicado nese mesmo ano baixo o título Sesión solemne que el Colegio de Médicos de la provincia de Madrid dedicó al inmortal Miguel de Cervantes Saavedra. (Páxinas 203-221).
Xornalista
Antonio Correa colaborou en varios xornais de ideoloxía conservadora católica editados en Lugo. Sendo estudante universitario comezou colaborando en El Lucense. Diario católico de la tarde, onde publicou numerosos artigos de divulgación científica. Tamén colaborou en La Idea moderna. Diario democrático de Lugo e en El Regional.
Xunto con Evaristo Cela Losada fundou e dirixiu o semanario El Monitor de Becerreá. Defensor de los intereses generales y locales de la región oriental de la provincia de Lugo y sus limítrofes. A duración desta publicación foi efémera, pois o seu primeiro número apareceu o 13 de xaneiro de 1900 e deixou de publicarse en 1901. No medio, os propios fundadores cederon as rendas do xornal a Manuel J. Lema González como director e ao barallés Odón Moreno Mouriz como redactor.
Antonio Correa “O Mineiro”
Alén de médico, escritor, xornalista e católico propagandista, Antonio Correa tamén foi promotor de explotacións mineiras en diversos lugares da provincia e, sobre todo, nas terras de Neira de Xusá, Becerreá, Castroverde, Begonte e Guitiriz. Este interese foi herdado polo seu fillo Juan Antonio, quen, a mediados do pasado século, tamén realizou sen éxito prospeccións mineiras en diversos lugares da freguesía de Penarrubia.
Froito desta dedicación é a publicación, en 1900, Minas de la provincia y ferrocarriles más económicos para su explotación, libro en que, segundo referencias pois non conseguimos consultalo, realiza unha descrición sobre as posibilidades de explotación dos recursos minerais existentes na provincia e incide na necesidade da construción de vías férreas para a condución dos materiais extraídos até os puntos de embarque para a súa comercialización e exportación.
Nos últimos anos do século XIX e primeiros do XX, nalgunhas comarcas do leste da provincia de Lugo existiu unha auténtica febre mineira nomeadamente relacionada coa explotación de ferro. Coincidiu isto coa existencia de xacementos deste metal e co impulso propiciado polos investimentos de capital estranxeiro necesario. Os depósitos tradicionais de ferro presentaban o problema da presenza dunha elevada cantidade de fósforo que provocaba o seu baixo rendemento. No último terzo do século XIX produciuse o descubrimento do proceso de defosforación do mineral de ferro nos fornos de calcinación que permitiu eliminar o exceso de fósforo e, simultaneamente, a produción de escouras para seren empregadas como fertilizantes. Así, en 1895 comezou a explotación das minas de Viloudriz na Mariña oriental, que chegou a contar con altos fornos de calcinación, unha central eléctrica, un tranvía aéreo, naves, maquinaria e unha liña de ferrocarril de 34 quilómetros para o transporte do mineral até o porto de Ribadeo para ser exportado a Alemaña, Inglaterra, Francia e Bélxica. Como se recolle na Cámara Oficial de Minería de Galicia, naquel momento, Lugo chegou a ser a quinta provincia produtora de ferro en España grazas ás explotacións mineiras de Viloudriz, Viveiro e Monforte; e había moitos outros xacementos desta provincia que non foron explotados por falta de comunicación que permitise dar saída aos seus produtos.
Neste ambiente de euforia pola explotación mineira encontramos o médico Antonio Correa nos primeiros anos do século XX. Hoxe, habituados como estamos a que os poderes políticos outorguen este tipo de concesións a poderosos oligopolios que controlan os mercados, pode parecernos unha aventura delirante que un particular solicite á Administración a explotación de xacementos mineiros. Mais, nos tempos do médico Correa non era así: as concesións administrativas eran consideradas xuridicamente como un contrato polo que a persoa concesionaria ocupaba o dominio público a cambio de satisfacer un canon de forma que podía ceder a terceiros a explotación.
O erro, ou a ambición irreflexiva, do médico Correa neste eido consistiu no emprendemento desta actividade sen realizar a planificación necesaria, pois a minería inclúe a investigación, a cubicación das posíbeis reservas; o rexistro da titularidade da concesión; a extracción propiamente dita (subterránea e ao descuberto); a separación e escolla das fraccións de distintas calidades, a eliminación dos materiais estraños, os tratamentos mineralúrxicos e mesmo, de ser necesaria, a primeira fundición. Tamén está asociada a outros servizos como o transporte (ferroviario, por estrada, marítimo) e a comercialización, funcións todas elas complementarias e necesarias da actividade empresarial mineira propiamente dita. Sospeitamos que o polifacético Antonio Correa prescindiu desta planificación e a súa teima limitouse á acumulación de solicitudes de concesións. Se consultamos o Diario Oficial de Provincia de Lugo, constatamos a desmesura de solicitudes que realiza: en terras de Penarrubia, en representación do seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco desta freguesía, para mineral de pirita (BOP 06/09/1900); na veciña localidade de Quintá (BOP 18/10/1901), para extracción de ferro; na Canteira, entre Cernadas, A Barrosa e Penarrubia (BOP 06/02/1902), para pirita de ferro; en Pedrafita (BOP 20/01/1902); en Guitiriz (BOP 1903), para ferro, aluminio e outros corpos…
Por outro lado, aparentemente innovador polas iniciativas en que se implica, empresarialmente compórtase como podería facer un emprendedor da primeira metade do século XIX ao crer que pequenos inversores, a través do minifundismo mineiro, podían soportar inversións tan fortes como se require para este tipo de explotacións. Estamos a principios do século XX, cando se crean potentes empresas con accións que controlan poderosos inversores. E a todo isto, obtivésense rendementos ou non pola explotación, existía a obriga de satisfacer o canon á Administración, que variaba en función do tipo de mineral sobre o que se rexistraba a concesión e da superficie que ocupaba. O seu pagamento era o que aseguraba o mantemento da titularidade da concesión. Non importaba que as minas non producisen nada ou que obtivesen rendementos, o imposto mantíñase fixo sobre o tipo de mineral teoricamente predominante.
No caso das solicitudes de Antonio Correa, son varias as renuncias que se publican no BOP de Lugo presentadas polo promotor. Mais, noutros casos tamén comprobamos que, unha vez xa falecido o concesionario, a Administración procedeu a embargos do patrimonio familiar por falta de pagamento do canon correspondente. Así, nun BOP de xaneiro de 1910, a Delegación de Facenda de Lugo require a cantidade de 2.400 pesetas en concepto de 12 pertenzas de ferro da mina de San Pedro situada en Begonte. Débeda tributaria elevada se temos en conta que o salario anual dun mestre de escola de segunda categoría en 1910 andaba entre as 2.250 e as 2.750 pesetas.
A economía familiar dos herdeiros do médico Correa debeu arrastrar quebrantos derivados posibelmente destas concesións pois, en 1933, a oficina de Recadación de impostos da zona de Becerreá publica no BOP un edito polo que se instrúe expediente contra Antonio Correa Fernández e señora por impagamento da contribución urbana e rústica desde 1929 a 1932.
Para satisfacer esta débeda tributaria, trábanse a casa que a familia Correa posuía en Papín e mais a Cortiña da Porta anexa con extensión total de 62 áreas.
Antonio Correa e o balneario de Guitiriz
En case todas as referencias que existen sobre Antonio Correa indícase que foi un dos impulsores e fundadores do balneario de Guitiriz. O propio Andrés J. Bonet Merten, bisneto seu, na páxina web que dedica á pintora Choncha Bonet afirma que Antonio Correa foi “fundador do Balneario de Guitiriz…”, que participou na “na posta en marcha do balneario de Guitiriz” e que “con tan só 45 anos morre Antonio Correa Fernández e a súa viúva deixa en mans do administrador e dos outros dous socios fundadores o balneario, que o arruínan e pouco despois pecha”. Posibelmente, esta información obtena o seu bisneto da Gran Enciclopedia Gallega (1974), onde se di que Correa Fernández, “home infatigábel, canda dous socios máis, fixo do balneario de Guitiriz un dos máis importantes de Galiza.”
Nas nosas pescudas non conseguimos encontrar ningún documento que acredite a participación de Antonio Correa como fundador deste balneario nin como membro da sociedade que o construíu.
As propiedades terapéuticas das augas da Fonte de San Xoán de Lagostelle xa foran recoñecidas desde o século XVIII e, desde mediados do século XIX en que o químico e farmacéutico compostelán José Casares Gil realizou a análises das súas augas, comezaron a acudir doentes de toda Galiza e doutros lugares acadando esta fonte recoñecemento terapéutico nas exposicións internacionais de Zaragoza, Londres, París e Amsterdam.
As propiedades medicinais deste manancial serviron para que o Real Consejo de Sanidad as declarase de utilidade pública en 1902 a efectos de expropiación de 140.000 m2 de terreo para albergar as instalacións necesarias (Gaceta de Madrid de 7 de abril). Nesta declaración de utilidade pública, o Real Consejo de Sanidad recoñece que “para construír o balneario e hotel, establecer xardíns e paseos, necesitaba o concesionario o extenso perímetro sinalado nos planos, constituíndose un verdadeiro sanatorio unha vez que se sanee un terreo que hai ao SO. do manancial; que a temporada oficial debía ser de 1º de xullo a 30 de Setembro, e que aínda non habendo na actualidade máis construcións que a fonte para a auga en bebida, debía autorizarse o seu uso mentres se fan as obras, co obxecto de non privar os enfermos dese axente curativo”.
Posteriormente, no Boletín Oficial da Provincia de Lugo de 13 de maio de 1903 figura Pedro Gasalla González como único solicitante da expropiación dos terreos necesarios para estas instalacións. O certo é que o impulsor real do balneario de Guitiriz foi este médico coetáneo de A. Correa, que xa era director do balneario de Lugo. Gasalla a finais do século XIX conforma un grupo de colegas e crea a sociedade Gasalla e Cía, que se encarga de impulsar a edificación do balneario, do hotel e dos xardíns da contorna da Fonte de San Xoán de Lagostelle. O edificio comezou a ser levantado en 1908, un ano despois do falecemento de Antonio Correa. Até 1812 non ofreceu servizos de residencia.
Consultamos diarios oficiais e prensa da época e en ningunha ocasión encontramos a Antonio Correa tomando parte en ningunha das numerosas aventuras empresariais que emprendeu Pedro Gasalla: Balneario de Lugo, proxectos de centrais hidroeléctricas e de explotacións mineiras, consello de Administración da empresa La Eléctrica de Lugo… Por outro lado, mentres Pedro Gasalla formou parte en diferentes momentos da directiva do Colexio de médicos de Lugo, non encontramos endexamais na mesma a Antonio Correa. Mesmo sospeitamos que as relacións entre ambos médicos non era fluída se temos en conta que o de Penarrubia solicitou a concesión de terreos na freguesía de San Xoán de Lagostelle para explotación mineira, onde Pedro Gasalla quere instalar o balneario en Guitiriz.
A Topografía médica
Para coñecermos a situación da saúde humana na provincia de Lugo a fins do século XIX contamos coa publicación inestimábel do Ensayo de topografía médica de la provincia de Lugo, editado en 1891 pola Imprenta El Regional. Coincide a elaboración desta obra cos primeiros anos de Antonio Correa como médico rural na contigua freguesía de Furís, concello de Castroverde.
As chamadas topografías médicas estiveron en auxe en Europa desde mediados do século XVIII a medidos do XIX. Consistían en estudos de lugares xeográficos concretos e das súas poboacións tratados desde unha perspectiva hixiénico-sanitaria. Comprenden, por regra xeral, a descrición física —situación, clima, chan, hidrografía— e a da contorna biolóxica —flora e fauna—; os antecedentes históricos, o temperamento físico e o carácter moral dos seus habitantes, os costumes, as condicións de vida, os movementos demográficos, as patoloxías dominantes e a distribución das enfermidades. E todo iso abordado co fin de promover medidas para previlas e remedios para tratalas e mellorar o estado de saúde das persoas.
Nesta obra describe os aspectos sanitarios e sociais da sociedade lucense e mesmo realiza propostas de solución. Así resume González Guitián o seu contido: Na primeira parte ofrece unhas nocións topográficas da provincia: extensión, división territorial, política e orográfica, ao que lle seguen a hidrografía, xeoloxía, meteoroloxía, clima, produción, hidroloxía médica, flora médica, demografía. Na cosmetoloxía describe a vivenda, mobiliario, vestimenta, limpeza e servizos hixiénicos. Finaliza no capítulo XI coa alimentación. Decántase pola defensa da vida no campo, que considera máis saudábel, fronte ás cidades, mesmo achaca á contorna urbana a causa de moitos dos vicios dos seus moradores. Describe a inexistente infraestrutura de servizos hixiénicos nas vivendas e critica o costume de vivir cos animais, que ocasiona importantes problemas de saúde. A hixiene persoal é case descoñecida, tanto no medio rural como nas cidades. En opinión de Carlos Fernández (1992), para A. Correa a orixe da enfermidade segue baseada nos presupostos hipocráticos relacionados co medio ambiente, por tanto o clima condiciona determinadas enfermidades, aínda que tamén na súa obra móstrase coñecedor da xa difundida teoría microbiana como causa dalgunhas enfermidades. Incide no elevado número de casos de varíola que poderían evitarse coa vacinación. A alimentación considéraa moi deficiente, na que apenas existen nutrientes tan básicos como a carne. Fai mención da escaseza de médicos titulares e das deficientes instalacións sanitarias dos principais municipios. Ao longo da súa obra realiza propostas para mellorar o estado sanitario da provincia e as condicións de saúde dos seus habitantes, que van desde a difusión da vacina da varíola, antirrábica, dignificar as vivendas e mellorar as súas condicións hixiénicas. Aconsella mellorar a alimentación e mesmo introducir o consumo de carne de cabalo ou de ras, por sinalar algunhas das propostas máis relevantes.
Estado xeral da saúde
Recoñece o médico Antonio Correa que as enfermidades constatadas na provincia de Lugo son as mesmas que se poden encontrar en calquera outro lugar do Estado e afirma non constatar ningún endemismo. Non obstante, concentra a atención na serie de padecementos relacionados co aparello dixestivo derivados da alimentación, que, en moitas ocasións, dan lugar directa ou indirectamente a outras afeccións patolóxicas.
Dos procesos respiratorios, que atribúe a causas meteorolóxicas e ás condicións de traballo dos seus habitantes, indica que son os que ocasionan o maior número de defuncións.
Entre as enfermidades da pel, recoñece que ocupan preeminencia no cadro patolóxico destacando as afeccións parasitarias debidas á falta de limpeza e á exposición aos fríos invernais e ás calores do verán.
Afirma tamén que os padecementos dos aparellos circulatorio, locomotor, urinario e cerebro-espiñal son bastante frecuentes.
Segue dicindo Antonio Correa que, debido tamén ás deficiencias da alimentación, á humidade e a outros factores, abundan a escrofulose, a tuberculose, a cloro-anemia, o raquitismo e a diabetes.
Constata a frecuencia dos tumores cancerosos, do bocio, os papilomas, os pólipos…
Verbo das enfermidades infectocontaxiosas que “acosan a humanidade”, recoñece que en Lugo son tan comúns como noutros lugares, favorecidas aquí polo contacto cos animais, o pouco aseo, a omisión das medidas de illamento e desinfección.
Como enfermidades endémicas nos concellos de O Cebreiro, Cervantes, Fonsagrada e Navia de Suarna, que atribúe á natureza da auga potábel e a outros factores, cita o bocio e a pelagra[3], que achaca ao consumo de maínzo alterado polo verdete[4]. E tamén inclúe como endémica nas clases indixentes, a presenza de poios e pulgas, que se ceban especialmente cos nenos.
A pandemia da gripe rusa
Foi coñecida con este nome a pandemia gripal propagada entre 1889 e 1894 coincidindo cronoloxicamente coa elaboración da Topografía médica polo noso autor. Iniciouse en outubro de 1889, mantívose durante 1890, con reaparicións en marzo-xuño de 1891, novembro de 1891, xuño de 1892, a primavera de 1893 e o inverno de 1893-94. Causou a morte de aproximadamente un millón de persoas en todo o mundo.
A prensa de San Petersburgo foi a primeira en informar da súa existencia. Pouco despois, propagouse a Copenhague, Estocolmo, Moscova, Cracovia e Varsovia. A chegada a Moscova propiciou a súa expansión por toda Europa. Desde París pasou a Cataluña nos primeiros días de decembro de 1889 e desde aquí e desde o peirao de Málaga, a todo o Estado.
Cando, a mediados de decembro de 1889 se extendeu o andazo en París, o escritor Ernesto García Ladevese no xornal madrileño El Imparcial do día 17 publicaba este texto: “¿En qué quedamos? ¿Es la grippe? ¿Es la influenza? ¿Es el dengue?” ao mesmo tempo que informa de que empregados do Louvre, das oficinas centrais de correos e alumnado dos liceos de París se encontran afectados polo contaxio resaltando as preocupacións polo descoñecemento do nome desta enfermidade.
A importancia desta pandemia de gripe reside non só en ser unha das máis agresivas do século XIX senón tamén porque do seu estudo orixinouse unha obra científica de transcendencia desde que comezan as investigacións desta enfermidade co descubrimento do Bacillus inluenzae ou Bacilo de Pfeiffer. Debemos ter en conta que neste momento a ciencia médica aínda non tiña claro cal era a causa da gripe e que é a partir de 1892 cando comezaron a desenvolverse os primeiros estudos sobre o seu patóxeno. O achado realizárono os bacteriólogos Richard Friedirch J. Pfeiffer e o xaponés Kitasato Shibasaburō, cando creron descubrir o causante da pandemia que decimara gran parte da poboación. Pfeiffer illou un bacilo que denominou Bacillus influenzae ou Bacilo de Pfeiffer. Malia outros investigadores non estaren de acordo con que esta bacteria provocase a gripe, seguíu presente esa denominación. Hai que agardar aínda a 1933 para identificar os virus como os axentes das gripes. O dengue, en cambio, si é un virus que se transmite por un mosquito, mais non foi o causante desta pandemia de fins do século XIX.
Gripe, trancazo ou influenza
Antonio Correa informa na súa Topografía de que a principios do ano 1890 “fomos testemuñas dunha epidemia especial que chamou xustamente moito a atención de España e de Europa por ser xeral en todas as nacións, que se designa vulgarmente e tamén na linguaxe científica coas denominacións de trancazo, influenza ou gripe. Esta epidemia acometeu un número inmenso de individuos de todas as idades e ambos sexos superando a súa proporción nesta localidade como noutros distintos países á das máis asoladoras epidemias. Pero afortunadamente na nosa rexión revestiu un carácter sumamente benigno sendo comparativamente menos as vítimas que ocasionou non podendo dicir outro tanto das numerosas complicacións que a acompañan e a seguen. Pasamos o inverno de 1981 sen que se notase máis que algún que outro caso, mais no presente de 1892[5] volvemos experimentar na mesma forma aquela terríbel praga”.
O autor da Topografía expón un cadro de observacións que recolleu na súa práctica médica durante os anos 1890 e 1891 exercida como médico rural en en varios puntos dos partidos xudiciais de Lugo, A Fonsagrada, Becerreá e Sarria. En decembro de 1889 xa existe constancia da presenza desta gripe nas cidades de Ourense e Compostela. Antonio Correa nos lugares que el atende da provincia de Lugo acredita, no ano 1890, 198 casos do que el denomina “trancazo o dengue”, que no ano seguinte descenden a 56.
Outras epidemias
Doutras epidemias, Antonio Correa refire que, malia algunhas delas non afectaren con carácter tan letal como noutros países, enumera as de cólera, morbo asiático e febre amarela, que cobraron moitas vítimas en España mentres repectaron a provinvia de Lugo sendo relativamente baixa a proporción de defuncións aquí rexistradas.
Enfermidades infecto-contaxiosas
As enfermidades infecto-contaxiosas que máis afectan a poboación lucense, segundo informa Antonio Correa, son “a varíola, o sarampelo, a escarlatina, as anxinas e larinxites diftéricas e as catarrais, a coqueluche, as afeccións tifoideas, as puerperais, as intermitentes palúdicas, a disentería, a sífile, o carbunco, a hidrofobia e outras diversas da mesma natureza.
Mais, a este extenso catálogo de enfermidades, Antonio Correa engade a erisipela, a infuenza ou trancazo, as afeccións do aparello circulatorio, as valvulares, a tise, a pnumonía, o catarro gastro-intestinal, a helmintiase, a cistite ou catarro da vexiga, o reumatismo e mesmo o raquitismo.
Enfermidades venéreas
Do catálogo de enfermidades tratadas polo médico Antonio Correa, sobresae tamén o número de afectados polas venéreas, 35 en 1890 e 57 en 1891, cifras que contradín a súa afirmación de que “estas enfermidades son moi raras”. Se realizamos o cálculo porcentual da incidencia das enfermidades venéreas do ano 1891 verbo da totalidade das infecto contaciosas, constatamos que aquelas representan o 11,22 por cento, cifra elevada dado que se inclúen na totalidade as causadas pola pandemia da gripe rusa nese ano. Ao estigma das enfermidades venéreas que hai que engadir a tuberculose e o alcoholismo, as tres catalogadas como sociais e, por isto, obxecto prioritario de preocupación da Hixiene Pública na súa loita contra a mortalidade.
Ás enfermidades venéreas uníanse outras específicas derivadas do seu modo de transmisión dominante por vía sexual, connotadas desde o punto de vista moral e percibidas como resultado da transgresión dunha norma social. Para a sociedade do momento, teñen estas enfermidades dous puntos de observación: como dexeneración moral de quen as padecen e como ataque á sociedade na que conviven as persoas afectadas. E precisamente, por ocultación do mal por parte de quen a padecía producíase a súa diseminación.
O caso é que, por este motivo, non existían rexistros fiábeis sobre o número de persoas con este tipo de doenzas, mais os médicos eran moi conscientes da súa extensión social. As Reais Academias clamaban pola necesidade de atallar os males que producían as enfermidades venéreas e todos os médicos hixienistas coincidían en que o foco radicaba na prostitución. Uns inclinábanse a prol da súa abolición prohibindo esta actividade e penalizando as mulleres que a practicasen e outros propuñan a súa regulamentación baixo control sanitario porque consideraban a prostitución como unha necesidade social que representa unha válvula de seguridade que protexe as institucións máis santas, evitando o desbordamento no seo do matrimonio e facendo o adulterio moito máis raro do que o sería no caso contrario. (Isidoro de Miguel y Viguri, inspector de salubridade pública de Madrid, en Discursos leídos en la sesión inaugural del año académico de 1877-78 en la Academia Médico Quirúrgica Española, verificada el 18 de noviembre de 1877, por José Ustáriz y Escribano y el Dr. Isidoro de Miguel y Viguri. Páxinas 15-16. Imprenta de Enrique Teodoro. Madrid. 1877).
En 1875 convocáronse as primeiras oposicións para crear un corpo de Inspectores de Salubridade pública coa misión de realizar o recoñecemento médico das prostitutas inscritas nun censo creado ad hoc. A regulamentación da prostitución estivo en vigor até 1935 en que foi declarada ilícita.
Como dixemos, Antonio Correa afirma que as “enfermidades venéreas son moi raras” na provincia de Lugo, “observándose a sífilis entre os nosos paisanos que regresan de Cuba e moitos de Madrid”. Levado do puritanismo hipócrita, o autor achaca estes males a contaxios procedentes do exterior como se na provincia de Lugo non se practicasen contactos sexuais asociados a estas doenzas. Proba disto témola se consultamos as hemerotecas, a presenza de numerosos anuncios publicitarios dos especialistas en ENFERMEDADES DE LA PIEL Y VENÉREO-SIFILÍTICAS que publicaban a diario os xornais con ofertas de tratamentos como o SILVER-SALVARSAN 606 e 914.
A tuberculose
Dentro do apartado outras enfermidades, non incluídas por Correa dentro das infecto-contaxioas, destaca a alta incidencia da tuberculose con presenza de 156 casos por el tratados en 1890 e 160 en 1891. Relacionada con ela, tamén recolle un elevado número de persoas afectadas por escrofulismo (34 casos en 1890 e 37 en 1891), un tipo de tuberculose extrapulmonar que afecta os ganglios linfáticos.
Da emumeración que realiza, o médico Correa parace que non estabelece a relación entre a tuberculose e o escrofulismo, malia seren estas dúas doenzas derivadas da mesma causa bacteriana. Outros autores consideraban xa que ambas afeccións eran esencialmente a mesma, sendo a tuberculose a orixe constitucional da escrófula. Neste sentido, propoñíase que a escrofulose correspondía ás manifestacións externas e a tuberculose, máis frecuentemente, ás alteracións internas, designándose a tuberculose como “a escrófula do pulmón“. Nestes momentos de fins do século XIX xa se desenvolvera a ciencia da microbioloxía e a etioloxía bacteriana e a noción de contaxio pasaría a ocupar un lugar destacado na medicina do século XX, modificando o coñecemento da etioloxía e da patoxenia da escrófula e a tuberculose. Progresivamente vaise eliminando a consideración da existencia de predisposicións orgánicas a contraer determinadas enfermidades como escrófula, a tuberculose, o escorbuto, a gota ou a sífilis.
A clorose. Enfermidade que non é tal
Detémonos nun síndrome que Antonio Correa, e todos os médicos do momento, denominaban clorose, da que afirma ter diagnosticado 138 casos en 1890 e 142, no ano seguinte. Hoxe esta doenza está desterrada da ciencia médica. Esta suposta enfermidade foi creada pola literatura médica no século XVI e mantívose até a década dos anos 30 do pasado século. Dicíase dela que afectaba a mulleres novas virxes, de entre 14 a 24 anos, aínda que tamén se podía atopar noutras fases da vida como o embarazo e a menopausa. Chamouse de diferentes formas: “enfermidade verde“, “enfermidade da virxe” e “mal de amor“.
Os síntomas eran múltiples: palidez en todo o corpo, coloración amarelo-verdosa da pel, hemorraxias nasais, palpitacións, dores de cabeza, somnolencia, fluxión da cara, edemas nos nocellos, trastornos no apetito tanto por exceso (obesidade) como por defecto (anorexia), síntomas de tristeza, nerviosismo, hipocondría, ganas de chorar, irascibilidade, redución da libido, lipotimias, amenorrea, sufocacións…
Como remedio da clorose, os médicos dispensaban píldoras de ferro, sangrías, pediluvios, recomendacións dietéticas, melloras na calidade de vida, matrimonio con embarazo, e resignación, moita resignación… cando non recorrían a métodos inhumanos como sangrías na vulva con samesugas e mesmo descargas eléctricas no útero.
A catalogación desta enfermidade constitúe unha mostra máis do patriarcado dominante na sociedade ao longo da historia. Aínda hoxe, os dicionarios seguen ofrecendo definicións trasnoitadas da clorose como “Tipo de anemia por falta de ferro, propia das mozas novas, que se caracterizaba pola palidez verdosa da pel” (RAG), “Estado mórbido, próprio de mulheres novas, caracterizado por excessiva palidez do rosto devida à diminuição do ferro dos glóbulos vermelhos do sangue e do número destes, astenia geral, etc.” (Estraviz) ou “Enfermedad producida por deficiencia de hierro en la dieta, y caracterizada por anemia con palidez verdosa y otros síntomas” (RAE).
Na década dos trinta, Gregorio Marañón (El problema de la clorosis. Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes. Instituto del Libro Español. Marsiega, Madrid. 1936) constatou que na denominada clorose non só había manifestacións hematolóxicas senón outras sen relación aparente cos eritrocitos, como a neurose depresiva, a dismenorrea, o estrinximento, o linfatismo, os suspiros, as náuseas, a disxeusia[6] e a amenorrea, polo que concluía que a clorose nunca fora unha enfermidade senón só parte (a anemia) acompañante doutras enfermidades (infecciosas, endócrinas, neuropsíquicas, etcétera).
Cando os medios de diagnóstico melloraron e foron máis precisos, mostráronse diversas infeccións latentes que actuaban sobre o sistema hematopoiético, especialmente sobre o metabolismo da hemoglobina. Exemplo disto foi a tuberculose. Así, é probábel que moitas das enfermidades cualificadas de cloróticas fosen tuberculoses coas súas febrículas vespertinas, antes chamadas “febres cloróticas“. Falábase tamén dunha “tose clorótica“, que non era máis que a tose dos tuberculosos, acompañada de síntomas neurovexetativos. Diversos estudos demostraron tamén que a tuberculose afectaba con moita frecuencia o aparello xenital, especialmente os ovarios.
Índices de mortalidade
Antonio Correa tamén nos ofrece datos moi interesantes na súa Topografía médica para coñecermos a mortalidade dos catro anos 1887-1890.
Como vemos, o maior número de mortes concéntrase nos treitos de 60 a 80 anos e nos de 5 meses a 3 anos. Se temos en conta a totalidade dos falecementos ocorridos neses catro anos (46.436) e os producidos na suma (9.762) dos treitos de 0 a 5 meses (1.427) e o de 5 meses a 3 anos (8.335), comprobamos que a mortalidade infantil nestes tres primeiros anos da vida representa exactamente o 21,02 por cento do total dos falecementos. Comprobamos tamén que os maiores valores de sobrevivencia aumentan a partir dos 6 anos e acadan a súa cota máis elevada dos 13 aos 25 anos incrementándose de novo a mortalidade, como é lei de vida, até chegar á cota máxima entre os 60 e os 80 anos.
Para nós, que vivimos a cento vinte anos de distancia desta situación, o panorama que da mortalidade nos ofrece Antonio Correa resulta desolador. El, en cambio, considera que estas datos son positivos segundo afirma na páxina 203 da Topografía médica: “Según nos indica el cuadro que antecede, la proporción de los ancianos es halagüeña por todos conceptos en esta provincia, pues nada menos que un 30 por ciento de los que mueren en dicha región suben de la edad de 60 años. Por otra parte, vemos que las defunciones en la edad media de la vida no son muy numerosas; elevándose estas también en los primeros años como sucede en todas las regiones del globo y aun en una proporción más notable en muchas de ellas.”
Decadencia das topografías médicas
Como sucede en todas as topografías médicas desta época, os seu autores consideraban que o medio ambiente e o contexto social eran os causantes en gran medida dos procesos patolóxicos centrando a atención, por isto, no espazo xeográfico como obxecto de estudo.
Confirma esta teoría Antonio Correa con estas palabras: “Sabido es ya desde muy antiguo que el medio en que el hombre vive, así como todas las demás circunstancias que le rodean influyen poderosamente sobre su patología. Este axioma, conocido perfectamente desde los primeros tiempos de la Medicina, no podía hoy pasar desapercibido, ni mucho menos permanecer en statu quo, habiendo progresado prodigiosamente todas las ciencias. Así es que actualmente más que nunca se le concede una importancia extraordinaria a las condiciones que rodean la vida de los individuos porque ella ha de llevar grabados indeleblemente los caracteres que el medio le imprima y casi con mayor constancia e intensidad siempre que aquellos sean del orden patológico.” Co paso do tempo, as investigacións en bacterioloxía reorientarán a explicación das enfermidades epidémicas e mudarán por completo as liñas de actuación dos médicos marcando o inicio da decadencia das topografías. Mais os veteranos hixienistas, favorecidos pola inercia que manifestan as institucións, oporanse aos novos bacteriólogos e actuarán como rémora do progreso médico.
[1] As Subdelegacións de Sanidade Interior estaban reguladas polo Regulamento do 24 de xullo de 1848 e, posteriormente, pola Lei de Sanidade do 28 de novembro de 1855 e a Instrución Xeral de Sanidade do 12 de xaneiro de 1904.
Estas disposicións establecían que en cada partido ou distrito xudicial existise un Subdelegado de Medicina, outro de Farmacia e outro de Veterinaria coa misión de vixiar o cumprimento das disposicións do ramo.
Unha das funcións destas subdelegacións era examinar os títulos dos profesionais que exercían ou desexasen exercer a profesión no seu distrito, elaborando listas e levando rexistros deles.
Estaban ás ordes dos Gobernadores civís e obrigados polo seu Regulamento de 1848 a presentar informes e todas cantas reclamacións creren necesarias polas faltas ou contravencións na observancia dos principios xerais da hixiene pública. Tamén debían dar conta aos Gobernadores civís das “enfermidades epidémicas que aparecesen nos seus respectivos distritos”. Con todo, o labor dos subdelegados neste terreo foi sempre criticada pois, ao parecer, na práctica non exercían o seu labor de inspección sanitaria. En 1902, o Director Xeral de Sanidade, Ángel Pulido Fernández (1852-1932), recoñecía a ineficacia desta institución. Segundo a súa experiencia “… chamámolos e non nos responderon, esperamos os seus estudos e non chegaron, anhelamos o seu celo e faltounos case sempre, inquirimos as súas iniciativas e non as atopamos“. (EnJorge Molero Mesa e Isabel Jiménez Lucena: Salud y burocracia en España.Los cuerpos de sanidad nacional (1855-1951)
[2] Con este mesmo título publicará Baroja vinte anos despois a sétima das vinte e dúas novelas históricas que conforman o ciclo Memorias de un hombre de acción.
[3] A pelagra é un trastorno nutricional causado por un déficit de niacina (vitamina B3) que na actualidade aínda se manifesta en lugares de Asia e África e, até non hai moito, en Europa e Estados Unidos. Débese a unha alimentación pobre. Caracterízase por dermatite (con vexigas da pel hiperpigmentada), síntomas gastrointestinais (diarrea), e trastornos neuropsiquiátricos (demencia). Pode chegar a ser mortal sen un tratamento correcto. Coñécese como a enfermidade dos catro D: dermatose, diarrea, demencia e defunción.
[4] O verdete é un fungo que, como o seu nome indica, presenta unha coloración verde (Spovisorium maisi). Desenvólvese no maínzo húmido ou pouco maduro no punto da súa inserción na espiga e atribuíselle erroneamente durante moito tempo o mal da pelagra. En realidade, esta enfermidade non procede deste fungo senón da ausencia de vitamina B3 asociada a unha dieta pobre en proteínas, acentuándose aínda máis naquelas persoas que teñen o maínzo non nixtamalizado como base alimenticia e tamén nas que padecen enfermidades gastrointestinais que provocan alteracións na absorción de vitaminas.
[5] Encontramos unha contradición nesta referencia ao ano 1892. A edición que manexamos desta Topografía médica é a de 1891 e, por tanto, ¿como pode ofrecer datos relacionados cun ano posterior á súa impresión?
[6] Trastorno que se manifesta no mal sabor persistente na boca. Pode ser salgado, rancio ou metálico. A disxeusia ás veces está acompañada da síndrome da boca ardente, que se caracteriza por presentar unha sensación de dor e ardor.
2 comentarios en “O médico Antonio Correa (1862-1907)”
Moitas gracias por este maravilloso artículo.
Moitas grazas polo comentario. Resultoume moi gratificante investigar sobre esta persoa. Sempre oín falar aos meus antepasados con admiración do médico da casa de Correa da Pena. Despois das informacións que conseguín nos arquivos e nas hemerotecas que consultei, a miña admiración polo polifacético Antonio Correa Fernández foi en aumento. Nunha vida tan breve como a súa, practicou a medicina, investigou, publicou en prestixiosas revistas científicas, escribiu numerosos libros de temas variados, emprendeu iniciativas de explotación mineira naqueles tempos de tanto atraso económico… Hoxe considerámonos os reis do mundo porque vivimos con adiantos insospeitados nos tempos do médico Antonio Correa, mais convennos moito mirar para atrás e deter a atención en persoas como a súa que tanto coadxuvaron ao noso progreso.