Localización
O castro de Penarrubia sitúase no suroeste do núcleo rural, a 130 metros en liña recta da igrexa parroquial, a carón da Fonte do lugar. Polo leste, durante un treito, circunda o seu perímetro o camiño que conduce á agra das Panás. Pola súa cara oeste existe un prado, O Albarín, desde o que, malia a vexetación, se poden distinguir os parapetos defensivos. As coordenadas da croa son as seguintes: DATUM ETRS89. Fuso 29. X: 645284 Y: 4755968.
As parcelas catastrais 118, 117, 116, 114, 132, 131, 122 e 120 do polígono 19 conteñen a área onde se sitúa o castro de Penarrubia, clasificada actualmente toda a superficie poligonal do seu perímetro como ben arqueolóxico incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza co código GA27036020 e coa consideración de protección integral. Estes son os datos cos que figura catalogado: Xacemento arqueolóxico, ID_COPRA 40045586, ID_PBA 23069, X: 645305,61072, Y: 4755884,90846.
Convén non confundir este castro co do lugar homónimo da parroquia de Orbazai, concello de Lugo, catalogado co código de xacemento arqueolóxico GA27028 003.
Na mesma parroquia de Penarrubia tamén se localiza o castro de Carballedo. Na parroquia veciña polo norte, está o castro de Pedrafita. Polo sur, encóntranse os castros da Condomiña e de San Miguel. Polo leste, na outra beira do río Neira, e xa na parroquia de Fontarón, o de Castrolanzán. Trátase, por tanto, dun territorio con grande densidade de asentamentos castrexos.
Pobos habitantes dos castros
Os habitantes dos castros non procedían todos da mesma etnia. Cando o xeneral romano Décimo Xunio Bruto, despois de conquistar a Lusitania, no ano 137 a. d. C. cruzou o río Douro cara ao norte, encontrouse cun populus chamado callaicoi, nome co que designou todos os demais pobos situados no noroeste peninsular. Mais, en realidade, alén dos callaicoi, este territorio estaba poboado por outros moitos populi distintos. Entre eles, os pobos celtas parece ser que mantiñan unha identidade propia e común, segundo recolleron as fontes literarias clásicas, agrupados baixo diferentes denominacións: os artabri (amplo territorio desde o Anllóns até a ría de Cedeira), os nerios (Costa da Morte…), supertamarcos e prestamarcos (ao norte e sur do Tambre).
Outros habitantes dos castros parece que non gardaban relación tan clara coa cultura celta. Entre estes, que poboaban case todos eles terras do litoral norte e do interior, estaban os, arroni (zona das rías de Viveiro, Ortigueira, Cedeira), os albións (nas beiras do río Navia), os cabarcos ou cibarcos (entre os ríos Navia e Eo chegando posibelmente até o Masna), os cóporos (nun extenso territorio comprendido entre a costa atlántica e o interior de Lugo), os lemavos (que habitaban o Val de Lemos ), os seurros… Estes últimos estaban asentados nas comarcas de Taboada e Sarria chegando até a nosa zona de Becerreá e Baralla. Por isto, pensamos que o castro de Penarrubia e os demais existentes en Neira de Rei e no resto desta zona estarían habitados polo este populus dos seurros.
Neste territorio dos seurros, seurri nos textos clásicos, estaría a mansio Timalinus que cita o Itinerarium Antonini (a Talaminé que describe Ptolomeo), situada segundo estas fontes a vinte millas do Sudeste de Lugo sobre a vía que comunica con Astorga, é dicir, a doce quilómetros da mansio Pons Navia (As Nogais). Esta era a principal cidade dos seurri. Outra mansio deste populus era Aquae Quintiae (Guntín?), situada entre Lugo e Dactionum (Terras de Lemos?).
A cultura dos castros estendeuse xeograficamente polo leste desde o río Navia comprendendo O Berzo e gran parte de Sanabria até o ao Douro.
A poboación destes castros estaría integrada por unha base de substrato neolítica e mesmo megalítica segundo certifican os restos achados polo Colectivo do Patrimonio dos Ancares “na serra do Rañadoiro, entre Quintela (Arroxo) e Matela (San Martín de Neira de Rei), a uns 900 metros de altitude. A primeira medorra ten unhas medidas duns 20 metros de diámetro. A segunda un 15 metros, con cráter de violación. A terceira uns 12 metros, tamén con cono de violación. Sitúanse preto da coñecida como Pena do Crego. Hai tres túmulos catalogados.”
A partir dos séculos VII e VI a. d. C., a esta poboación indíxena engádense as migracións centroeuropeas de compoñente celta coñecedoras do ferro, que dan orixe á cultura dos castros.
Cronoloxía
O asentamento nos castros durou aproximadamente mil anos, desde o século VI a. d. C. até comezos do século VI d. d. C. Durante este longo período, en todo o territorio do que posteriormente foi a Gallaecia romana existiu un numeroso grupo de poboamentos castrexos, que algúns arqueólogos calculan entre 2500 e 3000 e outros elevan até os 5000. Agora ben, isto non quere dicir que durante este longo período todos os castros estivesen habitados: uns comezaron a súa existencia a fins da idade do Bronce, outros na idade do Ferro, algúns foron abandonados nos primeiros momentos da romanización e outros, en cambio, prolongaron a súa existencia até a caída do Imperio romano.
Estrutura
O castro de Penarrubia responde á forma que teñen a maioría destes asentamentos das zonas montañosas: a súa croa acada os 650 metros de altitude, presenta forma lixeiramente circular con estreitamento no extremo norte. De norte a sur mide 51 metros e de leste a oeste, 44. O conxunto non supera a hectárea de extensión. Trátase, por tanto, dun castro de pequeno tamaño. Polo lado norte nace unha fonte caudalosa, que tamén recolle as augas do rego de Painzal, que descende pola ladeira do monte de Navallos.
A súa configuración defensiva baséase fundamentalmente nos terrapléns que presenta o escarpado natural do terreo, agás polo oeste en que se poden apreciar dous parapetos concéntricos defensivos de terra separados por un foxo pronunciado. Nalgunha parte do perímetro da croa aínda existen treitos de paredes, que descoñecemos se formaban parte do parapeto defensivo ou se foron construídas en tempos posteriores. Neste lado oeste estaría, por tanto, o acceso que, tamén imaxinamos protexido cun antecastro.
Dado que neste castro non se realizou ningunha prospección arqueolóxica descoñecemos por completo a estrutura do seu espazo urbanístico: vivendas e rúas de comunicación.
Estado de conservación
Nos anos cincuenta e sesenta do pasado século, este castro tiña fácil acceso desde as vertentes norte e oeste. Na actualidade encóntrase totalmente cuberto de vexetación, na que dominan os carballos e castiñeiros. A matogueira esténdese por toda a súa superficie impedindo o tránsito. Só en tempo de inverno, coa axuda dunha vara ou doutros obxectos que permitan separar as silvas, se pode percorrer a pé. En tempos pasados, parte da croa aproveitábase para sementar como podemos comprobar nesta fotografía aérea realizada nos anos 1956-57.
A superficie do castro pertence ás parcelas catastrais 116 e 117 do polígono 19 de uso forestal, fundamentalmente carballos e castiñeiros, de propiedade privada.
Achados arqueolóxicos
Verbo do castro de Penarrubia tense dito que en tempos pasados se descubriran olas de barro e de metal, moedas e alfaias douradas, mais ningún deses obxectos se conserva nin existen probas documentais que o corroboren. O etnógrafo Nicanor Rielo Carballo, na entrada de Penarrubia da Gran Enciclopedia Gallega, editada na década dos setenta do pasado século, afirma que neste castro “encontrouse hai cerca de cen anos unha vasilla de bronce ou cobre, con tapadeira, cuxo paradoiro se descoñece, o mesmo que as súas características concretas, que se supón pertencer a unha colonización prerromana. Outros achados como moedas e muíños de man están comprendidos na época da dominación do Lacio, o mesmo que sucede coa ara votiva dedicada ás deidades protectoras do fogar e dos camiños (laribus vialibus), como a ofrenda feita por unha tal Placidina, exvoto achado no lugar de Papín en 1906, hoxe no Museo Provincial.” Cremos que esta afirmación do etnógrafo procede de fontes orais que desde antigo refiren a existencias de tales achados. De todas as afirmacións de Rielo Carballo, a única documentada é a da ara votiva que descubriu en 1906 o daquela párroco de Penarrubia, Antonio Correa Valcárcel, depositada no Museo Provincial de Lugo, que non garda relación co castro.
En Penarrubia, como noutros moitos lugares de Galiza, sempre se transmitiron lendas que asociaron os castros coa existencia de tesouros que fican ocultos desde os tempos dos “mouros”. A principios do século XX percorreron polo val de Neira de Rei estas lendas que identificaban determinados lugares co posíbel encontro de fortunas traducidas en vellas moedas de ouro. Así nolo testemuña Manolo de Moreno neste documento oral gravado en agosto de 2021:
En Penarrubia, o rego de Painzal no seu nacemento, a carón da pena homónima, e o castro convertéronse en lugares propicios para situar lendas ás que se refiren estes achados.
Á proliferación de achados de vellos tesouros tamén contribuíron as rigorosas escavacións científicas que hai cen anos realizaron en varios castros F. López Cuevillas e outros investigadores do Instituto de Estudos Galegos nas que encontraron moedas e outros vestixios arqueolóxicos de orixe prerromana e romana.
De mouros, mouras e outras lendas
Na nosa mitoloxía sempre se dixo que os castros foron construídos e habitados en tempos pasados polos mouros. Mais, estes mouros non eran os procedentes do Magreb que chegaron á Península Ibérica a principios do século VIII e que habitaron boa parte das súas terras durante centos de anos sen escasamente dominar as galegas. Non. Os mouros dos castros e das construcións megalíticas non gardan ningunha relación con estoutros. Da mesma orde de primates que nós, son doutra especie e mesmo teñen aspecto físico distinto: son de maior tamaño e uns teñen a face morena e outros, branca.
Os mouros
Estes mouros aos que nos referimos construíron os castros hai moitos, moitísimos anos e mesmo seguiron vivindo neles até hai ben pouco, se é que non continúan sendo aínda hoxe os nosos veciños. Sucede que non os vemos porque habitan en galerías soterradas nas que contan con forxas e obradoiros para elaboraren sofisticadas armas e moitas xoias e moedas de incalculábel valor. Destas actividades tamén oíu falar Antón de Lopo, como nos conta deseguido
Estas forxas alimentábanas coa boa leña dos carballos que repolaban nas fragas que hai derredor do propio castro e na Carantoña. Esta é razón que explica que en varias ocasións algúns veciños de Penarrubia sentían de noite fortes e certeiros golpes dos machados ben afiados que empregaban os mouros para cortar as pólas. Antón de Lopo recorda como un antepasado da súa casa sentiu estes golpes dun mouro repolador e cóntanos a conversa que tiveron humano e mouro no medio daquela noite.
O historiador romano Plinio o Vello atribúelles a estes mouros a construción de numerosas e profundas escavacións semellantes ás que hoxe se poden ver nas Médulas das que extraían ouro en grandes cantidades. Estas galerías subterráneas tamén lles permitían a estes mouros comunicárense cos habitantes dos numerosos castros existentes en cada comarca e mesmo fornecérense da auga dos ríos e regos das proximidades. O reverendo Alonso López de Herbón, párroco de San Miguel de Neira de Rei alá pola segunda metade do século XVII, deixou escrito nas súas memorias que nunha ocasión, cando estaba dicindo misa moi cedo antes de despuntar o día, sentiu troupeleo de zocos ben ferrados de persoas que entraban na igrexa nada máis rematar o credo e que, cando se volveu cara aos fregueses no momento do dominus vobiscum, constatou que no fondo do templo asistían con devoción seis homes circunspectos de grandes proporcións e de peores trazas. O mesmo troupeleo acompasado de zocos sentiuno o párroco chegado o momento da consagración cando, supuxo o reverendo, os seis funestos personaxes viraron os corpos para saíren do recinto sagrado. O máis desagradábel da presenza destes seres na igrexa, segue escribindo López de Herbón, non foi o seu fusco aspecto e o descomunal tamaño, senón o forte cheiro a feluxe que ficou varios meses no interior do templo malia as grandes cantidades de incenso que o sancristán fixo arder día e noite.
Os mouros non se relacionan cos humanos. Sucedeu unha vez que un veciño de Penarrubia, cando regresaba de Carballedo polo camiño das Barcias na noite pecha, viu arrepiado como un destes mouros xigantes estaba anicado bebendo na represa do Prado da Fonte. Nun primeiro momento, pensou que se trataba dun boi que estaba saciando a sede, mais deseguido comprobou que erguía o corpo e se incorporaba mostrando a súa forma humana descomunal que batía coa cabeza de longo cabelo esmarañado nunha das polas do freixo que lle quedaba enriba. Pouco despois, o mouro, de tres longas alancadas, empolincaba polo terraplén do castro e desaparecía da súa vista. Isto contoumo con moito segredo o señor José de Mofín, sería aló polo ano 1956 cando eu axudaba a paredar na Obra da casa que nesa época lle realizaba o canteiro Alfredo de San Martín. Mais, o señor José endexamais me quixo identificar o veciño que protagonizou tan extraordinario encontro porque a esta persoa desde aquela metéuselle tal intensa friaxe no corpo que decidiu no que lle restou de vida ficar detrás da lareira sen abandonar a cociña nin para durmir no leito matrimonial. Deste xeito, na casa deste home ficou aceso o lume alimentado con boa madeira de carballo e cepas de uz até o momento da súa morte. Aínda me dixo máis o señor José: —ai neno, cando chegou o día do enterramento deste infortunado veciño, eu fun un dos seis homes que levamos o cadaleito desde a súa casa até a igrexa e endexamais estiven en contacto no meu ombreiro dereito con tanta friaxe na miña vida. E o mesmo me dixeron as outras cinco persoas que soportaron o peso do defunto. Neno, ten moito coidado, non vaias de noite polos arredores do Castro. Os mouros son pacíficos, nunca se meteron con ninguén, mais a súa presenza arrepía. Fíxenlle caso ao consello do señor José de Mofín. Pola conta que me ten!
As mouras
As mouras son moi fermosas. Malia chamárense mouras, son brancas, de pel fina e case todas de cabelo encarnado. A diferenza dos mouros, as mouras tamén poden vivir nas augas dos ríos e das fontes. Usan belidas vestimentas longas sobre as que estenden os cabelos que sempre deixan libres en melena cubríndolles as costas. As mouras endexamais impoñen pavor aos veciños dos lugares, ao contrario, adoitan cantar e asubiar docemente para atraelos e transformárense en estrañas figuras para seducidos e deleitárense coa súa compañía horas e horas nas verdes herbas dos prados que abeiran os ríos. Malia adoptaren as mouras, unhas veces a forma de cobra e outras a de dragón, todos os que compartiron con elas os praceres da carne manifestaron que esta experiencia resultoulles tan marabillosa que carecen de palabras para poder comunicar o que con elas gozaron. Mentres dos contactos dos mouros con veciños na freguesía de Penarrubia existen moi poucos casos constatados, e mesmo hai quen afirma que o que me contou o señor José de Mofín hai 66 anos non lle parece verosímil, dos encontros con mouras ninguén dubida porque foron frecuentes e narrados por diferentes persoas de acreditada solvencia. Sen ir moi lonxe no tempo, sería máis ou menos a mediados da década dos oitenta do pasado século cando correo por todo o Val o relato de como o Cuco de Papín, regresando de noite da Taberna montado na bicicleta, alá polo prado da Lameira foi sorprendido pola presenza dunha enorme serpe cun caravel vermello na boca que reptaba polo camiño impedíndolle o paso. Mais, O Cuco, lonxe de asustarse e de intentar defenderse, descendeu da bicicleta e recolleu con agarimo o caravel que lle ofrecía o ofidio, que colocou con orgullo na botoeira da lapela da chaqueta. Pouco a pouco, os ollos da serpe transformáronse nos dunha fermosa moura, a súa boca adquiriu sensualidade, as escamas viraron en suave pel e longa cabeleira. Xuntos proseguiron andando o camiño que conduce a Carballedo, rodearon o castro de cuxo interior procedían sons metálicos acompasados e descenderon en doce compañía até o Prado do Mazo na beira do Neira, onde, sobre a tépeda herba, os seus corpos gozaron na plenitude da noite. Pouco antes do albor, O Cuco observou con abatemento como a súa acompañante recuperara o aspecto de serpe e con rápidas ondulacións se perdera nas augas do Neira. Aquela, repetía O Cuco a quen quixer oílo, foi a noite máis pracenteira da miña vida. Na procura de novos encontros, O Cuco acudiu en repetidas ocasións nos días sucesivos ao prado do Mazo, mais non volveu encontrar a moura. Hai quen di que, uns vinte anos despois, deu con ela unha noite nun prado que hai no Corgo na ribeira do río Chamoso.