Orónimos

Os orónimos son os nomes con que se designan as montañas e outros accidentes do relevo.

Navallos

Procede posibelmente de *nava, un lexema precéltico da cultura Hallstatt do final da Idade de Bronce e comezos da de Ferro (“chaira rodeada de montes”) + sufixo do latín vulgar –acŭlo. *nava xerou moitos topónimos en todo o territorio peninsular ocupado polos celtiberos. No latín vulgar xa se empregan formas con esta etimoloxía: Navaria, nomen est novum, nuperque excogitatum, dicta, quantum assequi possumus conjectura, quod Hispani vocant Navas camporum areas planas, arboribusque purgatas, quæ tamen habent in circuitu silvas dumetaque fruticosa : et inde Navarria fortasse dicta loca, quæ complures habeant ejusmodi Navas. (dans du Cange et al., Glossarium mediae et infimae latinitatis, éd. augm., Niort : L. Favre, 1883‑1887, t. 5, col. 576a. http://ducange.enc.sorbonne.fr/NAVA).

Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde “navalho” é un “pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva“, e tamén o salmantino navazo “valle pantanoso”, así como o aragonés “navajo” “balsa para el ganado”.

H. Schuchardt entende que o nava “planicie circundada de montañas’ non sería palabra prelatina, mais representaría unha evolución do latín navis “nave” (baseada nunha metáfora (a semellanza entre a depresión dun terreo entre dúas montañas e a forma dun barco); J. Hubschmid entende que non se trata do resultado directo do latín navis, mais si dunha palabra celta que, partillando a mesma orixe latina, tería penetrado tamén no basco antes da época romana ou no seu inicio; J. Jud, Meyer-Lübke, V. Bertoldi, C. Battisti e V. Cocco partillan a idea de que se trata dun vestixio preindoeuropeo, ao que atribúen o significado de “bacía entre montañas”. Carolina M. de Vasconcelos inclúe nava entre os elementos célticos do vocabulario portugués, e explica: “nava é uma declinação côncava de terreno, espécie de concha, circundada de montanhas. Não tem nada com nau e nave.

Mazuco

Posibelmente proceda do latín *mattĕu(m) “mazo” + o sufixo diminutivo –uc-o. O nome de mazo aplicado metaforicamente a un monte é bastante frecuente na oronimia. Mais, tamén se pode supoñer que neste lugar e en tempo indeterminado puido estar instalado un mazo ou un mazuco debido a que este monte está situado entre os regos das Louseiras e do Cebeiral, cuxas augas poderían ser aproveitadas para moveren eses aparellos. A diferenza entre o mazo e o mazuco reside no tamaño e na potencia. Mentres o mazo necesita forte caudal de auga para moldear porcións grandes do ferro en bruto producido nas ferrerías, os mazucos precisan menor forza porque habitualmente neles traballábanse pequenas pezas e, sobre todo, servían para mazar o liño. Tanto a voz Ferrería como Mazo e derivados deron lugar a numerosos topónimos na Galiza e en Asturias. Existen as denominacións simples de Mazo en Lugo, Ourense, Asturias, e tamén con sufixación diminutiva como Mazuco (Asturias), Mazuecos (Guadalajara), Mazuelo (Burgos), Mazuelos (Segovia)…

Puñago

*Pugnātĭcu(m) < pugn + aticu > pugnaco > Puñago “relacionado coa loita”. Este topónimo designa tanto unha aldea da parroquia da Esperela, do concello de Baleira, como a serra que desde aquí se estende cara ao sur bordeando polo leste o val de Neira de Rei até a Serra de Rañadoiro. Polo norte, a cadea montañosa do Puñago prolóngase na serra da Vacariza. Esta cordilleira serve de límite de norte a sur entre os concellos de Baleira e Baralla co de Castroverde. Temos constancia documental da súa existencia no ano 1237 pois no tombo do mosteiro de Meira existe unha doazón de toda a herdade que ten en Punago coa súa poboación e a herdade de Pradaeda (CODOLGA. Colección documental do mosteiro de Santa María de Meira. Tombo, fol. 193 v., Caixa 13).

A proposta que ofrezo para a evolución desde *Pugnaticum a Puñago, malia apartarse do comportamento fonético patrimonial do sufixo latino –aticum > -axe, como sucede en foliaticu > follaxe, silvaticum > salvaxe, missāticum (de missum, supino de mitto) > mensaxe, podemos encontrala en ponticulum > que orixina o semicultismo pontigo, ponte pequena e estreita, de madeira ou pedra e de construción simple, que convive tamén coa forma pontella. Como sabemos, os comportamentos lingüísticos non se rexen por leis científicas universais que se cumpren inexorabelmente en todos os caos como afirmaban os neogramáticos (junggram­matiker). Máis aínda, do hipotético *maior -aticu > morgado, resulta complicado explicarmos a metátese de consoantes e a presenza do a: –ticu > -dego > ¿-gado?

Mais, deixando os pontigos, entre eles o que cruzou César sobre o Rubicón, regresemos ao Puñago para referírmonos tamén a asuntos bélicos que tiveron o escenario neste lugar. Conta a tradición, recollida de Amor Meilán, que no Campo da Matanza, topónimo da mesma parroquia da Esperela, en tempos do rei Afonso II, librouse unha batalla entre musulmáns e cristiáns e dise que houbo tantos mortos que o sangue chegou até a igrexa. En Pradeda, da mesma freguesía da Esperela e, por tanto, a carón da Serra do Puñago, cóntase tamén que, en 1809, despois de que incendiasen A Fontaneira perseguindo o xeneral inglés Sir John Moore, os exércitos napoleónicos foron derrotadas polos aguerridos veciños da contorna, capitaneados por Xosé Páramo Montesino, e aos invasores non lles quedou outra que emprender a fuxida polo coñecido, desde ese momento, como Camín dos Franceses.

Si é certo que, segundo http://patrimoniogalego.net/index.php/72558/2015/04/mamoas-do-campo-da-matanza/, neste lugar do Campo da Matanza “existe unha necrópole formada por sete mámoas. As súas medidas oscilan entre os quince e trinta metros de diámetro. Case todas presentan cráter de violación e en ningunha se observan restos de cámara. Tres túmulos atópanse moi achandados polos labores agrícolas e forestais; sobre un construíuse un muro, e sobre os outros dous caváronse gabias para a plantación de piñeiros. Había outra mámoa detrás do campo de fútbol que foi destruída no ano 2000”.

Lenda ou historia, após investigacións solventes, pola Serra do Puñago sábese que decorría a XIX vía romana. Segundo Antonio Rodríguez Colmenero, Santiago Ferrer Sierra e Rubén D. Álvarez Asorey (Callaeciæ et Asturiæ itinera romana. Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico), desde Becerreá deica a cidade de Lugo esta vía romana pasaba por O Cereixal, O Casar (polo antigo camiño dos Arrieiros), A Lagúa, Ponte de Neira, Carballedo, A Pena (nas inmediacións sitúan a mansio Timalinus), Val, A Barrosa, A Abelleira, Pereira, Furís de Abaixo, Mirandela, Miranda, Tórdea, Rubial, Chavín, Campelo, Capela das Virtudes, Arxemil, Viador, e Conturiz. Pois ben, seguindo esta vía, unha vez que se deixa o Val de Neira de Rei comeza, cara á Barrosa, o ascenso da Serra do Puñago, continúa este ascenso até o cumio, que podemos situar na Abelleria a 820 metros de altitude e logo vén o descenso por Pereira e Furís de Abaixo. Desde aquí xa se divisa a panorámica da chaira que, ao lonxe, en días claros, permite vermos a cidade de Lugo. Seguindo, pois, o decurso da Vía XIX romana, a Serra de Puñago constitúe por si mesma unha fortificación natural da parte da Galaecia situada ao seu occidente e, por esta razón, como lugar estratéxico, a súa ladeira oriental foi escenario ao longo da historia de cruentas batallas nas que se enfrontaron en pugnatico desafío hostes atancantes e defensoras nesta cadea montañosa.

Tamén é certo que polo Puñago pasa o Camiño Primitivo ou Ruta Xacobea Primitiva, que comunica a cidade de Oviedo con Compostela, cun percorrido total de 343 km. Dise que esta ruta foi creada polo rei Afonso II cando peregrinou desde Oviedo ao lugar onde a lenda sitúa os ósos do apóstolo Santiago. A décima etapa do percorrido deste camiño pasa pola parroquia da Esperela, pola Serra do Puñago e Vilalle antes de seguir pola Serra da Vaqueriza, xa no concello de Castroverde, camiño da cidade de Lugo.

Hoxe toda esta serra está coroada por un enorme parque eólico e nos seus cumios ábrense vías asfaltadas que comunican cada un dos aeroxeradores.

Puñago

A Serra do Puñago, malia afastar orograficamente as terras situadas a ambos lados, non impediu que existisen fortes relacións entre as poboacións das freguesías de Furís e de Penarrubia. Proba disto é que ambas demarcacións pertenceron no Antigo Réxime á mesma Xurisdición de Neira de Rei, cuxa capital radicaba en San Martín. E desde que se crearon os concellos en 1833, as freguesías da Frairía, Furís e Masoucos, situadas alén da Serra do Puñago, seguiron pertencendo ao concello de Neira de Rei, até 1840, en que este se integrou no de Neira de Xusá e as tres citadas parroquias foron adscritas ao concello de Castroverde. Isto non impediu que as relacións humanas entre ambos lados da Serra seguisen vigorosas como se pode comprobar nos múltiples vínculos familiares existentes entre os fregueses situados a cadanseu lado da cordilleira do Puñago.

Se a hipótese que acabamos de expór para a etimoloxía de Puñago, acompañada das digresións que realizamos relacionadas ou non co asunto, non convencen, deseguido copiamos e pegamos as que explica Nicandro Ares Vázquez en Toponimia do concello de Baleira, (en LVCENSIA. Miscelánea de cultura e investigación. Biblioteca seminario diocesano. Número 37 (Vol. XVllI). Lugo 2008): Holder (AS II 1052-53) supón unha forma celta *Puni-ăco-s para explicar os topónimos franceses (de) Pugneio, Poigniacum, actuales Pogny, Pognat, Le Pugny. Por outra parte, Puñago tamén se asemella a un nome persoal, como Pugnax, -acis ‘combativo, belicoso’ (TLC 267) ou Punius (LE 552) co sufixo prerromano –acus, “que semella ter o valor propio de” (E. Rivas, LG 102), do que di Moralejo (TGL 2266) “que se empleó en competencia con el latino –anus para designar propiedades rurales, formando adjetivos posesivos sobre los nombres de los propietarios”. Piel (NP p. 147) tamén equipara o sufixo celta –acus co latino –anus, dicindo que perdura en moitos topónimos franceses e alemáns, pero “falta totalmente, abstracçao feita da Catalunha, na toponimia peninsular”. Sen embargo, temos o topónimo lucense Chavaga, que debeu ser unha (villa) Flaviaca, e Puñago rima co topónimo galego lrago, e con hispanos como Aniago, Buitrago, Cerbiago!Cerviago, Cornago, Lechago, litago, Martiago, Sarnago, Trebago, Vidago, Vidiago, citados por Moralejo (TGL 226).

Rañadoiro

Fórmase co substantivo raña + o sufixo –(d)oiro < (t)ōrĭu. Carolina Pérez Capelo indica que raña é de orixe incerta. Algunhas hipóteses son as formuladas por Coromines, que remite ao latín aranĕa “sarna”; E. Rivas retrotrae esta voz á raíz preindoeuropea *r- + a / o + consoante. Segundo o dicionario da RAG é un monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gando.

Serra do Medio

Do latín serra(m) de illō mediu(m). O vocábulo Serra en latín comezou sendo usado para designar a superficie dentada e aguzada empregada para serrar e, posteriormente, por analoxía, en latín tardío aplicouse ás cordilleiras montañosas. Medio procede tamén do latín mediu(m), que, á súa vez, o fai dunha raíz indoeuropea *medhi-, que deu madya en sánscrito e μέσος en grego. Das tres serras que compoñen o monte de Penarrubia, consonte o seu significado, esta sitúase entre a do Mazuco e a de Navallos.

A Canteira

Orónimo. Situada entre o Rego do Cebeiral e o Río Seco. No seu cumio sitúase Cernadas. Polo sur confina coa Serra do Mazuco e polo norte, coa da Lagúa. Procede do latín cantu(m), pedra, posibelmente como préstamo de orixe celta, + o sufixo locativo –ārĭa. Inicialmente, cantu en latín era o nome que recibían as pezas metálicas exteriores das rodas. As lamias dos carros e mais as fitas metálicas con que se reparaban as zocas estragadas tamén as coñecemos como canterlas, palabra que garda relación máis directa co seu étimo cant-. No Proxecto Toponimia figuran 363 rexistros con esta forma. Na documentación medieval ao noso dispor non constatamos a presenza deste vocábulo polo que deducimos que a súa incorporación ao uso común foi serodio. O mesmo afirma Coromines para as formas españolas cantera e cantería, que datan a partir de documentos do século XV. En cambio, o vocábulo “pedreira” fica rexistrado profusamente na documentación medieval. Así, neste texto notarial de 1310 …Iten lle mando a adega da Pedreyra con quatro cubas de dez |dez| moyos... (GMH Documentos do arquivo da catedral de Ourense (1289-1399), Documento 75). Ou nestoutro de 1482 … et mays outra vina que jas donde disen a Pedreira, so signo de Santa Maria de Crunego …(GMH Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, Documento 1347). Na propia freguesía de Penarrubia existe en Val o oicónimo Pedreira.

Serra da Lagúa

Esta serra constitúe unha bifurcación da Serra do Puñago e ten o seu remate no lugar de A Barrosa. Marca os lindes entre os concellos de Furís, polo oeste, e Baleira, polo leste. No seu extremo sur comeza o concello de Baralla. Para Serra véxase o xa explicado en Serra do Medio. Lagúa procede do latín lacŭna > lagúa por evolución fonética normal. Convén indicar que en latín, o vocábulo lacuna ae tiña o significado común de foxo, cavidade natural ou artificial dun sólido, fisura profunda, que podía estar ou non chea de auga. Para designar o que nós hoxe denominamos lagoa, o latín empregaba o vocábulo lacus lacūs. Así define Varrón Lacus en De Lingua latina (Libro V. 26): Lacus lacuna magna, ubi aqua contineri potest.

Parece contraditorio que unha serra, como a da Lagoa que chega a acadar cotas de 954 metros de altitude e na que non existen acumulacións de auga nin na que nacen ríos nin regatos sexa designada co hidrónimo Lagúa. Mais, se temos en conta que esta serra, como dixemos, constitúe unha bifurcación da Serra do Puñago e que entre ambas conforman un val estreito e fondo, podemos xustificar esta forma toponímica se nos atemos ao significado inicial do étimo latino lacuna. Deste xeito, entre as serras de Puñago e mais a da Lagúa si existe unha foz angosta entre montes, na que flúen o rego do Carballal e o Río Seco, xustificando así semanticamente este topónimo. Alén disto, trátase dun territorio moi romanizado se temos en conta que pola aba leste do Puñago decorría desde A Barrosa a Vía XIX pasando polos lugares de O Couso, Azoreira e Abelleira camiño de Lucus Augusti.

Para a forma académica lagoa, o profesor Manuel Ferreiro, en Gramática histórica galega I, Laiovento, Santiago de Compostela 1995, páx. 41-42, indica que se produce a evolución lacŭna > lagõa > lagoa por un cambio de sufixo por ser tratado o vocábulo como aumentativo de lago.

No Proxecto toponimia aparecen 28 rexistros coa forma Lagúa, seis coa variante Legúa/legua e 662 coa académica Lagoa. A documentación medieval constata en varias ocasións a presenza deste topónimo. Así neste testamento de 1293 …Item mando Tharasie Ordonii sorori mee vineam meam de Lacuna et domos meas de Rante… (GMH. Documentos do arquivo da catedral de Ourense (1289-1399). Documento 10).

Marco de Murias e Monte de Murias

O Marco de Murias, situado no cumio do monte do mesmo nome a 935 metros de altitude, nunha das cotas máis elevadas da Serra do Puñago, marca os límites administrativos polo suroeste do concello de Neira de Xusá co de Castroverde e tamén os da parroquia de Penarrubia coa de Furís. No Catastro de Ensenada cremos que o Marco de Muni das Mestas fai referencia a este topónimo na demarcación da freguesía de Penarrubia: Sigue al Marco de muni das mestas; de aquí a la Pena da Huz y de esta sigue al marco de la Junqueira, su primera demarcación.

J. Concepción Suárez, no Diccionario etimológico de toponimia asturiana, Ediciones KRK 2007, indica que unha “muria” en asturiano é unha zona de pedras, entullos ou pedregais e tamén un montón de pedras; outras veces indica que as pedras poden proceder dun simple paredón ou dunha cabana ou vivenda abandonadas. Cabeza Quiles, F., en Toponimia de Galicia, Vigo 2008, Galaxia, cita a voz Murias, recollida nos Ancares leoneses, co significado de morea de pedras soltas. En Asturias e Santander, muria significa tamén valado de pedra, parede.

Procede dunha forma latina *mura, feminización de muru(m), forma latina que, á súa vez, estaría creada sobre os lexemas prelatinos morr / mur, morena, rocha, monte. A presenza do iod epentético pode explicarse por influencia asturiana como acontece en acurtiar, empedriar, segundo explica C. Longo Viejo en Etnotoponimia de las tierras situadas entre las rías d’Avilés y d’Aboño. Morala Rodríguez, J. R., en Toponimia de la comarca de Los Oteros, Universidad de Oviedo 1987, páx. 764, indica que Muria en zonas de León significa fito, marco entre asentamentos de poboación ou de predios, significado que se constata xa no ano 999: Per illo laco usque in illa foce de Ualle Uiride et de illa penna de illas murias usque in illa penna de coba Bella… (en Ruiz Asensio J. M. Colección documental del Archivo de la Catedral de León. 775-1230. III (986-1031) CSIC-CECEL. León. 1987.

Monte e Rego de Xuvento

Nome do monte situado entre Cernadas e Casar de Monín. Na súa aba nordés nace o rego de Xuvento, que descorre cara ao norte servindo á vez de demarcación da parroquia e do concello de Baralla até confluír no Muiño do Couso co Río Seco. Posibelmente, proceda dun patronímico tipo Iuventus/Iuventu(m) referíndose con el ao propietario en tempos pasados desas terras. Mais, de ser así, encontrámonos coa anomalía de partir do acusativo Iuventu(m) en lugar do xenitivo Iuventi como sucede noutros casos como Monín, Xermil…

No Catastro de Ensenada o escribán copia este topónimo como Xumento, mais na fala e na cartografía sempre se cita como Xuvento.

Relacionados...

Litotopónimos

Os litotopónimos son os nomes das pedras. Pena da Uz Situada no monte de A Barrosa, marca o límite polo noroeste da

Agrotopónimos

Os agrotopónimos son aqueles topónimos que gardan relación coas actividades agrícolas, os sistemas de cultivo, as situacións e as demarcacións dos terreos.

Antropotopónimos

Os antropotopónimos son os nomes de lugares formados por nomes de persoas. Casar de Monín/Monín Topónimo constituído por dúas formas substantivas e

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario