Os oicónimos das catorce casas de Penarrubia refírense aos apelidos ou aos alcumes das familias que as construíron ou as habitan (Martiz, Moreno, Lopo, Preto, Ribeiro, Cota, Vazque, Miguelín e posibelmente Mofín), ás actividades que se practicaron nelas (Ferreiro e Costureiro), ao lugar en que se sitúan (Carrocheiro, Agro e Valado), á súa forma (Casela) ou a trazos fisionómicos ou de orixe dalgún dos seus moradores (Ruán).
Sobre os oicónimos de Penarrubia existe este vídeo realizado por Xosé Antón Moure para TCRedes en galego baixo o proxecto Galicia Nomeada da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega.
Martiz
Apelido patronímico formado sobre o nome latino Martinus, relacionado con Marte, o deus da guerra. O apelido fórmase desde o nome Martiño + o sufixo -ins/-iz. Na documentación medieval encontramos profusamente rexistrada a forma Martins: desde o ano 1214 …fasen foro de terçia, as quaes cassas τ ara τ logares ten filos de pero das congostras τ diego frade τ ten pero dieguez τ martins ans de Vilarino τ fillo de Jo Lorenço da parte τ johan de Ste stebo τ os manurcios τ martin capatero teen hua das casas τ netos de Sancha da Lagoa…(TMILG. Gallego, Olga (ed.) (1986): “Tumbo de las viñas de Ribadavia”, Boletín Auriense, XVI, pp. 157-176.) Até 1500: damos a vos Roy de Lamas e a vosa muller Tereiya Martins y a tres vozes apus lo falescemento do postromeyro de cada vn de vos… (TMILG. Lucas Álvarez, Manuel / Lucas Domínguez, Pedro (eds. ) (1996): El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos. Sada / A Coruña: Edicións do Castro (Publicacións do Seminario de Estudios Galegos). Algo parecido acontece coa forma -iz. Así en 1214: …elos que faziamos nos a pedro martiz paan e a fernan nunez… (TMILG. Gallego, Olga (ed.) (1986): “Tumbo de las viñas de Ribadavia”, Boletín Auriense, XVI, pp. 157-176) e nun documento de 1275 …Johãn Martiz notario de Villa Alua et sou yrmao Lopo Martiz et Lourenço Colmea et Pay Escriuã et dõ M o de Belsar. et Domingo Paez de Néétte et Domingo Iohanes de Trobóóu…. (TMILG. Martínez Salazar, Andrés (ed.) (1911): Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI. A Coruña: Casa de la Misericordia). No ano 1520 aínda existen documentos que recollen esta mesma forma: …Ruy Pateiro de Vilar da Ponte, e Juan dos Vilares e Ruy Martíz, veziños dos Villares, e Juan do Campo, veziño de Bobadela… (TMILG. Ferro Couselo, X. (ed.) (1967): A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI. 2 vols. Vigo: Galaxia).
Neste oicónimo constatamos a presenza do patronímico coa forma orixinaria galega que persiste malia o proceso de españolización sufrido pola nosa lingua ao longo dos séculos.
Moreno
Este oicónimo durante o século XIX correspondíase co apelido dos titulares desta casa. Foi a comezos do século XX cando o apelido Moreno deixou de estar vinculado a ela. Non obstante, nalgún documento aínda se di que quen a representa é coñecido por alias Moreno.
En latín maurus designaba os habitantes de Mauritania, do nordés de África. Desde Maurus + o sufixo -enus > Moreno. Segundo Manuel Ferreiro, en Gramática histórica galega II. Lexicografía. Laiovento. Santiago. 1997, páx. 323, o vocábulo “moreno” en galego constitúe un préstamo do español operado desde finais do século XV. Moralejo Laso, Abelardo, en Toponimia gallega y leonesa. Santiago de Compostela. Editorial Pico. 1977, páx. 119, en cambio, considera que procede do latín *mŏra , variante tardía do latín *mōrum, amora. O certo é que na documentación galega medieval existe algún testemuño relacionado co topónimo mourisco como acontece neste do ano 1064 …et accepimus proinde de vos alia vestra villa in Ravaneta que nunccupant Villa Paterni subtus castro Maurisco, que ad vos et ad nos bene complacuit que habeamus nos et vos ipsas cambiationes firmiter ad perhabendum… (GMH. Tombo de Celanova, Documento 482. O Proxecto Toponimia de Galiza recolle 21 rexistros Moreno, a maioría deles actuando como antropónimos: A Cortiña, A Leira de, A Zarra de, A Revolta do, O Lugar de, O Muiño do; Ponte do, O Valiño de… Moreno.
Lopo
Sobre o substantivo latino lupu(m), lobo, formouse o antropónimo Lopo por evolución fonética normal. Son numerosos os documentos medievais que testemuñan esta forma. Así, este de 1224 …Iohannes Cousidus; Lupus Diaz, testes. – Filius eius Alfonsus… Estoutro de 1275 …Ego Lupus Petri de Ualle, pro me et pro omni uoce mea, presente muliere mea Maria Arie et concedente, uobis Iohanni Lupi… (TMILG. Lucas Álvarez, Manuel / Lucas Domínguez, Pedro (eds. ) (1996): El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos. Sada / A Coruña: Edicións do Castro (Publicacións do Seminario de Estudios Galegos). Mesmo, a mediados do século XV, no ano 1452, constátase en …Lupus Díaz, notario… (TMILG. Fernández de Viana y Vieites, José Ignacio (ed.) (1995): Colección diplomática del monasterio de Santa María de Pantón. Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial de Lugo.
A forma Lopo aparece rexistrada en 1609 ocasións no TMILG, o cal mostra que se trataba dun dos antropónimos galegos máis usuais. O último destes documentos está datado no ano 1577: …Jaz a escriptura desto enna nota de Alvaro Froytoso notario que pasou por ante Lopo Gomes notario seu anteçesor… (TMILG. Comesaña Martínez, María Ángela (1995): O tombo do Hospital e Ermida de santa María do Camiño de Pontevedra. Pontevedra: Museo de Pontevedra). En cambio, a forma patronímica López aparece tamén desde moi cedo na documentación medieval. Na actualidade, segundo a Cartografía dos Apelidos de Galicia, existen 195 persoas portadoras de Lopo como apelido.
Preto
E neste oicónimo atopámonos cun vocábulo discutido sobre cuxa orixe os filólogos galegos, portugueses e españois expuxeron diferentes e diverxentes teorías.
Xa en 1611 Sebastián de Covarrubias, en Tesoro de la lengua castellana o española, manifesta descoñecer a orixe da palabra prieto co significado de escuro, negro. En cambio, o seu coetáneo Francisco del Rosal, en Origen y etimología de todos los vocablos originales de la lengua castellana, indica que prieto procede do latín premō, -ere, “apertar”, “restrinxir”, e de aquí, por analoxía, porque certos obxectos, como o po ou a brétema, canto máis densos, isto é máis apertados, máis negros parecen. Esta teoría segue manténdose na actualidade: do latín *prettu, do participio pressus(verbo premo), co significado de denso, apertado, pásase a escuro, negro pola densidade desta cor. En cambio, o filólogo alemán F. Chr. Diez, en Etymologisches Wórterbuch der romanischen Sprachcn. Bonn. 1853, propón partir de *adpectorare, apertar contra o peito > apretar. Menéndez Pidal, en Manual elemental de gramática histórica española, Madrid, 1904, páx. 94, (§67.2]), tamén se sumou inicialmente á tese de Diez, mais engadiu tres fases sucesivas: *apeytrar > apertar > apretar. Yakov Malkiel, en Historia de un cruce hispanolatino. THESAURUS. Tomo IX. Núms. 1, 2 e 3 (1953). Boletín del Instituto Caro y Cuervo. 1953, sostén que non existe base enteiramente satisfactoria e conclúe que a derivación de premere, pressus adoece da falta dun participio *pret[t]us; apretar casaría ben con adpectorāre, pero queda a dificultade da serie caprichosa prieto, preto, perto. A estas propostas sumáronse outras moitas e variadas e entraron na disputa filólogos de recoñecida sona como Meyer-Lübke, quen se identificou coas de Diez. Nós deixamos aquí a disputa.
Constatamos o apelido Preto nos textos medievais. Neste documento de 1310: …da outra teſtada do preſtamo que tem Fernã Preto do moeſteyro… (TMILG. Maia, Clarinda de Azevedo (ed.) (1986): História do galego-português. Estado linguístico da Galiza e do Noroeste de Portugal do século XII ao século XVI (com referência á situação do galego moderno). Coimbra: I.N.I.C., pp. 41-245.) Ou nestoutro de 1459 recollido no Libro de notas do concello de Ourense …Afonso Peres, Johán Preto, çapateiros… (TMILG. Ferro Couselo, X. (ed.) (1967): A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI. 2 vols. Vigo: Galaxia. E mesmo neste xa do ano 1495 …Et nos, los ditos Afonso Preto et Pedro de Deus, asy o reçebemos, por nos et por nosos soçesores… (TMILG. Cal Pardo, Enrique (ed.) (1984): Monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental. A Coruña: Deputación Provincial). A existencia do apelido Preto na documentación medieval certifica, desde o noso entender, a referencia semántica á cor escura deste vocábulo como en portugués. Non comprendemos, xa que logo, que a lexicografía académica só acepte como normativas as acepcións recoñecidas para “preto” no DRAG: 1. Como adxectivo, “apertado, tupido” e como adverbio, “a pouca distancia no espazo ou no tempo.” O Dicionario Estraviz, en cambio, recolle para “preto” o significado do que se aplica á “cor que é a mais sombria e dos objetos que têm essa cor: tela preta. ≃ escuro, sombrio”, e reserva para perto o significado adverbial de “a pequena distância: estar perto. ≃ cerca, preto ≠ longe” .
Segundo a Cartografía dos apelidos de Galiza non existe na actualidade ningunha persoa que conserve a forma Preto, mais si 14.332 que se apelidan coa forma castelanizada Prieto.
Ribeiro
En documentos do século XIX temos constancia da existencia deste apelido en Penarrubia. Procede do substantivo latino ripa, ribeira, costa e tamén río + o sufixo -ariu > rīpārĭu > Ribeiro. Trátase dun vocábulo moi presente nos documentos medievais xa for como topónimo ou como apelido. Así, neste de 1259 …Outroque ssi uendemus a uos a nossa leira de Ribeiro pur este prezo deuandito… (TMILG. Duro Peña, Emilio (ed.) (1996): Documentos da catedral de Ourense. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega), ou nestoutro de 1344 …et de outra parte pello monte, et en fondo feje en o souto que foy de Garçia Martins, et encyma vay tornar en a vyna que ten Martin Ribeiro…. (TMILG. Lucas Álvarez, Manuel / Lucas Domínguez, Pedro (eds. ) (1996): El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos. Sada / A Coruña: Edicións do Castro (Publicacións do Seminario de Estudios Galegos). O Proxecto Toponimia de Galiza realiza 213 rexistros deste vocábulo e 749 coa forma feminina Ribeira. Na Cartografía dos Apelidos de Galiza figuran 801 persoas portadoras deste apelido.
Cota
Nun documento relacionado co monte de Penarrubia figura un veciño chamado José Fernnádez Cota, que nós consideramos representaba a casa da Cota. Trátase, por tanto, dun oicónimo que procede dun apelido existente. Segundo a Cartografía dos Apelidos de Galiza, existen na actualidade 368 persoas que o conservan, concentrándose a súa presenza nos concellos de Vigo (64), Pontevedra (60), nos ourensáns de Avión (40) e de Monterrei (26) e no pontevedrés de A Lama (26). Na provincia de Lugo, no concello de Monforte existen 36 persoas rexistradas con este apelido.
Na antiga Roma, Cota era un cognomen ou alcume. Destacaron con este cognomem o político e orador Gaius Aurelius Cota e o cónsul do mesmo nome. Aurelia Cota, irmá de Gaius, foi a nai de Gaius Julius Caesar. Na romanización da Península Ibérica tamén cobraron importancia persoas con este cognomem como Lucius Aurelius e Caius Aurelius, comandantes dos exércitos que loitaron contra os sublevados lusitanos na guerra sertoriana a comezos do século I a. C.
Na documentación medieval constátase este vocábulo. De 1279 …Fernan Eanes de Garavaens, Pay Cota de Dezon, Johan Moogo que foy meyrino de Buval, Pay Çestino ts… (TMILG. Romaní Martínez, Miguel (ed.) (1989-93): La colección diplomática de Santa María de Oseira (1025-1310). 3 vols. Santiago: Tórculo Edicións (1989, 1989, 1993). Neste de 1332 …Sabeam quantos esta carta viren commo eu Affonso Gonçalves, filo de Gonçalvo Eanes de Cotae, que foy, de bon curaçon et de boa voontade vendo a vos... Nestoutro de 1384 …et este quinto et meo de hun terço partese con Fernan Vidal de Cotae… (GMH. Documentos da catedral de Lugo. Século XIV, Documentos 286 e 864).
Cremos que o apelido Cota, e neste caso tamén oicónimo, está vinculado a familias xudías perseguidas nas sucesivas razias executadas na Idade Media ou, posteriormente, obrigadas a se converteren ao cristianismo para evitaren a expulsión das súas propiedades e o exilio. Os conversos víronse na necesidade de abandonar os seus propios nomes e apelidos e de adoptar outros distintos dos comúns dos “cristiáns vellos”. Cota foi un dos adoptados polos xudeus conversos. Na cidade de Toledo existiron varias persoas apelidadas Cota, entre eles o máis coñecido é o escritor Rodrigo Cota, autor do Diálogo de un viejo y el Amor e a quen se lle vén atribuíndo, en colaboración co tamén converso Fernando de Rojas, o primeiro auto de La Celestina. Nesa mesma cidade, o 16 de agosto de 1488 foron queimados no lume inquisitorial cinco mulleres e vinte e dous homes, entre eles Alonso Cota, recadador de rendas da Coroa e pai de Rodrigo Cota.
A concentración actual do apelido Cota en localidades das provincias de Pontevedra, Ourense e en Monforte coincide tamén coa existencia confirmada de xuderías e de comunidades xudeizantes neses lugares segundo ten mostrado a investigadora María Gloria de Antonio Rubio en Los judíos en Galicia (1044-1492), A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2006. En Monterrei e Allariz está documentada a existencia de cemiterios xudeus e de xuderías constituídas na cidade de Ourense, Allariz, Ribadavia e A Coruña.
O apelido Cota figura como de orixe xudía na relación que publica Pere Bonnín en Sangre judía. Españoles de ascendencia hebrea y antisemitismo cristiano. (Flor de Viento Ediciones. Barcelona, 1ª edición 1998), extraída das listaxes de penitenciados polo Santo Oficio, dos censos das xuderías e doutras fontes que indican claramente que a persoa portadora do apelido é xudía ou xudeoconversa.
Vazque
Trátase dun patronímico formado do antropónimo Vasco, de orixe prelatina. Sobre Vasco creouse o patronímico a través do xenitivo vasqui > vasquiz/vasques co significado de “fillo de Vasco”. Destas formas pasou, no uso popular, a vasque > vazque, que é a que se converteu en oicónimo desta casa. Nos documentos medievais son numerosos testemuños do antropónimo Vasco. Así, en 1225 …Vasco Pérez, alfayate… (TMILG. Ferro Couselo, X. (ed.) (1967): A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI. 2 vols. Vigo: Galaxia). Nestoutro de 1226, … Sabean do testamento que eu Vasco Lopez fazo, sano e saluo e con todo meu siso enteyro, fazo miña manda… (TMILG. Novo Cazón, José-Luis (ed. ) (1986): El priorato santiaguista de Vilar de Donas en la Edad Media (1194-1500). A Coruña: Fundación “Pedro Barrié de la Maza”). Como formas de patronímico rexístrase en Vasquez en 1498 … Eu, o dito Roy Vasques Sajaoo, que presente soo… (GMH. Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, documento 1399). Ou nesta carta de poder outorgada en Valladolid en 1473 polo bispo de Lugo a favor de Gómez García de Goyoso, arcediago de Dozón …Testigos que foron presentes: Vasco Peres de Vaamonde, camareiro del dicho senor Obispo; Vasques de Cabarcos, Pedro Vasques de Vaamonde, criados del dicho senor Obispo de Lugo… (GMH. Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, Documento 1230). Mais, tamén se introduce moi cedo a forma Vazquez como comprobamos neste documento de 1304 …Johan Perez bulseyro et frey Migel da Portela, monges d -Osseyra, et Fernan Vazquez prellado de Sangunedo et Maçia Perez clerigo desse lugar… (TMILG. Romaní Martínez, Miguel (ed.) (1989-93): La colección diplomática de Santa María de Oseira (1025-1310). 3 vols. Santiago: Tórculo Edicións (1989, 1989, 1993).
Miguelín
Nun documento do ano 1848 existente na casa de Costureiro figura Pedro González Miguelín en representación desta casa. Este dato permítenos sospeitar que este oicónimo procede dun apelido como sucede noutras ocasións xa analizadas anteriormente. Mais o feito de que na Cartografía dos Apelidos galegos non exista na actualidade ningún que coincida con esta forma tamén nos fai sospeitar que Miguelín fose o alcume do seu representante ou, o máis probábel, o oicónimo desa casa. Xa for unha ou outra cousa, Miguelín ten ascendencia hebrea pois remóntase a Miguel, un dos arcanxos bíblicos, soldado defensor do poder de Yavé.
Nós inclinámonos por pensar que se trata da forma diminutiva de Miguel + o sufixo con valor afectivo -in, propio da fala desta zona do galego oriental.
Mofín
Sobre o oicónimo Mofín, sospeitamos que pode derivar da hipotética forma *(villam) + o xenitivo do antropónimo *Muphini: de Muphinus > Mofín, do mesmo xeito que acontece con Pappini: de *Pappinus > Papín; con Nantín < *(villam) *Nantini: de Nantinus ou con Randín < *(villam) *Randini: de Randinus. O historiador xudeorromano Flavio Xosefo recolle en varias ocasións o antropónimo hebreo Muphim/Mophim, que nos remite á súa orixe bíblica: idque nominis pro Muphim… P. Muphim denique… (Flavii Josephi Antiquitatum Judaicarum libri quatuor priores, et pars magna quinti, Gr. Lat. Theatro Sheldoniano, 1700. National Library of the Czech Republic. páx. 114). No Libro da Xénese, Capítulo 46 versículo 21, entre os dez fillos de Benxamín, o fillo menor do patriarca Xacob e Raquel, figura un co nome Muphim. Con respecto ás variantes Mofín/Mufín, inclinámonos pola primeira tanto por motivos etimolóxicos como dialectais. Etimoloxicamente, |ŭ|, |ō| e |ŏ| latinos átonos iniciais dan como resultado |o|. Así sucede en Mūndare > mondar, Mŭraena > morea, Sŭperare > sobrar. Por outro lado, Penarrubia pertence a unha zona lingüística na que existe a tendencia a pechar as vogais nun grao nomeadamente nos casos do |o| e do |a| como sucede en codesal > cudesal, lagoa > legúa, para > pre…
Ruán
O oicónimo Ruán significa de cor tirando a gris, agrisado. Dise de quen ten mestura de cabelo escuro e de cor branca. Úsase comunmente para referirse aos cabalos, pero tamén se aplica aos téxtiles de tecido basto e aspecto agrisado, polo común de la.
Segundo indica Menéndez Pidal en Etimologías españolas, (en https://www.persee.fr/doc/roma_0035-8029_1900_num_29_115_5635), procede da forma latina ravĭdus, da que o romance formou *ravidanus, *ravdanus (compárese raucus por ravicus), tronco das formas castelás “raudano”, “rodano”, “roano” e das portuguesas “raudão”, “roudão” e, engadimos nós, da galega ruán. O francés “rouen”, segue dicindo Menéndez Pidal, co mesmo significado, deriva do castelán; o italiano “roano” será tomado do francés ou do español, e duplicado en “rovano” ofrecerá unha simple intercalación de v para desfacer o hiato.
Na documentación medieval encontramos acreditado este topónimo en 1239 …Sabean… dona Maria Fernandez… damos a foro a uos Martin Fernandes, caualleyro, e a uosa moller Sancha Gomes e a toda uosa uos pera todo senpre aquellas casas que uos tinnades en Millmanda a su a iglesia de santa Maria do Alcaçer a çima das casas de Domingo de Ruan, e de Maria da Via… etc. et dedes dellas cada ano o moesteyro, çincuenta soldos de blancos da moneda dell rey don Fernando ou a contia delles por dia de san Martino… e uos conprindo… (TMILG. Lucas Alvarez, M. / Lucas Domínguez, P. P. (ed. ) (1988): San Pedro de Ramirás. Un monasterio femenino en la Edad Media. Colección diplomática. Santiago: Publicacións de Caixa Galicia). No foro da freguesía portuguesa de Castelo Rodrigo, datado entre os anos 1280 e 1290, recóllese A ruano que tover trapo de color, non le prinden trapo de color por tallar (en https://sites.google.com/site/foraisextensos/home/foros-de-castelo-rodrigo), co significado neste caso de comerciante de panos.
Nos dicionarios de galego defínese o adxectivo ruán como de crina branca. Atrevémonos a suxerir que o oicónimo Ruán vén da existencia dalgunha persoa desa casa que tiña matas brancas no cabelo ou o cabelo agrisado en idade temperá. Existen outros casos de oicónimos que gardan relación coa fisionomía dos seus moradores. Así as casas do Roxo e do Louro explícanse pola cor dourada do cabelo; as de Moreno e de Preto, pola cor escura da pel ou do pelo; a do Rubio, pola cor encarnada; e pensamos tamén que o oicónimo Picado serviu para designar a morada dalgunha persoa coa face afectada polo virus da varíola.
Casela
En latín, ademais de domus, tamén se empregaba o vocábulo casa para designar as vivendas de pequenas proporcións, as cabanas e as granxas rurais. Así pois, de casa + o sufixo diminutivo -ella > casela. Este oicónimo garda relación, xa que logo, coa forma que inicialmente tiña esta casa. No Catastro de Ensenada indícase que Casela é unha zona máis ampla que a casa, pois a este vocábulo asóciase á palabra “barrio”, indicando que se alude ao edificio e ao conxunto de predios que o rodean. Este topónimo constátase na documentación medieval, así no ano 1326 …aquella myna leyra que chaman da Casella, que jaz sô ô valle que chaman da Casella, que he en friigresia de santa Maria de Restande… (TMILG. Lucas Alvarez, Manuel / Justo Martín, María José (eds.) (1991): Fontes documentais da Universidade de Santiago de Compostela. Pergameos da serie Bens do Arquivo Histórico Universitario (Anos 1237-1537). (Edición diplomática). Santiago: Consello da Cultura Galega.) Nestoutro de 1356 …E inda vos damos a cortina da Casela, que encartou Johan Marcote, o avagamento da carta por que a Johan Marcote ten aforada… (TMILG. Duro Peña, Emilio (ed. ) (1972): El Monasterio de S. Pedro de Rocas y su colección documental. Ourense: Instituto de Estudios Orensanos “Padre Feijoo”).
Carrocheiro
Véxase o que se di para o topónimo coincidente.
Ferreiro
Procede do latín ferru(m), ferro, + o sufixo profesional -ārĭu(m). Nesta casa existiron nas xeracións anteriores persoas que traballaron como ferreiros. Nas décadas dos anos cincuenta e sesenta do pasado século aínda lembro a realización desta actividade para a que había unha forxa na palleira onde se traballaba o metal. Tamén lembro como acudían alí veciños da contorna con cabalerías pare seren ferradas. O vocábulo ferreiro emprégase tanto con referencia profesional como apelido e topónimo de lugar. Son numerosos os testemuños destes usos na documentación medieval: En 1263 …Presentibus Iohanne Iohannis clerico dicto Basto, Petro de Ferreiro clerico,… (TMILG. Romaní Martínez, Miguel (ed.) (1989-93): La colección diplomática de Santa María de Oseira (1025-1310). 3 vols. Santiago: Tórculo Edicións (1989, 1989, 1993). En 1305 …Iohan Eanes, ferreiro da Pena… (TMILH. Lucas Alvarez, Manuel / Justo Martín, María José (eds.) (1991): Fontes documentais da Universidade de Santiago de Compostela. Pergameos da serie Bens do Arquivo Histórico Universitario (Anos 1237-1537). (Edición diplomática). Santiago: Consello da Cultura Galega).
Costureiro
Partindo do verbo latino suo sui sūtum, coser, unir, co prefixo cum, conxuntamente, fórmase o étimo consūtum, supino de consuĕre, ao que se suma o sufixo -ura > consutura > costura + o sufixo profesional -ārĭu(m) > costureiro.
No latín medieval constátase a forma costurariu Anniversarium Guillelmi Henriet et Helioti Costurariorum, id est, custodum nostræ ecclesiæ, qui nobis aliquos redditus donavere (Charta Guill. de Haricur. ano 1317. in Reg. ch. 122 en Du Cange et al., Glossarium mediæ et infimæ latinitatis. Niort : L. Favre, 1883-1887).
Nin o DRAG nin o Estraviz recoñecen a existencia deste vocábulo en masculino. Definen respectivamente costureira como “muller que fai ou arranxa pezas de roupa” e “mulher que tem por ofício costurar ou remendar roupa.” O proxecto Toponimia de Galiza recolle catro rexistros con este vocábulo, tres referidos a terras e un hidrónimo: A Chousa do Costureiro, en Castro de Rei; Devesa do Costureiro, en Sarria; Cerrón do Costureiro, en Riotorno; e Pozos do Costureiro, en Aranga. Na documentación medieval é frecuente o uso do vocábulo costura, mais non esta forma con sufixo. Así, nas Cantiga CCXXIV de Santa María, da segunda metade do século XIII:
Ca u pariu sa moller,
naceu-ll’ enton ha filla
que ben terredes que foi muit’ estranna maravilla
ca o braço lle sayu [ontr’ o corp’ e a verilla]
juntado de ssu assi que non era de costura.
A Reynna en que é conprida toda mesura…