Lugares

A toponimia dos Lugares:

Penarrubia

A teoría etimolóxica máis estendida sostén que se deriva do latín Pinna(m) Rubea(m). En latín clásico pinna -ae significaba “pluma”, “ala”, tamén “frecha, dardo” e, na terminoloxía militar, “amea”, isto é, elemento arquitectónico saínte de forma prismática que coroa a parte superior das murallas a intervalos regulares co fin de servir de protección de ataques externos. Desta última acepción, e por procedemento analóxico, o significado de pinna > penna > pena evolucionou até o de “monte penedoso” e, por extensión, acabaría xeneralizándose a calquera penedo. Mais, tamén se pode afirmar que esta Pena pode derivar da latinización da raíz celta *penn «rocha, outeiro e tamén cabeza». Así, tanto en bretón como en córnico penn designa “cabeza”.

Do adxectivo latino rubidus -a -um, rubidam > rubi(d)a(m) > rubia, que significa “colorado, encarnado”. Isto é, do latín Pinnam rubidam (= monte penedoso encarnado) orixinouse Penarrubia. En España Sagrada. Tomo XVI. Apénd. I, páxina 452, encontramos o topónimo Pennam Rubeam como un dos límites do bispado de Valpuesta, que crea o rei Afonso II no ano 812: …de Cancellata usque ad Penam Rubeam, de Penna Rubia usque ad S. Christophorum… Na Carta puebla de Vistabella outorgada polo militar catalán Guillem de Anglesola en 1251 tamén se constata este topónimo et de Penna Rubea ascendit usque ad Talayam altam que est inter locum qui vocatur Arçedol et castro de Boyo…

Moitas veces nos temos preguntado pola correspondencia deste topónimo co seu significado etimolóxico. E concluímos que as referencias toponímicas non sempre coinciden coa realidade paisaxística actual. Nos anos cincuenta do pasado século, nas serras deste lugar podíanse divisar diversas rochas e penedos que, co paso dos anos, se foron ocultando por mor da vexetación. Na miña infancia, a presenza da pena de Painzal destacaba nos arredores e, máis lonxe, ¿quen non recorda a Pena das Aguias recortando a súa silueta no horizonte da Serra do Medio? O mesmo que dicimos das penas podémolo afirmar das cores. Hoxe a cor dominante da paisaxe é o verde das plantacións forestais existentes nos montes. A mediados do século pasado, a cor era distinta da actual: os altos das searas podían ser grises ou verdes en función da época do ano segundo estivesen sementadas de cereal ou a barbeito, e o resto do monte, que se aproveitaba para pasto e o esquilmo, tamén presentaba diferentes tonalidades de cor. ¿Dominarían no momento en que se orixinou o topónimo as carpazas, tamén chamadas queirogas, no monte de Penarrubia coa súa coloración púrpura na época de floración? Coinciden con esta interpretación Xosé Afonso Álvarez Pérez, Xacinta Varela Martínez e Antón Santamarina cando afirman en Permanencia de léxico antigo no galego actual: …as queirogas teñen unha floración abundan­tísima, que chamaba a atención mesmo desde lonxe; os montes poñíanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro e hai montes que se chaman «do Rubial» por iso.

Segundo o Nomenclátor de Entidades de Poboación, existen dúas entidades máis con este mesmo topónimo: unha, na parroquia de Orbazai, no concello de Lugo; e a outra, na parroquia de Fisteus, concello de Curtis, A Coruña. No Catastro de Ensenada este topónimo aparece escrito coa forma Pena Rubia.

A mesma orixe etimolóxica téñena as formas castelás Peñarroya e as catalás Mont-roig.

Queirugas/carpazas en flor

Curral de Arriba e Curral de Abaixo

O substantivo “curral” refírese ao espazo situado a carón da casa, descuberto e xeralmente valado, onde se ceiban certos animais domésticos, se gardan os apeiros ou o carro, a leña ou o toxo… Menéndez Pidal e Coromines pensan que podería proceder do adxectivo latino *currale, derivado a partir do substantivo carru “carro”, que designaría en orixe o lugar onde se garda o carro. Tamén resulta convincente a relación de curral co lexema prelatino, tal vez celta, *korr- ‘cerrado circular’, ‘círculo de pedras’. No caso de Penarrubia, curral tamén serve para designar cada un dos dous núcleos de poboación en que se agrupan os seus veciños. Así, o Curral de Abaixo comprende as cinco casas situadas na parte inferior, fronte ao Curral de Arriba, que comprende as restantes, situadas en cotas de maior altitude. Isto é, desde un significado concreto, lugar próximo á casa, pásase a outro xenérico que comprende un conxunto de vivendas cos seus terreos circundantes. A palabra curro ten a mesma orixe, mais serve normalmente para designar un espazo de menores proporcións que o curral. Nos cemiterios, como sucedía no de Penarrubia, existía un reducido lugar no adro da igrexa, que se chamaba Curro dos Anxos porque nel recibían sepultura os nenos falecidos en idade temperá antes de chegaren ao “uso de razón”.

Na documentación medieval este topónimo encóntrase, entre outros, nunha carta de aforamento do ano 1378: …afforamos a vos Affonso Tinosso, carnyçeyro, et a Sancha Ferrnandes, vossa muller, et a huna perssoa qual nomear o postrimeyro de vos, [a cassa] que he dos ditos anyversarios, que esta enno lugar chamado do Curral que esta açerca da rua Travessa,.. (En GMH. Madrid, AHN, Cód. 416 B, fol. 96v. Galicia Histórica, t. I, n.º 6, 1902, p. 361).

Panorámica aérea coa liña divisoria dos dous currais

A Pena

O topónimo A Pena, localidade desta freguesía, ten a mesma orixe que a parte substan­tiva de Penarrubia. Son numerosos tamén os documentos medievais que testemuñan a súa presenza: Et conteçeu assy que mãdou prender, por miscla que fezerõ, a dõ Gõdesteo, obispo d ‘ Ovedo, et deytalo enno castelo a que dizẽ A Pena da Rreyna, et he en fondo de Galiza. (In Lorenzo, Ramón (ed. ) (1975): La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla. Edición crítica anotada. Tomo I: Introducción, texto anotado e índice onomástico; Tomo II: Glosario. Ourense: I. E. O. P. F.). …et dis y a hun marcho que esta dereyto indo para a pena de Pousa [. . .]; et dis y a a dita penna hu esta outra cruz; et dis y a o outeyrinno de su a penna da Lebor contra [. . .] (In Romaní Martínez, Miguel (ed.) (1989-93): La colección diplomática de Santa María de Oseira (1025-1310). 3 vols. Santiago: Tórculo Edicións (1989, 1989, 1993).

Este topónimo do lugar tamén dá orixe ao orónimo Serra da Pena, que se estende ao leste en paralelo ao curso do río Neira, e mais ao hidrónimo Rego da Pena, que baña estas terras.

Mapa encadrando estes topónimos

A Penela

Lugar situado en Val na aba da Serra da Pena. O mesmo étimo latino Pinna, co sufixo diminutivo -ela, dá orixe ao topónimo A Penela, lugar e casa de A Pena. O DRAG define “penela” como rocha pequena a rentes do chan e como pequena elevación do terreo. Tamén se emprega a forma masculina Penelo. Son numerosas as constatacións documentais medievais deste vocábulo, que tanto serve de topónimo como de apelido: Teem en outra carta o casar de Pesendaaos et o casar da Penella que he en a fregesia de Sam […] de Canba et dous lugares en Toyriz que he en a fregesia de Sam Salvador, dam delles quatro moyos de pam en Santa Vaya et dez maravedis de dereytura. (In Romaní Martínez, Miguel / Rodríguez Suárez, Mª del Pilar (2003): Libro tumbo de pergamino. Un códice medieval del monasterio de Oseira. Santiago de Compostela: Tórculo.)

A Pinguela

Velaquí como un hidrónimo designa tamén un lugar habitado. Manuel Ferreiro (Gramática histórica galega. Manual. §13b.2 e §17a)  parte da hipotética forma verbal do latín vulgar *pĕndĭcāre (por pĕndēre) > pind’gar > “pingar” con síncope da vogal pretónica |ĭ|. Pinguela > *Pinga + sufixo diminutivo -ĕlla = pequeno fío de auga que mana dunha rocha.

Val

Do acusativo do substantivo latino Vales/Valis -is, Vallem > Val. Como indica o profesor Manuel Ferreiro na súa Gramática histórica galega, cando a consoante l procede da xeminada –ll-, o -e final perdeuse modernamente, fronte a solucións antigas con mantemento da vogal: accu-ĭlle > aquele > aquel; fŏle > fole > fol; mĕlle > mele > mel; mĭlle > mile > mil… En cambio, a forma Vale consérvase no topónimo que dá nome á parroquia de Baralla onde se localizan as importantes covas que acollen especies animais e vexetais únicas como o morcego de ferradura.

Papín

De forma contraria ao que acontece con Casar de Monín, neste topónimo non se conservou o primeiro substantivo, que nós cremos sería a hipotética forma *(villam) + o xenitivo do antropónimo *Pappini: de *Pappinus > Papín. Do mesmo xeito tamén se orixinarían Nantín < *(villam) *Nantini: de Nantinus e Randín < *(villam) *Randini: de Randinus. Da presenza da romanización en Papín dá proba a Dedicatoria aos Lares viarios encontrada neste lugar en 1906 polo daquela párroco de Penarrubia, Antonio Correa Valcárcel, depositada no Museo Provincial de Lugo, coa seguinte lenda epigráfica

Laribu[s]
Via lib[s]
Placid
[i]na ex v
oto p[o]siit

“Aos Lares das vías, Placidinia puxo (isto) por unha promesa”.

Carballedo

Derivado de “carballo” + sufixo -edo (<-ētu), co significado de colectividade, refírese tanto ao lugar onde hai carballos como ao conxunto destas árbores. A orixe do vocábulo carballo é incerta, mais crese que prelatina. Podería ser celta pola raíz kar- (pedra). Carballo, ao igual ca outros topónimos coma carba, pertence a unha familia léxica fitonímica de orixe prerromana, aínda que non se sabe con exactitude a que estrato lingüístico se adscribe. Coromines sitúao na familia prerromana en xeral, sen precisar máis. García de Diego sostén que é de orixe ibérica. Outros indican que se trata dun termo indoeuropeo sen máis. Hai quen considera que existe unha estreita relación entre varias familias léxicas fitonímicas que teñen como base *kar-, por seren especies propias de lugares pedregosos.

En canto á súa orixe, debido á constatación documental, está moi estendida a teoría que considera carballo como derivación da forma prerromana *carba “matorral”, á que se engade o sufixo *-aliu. García de Diego suxeriu que deriva da forma ibérica a través dun posíbel *carbaculum. Por outro lado, Sarmiento cre na relación entre carballo e o latín quercus a través da evolución *querqualio > *carqualio > carvallo, pero esta vía non se considera probábel.

A Veiga

Este vocábulo presenta unha forte polisemia e todas as súas acepcións teñen en común á referencia ás características de determinados terreos. Así, o Dicionario Estraviz recolle as seis seguintes: (1) Planície ou vale suave e fértil. (2) Terreno plano, bom, de lavradio. (3) Grande chaira de terreno comunal. (4) Leira destinada à sementeira de milho, batatas, etc. (5) Lavradio onde vários vizinhos têm uma parcela. (6) Terreno sempre húmido, normalmente com outono. En cambio, a RAG ofrece unha soa acepción: Terreo baixo, amplo e fértil, xeralmente ás beiras dun río. Na toponimia da freguesía de Penarrubia, esta palabra identifica tanto un lugar e a súa casa situados á beira do río Neira como o conxunto de varios predios bos para o cultivo localizados en terreo chairo (Así As Veigas, nos límites con Camporredondo xa na freguesía de San Xoán de Pedrafita). Tamén existe o oicónimo Veiguiña co que se coñece unha casa situada excepcionalmente na cota máis baixa do lugar de Val. Resaltamos a situación desta casa porque é a única que existe entre prados na parte máis fonda do val e non na media ladeira como sucede nos demais poboamentos da freguesía.

A orixe de Veiga é da base prelatina *baika, que se relaciona co euskera ibai ‘río’. De *ibai-ka, con aférese, > vaiga > veiga. Este vocábulo tanto como topónimo como patronímico encóntrase profusamente documentado na Idade Media. Así en latín, …et duas tercias de senaribus de Veiga, et totum nostrum quinionem de Pausa de Veiga, et hoc totum quitamus et damus in perpetuum… como xa en galego, o que meteu na taleiga | pouc ‘ aver e muita meiga, | é por non entrar na Veiga | que faroneja (En Afonso X. Cantiga de escarnio. O que foi passar a serra.

A Condomiña

Lugar situado xa fóra da freguesía de Penarrubia, trátase dun topónimo frecuente na Galiza, que tamén podemos encontrar en español como La Condomina. Procede do latín cum + dominia (da forma neutra dominia -iōrum > domiña). En latín clásico Dominia tiña o significado plural de “señores” e tamén “tiranos”. No baixo latín medieval *condominium designaba a terra, próxima ao castelo, reservada ao señor e exenta de dereitos e tamén terreo sometido a dous señores. Cumdominium/condominium tamén se emprega actualmente como tecnicismo en Dereito internacional público para referírmonos a un territorio sobre o que exercen a súa soberanía varios Estados.

En cambio, para Moralejo Laso condomina e condoma significaban “casa co seu curral e dependencias accesorias” e deriva de domus -us > “casa”. Mantense en provenzal como apelativo e como topónimo francés nas formas de La Condamine, La Condemine, Les Condemines repetidamente en varios departamentos do sur e do sueste.

Castrolanzán

Lugar situado fóra da freguesía de Penarrubia, provén do latín castru(m) (“fortificación militar”) + xenitivo do nomem *Lantiani, un etnómino de procedencia prerromana que se documenta tanto na Península como fóra dela. Así, no fito funerario do Museo Arqueolóxico de Mérida CE07999: D(is) M(anibus) s(acrum) / G(aius) Lancius / Iulianus / an(norum) XVI / h(ic) s(itus) e(st) s(it) t(ibi) t(erra) l(evis) / Iul(ia) Proba mater / filio piissimo faci/endum curavit[1]. Este patronímico daría orixe tamén a outros topónimos como Lanzá, no concello de Mesía, ou Paiolante (Paio-lante), lugar da parroquia de Quembre no concello de Carral. Así mesmo, tamén cremos que Lanzós, o patronímico dun dos líderes dos Irmandiños, constitúe unha forma reducida dese mesmo nomem prelatino. Da mesma orixe é tamén o topónimo da antiga cidade da Gallaecia Lancia, hoxe do termo municipal de Villasa­bariego, provincial de León.

Capela de Castrolanzán

A Revolta

Do latín clásico revolūtum, formado polo prefixo re-, que indica reiteración, e volūtu(m) > voltu(m), ou pasando previamente polo latín vulgar *re-vŏlvĭtaparticipio pasado de re-vŏlvĕre, resto participial do latín vulgar *re-voltare ‘desandar o camiño’, ‘facer ir e vir’, ‘dar a volta’. O topónimo pode designar un cambio de dirección nun río ou nun camiño e tamén pode referirse a unha ‘parcela cultivable, xeralmente no monte’ (terras de revolta). Neste segundo sentido aparece documentado en 1314 … et terça de todo grao et de legumea et de nabal se for de barbeyto, et se for de revolta daredes quarta et terca de cebolas se as y over, et s[e]mearedes para vos dous ceramis de linaça… [En volume III de Romaní Martínez, Miguel (ed.) (1989-93): La colección diplomática de Santa María de Oseira (1025-1310). 3 vols. Santiago: Tórculo Edicións (1989, 1989, 1993)].

Teixeira de Abaixo e Teixeira de Arriba

Topónimos de referencia vexetal, proceden do latín tāxu(m) teixo + sufixo -ārĭa, con significado de colectividade, + preposición de + os adverbios aglutinados con preposicións ad rīpa(m) > arriba e ad bassĭu > abaixo. Por tanto, de tax- ārĭa de ad-rīpa/ad-bassĭu > Teixeira de Arriba/Teixeira de Abaixo. O vocábulo latino taxus, e o del derivado teixo, ten a mesma orixe que o grego τάξος (taxos), “ordenado”, participio do verbo τάσσω (tasso) ou τάττω (tatto), “ordenar, arranxar”.

Na Galiza existen varios topónimos formados sobre o lexema tāxu(m) teixo (Teixeiro, Teixido, Teixoeira, que certifican a existencia noutrora desta especie de árbore lonxeva, hoxe escasa e en perigo de extinción. Nunha recente visita a Teixeira de Arriba, comprobamos que no seu núcleo urbano existen dous exemplares novos de teixo, feito que mostra o interese de quen os plantou por conservar a manifestación da existencia do topónimo que identifica os veciños coa súa historia. Non sucedeu o mesmo en Penarrubia co segundo teixo centenario que existiu até finais da década dos cincuenta do pasado século na entrada do adro polo norte, que foi tallado, e tampouco acontece co que perdura no lado nordeste, que periodicamente é sometido a unha poda descomunal que lle fai perder o seu porte característico.

A referencia clásica máis coñecida sobre o teixo é a súa inclusión na Historia natural de Caio Plinio Secundo, máis coñecido como Plinio o Vello: O teixo é pouco verde, delgado, triste, sen mollo, e o único deles que produce baias. O froito do macho é velenoso, pois as baias, sobre todo en Hispania, encerran un veleno mortal, mesmo está probado que barricas de madeira, feitas na Galia para transportar viño, causaron a morte. De acordo con Sextius, os gregos chámano smilax e o seu veleno é en Arcadia tan activo que mata a quen dorme ou come baixo a árbore. Algúns din tamén que a orixe da palabra tóxico é o antigo nome táxico que recibía o veleno [feito con teixo, taxus] con que se envelenaban as frechas. Vin como o teixo se volve inofensivo se se chanta no tronco un cravo de cobre. A etnografía, as lendas e tradicións orais revelan a existencia dunha arcaica relixión cuxo centro sagrado e motivo principal era o teixo, que aglutinou razas, culturas e etnias xerando, á súa vez, diferentes cultos nos que actualmente apenas poden recoñecerse as pegadas do antigo significado. Na cultura céltica, o teixo (galo *eburos) tivo unha extraor­dinaria importancia. Unha pasaxe de César narra que Catuvolcus, xefe dos Eburóns —literalmente “fillos do teixo”—, suicidouse envelenándose co zume desta árbore antes que entregarse a Roma (De bello gallico 6:31): Catuvolcus, rex dimidiae partis Eburonum, qui una cum Ambiorige consilium inierat, aetate iam confectus, cum laborem aut belli aut fugae ferre non posset, omnibus precibus detestatus Ambiorigem, qui eius consilii auctor fuisset, taxo, cuius magna in Gallia Germaniaque copia est, se exanimavit[2].

E Floro e Orosio relatan que os galaicos sitiados no monte Medulio preferiran morrer suicidán­dose, coas propias armas ou por veleno de teixo, antes que renderse aos romanos. L. Annaevs Florvs en Rerum Romanarum Epitome 2. 33. 4953: Captum tamen postremo fuit Medulli montis obsidio, quem perpetua XV milium fossa comprehensum undique simul adeunte Romano, postquam extrema barbari vident, certatim igne ferro inter epulas venenoque, quod ibi volgo exarboribus taxeis exprimitur, praecepere mortem seque pars maior a captivitate, quae morte gravior ad id tempus indomitis videbatur, vindicaverunt[3].

Pavlvs Orosivs en Historiarum adversus paganos. Liber 6, 21, 58: Praeterea ulterio­res Gallaeciae partes, quae montibus silvisque consitae Oceano terminantur, Antistius et Firmius legati magnis gravibusque bellis perdomuerunt. Nam et Medullium montem Minio flumini imminentem, in quo se magna multitudo hominum tuebatur, per quindecim milia passuum fossa circumsaep­tum bsidione cinxerunt. Itaque, ubi se gens hominum trux natura et ferox neque toleran­dae obsidioni sufficientem neque suscipiendo bello parem intellegit, ad volun­ta­riam mortem servitutis timore concurrit. Nam se paene omnes certatim igne ferro venenoque necaverunt[4].

Teixeira de Arriba

A Barrosa

Derivado de Barro, vocábulo de orixe prerromana, posibelmente celta, que se refire á terra avermellada, amarela ou branca que é utilizada na elaboración de cerámica. A Barrosa etimoloxicamente designa o predominio deste tipo de terra. Rosa Pedrero Sancho, en Aportaciones a la etimología de algunos términos de origen prerromano, afirma que barro ten todo o aspecto dun apelativo de orixe hidronímica, relacionado coa raíz *uer-/*uor-/*ur- “auga, chuvia”, que deu apelativos como o ai. vār, vári ‘auga’, avéstico var– ‘chuvia’ e da que é posíbel que proveñan outras palabras como barranco, barra… Convéncenos esta teoría etimolóxica dado que tamén nos permite relacionar o topónimo Barrancal, que designa o conxunto das terras situadas ao oeste das Veigas camiño da propia Barrosa, que queda nas proximidades. Segundo esta interpretación, o topónimo Barrancal gardaría tamén relación co tipo de terra arxilosa que predomina e non co significado que ordinariamente se lle dá a barranco: lugar profundo, precipicio por onde pode esbarrancar algo, dado que as terras dos Barrancais caracterízanse, xustamente polo contrario, por seren chairas.

A presenza do vocábulo Barro na documentación medieval é numerosa. No TMILG existen 60 coincidencias referidas tanto a patronímicos como a nomes de lugares. Así, nun documento notarial de 1250: damus ipsam nostram leyram de Barro in Gomariz, et iacet ante domum Iohannis Croqui, et diuidit de hereditate, quam tenent de nobis filii de domna Sancia Martini, per ipsum uallatum… Nun de 1380: …Affonso Çapateiro, morador en Barro, que he en frygisia de santa Marina de Gomariz… Noutro de 1506: …a vos Gregorio do Barro labrador morador en o couto de Tanoyro que soodes presente e a vosa moller Maria Oanes que he ausente ben como se fose presente para vos anbos e vosos heredeyros conven e a saber que vos damos toda a metaade enteyramente de todas las heredades e vina pardineyros, arbores e chantados aa dita hermida de Santa Maria do Camino e a nos en seu nome perteesçentes por manda que nos delo fezo Juan Perez de Jeve que Deus aia os quaes estan sitos en o barral que dizen de Barro que he en o dito couto de Tanoyro… O topónimo Barroso tamén se constata na documentación medieval, así neste de 1.100 do Tombo de Celanova: …et determinat per monte de Iunias et dividet per archas de Iunias et dividivit inter Sallare et Barroso et per Riquilanes usque in termino de Randini. No Proxecto Toponimia de Galiza e no Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran 119 rexistros coincidentes con Barrosa.

Cernadas

Derivado do substantivo latino ciniseris, fórmase o adxectivo participial cinerata para designar as cinzas que quedan despois dunha queima. Neste caso, cremos que se refire ao esquilmo queimado en cada unha das estivadas que se realizaban no monte até mediados do século XX para a preparación da sementeira do centeo. A mesma orixe ten o topónimo Campa Cernadas, que designa as terras situadas na aba do monte de Penarrubia que lindan ao oeste do Agro. Na documentación medieval está constatado este topónimo. Así no ano 1268: One in Ramiranis et conuentus eiusdem loci do adque concedo tibi Pedro Petri et uxori tue Marine Stefani et omni uoci uestre medietatem partem de una hereditate que iacet in loco qui dicitur Cernadas, quomodo diuiditur per terenum sancti Pelagii, deinde per deuesam de domno Munione. Ou nestoutro de 1271: illis qui tenent Cernadas, deinde per marcos quos ibi per meum mandatum boni homines plantauerunt. (Ambos en (En Lucas Alvarez, M. / Lucas Domínguez, P. P. (ed.) (1988): San Pedro de Ramirás. Un monasterio femenino en la Edad Media. Colección diplomática. Santiago: Publicacións de Caixa Galicia).

A presenza deste topónimo en Galiza é abundante. No Proxecto Toponimia de Galiza e no Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran 81 rexistros coincidentes con Cernadas.

O Couso

Lugar xa da parroqua de Santo Estevo de Furís situado no camiño que vai desde Cernadas a Pereira.

Probabelmente proceda do latín capsum, acusativo do substantivo capsus, que, entre outras acepcións, tiña a de “cavidade, oco para reter animais salvaxes’. Na actualidade, a RAG define este vocábulo con este mesmo significado: “Buraco a modo de trampa, que se prepara no monte para cazar animais, sobre todo lobos”. No Estraviz, a definición é máis coincidente aínda: “Fojo rodeado de um muro de pedra que se faz para caçar o lobo metendo nele uma ovelha para que o animal desça para a comer e depois não tenha saída”. Con este sentido encontramos o vocábulo na Historiae Romanae do escritor Caius Velleius Paterculus (19 a. C. – c. 31 d. C) …et quemadmodum clausa capso aliove saepto diversi generis animalia nihilo minus separata alienis in unum quodque corpus congregantur. Co mesmo significado interpretamos a súa presenza neste texto medieval de 1.179 da Colección documental do mosteiro de Santa María de Meira para situar o predio que se vende no lugar de Xixín, Crecente, A Pastoriza, entre o río Miño, que abeira estas terras, e o foxo alí existente. …ut facerem uobis kartam uenditionis de tota mea hereditate que habeo in Gigin ex parte matris mee  illo riuo et capsum (Madrid, A. H. N., Clero, Lugo, Meira, leg. 745/P-26. CODOLGA). Foneticamente, a evolución desde capsum> couso non segue o comportamento habitual do paso do grupo consonántico -ps- > s por asimilación regresiva como sucede en ipse > ‘ese’, gypsu > ‘xeso’; mais, como indica Manuel Ferreiro no §93 da súa Gramática histórica galega, existen casos en que a evolución -ps- diptonga por equivalencias coa vocalización do grupo -ks-: capsellu > ‘couselo’, capsu > ‘queixo’, capsa > ‘caixa’.

Fonte dos Poios

Procede de Fonte(m) (Fonte) + podiu(m) (altura, montículo). Refírese ao nacemento de augas nun lugar elevado con boas vistas. Son numerosos os topónimos compostos, cuxo primeiro lexema fonte serve para referirse ao lugar de nacemento dun rego ou dun río: Fonteo, Fontaneira, Fonteita, Foncova, Fonsagrada… ¿Con que fonte podemos identificar esta do topónimo? Consideramos que non se refire a un rego ou a un río caudaloso. Non ten por que ser o río de Xermil, cuxo nacemento se sitúa nunha engroba a catrocentos metros do núcleo rural da Fonte dos Poios. É posíbel que se trate dunha fonte que naza a carón das casas deste lugar situado a 880 metros de altitude e desde o que se domina unha impresionante panorámica que se estende até o cume dos Ancares. A este feito se refire o segundo dos lexemas do topónimo: elevación do terreo que destaca visualmente mesmo entre montañas. Poios > latín Podium -iie este do grego πόδιον, substantivo que na súa evolución perde a forma neutra para asimilar os seus compoñentes ao masculino. Así, desde Fonte de illos Podios > Fonte dos Poios. Este mesmo topónimo encontrámolo no Poio de Pontevedra e tamén nas formas catalás Puig, que sinalan lugares tamén asentados en outeiros elevados desde os que se poden avistar amplas panorámicas.

No Proxecto Toponimia de Galiza e no Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran, alén deste Fonte dos Poios e do Poio pontevedrés, dez topónimos máis coincidentes con esta forma.

Casar de Monín

Topónimo constituído por dúas formas substantivas e a preposición de. En latín, ademais de existir domus co significado xeral de “casa”, tamén existía a palabra casa -ae, co significado de cabana, casa humilde e granxa rural. Este sentido é o que perdura no topónimo: casa rural e terras que pertencen a un mesmo propietario. Sobre o lexema casa formouse o derivado adxectival casaris que mudaría tamén en casalis, -is, -e, co significado de relacionado coa granxa. Căsālĭs empregouse na baixa latinidade como substantivo e como adxectivo coa acepción de propiedade rural incluídas as edificacións. Nos séculos XII e XIII xa se emprega profusamente esta palabra na documentación galega. Así, en a meadade do casar de Sussao et a sesta [. . .] meu pare sobredito, as quaes cousas son su cadea de sancta Maria de Tamallancos. (In Romaní Martínez, Miguel (ed.) (1989-93): La colección diplomática de Santa María de Oseira (1025-1310). 3 vols. Santiago: Tórculo Edicións (1989, 1989, 1993). Ou en damos e outorgamos a uos Domingo Iohannis e a uossa muller Eluira Perez e a uosso fillo ou filla ou amigo qual nomeardes a pus uossa morte, un nosso casar de herdade que auemos eno lugar que dizen Val de Quartas, su signo da igleya de Cerdeyra (In Duro Peña, Emilio (ed.) (1967): “El monasterio de San Salvador de Sobrado de Trives”, Archivos Leoneses, 21, 49, pp. 7-86). Monín/Munín procede do xenitivo do patronímico latino Munninus > Munnini < (Munn + in). Esta forma antroponímica, coas súas variantes, está documentada en múltiples textos medievais. Así, Munin Martin e Martin Qazares, clerico (documento de 1274 en Lucas Alvarez, M. / Lucas Domínguez, P. P. (ed. ) (1988): San Pedro de Ramirás. Un monasterio femenino en la Edad Media. Colección diplomática. Santiago: Publicacións de Caixa Galicia). Ou neste outro de 1318, Testemoyas que foron presentes … Johan eans notario, Mtin Munin nunes de carcacia, fernan ferreyra (En López Ferreiro, Antonio (ed.): Galicia Histórica. Colección diplomática. Santiago: Tipografía Galaica). O significado etimolóxico, por tanto, deste topónimo é conxunto de terras rurais coas súas construcións do propietario chamado Munninus, Munnius > Munius. Este tipo de propiedade consolidouse ao longo da historia e orixinou no noso dereito civil a institución do lugar acasarado que, segundo o artigo 119 da lei que o regula, se define como o conxunto formado pola casa de labor, as edificacións, as dependencias e as leiras, aínda que non sexan lindeiras, así como toda clase de gando, maquinaria, apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agropecuaria, forestal ou mixta.

Neira de Xusá

Este era o topónimo do concello de Baralla até 1974 en que, por iniciativa de persoas ignorantes e desprezadoras das palabras que designan a nosa identidade, foi eliminado despois de séculos de uso na historia. Trátase dun topónimo composto do substantivo hidronímico Neira, xa comentado, e do adverbio de lugar xusá (“abaixo”) precedido da preposición de. Xusá < latín dӗōrsum > *dӗorsana > deorsa > Xusá. Como indica o profesor Manuel Ferreiro na Gramática histórica galega, o paso de deōrsum/deōrsaa Xusá prodúcese desde a consoante dentoalveolar [d] + iode [dj] á fricativa prepalatal sonora [ʒ] modernamente enxordecida [ʃ]. Dĕōrsu > med. juso > xusa. Do mesmo xeito que dĭārĭa > jeira > xeira ou *dĭŭrnāle > jornal > xornal, adiūtāre > ajudar > axudar… Na stanza XV da Cantiga 69 de Santa María encontramos esta forma medieval do adverbio: E depús esto, vérnes madurgada/ levava vinn’ e pan aa pousada/ Pedro do monge, u fez sa pasada/ perant’a porta que é mais jusãa“. Nun documento notarial datado en Pontedeume no ano 1271, publicado por Martínez Salazar, Andrés (ed.) (1911): Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI. A Coruña: Casa de la Misericordia: quanta erdade eu aio et a auer deuo por uoz de meu padre Ouequo Perez en todo Brianca de Jusáá que est en fi´jgrisia de sam Gião de Carantona et de sancta Maria de Doronna. Noutro documento notarial de 1289: Primeyramente pelo forcado de Teyra et pela furtigada de su esse monte de Teyra et por esse rio de Villa de Jusaa et pela fonte da Caal et por esse marcho que se ena enfesta de contra a ygregia, recollido en Pérez Rodríguez, Francisco Javier (ed.) (2004): Os documentos do tombo de Toxos Outos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Tamén, noutro documento notarial de 1473, recollido en Romaní Martínez, Miguel / Rodríguez Suárez, Mª del Pilar (2003): Libro tumbo de pergamino. Un códice medieval del monasterio de Oseira. Santiago de Compostela: Tórculo: San Giao de Jusaa et outra herdade en Abacan en Santa Maria de Giam et a herdade de Vilar Basym, et a renda que avemos sub sygno de Santa Maria de Villamene

Outras linguas romances ofrecen solucións semellantes: jus (francés antigo); jussà, jus (catalán); ayuso, yuso (español); (friulano); giù, giuso (italiano); giòsso, giòssu (logudorés); jos (occitano); ajuso (portugués); jos (romanés); giòssu (sardo); djus (valón). En portugués existen os substantivos femininos jusante e montante para indicar as direccións opostas ao decurso das augas dunha corrente fluvial. As augas jusantes van en dirección á foz, ou sexa, o fluxo normal da auga. Pola contra, a montante faino en dirección á nacente, ou sexa, contracorrente. No concello de Trabada, parroquia de Vilaformán, existe un lugar chamado Vilaxusá que presenta o mesmo adverbio na súa composición. No concello do Páramo, freguesía de Cedrón, encon­tramos Cedrón Xusaos. E na parroquia de Orbazai, concello de Lugo, Xuxaos ten a mesma orixe.

Mais, lamentabelmente, o topónimo Neira de Xusá foi varrido oficialmente do noso nomen­clátor como se se tratase dun refugallo que nos anoxase a vida, como se for un codelo de pan balorento que só atrae a atención dos furtivos leiróns cobizosos do mofo que obstaculiza o progreso. E isto sucedeu a petición das autoridades municipais do momento, auxiliadas por informes emitidos por persoas incultas, e resolveuse por acordo do Consello de ministros celebrado o 7 de febreiro de 1975, segundo o cal el nombre de Municipio de Neira de Jusá, de la provincia de Lugo, ha pasado a denominarse Baralla.

E este cambio maligno conseguiuse ao segundo intento, pois en 1935 a Corporación municipal acordara tamén realizar a substitución do topónimo de Neira de Xusá polo de Baralla. O 11 de xullo publicouse no BOP de Lugo un edito polo que se expoñía ese acordo do Pleno municipal. Emiten informes favorábeis a esta proposta o Xuíz municipal, o Xefe do Posto da Garda civil, o Inspector Municipal de Sanidade e o mestre da Escola Nacional de Nenos. Todos estes informes coinciden nos seguintes argumentos: El nombre de Neira de Jusá se confunde con los de Navia de Suarna, Negueira de Muñiz y Meira y en el municipio no hay ningún pueblo ni aldea con igual nombre que el ostentado por el término municipal. A estes argumentos cargados de tan “notorio rigor” hai que unir o que engade a Corporación afirmando que en Galicia la denominación de un Ayuntamiento coincide, casi siempre, con el nombre de uno cualquiera de los pueblos que forman parte de su término… y cuando se nos pregunta por nuestra oriundez respondemos siempre que somos de Baralla sin acordarnos para nada del nombre actual de nuestro Ayuntamiento. Non menos sólido resulta o argumento que engade o Xefe do posto da Garda civil: la correspondencia puede ir, equivocadamente, a Navia de Suarna, Negueira de Muñiz y Meira.. y es más conocido por el elemento popular el nombre de Baralla que el de Neira de Jusá. Isto sucedía en 1935, en plena etapa republicana e, pensamos nós, non se incluíu o informe do párroco pola vixencia do Estado laico nese momento. Estamos seguros, en cambio, que na proposta que se realizou no ano 1974 si se incluirían os argumentos tamén coincidentes dos pastores parroquiais do franquismo para perpetrar este toponimicidio.

A proposta da Corporación municipal, acompañada dos citados argumentos, elevouse á Sociedade Geográfica Nacional para que emitise o preceptivo informe, que foi datado no mes de novembro dese mesmo 1935 e asinado por Abelardo Merino Álvarez e Juan López Soler, historiadores militares e académicos da Real Academia de la Historia. O seu ditame desmonta con contundencia os grotescos argumentos que contiña a proposta de cambio toponímico: no se ve la necesidad sentada de variar el nombre para evitar molestias, confusiones y perjuicios, toda vez que en Galicia no es corriente que la capitalidad del Municipio lleve su nombre; de seguir ese criterio tendrían que cambiar de nombre 136, más de la tercera parte de los 319 municipios gallegos… Delos 136 Ayuntamientos hay 104 que en su territorio no existe ningún núcleo de población que ostente el mismo nombre que el término municipal, y los 32 restantes, aun teniendo poblados con el mismo nombre, las oficinas, dependencias municipales y archivos, o sea, a lo que se le suele asignar el título de capitalidad, están instaladas en entidades de población que tienen nombre distinto del del Ayuntamiento… Nun momento do ditame, cualifícase o argumento do Xuíz municipal de “algo tendencioso” por afirmar que na Galiza a denominación dun concello coincide case sempre co do nome dunha calquera das poboacións que forman parte do seu territorio, a no ser que le parezcan pocos 104 ayuntamientos de los 319 en que se dividen las cuatro provincias gallegas, de las cuales sólo 183 tienen sus oficinas municipales en entidades de población de igual nombre que el ayuntamiento y que no se haya fijado que su limítrofe de Baleira se encuentra en este caso; que el de Láncara, situado al S.O, tiene su cabecera municipal en la aldea de Carracedo[5], siendo Vilaesteva la entidad de población con mayor número de vecinos, y que en el Corgo la mayor entidad de población es la aldea de Adan [sic]. Os académicos continúan desmontando os argumentos da proposta: o feito de que en Baralla exista cuartel da Guarda civil non serve de fundamento, pois en moitos outros concellos galegos sucede o mesmo e como exemplo cítase o caso de Guísamo, onde radica o cuartel, mentres Bergondo mantén o seu topónimo para designar este termo municipal. Verbo das confusións que se prestan co nome de Neira de Xusá con outros topónimos, responden que maiores se producirían con Baralla dada a existencia de varias coincidencias deste mesmo topónimo con outros dos concellos Viveiro e Carballo e tamén con Baladas, en Melide, Baraio en Cesures ou A Barcala de Cambre e mesmo coas Barayas de Madrid e de Biscaia. Un dos asinantes do ditame, Juan López Soler, era ferrolán e bo coñecedor tanto da xeografía galega como da súa historia. Por isto, de seguido, rebátese con contundencia o argumento de que o topónimo Neira de Xusá non existe en ningunha entidade de poboación do concello: existe o arciprestado de Neira de Xusá, existe o val de Neira de Xusá, existiu a antiga xurisdición de Neira de Xusá na que exercía o señorío o conde de Lemos…

Finalmente, pregúntanse os académicos que evacúan o ditame: ¿Qué les parecerá a los vecinos de las alejadas parroquias de Camporredondo o de Penarrubia, situadas a muchos kilómetros de distancia de la villa de Baralla sustituir el nombre del valle que ostenta el Ayuntamiento por ese que, con carácter despectivo, intercalan maliciosos labriegos en las canciones cuando dicen:

Con xente que non coñezas
Non gastes moita baralla,
Porque se a gastas dirán
Que algún xuízo che falta.

Conclúe este informe co acordo desfavorábel ao cambio do topónimo tradicional de Neira de Xusá, mais, antes, os académicos critican o escurantismo pola falta de información e de consulta neste proceder municipal aos veciños do Val de Neira de Rei e de toda Neira de Xusá nesta proposta apoiada polos informes do Xefe de posto da Garda Civil, do Mestre e mais do Inspector de Sanidade consultados.

¿Estos trabajadores de la tierra, cuando en el verano estaban preocupados con la recolección de las cosechas, o con la cría del ganado, se habrán dado cuenta que allá abajo, en la carretera, colgado en el interior del portal de la Casa Consistorial, había un edicto que les anunciaba lo que en este expediente se propone, y se encontrarán mortificados cuando los labriegos de los territorios circundantes les llamen baralleiros, que en el leguaje vernáculo se aplica al hablador insustancial o a la persona de poco juicio en el hablar?

Neira de Rei

Formado por composición de dous substantivos unidos pola preposición de. Do primeiro deles xa realizamos a análise. Do segundo, existen dúas posibilidades para a súa explicación. A máis estendida e menos convincente é a que sostén que Rei > rege(m) latino de rex regis, rei, soberano. Rei é un vocábulo conexo en moitos casos coa toponimia: Neira de Rei, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Palas de Rei… ¿Quere isto dicir que todos estes lugares foron creados por concesión real ou tiveron algo que ver coa monarquía? Pensamos que non. De ser así, existirían documentos que acreditasen este feito. Ademais, na maior parte dos casos, trátase de entidades de poboación moi reducidas como para seren dignas de tamaña mercé real. Dos citados topónimos, no caso de Neira de Rei nin sequera existe un núcleo concreto que reciba ese nome, pois, como ben sabemos, comprende todo o val cos seus diferentes lugares. E con isto sentimos contrariar o sedicente arquiduque de Trastámara, Su Alteza Real Jesús Fernández Núñez Fernández Telo, franquista mutilado de guerra que adquiriu o grao de brigada, quen hai sesenta anos se proclamou descendente nada menos que de Fernando O Católico e da súa segunda cónxuxe, Úrsula Xermana de Foix, argumentando que o fillo deste matrimonio fora furtado da corte no momento do parto da súa nai para ser agochado no val do Neira, que desde este momento pasou a denominarse do Rei. Mais, deixemos esta fábula que nada ten que ver coa filoloxía e que por si mesma merece unha novela seriada como Juego de Tronos, da que tanto se fala, e volvamos ao rego. Pois resulta que en galego e portugués rego, en asturiano riegu, en gascón arrèc, rèc, en catalán rèç, en éuscaro erreka… son palabras que se refiren polisemicamente ao rego que se abre nas terras para o seu cultivo e mais á auga que descorre por elas. O filólogo Ángel Llamazares Sanjuan, que realizou investigacións sobre a orixe desde topónimo, conclúe en Rey, Reina y términos conexos en la toponimia leonesa, que es probable que muchos topónimos —y no sólo de León— en cuyo nombre figura la palabra Rey, nada tengan que ver con la realeza —aunque así hayan sido interpretados habitualmente e, incluso, hayan formado derivados también relacionados con ella—, sino que deben interpretarse a partir de Regi > Rege > Re / Rey ‘del curso de agua’, ‘del arroyo / presa / río‘.

A esta mesma conclusión, con maior profusión de argumentos, chega Julián Santano Moreno en Un derivado romance y vasco de IE *reik-. Historia y semántica. En Nouvelle revue d’onomastique, n°39-40, 2002. pp. 3-40. Para isto, este profesor da Università degli Studi G. D’Annunzio de Chieti, Pescara, rastrexa a presenza da base indoeuropea *reik- (rego, corrente de auga e suco que se fai na terra) no dominio romance e no éuscaro.

Baralla

Menéndez Pidal e outros sosteñen que este topónimo provén do latín *varālia, derivado de vara, forma feminina do adxectivo vārus -a -um = “carrancas, que ten as pernas tortas ou arqueadas” e tamén se aplica á trabe que ten forma cambada. De aquí pasaría ao latín vulgar coa forma *varalia > baralla, co significado de valo ou sebe feito con varas e estacas cruzadas. Como curiosidade, o verbo prevaricar tería a mesma orixe: cando un funcionario dita unha resolución inxusta conscientemente está afastándose do seu deber de proceder dereitamente, isto é, desvíase da liña recta como se andase ás carrancas. E cando un labrego, ao arar os campos, traza os sucos tortos tamén está prevaricando no seu sentido etimolóxico.

Segundo o Diccionari català-valencià-balear (DCVB) d’A. M. Alcover i F. de B. Mol, a forma catalá baralla é de etimoloxía descoñecida e os autores propoñen a hipotética *barattŭla, derivada do antigo nórdico baratta, “loita”.

Case nos convence máis a procedencia da raíz precéltica «bar-», barranco rochoso, que deu en occitano «barralh», valado, parede, curral, e en francés o topónimo Baralle, comuna e vila do departamento de Pas-de-Calais, na rexión de Hauts-de-France. Segundo A. Dauzat et Ch. Rostaing, Dictionnaire étymologique des noms de lieux en France, o topónimo Baralle (Barala no século XI) tiña o significado de lugar cercado.

En fin, a orixe deste topónimo é incerto e, como vemos, ofrece diferentes interpretacións para os lingüistas. Barallar ten varias acepcións: actualmente empregamos este verbo para referírmonos tanto a embarullar e revolver [as cousas], a mesturar os naipes ou a falar moito e sen proveito. En tempos pasados tamén designaba loita, verbal ou física. En éuscaro, en calquera caso, ten o mesmo significado o vocábulo “baraila”, feito que serve para apoiar a orixe desde a forma prelatina ibero-vasca *barr, que significa, ademais de “queixada”, “ruído, barafunda” e tamén “loitar” (baina horrelakorik aipatzen baduzu hemen, izango da baraila handiren bat = mais, se mencionas iso aquí, armarase unha grande barafunda).

No Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran cinco topónimos máis con este nome (A Baralla, no concello de A Lama; Baralla, nos concellos de Gondomar, Viveiro e Carballo; e Baralláns, no de Cabana de Bergantiños).


[1] Consagrado aos deuses Manes, Gaio Lancio Xuliano, de 16 anos de idade, xace aquí. Que a terra che sexa leve. Súa nai Xulia Proba mandou facer para o seu piísimo fillo.

[2] Cativolcus, rei da metade do país dos eburóns, cómplice de Ambiórige, afectado pola vellez, e xa que non podía soportar nin as fatigas da guerra nin as da fuga, abominando desesperadamente de Ambiórixe, autor da conxura, inzouse de zume de teixo, do que hai grande abundancia na Galia e na Xermania, e quitouse a vida.

[3] Mais, por fin, foi conquistado co asedio do monte Medulio: rodeado por un foxo circular de 15 millas e atacándoo o romano simultaneamente por todas partes, os bárbaros, dándose conta de que chega o final, buscaron a morte á porfía co lume, coa espada e poñendo na comida un veleno que alí se extrae do teixo facilmente; deste xeito, os máis deles libráronse da catividade, que daquela lles parecía peor que a morte a aqueles indómitos.

[4] Alén disto, os legados Antistio e Furnio con grandes e penosas guerras conseguiron dominar as partes ulteriores de Gallaecia que, inzada de montes e fragas, chegan deica o Océano. Porque encerraron o monte Medulio, que está á beira do rio Miño e no que se protexía unha chea de xente, rodeándoo cun foxo de asedio de quince millas. E así, cando aquela raza de homes, de carácter terrible e bravo, se decatou de que non tiña forzas para resistir o asedio nin para emprender unha guerra, decidiu o suicidio por medo á escravitude. E que case todos se mataron: uns ardendo no lume, outros coa espada e outros co veleno.

[5] Na actualidade, a capital do concello de Láncara é A Pobra de San Xiao.

Relacionados...

Litotopónimos

Os litotopónimos son os nomes das pedras. Pena da Uz Situada no monte de A Barrosa, marca o límite polo noroeste da

Agrotopónimos

Os agrotopónimos son aqueles topónimos que gardan relación coas actividades agrícolas, os sistemas de cultivo, as situacións e as demarcacións dos terreos.

Antropotopónimos

Os antropotopónimos son os nomes de lugares formados por nomes de persoas. Casar de Monín/Monín Topónimo constituído por dúas formas substantivas e

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario