Litotopónimos

Os litotopónimos son os nomes das pedras.

Pena da Uz

Situada no monte de A Barrosa, marca o límite polo noroeste da parroquia de Penarrubia coas de san Estevo de Furís polo leste e San Lourenzo de Pousada polo oeste. Topónimo composto. Para Pena véxanse A Pena e Penarrubia. Uz procede do latín ūlĭce (de ūlex -ĭcis) > uz, con perda do -l- intervocálico. A uz é o arbusto da familia das ericáceas do que existen varias especies moi comúns nos montes de Galiza de follas moi pequenas flores brancas ou malvas tamén miúdas e que alcanza ata os tres metros de altura segundo a variedade de que se trate.

Pena da Uz no monte da Barrosa da Serra do Puñago

Pena das Aigas

Rochedo situado no comezo da Serra do Navallos que na actualidade fica oculto pola vexetación. Procede do latín Penna de illas ăquĭlas > Pena das Aigas. Para Pena véxase o dito en Penarrubia. A forma “aigas” é unha variante popular de “aguias”. Tanto nun caso como no outro, a perda do -l- intervocálico propiciou a formación ditongación. O Proxecto Toponimia de Galiza constata 40 rexistros toponímicos que conteñen a forma Aguia, mais ningún que recolla Aiga.

Pena dos Mosquitos

Conxunto de pequenas rochas situadas na parte norte do cumio da Serra do Medio. Na actualidade están cubertas pola vexetación. O vocábulo “mosquito” tanto en galego como en portugués é un préstamo do español, o mesmo que acontece coa forma metastática francesa moustique. Formouse por derivación do latín mŭsca.+ -*ittus, sufixo de orixe incerta, posiblemente empregado xa no latín vulgar falado de substrato non indoeuropeo ibérico.

Pena de Painzal

Véxase Pena e Painzal.

Pedragás

Predios situados no leste do Agro, entre Os Freixos e Os Valados. Procede do latín pětra, rocha, pedra, + o sufixo –ale. Fai referencia á acumulación de pedras neses terreos, feito do que dá fe quen isto escribe pola cantidade delas que axudou a retirar a inicios da década dos setenta cando a un destes Pedragás lle foi cambiado o uso de terra labrantía a prado. Cerca de Matela, na freguesía contigua polo sur á de Penarrubia, existe un topónimo que na cartografía oficial se escribe como Pedregais, mais que nós cremos que mantén a mesma forma oral que este de Penarrubia. En Burela, rexístrase unha entidade de poboación con este topónimo e no Proxecto Toponimia de Galiza figuran tres nomes de terras nos concellos de A Pontenova, Foz e Melide. Cremos que en Pedragás opera a mesma excepcionalidade na formación do plural que en reás.

A Canteira

Situada entre o Rego do Cebeiral e o Río Seco. No seu cumio sitúase Cernadas. Polo sur confina coa Serra do Mazuco e polo norte, coa da Lagúa. Procede do latín cantu(m), pedra, posibelmente como préstamo de orixe celta, + o sufixo locativo –ārĭa. Inicialmente, cantu en latín era o nome que recibían as pezas metálicas exteriores das rodas. As lamias dos carros e mais as fitas metálicas con que se reparaban as zocas estragadas tamén as coñecemos como canterlas, palabra que garda relación máis directa co seu étimo cant-. No Proxecto Toponimia figuran 363 rexistros con esta forma. Na documentación medieval ao noso dispor non constatamos a presenza deste vocábulo polo que deducimos que a súa incorporación ao uso común foi serodio. O mesmo afirma Coromines para as formas españolas cantera e cantería, que datan a partir de documentos do século XV. En cambio, o vocábulo “pedreira” fica rexistrado profusamente na documentación medieval. Así, neste texto notarial de 1310 …Iten lle mando a adega da Pedreyra con quatro cubas de dez |dez| moyos... (GMH Documentos do arquivo da catedral de Ourense (1289-1399), Documento 75). Ou nestoutro de 1482 … et mays outra vina que jas donde disen a Pedreira, so signo de Santa Maria de Crunego …(GMH Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, Documento 1347). Na propia freguesía de Penarrubia existe en Val o oicónimo Pedreira.

Groba da curuxa/coruxa

Lugar situado no sur do monte da Canteira que contén unha depresión fonda e estreita. Para Groba véxase o dito en As Grobiñas.

Descoñecemos o étimo de curuxa. É probábel que se trate dun son onomatopeico. A. Santamarina e M. C. Ríos Panisse afirman, en Nomenclatura de la fauna y de la flora en Galicia. I. Anexo 7 de Verba 1977, páx. 428, que quen oíu cantar algunha vez as curuxas, cun cu-rú cu-rú cu-rú moi fácil de imitar, non se estrañará que “cantar a curuxa” se diga curuxar (portugués corujar) e o paxaro se denomine curuxa. Son múltiples e fantasiosas algunhas propostas que se teñen realizado para a explicación da súa orixe. Crespo Pozo, en Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego III, páx. 40, propón a forma latina *cuculla, variante de cucullus, carrapucha dos monxes, polo parecido que garda a forma da cabeza da ave coa dos monxes encarrapuchados. J. Coromines tamén achega a súa particular hipótese para o vocábulo español coruja propondo como étimo o verbo latino *corruptiare > francés courrocer, irritar, polo temor lendario xerado arredor da curuxa como ave nocturna. Aínda máis, afirma Coromines que o verbo pronominal español acurrucarse tamén procede do latín corrūgatus, enrugado, por “influjo del asturiano y el gallego curuxa, portugués coruja, por la costumbre de estas aves nocturnas de estarse ocultas y acurrucadas durante el día, de donde resultó la variante acurrujarse, usual en Asturias, Galicia y Colombia”.

Segundo a lenda, as curuxas zugan o aceite das lámpadas das igrexas e son consideradas aves de mal agoiro cando cantan arredor da casa das persoas doentes ao anunciaren o termo da vida.

 O Proxecto Toponimia de Galiza recolle 47 rexistros co vocábulo Curuxa e 19 coa variante Coruxa. Mais, esta forma tamén orixinou apelidos como Cruxeiras e Coruxeira. Na documentación medieval hai referencias a este étimo, así na Carta de poboamento de Pontedeume de 1332 …et sant saluador de curugion[1] et asperela, et sayoane de uilla mourel, et santiago de dragonte, et paderne, (GMH. Textos Forais, Documento 22. Fonte: López Ferreiro, A (dir.), Colección diplomática de Galicia Histórica. Edición facsimilar. Edicións do Cerne, Santiago de Compostela, 1998, doc. nº. XXXIV, pp. 161-169).

Louseiras

Procede dunha forma prelatina, probabelmente celta *losa, “Rocha de cor gris ou negra que se divide facilmente en láminas” + o sufixo –ārĭa > aira > eira, que indica lugar. Manuel Rabanal pronúnciase en favor da orixe céltica desta voz: “Celtismo seguro é non só do galego, senón de todas as linguas hispánicas (Cast. losa, Cat. !losa, etc.), a palabra lousa, de cuxa prosapia céltica posuímos non só moi acordes opinións de lingüistas senón tamén vellos testemuños epigráficos”. En cambio, Hubschmid considera esta palabra de orixe gala: «Son probablemente de orixe gala (e cita a Schuchardt) as formas do cat. llosa ‘placa de pizarra’; esp. losa; mozá. llausa; gal-port. lousa.

Marco de Murias e Monte de Murias

O Marco de Murias, situado no cumio do monte do mesmo nome a 935 metros de altitude, nunha das cotas máis elevadas da Serra do Puñago, marca os límites administrativos polo suroeste do concello de Neira de Xusá co de Castroverde e tamén os da parroquia de Penarrubia coa de Furís. No Catastro de Ensenada cremos que o Marco de Muni das Mestas fai referencia a este topónimo na demarcación da freguesía de Penarrubia: Sigue al Marco de muni das mestas; de aquí a la Pena da Huz y de esta sigue al marco de la Junqueira, su primera demarcación.

J. Concepción Suárez, no Diccionario etimológico de toponimia asturiana, Ediciones KRK 2007, indica que unha muria en asturiano é unha zona de pedras, entullos ou pedregais e tamén un montón de pedras; outras veces indica que as pedras poden proceder dun simple paredón ou dunha cabana ou vivenda abandonadas. Cabeza Quiles, F., en Toponimia de Galicia, Vigo 2008, Galaxia, cita a voz Murias, recollida nos Ancares leoneses, co significado de morea de pedras soltas. En Asturias e Santander, muria significa tamén valado de pedra, parede.

Procede dunha forma latina *mura, feminización de muru(m), forma latina que, á súa vez, estaría creada sobre os lexemas prelatinos mor-r / mur, morena, rocha, monte. A presenza do iod epentético pode explicarse por influencia asturiana como acontece en acurtiar, empedriar, segundo explica C. Longo Viejo en Etnotoponimia de las tierras situadas entre las rías d’Avilés y d’Aboño. Morala Rodríguez, J. R., en Toponimia de la comarca de Los Oteros, Universidad de Oviedo 1987, páx. 764, indica que Muria en zonas de León significa fito, marco entre asentamentos de poboación ou de predios, significado que se constata xa no ano 999: Per illo laco usque in illa foce de Ualle Uiride et de illa penna de illas murias usque in illa penna de coba Bella… (en Ruiz Asensio J. M. Colección documental del Archivo de la Catedral de León. 775-1230. III (986-1031) CSIC-CECEL. León. 1987.


[1] San Salvador de Curuxou é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Irixoa.

Relacionados...

Agrotopónimos

Os agrotopónimos son aqueles topónimos que gardan relación coas actividades agrícolas, os sistemas de cultivo, as situacións e as demarcacións dos terreos.

Antropotopónimos

Os antropotopónimos son os nomes de lugares formados por nomes de persoas. Casar de Monín/Monín Topónimo constituído por dúas formas substantivas e

Hodónimos

Os hodónimos son os nomes das vías de comunicación. As Cruces Plural do latín crux, crucis. Aluden aos camiños que se cruzan

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario