Os hodónimos son os nomes das vías de comunicación.
As Cruces
Plural do latín crux, crucis. Aluden aos camiños que se cruzan neste lugar dado que aquí conflúe o Camín principal de Penarrubia co que conduce a Val e co que dá acceso aos predios dos Pedragás, Os Valados, As Muras e Portela.
A Ponte da Silvela
Situada sobre o río Seco ao seu paso polo camiño que comunica coa Barrosa pasados os Barancais. Do latín, diminutivo de silva, planta, selva, bosque, co sufixo diminutivo diminutivo –ella. Este topónimo está constatado na documentación medieval tanto como topónimo como antropónimo. Así, neste texto notarial de 1336, … Sabean quantos esta carta virem que eu Roy Perez, fillo de Rodrigo Aras que foy de Sabadelle, por min e por miña voz vendo e logo por esta carta entrego a vos Lopo Rodriguez meu yrmao e a toda vossa voz para senpre huna leyra derdade que eu e miña moller Elvira Aras teemos en Vilarchao e iaz entre a leyra de Silvela da huna parte e a leyra do Casar da See e a d’Aldonça Rodrigues da autra, e entesta no camiño publico... (GHM. Documentos do arquivo da catedral de Ourense (1289-1399)).
O Caleiro
Hodónimo. Camiño que desde o Camín de Penarrubia descende a Portela entre o Curral e a Cortiña de Mofín, pola esquerda, e a Cortiña de Moreno, pola dereita. Encontrámonos neste caso cun vocábulo homónimo. Isto é, a etimoloxía deste topónimo tanto pode interpretarse procedente do latín vulgar *canalarium, (de canālem+arium), que se refire á condución por onde corre a auga, como á forma procedente do latín vulgar cale(m), variante do latín clásico calcem + o sufixo –ārĭum, lugar onde se deposita ou se elabora o cal e tamén puidera ser o lugar onde antano existise un forno para quentar a pedra para elaborar o cal (en español calero) ou unha canteira de pedra calcaria. Segundo explica Xabier Moure, “os caleiros constaban dunha cámara de combustión, situada na parte inferior, e o forno onde se colocaban as pedras calcarias de procedencia local para extraer o cal. A leña introducíase por unha abertura máis pequena, chamada boqueira, situada na base. O forno había que alimentalo constantemente xa que, para calcinar a calcaria, a temperatura non podía baixar de 900 graos centígrados. O cal obtido utilizábase, principalmente, como morteiro ou para encalar as paredes, pero tamén para reducir a acidez das terras de cultivo. Hai pouco, membros do colectivo Patrimonio dos Ancares descubriron un caleiro deste tipo en Sanmamede, freguesía de Covas, neste concello de Baralla.
O Proxecto Toponimia e o Nomenclátor de Entidades de Poboación testemuñan vinte e catro topónimos nos que aparece a forma Caleiro. Deles, a maioría situados nos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, As Nogais, A Pontenova, Ribadeo e A Fonsagrada, é dicir, nunha zona que os xeólogos denominan a formación Caliza de Vegadeo que, xunto coa Caliza de Cándana e a Caliza da Aquiana constitúen as tres formacións estratigráficas galegas. Na estrada Nacional VI, antes de chegarmos ao Cereixal en dirección a Becerreá existe o restaurante Forno do Cal, que nos permite constatar a permanencia desta forma toponímica. No sur da freguesía de Penarrubia, entre Fontán e Folgueiras, existe o topónimo Pedra do Cal, que corrobora semanticamente o que dicimos para o hodónimo Caleiro.
Mais, tampouco desbotamos a orixe deste hodónimo a partir de callĕm, forma acusativa do substantivo latino callis, carreiro, camiño estreito, de onde procede o vocábulo español “calle”. De certo, no caso do Caleiro de Penarrubia, trátase dun camiño angosto e estreito. Con este uso, en galego medieval encontramos este termo en varias estrofas da 78 Cantiga de Santa María:
Entôn do caleiro se partía tan tóste aquel hóme bõo e per un gran recóste se tornou al conde, e dentr' en sa repóste contou-ll' end' a hestórïa maravillosa.
O Calellón
Camiño angosto que ascende desde o actual cemiterio ao Curral de arriba. Procede do latín callĭcŭlu(m), camiño estreito, carreiro, diminutivo de calle(m), + sufixo aumentativo –one(m). Este sufixo adoita estar asociado a connotacións negativas, como cremos que sucede neste caso por tratarse dun camiño con moita pendente, estreito e en mal estado. O DRAG admite calello, mais non calellón.
A Congostra
Hodónimo. Camiño estreito e fondo que, partindo de Tralaira, comunica directamente coa Casela. En tempos pasados constituía un atallo que evitaba o rodeo que supón seguir o Camín que pasa entre as casas do Curral de Arriba. Actualmente é inusitado. O DRAG define a congostra como camiño de carros estreito e profundo, que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. No Estraviz, como caminho de carro entre muros ou ribadas. Procede do latín coangūsta > congostra, explica o profesor Manuel Ferreiro coa aparición dun -r- non etimolóxico como acontece en stēlla > estrela.
Entre o Proxecto Toponimia de Galiza e mais o Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran rexistradas 61 voces con este topónimo. Na documentación medieval tamén encontramos esta forma. Así neste texto de 1.007 …Et sedente princeps Adefonsus hic in Congosto, et ducis Rodericus Ordoniz qui illa terra tenebat sub ipse, et venerunt ipsos infancones ante illex nomine Nausti Didaz et Velasco Nuniz et Aloitus abba, et baraliaverunt ipsos homines quomodo superius resonat (GHM. Tombo de Celanova, Documento 552). Nestoutro do ano 1000 figura coa variante Congusto, referido a Santo André de Congostro, concello de Rairiz de Veiga, …unde in eorum comeatu adfuit abbas Salamirus qui sic prehendit hereditatem cum ecclesia ab antiquis constructa vocabulo Sancto Andre apostoli et villa vocabulo Congusto, territorio et ripa Limie. (GHM. Tombo de Celanova, Ed. por Serrano y Sanz, M., Documentos I, doc. IX, e Fernández del Pozo, J. M. doc. I, 226-228;).
Pontigo de Ilarín
En Penarrubia existían dous pontigos, un deles, o de Ilarín sobre o rego que baixa do Barrancal, aínda se conserva e consiste nunha pedra plana que une as dúas beiras do carreiro hoxe intransitado, e como consecuencia tamén intransitábel, que conduce a Val. O outro pontigo era de madeira e estaba colocado no camiño sobre a Presa da Fonte permitindo o paso das persoas a pé enxoito mentres os animais tiñan que cruzar as augas. Desde que estas foron canalizadas, deixou de existir este segundo pontigo. Neste caso comprobamos que tanto este pont-iculum como o xa comentado pugn-aticum a propósito de Puñago, o primeiro documentado en latín clásico e o segundo en latín medieval, conducen ao resultado semiculto coincidente fronte ao comportamento patrimonial da evolución dos étimos xerados por derivación –aculum. A palabra latina ponticulum encontrámola no texto que narra o momento crucial en que César, segundo escribe Suetonio en De vita Caesarum, 31–32, toma a decisión de cruzar o Rubicón: “Etiam nunc,” inquit, “regredi possumus; quod si ponticulum transierimus, omnia armis agenda erunt. “Ruit harundine canens; ad quem audiendum cum praeter pastores plurimi etiam ex stationibus milites concurrissent interque eos et aeneatores, rapta ab uno tuba prosilivit ad flumen et ingenti spiritu classicum exorsus pertendit adalteram ripam. Tunc Caesar: “Eatur,” inquit, “quo deorum ostenta et inimicorum iniquitas vocat. Iacta alea est,” inquit.
O Nomenclátor de Galicia rexistra como entidades de poboación: O Pontigo en Lourenzá, Riotorto e Viveiro; Os Pontigos, en San Sadurniño; e As Pontigas en Cedeira e Ortigueira. No Proxecto Toponimia figuran 120 rexistros.