Os hidróninimos son os nomes dos accidentes xeográficos relacionados coa auga.
Neira
Trátase dun hidrónimo de orixe prerromana como acontece, segundo o profesor Juan J. Moralejo, coa maioría dos macrohidrónimos galegos (Limia, Miño, Lérez, Ulla, Tambre, Mandeo, Mero, Avia, Arnoia, Deva, Pambre, Sil, Tea…), mentres que na microhidronimia predomina a procedencia románica. Así, este profesor sitúa Neira no mesmo grupo de macrohidrónimos simples de tema en -a, adxectivos substantivados, radicais ou con algún sufixo, de xénero gramatical feminino e concertando cun substantivo sobreentendido indoeuropeo *akʷā- (>lat. aqua) ou similar: Arnoia, Avia, Barbaña, Deva, Dubra, Limia, Loña, Lóuzara, Lúa, Mira, Narla, Navea, Navia, Neira, Sorga, Támega, Támoga, Tea, Tioira, Ulla, Umia…
Dos hidrónimos Naraya (leonés), do Nara afluente do Tíber, do Narla de Friol, do Narón afluente do Miño (per terminos de aqua de Narone, documento de Samos de 1093), dos Naraval e Narcea (Asturias) e doutros moitos europeos pódese chegar a unha *raíz nar- paleoindeuropea que, por alternancia vocálica a/e ou por evolución normal, presentou variantes *narea > *naera ou *nar-ya > *naira > neira, forma xa documentada nun texto do ano 572 Incipitur ubi intrat Sarria in Neira et uenit ad aquilare Pennam et extenditur ad castrum Petrosum (Tombo Vello de Lugo in codolga). A orixe destes hidrónimos é prexermánica e precelta, e foi datada por Krahe no II milenio a. C., quen designou este estrato europeo primitivo como Alteuropäisch e os seus seguidores hispánicos denominaron “paleoeuropeo”. Amable Veiga, en Algunas calas en los orígenes del gallego, Vigo 1983, 123-124, decántase por que este topónimo, ao presentar en todos os rexistros realizados o ditongo [ei], conserva a súa forma orixinaria Neira.
Convéncenos menos a explicación semántica que realiza Coromines ao relacionar este topónimo coa raíz indoeuropea hispánica ner- co significado de varón de grande tamaño ou xigante. Deste xeito considera que o impoñente monte asturiano Naranco/Naranjo (de Bulnes) procede de Ner- + o sufixo -ancos. Fundamenta esta teoría nas correspondencias do vir latino, do védico nar/naram, das iranias nar, do grego ἀνήρ, das célticas nert (antigo irlandés) e nerth (galés), que ofrecen significantes e significados semellantes.
A importancia do río Neira nas terras polas que decorre non só se manifesta nos aproveitamentos que se realizan das súas augas para a rega dos prados e como forza motriz de muíños e mazos senón que lingüisticamente resultou moi produtivo para a formación de topónimos e patronímicos. Así temos Fontaneira, lugar do seu nacemento; Neira de Xusá = Neira de Abaixo; Neira de Rei; Ponte de Neira, en cada un dos tres lugares nos que existía candansúa ponte que permitía o paso sobre as súas augas: o primeiro, lugar da parroquia de San Miguel de Neira de Rei; o segundo, augas abaixo, lugar da parroquia de Cela, no concello do Corgo; e o terceiro, lugar da parroquia de Vilarmosteiro, xa no concello do Páramo. Neste concello tamén existe a parroquia de Santa María Madanela de Neira. O concello de Láncara tamén conta coa parroquia de Santa María Madanela de Neira de Cabaleiros. E no de Baralla, as parroquias de Santalla de Riba de Neira, á que pertence o lugar de Riba de Neira, de San Pedro de San Martiño de Neira de Rei, de San Miguel de Neira de Rei e de San Estebo de Neira. Esta última, que figuraba como tal no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones, de Madoz, ano 1847, non existe como tal na actualidade.
A Pinguela
Velaquí outro hidrónimo. Manuel Ferreiro parte da hipotética forma verbal do latín vulgar *pĕndĭcāre (por pĕndēre) > pind’gar > pingar. Pinguela > *Pinga + sufixo diminutivo -ĕlla = pequeno fío de auga que mana dunha rocha.
As Barcias
Hidronímico de orixe prelatina, indoeuropea ou non, ten o significado de terra próxima a unha corrente de auga que se inunda. Edelmiro Bascuas, en Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega, indica que procede da forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- ‘auga’. O topónimo Várzea é moi abundante en Portugal e como substantivo ten o significado de terreo baixo, plano, con poucas pedras, suxeito a alagamentos en época de chuvia.
Coromines, en cambio, considera que a forma española bárcena procede por derivación dun antigo *vargĭna, palabra arcaica e dialectal das zonas cantábricas da Península, interpretación que, desde o noso entender, non contradí a de E. Bascuas. Suponse a raíz prerromana *war (“veiga, auga, beira”), que deu a base *bar-ka- > *barga, por referencia a “lugares fértiles con auga”. E de aí, *bar-k-ena: “relacionado coa beira da auga”.
Parece ser que barcia e varxa teñen a mesma orixe, manténdose barxa na franxa occidental, mentres que barcia prevalece no interior. Os cartularios recollen as variantes uarçina, uarcena, uarzena, varzena. Na documentación medieval galega tamén recollemos a forma varçea en varias ocasións como antropónimo. Así neste texto do ano 1333 da Catedral de Lugo …Feyta a carta en Lugo seys dias de novenbro, era de mill et CCC LXXª et hun anno. Testemoyas: Aras Affonso de Varçea; Gomes Aras de Boveda; Iacome das Gallinas; Pedro Pellaes ts., et outros moytos… (GMH. Madrid, AHN, Carp. 1332 D/12 (bis), perg. orix., galego, gótica cursiva, 209×134 mm.).
Fontes da Devesa
Do latín fŏntes de illa defensa. O primeiro dos substantivos non ofrece ningunha variante con respecto á súa procedencia do acusativo plural de fons fontis, “fonte manancial”. “Devesa” orixínase inicialmente desde a forma participial do verbo dēfendo dēfendi dēfensum, afastar, defender contra. Con posterioridade, esta forma participial fica substantivada para aplicarse ao que está defendido, protexido e, de forma específica, terra acoutadaeterreo extenso, poboado de árbores non moi mestas, normalmente valado ou cercado. O topónimo Devesa resulta moi produtivo na toponimia menor por referirse aos predios valados de forma xenérica segundo define esta palabra o DRAL, “terreo extenso, poboado de árbores non moi mestas, normalmente valado ou cercado”, e co significado restrinxido, como sucede no caso de Penarrubia, para especificar os predios que conteñen carballos, reservando a palabra souto para os bosques de castiñeiros. A documentación medieval testemuña este topónimo en numerosas ocasións, como sucede no pergameo de 1.124 …Post partem regis sancta Eo/lalia de Deuesa sanctus Iohannes de Pinnaria sancta Maria de Uilla/selani sanctus Iohannes Euue sancta Eolalia de Uillaausendi sanctus / Iacobus de Coegela sancta Eolalia de Sanci sancta Maria de Tabulata… (GMH. Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo, Documento 11).
Río de Xermil
Rego de 4.096 metros de lonxitude. Nace na Fonte dos Poios e desemboca no río Neira á altura de San Miguel coincidindo a pouca distancia da confluencia co Río do Furco. Pola súa marxe dereita incorpora as augas dos regos de Ardenide e mais do de Vila de Abaixo. Hidrónimo actualmente, mais cremos que antano se podía referir ás propiedades que neses lugares posuía algunha persoa. Procede do antroponímico xermánico Gelmirus < *Gelmiri, que constatamos nestes textos medievais de 1.031 e 1.105: … et de alia parte per illo causo inter Fromariz et Gelmiri, et accepit proinde LXX modios de uno vestro renovo,… In Gelmiri meam portionem sic IIIª, Ventosello sic Sancta Marta, sic ad illo pereiro cum illos de sic IIIª. In Cabanas super sancta Eolalia sic adiuntiones de barrio (Ambos en GMG Gallaecia Monumenta Histórica. Tombo de Celanova, fols. 53v. – 54r e fols. 15v. – 16r. respectivamente). Do xenitivo Gelmiri > Xermil. Resulta significativo que son numerosísimos os topónimos formados con esta mesma estrutura xenitiva dun lexema antroponímico de orixe xermana como Ardemil (freguesía do concello de Ordes) < *(villam) Ardemiri. Andamil (freguesía de Cadramón, O Valadouro) < *(villam) *Andemiri de *Andemirus; Bertomil (lugar da parroquia de Brates, concello de Boimorto) < *(villam) *Bertamiri: de *Bertamirus; *(villam) Argemiri: de Argemirus > Arxemil… Do xenitivo agemiri > Arxemil.
Rego de Ardenide
Nin o Proxecto Toponimia de Galiza nin o Nomenclátor de Entidades de Poboación rexistran este topónimo. Trátase, como vemos, dun vocábulo descatalogado. Mais, polo feito de ser un endemismo lingüístico, merece a nosa especial consideración porque se trata dunha palabra singular que segue mantendo o vigor malia a acumulación de esquecementos que caracterizan a nosa identidade. Desapareceu a pita do monte nos Ancares metrallada por eximios trabucaires, maquinaria forestal arrasa petroglifos catalogados, mingua de forma alarmante a biodiversidade vexetal por plantacións masivas de árbores foráneas, a lingua esmorece pola redución de falantes… Ardenide segue resistindo.
Na cartografía da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil figura identificado este rego co código 27400 e co número de cunca 351, e dise que ten unha lonxitude de 1.465,23 metros. Nace na aba leste do Monte do Xuvento e conflúe co río Xermil entre San Bernabé e a Serra de San Martiño. Arredor do decurso deste rego tamén existe toponimia menor que identifica algúns prados con este mesmo topónimo.
Mais, chegados á explicación etimolóxica preséntanse os problemas. Malia Ardenide ofrecer nas dúas primeiras sílabas a forma arde, descartamos a orixe latina de ardeo ardēre, arder, e como explicación semántica desta proposta tamén desbotamos o recurso agrícola consistente nestes lugares en estivadar as searas queimando a matogueira para arar despois a terra e sementar trigo ou centeo. Podemos asociar Ardenide a algún antropónimo de orixe xermánica como no caso aquí exposto de Xermil ou Ardemiri, xenitivo de Ardemirus, que orixinou o topónimo Ardemil, no concello de Ordes. Mais, o feito de que Ardenide non sexa palabra de acentuación aguda permítenos indicar que non se trata dunha solución convincente. Tamén podemos remontarnos a tempos anteriores á romanización e aquí aparecen os celtas coa súa lingua que nos poden axudar a solucionar esta dificultade lingüística. E nesta tarefa de buscar vínculos léxicos, ocorréuselle a Elvira Sanz, a quen lle expoño as miñas dúbidas filolóxicas, a posibilidade de relacionar Ardenide con Les Ardennes francesas. Alors, on y va! J. César no Libro V da Guerra das Galias deixa constancia deste topónimo:
At Indutiomarus equitatum peditatumque cogere, eisque qui per aetatem in armis esse non poterant in silvam Arduennam abditis, quae ingenti magnitudine per medios fines Treverorum a flumine Rheno ad initium Remorum pertinet, bellum parare instituit.
Indutiomaros, pola contra, dispuxo a cabalaría e a infantería preparando a guerra, agochando na fraga das Árdenas (que se estenden nunha inmensa superficie, no medio do territorio de Tréveres, desde o Rhin até as fronteiras de Rèmes) aqueles que a idade non lles permitía levar armas.
Isto é, o topónimo Árdenas é prelatino. Filólogos franceses sosteñen que podería derivar do céltico ard-, que significa alto. En gaélico ard- ten o mesmo significado (Ard-Rí na hÉireann = Alto Rei de Irlanda). Na mitoloxía celta existe tamén a deusa Arduinna/Ardbinna/Ardoina, que se converteu por sincretismo en divindade galorromana da caza e dos bosques, asimilada a Artemis/Diana baixo o nome de Diana Arduinna. ¿A nosa Ardenide manterá algunha relación con ese étimo? Aí quedan estas propostas. ¿Levará razón o suevo Ardemirus, a celta Arduinna ou ningún dos dous?
Monte e Rego de Xuvento
Nome do monte situado entre Cernadas e Casar de Monín. Na súa aba nordés nace o rego de Xuvento, que descorre cara ao norte servindo á vez de demarcación da parroquia e do concello de Baralla até confluír no Muiño do Couso co Río Seco. Posibelmente, proceda dun patronímico tipo Iuventus/Iuventu(m) referíndose con el ao propietario en tempos pasados desas terras. Mais, de ser así, encontrámonos coa anomalía de partir do acusativo Iuventu(m) en lugar do xenitivo Iuventi como sucede noutros casos como Monín, Xermil…
No Catastro de Ensenada o escribán copia este topónimo como Xumento, mais na fala e na cartografía sempre se cita como Xuvento.
Río Seco
No Couso, noroeste da freguesía, conflúen os regos do Xuvento e do Carballal e desde aquí descorre o Río Seco até a súa desembocadura en Camporredondo no Rego do Val de Pedroso. Á primeira vista, a teoría lévanos a derivar este topónimo do latín rīvu(m) sĭccu(m) > riuŭ sĭccŭ > Río Seco. Mais, o feito de que este Río Seco sexa medianamente caudaloso en comparación con outros regos da contorna que traen menos auga que el, e tamén debido á existencia doutros moitos hidrónimos coa presenza de Seco[1], permítenos sospeitar que o seu étimo pode que non derive do sĭccu(m) latino. Sempre recordo que as augas deste río adoitan desbordar e, con iso, impedir o paso pola antiga Vía XIX romana na Ponte da Silvela, camiño de A Barrosa. ¿Non será que “Seco” provén do lexema celta sek-/sik-, que quere dicir corrente de auga que baixa do monte, como pode suceder nos topónimos La Seine > Sequana; Siguena, afluente do Sella; Segre… ¿A que se debe que a presenza do vocábulo seco na nosa toponimia sexa tan abundante e referida incongruentemente a correntes de auga? Cremos que se trata mais de tautoloxías semánticas que de incongruencias porque as aparentes redundancias teñen a súa explicación en que os falantes, ao incorporárense a unha nova lingua, van perdendo co paso do tempo o significado que tiñan as palabras da lingua esquecida e antepoñen ao topónimo existente (Seco) outro de significado semellante (Río).
Fonte Papeira
Predio situado, ao norte do Barrancal, na Seara das Veigas. Malia ser incluído este predio na concentración parcelaria, no Catastro segue conservándose o seu topónimo. Trátase dun composto do hidrónimo (fonte) e do fitónimo (papeira). Para “fonte” véxase o dito a propósito de Fontán. Papeira é o nome popular da Helleborus foetidus, tamén coñecida como “Herba chaveira”, “Herba da braña”, “Herba do gando”, “Herba do porco” ou “Herba forte”.
É unha planta perenne, de olor desagradábel, cunha cepa leñosa case cilíndrica e vertical. Os talos, erectos ou ascendentes, poden acadar os 0,90 m de altura, son fortes e persistentes. Florece en inverno ou principios de primavera. Todas as partes da planta son tóxicas. Por esta razón figura incluída na Orde SCO/190/2004, de 28 de xaneiro, que estabelece a listaxe de plantas cuxa venda ao público queda prohibida ou restrinxida.
O vocábulo “papeira” procede do latín papāvera, acusativo plural do substantivo neutro papāver -eris, “adormidoira”. Nin o DRAG nin o Estraviz inclúen este vocábulo. Martín Sarmiento indica en Viaje que el Padre Sarmiento hizo a Galicia el año de 1745, ed. de J. L. Pensado Tomé (Universidade de Salamanca, 1975) que as follas da herba papeira son grandísimas y algo parecidas a las rabizas. Echa un grande nabo como el de las cañas. El pétalo de las hojas anguloso. No la come el ganado. De el medio se eleva una vara alta y hueca como caña y echa arriba unas flores como azucenas blancazas. Sospecho que es la hierba con que el viejo de Lérez cura los lamparones, pues hay mucha en sus heredades en la Fontaíña de Lérez y remitió a Pontevedra un pedazo de nabo. Llámase el viejo Benito Taboada. No creo que es ésta, sino la nueza, con cuyo nabo cura, y tiene gavilanes, y hojas de viña.
E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia, inclúena dentro das especies Helleborus foetidus L., Helleborus viridis L., Bryonia cretica L. subsp. dioica (Jacq.) Tutin e Arnica montana L.
Sarmiento distingue claramente dúas plantas que, malia seren distintas, presentan algunhas características comúns: a herba papeira (Helleborus foetidus) e o saltasebes, nabo caíño ou nabo da noula… (Bryonia dioica) son tóxicas. Mais, ambas mostran diverxencias claras na configuración das follas e nomeadamente nos froitos, pois mentres o da Bryonia dioica é unha baga de cor vermella, o da herba papeira, como afirma Sarmiento, é verde é alargado e no seu interior contén numerosas sementes que se liberan ao abrírense e que resultan moi atractivas para as formigas, insectos que, á súa vez, serven para a dispersión do Helleborus. Como di Sarmiento, esta é unha planta que destaca polo seu tamaño e polas súas follas e flores.
Fontán
Fonte(m) + o sufixo –anu(m), relativo a, > fontānu. Trátase dun hidrónimo que fai referencia a existencia nese lugar dun manancial ou dunha fonte pequena. Mais, aquí constatamos unha incongruencia na conservación da variante -an na área lingüística oriental, que caracteriza a fala de Penarrubia. O habitual sería que se empregase a forma Fontao e non Fontán como sucede con irmao, verao… E se vivimos no País dos mil ríos, podemos dicir que tamén o facemos no das cen mil fontes: Fontaíña, Fontán, Fontaneira, Fontanes, Fontao, Fonteo, Fontela, Fontenlos, Fontoira, Fontal, Fontarón, Fontenova, A Fonte, Fonte Papeira, Seisfontes, Fonte dos Poios, Fonte dos Picholos, Fonte da Canteira, Fonte de Navallos, Fonte dos Ranchos, Fonteita, Fonsagrada, Foncova, Fonfría, Fompedriña… Cando consultamos o visor en http://mapas.xunta.gal/visores/toponimia/ e lle pedimos a relación de topónimos que comecen polo vocábulo Fonte, aparece o seguinte aviso: Demasiados resultados! O número de resultados está limitado a 1000 neste navegador.
A Rega
Posibelmente temos que remontarnos a un étimo prelatino, talvez a base celta *reku, para este topónimo. Coromines pensa que as formas españolas regato, regata poden proceder do antigo e dialectal riego, arroio, palabra independente do ricare latino, e de orixe prerromana (éuscaro erreka, galego e portugués rego, catalán rec). A esta mesma conclusión, con maior profusión de argumentos, chega Julián Santano Moreno en Un derivado romance y vasco de IE *reik-. Historia y semántica. In: Nouvelle revue d’onomastique, n°39-40, 2002. pp. 3-40. Para isto, este profesor da Università degli Studi G. D’Annunzio de Chieti, Pescara, rastrexa a presenza da base indoeuropea *reik- (rego, corrente de auga e suco que se fai na terra) no dominio romance e no éuscaro.
O Peago
No Catastro de Ensenada figura o topónimo Fuente de Piago para delimitar polo norte a freguesía no Interrogatorio xeral. O Peago é o nome que recibe o remanso profundo de auga situado no río Neira á altura dos lindes da freguesía de Pedrafita coa de Penarrubia onde desemboca o rego do Val Pedroso e tamén o monte situado na marxe esquerda do río. Procede do grego πέλαγος, «alta mar». Introduciuse no latín como préstamo poético, pelagus, co sentido orixinario grego. Posteriormente, pasou a designar tamén as augas desbordadas dos ríos. Nos documentos medievais refírese a unha masa de auga non marítima. Baseándose nos testemuños romances e en textos notariais dos séculos X e XI, J. Bastardas, en El català pre-literari, afirma que pelagus está moi documentado nos diplomas cos significados de “pozo grande dun río”, “remanso profundo dun río”, “lagoa fonda”. No Diploma Silonis Regis[2], datado no ano 775, que ten como outorgante a Silo, rei da Galiza altomedieval, lemos: locum que dicitur Lucis, determinatum de ipsa uilla ubi ipse noster mellarius abitauit Espasandus, et per illum pelagum nigrum… Este mesmo vocábulo encontrámolo en Castela no 963: in fluminem Aslanzon cum suis pelagos ad piscandum e en 969: concedo… piscaria… in aqua Pisorga… de ripa in ripa, cum suo profundo pelago. Esta acepción non era exclusiva do mundo ibérico, continúa afirmando J. Bastardas, pois tamén se encontra documentada en De Gloria confessorum, de Gregorio de Tours, que viviu no século VI, referíndose ao río LaSaône, que conflúe co Ródano en Lyon. Vemos como nalgúns destes textos medievais pelagus aparece modificado polos adxectivos nigrum e profundo, que son as connotacións que mantén hoxe o substantivo peago/piago/pego: “Pozo ou lugar profundo nun río”(DRAG e Estraviz). En portugués pego mantén mesmo sentido: “O sítio mais fundo de um rio, lago, etc”. Catalán pèlag: “masa de auga embalsada”. Os piagos fórmanse nas revoltas dos ríos debido a que neses lugares as augas adoitan remansarse formando pozas profundas de escuras augas por non poder divisarse o leito. Por isto, en varios casos o topónimo Peago/Piago vai acompañado do adxectivo negro[3]. (Piagonegro e Molín do Piagonegro en Trabada; Piago Negro en Trabada, Ribadeo e Os Muíños). Acontece o mesmo co topónimo Pozo Negro, que encontramos máis abaixo na ribeira do río Neira no seu decurso entre a ponte de San Miguel e Baralla, onde conflúe co Rego de Souto. Arredor dos piagos, e concretamente nos do Neira, xeráronse lendas relacionadas coa aparición de mulleres misteriosas que unha vez afogadas na profundidade das augas aparécense no medio da noite arreguizando os transeúntes.
A Pala negra
Remanso profundo de auga situado no decurso do Neira á altura onde conflúe o rego de Rebolal ao leste da Serra da Pena. Posibelmente garde relación coa raíz paleoindoeuropea *pal(l)–, que significa auga estancada, conectada co latín palūs -ūdis, “pantano, charca, xunco”, presente tamén en topónimos como A Paleira[4] e no substantivo paleira, “burato que hai debaixo das pedras nun río, onde adoitan gorecerse as troitas e cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais” (DRAG). Antón Santamarina, en Contribución para unha toponimia dos montes, indica que a voz común pala ‘cova, burato’ (que orixinariamente puido ser ‘pedra, penedo’ [vén no Pokorny como *pelis *pels ‘Fels’]) que dá lugar a moitos topónimos (Pala da Osa … da Raposa, … dos Ladrois, Palas, Paleira, Palela, Regueiro da Pala… Nos Pirineos orientais tamén existen topónimos coa mesma raía pal como Tuc de la Pal e Col du Pal. Para Negra, véxase o que dixemos en Peago.
Fonte dos Picholos
Pequena fonte que nace no extremo sur do monte da Canteira a carón do rego do Cebeiral. Este manancial presenta a particularidade de que brota a pequena altura dun valado caendo a auga en pingueiras. Polas numerosas coincidencias lingüísticas con outros idiomas, estamos convencidos de que existe unha base léxica, posibelmente onomatopeica, pich- para referírmonos á caída da auga xa for como fervenza ou como humilde pingueira segundo acontece na miña benquerida e lembrada Fonte dos Picholos. Así pois, a esta base pich- engadímoslle o sufixo diminutivo -ŏlu > Picholo. En Cèdre, nos Pirineos, existe a fervenza Pich Gaillard; no Val de Arán, a Sauth deth Pish; nun barranco da zona de Bujaruelo, no Pirineo aragonés, a fervenza Salto del Pich; en Panticosa, oSalto del Picholón. Na nosa lingua un pichel é “a xerra alta e redonda, máis ancha na base ca no colo, xeralmente de estaño, con tapa unida á asa, que se empregaba para quitar o viño dos pipotes” (DRAE). Estraviz define o pichel como “vasilha para tirar o vinho das pipas” e tamén como “recipiente onde se fazia o tinte para tingir as redes de pesca, em certos lugares” e indica que procede do francés antigo pichier, que significaba recipiente para conter a bebida, cántaro (F. Godefroy, Dictionnaire de l’ancienne langue française et de tous ses dialectes du IXe au XVe siècle, édition de F. Vieweg, Paris, 1881-1902, páx. 142). Este mesmo dicionario tamén recolle a forma Picholette, que tanto se asemella á nosa.
Descoñecemos o étimo do que proceden estes vocábulos, mais estamos case seguros de que se trata dunha forma onomatopeica relacionada co acto de ouriñar. O catalán coloquial pixar (evacuar l’orina), o italiano pisciare eo francés pisser, o retorrománico pischar, o romanés pișa e o provenzal pissar permítennos partir dunha forma latina popular *pissiare, ouriñar, de orixe onomatopeica. En español e portugués, picha é o órgano sexual masculino. Galego e portugués coinciden en que pixa designa o mesmo órgano. En conclusión, tanto dos pich aragoneses, cataláns e occitanos como dos picheis galegoportugueses como das pichas e pixas sae líquido que verte desde a altura. E na Fonte dos Picholos ocorre o mesmo.
No Proxecto Toponimia de Galiza e no Nomenclátor de Entidades de Poboación existen 31 rexistros que conteñen Fonte da Pichoca, do Picho, Pichota, Pichón, Pichocos e tamén hai un Picho Fontelo.
[1] Rioseco: en Aro, Negreira; Campelo, O Corgo; Santa Xiá, Monfero; Muras; Santa Mariña de Lagostelle, Guitiriz; Vilela, Taboada; Calvos de Randín; Figueiroá, Paderne de Allariz…
[2] O pergameo máis antigo do Estado que se coñece. Trata dunha doazón privada do rei Silo aos monxes de Trabada para construír un templo.
[3] Pelagus nigrus aparece noutro documento de 891, copia do século XV: et per illo rago que descurrit de Melandrinos que dicunt rio de Fois, usque in flumine Trubia, ubi dicunt Pelago Nigro, sen dúbida referido a augas profundas, escuras e, por conseguinte, negras.
[4] Monte da veciña freguesía de Furís, aos pés do que discorre o río Mirandela.