Fitónimos

Os fitónimos son os nomes das prantas.

Seara do Trigo

Porción máis chaira do cumio da serra do Mazuco na que antes se cultivaba cereal. O vocábulo seara coñece tamén as variantes senra e serna e refírense ao monte cavado onde se sementa centeo ou trigo durante un ou máis anos e que logo se volve deixar inculto. Segundo Antón Santamarina, en Contribución para unha toponimia dos montes, a orixe está nun *sénăra, coa raíz sen- e un sufixo átono -ăra (moi abundante en topónimos prerromanos: Lóuzara, Láncara, Azúmara, Pígara…Gándara). O paso de sénăra a senára e despois a seára (con esa deslocación do acento) non está claro pero non hai dúbida de que as dúas palabras son unha mesma na orixe. Para Trigo, véxase o topónimo Trigueira. Na documentación medieval encontramos este topónimo referido a porción de terra en varios casos. Así neste de 1488 do …la nuestra leyra de vina llamada da Seara, sita en la Rivera de San Mamede… (GMH. Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, Documento 1376).

Carballeira do Rei

Para a etimoloxía de Carballeira, véxase o que dicimos de Carballedo coa diferenza de que agora quen participa é o sufixo derivativo -aria.

Mais, neste topónimo que estamos a tratar, Carballeira do Rei non designa un asentamento de poboación senón unha carballeira murada de 3.000 m2, situada no noroeste de Penarrubia, que nos fai pensar que se tratou dun antigo acoutamento real destinado a fornecer da madeira empregada nos estaleiros, como sucedía noutros lugares, desde 1716, para a Mariña da Coroa. Mais, isto non deixa de ser unha mera hipótese porque non coñecemos ningún documento que así o indique.

Codesal/Cudesal

Prado do igrexario de pouca extensión situado ao norte da antiga casa reitoral. Procede do latín vulgar *cŭtĭsus, latín clásico cytĭsus, e este do grego χυτισοξ + o sufixo derivativo -ale > -al, lugar onde hai codesos, arbustos tamén coñecidos como piornos e cítisos. Nun documento de 1488 da Catedral de Lugo (MADRID, AHN, Carp. 1333 E/3, perg. orix., cortesá, 330 x 215 mm; Cód. 417 B, fs. 118 v.- 119 r.) encontramos este mesmo patronímico: et Lopo Garçia de Codesal, et Juan da Portela, clerigo, criados del dicho senor Obispo, et otros. Noutro da mesma procedencia de 1417 encontramos a variante Codesido: …que iasen sub signo de Santa Maria de Reboyro, et a leyra de Codesedo et a leyra de Val de [Gimer], et a outra leyra que ias en outra de Riadegos

Codeso

Folgueira

Desde a forma latina filix – icis ‘fento’, orixinouse por derivación o colectivo filicaria > felgueira, desde onde se crearon as variantes filgueira, coa vogal pretónica pechada por influencia do ditongo tónico, e folgueira, coa vogal pretónica alterada polo contacto coa consoante inicial [f], como sucede en fermento > *formento. Por tanto, folgueira, como substantivo colectivo que é, ten o significado de terreo no que abundan os fentos. Nalgúns lugares de Galiza este vocábulo perdeu o seu valor colectivo e emprégase para designar o fento, tamén coñecido como fieito e felgo. O topónimo Folgueira, coas súas variantes, está profusamente testemuñado na documentación medieval. Así, …doy en troque et concanbea a vos Roy d’Agrelo et Fernan Paas et Afonsares et Gonçalvo de Bieyto, vezinos de Castelo, et Alvaro Gerra et Alvaro Gomes, vezinos de Folguera, et Ruy Peres, vezino de Silvarrey… (En Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, Documento 1405 (1499), Madrid, AHN, Carp. 1333 E/4 (bis), perg. orix., galego, cortesá, 240 x 380 mm.).

Fieitos

Freixo

Catro predios de reducida superficie situados ao leste das cortiñas de Martiz, Costureiro e Moreno. O vocábulo procede do latín fraxīnu, árbore de folla caduca da familia das oleáceas que alcanza de vinte a trinta metros de alto, toro groso con moitas pólas, follas opostas e dentadas e madeira de cor abrancazada moi doada de traballar, da que existen varias especies.

Este topónimo resulta moi produtivo. No Nomenclátor de Entidades de Poboación existen 29 lugares rexistrados e no Proxecto Toponimia de Galiza, 188 nomes de terras, camiños, cultivos…

Follas freixo

Nilarelle/Linarelle/Inarelle

Este topónimo caracterizouse pola súa vacilación fonética, pois dependendo de quen o pronunciara podíanse sentir estas tres variantes. No meu ideolecto predominou sempre a forma Inarelle, mais moitas veces teño escoitado Nilarelle e Linarelle e, nalgúns casos, tamén Ainarelle, creo que neste último debido á presenza do vulgarismo protético tipo amoto, arradio. Nun documento foral de 1789 existente na casa de Costureiro, que consiste na escritura de compravenda dun foro redimíbel, emprégase a forma Nilarelle. Topónimo de varios predios desaparecidos por agrupación desde a concentración parcelaria que se realizou a comezos do presente século na veciña freguesía de San Xoán de Pedrafita. Os predios de Nilarelle estaban situados no extremo norte da parroquia de Penarrubia na parte leste das parcelas que hoxe corresponden ao Zarro da Penela e o Barrancal de Forxa. Gonzalo Navaza explica que existe unha serie de derivados diminutivos de līnu + sufixo ale > liñar, lugar onde se cultiva o liño, por medio do sufixo -ello (< ĭculu) sobre a base de linariu nos que se encontra unha alteración da consoante inicial l- > n- posibelmente por asimilación á consoante nasal da sílaba seguinte. Segue dicindo Navaza que no Nomenclator Galego presentan este resultado Niñarellos (Palas de Rei) e Ninarellos (As Neves), ademais de Niñarelle (entidades de poboación nos concellos de Rois e Negreira, onde o -e final é resultado da palatalización do -a de Liñarella). Malia nin o Catastro de Ensenada (1753) nin o Diccionario de Madoz (1849) testemuñar que na freguesía de Penarrubia se cultivase o liño, esta ausencia resulta pouco críbel dado que nas terras limítrofes[1] si se recoñece a existencia desta planta. A presenza deste topónimo nos documentos históricos é numerosa. Así, un texto do século IX do mosteiro de Celanova: “…per corrogo qui discurrit de Linarelios et figit se in vallatare qui concludet vestrum agrum quos comparastis de filios Astulfu” (…polo corgo que discorre desde Linarellos e atravesa o valado que pecha o voso agro que lles mercaches aos fillos de Astulfo).

Abraira

É o resultado oriental das formas abelaira e abeleira. Procede do latín abelanaria, derivación de abellana + o sufixoaria, con perda da vogal pretónica e metátese de l > r, lugar onde hai esta especie de árbores que dan como froito a abelá. En Penarrubia existe como fitónimo e tamén existiu como oicónimo antes de que desaparecese a casa situada na Cortiña da Abraira.

Os Rebolos

O rebolo, tamén chamado cerquiño e carballo negral, é unha especie de carballo cuxa característica máis salientábel é a súa folla de cor verde cincenta mate na face e abrancazada polo tomento no envés. Outro trazo desta especie reside na súa marcescencia, isto é, a folla seca de outono fica na rama durante o inverno para caer cando inicia o novo gromo. Deste xeito, a folla seca actúa de protección nos primeiros momentos do desenvolvemento da xema. O seu nome científico á Quercus pyrenaica.

Cerquiño

Coromines afirma que se trata dunha palabra de orixe incerta, talvez do latín *pŭllus, abrocho, rebento das plantas, seguramente do latín vulgar *repŭllus. Esta interpretación etimolóxica está en consonancia coa capacidade de propagación vexetativa de que goza esta especie debido a que emite longas raíces laterais que medran a ras do chan con numerosos brotes aéreos. Isto permítelle sobrevivir os incendios e as cortas rexenerándose o bosque de seu. Mais, existe outra hipótese xeneralizada que sostén que rebolo procede de *robullu(m) > rōbore(m) con disimilación vocálica e metátese de |r| > |l|.

Alén da existencia de Rebolos como fitónimo, no lugar de Carballedo atopamos o oicónimo O Rebolo. E tamén constatamos a presenza dun hidrónimo co mesmo étimo no rego Rebolal, neste caso co sufixo derivativo -al > -ale, que conflúe co río Neira, pola marxe esquerda, á altura da Pala Negra.

As Panás

Este topónimo non figura nin no Proxecto Toponimia de Galiza nin no Nomenclátor de Entidades de Poboación. Úsase en plural para nomear o conxunto de predios dun mesmo polígono situados ao sur da freguesía de Penarrubia antes de chegarmos a Valiñas. Nun documento da casa de Costureiro do ano 1863 existe un contrato de compravenda dunha leira chamada Rabaceira, de dous ferrados e medio, situada na Agra da Paná.

Cremos que este topónimo garda relación co substantivo latino panis panis, pan, pois en documentos medievais encontramos pana como referencia xenérica ao cereal. Así sucede neste pergameo datado en 1231: …et detis nobis annuatim pro directuris duodecim soldos in festo sancti Iohannis et in festo sancti Martini unam soldadam de pana tritico et aliam de vino et sex capones; et non intretis ad colligendos fructus sine maiordomo nostro, et… (Duro Peña, Emilio, Documentos da catedral de Ourense, [Santiago de Compostela], Consello da Cultura Galega-Ponencia de Patrimonio Histórico, 1996, 2 vols. [Vol. 1 (Edición). Vol. 2. Índices]). E nestoutro de 1215, recollido na mesma fonte: Palaciis, et ponam vobis per tres vices pedem de uvis et quod inde superfuerit vos habeatis totum, de pana IIIIa ad aream, de fructibus arborum IIº. qui hoc fregerit pariat in parte alterius D solidos et in. No primeiro dos documentos, está clara a referencia de pana ao cereal como xenérico dado que a continuación se especifica que se trata de trigo. No segundo emprégase pana para designar calquera clase de cereal. Deste xeito, pana adquire significado colectivo-plural ao referirse a todas as especies existentes no lugar. Mais, no caso que tratamos, dado que o topónimo Panás presenta acento agudo, temos que remontarnos a existencia do sufixo derivativo -ale para poder chegar a este resultado. Así, propomos a seguinte solución: latín clásico panes > latín vulgar e medieval pana + sufixo derivativo *-ales > *panais > panás. O tránsito -ale > -al é usual en galego como xa vimos nos topónimos analizados Colmeal, Cebeiral, Painzal…

Na análise deste topónimo tamén constatamos que o vocábulo pan antano en Penarrubia sempre designou o centeo, tanto para referírmonos á planta como ao grao e o alimento con el elaborado. Aínda máis, o lugar ou a arca onde se garda o centeo para o consumo é a paneira. E a toponimia de Penarrubia que estamos analizando confirma esta afirmación: o orxo cultivábase no Cebeiral; o paínzo ou millo miúdo, en Painzal; o trigo, na Trigueira; e o centeo, nas Panás.

Puxedo

Procede de pŭlĕgĭu, segundo Manuel Ferreiro, a través dos seguintes pasos: > poegio > poejo > poexo. O poexo (Mentha pulegium), tamén chamado poexo-menta, é unha das especies máis coñecidas do xénero Mentha. Pertence á familia das labiadas, é unha perenne de raíces rizomatosas que medra en sitios húmidos ou cerca dos cursos fluviais, onde a podemos encontrar na súa forma silvestre entre gramíneas e outras plantas.

Poexo

As Rabaceiras

Reciben este nome varias parcelas, unhas dedicadas actualmente a prado e outras a souto, situadas na zona do Gruñedo ao leste das Panás a carón da estrada que conduce a Baralla. Cas Costureiro existe un contrato de compravenda do ano 1863 dunha leira chamada Rabaceira, de dous ferrados e medio, situada na Agra da Paná. Quere isto dicir que naquel tempo, a Rabaceira era considerada como predio integrado nesta agra, cuestión que na actualidade non ten esa consideración. O vocábulo procede do latín rāpācĭa, ōrum, folla de rábano + sufixo -aria. Lugar onde abundan as rabazas, nome vulgar das plantas umbelíferas que nacen espontaneamente á beira dos ríos, en prados, charcas e lugares húmidos.

Rabaza

O Espiñeiro

Do latín spīnu(m) + sufixo arius, lugar onde hai espiños, abruñeiros, tamén coñecidos como escambróns. Na toponimia de Penarrubia existen espiñeiros en distintos lugares. No sur das Panás localizamos un e outro entre o Barrancal e Os Rebolos. Neste último constatamos aínda hoxe a presenza de varias abruñeiros, aquí denominados, claro está, espiños.

Espiñeiro/abruñeiro…

A Trigueira

Procede do substantivo latino triticu(m) > trigo + o sufixo derivativo -aria > trigueira, lugar onde se cultiva este cereal. O substantivo latino triticum procede, á súa vez, do verbo tero trīvi trītum, rozar, mallar.

Comprobamos como, a través da toponimia, temos constancia de que en tempos pasados se cultivaron en Penarrubia polo menos catro cereais: o millo miúdo ou paínzo, en Painzal; o orxo ou cebada, nos Cebeirais; o trigo, na Trigueira; e o centeo nas Panás.

Madorneira

Nin o Proxecto Toponimia de Galicia nin o Nomenclátor de Entidades de Poboación dan fe deste topónimo. En cambio, si constatan catro accidentes terrestres coa forma madorno no concello de Lobios (Chan dos Madornos, Encosta dos Madornos, Os Madornos e Os Madornos do Fitoiro), que Navaza relaciona coas madroas dolménicas. E tamén se pregunta se terá algo que ver cun hipotético *morōtōno > morodo, morogo.

Codeseira

Do latín vulgar *cŭtĭsus, latín clásico cytĭsus, e este do grego χυτισοξ + o sufixo derivativo -aria > -eira, lugar onde hai codesos, arbustos tamén coñecidos como piornos e cítisos. Resulta curioso constatar como en Penarrubia se empregan na toponimia os sufixos -al e -eira para designar o locativo colectivo para o mesmo lexema codeso: Codesal e Codeseira.

Codeseira/piorno…

Folgueiras. Do latín fĭlĭctu(m) + sufixo -aria > filicaria, fento, terra na que abundan estas plantas. Presenta variacións no seu significante: felgo, fenta, fieita, fieito, folgueira.

Fento

Trasfolgueiras

Composto da preposición tras > latín trans (que está despois de) + substantivo folgueiras. Para Tras véxase Tralaira.

O Galleiro

Nome que recibe o monte situado na marxe esquerda do río Neira ao leste de A Veiga. Gonzalo Navaza, en Fitonimia galega, propón como orixe a forma latina *gallĕu, rama de árbore, + sufixo -ariu. A partir deste significado inicial de rama que medra arredor do toro da árbore pasaría a adquirir tamén, por analoxía, o de bifurcación. Así, os diversos Pena Gallada que existen poden responder ás formas que presentan estes accidentes xeográficos ou tamén a bifurcacións de correntes de auga ou de vías de comunicación situadas nas proximidades. Non moi lonxe do monte Galleiro, no concello de Baleira, está a freguesía de San Lourenzo da Degolada, posiblemente procedente de *galleata.

Mais, tamén se podería pensar na derivación da forma céltica Kal(l)io, pedra, de onde o francés caillou, segundo entende o filólogo A. Galmés de Fuentes en Toponimia balear y asociación etimológica, para explicar, entre outros, topónimos como Gallicant (Catalunya), Calicant Illes Baleares), Gallocanta (Zaragoza)… que el considera procedentes desa base céltica, malia a etimoloxía tautolóxica que constitúe o feito de que os dous lexemas se refiran á mesma realidade, pedra e coio. Segundo esta interpretación, este monte sería Galleiro polas rochas que acumula e non pola forma da súas árbores.

Gruñedo

Desde o latín prunu(m) + sufixo -ĕtu > bruñedo, con metátese de p- > g-. Para a forma abruñeiro cabe tamén a opción de considerar como orixe un hipotético *aprunu(m) + sufixo -ĕtu. Neste segundo caso, en Gruñedo encontrariámonos coa aférese de abruñedo, lugar onde hai abruñeiros, arbusto da familia das rosáceas, de ramas e talos espiñentos, follas ovadas alternas, flores brancas e pequenas e froito en drupa arredondada de cor negra azulada e sabor áspero. Tamén é coñecido este arbusto como espiño e escambrón. A variante con g- constátase desde antigo, como “gruñeiro”, xa recollida por Sarmiento en Ourense. Tanto Eladio Rodríguez González como X. L. Franco Grande constatan a variante gruñedo como sinónima de abruñedo nos seus respectivos dicionarios. Estraviz rexistra, así mesmo, grunho como nome vulgar do abrunheiro (Prunus spinosa) e como o fruto do grunheiro. Esta mesma forma, gruñeiro, tamén foi recollida no vocabulario berciano por M. Gutiérrez Tuñón (1989) en Estudios Bercianos: Vocabulario. Ponferrada. Instituto de Estudios Bercianos.


[1] Así, no Dicionario de Madoz, 1849, da freguesía de San Pedro de Neira de Rei, dise que produce cereales, legumbres, patatas, hortaliza, lino y alguna fruta…

Relacionados...

Litotopónimos

Os litotopónimos son os nomes das pedras. Pena da Uz Situada no monte de A Barrosa, marca o límite polo noroeste da

Agrotopónimos

Os agrotopónimos son aqueles topónimos que gardan relación coas actividades agrícolas, os sistemas de cultivo, as situacións e as demarcacións dos terreos.

Antropotopónimos

Os antropotopónimos son os nomes de lugares formados por nomes de persoas. Casar de Monín/Monín Topónimo constituído por dúas formas substantivas e

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario