Antropotopónimos

Os antropotopónimos son os nomes de lugares formados por nomes de persoas.

Casar de Monín/Monín

Topónimo constituído por dúas formas substantivas e a preposición de. En latín, ademais de existir domus co significado xeral de “casa”, tamén existía a palabra casa -ae, co significado de cabana, casa humilde e granxa rural. Este sentido é o que perdura no topónimo: casa rural e terras que pertencen a un mesmo propietario. Sobre o lexema casa formouse o derivado adxectival casaris que mudaría tamén en casalis, -is, -e, co significado de relacionado coa granxa. Căsālĭs empregouse na baixa latinidade como substantivo e como adxectivo coa acepción de propiedade rural incluídas as edificacións. Nos séculos XII e XIII xa se emprega profusamente esta palabra na documentación galega. Así, en a meadade do casar de Sussao et a sesta [. . .] meu pare sobredito, as quaes cousas son su cadea de sancta Maria de Tamallancos. (In Romaní Martínez, Miguel (ed.) (1989-93): La colección diplomática de Santa María de Oseira (1025-1310). 3 vols. Santiago: Tórculo Edicións (1989, 1989, 1993). Ou en damos e outorgamos a uos Domingo Iohannis e a uossa muller Eluira Perez e a uosso fillo ou filla ou amigo qual nomeardes a pus uossa morte, un nosso casar de herdade que auemos eno lugar que dizen Val de Quartas, su signo da igleya de Cerdeyra (In Duro Peña, Emilio (ed.) (1967): “El monasterio de San Salvador de Sobrado de Trives”, Archivos Leoneses, 21, 49, pp. 7-86). Monín/Munín procede do xenitivo do patronímico latino Munninus > Munnini < (Munn + in). Esta forma antroponímica coas súas variantes está documentada en múltiples textos medievais. Así, Munin Martin e Martin Qazares, clerico (documento de 1274 en Lucas Alvarez, M. / Lucas Domínguez, P. P. (ed. ) (1988): San Pedro de Ramirás. Un monasterio femenino en la Edad Media. Colección diplomática. Santiago: Publicacións de Caixa Galicia). Ou neste outro de 1318, Testemoyas que foron presentes … Johan eans notario, Mtin Munin nunes de carcacia, fernan ferreyra (En López Ferreiro, Antonio (ed.): Galicia Histórica. Colección diplomática. Santiago: Tipografía Galaica). O significado etimolóxico, por tanto, deste topónimo é conxunto de terras rurais coas súas construcións do propietario chamado Munninus, Munnius > Munius. Este tipo de propiedade consolidouse ao longo da historia e orixinou no noso dereito civil a institución do lugar acasarado que, segundo o artigo 119 da lei que o regula, se define como o conxunto formado pola casa de labor, as edificacións, as dependencias e as leiras, aínda que non sexan lindeiras, así como toda clase de gando, maquinaria, apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agropecuaria, forestal ou mixta.

Papín

De forma contraria ao que acontece con Casar de Monín, neste topónimo non se conservou o primeiro substantivo, que nós cremos sería a hipotética forma *(villam) + o xenitivo do antropónimo *Pappini: de *Pappinus > Papín. Do mesmo xeito tamén se orixinarían Nantín < *(villam) *Nantini: de Nantinus e Randín < *(villam) *Randini: de Randinus. Da presenza da romanización en Papín dá proba a Dedicatoria aos Lares viarios encontrada neste lugar en 1906 polo daquela párroco de Penarrubia, Antonio Correa Valcárcel, depositada no Museo Provincial de Lugo, coa seguinte lenda epigráfica

  1. Laribu[s]
  2. Via lib[s]
  3. Placid
  4. [i]na ex v
  5. oto p[o]siit

“Aos Lares das vías, Placidinia puxo (isto) por unha promesa”.

Castrolanzán

De castru(m) (“fortificación militar”) + xenitivo do nomem *Lantiani, un etnómino de procedencia prerromana que se documenta tanto na Península como fóra dela. Así, no fito funerario do Museo Arqueolóxico de Mérida CE07999: D(is) M(anibus) s(acrum) / G(aius) Lancius / Iulianus / an(norum) XVI / h(ic) s(itus) e(st) s(it) t(ibi) t(erra) l(evis) / Iul(ia) Proba mater / filio piissimo faci/endum curavit[1]. Este patronímico daría orixe tamén a outros topónimos como Lanzá, no concello de Mesía, ou Paiolante (Paio-lante), lugar da parroquia de Quembre no concello de Carral. Así mesmo, tamén cremos que Lanzós, o patronímico dun dos líderes dos Irmandiños, constitúe unha forma reducida dese mesmo nomem prelatino. Da mesma orixe é tamén o topónimo da antiga cidade da Gallaecia Lancia, hoxe do termo municipal de Villasa­bariego, provincial de León.

Foto Toponimia_ Capela_Castolanzán…

Capela Castrolanzán

Ilarín

Seguindo a Ana Isabel Boullón Agrelo (en Antroponimia medieval galega. (Ss. VIII-XII). Max Niemeyer Verlag. Tübinguen 1999 páx. 195), debemos remontarnos á forma antropónima latina Elarinus ou Hilarinus, derivada de Hilarius, variante de Elarios, á súa vez de Ilaros, latín hilaris, alegre, constatado nos documentos medievais como Elarino, Elarinus, Elarjni e Elerino nos Tombos de Samos e Sobrado. Así, pois, consideramos que este topónimo procede dun composto (villa/casa = casa de campo), que se perdeu co decurso do tempo, + hilarinii > Ilarín.

Cabe tamén a posibilidade, pensamos nós, de que este topónimo se formase a partir de Vilarín por aférese do |v| inicial.

O Forxo

Conxunto de varios predios situados ao comezo do Agro de Penarrubia. No Proxecto Toponimia de Galiza e no Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran dez rexistros con este topónimo, deles unha entidade humana no concello de Cospeito, tres rochedos, catro matogueiras e dous regos. É posíbel que a súa orixe haxa que relacionala cun patronímico precedido dun (villam) desaparecido. Así, de *(villam de) *Froio > Frojio > Forxo. Ou talvez de *(villam de) *Frogione > Frojio > Forxo. Na documentación medieval encontramos patronímicos deste estilo: …de alia parte diuiditur de villa Vigo per aquam que uenit de monte, et de alia parte diuiditur de villa Froyam per suum uallum… (En Consello da Cultura Galega. Gallaeciae Monumenta Historica. B.- Tombo, ff. 19v-20v. Transcr.- González, J. Reinado y diplomas de Fernando III, doc. n.º 399. Rex.- Sánchez Belda, L.- Documentos reales de la Edad Media…, doc. n.º 666).

Outra opción podería encontrase no baixo latín fogius, procedente da forma clásica fovĕa, foxo, trampa para cazar animais, á súa vez, de fŏdo ou fŏdĭo, cavar, buscar.

Moito menos convincente resulta a procedencia do étimo latino fōrdĕum, variente á súa vez de fōrbĕum, alimento, pasto, forraxe, de onde sairá tamén, por perda da aspiración inicial, hōrdĕum > orxo. Fordeum e forbeum teñen a súa correspondencia grega en Φορβή ής, pasto, alimento, comida. A este fordeum refírese M. F. Quintilianus na Institutio Oratoria con estas palabras: quin “fordeum” “faedos”que pro adspiratione F velut simili littera utentes; nam contra Graeci adspirare F aut Φ solent, ut Pro Fundanio Cicero testem, qui primam eius litteram dicere non possit inridet, que na nosa lingua di: “Así mesmo, din “fordeum” e “faedos” por aspiración do F; pois os gregos, ao contrario de nós, adoitan aspirar o F ou ‘fi” (Φ), segundo testemuña Cicerón no Pro Fundanio, onde se moquea dunha testemuña que non pode pronunciar a primeira letra dese nome”. Segundo esta interpretación filolóxica, no caso de Forxo tamén nos encontraríamos cun fitónimo como sucede con Cebeiral e Paínzal. Formulamos unha hipótese que, desde o punto de vista da evolución fonética, goza de fundamento, mais para que se tratase dun fitónimo que se referise a un colectivo como sucede con Cebeiral e Paínzal, falta o sufixo -al, -eira, -edo/a… que indique esa calidade como sucede nestes dous casos e noutros como codesal, carballeira, carballedo, xesteda… Esperábase, xa que logo, *Forxal ou *Forxeira. Mais, a presenza do sufixo colectivo para indicar conxunto tampouco se constata en todos os casos. Non moi lonxe do Forxo, en Penarrubia, encóntranse Os Rebolos, topónimo que, sen a presenza do sufixo derivativo, se refire a terras nas que abundan os carballos desta especie. Mais, a procedencia fordeu(m) > forxo resulta historicamente inviábel debido a que xa en tempos de Cicerón se perdera o f- de fordeum e, por tanto, con menos razón se podería soster a súa conservación no paso á nosa lingua. Ademais, son numerosos os testemuños lingüísticos do paso de ordeum e derivados > orxo, Orxal, Orxeira.

Río de Xermil

 Rego de 4.096 metros de lonxitude. Nace na Fonte dos Poios e desemboca no río Neira á altura de San Miguel coincidindo a pouca distancia da confluencia co Río do Furco. Pola súa marxe dereita incorpora as augas dos regos de Ardenide e mais do de Vila de Abaixo. Hidrónimo actualmente, mais cremos que antano se podía referir ás propiedades que neses lugares posuía algunha persoa. Procede do antroponímico xermánico Gelmirus < *Gelmiri, que constatamos nestes textos medievais de 1.031 e 1.105: … et de alia parte per illo causo inter Fromariz et Gelmiri, et accepit proinde LXX modios de uno vestro renovo,… In Gelmiri meam portionem sic IIIª, Ventosello sic Sancta Marta, sic ad illo pereiro cum illos de sic IIIª. In Cabanas super sancta Eolalia sic adiuntiones de barrio (Ambos en GMG Gallaecia Monumenta Histórica. Tombo de Celanova, fols. 53v. – 54r e fols. 15v. – 16r. respectivamente). Do xenitivo Gelmiri > Xermil. Resulta significativo que son numerosísimos os topónimos formados con esta mesma estrutura xenitiva dun lexema antroponímico de orixe xermana como Ardemil (freguesía do concello de Ordes) < *(villam) Ardemiri. Andamil (freguesía de Cadramón, O Valadouro) < *(villam) *Andemiri de *Andemirus; Bertomil (lugar da parroquia de Brates, concello de Boimorto) < *(villam) *Bertamiri: de *Bertamirus; *(villam) Argemiri: de Argemirus > Arxemil… Do xenitivo agemiri > Arxemil.

Rego de Ardenide

Nin o Proxecto Toponimia de Galiza nin o Nomenclátor de Entidades de Poboación rexistran este topónimo. Trátase, como vemos, dun vocábulo descatalogado. Mais, polo feito de ser un endemismo lingüístico, merece a nosa especial consideración porque se trata dunha palabra singular que segue mantendo o vigor malia a acumulación de esquece­mentos que caracterizan a nosa identidade. Desapareceu a pita do monte nos Ancares metrallada por eximios trabucaires, maquinaria forestal arrasa petroglifos catalogados, mingua de forma alarmante a biodiversidade vexetal por plantacións masivas de árbores foráneas, a lingua esmorece pola redución de falantes… Ardenide segue resistindo.

Na cartografía da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil figura identificado este rego co código 27400 e co número de cunca 351, e dise que ten unha lonxitude de 1.465,23 metros. Nace na aba leste do Monte do Xuvento e conflúe co río Xermil entre San Bernabé e a Serra de San Martiño. Arredor do decurso deste rego tamén existe toponimia menor que identifica algúns prados con este mesmo topónimo.

Mais, chegados á explicación etimolóxica preséntanse os problemas. Malia Ardenide ofrecer nas dúas primeiras sílabas a forma arde, descartamos a orixe latina de ardeo ardēre, arder, e como explicación semántica desta proposta tamén desbotamos o recurso agrícola consistente nestes lugares en estivadar as searas queimando a matogueira para arar despois a terra e sementar trigo ou centeo. Podemos asociar Ardenide a algún antropónimo de orixe xermánica como no caso aquí exposto de Xermil ou Ardemiri, xenitivo de Ardemirus, que orixinou o topónimo Ardemil, no concello de Ordes. Mais, o feito de que Ardenide non sexa palabra de acentuación aguda permítenos indicar que non se trata dunha solución convincente. Tamén podemos remontarnos a tempos anteriores á romanización e aquí aparecen os celtas coa súa lingua que nos poden axudar a solucionar esta dificultade lingüística. E nesta tarefa de buscar vínculos léxicos, ocorréuselle a Elvira Sanz, a quen lle expoño as miñas dúbidas filolóxicas, a posibilidade de relacionar Ardenide con Les Ardennes francesas. Alors, on y va! J. César no Libro V da Guerra das Galias deixa constancia deste topónimo:

At Indutiomarus equitatum peditatumque cogere, eisque qui per aetatem in armis esse non poterant in silvam Arduennam abditis, quae ingenti magnitudine per medios fines Treverorum a flumine Rheno ad initium Remorum pertinet, bellum parare instituit.

Indutiomaros, pola contra, dispuxo a caba­laría e a infantería preparando a guerra, agochando na fraga das Árdenas (que se es­ten­den nunha inmensa superficie, no medio do territorio de Trévires, desde o Rhin até as fronteiras de Rèmes) aqueles que a idade non lles permitía levar armas.

Isto é, o topónimo Árdenas é prelatino. Filólogos franceses sosteñen que podería derivar do céltico ard-, que significa alto. En gaélico ard ten o mesmo significado (Ard-Rí na hÉireann = Alto Rei de Irlanda). Na mitoloxía celta existe tamén a deusa Arduinna/Ardbinna/Ardoina, que se converteu por sincretismo en divindade galorromana da caza e dos bosques, asimilada a Artemis/Diana baixo o nome de Diana Arduinna. ¿A nosa Ardenide manterá algunha relación con ese étimo? Aí quedan estas propostas. ¿Levará razón o suevo Ardemirus, a celta Arduinna ou ningún dos dous?

Monte e Rego de Xuvento

Nome do monte situado entre Cernadas e Casar de Monín. Na súa aba nordés nace o rego de Xuvento, que descorre cara ao norte servindo á vez de demarcación da parroquia e do concello de Baralla até confluír no Muiño do Couso co Río Seco. Posibelmente, proceda dun patronímico tipo Iuventus/Iuventu(m) referíndose con el ao propietario en tempos pasados desas terras. Mais, de ser así, encontrámonos coa anomalía de partir do acusativo Iuventu(m) en lugar do xenitivo Iuventi como sucede noutros casos como Monín, Xermil…

No Catastro de Ensenada o escribán copia este topónimo como Xumento, mais na fala e na cartografía sempre se cita como Xuvento.

Cadeita

Nin no Proxecto de Toponimia nin no Nomenclátor de Entidades de Poboación figura este nome nin ningún outro que se lle pareza. Identifica cada un dos catro prados situados na beira dereita do Camín que descorre ao sur do Freixo e dos Pedragás. Son lameiros húmidos debido aos mananciais que nacen nalgúns deles e tamén á auga de rega procedente das presas que baixan da Fonte de Penarrubia. No verán de 1975, ao remate dos estudos de Filoloxía románica en Compostela, comprometérame co profesor Constantino García González a realizar a tesiña de grao sobre a toponimia da freguesía de Penarrubia. Cando elaborei o nomenclátor dos topónimos aquí existentes para esa actividade de investigación, ao chegar á voz Cadeita pensei que para este vocábulo non ía encontrar ningunha hipótese satisfactoria. Pasaron desde aquela corenta e catro anos, incumprín aquel meu compromiso de investigación, e nos últimos tempos, ao retomar esta tarefa, abríuseme algunha luz ao respecto. Trátase do coñecemento que tiven a través do GMH (Gallaecia Monumento Histórica) da existencia do antropónimo medieval Eita moi presente en documentos como o Tombo de Celanova. Así, neste de 942: Guntina Anseriz genuit Fernando Eita, et Petro Eita, et Pelagio Eita, et Ruderico Eita, et Maria Iohannis, et Adosinda et Marina… Neste de 1076: Alias quas nos ibidem comparavimus, id sunt hereditas Eita Teodilaz et de suos germanos… Ou nestoutro de 1.022 do Arquivo da Catedral de Mondoñedo: Qui presentes fuerunt: Valeiro ts. Vimara ts. Eita ts. Deste xeito, partindo dun *cas(a) dē Eita poderíase chegar a Cadeita.

A segunda hipótese xurdiu após a lectura de Vieyos apellativos afayaos pela toponimia nel dominio ástur, da autoría de X. Ll. García Arias, da Academia de la Llingua Asturiana e profesor da Universidá d’Uviéu. Este filólogo pon en relación os topónimos dos dominios aragonés cadereita e castelán Caderechas co latín cataracta -ae, préstamo, á súa vez do grego καταρράκτης, fervenza, tapacuña nunha corrente de auga, que existe tamén en resultados toponímicos italianos e franceses. En catalán, cadireta é a auga que sae ao levantarse a comporta das presas para o rego das terras ou para os muíños. Tamén designa a comporta ou tapacuña que se usa para cortar o paso da auga. Na versión galega do século XIV da General Estoria figura esta palabra para referirse xustamente ao momento en que se abren as comportas do ceo no comezo do diluvio universal: Et diz outrosy quese toma este nome cataracta por qual quer fiestra, et que asy he dito aqui [porlas] fiestras do çeo. Semanticamente, a solución cataracta > cadeita para este topónimo resulta verosímil pois para estes prados descende a auga procedente da Fonte de Penarrubia e tamén é comprensíbel que existise nalgún lugar do seu decurso unha tapacuña que a estancase para a súa distribución segundo as quendas de rego de cada lameiro. Foneticamente, en cambio, xa resulta máis complicado explicar o paso cataracta > cadeita.

Albarín

Podería tratarse dun antropónimo de orixe xermánica Álvaro (alls “todo” + warjan “defenderse”), que latinizado deu, na súa forma xenitiva, albarini. Este topónimo formaríase, pois, desde un primeiro lexema (villa) + o xenitivo do antropónimo albarini, “predio de Álvaro”. Na Galia narbonense existe unha ara votiva dedicada a un tal albarinus que contén a seguinte epigrafía Ocellus, Curmissi(i) f(ilius), Albarin-o u(otum) s(oluit) “Ocellus, fillo de Curmissus, a Albarinus en cumprimento da súa promesa”. Mais, tamén cabe a posibilidade de que garde relación co vocábulo latino alba, de cor branca, + o sufixo derivativo -ina, ben a través dun sufixo intermedio -are ou directamente desde o lexema albar. Hai quen sostén que mantén a mesma orixe que alvariza, do latín alveārium > alvariza, (de alvĕus, colmea), cavidade, construción consistente nun muro, xeralmente circular, onde se garda un conxunto de colmeas.


[1] Consagrado aos deuses Manes, Gaio Lancio Xuliano, de 16 anos de idade, xace aquí. Que a terra che sexa leve. Súa nai Xulia Proba mandou facer para o seu piísimo fillo.

Relacionados...

Litotopónimos

Os litotopónimos son os nomes das pedras. Pena da Uz Situada no monte de A Barrosa, marca o límite polo noroeste da

Agrotopónimos

Os agrotopónimos son aqueles topónimos que gardan relación coas actividades agrícolas, os sistemas de cultivo, as situacións e as demarcacións dos terreos.

Hodónimos

Os hodónimos son os nomes das vías de comunicación. As Cruces Plural do latín crux, crucis. Aluden aos camiños que se cruzan

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario