Os agrotopónimos son aqueles topónimos que gardan relación coas actividades agrícolas, os sistemas de cultivo, as situacións e as demarcacións dos terreos.
As Barcias
Hidronímico de orixe prelatina, indoeuropea ou non, ten o significado de terra próxima a unha corrente de auga que se inunda. Edelmiro Bascuas, en Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega, indica que procede da forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- ‘auga’. O topónimo Várzea é moi abundante en Portugal e como substantivo ten o significado de terreo baixo, plano, con poucas pedras, suxeito a alagamentos en época de chuvia.
Coromines, en cambio, considera que a forma española bárcena procede por derivación dun antigo *vargĭna, palabra arcaica e dialectal das zonas cantábricas da Península, interpretación que, desde o noso entender, non contradí a de E. Bascuas. Suponse a raíz prerromana *war (“veiga, auga, beira”), que deu a base *bar-ka– > *barga, por referencia a “lugares fértiles con auga”. E de aí, *bar-k-ena: “relacionado coa beira da auga”.
Parece ser que barcia e varxa teñen a mesma orixe, manténdose barxa na franxa occidental, mentres que barcia prevalece no interior. Os cartularios recollen as variantes uarçina, uarcena, uarzena, varzena. Na documentación medieval galega tamén recollemos a forma varçea en varias ocasións como antropónimo. Así neste texto do ano 1333 da Catedral de Lugo …Feyta a carta en Lugo seys dias de novenbro, era de mill et CCC LXXª et hun anno. Testemoyas: Aras Affonso de Varçea; Gomes Aras de Boveda; Iacome das Gallinas; Pedro Pellaes ts., et outros moytos… (GMH. Madrid, AHN, Carp. 1332 D/12 (bis), perg. orix., galego, gótica cursiva, 209×134 mm.).
Louseiras
Procede dunha forma prelatina, probabelmente celta *losa, “Rocha de cor gris ou negra que se divide facilmente en láminas” + o sufixo –ārĭa > aira > eira, que indica lugar. Manuel Rabanal pronúnciase en favor da orixe céltica desta voz: “Celtismo seguro é non só do galego, senón de todas as linguas hispánicas (Cast. losa, Cat. !losa, etc.), a palabra lousa, de cuxa prosapia céltica posuímos non só moi acordes opinións de lingüistas senón tamén vellos testemuños epigráficos”. En cambio, Hubschmid considera esta palabra de orixe gala: «Son probablemente de orixe gala (e cita a Schuchardt) as formas do cat. llosa ‘placa de pizarra’; esp. losa; mozá. llausa; gal-port. lousa.
Cebeiral
Procede do substantivo latino cibus -i, sobre o que se formou o neutro plural cibāria, alimentos, víveres, comida en xeral, e o adxectivo cibarius -a -um, que se aplicaba aos alimentos de mala calidade. Así, de cibarium + o sufixo –ale > al, orixínase cibairale > cibeiral/cebeiral. Do mesmo cibus orixinouse tamén ceba e o verbo cebar. Cebeiral é o lugar onde se sementa o cereal e, nomeadamente, o cereal de peor cualidade destinado ao alimento dos animais. En español, a palabra cebada procede deste mesmo étimo latino, mais en galego para este cereal partimos do latín hŏrdĕum > orxo, agás en certos lugares ou usos nos que, como se comproba na toponimia de Penarrubia, tamén se recorre ao étimo cibaria para designar o orxo.
Painzal
Provén do latín panīcĕu(m) + sufixo –āle > -al. O paínzo ou millo miúdo noutrora era moi común en Galiza, sobre todo no litoral, estendéndose tamén nas leiras das montañas interiores das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Recibía o nome de millo, que despois tomou o actual maínzo, que comezou a substituír o paínzo desde o século XVIII. O paínzo veuse cultivando e secando en hórreos e celeiros en toda Europa dende a antigüidade. Derivado de panicium, en piemontés e en catalán denomínase panis, en español panizo, en galego e portugués paínzo. Actualmente é o segundo cereal máis cultivado e o máis importante de Asia. Ten unha longa historia como cultivo de gran fino na China dende hai seis milenios. Na documentación medieval encontramos testemuños deste topónimo do ano 1312: …videlicet hereditatem de Peyçales subtus viam que tendit ad Mugares et unam leyram in Sancta Tecla (GMH. Arquivo Catedral de Ourense, Escrituras IV, 10).
Seara do Trigo
Porción máis chaira do cumio da serra do Mazuco na que antes se cultivaba cereal. O vocábulo seara coñece tamén as variantes senra e serna e refírense ao monte cavado onde se sementa centeo ou trigo durante un ou máis anos e que logo se volve deixar inculto. Segundo Antón Santamarina, en Contribución para unha toponimia dos montes, a orixe está nun *sénăra, coa raíz sen- e un sufixo átono –ăra (moi abundante en topónimos prerromanos: Lóuzara, Láncara, Azúmara, Pígara…Gándara). O paso de sénăra a senára e despois a seára (con esa deslocación do acento) non está claro pero non hai dúbida de que as dúas palabras son unha mesma na orixe. Para Trigo, véxase o topónimo Trigueira. Na documentación medieval encontramos este topónimo referido a porción de terra en varios casos. Así neste de 1488 do …la nuestra leyra de vina llamada da Seara, sita en la Rivera de San Mamede… (GMH. Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, Documento 1376).
Campa Cernadas
Procede do femenino latino campa formado desde campu(m) + cineratu(m), que significa terreo rural aberto e raso no que quedan as cinzas (cinerata) despois se ser queimado. O escritor latino Varrón, en De lingua latina, explica o significado de campus da seguinte maneira: Ager cultus ab eo quod ibi cum terra semina coalescebant, et ubi n<on> consitus incultus. Quod primum ex agro plano fructus capiebant, campus dictus; posteaquam proxuma superiora loca colere c<o>eperunt, a colendo colles appellarunt[1]. Campa ten na nosa lingua o significado de lugar onde medra a herba de maneira espontánea sen necesidade de rega. A forma feminina habitualmente fai referencia a unha extensión maior que a que corresponde ao masculino como sucede en portelo-portela, cesto-cesta, saco-saca, cancelo-cancela… As campas cernadas serían, por tanto, os terreos cuxa vexetación se queimaba periodicamente para a produción de pastos para o gando.
Barreirón
Formado sobre o étimo prelatino barro, comentado a propósito de A Barrosa, + o sufixo derivativo –one > -ón.
Cabanas
De procedencia dubidosa, posibelmente indoeuropea, en latín tardío xa se usaba a palabra capanna > cabana. Este substantivo plural indícanos que neste lugar do monte existirían antano construcións que se empregaban para protección dos pastores ou tamén para gardar os animais, almacenar herba que darlles como pasto…
Patal
Designa os predios situados ao sur do rego de Painzal entre o Albarín e O Castro. Segundo o Indogermanisches Etymologisches Wörterbuch de Julius Pokorny, en indoeuropeo existe a raíz pā-, pǝ-, e pā-t-, pǝ-t-, co significado de alimento, pasto, da cal procedería tamén a forma latina pāscō, -ere, pāvi, pāstum. Das variantes con –t– pā-t-, pǝ-t-, orixinaríanse as gregas πατέομαι, comer e beber, e ἄπαστος, sen comida nin bebida. Segundo esta interpretación, desde unha base indoeuropea, celta ou doutro substrato, o topónimo Patal podería orixinarse desde a raíz pā-t- + o sufixo derivativo latino –āle > -al. En consonancia co seu significado orixinal, este lugar é abondoso en auga polo Rego de Painzal que o percorre e favorece o crecemento da herba.
En Chantada, a palabra patal tamén se emprega como sinónima de socalco ou bancal, isto é, cada un dos valados de pedra que serven para conter as terras de cultivo nos terreos moi pendentes.
Patal é un topónimo frecuente no Bierzo. Segundo Jesús José María García García en La toponimia del Bierzo: (bases para un corpus toponymicus), existe o común “Patal” reflectido na toponimia. Significa hoxe a parte máis baixa e chaira dunha finca e considera que se relaciona coa base pat– = plano, chairo, quizá familiar do latín “pateo” = estar aberto, ser accesíbel.
A Ramalleira
Do latín rama derivaríase por medio do sufixo –alia > ramalia + o sufixo derivativo –aria > ramalleira. Ten o significado de bosque de árbores pequenas e de arbustos. No Proxecto Toponimia de Galiza figuran 67 rexistros que conteñen esta mesma forma. Menos produtivo resulta a presenza do lexema rama co sufixo colectivo -al, pois no mesmo Proxecto figuran 46 rexistros de Ramallal. Esta última forma aparece nun documento de 1485 …damos a foro a vos Juan de Castillo et a vosa muller Maria Afonso / et outras seys personas quales vos nonbrardes en voso testamento et mays por veynte et nobe annos conben a saber que vos aforamos a nosa / casaria de Ramallal con suas entradas et saydas alto et baixo herdades brabas et mansas por dondequer que van agoas et pastos segundo que senpre / andou et se labrou a dita casaria…(GMH. Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo, Documento 203).
Groba/Grobas/Grobiñas
O topónimo Grobiñas designa o estremo nordeste do monte de Penarrubia. Na agra das Panás, tamén existe A Groba; no monte da Canteira, A Groba da Curuxa; e no sueste do Castro existen varias parcelas As Grobas.
Unha groba é unha depresión fonda e estreita no terreo e tamén se di dun camiño angosto entre montañas. Existen numerosos topónimos e apelidos galegos conformados sobre este étimo. As grobas artificiais creadas polos humanos coa finalidade da extracción de minerais tamén se constatan no territorio da antiga Gallaecia. Así, no norte de Portugal, Asturias, León e Zamora, existen topónimos (grova/ba, grovios, grovia, engroba, gurueba, guruoba, brueva) que certifican unha realidade histórica ligada en moitos casos á antiga actividade mineira e, entre o Navia e o Eo, encontramos nomes sen ditongación como As Grobas, Os Grobos, A Engroba, etc. No caso de Penarrubia, estes topónimos identifican terras situadas a carón de depresións, como sucede nas que limitan co Castro e os seu foxos, con cómaros pronunciados —As Grobiñas e A Groba— e fouces estreitas posibelmente escavadas en tempos pasados para a extracción de pedra, como sucede na Groba do Coruxa do monte da Canteira.
Esta forma encontrámola xa nun documento de 993 do Tombo de Celanova …Et prope ipsa villa de Sandini alia quam vocitant Trasarici, ex alia parte villa de Grovas (GMH TC, fols. 77v. – 78r.). Ou nestoutro de 1403 …et tornaron deviam et derom a dita casa, terra de Grovas et friigesias ao dito Gonçalvo Ossorez… (Libro de feudos e Documentacion medieval AHDS. In GMH).
Joseph M. Piel considera que a “etimologia de groba/grova vem ser unha das mais transparentes que se possa imaginar, pois estas formas condizen perfeitamente, no ponto de vista fonético como significativo, com uma voz goda groba, identidade da que, de resto, non escapou á perspicacia de Fr. Martin Sarmiento, o qual, jà lã vai mais de dois séculos, insire o galego groba no número dos nomes góticos, considerando-o, sem outro comentário, como sendo designativo de sitios en las quebradas de los montes”. (Sobre uma suposta identificaçao dos topónimos gal. Groba, grova, etc. co etnónimo pré-romano Grivii. Verba 1. 1974 63-67. Por esta mesma solución parece decantarse Dieter Kremer cando afirma que “as numerosas denominacións con groba s. f. cárcava (etc.) encóntranse só ao noroeste e poderían corresponder ao gótico groba foxo, burato (alemán Grube. (Kremer, Dieter (2004). “El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular”, en Cano, R. (coord.) Historia de la lengua española. Ariel. Barcelona. Páx. 146).
En cambio, tamén hai quen sostén que procede do latín scrobis + o sufixo –īnas. O substantivo scrobis existía en latín clásico co significado de foxo, escavación profunda natural ou artificial. (Has ubi verbenis silvaque incinxit agresti, haud procul egesta scrobibus tellure duabus sacra facit cultrosque in guttura velleris atri conicit et patulas perfundit sanguine fossas. Ovidio. Metamorphoses. Libro VII. Versos 243-246. Is proximo in agro scrobem effodi iussit… Cornelius Tacitus. Annales ab excessu divi Augusti. Libro 15. Capítulo 67). En sentido metafórico coloquial tamén encontramos textos latinos nos que scrobis se identifica coa vaxina da muller no momento da relación sexual. (Etiamne Pertunda, quae in cubiculis praesto est virginalem scrobem effodientibus maritis? ¿Ou mesmo, non é tamén [a deusa] Pertunda quen, no leito, lle presta axuda ao marido a escavar a cova virxinal? Arnobio. Adversus Nationes. Libro 8).
Unha terceira teoría, formulada polo historiador medievalista portugués Torquato de Sousa Soares, sostén que entroncaría co nome do pobo prelatino dos Grovii, mencionado por Pomponio Mela, Plinio e Ptolomeu. Entre as tres propostas etimolóxicas, nós inclinámonos pola primeira, pois, como afirma Joseph M. Piel, a voz goda groba concorda perfectamente coa galega tanto fonética como semanticamente. ¿Como se non, explicar en scrobis a perda do s- liquido inicial sen engadir o e– protético como sucede en stare > estar, stadium > estadio, spatium > espazo…?
Leiro Largo. Leirado
Nas Panás localízase o Leiro Largo. Os romanistas sosteñen que leiro/leira provén do latín glarĕa, onde o grupo consonántico inicial gl- non evoluciona a ch- senón que perde a consoante oclusiva como ocorre en glandūla > landra, glīrōne > leirón. Formalmente, todo parece correcto e en consonancia coa evolución fonética habitual, mais, semanticamente, en latín glarĕa designaba o conxunto de fragmentos miúdos de pedra que se usaban na construción de pavimentos. En español, dá orixe ao vocábulo llera, tamén co significado de terreo onde hai moitos coios. O catalán e o aragonés conservan a forma glera coincidente co mesmo significado de llit de riu o de torrent sec i ple de còdols. Igual sucede co vocábulo italiano ghiàia: roccia incoerente sedimentaria formata da piccoli ciottoli, usata per pavimentare strade, vialetti, giardini. Por que había de cambiar o significado na nosa lingua e en portugués e trocalo polo de terreo de labranza (DRAG) e terra de lavoura, isolada ou à beira de outras com que formam uma agra (Estraviz), faixa de terreno (DPriberam), resulta difícil de explicar. Xa en 1910, o neogramático Meyer-Lübke, en Romanisches Etymologisches Wörterbuch, propuxo partir da base celta *larea, campo, para poder chegar fonética e semanticamente á nosa leira. No Dicionario de dicionarios do galego medieval, a propósito da voz “leira” figura a seguinte explicación de F. R. Tato Plaza (1999): Libro de notas de Álvaro Pérez, notario da terra de Rianxo e Postmarcos (1457). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega [Glosario, pp. 237-711]: Aínda que foneticamente non tería problemas o lat. glarĕa (> esp. glera “areal, seixal”), hai moitas dificultades semánticas; Coromines rexeita, con razón, a idea da procedencia do lat. arĕa, pois non é posible unha aglutinación do artigo, dado que nas linguas onde existe esta forma, fundamentalmente o galego e o portugués, non hai l-; decántase por un celtismo, da raíz indoeuropea plā/pelə- afín ó lat. plānus, da que procedería un tipo indoeuropeo plāros; de aquí, trala perda normal do p- en céltico, daría unha forma derivada lār-ia “extensión de terra cha ou pouco montuosa”, e xa que logo cultivable, de onde normalmente leira (DCECH s.v. glera). A voz documéntase desde moi cedo nos textos: larea no ano 870, laria no 921, e leira no 984, todos eles en textos portugueses (DELP s.v.). Numerosos exemplos en textos galegos desde 1230 (leira) en CDOseira (I p. 316), en 1261 (leira), 1262 (leyra) en Montederramo (Martínez Montederramo s.v.), 1269 (leyra) e 1370 (leira) en Ribas de Sil (Martín Ribas de Sil s.v). Á documentación medieval que ofrece Tato Plaza, nós engadimos, outros testemuños como este de 1312: …videlicet hereditatem de Peyçales subtus viam que tendit ad Mugares et unam leyram in Sancta Tecla (GMH. Arquivo Catedral de Ourense, Escrituras IV, 10) ou estoutro de 1417: …que iasen sub signo de Santa Maria de Reboyro, et a leyra de Codesedo et a leyra de Val de [Gimer], et a outra leyra que ias en outra de Riadegos… En fin, parécenos máis convincente a explicación celta que a latina de glarĕa.
O oicónimo Leirado, unha das casas do lugar de Carballedo, parte do mesmo étimo discutido + o sufixo –ātu. Leirado, segundo Xulia Marqués Valea, en Toponimia de Trabada (En Real Academia Galega 2014), pode aplicarse a terras que forman un espazo compacto e se poñen en explotación conxuntamente ou manter o sentido do termo leirado ‘cantidade de froito que dá unha leira’. Interpretámolo como un topónimo que alude á actividade agraria, en particular á organización e segmentación da propiedade rural e, nomeadamente, ao tamaño das leiras. O topónimo Leirado xa o encontramos nun documento do ano 993 recollido no Tombo de Celanova … Item alia villa quam dicunt Lairatos, quomodo eam nos obtinuimus… (GMH Tombo Celanova, fols. 77v. – 78r).
A propósito deste vocábulo, non podemos deixar de facer referencia ao nome dun restaurante de breve existencia situado en San Miguel de Neira de Rei, A leira dos feos, que mostra a todas luces que quen escolleu tal denominación descoñece o concepto homonimia. Nunha reportaxe xornalística publicada hai pouco con motivo da apertura deste local, indicaba o hostaleiro que a denominación Leira dos feos débese a que na súa familia existe un predio coñecido como Leira do feo, ignorando que feo (> lat. fenu), por ser un substantivo incontábel, funciona como un singularia tantum que se refire á herba segada e seca que serve de alimento para o gando (DRAG), que en español recibe o nome heno. ¿Ou é que o hostaleiro se refire a que el, os seus empregados e clientes son persoas que producen unha impresión desagradábel aos sentidos ou ao intelecto, por carecer de perfección ou harmonía por seren feos (> latín fœdos) (DRAG)?
Groba da curuxa/coruxa
Lugar situado no sur do monte da Canteira que contén unha depresión fonda e estreita. Para Groba véxase o dito en As Grobiñas.
Descoñecemos o étimo de curuxa. É probábel que se trate dun son onomatopeico. A. Santamarina e M. C. Ríos Panisse afirman, en Nomenclatura de la fauna y de la flora en Galicia. I. Anexo 7 de Verba 1977, páx. 428, que quen oíu cantar algunha vez as curuxas, cun cu-rú cu-rú cu-rú moi fácil de imitar, non se estrañará que “cantar a curuxa” se diga curuxar (portugués corujar) e o paxaro se denomine curuxa. Son múltiples e fantasiosas algunhas propostas que se teñen realizado para a explicación da súa orixe. Crespo Pozo, en Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego III, páx. 40, propón a forma latina *cuculla, variante de cucullus, carrapucha dos monxes, polo parecido que garda a forma da cabeza da ave coa dos monxes encarrapuchados. J. Coromines tamén achega a súa particular hipótese para o vocábulo español coruja propondo como étimo o verbo latino *corruptiare > francés courrocer, irritar, polo temor lendario xerado arredor da curuxa como ave nocturna. Aínda máis, afirma Coromines que o verbo pronominal español acurrucarse tamén procede do latín corrūgatus, enrugado, por “influjo del asturiano y el gallego curuxa, portugués coruja, por la costumbre de estas aves nocturnas de estarse ocultas y acurrucadas durante el día, de donde resultó la variante acurrujarse, usual en Asturias, Galicia y Colombia”.
Segundo a lenda, as curuxas zugan o aceite das lámpadas das igrexas e son consideradas aves de mal agoiro cando cantan arredor da casa das persoas doentes ao anunciaren o termo da vida.
O Proxecto Toponimia de Galiza recolle 47 rexistros co vocábulo Curuxa e 19 coa variante Coruxa. Mais, esta forma tamén orixinou apelidos como Cruxeiras e Coruxeira. Na documentación medieval hai referencias a este étimo, así na Carta de poboamento de Pontedeume de 1332 …et sant saluador de curugion[2] et asperela, et sayoane de uilla mourel, et santiago de dragonte, et paderne, (GMH. Textos Forais, Documento 22. Fonte: López Ferreiro, A (dir.), Colección diplomática de Galicia Histórica. Edición facsimilar. Edicións do Cerne, Santiago de Compostela, 1998, doc. nº. XXXIV, pp. 161-169).
Carballeira do Rei
Para a etimoloxía de Carballeira, véxase o que dicimos de Carballedo coa diferenza de que agora quen participa é o sufixo derivativo –aria.
Mais, neste topónimo que estamos a tratar, Carballeira do Rei non designa un asentamento de poboación senón unha carballeira murada de 3.000 m2, situada no noroeste de Penarrubia, que nos fai pensar que se tratou dun antigo acoutamento real destinado a fornecer da madeira empregada nos estaleiros, como sucedía noutros lugares, desde 1716, para a Mariña da Coroa. Mais, isto non deixa de ser unha mera hipótese porque non coñecemos ningún documento que así o indique.
Colmeal
Predio do igrexario situado a carón da antiga casa reitoral polo seu lado sur. Hoxe as propostas consideradas máis solventes da filoloxía española sosteñen que o vocábulo colmea procede da forma prelatina, posibelmente de orixe celta, *kolmena, derivada de *kŏlmos, palla. A última actualización do DRAE (2018) acepta esta proposta e engade para confrontar a forma bretoa kôlôen-wénan, de kôlô ‘paja’ y wénan ‘abejas’ (https://dle.rae.es/?id=9ohiYHX). Non obstante, debemos matizar que na nosa lingua “colmo” ten un significado máis específico que “palla”, pois designa tan só aquela escollida, escolmada, de centeo ou de trigo, usada antano para cuberta das vivendas, dos palleiros ou de certas construcións rústicas. Por esta razón, tampouco se poden desbotar de raíz as propostas que parten das formas latinas columen e culmen, cumio, para explicar a orixe deste vocábulo.
A presenza da palabra “colmea” nas Cantigas de Santa María é moi frecuente. Así, na Cantiga XXVIII …é do Corpo de Nostro Sennor, que un vilão metera en hũa sa colmẽa por aver muito mel e muita çera; e ao catar do mel, achou dentro Santa Maria con [seu Fill ‘ en braço.] (Mettmann, Walter (ed.) (1959-72): Cantigas de Santa Maria. 4 vols. Coimbra: Acta Universitatis Conimbrigensis. Reed. de Ed. Xerais de Galicia en 1981. [Vol. 1, pp. 37-99]). Tamén encontramos este vocábulo como apelido nun documento de 1275 …Johãn Martiz notario de Villa Alua et sou yrmao Lopo Martiz. et Lourenço Colmea et Pay Escriuã et dõ M o de Belsar. et Domingo Paez de Néétte et Domingo Iohanes de Trobóóu…. (TMILG. Martínez Salazar, Andrés (ed.) (1911): Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI. A Coruña: Casa de la Misericordia).
Colmeal é o nome que recibe o lugar onde hai colmeas. Como ben sabemos, son varios os vocábulos empregados en galego para designar o habitáculo das abellas ademais de colmea, cortiza, cortizo, trobo, abellariza, alvariza, apiario. Na freguesía de Penarrubia varias familias son portadoras do apelido Abelleira. E non lonxe, xa na freguesía de Furís, existe unha entidade de poboación denominada Abelleira.
Cortiña
Procede do celta *kor-r- (‘recinto circular’), lat. cohorte(m) (‘sitio cerrado’) + sufixo –ina > cohortina > cortiña. Sobre a mesma base temos cohorticulum > cortello. O vocábulo cortiña designa as terras pechadas con paredes para a sementeira. Eran fértiles e moi versátiles porque se empregaban para diversos cultivos. Ademais dos tradicionais trigo, orxo, centeo e nabos, co paso de tempo, nas cortiñas tamén se sementaron hortalizas e patacas. Non necesitan barbeito e por isto producen, como se indica no Catastro de Ensenada, sin yntermisión alternándose os cultivos de trigo ou orxo e centeo e nabos.
Na documentación da Catedral de Lugo figura profusamente Cortiña tanto como antropónimo como topónimo: …Afonso Eanes das Cortinas, clerigo do dito coro (1400)… et o qual vos damos en foro segundo dito he con todas suas casas et herdades, agros et cortinas et con todas suas dereyturas et pertenenças, a montes et a fontes (1402)… las nuestras casas con su cortina et palomar […] pertenençias, que estan en la çibdat de Lugo en la cale de la Tanaria (1404)…
O Agro
Do acusativo latino agru(m), ager, campo, terra. En Penarrubia desígnase con este nome o conxunto de terras de mellor calidade para a sementeira situadas polo noroeste a carón do núcleo de poboación. Comprende aproximadamente unha extensión de 13 hectáreas e, en tempos pasados, toda esta superficie se dedicaba á agricultura. Actualmente, a varios deses predios cambióuselles o uso e existen plantacións de piñeiros e, lamentabelmente, tamén de eucaliptos.
Durante a dominación romana, posiblemente esta extensión correspondería co ager publicus, isto é, o territorio que os conquistadores confiscaban aos pobos sometidos ao seu dominio para compensaren os seus soldados veteranos das guerras. Deste xeito, eses mesmos militares ficaban asentados en cada territorio impoñendo o seu dereito, a súa lingua e designado as terras incautadas coas súas palabras latinas. A terra nas provincias romanas era, ao principio, propiedade do pobo romano (ager publicus) e estaba ao dispor das persoas privadas. Os particulares non eran propietarios, senón simples posuidores e pagaban un tributo polo usufructum. Por isto, as terras nas provincias chamábanse posesións (possessiones) e non propiedades. Elevar a possesio a propiedade privada ocorría raras veces; cando sucedía isto, efectuábase con carácter público e relixioso, e así estas terras pasaban de res pública a privata res.
En Penarrubia, fronte ao que se afirma no DRAG, agra e agro son sinónimos. Existen casos en que se emprega agro (por excelencia o situado ao norte do lugar) e noutros agra, como sucede coa Agra da Paná. O DRAG define a agra como grande extensión de terra de cultivo dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos. Pola contra, indica que un agro é un terreo de cultivo [por contraposición a terreo a bravo, souto, prado, seara, campo ou aldea].
O vocábulo agra tamén constitúe unha institución do noso dereito civil. Malia estar en desuso, a actual lei regúlaa no capítulo V do seu título VI. Como indica a sentenza 16/2010, de 3 de xuño, do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, da que foi relator Pablo Saavedra Rodríguez, o agro, agra ou vilar agrupa en exclusiva terreos de labradío de diversos propietarios que constitúen unha unidade física pola suma deles, non separados entre si, e xeralmente pechados no seu conxunto, con consecuencias xurídicas que afectan principalmente aos elementos comúns como os muros, peches e camiños internos ou de servizo… Sen embargo, esta institución ancestral está practicamente en desuso… pois cambiaron as formas e os tipos de cultivos, pola irrupción de novas técnicas agrarias e da moderna maquinaria agrícola, e é raro constatar a existencia dalgunha que perdure ao modo tradicional...
O Agro de Penarrubia comprende os cinco Forxos, os catro Pedragás, as seis Portelas, os seis Carrocheiros, as once Campas Cernadas, o Cigarral, a Leira do Camiño e as cinco Muras. Polo medio descorre o Camín do Agro, en cuxos extremos sur e norte existiron cancelas de madeira que impedían o paso do gando para evitar que estragase os cultivos.
No dereito consuetudinario, o uso de cultivos que se practicaba nos agros implicaba a aceptación de todos os partícipes no acatamento das normas impostas pola colectividade. Así, en tempos pasados, todas as leiras do Agro eran terras de sementeira nas que se alternaban os cultivos de cereal e de nabos. A partir da introdución da pataca, a fins do século XVIII e, fundamentalmente, desde o comezo do XIX, tamén se dedicaron moitas destas terras ao cultivo deste tubérculo. O artigo 72 do noso actual Dereito civil indica que, de non haber pacto ou normas específicas de concentración parcelaria, o uso rexerá o aproveitamento e, en xeral, as relacións xurídicas dos propietarios das leiras que integren a agra ou o vilar. Pois ben, o uso destas leiras do Agro foi agrícola até o momento en que algúns predios adquiriron a condición de forestal desde que xa nos anos sesenta do pasado século se plantaron piñeiros e actualmente mesmo se repoboaron con eucaliptos nitens. E contravindo flangrantemente este uso consetudinario, nos anos oitenta construiuse unha vivenda no medio do Agro, a coñecida precisamente como Casa do Agro, nun lugar destinado en exclusiva a terreos de sementeira de diversos propietarios que constitúen unha unidade física pola suma deles, non separados entre si, e xeralmente cerrados no seu conxunto… (STSXG 16/2010, de 3 de xuño).
Portela
De pōrta(m) + sufixo diminutivo –ĕlla. Pōrt-ĕlla(m). Como afirma Carlos Calvo Varela, cremos que o significado deste topónimo fai referencia moitas veces na área lingüística galego-portuguesa a unha pasaxe entre montes ou outeiros e, ás veces, simplemente a unha divisoria de augas e vertentes no alto dunhas encostas. Esta é a interpretación que ofrece Martín Sarmiento en Onomástico etimológico de la lengua gallega: …y por estar allí una como portilla o portela, que hacen dos montezuelos, se llama hoy San Amaro da Portela. Elixio Rivas Quintas, en Frampas, contribución al diccionario gallego, entende da mesma maneira o significado: De suyo es la depresión en una loma, por la que se pasa a la otra parte, que originó infinidad de orónimos en la geografía del NO. Alén deste sentido orográfico, poderíase pensar tamén na existencia de auténticas portelas ou cancelas que no sistema agrario comunal se erguían para impedir a entrada dos animais.
Na documentación medieval aparece Portela tanto como apelido como topónimo. Así neste de 1479 dos Documentos da Catedral de Lugo. Século XV, Documento 1306 …Alvaro Vasques de Orense, camarero del dicho senor Obispo; et Juan de Portela, clerigo; et Pedro Ferrnandes de Agrelo, notario et vesino de la dicha çibdat… (Madrid, AHN, Cód. 417 B, f. 79 r. e v.), Nestoutro de 1037 do Tombo de Celanova …et inde ad sancta Eolalia de Portella et vadit usque ad sanctum Salvatorem de Sanguinieto et finit in prefinitum locum ubi prius cepimus.. Nestoutro de 1142 do Tombo de Celanova como topónimo dun predio …Cellenove vel etiam est de hominibus ipsius Cellenove, quam edificemus simul et populemur. Et quicquid ibi auxiliante Deo ganare vel arrumpere aut aucmentari et adquirere de quamcumque parte potuerimus in ipsa portela sortiamur // et habeamus tem terras, quam hereditates sive aquas sut montes, et dividamus secundum Deum hoc seculum per medium…
O Carrocheiro
Ademais de ser un oicónimo, tamén designa un conxunto de predios situados nas proximidades desta casa. En varios documentos medievais encontramos unha posíbel variante deste topónimo. Así neste de 1.291 …a o cabidoo enna vina de Caroçeyra que uendeo esta Maria Gonzalez ao dito… Carta do cabidoo das casas da praça et da vinna de Caroceira. Ou nestoutro de 1.298 …et Maria Perez deron as suas uinas que an en Caroçeyra commo departen da una das partes da uina do cabidoo (GMH Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo).
Etimoloxicamente, parece que procede da raíz preindoeuropea carr-, que significa duro, que se encontra noutras palabras como carrasco, carballo, cárcava, etc., e mesmo en topónimos como Carracedo. Así, en bretón Carnac. Coa base kar tamén noutras linguas célticas: cario, pedra; caruo, rocha; carno, fito de pedra; en catalán quer, rocha.
O DRAG non incorpora a palabra carrocheira, o Estraviz define esta palabra como cepa de urze. Aníbal Otero Álvarez (1956), en Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés, CEG XXXIV, pp. 245-269, defínea como cepa de brezo e indica que procede da raíz CARR; en Vocabulario de San Jorge de Piquín, Universidade de Santiago, 1977 (Verba anexo 7), define carrocho como madero o tronco nudoso o retorcido.
Hai quen indica que esta palabra procede do latín cariōsus, roído, e que de aquí se orixina o significado que nalgúns lugares ten o vocábulo carrocho: Oco grande no toro vello dunha árbore.
Manuel Lorenzo Baleirón, en Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga, di o seguinte a propósito dos topónimos Carracheiras e Carracho. Chamáselles carracheiras nestas terras ás árbores vellas, engruñadas e encarrapiñadas, que non dan medrado. A palabra é abundancial de carracho (dunha raíz preindoeuropea CARR), o parásito que cría entre fieitos e matagal e se alimenta suchando o sangue dos animais. É tamén despectivo, persoa desprezable, e asóciase con situacións de abandono e de extrema miseria. As Carracheiras… e deberon de se referir a terras vougas, con arboredo cativo, extremadamente pobres. … Carrasco. Carrasqueira Non é fácil deslindar as palabras que incluímos neste grupo coas do seguinte sobre todo tendo en conta que os estudosos admiten frecuentes interferencias entre elas. Para Eligio Rivas todas proceden do preindoeuropeo CAR, rocha, ‘cousa áspera, dura’… Carrasqueyro, en Sarmiento, derívase erroneamente de carex. …Carrasca e carroucha comenta tamén que son os nomes que en Rianxo se lle dan ás urces (Erica arborea).
O Forxo
Conxunto de varios predios situados ao comezo do Agro de Penarrubia. No Proxecto Toponimia de Galiza e no Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran dez rexistros con este topónimo, deles unha entidade humana no concello de Cospeito, tres rochedos, catro matogueiras e dous regos. É posíbel que a súa orixe haxa que relacionala cun patronímico precedido dun (villam) desaparecido. Así, de *(villam de) *Froio > Frojio > Forxo. Ou talvez de *(villam de) *Frogione > Frojio > Forxo. Na documentación medieval encontramos patronímicos deste estilo: …de alia parte diuiditur de villa Vigo per aquam que uenit de monte, et de alia parte diuiditur de villa Froyam per suum uallum… (En Consello da Cultura Galega. Gallaeciae Monumenta Historica. B.- Tombo, ff. 19v-20v. Transcr.- González, J. Reinado y diplomas de Fernando III, doc. n.º 399. Rex.- Sánchez Belda, L.- Documentos reales de la Edad Media…, doc. n.º 666).
Outra opción podería encontrase no baixo latín fogius, procedente da forma clásica fovĕa, foxo, trampa para cazar animais, á súa vez, de fŏdo ou fŏdĭo, cavar, buscar.
Moito menos convincente resulta a procedencia do étimo latino fōrdĕum, variente á súa vez de fōrbĕum, alimento, pasto, forraxe, de onde sairá tamén, por perda da aspiración inicial, hōrdĕum > orxo. Fordeum e forbeum teñen a súa correspondencia grega en Φορβή ής, pasto, alimento, comida. A este fordeum refírese M. F. Quintilianus na Institutio Oratoria con estas palabras: quin “fordeum” “faedos”que pro adspiratione F velut simili littera utentes; nam contra Graeci adspirare F aut Φ solent, ut Pro Fundanio Cicero testem, qui primam eius litteram dicere non possit inridet, que na nosa lingua di: “Así mesmo, din “fordeum” e “faedos” por aspiración do F; pois os gregos, ao contrario de nós, adoitan aspirar o F ou ‘fi” (Φ), segundo testemuña Cicerón no Pro Fundanio, onde se moquea dunha testemuña que non pode pronunciar a primeira letra dese nome”. Segundo esta interpretación filolóxica, no caso de Forxo tamén nos encontraríamos cun fitónimo como sucede con Cebeiral e Paínzal. Formulamos unha hipótese que, desde o punto de vista da evolución fonética, goza de fundamento, mais para que se tratase dun fitónimo que se referise a un colectivo como sucede con Cebeiral e Paínzal, falta o sufixo -al, -eira, -edo/a… que indique esa calidade como sucede nestes dous casos e noutros como codesal, carballeira, carballedo, xesteda… Esperábase, xa que logo, *Forxal ou *Forxeira. Mais, a presenza do sufixo colectivo para indicar conxunto tampouco se constata en todos os casos. Non moi lonxe do Forxo, en Penarrubia, encóntranse Os Rebolos, topónimo que, sen a presenza do sufixo derivativo, se refire a terras nas que abundan os carballos desta especie. Mais, a procedencia fordeu(m) > forxo resulta historicamente inviábel debido a que xa en tempos de Cicerón se perdera o f- de fordeum e, por tanto, con menos razón se podería soster a súa conservación no paso á nosa lingua. Ademais, son numerosos os testemuños lingüísticos do paso de ordeum e derivados > orxo, Orxal, Orxeira.
Mura
Nome que reciben varios predios situados no leste do Agro. No Nomenclátor de Entidades de Poboación constátanse dous topónimos Muras en plural: un, no concello do mesmo nome, e outro no concello de Forcarei. Ademais, no Proxecto Toponimia rexístrase un Muras, nome dun pasteiro pertencente ao concello de A Laracha. En cambio de Mura, en singular, non se recolle ningún topónimo. Pola contra, en ambas bases de datos figuran 161 formas que conteñen o lexema mura nalgunha das súas variantes: Agra das Muras, Cortiña da Mura, A Murada…
Nos textos medievais é moi frecuente o emprego do vocábulo murada. Así no documento notarial de 1278 … outorgo pera ſenpre en doaçõ τ por mina alma ao moeſteyro de Sancta Maria d Oya a ma vina de Fferreyroſ que eu ouue de ma madre Maria Perez aſſy como yaz murada τ marcada τ yaz ontre vina que foy de Nuno Miguell... Ou nestoutro de 1296 … para todo ſenpre outorgamos a uos, don Ahanryque, abbade d ‘ Oya, τ a conuẽto deſſe moeſteyro τ a toda uoſſa úúoz aquela uuia que nos auemos ĩno logar que cheamã Çima de Uila que é na fregiſia de Santa Maria de Tebrra que a iazẽça a ſoo logar u nos ora moramos como iaz murada τ como departe pelo eſtremadoyro (ambos en Maia, Clarinda de Azevedo (ed.) (1986): História do galego-português. Estado linguístico da Galiza e do Noroeste de Portugal do século XII ao século XVI (com referência á situação do galego moderno). Coimbra: I.N.I.C., pp. 41-245. Neste de 1390 … Todas estas terras et lugares et vilas et çidades, delas sen batalla et delas por batalla et por grãde sabedoria todas forõ sojugadas do moy nobre Calrros et metud[a]s so o seu senorio saluo Luçerna, que agora chamã Borroas, que he [en] Varverde, que era entõ moy bẽ murad[a] et moy forte… (En Pensado Tomé, José Luís (ed. ) (1958): Os Miragres de Santiago. Versión gallega del Códice latino del siglo XII atribuido al papa Calisto I. Madrid: C. S. I. C. (Anexo LXVIII da Revista de Filología Española).
Nun documento notarial de principios do século XIII encontramos a forma murias como sinónimo de murada: e pelos padrones que sunt aquende miranz e pelos cotos daquende murias odiron dezir que era regalengo e saben por uerdad que dauan quinta al Rey. e de oteiro como parte pelo Ryo de brul (In Gallego, Olga (ed.) (1986): “Tumbo de las viñas de Ribadavia”, Boletín Auriense, XVI, pp. 157-176). Isto permítenos partir dunha forma posibelmente xa latina *murias como plural de mura. No Nomenclátor de Entidades de Poboación recóllense catro topónimos con esta forma Murias, todos eles situados nos concellos limítrofes de Baleira, Becerrá, Fonsagrada e Meira. E no Proxecto Toponimia rexístranse tres nomes de terras tamén pertencentes a concellos orientais da provincia de Lugo. Na mesma freguesía de Penarrubia existe o Marco de Murias, situado no Monte de Murias. En Asturias tamén se rexistra esta mesma forma toponímica. Concluímos que tanto murada, mura, muras como murias son variantes da mesma orixe mura e murata, isto é, amurallada, defendida con paredes.
Freixo
Catro predios de reducida superficie situados ao leste das cortiñas de Martiz, Costureiro e Moreno. O vocábulo procede do latín fraxīnu, árbore de folla caduca da familia das oleáceas que alcanza de vinte a trinta metros de alto, toro groso con moitas pólas, follas opostas e dentadas e madeira de cor abrancazada moi doada de traballar, da que existen varias especies.
Este topónimo resulta moi produtivo. No Nomenclátor de Entidades de Poboación existen 29 lugares rexistrados e no Proxecto Toponimia de Galiza, 188 nomes de terras, camiños, cultivos…
Valado
Provén do latín vallatum, palabra derivada de vallum, estacada, defensa feita de paus. Posteriormente, valado é a construción vertical non moi alta, de pedra, arame, terróns ou outro material coa que se cerra ou delimita un espazo. En documentos latinos medievais encontramos uallatum con este mesmo sentido, así, por exemplo nun de 1250: …et diuidit de hereditate, quam tenent de nobis filii de domna Sancia Martini, per ipsum uallatum; et in fundo et in cima per marcos de petris (Lucas Álvarez, Manuel / Lucas Domínguez, Pedro (eds. ) (1996): El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: estudio y documentos. Sada / A Coruña: Edicións do Castro (Publicacións do Seminario de Estudios Galegos). No Proxecto Toponimia de Galiza e no Nomenclátor de Entidades de Poboación figuran 307 rexistros con este topónimo.
Pedragás
Predios situados no leste do Agro, entre Os Freixos e Os Valados. Procede do latín pětra, rocha, pedra, + o sufixo –ale. Fai referencia á acumulación de pedras neses terreos, feito do que dá fe quen isto escribe pola cantidade delas que axudou a retirar a inicios da década dos setenta cando a un destes Pedragás lle foi cambiado o uso de terra labrantía a prado. Cerca de Matela, na freguesía contigua polo sur á de Penarrubia, existe un topónimo que na cartografía oficial se escribe como Pedregais, mais que nós cremos que mantén a mesma forma oral que este de Penarrubia. En Burela, rexístrase unha entidade de poboación con este topónimo e no Proxecto Toponimia de Galiza figuran tres nomes de terras nos concellos de A Pontenova, Foz e Melide. Cremos que en Pedragás opera a mesma excepcionalidade na formación do plural que en reás.
Cadeita
Nin no Proxecto de Toponimia nin no Nomenclátor de Entidades de Poboación figura este nome nin ningún outro que se lle pareza. Identifica cada un dos catro prados situados na beira dereita do Camín que descorre ao sur do Freixo e dos Pedragás. Son lameiros húmidos debido aos mananciais que nacen nalgúns deles e tamén á auga de rega procedente das presas que baixan da Fonte de Penarrubia. No verán de 1975, ao remate dos estudos de Filoloxía románica en Compostela, comprometérame co profesor Constantino García González a realizar a tesiña de grao sobre a toponimia da freguesía de Penarrubia. Cando elaborei o nomenclátor dos topónimos aquí existentes para esa actividade de investigación, ao chegar á voz Cadeita pensei que para este vocábulo non ía encontrar ningunha hipótese satisfactoria. Pasaron desde aquela corenta e catro anos, incumprín aquel meu compromiso de investigación, e nos últimos tempos, ao retomar esta tarefa, abríuseme algunha luz ao respecto. Trátase do coñecemento que tiven a través do GMH (Gallaecia Monumento Histórica) da existencia do antropónimo medieval Eita moi presente en documentos como o Tombo de Celanova. Así, neste de 942: Guntina Anseriz genuit Fernando Eita, et Petro Eita, et Pelagio Eita, et Ruderico Eita, et Maria Iohannis, et Adosinda et Marina… Neste de 1076: Alias quas nos ibidem comparavimus, id sunt hereditas Eita Teodilaz et de suos germanos… Ou nestoutro de 1.022 do Arquivo da Catedral de Mondoñedo: Qui presentes fuerunt: Valeiro ts. Vimara ts. Eita ts. Deste xeito, partindo dun *cas(a) dē Eita poderíase chegar a Cadeita.
A segunda hipótese xurdiu após a lectura de Vieyos apellativos afayaos pela toponimia nel dominio ástur, da autoría de X. Ll. García Arias, da Academia de la Llingua Asturiana e profesor da Universidá d’Uviéu. Este filólogo pon en relación os topónimos dos dominios aragonés cadereita e castelán Caderechas co latín cataracta -ae, préstamo, á súa vez do grego καταρράκτης, fervenza, tapacuña nunha corrente de auga, que existe tamén en resultados toponímicos italianos e franceses. En catalán, cadireta é a auga que sae ao levantarse a comporta das presas para o rego das terras ou para os muíños. Tamén designa a comporta ou tapacuña que se usa para cortar o paso da auga. Na versión galega do século XIV da General Estoria figura esta palabra para referirse xustamente ao momento en que se abren as comportas do ceo no comezo do diluvio universal: Et diz outrosy quese toma este nome cataracta por qual quer fiestra, et que asy he dito aqui [porlas] fiestras do çeo. Semanticamente, a solución cataracta > cadeita para este topónimo resulta verosímil pois para estes prados descende a auga procedente da Fonte de Penarrubia e tamén é comprensíbel que existise nalgún lugar do seu decurso unha tapacuña que a estancase para a súa distribución segundo as quendas de rego de cada lameiro. Foneticamente, en cambio, xa resulta máis complicado explicar o paso cataracta > cadeita.
Cancela
Prado situado ao leste das Cadeitas lindando co Camín Vello. Procede do latín medieval cancĕlla. Segundo o DRAG, unha cancela é unha porta formada por táboas ou paus separados entre si e unidos aos traveseiros, que pecha o paso a unha propiedade e tamén porta formada por barras de metal, que adoita formar parte dun cerrado. Nun documento notarial de 1399 encontramos este vocábulo: outro tarreo que faz na cancela de Goente, como se departe do camiño en a heredade de Martin Dorro (in 53c / 587 González Garcés, Miguel (ed.) (1988): Historia de La Coruña. Edad Media. A Coruña: Caixa Galicia.) Noutro documento de 1402-1404: Fernán Eanes de Deade e Pero Fernandeσ de Sam Martino de Seõõs e Pero Alvareσ, seu sogro, e Fernán do Prado e Johán da Cancela, morador en Nogeyra, e outros. (in Fernández de Viana y Vieites, José Ignacio (ed.) (1995): Colección diplomática del monasterio de Santa María de Pantón. Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial de Lugo).
Nilarelle/Linarelle/Inarelle
Este topónimo caracterizouse pola súa vacilación fonética, pois dependendo de quen o pronunciara podíanse sentir estas tres variantes. No meu ideolecto predominou sempre a forma Inarelle, mais moitas veces teño escoitado Nilarelle e Linarelle e, nalgúns casos, tamén Ainarelle, creo que neste último debido á presenza do vulgarismo protético tipo amoto, arradio. Nun documento foral de 1789 existente na casa de Costureiro, que consiste na escritura de compravenda dun foro redimíbel, emprégase a forma Nilarelle. Topónimo de varios predios desaparecidos por agrupación desde a concentración parcelaria que se realizou a comezos do presente século na veciña freguesía de San Xoán de Pedrafita. Os predios de Nilarelle estaban situados no extremo norte da parroquia de Penarrubia na parte leste das parcelas que hoxe corresponden ao Zarro da Penela e o Barrancal de Forxa. Gonzalo Navaza explica que existe unha serie de derivados diminutivos de līnu + sufixo –ale > liñar, lugar onde se cultiva o liño, por medio do sufixo -ello (< ĭculu) sobre a base de linariu nos que se encontra unha alteración da consoante inicial l- > n- posibelmente por asimilación á consoante nasal da sílaba seguinte. Segue dicindo Navaza que no Nomenclator Galego presentan este resultado Niñarellos (Palas de Rei) e Ninarellos (As Neves), ademais de Niñarelle (entidades de poboación nos concellos de Rois e Negreira, onde o -e final é resultado da palatalización do -a de Liñarella). Malia nin o Catastro de Ensenada (1753) nin o Diccionario de Madoz (1849) testemuñar que na freguesía de Penarrubia se cultivase o liño, esta ausencia resulta pouco críbel dado que nas terras limítrofes[3] si se recoñece a existencia desta planta. A presenza deste topónimo nos documentos históricos é numerosa. Así, un texto do século IX do mosteiro de Celanova: “…per corrogo qui discurrit de Linarelios et figit se in vallatare qui concludet vestrum agrum quos comparastis de filios Astulfu” (…polo corgo que discorre desde Linarellos e atravesa o valado que pecha o voso agro que lles mercaches aos fillos de Astulfo).
Abraira
É o resultado oriental das formas abelaira e abeleira. Procede do latín abelanaria, derivación de abellana + o sufixo –aria, con perda da vogal pretónica e metátese de l > r, lugar onde hai esta especie de árbores que dan como froito a abelá. En Penarrubia existe como fitónimo e tamén existiu como oicónimo antes de que desaparecese a casa situada na Cortiña da Abraira.
Tralaira
Zona de Penarrubia no comezo do Curral de Arriba que comprende dous predios situados a cadanseu lado do Camín. Tamén se coñece como Tralaira o treito do Camín que neste lugar se ramifica en catro direccións: ao Agro, ás casas de Lopo e de Ribeiro, ás casas de Preto, de Cota e Vazque, e cara a Casela pola Congostra. Por estar no medio do lugar e mais por constituír unha encrucillada de camiños, Tralaira era sitio propicio para os xogos infantís, as reunións veciñais e a celebración de actos festivos como o Lume novo de San Xoán.
Trátase dun topónimo integrado pola preposición latina trans, ao outro lado de, máis alá de, + o substantivo arĕa, superficie chaira, praza pública e tamén, nun uso rústico, lugar onde se malla o cereal. Nas linguas románicas son frecuentes os topónimos que conteñen a preposición latina trans, que marcan a referencia a aquilo que designan con respecto ao lugar en que se encontra o punto de vista dos falantes. O Trastevere romano localízase ao outro lado do Tíber, o Trás-os-Montes sitúan esta rexión portuguesa ao oeste das montañas do Marão, Alvão e do Gerês; a Trévelez granadina sitúase ao outro lado do río Vélez… e na Galiza, segundo o Proxecto Toponimia, pasan de mil os topónimos que comezan por Tras. Na propia freguesía de Penarrubia leva o nome Trascastro un predio situado, desde o punto de mira da entidade de poboación, ao outro lado do Castro. O comportamento habitual da preposición latina trans na formación de topónimos é tras como comprobamos tamén en Trasfontao, Trasparga, Trasmonte, Trasval… No caso de Tralaira, a perda do s explícase pola súa metátese coloquial en [l] lateral alveolar sonoro do tipo tras a lareira > tralalareira.
A parte substantiva, provén do latín arĕa > aira/eira, sitio chan próximo á casa, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes etc. (DRAG). O emprego da variante aira en lugar da máis evolucionada eira constitúe unha mostra máis das especificidades lingüísticas da fala da zona a que pertence Penarrubia.
Cómaro
Pequena elevación de terreo de pouca extensión, franxa de terreo sen cultivar que bordea unha leira e tamén declive áspero dun terreo. Procede do latín cŭmŭlu > cómaro, onde Manuel Ferreiro explica a vacilación da vogal postónica pola súa conservación como sucede en cŭbĭtu > cóbado, vĭpĕra > víbora…
Os cómaros tamén reciben outros nomes como arrós, ribazos, ribadas, noiros… E, referidos aos predios lindeiros, constitúen unha institución xurídica no noso dereito civil. O artigo 75.1 da actual lei reguladora recoñece que o cómaro, ribazo ou arró e os muros de contención de leiras estremeiras situadas a distinto nivel ou socalco enténdese, agás proba en contrario, que forman parte do predio situado no plano superior, e o seu propietario ou posuidor están obrigados a realizar as obras e reparacións necesarias para a súa conservación e o seu mantemento.
Chousa
Na freguesía existen varios predios con este topónimo e vén sendo habitual que, por isto, necesiten un complemento para concretar a referencia a un determinado: Chousa do Barrancal, Chouso do Gruñedo… Procede do latín clausa, forma verbal de claudo, clausi clausum, pechar, bloquear. Designa calquera porción de terreo cercado independentemente do seu uso.
Os Rebolos
O rebolo, tamén chamado cerquiño e carballo negral, é unha especie de carballo cuxa característica máis salientábel é a súa folla de cor verde cincenta mate na face e abrancazada polo tomento no envés. Outro trazo desta especie reside na súa marcescencia, isto é, a folla seca de outono fica na rama durante o inverno para caer cando inicia o novo gromo. Deste xeito, a folla seca actúa de protección nos primeiros momentos do desenvolvemento da xema. O seu nome científico á Quercus pyrenaica.
Coromines afirma que se trata dunha palabra de orixe incerta, talvez do latín *pŭllus, abrocho, rebento das plantas, seguramente do latín vulgar *repŭllus. Esta interpretación etimolóxica está en consonancia coa capacidade de propagación vexetativa de que goza esta especie debido a que emite longas raíces laterais que medran a ras do chan con numerosos brotes aéreos. Isto permítelle sobrevivir os incendios e as cortas rexenerándose o bosque de seu. Mais, existe outra hipótese xeneralizada que sostén que rebolo procede de *robullu(m) > rōbore(m) con disimilación vocálica e metátese de |r| > |l|.
Alén da existencia de Rebolos como fitónimo, no lugar de Carballedo atopamos o oicónimo O Rebolo. E tamén constatamos a presenza dun hidrónimo co mesmo étimo no rego Rebolal, neste caso co sufixo derivativo -al > -ale, que conflúe co río Neira, pola marxe esquerda, á altura da Pala Negra.
Albarín
Podería tratarse dun antropónimo de orixe xermánica Álvaro (alls “todo” + warjan “defenderse”), que latinizado deu, na súa forma xenitiva, albarini. Este topónimo formaríase, pois, desde un primeiro lexema (villa) + o xenitivo do antropónimo albarini, “predio de Álvaro”. Na Galia narbonense existe unha ara votiva dedicada a un tal albarinus que contén a seguinte epigrafía Ocellus, Curmissi(i) f(ilius), Albarin-o u(otum) s(oluit) “Ocellus, fillo de Curmissus, a Albarinus en cumprimento da súa promesa”. Mais, tamén cabe a posibilidade de que garde relación co vocábulo latino alba, de cor branca, + o sufixo derivativo -ina, ben a través dun sufixo intermedio -are ou directamente desde o lexema albar. Hai quen sostén que mantén a mesma orixe que alvariza, do latín alveārium > alvariza, (de alvĕus, colmea), cavidade, construción consistente nun muro, xeralmente circular, onde se garda un conxunto de colmeas.
O Castro
En latín, o substantivo neutro plural castra designaba o campamento militar; en singular, castrum, significaba fortificación, castelo. Cando os romanos conquistaron os gallaicoi que habitaban estas terrastamén lles chamaron castros aos asentamentos fortificados que encontraron nos outeiros da nosa xeografía. Despois das encarnizadas defensas que os gallaicoi realizaron fronte aos exércitos invasores, co remate da conquista comeza unha longa etapa de romanización dos habitantes que se traduce, entre outros aspectos, na imposición da lingua e da cultura latinas sobre as autóctonas existentes e na construción de vías de comunicación que unen as tres cidades que integran a Gallaecia e que enlazan, á súa vez, coas do resto do Imperio.
Estes castros serviron de asentamento dos pobos gallaicoi desde o século VI a. C. até posibelmente o século II despois de Cristo. Constaban de habitáculos circulares de reducidas dimensións con teitume de palla e cada núcleo de poboación estaba moi protexido polas diversas fortificacións e foxos que as circundaban.
Penarrubia naceu, con toda seguridade, no Castro, lugar estratéxico para converterse en asentamento humano por encontrarse situado a unha altitude suficiente para organizar a súa defensa e mais por dispor de auga nas proximidades e de terras fértiles para seren cultivadas. Mais, estes nosos devanceiros non vivían illados, na contorna tiñan numerosos veciños cos que comunicarse para estabeleceren relacións de mutua colaboración. Polo sur, estaban os que habitaban os castros da Condomiña e de San Martiño. Polo sueste, cerca do Neira, contaban cos camaradas que habitaban o Castro de Carballedo e os de Castrolanzán e polo norte, os que residían no de Pedrafita. E, non moi lonxe, tamén estaban os que o facían no castro que despois sería coñecido como de San Miguel.
Coa cristianización destas terras, onde estaban os castros ou nas súas proximidades erguéronse cruceiros, ermidas e templos, algúns dos cales, como sucedeu co de Penarrubia, se constituíron en cabeceiras de freguesía.
Este castro figura no Inventario de Bens Patrimoniais da Xunta. Segundo as nosas informacións, oficialmente nunca se realizaron escavacións, mais na miña primeira infancia recordo a existencia de pequenos foxos e de muros de pedra que permiten sospeitar a realización de intervencións promovidas por particulares na procura dalgún tesouro dos mouros como se afirmaba na lenda popular que albergaban os castros. Na web do Colectivo Patrimonio dos Ancares recóllese que “ao pé do castro de Penarrubia, tamén en Baralla, atopouse outra ara, hoxe en día desaparecida”. ¿Sería este outro posíbel achado do párroco Antonio Correa Valcarce, quen, en 1906, descubrira a ara votiva de Papín que se pode ver no Museo Provincial de Lugo? Cabe esa posibilidade tendo en conta ademais que nas primeiras décadas do século XX percorreu Galiza unha febre moi estendida na procura de tesouros. Na mesma familia deste párroco Correa Valcárcel existiron persoas que realizaron calas na procura de minerais que se prolongaron até os anos cincuenta. En tempos pasados, recorda o noso informante Manolo de Moreno que quen cavou alí foi o Carrocheiro, meu tío Bautista, e encontrara como unha ola de barro e cavando coa aixada desfíxoa e de alí saíu un po que brillaba, pero non se analizou nin se soubo máis nada.
Segundo Xabier Moure, de Patrimonio galego, este castro “presenta un recinto case circular dividido en dous niveis diferentes, defendido por unha sucesión de parapeito, foxo, parapeito e por un terraplén no resto do perímetro. Polo leste obsérvanse tres aterrazamentos de forma escalonada defendidos por terrapléns moi alterados polos labores agrícolas. Cuberto por árbores e inzado de matogueira”. En diversas publicacións vénse repetindo que nos arredores da igrexa de Penarrubia foron encontrados restos arqueolóxicos procedentes deste Castro, mais non coñecemos en que se basean estas afirmacións.
Gruñedo
Desde o latín prunu(m) + sufixo -ĕtu > bruñedo, con metátese de p- > g-. Para a forma abruñeiro cabe tamén a opción de considerar como orixe un hipotético *aprunu(m) + sufixo -ĕtu. Neste segundo caso, en Gruñedo encontrariámonos coa aférese de abruñedo, lugar onde hai abruñeiros, arbusto da familia das rosáceas, de ramas e talos espiñentos, follas ovadas alternas, flores brancas e pequenas e froito en drupa arredondada de cor negra azulada e sabor áspero. Tamén é coñecido este arbusto como espiño e escambrón. A variante con g- constátase desde antigo, como “gruñeiro”, xa recollida por Sarmiento en Ourense. Tanto Eladio Rodríguez González como X. L. Franco Grande constatan a variante gruñedo como sinónima de abruñedo nos seus respectivos dicionarios. Estraviz rexistra, así mesmo, grunho como nome vulgar do abrunheiro (Prunus spinosa) e como o fruto do grunheiro. Esta mesma forma, gruñeiro, tamén foi recollida no vocabulario berciano por M. Gutiérrez Tuñón (1989) en Estudios Bercianos: Vocabulario. Ponferrada. Instituto de Estudios Bercianos.
Redondelo
Do substantivo rota latino, roda, fórmase por derivación rotundus, que ten forma redonda como a roda. Rotŭndus + sufixo -ĕllu(m) > redondo, por disimilación popular do u pretónico. Este topónimo, co significado que explicamos, coincide coa forma case circular que describen o perímetro deste predio e o camiño que o bordea que conduce a Valiñas e non a Vigo como lle sucede á Redondela das Rías Baixas. A forma Redondelo con este significado encontrámolo na documentación medieval de 1.232: et inde sursum per medium de ipso monte in directo ad alium parietem anticuum qui concludit contra hermo agrum rotundum de Redondelo qui est de villa Burgo integer… (En Consello da Cultura Galega. Gallaeciae Monumenta Historica. B.- Tombo, ff. 19v-20v. Transcr.- González, J. Reinado y diplomas de Fernando III, doc. n.º 399. Rex.- Sánchez Belda, L.- Documentos reales de la Edad Media…, doc. n.º 666).
Carantoña
Topónimo común en Galiza de orixe incerta. Juan José Moralejo cre que pode ter procedencia celta como outros que conteñen a base Cara-, Caran-, Carant-, Caras-, Carat-, Carin-, Caris- referidos a orónimos, hidrónimos e, nalgúns casos, tamén a antropónimos. Segue dicindo o profesor Moralejo que a opción máis verosímil é a relativa a que nomeen terreos rochosos ou areosos, elevacións ou cimas,… pero Carantoña podería ser nalgún suposto de natureza zootoponímica. Na documentación medieval de 1157 do Tombo de Toxos Outos encontramos o topónimo Carantoña, da freguesía de S. Pedro de Tállara: …et jacet in loco nominato Beesar et sunt margines tres sub aula Sancti Petri in uilla Carantonio, pro qua accepimus de uobis precium solidos II et denarios V quod nobis et uobis bene complacuit… (GMH).
Fillobal
Fillobal procede de fŏvĕu(m) lupāle, foxo do lobo, foxo que se fai para cazar, trampa. Xa M. Sarmiento, en El viaje de 1745, di que corresponde a lo antiguo fogium lobare o lupale y es el fogio, foxo o foso, para cazar lobos. A variante Fillobal garda relación con esta procedencia. Apunta Xulia Marqués Valea, en Toponimia de Trabada, que outras variantes como Feirobal (Castroverde), Follobal (As Nogais) e Foilebar (O Incio, Paradela) teñen a mesma explicación. Igual se pode dicir para o ourensán Feirobal (Esgos).
Foto Toponimia_Foxo_lobo
A Ferrería
Orónimo que se refire a un lugar situado na marxe esquerda no río Neira entre o Peago e a Pala Negra. Alude á existencia no pasado dunha industria do ferrum, ferro, ou a un lugar onde hai este metal + o sufixo locativo -aria.
As Panás
Este topónimo non figura nin no Proxecto Toponimia de Galiza nin no Nomenclátor de Entidades de Poboación. Úsase en plural para nomear o conxunto de predios dun mesmo polígono situados ao sur da freguesía de Penarrubia antes de chegarmos a Valiñas. Nun documento da casa de Costureiro do ano 1863 existe un contrato de compravenda dunha leira chamada Rabaceira, de dous ferrados e medio, situada na Agra da Paná.
Cremos que este topónimo garda relación co substantivo latino panis panis, pan, pois en documentos medievais encontramos pana como referencia xenérica ao cereal. Así sucede neste pergameo datado en 1231: …et detis nobis annuatim pro directuris duodecim soldos in festo sancti Iohannis et in festo sancti Martini unam soldadam de pana tritico et aliam de vino et sex capones; et non intretis ad colligendos fructus sine maiordomo nostro, et… (Duro Peña, Emilio, Documentos da catedral de Ourense, [Santiago de Compostela], Consello da Cultura Galega-Ponencia de Patrimonio Histórico, 1996, 2 vols. [Vol. 1 (Edición). Vol. 2. Índices]). E nestoutro de 1215, recollido na mesma fonte: Palaciis, et ponam vobis per tres vices pedem de uvis et quod inde superfuerit vos habeatis totum, de pana IIIIa ad aream, de fructibus arborum IIº. qui hoc fregerit pariat in parte alterius D solidos et in. No primeiro dos documentos, está clara a referencia de pana ao cereal como xenérico dado que a continuación se especifica que se trata de trigo. No segundo emprégase pana para designar calquera clase de cereal. Deste xeito, pana adquire significado colectivo-plural ao referirse a todas as especies existentes no lugar. Mais, no caso que tratamos, dado que o topónimo Panás presenta acento agudo, temos que remontarnos a existencia do sufixo derivativo -ale para poder chegar a este resultado. Así, propomos a seguinte solución: latín clásico panes > latín vulgar e medieval pana + sufixo derivativo *-ales > *panais > panás. O tránsito -ale > -al é usual en galego como xa vimos nos topónimos analizados Colmeal, Cebeiral, Painzal…
Na análise deste topónimo tamén constatamos que o vocábulo pan antano en Penarrubia sempre designou o centeo, tanto para referírmonos á planta como ao grao e o alimento con el elaborado. Aínda máis, o lugar ou a arca onde se garda o centeo para o consumo é a paneira. E a toponimia de Penarrubia que estamos analizando confirma esta afirmación: o orxo cultivábase no Cebeiral; o paínzo ou millo miúdo, en Painzal; o trigo, na Trigueira; e o centeo, nas Panás.
Puxedo
Procede de pŭlĕgĭu, segundo Manuel Ferreiro, a través dos seguintes pasos: > poegio > poejo > poexo. O poexo (Mentha pulegium), tamén chamado poexo-menta, é unha das especies máis coñecidas do xénero Mentha. Pertence á familia das labiadas, é unha perenne de raíces rizomatosas que medra en sitios húmidos ou cerca dos cursos fluviais, onde a podemos encontrar na súa forma silvestre entre gramíneas e outras plantas.
As Rabaceiras
Reciben este nome varias parcelas, unhas dedicadas actualmente a prado e outras a souto, situadas na zona do Gruñedo ao leste das Panás a carón da estrada que conduce a Baralla. Cas Costureiro existe un contrato de compravenda do ano 1863 dunha leira chamada Rabaceira, de dous ferrados e medio, situada na Agra da Paná. Quere isto dicir que naquel tempo, a Rabaceira era considerada como predio integrado nesta agra, cuestión que na actualidade non ten esa consideración. O vocábulo procede do latín rāpācĭa, ōrum, folla de rábano + sufixo -aria. Lugar onde abundan as rabazas, nome vulgar das plantas umbelíferas que nacen espontaneamente á beira dos ríos, en prados, charcas e lugares húmidos.
O Espiñeiro
Do latín spīnu(m) + sufixo arius, lugar onde hai espiños, abruñeiros, tamén coñecidos como escambróns. Na toponimia de Penarrubia existen espiñeiros en distintos lugares. No sur das Panás localizamos un e outro entre o Barrancal e Os Rebolos. Neste último constatamos aínda hoxe a presenza de varias abruñeiros, aquí denominados, claro está, espiños.
Valiñas
Agra situada ao sur de Penarrubia xa nos lindes coa freguesía de San Martiño. Procede do latín valle(m) + sufixo diminutivo feminino ina(m), val pequeno. É un topónimo moi produtivo. No Proxecto Toponimia de Galiza e mais no Nomenclátor de Entidades de Poboación existen 98 rexistros que conteñen o vocábulo Valiñas, dos cales dez son entidades de poboación: …Tests. que presentes foron Gonçalvo Anes coengo e Gonçalvo Peres Seixalvo e Gonçalvo Peres da Valiña e Johan (Alvares) e Roy Gomes, Gonçalvo Oureiro, Gonçalvo Anes escripvanos moradores en Ourense e outros… (ano 1336. Documentos do arquivo da catedral de Ourense (1289-1399), Documento 401); … et a outra leyra d’estas ias na agra chamada de Valinas entre las leyras de Maria Peres de Paaços da huna parte, et a de Maria Domingues de Perrela da outra… (GMH. Documentos da catedral de Lugo. Século XIV, Documento 320 do ano 1334).
Zarro
Do verbo latino sero serare seravi seratum > *serratu > zarro, cerrado. Aplícase a unha extensión de monte cerrada e tamén á construción que se empregar para cerralo.
O Cigarral
Predio forestal situado despois das Campa Cernadas, antes de chegar ás Grobiñas. Procede do latín cicāda, cigarra, + o sufixo -āle(m) con significado colectivo, lugar onde habitan estes insectos. En alemán o vocábulo Zikade evidencia tamén á súa orixe latina. É posíbel que as formas catalá (cigala), italiana (cicala), provenzal (cicala) e francesa (cigale) respondan ao latín vulgar *cicala que, de certo, aparece en glosas latinas. Maior dificultade mostran as formas galegas, portuguesas e española cigarra e as variantes chicharra. ¿Como se explica a metátese de |d|l| > |r| desde cicāda/cicala a cigarra? J. Cantera Ortiz de Urbina, en Consideraciones filológicas acerca de la cigarra, la hormiga, la abeja y la avispa en español, francés y provenzal, (Revista de Filología Románica, Núm. 7, xaneiro de 1990, páx. 113-130) propón a posibilidade de que este cambio se producise por influencia do vocábulo éuscaro txitxarr co que se designa o insecto nesa lingua. Para o español propuxéronse especulacións peregrinas, comezando pola de Covarrubias, quen en 1611 atribuíu a orixe a un vocábulo árabe con significado de casa pequena. Unamuno tamén proseguiu pola vía árabe e fixou a procedencia en cigorro, lugar alto e eminente. O arabista Emilio García Gómez pensou na posibilidade de que cigarral procedese de higueral por deformación popular. E todas estas teorías foran formuladas para explicar o célebre Cigarral de Toledo, cidade antano encontro de culturas e posteriormente capital símbolo do poder homoxeneizador do españolismo.
Nin no Proxecto Toponimia de Galiza nin no Nomenclátor de Entidades de Poboación figura recollida a forma Cigarral, mais como Cigarreira figuran cinco entidades de poboación (dúas en Pontevedra, dúas en Ourense e unha en Lugo), dúas terras (Ourense e Lugo) e un accidente costeiro (Ribadeo).
Desde que sentín fóra de Galiza as cigarras cos seus sons rinchantes nos días de calor achicharrante, sempre me chamou a atención a existencia deste topónimo en Penarrubia, onde endexamais as escoitei estridular[4], que non cantar. ¿Como se pode entender, xa que logo, que exista este topónimo se non hai cigarras estridulantes aquí? Non creo que en tempos pasados existise ningún exótico personaxe que tivese a ocorrencia de darlle este nome a un predio por capricho persoal. Penso que a explicación reside en que o vocábulo cigarra é o nome xenérico da familia dos insectos Cicadidae, incluíndo as aproximadamente tres mil especies catalogadas, entre as que tamén figura a Callicrania seoanei, endémica desde o norte de Portugal até Euskadi.Ou puidera tamén relacionarse coa Ephippiger ephippige, o saltón da familia dos Tettigoniidae, queo DRAG identifica coa nosa carricanta: insecto da orde dos ortópteros de cor verde ou tirando a verde, duns catro centímetros de longo, ollos saíntes, patas posteriores moi longas e ás moi curtas de cor dourada coas que emite un son. Mais, nin a Callicrania seoanei nin a carricanta emiten sons tan estridentes como as cigarras ou chicharras.E xa que no noso andar etimolóxico batemos co endemismo galego Callicrania seoanei, catalogado polo prestixioso entomólogo Ignacio Bolívar y Urrutia con este nome en honra do noso V. López Seoane, temos que indicar que, debido á restrinxida área de distribución deste insecto, está considerada como unha especie protexida por varios naturalistas.
As Cruces
Plural do latín crux, crucis. Aluden aos camiños que se cruzan neste lugar dado que aquí conflúen o Camín principal de Penarrubia, co que conduce a Val e co que dá acceso aos predios dos Pedragás, Os Valados, As Muras e Portela.
A Trigueira
Procede do substantivo latino triticu(m) > trigo + o sufixo derivativo -aria > trigueira, lugar onde se cultiva este cereal. O substantivo latino triticum procede, á súa vez, do verbo tero trīvi trītum, rozar, mallar.
Comprobamos como, a través da toponimia, temos constancia de que en tempos pasados se cultivaron en Penarrubia polo menos catro cereais: o millo miúdo ou paínzo, en Painzal; o orxo ou cebada, nos Cebeirais; o trigo, na Trigueira; e o centeo nas Panás.
Valintrobo
Nome composto de dous substantivos: Val + trobo. Valín procede do diminutivo vale(m) + o sufixo -inus > valiño, valín no galego oriental que caracteriza a fala de Penarrubia, que fai referencia a unha pequena depresión do terreo. Para máis información, consúltese o topónimo Valiñas.
O substantivo trobo parece derivar da base indoeuropea *treb- construción de madeira, edificio, vivenda, que orixinou o latín trabs, trabe; o irlandés medieval treb, casa; o antigo galés treb, vivenda; o alemán Dorf, aldea… Segundo Edelmiro Bascuas, isto permitiría interpretar este topónimo como colmea, mais tamén como vivenda, aldea, lugar. Co nome de trobo coñécense os habitáculos circulares para as abellas feitos con cortiza de sobreira ou co tronco escavado dun carballo, dun castiñeiro ou doutra árbore. En bable recibe o nome de truébanu, o que permite pensar nun paso intermedio latino *trobanu. Noutros lugares, o noso trobo denomínase abelleira, albariza, cobo, colmea ou cortizo.
Madorneira
Nin o Proxecto Toponimia de Galicia nin o Nomenclátor de Entidades de Poboación dan fe deste topónimo. En cambio, si constatan catro accidentes terrestres coa forma madorno no concello de Lobios (Chan dos Madornos, Encosta dos Madornos, Os Madornos e Os Madornos do Fitoiro), que Navaza relaciona coas madroas dolménicas. E tamén se pregunta se terá algo que ver cun hipotético *morōtōno > morodo, morogo.
As Parzarías
Constitúen un conxunto de cinco lameiros situados entre o Prado Grande do igrexario e as Cadeitas, hoxe dedicados fundamentalmente a forestal. O topónimo procede do latín pars partis, parte, + sufixo aria + talvez o sufixo -ía, que indica calidade, > partiaria > parzaría, parcería, a partes. É un tipo de contrato característico do noso dereito polo que o propietario cede en uso un ben ou un conxunto deles a cambio dunha renda que cobra en especie. O apartado 2 do artigo 127 do Dereito civil galego recolle que a parzaría pode ser agrícola, do lugar acasarado, pecuaria e forestal de novas plantacións. Descoñecemos como puido ser a que deu lugar ao topónimo en cuestión. No caso de que a parzaría comprendese a totalidade dos bens agrícolas con inclusión do uso de vivenda, as familias que traballaban eses predios son chamados caseiros.
Codeseira
Do latín vulgar *cŭtĭsus, latín clásico cytĭsus, e este do grego χυτισοξ + o sufixo derivativo -aria > -eira, lugar onde hai codesos, arbustos tamén coñecidos como piornos e cítisos. Resulta curioso constatar como en Penarrubia se empregan na toponimia os sufixos -al e -eira para designar o locativo colectivo para o mesmo lexema codeso: Codesal e Codeseira.
Fontán
Fonte(m) + o sufixo –anu(m), relativo a, > fontānu. Trátase dun hidrónimo que fai referencia a existencia nese lugar dun manancial ou dunha fonte pequena. Mais, aquí constatamos unha incongruencia na conservación da variante -an na área lingüística oriental, que caracteriza a fala de Penarrubia. O habitual sería que se empregase a forma Fontao e non Fontán como sucede con irmao, verao… E se vivimos no País dos mil ríos, podemos dicir que tamén o facemos no das cen mil fontes: Fontaíña, Fontán, Fontaneira, Fontanes, Fontao, Fonteo, Fontela, Fontenlos, Fontoira, Fontal, Fontarón, Fontenova, A Fonte, Fonte Papeira, Seisfontes, Fonte dos Poios, Fonte dos Picholos, Fonte da Canteira, Fonte de Navallos, Fonte dos Ranchos, Fonteita, Fonsagrada, Foncova, Fonfría, Fompedriña… Cando consultamos o visor en https://toponimia.xunta.gal/gl e lle pedimos a relación de topónimos que comecen polo vocábulo Fonte, aparece o seguinte aviso: Demasiados resultados! O número de resultados está limitado a 1000 neste navegador.
Folgueiras
Do latín fĭlĭctu(m) + sufixo -aria > filicaria, fento, terra na que abundan estas plantas. Presenta variacións no seu significante: felgo, fenta, fieita, fieito, folgueira.
Trasfolgueiras
Composto da preposición tras > latín trans (que está despois de) + substantivo folgueiras. Para Tras véxase Tralaira.
A Rega
Posibelmente temos que remontarnos a un étimo prelatino, talvez a base celta *reku, para este topónimo. Coromines pensa que as formas españolas regato, regata poden proceder do antigo e dialectal riego, arroio, palabra independente do ricare latino, e de orixe prerromana (éuscaro erreka, galego e portugués rego, catalán rec). A esta mesma conclusión, con maior profusión de argumentos, chega Julián Santano Moreno en Un derivado romance y vasco de IE *reik-. Historia y semántica. In: Nouvelle revue d’onomastique, n°39-40, 2002. pp. 3-40. Para isto, este profesor da Università degli Studi G. D’Annunzio de Chieti, Pescara, rastrexa a presenza da base indoeuropea *reik- (rego, corrente de auga e suco que se fai na terra) no dominio romance e no éuscaro.
Revoltas
Do latín clásico revolūtu(m), formado polo prefixo re-, que indica reiteración, e volūtu(m) > voltu(m), ou pasando previamente polo latín vulgar *re-vŏlvĭta, participio pasado de re-vŏlvĕre, resto participial do latín vulgar *re-voltare ‘desandar o camiño’, ‘facer ir e vir’, ‘dar a volta’. O topónimo pode designar un cambio de dirección nun río ou nun camiño e tamén pode referirse a unha ‘parcela cultivable, xeralmente no monte’ (terras de revolta).
O Galleiro
Nome que recibe o monte situado na marxe esquerda do río Neira ao leste de A Veiga. Gonzalo Navaza, en Fitonimia galega, propón como orixe a forma latina *gallĕu, rama de árbore, + sufixo -ariu. A partir deste significado inicial de rama que medra arredor do toro da árbore pasaría a adquirir tamén, por analoxía, o de bifurcación. Así, os diversos Pena Gallada que existen poden responder ás formas que presentan estes accidentes xeográficos ou tamén a bifurcacións de correntes de auga ou de vías de comunicación situadas nas proximidades. Non moi lonxe do monte Galleiro, no concello de Baleira, está a freguesía de San Lourenzo da Degolada, posiblemente procedente de *galleata.
Mais, tamén se podería pensar na derivación da forma céltica Kal(l)io, pedra, de onde o francés caillou, segundo entende o filólogo A. Galmés de Fuentes en Toponimia balear y asociación etimológica, para explicar, entre outros, topónimos como Gallicant (Catalunya), Calicant Illes Baleares), Gallocanta (Zaragoza)… que el considera procedentes desa base céltica, malia a etimoloxía tautolóxica que constitúe o feito de que os dous lexemas se refiran á mesma realidade, pedra e coio. Segundo esta interpretación, este monte sería Galleiro polas rochas que acumula e non pola forma da súas árbores.
[1] Ager cultus (o campo cultivado) chamábase así polo feito de que as sementes coalescebant (mesturábanse) coa terra, e se o campo non estaba sementado chamábase incultus (inculto). Dado que inicialmente os labregos recollían os produtos na chaira, de aí procede o nome campus (campo); despois comezouse a colere (cultivar) nas alturas adxacentes e chamáronas colles (colinas), de colere (cultivar)…
[2] San Salvador de Curuxou é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Irixoa.
[3] Así, no Dicionario de Madoz, 1849, da freguesía de San Pedro de Neira de Rei, dise que produce cereales, legumbres, patatas, hortaliza, lino y alguna fruta…
[4] Estridular. Do latín strido/strideo, stridēre, producir un ruído agudo ou estridente, rinchar. O DRAG non inclúe este vocábulo. No Estraviz defínese como “cantar com som estridente”.