Estradas
Penarrubia dista 790 metros da estrada LU-710 (Baralla-O Cádavo). Esta é a súa vía de comunicación fundamental. Permite ir a Baralla e desde aquí a Lugo. Tamén comunica directamente co Cádavo e, indirectamente, coa Fonsagrada, Meira e Castroverde e mesmo, desde aquí, coa propia cidade de Lugo. Durante anos, dúas empresas de autobuses realizaban os percorridos diariamente a Lugo: Clemente Piñeiro, A Liña, polo Cádavo e Castroverde; e La Directa, o Coche das Catro, por Baralla e a Nacional VI. As paradas de A Liña estaban situadas en Seis Fontes, na intersección da estrada LU-710 cos camiños de A Pena e de Penarrubia; diante do Chalet de Val, para deixar e recoller o correo na Cartería situada na casa de Nuño; e mais diante da casa de Verdeal. Das tres paradas, unha era fixa para o servizo de correos e as doutras dúas eran facultativas en función da existencia ou non de viaxeiros. Agora ben, na parada de Seis Fontes, durante moitos anos, o autobús sempre se detiña para recoller ou deixar unha pequena leiteira que diariamente era enviada, para un familiar da casa de Montenegro, até Castroverde.
En cambio, para desprazarse en La Directa había que ir andando até Catro Camiños, na Condomiña, San Martín. Para coller A Liña madrugábase, ás sete da mañá, e o seu regreso de Lugo estaba fixado nas oito da tarde. A hora de chegada dependía da duración das paradas que se realizaban para coller e deixar pasaxeiros e, nomeadamente, do tempo que botaban bebendo nas tabernas do percorrido tanto o condutor como o revisor e os viaxeiros. Daquela non se realizaban controis de alcoholemia. Para viaxar no Coche das Catro non era necesario madrugar tanto porque viña pasando por Catro Camiños ás oito da mañá e o regreso previsto a este mesmo lugar era as catro da tarde, de aquí vén a denominación deste servizo para os veciños de Neira de Rei.
O Coche das Catro pasaba por aquí a esa hora tan temperá da tarde porque o seu destino final era Navia de Suarna, vila que dista máis de trinta quilómetros por unha estrada con moitas voltas e en mal estado de conservación.
A estrada LU-710 era, como tantas outras, de pedra picada e contaba con numerosas fochas que dificultaban gravemente o tránsito dos poucos vehículos existentes nas décadas dos sesenta e setenta. Así nos ilustra El Progreso do estado en que se encontraba o 18 de xuño de 1965:
Non serviu de nada o acordo plenario do concello de Neira de Xusá, presidido polo eterno alcalde franquista Luís Díaz Moreno, do que nos fala a información de El Progreso para que se tomasen medidas. Ao contrario, o deterioro desta estrada acentuouse até que, en 1973, por iniciativa de quen isto escribe, foi redactado un texto manuscrito con recollida de sinaturas dirixido ao daquela ministro de Obras Públicas, Gonzalo Fernández de la Mora. O promotor desta solicitude temía que esta acción tivese repercusións de represalia por parte da agonizante Ditadura, que estaba sendo cuestionada con vigor por determinados grupos de resistencia. Mais, a sorpresa foi maiúscula cando desde o concello, que aínda se denominaba Neira de Xusá, se nos comunicou a resposta favorábel ás nosas peticións do seu amaño. Efectivamente, pouco despois foi reparada cun orzamento de 8.500.000 pesetas (51.086,03 euros). Por fin, unha vía asfaltada quedaba a menos de 800 metros de Penarrubia. Nese estado ficou esta estrada LU-710 até o ano 2008, en que, por iniciativa do Goberno bipartito PSOE-BNG, se aprobou de novo á súa remodelación por un importe de 13,67 millóns de euros.
A principios deste século tamén entrou en funcionamento a autovía A-6, que ofrece conexión coa estrada LU-710 na Condomiña, a dous quilómetros de Penarrubia.
Camiños
Os humanos, e tamén os animais, necesitamos desprazármonos desde os nosos lugares de asentamento a outros habitados por comunidades veciñas e, ás veces tamén, a terras afastadas. Estas necesidades de comunicación foron orixinando as vías polas que as persoas se moveron nuns casos a pé, noutros en cabalerías ou en carruaxes. Naceron así os carreiros, as corredoiras, as carrilleiras, os pontigos, as pontes e, posteriormente, as estradas, os camiños de ferro e os transportes fluviais, marítimos e aéreos. Ao longo da historia, o progreso dos pobos sempre estivo relacionado coa existencia de redes de comunicación que permitiron a estruturación social, económica e política. O imperio romano asentouse nun extenso territorio mercé precisamente á rede de vías que lle permitían explotar as materias primas que extraían das terras conquistadas e controlar a poboación autóctona a través da organización política e militar. Por terras de Penarrubia decorría unha destas calzadas romanas, a XIX, que comunicaba as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), pasando por Ponte de Lima, Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Iria Flavia e Lucus Augusti (Lugo).
Os primeiros camiños en seren creados foron os que todos e cada un dos veciños necesitaron para traballar as terras, extraer delas os alimentos e conducir as súas facendas aos pastos. Pouco a pouco, as pegadas dos animais e mais as dos seus pastores e as rodeiras dos carros foron deseñando itinerarios que, co paso do tempo, se foron prolongando até as comunidades veciñas e os lugares de culto e de enterramento e os núcleos de poboación onde se celebraban as feiras.
As vías de comunicación de Penarrubia consistiron até tempos recentes en camiños de terra e pedra percorridos a pé ou con carros. Alén das corredoiras, así chamadas porque permiten o paso de carros, existían numerosos carreiros, que servían de atallos, polos que transitaban andando os humanos e, ás veces tamén, en cabalgaduras.
Desde o núcleo urbano de Penarrubia irradiaban camiños e carreiros en todas direccións. Cara ao norte, os camiños do Agro e os da Cruz. Polo sur, os camiños levan ao Gruñedo, ás Panás e a Valiñas. Polo leste, conducen A Pena e á estrada asfaltada. E polo oeste, numerosos camiños sucan as serras do Mazuco, do Medio e de Navallos e un deles comunica coa Fonte dos Poios.
O Camín
Construción
O camiño principal, o Camín, é o que, enlazando coa estrada Baralla-O Cádavo, conduce até o Carrocheiro, a última das casas de Penarrubia. Era un camiño de pedra picada, nuns treitos de terra e noutros de saburra. Parte de Seis Fontes, nas Madorneiras emprende una volta pechada en plena subida, continúa polas Cruces, na esquina dos Pedragás xira en ángulo recto cara ás Cadeitas e chega ao núcleo rural, deixando á esquerda a antiga Reitoral, entre as casas de Ruán e do Ferreiro. O trazado deste camiño polas Cruces, transitábel para carros e vehículos de pequena tonelaxe, foi executado a principios da década dos cincuenta do pasado século. A pedra que se empregou para o firme da calzada levouse das Grobiñas, posibelmente procedente dos restos arqueolóxicos dunha explotación mineira ou dun asentamento castrexo. O día 31 de decembro de 1954 o concello aprobou unha partida de 4.000 pesetas para o seu arranxo segundo se publicou naquelas datas no Boletín da provincia.
O Camín vello
O Camín Vello, que comunicaba desde as Madorneiras cos prados das Cancelas até a súa intersección co camiño das Cruces nos Pedragás, era vía de comunicación usual antes da existencia do das Cruces.
A finais da década dos anos vinte do pasado século, o Camín Vello era o único que existía para transitar desde Seisfontes a Penarrubia tal e como podemos ver na seguinte fotografía realizada polo etnógrafo alemán Walter Ebeling entre 1928 e 1933
Entre as casas
O Camín sobe por Penarrubia de sueste a oeste comunicando toda aveciñanza. É o Camín, hoxe asfaltado, mais noutrora de terra, no que se formaba lama nos días chuviosos e tamén no que diante dalgunhas casas había esterqueiras ou depósitos de materia orgánica como excrementos dos animais mesturados con toxos, xestas e palla que logo se empregaba nas terras como fertilizante natural. Para percorrelo nos longos invernos había que usar calzado para sortear a lama e, para isto, estaban as zocas con polacos de coiro dos homes, as zocas das mulleres e os zocos con amallós para os nenos e a xuventude.
Deste Camín principal empalman outras corredoiras que funcionaron como arterias para enlazaren cos diferentes lugares, agros, prados e o monte.
Seguindo por Penarrubia arriba e chegados á casa de Mofín, existe un camiño, O Caleiro, que conduce entre as cortiñas de Moreno e de Mofín aos Pedragás de Arriba e Portela. Un pouco máis arriba está o camiño que dá servizo ás leiras do Agro e que desemboca no Barrancal.
Asfaltado de 2023
En maio de 2023, realízanse as obras de mellora do Camín. O proxecto foi redactado polo enxeñeiro Roberto Porto González. O orzamento base de licitación consignado no proxecto acada o importe de 61.670,47 € (50.967,33 € máis 10.703,14 € (IVE), financiado na súa totalidade pola Deputación Provincial de Lugo a través do Plan Provincial Único de Cooperación cos concellos 2022, que tamén inclúe no mesmo concello de Baralla a mellora do firme da pista de Gundián a Vilarello (para a que a Deputación achega 106.303,67 €) e a mellora do viario en Xixirei e Guimarei (con 34.293,79 € achegados pola Deputación).
No proxecto contémplase o asfaltado do camiño desde o enlace de Seisfontes coa estrada LU-710 até o seu remate no Carrocheiro (1.345 metros) e dos catro seguintes ramais secundarios:
1.- Ramal que chega á casa do Valado, de 55 metros.
2.- Ramal que pasa por diante da casa do Ferreiro e se prolonga nunha lonxitude de 45 metros.
3.- Ramal que, desde Tralaira chega á casa do Agro, dunha lonxitude de 270 metros.
4.- Ramal que, tamén desde Tralaira, conduce ás casas de Lopo e de Ribeiro, de 118 metros.
Segundo o proxecto, as obras consistirán fundamentalmente no seguinte
- “Limpeza de cunetas cunha profundidade até 70 cm. con retroexcavadora”. Contémplase a limpeza das cunetas da pista principal (1.345 metros) e dos catro ramais (55+45+270+118 metros) sumando en total a limpeza 1.833 metros. (Páxina 147 do documento pdf do proxecto).
- “Varrido do pavimento existente e aplicación dunha mestura bituminosa en quente do tipo SMA-8 de 3 cm. de espesor despois de parchear a base existente”.
- “Entre os PK 1+285 e 1+345 (desde A Casela ao Carrocheiro) da vía principal e en toda a lonxitude do ramal 1 (até a Casa do Valado), reforzarase a base mediante un rego semiprofundo composto por 3,5 kg de emulsión C65B2 saturada con 20 litros/m² de grava A 20 /10”.
- No proxecto indícanse as características da obra, que, fundamentalmente, consistirán no “bacheo de firme asfáltico, a base de 10cm. de pedra 40/70, un rego asfáltico con dotación de 2Kg/m2 de C65B2 e grava miúda, debidamente saturado e compactado”.
- “Pintado dos bordos da calzada con marca reflexiva continua con microesferas de vidro de 10 cm. de ancho e dun rótulo de Stop coa súa correspondente liña de detención no punto quilométrico 0+000 da pista principal”.
- “Xestión controlada en centro de reciclaxe, de terras e materiais pétreos separados”.
Camiño do Agro
De Tralaira parte outro camiño que discorre pola agra de Portela, a parte baixa de Campa Cernadas, o Cabo do Agro, Os Rebolos e desemboca na estrada que, pasando por Cernadas, conduce cara ao sur a Fonte dos Poios e Casar de Monín e polo norte cara a Furís, pasando polo Latadal, O Couso, A Azoreira, A Abelleira e Pereira, xa no concello de Castroverde. Esta corredoira do Agro pechábase con cancelas de madeira na súa entrada, en Tralaira, e na súa saída, nas Grobiñas, coa finalidade de impedir que entrasen as vacas e as ovellas nas leiras sementadas de cereal ou de patacas. Estas terras do Agro son de boa calidade para sementar xa for patacas, nabos, ferraña e centeo e, por isto, ao non necesitaren o período de barbeito como sucedía con outras, non admitían o pastoreo e, para evitar a intromisión de animais que perturbasen os cultivos, existían cancelas na entrada e saída que se abrían para o paso de persoas e carros e logo se volvían pechar.
Camiño do Curral de Arriba
En Tralaira, o Camín torce cara o sur para pasar por entre as casas de Lopo e Ribeiro, xira tamén para comunicar coas casas de Preto, Cota e Vazque e continuar o seu percorrido polo Curral de Arriba. Tamén desde Tralaira existía a posibilidade de atallar pola Congostra da Casela se o paso se realizaba a pé ou con gando, mais o acceso con carros por esta vía presentaba dificultades pola súa angostura e tamén pola pendente e as pedras que contiña no treito máis costo.
Camiño das Louseiras
Como dixemos, polo camiño do Agro non se podía levar o gando pastar nos prados da Devesa, dos Barrancais, das Louseiras, do Cebeiral nin aos montes situados no noroeste de Penarrubia como son A Carballeira do Rei, As Grobiñas, Os Rebolos ou A Canteira. Por isto, o camiño que conduce desde A Casela até estes lugares era moi transitado por vacas e pastores.
Encaixado entre as cortiñas da Casela e do Carrocheiro, este camiño continúa entre Campa Cernadas e o monte abertal bifurcándose na Cruz cara ao norte en dirección ás Grobiñas e cara o Oeste cara a Valiña de Cabana, as Louseiras e o Mazuco. Esta encrucillada encerra o misterio da explicación que a tradición lle dá á cruz de madeira que sempre recordamos alí colocada enriba dunha parede. Co paso do tempo, os paus desa cruz foron deteriorándose e mesmo en ocasións o transversal perdeu a horizontalidade nos últimos anos. Mais, sempre hai unha man invisíbel que o volve colocar no seu lugar xa sexa aproveitando a ferradura perdida dun animal ou, como sucedeu nos últimos tempos, grazas á ligadura dun cordón de plástico azul. Hai quen di que esta humilde cruz de madeira cumpre a mesma función que noutros lugares teñen os cruceiros de pedra; mais, hai quen afirma que nese cruce de camiños se cometeu outrora un crime que a cruz recorda a cantos por alí transitan. Sexa por unha ou por outra explicación, na miña infancia quen por alí pasaba persignábase e mesmo algúns realizaban unha xenuflexión mentres os homes descubrían a cabeza.
Desde A Cruz existe un treito con feitizo ao chegar ás Louseiras. O son rumoroso das augas que baixan do rego entre os castiñeiros dos soutos, os claros dos prados e o contraste da frondosidade sombría coa luz espellada nas presas acompañan os recordos de pastoreo pola congostra lamacenta cara á Canteira.
Desde A Cruz, tamén podemos seguir o camiño que conduce ás Grobiñas e Os Rebolos, cruzar aquí o rego de Ilarín xa formado pola confluencia dos do Mazuco e do Cebeiral e, continuando por entre as maxestosas carballeiras do Barrancal, desembocar, á altura dos Zarros, no camiño que desde Val que sobe a Cernadas.
A Valiñas
Esta corredoira fascina a calquera persoa sensíbel que a percorra pola frondosidade do seu arboredo. Xa desde A Fonte e O Castro, grandiosos castiñeiros centenarios agrúpanse en soutos arredor das rodeiras labradas polos carros de rodas ferradas que transportaron esterco para fertilizar as terras, que carretaron centeo para ser mallado nas airas e que, cos adrais cheos de patacas, regresaban engorde a cada casa. A parada, moitas veces necesaria, tiña lugar ao pasar pola Fonte de fresca auga para saciar a sede provocada pola suor dos traballos.
Parte esta corredoira da entrada de Penarrubia, diante da igrexa e, pasando pola Fonte, As catro Barcias, O Castro, O Redondelo, A Costa das Espiñas, onde se bifurca en dúas direccións, segue cara ao sueste polo Gruñedo cos seus soutos frondosos, A Codeseira, As Panás, A Groba, A Rabaceira, Puxedos e desemboca, no agro de Valiñas, na estrada LU-710.
Este camiño apenas sufriu modificacións e o seu tránsito resulta hoxe dificultoso para o paso de vehículos e maquinaria. Nel, unha vez que se pasa o cemiterio, empalman outros dous camiños, un deles sobe polo Calellón até as casas do Curral de Arriba e o outro vai cara o Patal. Este último antano era percorrido nos días da festa parroquial para chegar ao Albarín, campo onde se celebraba o baile e se concentraban os asistentes e mais os mendicantes que acudían na procura de esmola. Ninguén de nós recorda a celebración nese lugar, mais sabémolo polo que nolo contaron os antepasados e polas descricións que realiza desa romaría o escritor Evaristo Correa Calderón nalgún dos seus relatos breves.
Os carreiros
Os carreiros son camiños estreitos polos que só se pode andar a pé. Por algúns deles tamén se podía transitar en cabalgadura, mais non era o habitual. Utilizábanse como atallos para reducir as distancias que separaban destinos frecuentes. No núcleo de Penarrubia existía un que comunicaba as casas do Curral de Abaixo coa casa de Lopo. Xa dixemos que os dous currais están situados en diferentes cotas de altitude separados por valados, paredóns e cómaros que imposibilitan a comunicación directa entre eles. Para evitar este problema, estaba o carreiro do Escadín de Lopo, que xa moi poucos veciños recordan e que, para os que o mantemos na memoria, evoca unha imaxe peculiar de tempos pasados. Accedíase por el a través dunha pequena escada de madeira de tres ou catro banzos situada na beira esquerda do Camín á altura da cancela da aira de Moreno. Superada esta verticalidade inicial, un pequeno carreiro en costa deixábanos na explanada da aira de Lopo.
Os carreiros, nalgúns casos, ao non seren vías de comunicación estábeis e permitiren o paso entre predios cultivados e prados, obrigaban os usuarios a salvaren obstáculos como valados, paredes e cancelas. Contábase en tempos pasados que un músico de pequena estatura da banda de Penarrubia que tocaba, segundo uns, o bombardino e, segundo outros, o trombón, se axudaba do instrumento colocado en vertical para franquear os desniveis dos carreiros nos seus desprazamentos. Mais, o habitual era que, no caso de verse os viandantes obrigados a salvar unha parede, existisen nela pedras dispostas en forma de banzos que permitían o ascenso por un lado e o descenso, de existir necesidade, polo outro. Isto era o que sucedía, por exemplo, no carreiro que conducía desde a estrada LU-710 polo medio dos soutos do Gruñedo até os Redondelos e as Barcias. Este carreiro era moi usado para comunicar os veciños da Veiga e de Carballedo con Penarrubia cando se desprazaban aos actos relixiosos.
O carreiro por antonomasia era o de Val que nos permitía aos veciños de Penarrubia acudir á Taberna e á Cartería. Desde o Curral de Arriba baixábase polo Camín de Penarrubia até a casa de Mofín. Aquí, entre as cortiñas desta casa e a de Moreno, descendíase polo Caleiro. Unha vez pasados os Pedragás e a Abraira, comezaba o carreiro entre os Valados, a Campa de Nuño. Pasábase o rego de Ilarín e, desde aquí, polas derregas das leiras, confluíase no camiño que comunica con Val.
Mais, para chegar á Taberna proseguía este carreiro cruzando a Campa de Verdeal antes de desembocar na estrada LU-710. Despois desta vía, o carreiro continuaba polo sur da aira desta casa para rematar na Taberna.
Outro carreiro que non existe desde hai moitos anos era o que conducía desde A Cruz ao comezo da Congostra da Casela, xa en Tralaira. Descendía por entre as leiras de Campa Cernadas e era empregado como atallo polos veciños de Cernadas cando acudían á igrexa para asistiren ás cerimonias relixiosas.
Os camiños do monte
Finalmente, desde o Carrocheiro comezan os camiños que conducen monte arriba á fonte dos poios e ás distintas searas.