Remolacha

O cultivo desta forraxe cumpre agora cen anos da súa implantación na Galiza. No Catastro de Ensenada non se cita. Foi introducida por iniciativa dos impulsores da investigación da agronomía galega nas tres primeiras décadas do século XX. Os pulos máis senlleiros neste eido tiveron lugar na Granxa Agrícola Experimental da Coruña e na Misión Biolóxica de Galiza de Pontevedra, con Cruz Gallástegui á cabeza. Na parroquia da Devesa, no concello de Ribadeo, tamén se creou unha escola agrícola onde primaban o ensino e a experimentación agronómica. Fundada polo indiano Pedro Murias, esta escola empezou a erguerse en 1916 e tivo nos anos vinte o seu momento de máximo esplendor. 

Granxa agrícola Pedro Murias. A Devesa. Ribadeo

O seu primeiro director, o enxeñeiro agrícola ribadense Enrique Suárez Couto, cría que a mellora da cabana gandeira radicaba na alimentación e, para isto, consideraba crucial a experimentación con forraxes capaces de manter un maior número de cabezas de mellor calidade. Con esa finalidade estableceu un réxime de cultivos alternando os pratenses co labradío. Instaurou un sistema de rotación que alternaba pataca/trevo-remolacha-trigo/nabo/millo. Preocupouse especialmente pola remolacha, porque entendía que era o cultivo que mellor se adaptaba ás características do terreo e á pluviosidade converténdose nun activo propagandista das súas vantaxes. En 1922 empezou na Granxa coa experimentación deste cultivo, ensaiando con tres variedades: a Etoile du Nord, a Rouge du Soissonnais e a Imperator. Ao tratarse dunha forraxe rica en fibra, pectina, carbohidratos, sales minerais e proteínas converteuse en alimento adecuado no inverno para o gando leiteiro e os porcos de ceba. Algunhas terras de Penarrubia empregáronse nas décadas dos anos sesenta e setenta para o cultivo desta remolacha obtendo moi bos resultados sempre que se corrixise a acidez debido ao pH baixo de seu con cal no momento da sementeira.

Relacionados...

A xente

Situación demográfica Na actualidade, residen habitualmente en Penarrubia menos de quince persoas. Se nos remontamos ao século XIX, o número de habitantes

As casas

Segundo a aprobación inicial do PXOM de Baralla, no lugar de Penarrubia existen 53 construcións, das cales vinte son vivendas. Destas vinte,

Vías de comunicación

Estradas Penarrubia dista 790 metros da estrada LU-710 (Baralla-O Cádavo). Esta é a súa vía de comunicación fundamental. Permite ir a Baralla

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario