Prados naturais

Prados de rega

Na parroquia de Penarrubia existen prados naturais fertilizados durante todo o ano coas abondosas augas dos seus regos. Estes prados caracterizan a paisaxe polo verdor das herbas tanto en inverno como en verán. Son pastos permanentes que se manteñen como tales desde tempos remotos. Formaríanse durante a Alta Idade Media como resultado da destrución, polo lume ou por corte, dos matos e árbores que se desenvolvían xunto a liñas de auga en solos de boa calidade, acción esta complementada polo espallamento e subseguinte desenvolvemento de sementes collidas dos feos obtidos noutros lameiros.

Neste sistema de agricultura tradicional, os lameiros estaban estreitamente entrelazados con outros agrosistemas característicos da paisaxe de montaña como as searas de centeo, o cultivo de patacas, o monte, as hortas e as fragas. Esta diversidade de elementos paisaxísticos reflectiu a adaptación á gran variabilidade ecolóxica desta parroquia e tamén á multifuncionalidade indispensábel nun sistema agrícola de autoconsumo que, debido á reducida xeración de excedentes, mantivo moi pouco contacto comercial co exterior.

Os lameiros actuaron como un elemento indispensábel na alimentación do gando; os agros, as cortiñas e as hortas, situadas nos solos máis fértiles e irrigados, e as searas dedicadas ao cereal, produciron para o consumo propio; as áreas forestais garantiron a produción de madeira e, no caso da castaña, a froita para o seu uso en alimentos e pensos.

Prado Grande

Rega de lima

Calquera viaxeiro que percorra o Val de Neira de Rei fica impresionado polo panorama que ofrecen estes lameiros separados por sebes e percorridos por presas que conducen a auga desde as súas cotas máis altas até o fondo do val onde se concentran os salgueiros e as abeleiras ou abrairas. Nos días fríos de inverno, a importante especificidade dos lameiros maniféstase no ancestral método de rega de lima, en que a auga se distribúe en canles, en orde xerárquica, co obxecto de que discorra de modo constante cubrindo toda a superficie do prado cunha fina lámina de auga que protexe o chan e a vexetación das xeadas. Na rega de lima, unha fina camada de auga escorre lentamente cubrindo constantemente o lameiro coa finalidade de minimizar en inverno os efectos das xeadas sobre a vexetación e de permitir o rápido reinicio de desenvolvemento na primavera. A auga de rega, principalmente durante a noite, é relativamente mais quente que o solo, o pasto e a temperatura ambiente, polo que perde calor atenuando o efecto das xeadas. Este efecto é tanto mais acentuado por proceder de auga de nacentes, unha vez que a súa temperatura é mais elevada que a dos rios ou ribeiros. Este efecto de corrección da temperatura a nivel do solo e do pasto só é aplicado cando se dispón de elevadas cantidades de auga que permitan que a rega se procese durante as noites en canto houber probabilidade de ocorrencia de xeada. Se a dispoñibilidade de auga non for suficiente para garantir a rega de lima por un período máis ou menos longo de eventual ocorrencia de xeadas, era preferíbel non proceder a este tipo de rega, para evitar o estrago dos prados.

Este sistema de irrigación dos lameiros en Penarrubia empregouse no Prado Grande e as Barcias, As Parcerías, O Codesal e as Cadeitas. E xa na parte baixa do val, nos prados de Seis Fontes e en todos os demais a ambos lados do rego de A Pena até a súa desembocadura no río Neira. Infelizmente, desde hai tempo este sistema de rega foise descoidando e a paisaxe de outrora xa non é a mesma. Hai trinta anos, este método podíase contemplar nos prados que bordeaban os regos do Cebeiral e das Louseiras, hoxe inexistentes pola súa repoboación con chopos nuns casos e noutros, nomeadamente, pola extensión da matogueira por falta de coidados.

As quendas da rega

Para a conservación deste sistema de rega de lima, noutrora, os días en que lles correspondía a quenda, polas mañás cedo os homes provistos de rodo acudían ás presas que percorren os prados para dirixir o líquido uniformemente por toda a superficie do lameiro e, de paso, reparaban as conducións que se encontraban en mal estado. Naqueles tempos en que non existía a contaminación, nin obstáculos que lles impedisen ás anguías remontaren até os prados, era posíbel nestas tarefas de rega encontrar algunha delas que, unha vez capturada, convertíase nun espectáculo para os nenos ao observaren aqueles peixes reptantes de corpo alargado recuberto dunha substancia pegañenta que remataban en alimento exquisito e extraordinario para ese día. 

Relacionados...

A xente

Situación demográfica Na actualidade, residen habitualmente en Penarrubia menos de quince persoas. Se nos remontamos ao século XIX, o número de habitantes

As casas

Segundo a aprobación inicial do PXOM de Baralla, no lugar de Penarrubia existen 53 construcións, das cales vinte son vivendas. Destas vinte,

Vías de comunicación

Estradas Penarrubia dista 790 metros da estrada LU-710 (Baralla-O Cádavo). Esta é a súa vía de comunicación fundamental. Permite ir a Baralla

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario