Introdución do seu cultivo
Hai quen afirma que a pataca foi introducida en Galiza antes que en ningún outro lugar de Europa. O certo é, sen embargo, que a extensión do seu cultivo pola xeografía galega demorou polo menos dous séculos. Malia Jerónimo del Hoyo, arcebispo de Compostela, afirmar que no século XVI xa se plantaran patacas na horta do mosteiro de Herbón, o Catastro de Ensenada (1.749-53) non acredita o seu cultivo máis que en certas parroquias da provincia de Ourense. En 1.804 Lucas Labrada sinala que este tubérculo se estendeu amplamente a raíz da crise cerealista dos anos 1.768-1.769. Mais, cando realiza a descrición das xurisdición de Neira de Rei e de Neira de Xusá non inclúe o cultivo da pataca: “y su producto en la parte cultivada es el centeno en abundancia, castañas y muchas praderías…
E, cando se refire ao concello de Burón e ás veciñas xurisdicións de Cancelada, indica que as súas colleitas redúcense a centeo, pouco trigo, avea no montañoso, algúns nabos, corta porción de orxo, moi poucas hortalizas, mediana colleita de castaña nos vales e algunhas batatas. Entendemos nós que Lucas Labrada considera aquí a batata como sinónimo da pataca.
Como froito nado debaixo da terra, por iso os franceses a chaman pomme de terre ou mazá da terra, existían moitos prexuízos perante a pataca, que se reservou como forraxe para alimentar os animais e, por isto, foi en épocas famélicas cando se aceptou para o consumo humano. A pataca inicialmente foi da man da miseria: a súa expansión produciuse en momentos de graves dificultades para os labregos. A fame difundiu a pataca e este alimento contribuíu á súa erradicación.
Alimento fundamental
Foi no século XIX, nomeadamente na segunda metade, cando a pataca se converteu no alimento fundamental da dieta dos galegos. O médico Antonio Correa, en 1891, afirma xa que as patacas son un alimento do que fan uso as clases populares en todas as comidas, unhas veces depelicadas e cocidas en auga salgada, outras en potaxe, que el identifica co caldo ou pote galego, e outras con leite (Ensayo de topografía médica de la Provincia de Lugo. Páx. 161. Imprenta de “El Regional”. 1891.
Na primeira metade do século XX, a pataca converteuse no alimento fundamental do mundo rural xunto co pan centeo e a carne de porco.
Sementeira
Chegada a primavera, a primeira actividade relacionada coa sementeira consistía en sacar o esterco das cortes e carretalo para as leiras destinadas á plantación das patacas. Era este un traballo arduo que requiría arrincar cada unha das pesadas falopas do esquilmo fermentado cos excrementos e os ouriños do gando vacún e porcino durante o ano anterior. No interior tebroso da corte, un home, armado con rexa picaña de tres gallos, arrincaba as falopas; outro arrastrábaas cara o exterior e un terceiro, con gran esforzo, encargábase de cargalas no carro. E sempre acompañado do fedorento cheirume que se expandía arredor. Unha vez completada a pesada carga no carro, xunguíase a parella de vacas para apoñela ao temón. Nalgúns casos, se a carga era moi pesada ou se había que percorrer camiños en costa para chegar ás leiras de destino, era preciso apor unha segunda xugada para agabitar. E aquí chegaba un dos momentos máis alegres de cada primavera pola conxunción da luz, o son e o recendo no medio da eclosión da natureza. Estes días eran sempre luminosos e secos porque a sementeira das patacas require que a terra estea enxoita despois de varios días estiñados. A música interpretábana os cantos polifónicos dos carros ao desprazárense pausadamente polos camiños no medio dunha natureza que agromaba despois do frío e húmido inverno.
Preparada a terra, arada e estercada, viñan os días da sementeira. Os nenos guiaban a parella das vacas que tiraban do arado que abría o suco. As mulleres depositaban as sementes no fondo do rego. Por enriba, varias persoas estendían unha capa de esterco e, de novo, tornaba o arado acubillando semente e esterco.
10 de abril de 1941. Xoves Santo
10 de abril de 1941, Xoves Santo. Os veciños de Penarrubia xa levan tres días aplicados á sementeira das patacas. Está o tempo seco, a terra enxoita e os camiños, de mañá cedo, son percorridos por familias que acompañan o carro de vacas en dirección ás leiras do Agro, dos Forxos, de Campa Cernadas e das Panás. Camiño do Valado, a xugada vai lixeira. O peso que carga limítase a dúas cestas de sementes caleadas, o arado romano que abrirá os regos e un neno sentado nun mollo de palla. Abre a marcha o pai afalando a parella. Detrás, dúas mulleres camiñan silenciosas ao ritmo pausado do grupo. Unha cuza lobeira de pasos rápidos, unhas veces abre o camiño e outras sitúase ao par dos humanos. É unha mañá alegre. As árbores mostran o empezo do verdor da follaxe. Cantan os paxaros e, de vez en cando, nas fragas da Mura síntese o cuco: cucú tapa o cu, —tápao tu, tápao tu… En chegando á leira, a parella de vacas deixa de tirar do temón do carro e xónguese ao do arado para comezar o traballo. O neno, nunha man agarrando a corda que parte da testa dos animais e na outra empuñando unha pequena vara, guía o grupo en liña recta axudado polas voces que, no momento oportuno, lle dirixe seu pai, que suxeita coa man esquerda a rabela do arado mentres que na dereita sostén unha longa aguillada rematada en punta metálica aguzada: ei vaca bé..! Detrás, a muller enloitada vai depositando en treitos ben calculados cada unha das sementes na fenda da terra, sobre as que outra muller, máis nova e cuberta a cabeza con pano floreado, estende unha lixeira capa de esterco. De súpeto, entre as abeacas do arado bule temeroso un rato que intenta fuxir na terra fresca. Atenta ao asubío do seu amo, a cadela preséntase precipitadamente na escena e eleva polo aire en repetidas ocasións o chiante roedor, que finalmente sucumbe inerte afastado do campo de batalla. Cando a xugada que tira do arado chega ao derrego, o neno detén o paso das vacas, que fican paradas en actitude relaxada e aproveitan o descanso para remoer. Agora, quen antes dirixía o arado acode en axuda da muller que distribúe o esterco. E así, rego arriba e rego abaixo, pasan as horas até o momento en que se sinte o repenique das campás que, no mediodía deste xoves santo, advirte que no resto da xornada non se pode seguir traballando. Sentimentos encontrados: vén un día e medio para descansar e asistir ás funcións relixiosas, mais, con tanto traballo como falta para completar a sementeira deste ano, ben pagaría a pena aproveitar o bo tempo desta xornada. O señor cura non permite no día de hoxe xunguir das doce en adiante.
Coidados e colleita
A faena da sementeira das patacas prolóngase durante varios días e despois, nos seguintes meses, é preciso acolar e limpar as herbas que tanto proliferaban na terra fertilizada. E no verán, a loita contra as pragas do escaravello, desde mediados do século, e do mildium, que se combatía co sulfato de cobre vaporizado sobre as follas con aquelas pesadas máquinas de metal cargadas ás costas dos sulfatadores. Viñeron despois produtos químicos máis agresivos, que moitas veces eran aplicados por mulleres e homes por medio de foles pulverizadores sen ningún tipo de protección.
E en setembro, a colleita, un traballo que adoitaba realizarse en colaboración entre varios veciños debido á laboriosidade e á duración temporal que implicaba. Agora, a parella de vacas, tirando tamén do arado romano, abría cada un dos regos deixando á vista os tubérculos que eran recollidos en cestos por nenos e adolescentes. Detrás, persoas adultas, cada unha no seu rego, provistas de picañas lixeiras, escavaban a terra na procura de todas aquelas patacas que non deixara á vista o arado. Traballo fatigoso pola posición anicada do corpo que se requiría para recoller coas mans os prezados vexetais. Descargado o carro na aira de cada casa, chegaba o momento da escolla e clasificación das patacas apañadas. As mellores, de mediano tamaño e bo aspecto, gardábanse para seren sementadas ao ano seguinte. Outras, tamén de boa calidade e envasadas en sacos de zarapelleira, reservábanse para a venda. Despois separábanse as de comer, que se gardaban no pataqueiro protexidas da luz. E finalmente, noutro lugar depositábanse as pequenas, que se usaban como alimento do gando, fundamentalmente para a ceba dos porcos.
As patacas da Mariña
¡Ai, as patacas da mariña! Xa non existen. Eran as únicas que había na década dos cincuenta do pasado século. Despois, xa nos sesenta, chegaron as patacas de víctor, máis pequenas, de pel avermellada e moi produtivas pois de cada planta obtéñense moitos tubérculos. Como non sabían como as da mariña, as patacas de víctor comíanas os animais. Non volvín encontrar ningunha outra pataca como aquela da mariña. Era branca, de pel fina, forma alongada e con ollos marcados, de fácil cocción e insuperábel de sabor en calquera receita que se cociñase. Non sei por que, despois viñeron outras, cuxa semente se traía de Áraba e Burgos, chamadas de baraka e de kennebec…, e a pataca da miña infancia desapareceu. ¿Que foi das patacas da mariña? ¿Por que se deixaron de sementar? Impúxose o de fóra, como sucede con tantas outras cousas, porque se considera máis produtivo. O mesmo pasa coas nosas árbores frondosas: porque son menos produtivas a curto prazo, son substituídas por outras de crecemento rápido que satisfán os intereses da industria da celulosa en detrimento da biodiversidade. Mais, tamén pode ser que aquela variedade de pataca permaneza idealizada na nostalxia da infancia e que a realidade científica contradiga os recordos. En 1949, o Servizo de Publicacións do Ministerio de Agricultura editou o libro La patata de siembra en España. Variedades y zonas de producción, da autoría do enxeñeiro agrónomo vasco Jaime Nosti, no que se describen dúas variedades da pataca da mariña: a branca ou de Triacastela e a vermella. A que se plantaba en Penarrubia era a branca. Dela di o autor que tamén é coñecida co nome de Triacastela, que é de orixe descoñecida e que se cultiva en Sarria e Becerreá. Do tubérculo indica que é oval, grande, dando poucas patacas pequenas; pel e carne brancas; coce ben e desfaise; ollos fundidos, abundantes; brotes morados, que perden a color posteriormente. En canto á follaxe di que a mata é erguida, de talos vigorosos; de floración branca, sen pole. Remata dicindo desta pataca que é semitardía, de boa conservación e pouca resistencia ao mildium; que é de mala calidade e moi dexenerada, dando baixos rendementos.
Colleita de 1941
A seguinte ilustración, tomada dun caderno de notas existente na casa do Costureiro, mostra as contas da colleita de patacas correspondente ao ano 1941.
Recóllense 8140 quilos. Debemos entender que desta cantidade quedan excluídas as patacas de pequeno tamaño e mal aspecto destinadas ao alimento do gando. Dos 8140 quilos, resérvanse 5000 para a sementeira do ano seguinte. Resulta unha cantidade elevadísima, pois supón o 61,42 por cento da colleita. ¿Como se pode explicar isto? Non se cre que a pataca da mariña e o seu cultivo tivese un rendemento moi baixo como para que de cada quilo sementado só se obtivese 1,68. Na actualidade, a pataca de kennebec, en terras de seco, como eran as leiras que se cultivaban para este fin en Penarrubia, ten un rendemento medio de 20 toneladas por hectárea. É posíbel que os talos por semente desta variedade da mariña fosen moi poucos e non superasen o número de tres para poder explicar resultados moi exiguos de rendemento por planta e para entender tamén que esta variedade fose substituída por outras foráneas máis rendíbeis posteriormente. Inclinámonos por explicar a reserva dos 5000 quilos coa finalidade de incrementar a sementeira do seguinte ano como inversión segura en tempos da autarquía franquista en que existía o racionamento e a pataca era un alimento básico moi ben pagado ao produtor por parte dos especuladores que a vendían posteriormente a prezos moi elevados.
Mercado negro e corrupción
A propósito do mercado negro, durante os trece anos de posguerra que durou o racionamento dos produtos básicos alimentarios a través das cartillas familiares e individuais expedidas pola Comisaría General de Abastecimientos y Transportes, camparon en todo o Estado a corrupción e o mercado negro. O subministro designábao a Comisaría General de Abastecimientos, que cada semana anunciaba a porcentaxe, a cantidade e o prezo dos alimentos que se adxudicaban inicialmente a cada unidade familiar e, desde maio de 1943, a cada persoa. No mesmo concello de Neira de Xusá temos mostras do comportamento corrupto das súas máximas autoridades municipais, como podemos ler no xornal La Vanguardia Española do día 3 de outubro de 1942: Ginés Fernández Sierra, alcalde, é condenado a multa de 30.000 pesetas e seis meses a un batallón de traballadores, e Víctor Rubio Alcázar, secretario municipal, a 1.000 pesetas de multa e a tres meses a un batallón de traballadores, ambos por vender trigo e centeo a prezos abusivos e irregularidades na distribución destes cereais.
Os dous sancionados presentaron recurso de apelación perante o Consello de Ministros e sabemos que quedaron impunes e que continuaron nos seus cargos por estaren protexidos pola rede de mando dos seus superiores, entre eles o Excmo. Sr. Gobernador civil y Jefe Provincial del Movimiento, Ramón Ferreiro Rodríguez, nese momento en pleno enfrontamento coa insubordinación dalgúns dos seus xerifaltes como Antonio Rosón Pérez, Delegado Provincial de Educación Popular, Manuel López Rivadulla, Delegado Provincial de Excombatientes, e Jesús Cedrón del Valle, Secretario Local del Movimiento en Lugo. Do alcalde Ginés Fernández Sierra sabemos que deixou o cargo en 1947, en que pasou a desempeñalo Luis Moreno Díaz, mais aquel continúa tendo boas relacións coas autoridades franquistas como proba o feito de que o día 28 de febreiro de 1966 figurase entre as forzas vivas que reciben en Baralla o gobernador civil de Lugo, Eduardo del Río Iglesia (El Progreso 01/03/1966). Do secretario municipal sancionado, Víctor Rubio Alcázar, sabemos que continuou sendo funcionario da Administración local: poucos meses despois da proposta de sanción obtén por concurso a praza de secretario municipal do concello de Baleira; en 1947, xa figura destinado en Autillo de Campos, Palencia; en 1950, leva a secretaría de catro concellos vascos; e sabemos tamén que en 1972 seguía sendo secretario de terceira categoría. Este caso, coñecido como estraperlo de Baralla, non foi ningunha excepción no panorama da corrupción xeneralizada que arraigou no franquismo segundo investigacións de Pilar López Rodríguez e M.ª Jesús Baz Vicente en Una aproximación a Falange en la provincia de Lugo (1936-1942). O mesmo aconteceu con Manuel Núñez López, alcalde de Pedrafita do Cebreiro; Antonio Barrero Becerra, alcalde de Navia de Suarna; o alcalde de Taboada, o xefe local del Movimiento de Trasparga, varios militantes de Falange; ou co industrial de Quiroga Germán Vázquez, quen, despois de ser sancionado con multa de 35.000 pesetas e clausura do seu establecemento, será nomeado Xefe provincial da Caixa de Compensacións de maior volume de fondos da provincia.
Volvendo ás anotacións da venda de patacas de 1941, para consumo familiar resérvanse 1.440 quilos, isto é, 3,94 quilos para cada día do ano, cantidade elevada malia saber que constituía un alimento que se consumía necesariamente en todas as comidas, xa for como ingrediente do caldo, en cachelos como compango da carne de porco ou acompañada de leite en moitas ceas. Con respecto á venda, ofrécense nestes apuntes datos confusos. Na parte superior da columna da esquerda, dise que se venden 1700 quilos. Na parte inferior desa mesma columna fanse as contas de 977 x 2 non sabemos por que e ofrécese o resultado de 1.993 reais. En cambio, na columna da dereita, 977 quilos multiplícanse por 55 céntimos cada quilo = 53.735 céntimos, que son 2.149,4 reais e non 2.509 como erroneamente se indica. Se nos quedamos cos datos da columna da dereita, vendéronse 977 quilos de patacas a 55 céntimos cada quilo obténdose un rendemento de 53.735 céntimos, ou sexa, 2.149,4 reais = 537,35 pesetas. Este ingreso supón unha auténtica fortuna nesa época de tantas penurias. Para facérmonos unha idea do que representaban 537,35 pesetas en 1941, sabemos que os gastos de celebración da festa do Carme dese mesmo ano ascenderon a 374 pesetas.
Existía moita escaseza de patacas e a Administración franquista ditou numerosas normas regulando os prezos aos consumidores e controlando a calidade e as variedades aptas para sementes. Así, a finais de 1941, o Estado importou pataca alemá da variedade Ackersegen para sementar porque o rendemento da autóctona era baixa. Para esta última, os labregos produtores de pataca, segundo normas aprobadas polas respectivas Xuntas Agronómicas provinciais, podían incrementar no prezo de venda da pataca de semente en 20 céntimos por quilo. A provincia de Lugo clasificouse en tres zonas, integrándose Neira de Xusá na Central, e catalogáronse como aptas para semente as coñecidas cos nomes comerciais de Vilalba ou Cazona, de Triacastela ou Mariña e Saviñao.
Racionamento e estraperlo
Estamos na época do racionamento dos alimentos implantado desde 1939 a 1952. A venda libre de patacas ao consumidor só se vai poder realizar a partir de abril de 1950. Isto favoreceu a especulación e o estraperlo con determinados produtos e permitiu a aparición duna masa de estraperlistas que se enriqueceron a costa da fame dos demais. Por esta razón, na década dos corenta resulta moi difícil avaliar os índices de prezos ao realizárense operacións de compravenda fóra de todo control administrativo e estatístico. Segundo o INE, o índice do custo da alimentación, tomando 100 para o ano 1936, elévase a 214,6 en 1940 e a 649 en 1950.
As autoridades franquistas, conscientes dos problemas sociais que se derivaban da extensión da fame entre a poboación, xa desde o remate da guerra orientou a súa política a incrementar a produción da pataca para aliviar a situación. Por isto, a pataca convértese nun ben de consumo obxecto de estrito control: cada labrego que quixer plantar, por pequena que fose a superficie, debía comunicalo e solicitar o correspondente permiso. Abríaselle unha ficha, que era cumprimentada unha vez que se producía a colleita, na que se anotaba a totalidade da produción, descontando a que puidese servir para semente, a dedicada ao consumo familiar e a reservada para a súa posta á venda. Para o control da produción e venda da pataca creáronse organismos denominados CREPA (Comisión Reguladora de la Patata) e ORAPA (Oficina Reguladora de Adquisición de Productos Agrícolas), dirixidos polo correspondente Comisario de Recursos, dependentes da Comisaría General de Abastecimientos, que dispoñían dun almacén dirixido por persoas do Movimiento. En Lugo este almacén estaba situado na estación do tren.