Pasteiros artificiais

No período 1900-1936, prodúcense importantes transformacións no campo galego que, segundo Fernández Prieto, poden resumirse no acceso á propiedade das terras, na mercantilización, na articulación da sociedade e nas transformacións tecnolóxicas. O labrego, antes só dono do dominio útil, agora convértese pouco a pouco en dono de seu e esta nova situación, liberado do pagamento de rendas, vaille permitir realizar innovacións conducentes á mellora da produción. A este mesmo obxectivo tamén contribuíron as remesas procedentes da emigración a América. As preferencias innovadoras, din L. Fernández Prieto e X. M. González Vilas en O agro galego de 1900 a 1936 na revista Cerna nº. 26, 1998-1999, páxs. 27-29, orientáronse ás innovacións en maquinaria e apeiros, aos avances na intensificación co emprego de novos fertilizantes e ás melloras gandeiras. Así, como constatan estes historiadores, en 1932 Galiza conta cun 35 por cento dos arados de desfonde, o 13 por cento dos de vesadoiro xiratorio, o 22 por cento dos motores de gasolina e o 16 por cento das máquinas de mallar de todo o Estado. A casa Ajuria, entre 1928 e 1936, vendeu 11.000 arados de brabante en Galiza.

Arado de bravante e cambela

O de brabante era un arado de vesadoiro provisto de dous corpos colocados en direccións opostas e con dúas rodas. Podían ser monosuco ou polisucos. Este e mais o de vesadoiro de ferro substituíron a tradicional cambela, apeiro máis primitivo aínda que o romano, dunha soa peza e moi pesado, que se utilizaba para romper o terreo.

En 1912, Galiza contaba con 92.189 arados modernos de ferro segundo as estatísticas históricas de España dos séculos XIX e XX. Dos cales 46.014 se localizaban na provincia de Lugo. O arado de ferro estaba, como o seu nome indica, construído neste metal. Tiña unha punta moi ben afiada e unha enorme abeaca ou vesadoiro lateral, presa ao temón por un gancho que reviraba, ora para un lado ora para o outro, permitindo así que o labrego volvese a terra sempre para o lado do terreo que xa estaba labrado. Á súa vez, a rabela era de dúas empuñaduras a fin de que o labrego efectuase máis forza e a punta da abeaca entrase máis profundamente na terra. O arado de ferro, co seu poderoso e xigantesco vesadoiro, cavaba un rego profundo no terreo e permitía unha maior aeración do solo posibilitando un acentuado desenvolvemento de organismos benéficos e favorecendo a mestura da terra co estrume.

Estas transformacións permitiron ampliar as hectáreas dedicadas aos pasteiros aproveitando terras incultas nuns casos e, noutros, dedicadas aos cultivos agrícolas. 

Gráfico superficie pasteiro artificial provincia de Lugo

Na provincia de Lugo, desde 1910 o número de hectáreas de pasteiros artificiais increméntase progresivamente até 1930 pasando de 610 a 14.632 hectáreas. Durante 1932 e 1933 descende a superficie a 5.000 hectáreas para, de novo, volver coller o ritmo iniciado na segunda década do século.

Pouco a pouco, desde comezos da década dos sesenta fóronse creando pastos porque os prados de rega naturais non eran suficientes para o alimento da cabana bovina que comezaba a medrar. A aparición destes pastos novos tamén se debeu á introdución das razas de vacas leiteiras non habituadas a pacer as herbas montaraces como viñan facendo as do país. A primeira terra que se arou para convertela en pasteiro foi o Valado da Reitoral por iniciativa de José Barreiro, o párroco daquel momento. 

. O Valado do igrexario. Primeiro pasteiro artificial da freguesía

Recordo o espectáculo extraordinario do día en que chegou a Penarrubia o primeiro tractor para desbravar as xestas daquela leira. Quen guiaba esta máquina azul era un rapaz novo, que para min adquiriu a consideración de heroe. Fomos todos os nenos recibir ese ruidoso centauro metálico ao camiño hoxe desaparecido que discorría entre os Valados do Ferreiro e do Costureiro e A Mura de Lopo. Desde ese lugar, a primeira máquina agrícola que rompeu o silencio do val proseguiu a marcha cara ao seu destino. Unha vez arada esta terra do Valado, procedeuse sementar raigrás mesturado con trevo e pouco despois naceu herba, o primeiro pasteiro artificial da parroquia. Alí acudía o señor Domingo, o pai do párroco, co carretón tirado pola vaca Pinta na procura da herba.

Seguindo o exemplo e, despois de ver os resultados obtidos, algúns veciños de Penarrubia foron preparando terras incultas, nuns casos, e outras dedicadas a outros cultivos para ampliar a superficie dos pasteiros artificiais. Deste xeito, foi cambiando a paisaxe até mudar o gris dominante das leiras de patacas e centeo ao verde dos novos prados. Os Pedragás, Portela, os Valados, O Forxo, varias parcelas do Agro, Os Barrancais, As Panás e outros lugares cubríronse de herba, que unhas veces era aproveitada para que as vacas a pacesen directamente e outras para ser gadañada como feo para o inverno. Nestes labores de arado mecánico das terras destacou nas décadas dos sesenta e setenta Corral de Camporredondo, quen se fixo coa meirande cota do mercado mercé a que, como pioneiro no uso do tractor, adquiriu o dominio da súa técnica. Corral, Jesús Arias Fernández, incansábel traballador mecanizado pois antes de ser tractorista xa percorrera as airas coa máquina de mallar, non se limitou a arar terras do Val de Neira de Rei, tamén o fixo en moitas hectáreas da Terra Cha onde gañou concursos ao mellor traballo. A principios da década dos sesenta, Francisco da Forxa tamén se dedicou a esta actividade na súa breve vida, truncada violentamente por un disparo de pistola mentres araba no agro de Ilarín. 

En 1969, o primeiro tractor que chegou ao lugar de Penarrubia para quedarse foi o Steyr 540 vermello de fabricación austríaca adquirido para a Granxa, que daquela se estaba constituíndo.

Tractor Steyr_540

De todos os traballos do sementado da herba, a actividade máis desagradábel consistía na recollida das pedras que afloraban á superficie unha vez arada a terra. Foron moitas as horas dedicadas á limpeza dos Pedragás que, como indica o topónimo, é unha pedregueira. ¡Cantas xornadas botamos alí en compañía de Paco de Carlota apañando pedras e máis pedras que transportabamos nunha carreta fóra do recinto da leira destinada a converterse en prado! O mesmo aconteceu na Chousa e no Valado, onde aínda se poden distinguir algúns dos milladoiros que se ergueron non por devotos peregrinos senón por sísifos comprometidos cos cambios que naqueles tempos se estaban impulsando na agrogandeiría galega. Os esforzos realizados daquela non foron inútiles, víronse logo compensados co espectáculo do nacemento da herba e, posteriormente, da súa sega para alimento das pintas leiteiras.

Relacionados...

A xente

Situación demográfica Na actualidade, residen habitualmente en Penarrubia menos de quince persoas. Se nos remontamos ao século XIX, o número de habitantes

As casas

Segundo a aprobación inicial do PXOM de Baralla, no lugar de Penarrubia existen 53 construcións, das cales vinte son vivendas. Destas vinte,

Vías de comunicación

Estradas Penarrubia dista 790 metros da estrada LU-710 (Baralla-O Cádavo). Esta é a súa vía de comunicación fundamental. Permite ir a Baralla

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario