Gandería

Bovina

No Antigo Réxime, a gandería tiña carácter subsidiario da agricultura: bois, vacas e, nalgúns casos os équidos, empréganse fundamentalmente como forza de traballo, medio de transporte e como fornecedores de fertilizante para a terra. Completaban o panorama pecuario os gandos ovino e caprino. En cambio, a especie porcina presentábase xa como garantía de produción cárnica para o consumo familiar e para a obtención de pequenos ingresos. E, en moita menor medida, a especie aviar fornecía de ovos, carne e como elemento complementario das rendas que os labregos satisfacían aos titulares do dominio directo. Eran tempos de forte incremento demográfico que obrigaba a dedicar as terras fundamentalmente á produción de alimentos para cubrir as necesidades humanas en detrimento do uso pecuario. Ademais, os labregos pagaban a maior parte das rendas en especie por medio do cereal e isto obrigábaos a centrar a atención no seu cultivo.

Incremento da superficie de prados

Mais, xa na segunda metade do século XVIII, a superficie de prados de rega incrementouse en Penarrubia, na mesma ou maior proporción que no resto de Galiza, se temos en conta o que recoñece, en 1.802, o ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, na súa Memoria sobre los ganados de Galicia considerados relativamente a la economía política: “En muchas partes del Reyno que he reconocido, los prados, y cerrados de veinte años acá casi se han doblado…” 

Memoria sobre los ganados…

En 1802, o mesmo Pedro Antonio Sánchez Vaamonde recoñece a importancia do gando, que considera o “grande tesouro do labrego e o principal recurso das súas necesidades”.

Sánchez Vaamonde: Memoria sobre los ganados de Galicia…

O mercado inglés

Esta situación mantívose durante a primeira metade do século XIX, mais a partir de 1842 despunta o gando vacún mercé á demanda de carne procedente do exterior, nomeadamente do mercado inglés. 

Exportación vacún a Inglaterra na segunda metade do XIX

Como indica Alberte Martínez en Perspectiva histórica de la ganadería gallega: de la complementaridad agraria a la crisis de la identificación láctea (1850-1995), este comercio, controlado por mans británicas, levábase a cabo con reses en vivo e, se ben o cebo se realizaba en Galiza, a maior parte do valor engadido ía para fóra. No último terzo do século XIX, a incipiente conexión ferroviaria cos portos e coa meseta tamén favorece a exportación de gando. Desde este momento, a gandería convértese nunha actividade principal do sector primario galego. As feiras comarcais son concorridas por labregos que acoden cos xatos en venda e, á súa vez, os xateiros percorren as aldeas como intermediarios neste mercado da carne vacún. E, como consecuencia, tamén aumenta o número de terras que se transforman en pasteiros dado que a alimentación do gando cobra tanta importancia como a dos humanos.

Crise de finais do XIX

Mais, a fins de século, Galiza, como toda Europa, experimenta unha fonda crise agraria debido, entre outras razóns, á competencia de países ultramarinos como Canadá, Estados Unidos e Arxentina, que se incorporan ao mercado internacional coas súas exportacións ofrecendo produtos máis baratos mercé aos menores custos de produción pola introdución de maquinaria, fertilizantes e man de obra inmigrante, parte dela procedente de Galiza. Na nosa Terra esta crise comeza en 1882, pero é en 1889 cando a curva da caída das exportacións non deixa de baixar até a súa redución total en 1895. A crise, privados os labregos dos ingresos pola ausencia de mercado vacún, tamén favorece a súa organización en intensos movementos agrarios a favor da supresión dos foros que se van estender por todo territorio. 

Cabezas de gando na provincia de Lugo de 1865 a1933

Isto permite que o gando vacún se incremente progresivamente no primeiro terzo do século XX segundo comprobamos no seguinte gráfico:

Gando vacún na provincia de Lugo de 1865 a1933

Se examinamos o gráfico, constatamos a crise provocada pola ausencia de exportación de reses no último decenio do século XIX e vemos tamén como, desde comezos do século XX, se vai incrementando con lixeiras flutuacións o número de cabezas de gando vacún até superar o medio millón en 1929. 

Durante a Guerra civil o vacún galego viuse moi afectado porque os tradicionais mercados aos que se dirixían as reses, Barcelona, Madrid e Levante, mantivéronse baixo control republicano e as saídas dirixíronse ao consumo do exército sublevado. Na década dos corenta, a política agraria tamén se refuxiou no autarquismo e no intervencionismo estatal e, malia a conxuntura favorábel propiciada pola Segunda Guerra Mundial en certos sectores, a gandería galega sofre unha forte recesión: descende a cabana de vacún e porcino, detense o incremento dos prados artificiais, descende o número de venda de maquinaria e de fertilizantes e redúcense as producións de carne e leite.

Recuperación da gandería

Na década dos cincuenta comeza a recuperación da gandería, nomeadamente da bovina e porcina. En 1951 créase FRIGSA na cidade de Lugo con capital público, o 51 %, e privado, o 49 %. Esta industria ponse en funcionamento seis anos máis tarde e, abocada á quebra económica despois de ser privatizada, a finais da década dos setenta transformouse en Lamabranca, xa fóra da cidade, baixo a denominación Saprocarne. Despois de pasar por mans de varias multinacionais, esta industria cárnica integrouse en COREN baixo a denominación de Novafrigsa.

Coa introdución dos primeiros tractores, amplíase extraordinariamente o número de prados para alimentar o gando vacún. A Penarrubia, o primeiro tractor chegou por iniciativa do párroco José Barreiro para arar no Valado da reitoral convertendo este predio tamén en prado artificial. Isto sucedeu a fins da década dos cincuenta, sería no ano 1959. Era un día primaveral, soleado. Fomos moitos os veciños que saímos ao encontro deste tractor do Caldeireiro de Baralla guiado por César, un rapaz novo de Pousada. Era un Barreiros de cor vermella novo do trinque. Recordo que aquela extraordinaria máquina non entrou no Valado da reitoral polo seu camiño natural de acceso senón que o fixo entre a Mura de Lopo e os Valados de Ferreiro e do Costureiro. Alí estabamos como espectadores todos os nenos do lugar sorprendidos pola presenza dun artefacto capaz de arar aquela inculta xesteira. Os traballos de preparación desta terra continuaron e, tempo despois, a súa superficie de algo máis dunha hectárea transformouse nun valioso prado de boa e abundante herba. O cura Barreiro tamén foi o introdutor da primeira vaca leiteira na freguesía. Era unha vaca pinta, que o Sancristán e mais quen isto escribe fomos recoller a Baralla. Non recordo por que medio chegamos á vila, mais si que regresamos percorrendo a pé os oitos quilómetros até Penarrubia. Eu, neno de sete anos, guiaba desde diante a vaca atada cunha corda e José de Moreno, o Sancristán, viña detrás afalando. Temerosos dos vehículos cos que podiamos coincidir naquela estrada tan pouco transitada naqueles tempos, os tres membros da comitiva non nos apartabamos da marxe esquerda, á beira da ribeira do río, fuxindo tamén do pavimento empedrado que magoaba os nosos pés e os pezuños do pobre animal. Nunca esquecín esta imaxe de regreso coa vaca pola estrada desde Baralla a Penarrubia. Recordo como eran os pantalóns curtos que vestía suxeitados por uns tirantes elásticos, pero o que se me vén á mente é o cansazo daquela tan longa andaina para un neno de sete anos. Cando chegamos ao alto de Valiñas xa respirei aliviado de saber que quedaba pouco para o remate do traxecto. Desde alí, deixamos a estrada e collemos o camiño que vén polas Panás, o Redondelo e as Barcias. Xa na Fonte, chegando á meta, respirei con satisfacción de ter cumprida a misión que se me encomendara. Correuse a noticia da chegada da primeira vaca pinta a Penarrubia e varios veciños achegáronse vela concentrándose na currada da reitoral mentres realizaban comentarios sobre o aspecto do animal, mais ninguén valorou a heroicidade do neno que guiara a vaca durante tantos quilómetros pola perigosa ribeira do Neira. Desde este momento, a Pinta uniuse indisolubelmente ao señor Domingo, o pai do cura, e ao carretón ao que a apoñía como medio de transporte de lixeiras cargas consistentes en feixes de herba, nabos ou patacas.

Foron poucos os anos que permaneceu en Penarrubia este párroco. Creo que superou escasamente os tres, desde 1958 a 1961, mais, malia a súa ideoloxía ultraconservadora, o cura José Barreiro Gómez promoveu iniciativas moi avanzadas como estas relacionadas coas innovacións agrogandeiras e outras como a educación da xuventude e as obras de conservación da igrexa parroquial.

O leite de vaca no rural tiña como función fundamental o alimento das crías bovinas destinadas a seren engordadas e vendidas para carne e, tamén, como alimento da familia e, en épocas de produción excedente, para a elaboración de queixo e manteiga. Na década dos cincuenta, nas cidades aínda existían granxas de vacas estabuladas en condicións moi precarias cuxo leite cru se vendía á veciñanza xerándose transmisión de febres tifoides e de Malta, salmonelose, tuberculose, brucelose,  difteria…, causas da elevada mortalidade infantil. Mais, a maior parte do leite que se consumía nas vilas e cidades era subministrado polas leiteiras que acudían a diario cos cántaros desde o rural. A esta situación tentou facer fronte, sen conseguilo, a Lei de 20 de decembro de 1952 sobre Epizootia. Na década dos sesenta, diversas disposicións normativas impiden a venda de leite cru sen as garantías sanitarias nas cidades e, desde este momento, danse os primeiros pasos para a creación das Centrais leiteiras. Desde agora, comeza a verse futuro en Penarrubia á venda de leite. Tamén se pensa no incremento da extensión de pasteiros e na mellora das razas diferentes das autóctonas. O vacún pode constituír unha fonte de ingresos superior ao modelo existente. Hai veciños da parroquia que xa venden algúns litros de leite que aínda obteñen das vacas rubias. En Penarrubia é Pepe de Martiz quen se encarga de baixar os bidóns á estrada nun pequeno carro tirado por un burro. Por alí pasaba a diario un camión que transporta o leite á industria Vega de Oro, en Meira. 

1968. Creación do cooperativa de Penarrubia

En 1968 constitúese a Cooperativa de explotación comunitaria integrada por catro veciños de Penarrubia: casas de Ruán, Lopo, Costureiro e Reitoral. O día 31 de xullo dese ano publícase no BOE a Orde pola que se dispón a inscrición no Rexistro Oficial da Cooperativa de Explotación Comunitaria «Virgen del Carmen de Peñarrubia (sic)», de Peñarrubia-Neira de Jusá (Lugo). Xuridicamente, nas cooperativas de explotación comunitaria os socios ceden os dereitos de uso de aproveitamento de terras ou ben de inmóbeis á sociedade para que sexa esta quen os explote, podendo os socios pasar a seren traballadores ou non da sociedade. No caso da de Penarrubia, os socios da casa do Costureiro tiñan a condición de traballadores. As normas que regulaban as cooperativas en 1968 eran a Lei de cooperación, de 1942, e os seus regulamentos de 1943 e 1971, que se mantiveron en vigor até 1974.

A creación da cooperativa de Penarrubia coincidiu tamén coa da cooperativa leiteira COMPLESA en Nadela, promovida polo INI e integrada por seis mil labregos, a onde se enviaba o leite diariamente desde a granxa. 

Nos primeiros tempos, mentres non se construíu o edificio situado na Mura de Lopo, os animais seguían estabulados nas cortes de dúas desas casas. Solicítanse créditos para a adquisición de gando, de maquinaria e para a construción das novas instalacións, e a cooperativa comeza a súa andaina. A finais de 1970, todas as reses quedaron acomodadas no edificio construído con esa finalidade. Nel había sitio para 80 cabezas de gando, cifra que non chegou a acadarse. Canda este edificio tamén se construíron un almacén para gardar a herba seca, dous silos subterráneos para conservar a forraxe e escavouse unha balsa para o xurro no lateral norte da granxa, que se emprega como fertilizante dos predios. O investimento total destas construcións ascendeu a 700.000 pesetas (4.207 euros). Cómpranse tractor e outras máquinas agrícolas: segadora, remolque, cargadora, cisterna, muxidora eléctrica… 

O gando selecciónase para producir leite e realízanse dúas importacións directas de vacas procedentes de Dinamarca e Canadá. As dinamarquesas eran seis. En 1969 viaxaron en tren até a estación ferroviaria de Lugo, desde onde foron transportadas ao seu destino en camión. As seis pobres vacas, despois da súa viaxe tan precaria nos vagóns do tren, chegaron esfameadas e sedentas e, cando foron descargadas na currada da reitoral en Penarrubia, unha delas subiu iradamente as escaleiras exteriores da vivenda e as cinco restantes emprenderon unha veloz fuxida polo lugar. De Canadá viñeron tres vacas en barco até o porto de Ferrol. Alí acudimos buscalas Pepe de Lopo e quen isto escribe. Como o barco descargaba o gando moi cedo, a tarde anterior partimos de Penarrubia, pasamos a noite no motel que existía en Montesalguerio ao pé da estrada nacional VI e, moi de mañá, alí estabamos diante do barco agardando o lote das tres vacas solicitadas. Neste momento de agarda, puidemos acceder á cuberta do buque e desde alí comprobamos que os animais estaban placidamente acomodados nas adegas sobre unha superficie estrada con palla relada e con manxadoiras e bebedoiros ao seu dispor. Pola confortábel viaxe transatlántica nestas condicións, o desembarco foi moi tranquilo e o transporte por estrada tamén. A adxudicación das reses realizábase por orde de saída dos animais, que ían pasando desde a pasarela a cada camión que agardaba para conducilas ao seu destino final. O camión que as deixou en Penarrubia fora contratado conxuntamente con Serafín García Fernández, profesor que foi das facultades de Farmacia en Santiago e Barcelona e titular da Botica de Arriba de Baralla, quen, alén da actividade docente e investigadora, posuía unha granxa en Vilachá Pedrosa, no concello de Becerreá. El tamén encargara outras tres vacas de Canadá. 

Eran tres animais grandes, de raza frisoa holstein, con pel fina en equilibrio de cor branca limpa e negra intensa, sen cornos, con ubre de grande capacidade e de moi bo carácter. Destas vacas importadas fóronse conservando as súas crías femias para ampliar a cabana. En cambio, os xatos eran vendidos aos poucos meses para cebar porque se pretendía orientar a cooperativa exclusivamente á produción a leite. De cando en cando, seleccionábase un macho para semental, mais a maior parte das veces realizábanse inseminacións artificiais na procura da selección xenética.

Coas vacas no Prado Grande

Varias persoas axudaron nos traballos diarios na granxa. Paco de Carlota e Emilio do Gavelo eran contratados para realizaren tarefas ocasionais como a preparación das terras para seren transformadas en prados, a recollida da herba e o seu ensilado. Manolo de Paulo mantivo relación laboral durante un período longo e o mesmo sucedeu con Clemente. De todos eles gardamos un grato recordo, especialmente de Manolo e de Clemente cos que convivimos, traballamos e tamén pasamos momentos alegres. A Clemente débolle a narración dos acontecementos que me contou dos movementos guerrilleiros e da súa persecución por falanxistas e a Garda civil nos anos da posguerra civil nos montes de Becerreá e Navia de Suarna. Del tamén gardo o eco das súas cancións tan ben entoadas con aire asturiano e, nomeadamente, o cariño que demostrou cara o meu fillo maior, daquela ben meniño. 

Regreso desde a Granxa. Primavera de 1981.

En 1983, os socios da casa do Costureiro deixaron de ser traballadores da granxa por xubilación e pasaron a encargarse dela Carme e José de Vilarín. Posteriormente, foron Constante e a súa familia os que se fixeron cargo da granxa en réxime de parzaría. E así chegou o momento en que esta pioneira sociedade cooperativa se disolveu a mediados da década dos noventa despois de case vinte anos de existencia. 

Entrada na CEE e limitación da produción

En 1986 prodúcese o ingreso do Estado na CEE (Comunidade Económica Europea). Fíxanse as cotas de produción leiteira para cada gandería e estabelécense sancións en caso de superárense.

O 28 de febreiro de 1987 unha manifestación de cen mil persoas desenvolveuse na cidade da Coruña en oposición á cota láctea. 

Manifestación contra cotas lácteas

Na Galiza, como vemos que sucedía na cooperativa de Penarrubia e noutras moitas, onde este sector estaba en plena expansión debido a que o mercado do Estado español era deficitario na produción leiteira, estas limitacións supuxeron unha navallada para a economía rural ao impediren tirar rédito dos fortes investimentos realizados e frear o desenvolvemento en beneficio de países europeos con excedentes lácteos como Alemaña, Francia e Países Baixos.

Desde abril de 1993, comeza a pórse en práctica esta política cuxa aplicación supuxo que Galiza, co 50% dos produtores do Estado, non tiver dereito nin a un cuarto da súa produción e que a cota media fose dez veces inferior á dos outros países comunitarios cos que se ve abrigada a competir. A imposición destas limitacións mesmo impediu fornecer o mercado interno galego, propiciou a importación de leite foráneo e favoreceu a implantación de industrias multinacionais alleas. Tanto mentres funcionou a cooperativa de Penarrubia como posteriormente, e na actualidade, outro atranco para o desenvolvemento deste sector foi o comportamento das industrias leiteiras que fixaron prezos moi baixos para os produtores, mesmo inferiores aos custos, e tamén das grandes distribuidoras que, convertidas en oligopolios, se serviron das rebaixas na venda aos consumidores como reclamo comercial.

Vinte e cinco anos despois da súa desaparición, cremos que a cooperativa gandeira de Penarrubia constituíu unha auténtica innovación e, á vez, unha mostra de como a socialización dos bens resulta beneficiosa para o progreso: desapareceron os marcos dos predios das catro familias cooperativistas, púidose introducir a maquinaria para traballar, transformáronse as terras para dedicalas intensamente á gandería abandonando cultivos agrícolas pouco produtivos… Mais, tamén xurdiron graves problemas como a fixación das cotas leiteiras e a falta de promoción das Administracións de medidas necesarias para impulsar iniciativas como esta. ¿Por que non se realizou a concentración parcelaria para evitar o desprazamento de animais, maquinaria e persoas por malos camiños na procura de alimentos distantes da granxa? ¿Por que a maquinaria aínda hoxe ten moitas dificultades para transitar por congostras cara os predios situados no sur como as Panás, Puxedo ou Valiñas? Quizais a eiva máis grave da cooperativa de Penarrubia residiu na súa curta permanencia: para a posta en funcionamento solicitáronse créditos para os que houbo necesidade de dedicar moitos traballos durante un tempo para a súa amortización. Os propios edificios, postos en funcionamento a principios da década dos setenta, foron abandonados antes de cumpriren trinta anos de servizo.

Mais, a granxa tamén serviu de exemplo para algúns veciños da parroquia no cambio de hábitos na produción gandeira: construíronse dependencias fóra das vivendas para os animais e introduciuse maquinaria para facilitar os traballos. A cooperativa de Penarrubia constitúe o paradigma do que aconteceu na Galiza nestes últimos 50 anos no sector gandeiro: desde unha etapa optimista, que supuxo a finais da década dos sesenta a introdución de cambios substanciais nos modos de produción, pasouse á redución drástica de explotacións manténdose sempre baixos rendementos por mor da subordinación aos intereses das multinacionais e pola ausencia dunha dirección política que, desmantelando as industrias públicas existentes, non foi quen de crear en ningún momento un grupo lácteo galego como se vén reclamando sen cesar.

Porcina

Igual que sucedía co gando bovino, cada familia mantiña un número de porcos en consonancia coas necesidades da alimentación dos seus membros e coa finalidade da obter uns ingresos complementarios derivados da venda dos xamóns e dalgúns ranchiños. En cada casa, por tanto, sempre existía unha cocha de cría, que adoitaba ter dúas camadas ao ano.  Deles, reservábanse os animais necesarios para a súa ceba e os demais vendíanse na feira de Baralla, especializada na comarca neste tipo de gando.

Alimento básico

A carne de porco constituía un alimentos básico xunto co pan e, desde a súa introdución, as patacas. O touciño non podía faltar nas comidas xa for cocido, como compango e acompañado de cachelos, ou cru, cando se realizaban traballos no campo e non se dispuña de comida cociñada. En 1864, Laureano María Muñoz, relator e representante do Concello de A Coruña no Congreso Agrícola Galego promovido pola Sociedade Económica de Santiago, afirma que “tener pan é porco todo o ano (sic) en esa clase (refírese aos labregos) es la suspirada felicidad a que uno entre cada ciento apenas puede arribar.” Cen anos despois, pouco cambiara a situación. Do porco nada se desperdiciaba: o sangue extraído na matanza embotellábase para ser aproveitado como ingrediente das filloas; das graxas intraabdominais facíase o unto, que se empregaba como condimento no caldo; coas graxas abdominais subcutáneas e a pel preparábanse os roxóns e extraíase a manteiga, que, conservada durante o ano, se empregaba para diversas frituras; o fol do estómago aproveitábase para os botelos; os intestinos grosos, para as androllas; os delgados, para embutir a zorza en chourizos; o fígado adoitábase comer encebolado e, ás veces, tamén se adobaba para ser consumido en días posteriores; cos liviáns picados e outras vísceras sazonadas como a zorza dos chourizos facíanse os chanfainos, tamén chamados chofres; touciño, cachola e espiñazo salgábanse para seren comidos durante o resto do ano. Os lacóns e os xamóns, as partes máis nobres, tamén salgados, pasaban un período de curación na despensa e logo algunhas pezas reservábanse para seren comidas nas solemnidades familiares ou para pagar algún favor e as outras eran destinadas á venda. E as mellores febras, xunto con algunha outra peza de menor calidade e de contido graxo, reservábanse para os chourizos. A de porco era na práctica a única carne que se comeu durante moitos anos. Tal era así, que o vocábulo “carne” era un caso de sinécdoque, pois designaba especificamente a procedente do gando porcino e non a xenérica comestíbel dos restantes mamíferos e aves. Por isto, cando os preceptos da relixión se referían á carne, sempre entendiamos que se trataba da de porco. Así, en todos os venres do ano a inxestión de carne estaba vedada pola Igrexa. Sen embargo, por bula papal, dispensada polo Comisario General Apostólico de la Bula de Cruzada aos españois, as persoas desta nacionalidade que pagaban por este privilexio só estaban obrigados a facer abstinencia durante os venres de corentena. Isto é, no período que vai desde o Mércores de cinsa até o día de Pascua, non se podía comer carne nin comida cociñada con ela. A abstinencia era de obrigado cumprimento e quen, inconscientemente, quebrantaba este precepto sentíase na necesidade de acudir solícito á confesión se non quería permanecer en pecado mortal e ser, por isto, merecedor da pena do inferno eterno.

Bula correspondente ao ano 1953

O porco landrán

Na década dos cincuenta, en Penarrubia a raza predominante dos porcos era a chamada landrán ou celta. Tratábase dun animal  de cabeza forte e longa, pernas e rabo tamén longos, corpo estreito de pel grosa e sedas abundantes, lombo arqueado, orellas anchas caídas cara adiante e fociño deprimido.  A súa cor podía ser branca, negra, morena ou con manchas negras e brancas, mais non de pel rosada. As carnes  destes  animais contiñan pouco lardo e moita febra. Para satisfacer as necesidades daqueles momentos de penuria, esta raza de porcos resultaba pouco produtiva: pola deficiente alimentación que se lles ofrecía aos animais, e tamén pola súa xenética, non se conseguía o engorde necesario na ceba e os touciños, base da alimentación, eran delgados e de pouco peso. Ademais, este tipo de porcos coidados nas casas requirían para a súa ceba un período moi longo, que chegaba aos dous anos, fronte ás novas razas das explotacións industriais que so necesitaban seis meses para o engorde. Por isto, deformándose a denominación landrán, era frecuente en Penarrubia aplicarlles a estes porcos o adxectivo langrán para identificalos cos significados de lacazáns e preguiceiros.  

Porco celta e Large White

Desde a década dos corenta, coincidindo coa celebración do Congreso Agrícola de Galiza en 1944, a raza autóctona do porco celta comezaba a ser substituída pola Large White. Como afirma Diego Conde Gómez na súa tese de doutoramento Veterinaria e mellora pecuaria na Galicia contemporánea. O papel de Juan Rof Codina, desde a Estación Pecuaria de Lugo realízanse estudos no gando porcino e distribúense exemplares de boas características fenotípicas e xenotípicas a todas as provincias españolas empregando case en exclusiva a raza Large White e promovendo os cruzamentos de absorción co gando autóctono de tipo celta, o que supuxo que en 1951 soamente o 14% do total de porcos eran de raza celta, chegando nos anos 80 case a desaparición no territorio nacional. Este cometido xa fora impulsado antes pola Misión Biolóxica de Galicia, dirixida inicialmente por Cruz Gallástegui, quen enviou ao Reino Unido o seu alumno e científico de orixe vasca Miguel Odriozola coa encarga de elixir e adquirir exemplares puros desta raza que debían constituír o núcleo orixinal da piara da Misión. Mediante a utilización de reprodutores Large-White estableceuse un cruzamento absorbente coa raza autóctona, que, co incremento do consumo de carne e a procura de maiores rendementos dos produtores, supuxo na práctica o confinamento da raza do porco que durante tantos anos fora exclusiva na Galiza. Unha vez, case extinguida, é cando de novo, desde comezos do presente século, se valora o perdido e se tenta recuperar a través da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL), “entidade sen ánimo de lucro, encamiñada á recuperación e conservación da raza Porco Celta, co fin de darlle o lugar que lle corresponde como patrimonio xenético e cultural de Galicia, legándoo a xeracións futuras”. Para a nosa desgraza, o que sucedeu coa raza do porco landrán repítese habitualmente na Galiza. Abandonamos o noso, o que nos acompañou beneficiosamente durante séculos, importamos o alleo en aras da produtividade inmediata para dármonos conta posteriormente de que eses trocos supuxeron o empobrecemento. No ano 2008, o Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro, polo que se estabelece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras, inclúe o porco celta dentro das especies en perigo de extinción. Desarraigado o porco celta das cortes e dos campos, estendeuse a euforia polos resultados dos novos porcos de orixe inglesa que se ofrecían en todas as feiras. Comprábanse os ranchiños a fins da primavera e en seis meses xa adquirían o peso necesario para a matanza. As cochas de cría son agora de moi alta fertilidade e ofrecen camadas numerosas. Os porcos cebados proporcionaban unha porcentaxe de lardo moi superior aos da raza autóctona malia conter menos febra e isto permitía unha maior cantidade de touciño para o alimento dos humanos. Pasado o tempo, comézase a constatar que o grosor dos xamóns impide que o sal penetre até o óso e que unha porcentaxe alta deles sofre putrefacción no seu interior. Invéntanse trebellos metálicos para constrinxir por ambas caras cada unha das pezas para espremer o sangue do interior… e o problema continúa. Os xamóns deixan de ser o que eran: se pasan moito tempo en salmoira non se tragan de sal; se menos tempo, non chegan a curar… Transcorren os anos, o touciño, antes tan cobizado, é substituído por outros alimentos… E, despois de cincuenta anos de confinado o porco celta a redutos endémicos na Limia, o interior de Lugo e algunhas zonas da Costa da Morte, considérase a posibilidade de recuperalo porque se botan de menos o aroma e bo sabor das súas carnes e, nomeadamente, aqueles xamóns. E o porco landrán reaparece en 1999 en Triacastela por iniciativa da Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel), baixo a dirección técnica do veterinario Iván Rodríguez Paz, quen recoñece en 2021 que, con todo, a raza aínda está en perigo de extinción e sempre hai marxe de mellora. Estamos nun censo aproximado de 4.500 animais. (Diario Nós 30/03/2021).

Crianza e ceba

Do coidado dos porcos encargábanse as mulleres. Desde o primeiro momento da vida destes animais, controlaban os partos para que as novas crías fosen atendidas debidamente pola nai procurando que os leitóns se posesionasen activamente das mamas. Ao chegaren os porquiños aproximadamente a un mes de vida, eran capados con tripla finalidade: para evitar o mal sabor da carne, para facilitar o engorde e para proporcionarlles máis tranquilidade. Esta actividade non era realizada por mulleres senón sempre por un home do lugar experto nesta función. En Penarrubia, recordo que quen se encargaba de facelo era José de Moreno, quen, coa súa navalla meirá ben afiada, seccionaba o escroto dos animaliños, aos que, como único coidado terapéutico, se lles aplicaba na ferida unha unción de aceite de oliva. En cambio, os porcos adultos e as porcas eran intervidos polo capador profesional ambulante que, en determinadas épocas do ano, acudía polos lugares anunciando a súa presenza co son característico do seu chifre de madeira tallada en forma de cabeza de cabalo. 

Do acondicionamento das cortes tamén se encargaban as mulleres estrando e renovando o esquilmo e a palla para manteren secos e limpos os animais. Este traballo requiría periodicidade a causa do comportamento exploratorio que os impulsa instintivamente a fozar no estrume na procura de sensacións táctiles e olfactivas. Para contrarrestar este instinto, aos pobres porcos colocábanselles aneis metálicos que se lles incrustaban no fociños coa axuda de tenaces.    

As mulleres recollían as verzas, a remolacha, os nabos e demais alimentos que se lles preparaban para a ceba. Tamén transportaban os pesados feixes desde as terras até os domicilios, unhas veces na cabeza e outras empurrando carretillas. Despois, eran elas quen cocían no caldeiro todos eses ingredientes aos que se lles engadían as patacas, o farelo e mais a auga, que foi necesario carretar mentres non se instalou a traída nos fogares. E logo, unha vez cocida, distribuían a caldeirada en baldes nas maseiras ao longo da xornada. Elas tamén eran as encargadas de levaren as porcas de cría ao rancho axudadas por un neno. Para isto, atábanlles un cordel nunha das patas traseiras e, coa axuda dunha variña, conducíase o animal ao lugar da parroquia onde se encontrase a corte do castizo. Como compensación polos servizos sexuais do verrón, a dona da porca deixaba na casa visitada unha saqueta de centeo. E mentres macho e femia se mantiñan apareados, o coro de asistentes contemplaba a escena con comentarios alleos á longa fruición da parella porcina. Preñada a cocha, aos catro meses escasos nacían os ranchiños dos que, de seren moitos, algúns reservábanse para a ceba e os demais eran vendidos na feira de Baralla, especializada neste tipo de gando. Na década dos corenta e cincuenta, cando non chagaran aínda os tractores, o transporte realizábase compartindo vehículo os humanos cos animais. A primeira vez que recordo ir a Baralla foi con motivo dunha feira. Sería polos anos 1956 ou 1957, cando viaxei na caixa dun camión que transportaba feirantes e porcos. Eu, neno de catro ou cinco anos, ía agarrado no lateral dianteiro da caixa xunto a outras persoas. Estabamos todos apertados uns cos outros para poder coller coa man a prancha de metal que nos axudaba a manter o equilibrio cando as rodas do vehículo se enterraban nas fochancas da estrada e cando o camión tiña que virar en tantas curvas pronunciadas como existen pola ribeira adiante. Nunha destas, a porca cebada que compartía viaxe connosco escorou cara a min e dispuxo un pezuño traseiro enriba do meu pé dereito, protexido soamente por unha sandalia de goma, de forma que a unlla do ungulado animal me provocou tal intensidade de dor que aínda hoxe, pasados tantos anos, perdura cada vez que evoco a escena. Os meus choros resoaron pola gorxa do Neira ampliados polo eco dos berros infantís que se propagaban cara aos montes de Souto e de Matela. Desde aquela, xurei non compartir endexamais viaxe con animais que gasten unllas tan duras e aguzadas como as daquela porca camiño da feira de Baralla.

A matanza

Un dos períodos máis alegres do ano para os humanos, e máis tristes para os cochos, era o da matanza. Na parroquia existía unha programación tácita para executar esta faena de xeito que os poucos matachíns existentes puidesen acudir ao maior número de matanzas actuando por quendas nas distintas casas. Así, con este peculiar acordo, as datas dun ano para cada casa víñanse mantendo para o seguinte. Agora ben, nos tempos modernos existe a tendencia a que, coincidindo coa data da Constitución española, se realizan varias matanzas simultaneamente en cada lugar aproveitando a ponte laboral para que os parentes afastados do rural poidan axudar neste labor. Cando só existían porcos da raza landrán, as matanzas realizábanse en mes morto e xaneiro. Necesitaban estes porcos un período longo de ceba para chegaren gordos ao sacrificio. Desde setembro, en que se recollían as patacas, das que estes animais tamén participaban, até o día anterior á matanza comían a man tenta as racións nas maseiras repletas. Unha vez que se introduciron as razas máis produtivas e de engorde rápido, as datas da matanza adiantáronse a novembro e comezos de decembro. Os matachíns ían aprendendo o oficio coa práctica e o atrevemento. En cada parroquia existían dúas ou tres persoas que se encargaban de realizar este cruento traballo. Na miña infancia e xuventude recordo a Guillermo do Costureiro e a Vicente da Cota encargárense de actuar como tales. Posteriormente, tamén recordo que a aqueles matachíns os sucederon José do Carrocheiro, Manolo da Casela e Pepe de Mallo. Chegado o período das matanzas, dispuñan os coitelos no seu punto de afiado e, de mañá moi cedo, emprendían a peregrinación polas casas da parroquia. Eles, ademais de acoitelar con atino os animais e de abrilos posteriormente en canal, tamén dirixían o resto dos traballos. Como sucedía no caso doutras actividades agrícolas, a colaboración dos matachíns nas matanzas en casas alleas non era retribuída economicamente e, a cambio desta prestación colaborativa, recibían axuda noutras faenas como a sega ou a colleita das patacas. 

Os días dedicados á matanza, ao despece dos animais, á salgadura da carne e á elaboración dos chourizos eran de ledicia e optimismo de maneira especial se os porcos ofrecían bos rendementos para fornecer de alimento a familia para todo o ano. E estas datas de inverno tiñan a súa correlación coas do mes de agosto en que se mallaba o centeo. Ateigar a paneira de gran no verán e encher a despensa de carne no inverno supuñan a tranquilidade de poder contar con comida. E non sempre se podían celebrar estes dous resultados. Un mal período meteorolóxico ou a peste porcina podían provocar que o cereal sementado se estragase e que non quedasen porcos que cebar.

Mais centrémonos no día grande, no día da matanza. Os nenos tiñan a encarga de acender e alentar o lume no caldeiro para teren a punto a auga quente necesaria para o pelado dos animais. Era preciso, pois, madrugar máis do habitual e erguerse con dilixencia do leito para acender o lume e atizalo con boa leña para que a auga fervese pronto. Leña de uz ben seca ardía intensamente sen producir fume e o lume aquecía o ambiente frío de inverno. Mentres tanto, na cociña, os da casa e os homes vidos de fóra tomaban a parva antes de pórse ao traballo: copa de caña, queixo, pan, viño tinto do Bierzo e café negro. No lugar do sacrificio, a carón do caldeiro coa auga quente, estaba disposto o banco da matanza, unha táboa de carballo ancha e resistente apoiada en catro patas a medio metro de altura do chan. Alí acoden os homes, catro ou cinco, e unha muller que mantén un balde na man e na outra, un pao. O primeiro porco é tendido sobre a mesa e inmobilizado polas mans dos agarrantes que o oprimen sobre a rixidez do banco. Uns préndeno polas orellas, outros, polas patas e un neno, no seu proceso iniciático, polo rabo. O animal resístese con ímpeto mentres incrementa os gruñidos. O matachín enfía en diagonal o longo coitelo pola papada cara as veas e arterias próximas ao corazón. Comeza a manar o sangue, que a muller recolle nun caldeiro remexéndoo con insistencia co pao para evitar a coagulación. Os gruñidos increméntanse agonicamente decrecendo en folgos, que logo se transforman en tristes e impotentes exhalacións. E neste momento, o porco, criado con tanto mimo e cebado a man tenta, entrega a súa vida rodeado dos seres que o coidaran. Despois vén o aseo do cadáver: as mesmas mans afanosas que antes participaran no sacrificio elévano á beira do caldeiro e van introducindo na auga fervendo primeiro a cabeza, logo as patas dianteiras, o lombo… e o resto do animal mentres con intensidade e presteza pasan as rasquetas sobre a pel para depilar toda a súa epiderme. O cuadrúpede, minutos antes serdoso e con manchas acumuladas na súa vida entre o esquilmo da corte, comeza a metamorfosearse en impolutas pezas: xamóns, lacóns, entrecostos, raxo, chourizos, touciño… Ninguén dos alí presentes observa a escena con compaixón: que o porco criado para o consumo morra non é dramático, non xera sentimentos de tristeza porque é lei de vida para satisfacer a supervivencia dos humanos; ao contrario, é motivo de ledicia se o animal chegou, gordo e con saúde, ao fin previsto.

Sacrificados e depilados os animais, vén despois a suspensión en vertical de todos eles e a súa abertura en canal. Para isto, colócanselles os chambericos, isto é, paos de carballo fortes e curtos, lixeiramente curvos, que atravesan as patas traseiras por debaixo dos tendóns de aquiles, para pendurar os animais mortos a así abrilos en vertical pola súa cara ventral desde o cóccix até os fociños. Así dispostos, o matachín abre en canal con precisión de cirurxián para evitar a sección das vísceras e vai extraendo os intestinos, que deposita con coidado en recipientes para o posterior proceso de limpeza dos residuos fecais do interior e do extirpado das graxas exteriores. Neste momento, comezaba o duro e desagradábel traballo das mulleres que participan na matanza dirixidas pola dona da casa. Cos intestinos aínda quentes extraídos de cada animal, en pesados baldes que transportan na cabeza, diríxense á Fonte, onde, axeonlladas á beira da auga fría, pasan horas na limpeza das vísceras. Ao olor fétido que se desprende das pezas que limpan, súmanse a intensa friaxe da auga e a incomodidade da postura corporal en que se dispoñen na faena. Mentres tanto, os homes que participaran anteriormente na matanza pasan o tempo agora á calor da cociña apurando os netos de viño, bebendo café ben quente con gotas de caña e aspirando o fume do tabaco de cuarterón. Presidindo este concilio masculino, a consorte do patrucio da casa rela unha tras doutra onzas de chocolate Carmiña mentres atende o leite que aquece nunha pota ao lume. Está preparando o chocolate para que, cando regresen as mulleres da Fonte, poidan escorrentar a friaxe dos seus corpos. Nada máis sentírense polo camiño as voces femininas e o son das súas zocas ferradas acercárense, os homes abandonan a casa e as mulleres, despois de descargaren os baldes coas tripas limpas, pasan a ocupar o escano co asento aínda quente dos anteriores ocupantes. Sentadas arredor da calor que expande o fogón da cociña bilbaína alimentada con boa leña de carballo, as mulleres beben a pequenas papadas o chocolate mentres agarran con ambas mans as cuncas quentes e, ao pouco, as súas meixelas van enrubescendo. Mentres tanto, os porcos suspendidos e abertos en canal, limpos e desprovistos das vísceras, estiran as formas en vertical esperando que as baixas temperaturas da noite arrefríen as súas carnes. 

Porcos en canal

Após a matanza, ao día seguinte vén a salga. Unha longa xornada, de certo, de intensa actividade. Despois de pasar vinte e catro horas arrefecendo a carne en situación vertical suspendida do teito, cadanseu canal, co lombo cara arriba, é colocado estendido no mesmo banco que o día anterior servira para a matanza. Pártese a cachola en dúas metades, séguese coa barbada, os lacóns, cinta do lombo, costelas, entreteto, touciños, xamóns… e remátase coa extracción das unllas, operación na que en Penarrubia era experto Pepe de Miguelín: levaba case á incandescencia os pezuños e, apertando cun tirón seco, arrincaba con habilidade cada un dos apéndices. 

Mentres tanto, na cociña íase picando o touciño do ventre en pequenos tacos que pasaban a unha pota que contiña no fondo un pouco de auga con sal. Aquí cocían mañá e tarde até que, coa calor, se desprendía a graxa líquida, que se recollía en olas de barro para o seu uso como manteiga durante o ano para fritir e condimentar outros alimentos e, tamén, para elaborar xabón. Esta é outra das escenas da infancia que gardo na memoria asociada a sensacións olfactivas. As mulleres, de pé diante da cociña, non paraban de remexer o contido da pota cunha espátula grande de pao mentres polo ambiente se desprendía inicialmente un intenso olor a graxa que inundaba toda a casa, que, pouco a pouco, se transformaba en agradábel aroma cando os roxóns torrados e secos adquirían cor dourada. Finalmente, chegaba o momento de darlles forma en moldes circulares que, por medio dunha prensa metálica, permitían extraer a última graxa que aínda lles podía quedar.

Conforme se ía despezando cada un dos porcos, cacholas, espiñazos, touciños, lacóns e xamóns dispoñíanse en capas de sal no salgadoiro durante vinte e un días como mínimo. Esta operación requiría moito coidado procurando que o sal penetrase en cada unha das pezas e, nomeadamente, nos lacóns e nos xamóns.

Neste día, tamén se preparaba o unto. A graxa que envolve os riles e os intestinos dos porcos dispúñase en láminas superpostas con sal no medio para que se conservase durante todo o ano como ingrediente do caldo e dalgúns outros alimentos. Unha vez conformadas as balugas de cor leitosa sobre cadansúa fonte de louza, non sei por que, pasábaselles por enriba o gancho incandescente de atizar o fogón da cociña para gravar na súa superficie branca unha cruz grisalla en baixorrelevo marcada pola queimadura do ferro. 

Mentres tanto, dúas persoas, habitualmente un mozo e unha muller, encargábanse de picar as febras que se destinan á zorza dos chourizos. O rapaz dando voltas á manivela da máquina e a muller metendo na moxega as pequenas pezas de carne, que saían trituradas polo extremo onde eran recollidas nun recipiente. Rematado o picado, a carne adobábase con sal, pemento doce, pemento picante e allo baixo a dirección da ama da casa e os gustos do resto da familia. Así adobada, permanecía durante corenta e oito horas en repouso para que se impregnase de sabor e olor antes de ser embutida.

Ao día seguinte, facíase unha pausa nas actividades relacionadas coa matanza. Ao cuarto día, toca facer os chourizos. Mais, para sermos exactos, alén dos chourizos tamén se embutían os botelos. Nesta operación interviñan exclusivamente varias mulleres. Alguén movía de novo a manivela da máquina que antes se empregara para picar a carne, agora desprovista das coitelas trituradoras e cun embude no extremo do tubo no que ían dispondo as tripas. As demais mulleres dedicábanse a atar os chourizos en restras que se distribuían en paus colgados do teito para o proceso de curación por medio de lume e fume de madeira de uz e de carballo. Os botelos (butelos na zona), en cambio, embutíanse a man. O seu aderezo é semellante ao da zorza dos chourizos, quizais algo máis cargado de pemento picante, ao que se lle engade costela cortada en pequenas dimensións, outros recortes do despezamento e ósos molares tamén chamados moumiños, isto é, o tecido animal, situado na zona das costelas e do óso do peito, que resulta máis duro que a carne e máis branda que o óso. Como continente, emprégase o estómago (botelo) do porco unha vez ben lavado. Cando os mesmos ingredientes do botelo se embuchan na tripa gorda, este embutido recibe o nome de coligón. E nalgúns casos tamén se usaban as vexigas urinarias, unha vez lavadas, para enchelas cos mesmos ingredientes. E todos estes embutidos, unha vez curados ao lume e afumados, eran consumidos con motivo de visitas de familiares e amizades empezando polos botelos e os coligóns.

Pasadas tres semanas, sacábase a carne do sal e colgábase na despensa para que continuase o proceso de curación favorecido polo tempo frío de inverno e, algúns días tamén, polo vento seco do norte.

Ramiro de Mingos

Neste momento era cando aparecía polo lugar Ramiro de Mingos, o xamoneiro. A presenza deste home, no meu recordo, está asociada á expropiación dos bens. Nos primeiros tempos chegaba a Penarrubia a cabalo dunha egua. Co paso do tempo, xa se desprazaba nun vehículo. Protexido cun amplo gardapó gris que o cubría até un palmo dos xeonllos, os seus atributos eran unha romana pequena, un espeto de uz e unha navalla enorme de folla aceirada moi ben afiada. Co pequeno garabullo aguzado, que introducía na carne do xamón, realizaba a cata para verificar se a peza se encontraba en boas condicións de conservación. Neste instante crucial da aproximación do espeto ao nariz, era cando Ramiro de Mingos ditaba o seu veredicto inapelábel: se sentenciaba que o xamón non era válido, propuña a alternativa de compralo deprezado ou de non compralo. Se se aceptaba a transacción, sucedía o segundo capítulo: Ramiro de Mingos extraía do peto do mandil a navalla de aceiro refulxente e, sen consultar cos vendedores, redondeaba a peza desprendendo dela longos e profundos retallos de lardo nos que tamén ían algunhas vetas magras. O pobre xamón, convalecente desta operación cirúrxica da extirpación adiposa, desprovisto da súa forma oronda, quedaba reducido a unha estrutura ósea recuberta por pouca masa de febra rosácea. Remataba o acto co pesado da peza nunha operación vertixinosa. O de Mingos, coa man esquerda, suspendía o xamón prendido por un gancho da súa exclusiva romana e, coa man dereita, movía apresuradamente a pesa polas marcas do brazo na procura do equilibrio sinalado pola agulla de balances. O prezo estaba fixado de antemán polo xamoneiro que actuaba en monopolio neste mercado. Cando pagaba decontado, desabotoaba o gardapó e, dun peto interior da súa chaqueta, extraía unha grande carteira de pel na que se amontoaban os billetes. Non sempre sucedía isto, pois en ocasións dicíalle ao vendedor que pasase pola súa tenda da vila uns días despois para entregarlle os cartos.

Mais, non se vendían todos os xamóns. Algunha peza destinábase a pagar favores contraídos ao longo do ano: ao médico que pasara consulta sen cobrar, ao avogado que perdoara a minuta pola declaración do imposto de sucesións do parente morto, ao cargo público que prometera realizar unha xestión favorábel… Tamén ficaba na despensa unha peza de reserva para as posíbeis continxencias que podían presentarse no futuro, entre elas, de existir unha morte na familia, servir de comida para os curas que acudisen ao enterramento. Cando non sobreviñan continxencias, este xamón, de curación superior aos doce meses, transformábase nunha selecta peza de valor que, evidentemente, remataba na casa da persoa á que “máis favores se lle debían”. 

Ovina

Cando expuxemos a situación da gandería na freguesía de Penarrubia a mediados do século XVIII a través dos datos que nos ofrece o Catastro de Ensenada, constatamos que o número de animais destas especies por veciño era moi reducido: en cada casa existían ovellas, mais en ningunha deles pasaba da ducia, sendo o seu medio catro. Co gando caprino sucedía o mesmo. Este panorama debeu de cambiar radicalmente na segunda metade do século XIX e cremos que o incremento deste tipo de gando foi debido ao acceso á plena propiedade do monte por parte da veciñanza. Nas primeiras década do XX a cabana ovina e caprina en Penarrubia era elevada. Había algunha casa que pasaba dos vinte animais, mais a media achegábase á ducia. O número de ovellas era moi superior ao de cabras.

Ovellas nas primeiras décadas do século XX.

Pastoreo e pastores

Do coidado desta facenda adoitaban encargarse as mulleres e os adolescentes. Era un traballo duro pois requiría pasar moitas horas na soidade do monte soportando os rigores de inverno. Ás veces, as tarefas de pastoreo tamén as realizaban os nenos e, neste caso, os pequenos pastores procuraban coincidir cos seus rabaños nas mesmas zonas do monte para, compartindo xogos, distraérense até o momento do regreso ao fogar. Mais, o feito de que unha persoa de cada casa tivese que ocuparse durante tantas horas do coidado de ovellas e cabras restaba man de obra necesaria para ás actividades agrícolas. Por isto, en determinadas períodos de tempo botouse man dunha persoa que, dedicada en exclusiva durante todos os días do ano ao pastoreo da totalidade da facenda do lugar, permitise que os membros de cada familia orientasen a súa dedicación a outros traballos. Estes pastores non percibían ningunha retribución económica, traballaban a cambio da comida e da durmida, que realizaban en cada casa en función do número de animais que se achegasen ao rabaño colectivo. Se as condicións de vida dos veciños eran difíciles, as dos pobres pastores eran penosas. Os maiores do lugar recordan a existencia de tres pastores nestas condicións. Gumersindo, coñecido como Gomerso no lugar, era un mestre republicano que, na Guerra civil, foi depurado pola Ditadura e, como medio para gañarse a vida, pastoreaba comunalmente os rabaños de Penarrubia e, de noite, unha vez que regresaba do monte, clandestinamente impartía clase ao nenos. Gumersindo segue no meu recordo para sempre e tamén, supoño, seguiría no recordo agradecido daqueles nenos que recibiron as súas leccións de xustiza e de fraternidade, que practicou na súa vida. Imaxino a Gumersindo rodeado do rabaño de ovellas e cabras polas serras do Mazuco, da Serra do Medio, da Ramalleira, e, máis arriba, en Navallos remoendo en soidade a represión dos vencedores e velándose tamén dos desalmados delatores. Despois de realizar esta actividade de pastoreo en Penarrubia, ninguén soubo dicir que foi posteriormente de Gumersindo, o noso mestre-pastor.

Gumersindo, tremor de agonía,
toxos de nostalxia punxente 
feren con carraxe a túa alma
comesta polo odioso rancor.

Pastor de ovellas, contemplas,
desde o monte de Navallos,
graves silencios de sombras
que aniñan na auga do Neira
sobre o negror do Peago. 

Co espírito encollido, 
engurrado polo medo, 
aterecido de frío,
polos montes de Furco,
avistas flamantes correaxes
e funesto charón lustroso
do tirano arrogante 
que lostrega destrución.

Agochado no teu tobo,
atordada peza de caza, 
perséguete o negro torbón
con rabioso iracundo látego.

Gumersindo, o noso Gomerso,
rabenada a túa existencia,
lene retallo na memoria,
a nosa fulxente estrela
na escura noite de tebras.

Durante un breve período de tempo tamén foi pastor da facenda de Penarrubia Jesús, da casa da Pinguela da Pena, coñecido co alcume de Pinares. 

José Mera O Figurista

Quen máis tempo pastoreou o gando ovino e caprino de Penarrubia foi José Mera, coñecido como O Figurista. Natural de Xestoso, parroquia da Fontaneira, concello de Baleira, era xordo e sufría alucinacións con visións ou figuras irreais, xeralmente adversas para a súa persoa, coas que mantiña fortes e prolongadas disputas tanto de día como de noite. Por esta razón recibía o alcume de Figurista. Ademais, era xordo. Posiblemente, a xordeira fose orixinada por unha forte contusión na cabeza, pois, cando sacaba a boina podíanselle ver dúas fondas depresións na zona parietal esquerda do cranio. O feito de que falase articulando con normalidade indica que a perda do ouvido fora debida a un accidente deste tipo e que non se tratase de xordeira de nacemento. En Penarrubia estaba estendida a versión de que o Figurista sufrira esta lesión porque lle fixera as beiras a Manuela, unha muller casada cun veciño de Vilachá chamado Jesús de Campín, quen, cando foi coñecedor dos feitos, reaccionou con violencia sobre o intruso conxugal. 

Segundo nos recorda Pepe de Ribeiro, foi seu avó Valerio, que era tratante de facenda, quen coñecía O Figurista e o trouxo para Penarrubia. El pastoreaba a totalidade dos rabaños do lugar a cambio da comida e a durmida, que se alternaba por quendas en función do número de animais que tiña cada casa. En realidade, das comidas só realizaba a cea en cada domicilio, pois o xantar éralle proporcionado para que o levase ao monte e adoitaba consistir a diario nunha rebanda de pan centeo e un anaco de touciño cru. Por esta razón, cando ao empardecer regresaba coa facenda, deleitábase placidamente no prato de caldo quente, que engulía con cobiza concentrado nas súas figuras sen poder comunicarse coas demais persoas da familia. Pucha en inverno ben encasquetada, pasamontañas con viseira nos días de xeada e de moita friaxe,  sombreiro de palla desfiañada en verán, pantalóns e chaqueta de pana luída polo uso, caxata branca de carballo e zocas ben ferradas con polacos, o troupeleo do seu calzado, cando se desprazaba polo Camín empedrado, aínda o sinto hoxe nos meus ouvidos. José Mera, o noso Figurista, acabou a súa vida a fins da década dos sesenta acollido polas monxas do Asilo de Lugo. 

A mediados do século XX, non todos os veciños contaban co mesmo número de animais, uns tiñan trinta, outros vinte, algúns dez, o Ferreiro chegou a ter nalgúns tempos cincuenta. En total, o rabaño comunal podía sumar trescentos animais entre cabras e ovellas, que pacían todos os días no monte. O Figurista sempre ía acompañado de León, un can grande de cores negra e branca que pertencía á casa de Ribeiro.

O Figurista e outros pastores

O queixo e a la

Das ovellas e das cabras, vendíanse as crías, aproveitábase a la, facíase queixo do seu leite e comíase, de cando en vez, algunha res. Os años comprábanos os ovelleiros que viñan polas casas e, en moi contadas ocasións, eran conducidos ás feiras da contorna. Algún deles adoitábase reservar para a comida da festa parroquial ou con motivo doutras celebracións. Para a comida da malla, tamén se adoitaba matar unha ovella que, pola súa idade, necesitaba ser cociñada desde o día anterior para que a carne resultase suficientemente branda. 

Nalgunhas casas muxíanse as ovellas e as cabras para facer queixo, mais isto no era o habitual, pois considerábase máis necesario o leite deste gando para alimentar as crías. Moita máis importancia tiña a la que proporcionaban. Rapar, lavar, cardar e fiar eran actividades necesarias para procurar determinadas prendas de vestir naqueles tempos. As ovellas rapábanse xa ben entrada a primavera, unha vez pasados os rigores do inverno. Para iso había que ter as tesoiras ben afiadas e adoitábase aproveitar a presenza dos afiadores ambulantes que, coincidindo con esta actividade, acudían polo lugar ofrecendo os seus servizos. Un dos traballos máis laboriosos da la consistía no seu lavado, pois era necesario dispor de auga quente e de moita paciencia para extraer dela os elementos orgánicos adheridos. Despois, aclarábase en auga fría e deixábase un tempo ao sol para o seu secado. Unha vez limpa a la, seguían os traballos do escarmeado e do cardado, que se realizaban a man coas cardas ou cardadeiras, dúas pas de madeira con pugas metálicas entre as que se colocaba a la para estirala en vetas e, á vez, para quitarlle as posíbeis impurezas que quedaban. A la así cardada, agrupábase en manelas, que xa podían ser colocadas na roca para seren fiadas pola acción do fuso. A roca apoiábase na cintura da fiandeira, xeralmente no lado esquerdo, quen, coa man dereita, accionaba o fuso, que, con movementos circulares, ía torcendo e retorcendo a la. Da mazaroca, a la pasaba para o novelo, preparada xa para ser tecida.

Fiando. Arquivo Fritz Krüger

A la de ovella tiña un uso moi importante porque con ela elaborábase parte do vestiario que usaban na vida diaria os labregos. Tecíanse xerseis e calcetíns para todos e para as mulleres, medias e mandís. A la tamén se empregaba para o mulido dos colchóns, que, ao quedar amazocada polo uso, era preciso airear e varear para esponxala. O resto da la que non se necesitaba para uso doméstico vendíase aos comerciantes maragatos que chalaneaban polas casas.

Os maragatos

Os maragatos, nos primeiros tempos, viñan en recuas de mulas unidas por reatas nas que cargaban as súas mercadorías. A la pagábana a prezos moi baixos e os poucos ingresos que reportaba usábanse para comprarlles algunha das mantas e cobertores de la tinxida con tiras de cor encarnada, laranxa, amarela, verde e azul que eles mesmos vendían. Isto é, as famosas mantas e cobertores maragatos de “pura la de ovella merina” tamén se elaboraban coa la das nosas ovellas. A finais da década dos cincuenta, os maragatos que viñan anualmente a Penarrubia tiñan moito máis interese en vender as mantas e cobertores que en comprar a pouca la que se ofrecía en cada casa. Agora xa non se servían de mulas para o transporte das mercadorías senón de pequenos furgóns ateigados de prendas téxtiles de fabricación industrial. Detiñan o vehículo en varios puntos de Penarrubia e alí acudían as mulleres para negociar a compra dalgunha manta que os maragatos lles ofrecían. As negociacións alongábanse no tempo por mor da fixación do prezo a través de interminábeis regateos por ambas partes. O vendedor obstinábase na cantidade marcada de partida e insistentemente mantíñase nesa cifra por el fixada louvando as calidades do produto. A compradora, do mesmo xeito, ofrecíalle a metade do que o maragato pedía. Chegábase ao acordo final cando o astuto vendedor engadía unha segunda peza de peor caste mantendo o prezo inicial. Estabamos xa nos tempos do dous por un que instaurarían posteriormente as grandes superficies comerciais.

A mediados da década dos sesenta, en Penarrubia xa case non quedaba gando ovino. A elaboración artesá da vestimenta partindo da la das ovellas foi substituída pola adquisición de prendas industriais e as actividades gandeiras concentráronse no gando vacún.

Relacionados...

A xente

Situación demográfica Na actualidade, residen habitualmente en Penarrubia menos de quince persoas. Se nos remontamos ao século XIX, o número de habitantes

As casas

Segundo a aprobación inicial do PXOM de Baralla, no lugar de Penarrubia existen 53 construcións, das cales vinte son vivendas. Destas vinte,

Vías de comunicación

Estradas Penarrubia dista 790 metros da estrada LU-710 (Baralla-O Cádavo). Esta é a súa vía de comunicación fundamental. Permite ir a Baralla

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario