No Catastro de Ensenada, facíase a seguinte clasificación das terras de Penarrubia, que, con algunhas variantes, se mantivo durante douscentos anos:
- Cortiñas
- Terras sementeiras
- Hortas
- Prados de rega
- Prados de seco
- Soutos
- Montes particulares
- Montes comunais
En primeiro lugar, cita as cortiñas que, como ben sabemos, son terreos de pequena superficie próximos ás casas, xeralmente valados e, dedicados nomeadamente ao cultivo de nabos, hortalizas, árbores froiteiras e, posteriormente, desde a súa introdución, tamén de patacas. As casas da parroquia teñen cadansúa cortiña. As hortas ou hortos son pequenos espazos a carón das casas dedicados ao cultivo de legumes, verzas e outras hortalizas.
As tierras de sembradura ás que se alude son as leiras que se usaban fundamentalmente para o cultivo de cereais e de nabos. Todos os predios do Agro, Portela, os Valados, As Cruces, Ilarín, As Panás, Os Cómaros, Folgueiras… teñen esta consideración. Os cereais que se citan neste documento son centeo, trigo e cebada. A este último dedicaríanse as terras de peor calidade e aos dous primeiros, as de maior rendemento.
Os prados de rega son os que reciben auga durante todo o ano por mor dos regos e presas que lles dan este servizo de forma ininterrompida segundo as quendas de uso estabelecidas. Constituían esta nómina de prados, entre outros, o Prado da Porta de Cota, o da Cortiña de Lopo e o da Fonte do Costureiro, que recibían auga do rego de Painzal; As Barcias, O Prado Grande, O Codesal, As Cadeitas, As Parzarías recibían augas da Fonte de Penarrubia. Os prados do Gruñedo, A Trigueira, As Cancelas e As Madorneiras tamén aproveitaban algunhas escorreduras destes últimos prados. Os prados de Seis Fontes, A Sartega, O Prado do Muíño, Lamelo de Abaixo… aproveitan as augas do Rego da Pena… E continúan os prados de rega polo que resta da parroquia de Penarrubia até a de San Martiño.
Prados de secano son aqueloutros que regaban tan só durante o tempo en que nacen fontes durante o inverno e se manteñen, segundo as condicións meteorolóxicas, nalgunha etapa da primavera. Entre estes prados, podemos incluír os dos Pedragás, o da Chousa, O Redondelo… Aquí tamén habería que citar as campas, isto é, os terreos nos que medra a herba de maneira espontánea sen auxilio de rega. Neste apartado habería que citar evidentemente o conxunto de predios denominados Campa Cernadas sobre os que xa tratamos con motivo dos litixios entre veciños xerados polo aproveitamento das augas. Neste apartado, tamén procede citar, polo carreiro de Val, as campas do Nuño e mais a de Verdeal… E no propio lugar de Penarrubia, o Campín de Preto, unha extensión da aira desta casa con herba perenne.
De especial importancia durante séculos foron os soutos. Até finais do século XVIII, en que se introduciu o cultivo da pataca, os soutos proporcionaban parte do alimento dos humanos. As castañas acompañaron os nosos antepasados durante moitos séculos fornecéndoos de sustento. A forma habitual en que se comían consistía en cocelas e migalas nunha cunca de leite de forma semellante a como se facía co pan no almorzo e nas ceas. Coidábanse os castiñeiros, limpábaselles o chan, vareábanse cando os ourizos comezaban a abrir. Almacenábanse estes un tempo nas corripas ou ouriceiras, construcións circulares de pequena altura realizadas con paredes de pedra ou escavadas no chan en cuxo interior as castañas, ao secaren e maduraren lentamente, ían separándose do ourizo espiñento facilitando, con isto, a súa recolección. Logo viña a conservación destes froitos nos caínzos ao seco para evitar que balorecesen. Os soutos estaban situados en terreos particulares, mais tamén en montes comúns, como xa indicaba o Catastro de Ensenada. Neste mesmo documento complétase a valoración que tiñan as plantacións de castiñeiros cando se indica que las referidas castañas producen con su yntermision una cosecha al año, isto é, mentres outros cultivos como os cereais necesitan terras en barbeito que resultan de produción bienal, os castiñeiros producen alimentos anualmente sen intermisión. Pola contra, as terras dedicadas ao cereal precisan ficar en barbeito ou serviren para outro cultivo como os nabos ao ano seguinte. A mediados do XVIII, na parroquia de Penarrubia non se cultivaba o maínzo, como sucedía xa no litoral e noutras terras galegas. Cremos que as condicións climáticas e edafolóxicas non propiciaron a implantación dese cereal até hai pouco coa chegada das sementes híbridas e dos fertilizantes.
No Catastro de Ensenada tampouco se cita o cultivo do millo miúdo en Penarrubia. Non sabemos se se trata da falta de rigor na constatación deste feito ou porque talvez xa se deixase efectivamente de sementar con anterioridade ao ano 1753. Si é seguro que este cereal estivo implantado na parroquia porque existe o topónimo Painzal, que se refire ao lugar sementado de paínzo ou millo miúdo. O topónimo Cebeiral, tamén no monte, fainos sospeitar que se trata do mesmo cereal designado con este nome pola súa baixa calidade, razón polo que se destinaba fundamentalmente ao alimento dos animais.
Continúa o Catastro de Ensenada describindo que nos montes de Penarrubia, tanto nos particulares como nos comúns se cultivan o centeo e o trigo.
Como en todo o medio rural galego, os cereais e a pataca, desde que esta se introduciu no século XVIII, constituíron os alimentos fundamentais. Dos cereais para o consumo humano, destacan o centeo e, en menor medida, o trigo. Para os animais, tiña certa importancia a avea.
Centeo
O cereal por excelencia foi o centeo. Para o seu cultivo aproveitábanse as leiras do agro e as searas do monte comunal que se ían rotando en anualidades de produción e de barbeito.
Nesta fotografía aérea tomada en 1957 pola aviación norteamericana vemos, á esquerda, as searas do Barreirón nas que cada veciño sementaba o centeo en leiras paralelas. Xa en pleno Mazuco, a Seara do Trigo, que aproveitaba a casa do Costureiro, e que, malia o seu nome, producía centeo. Na dereita, esténdense as leiras cos pallares do Agro, Os Rebolos, Ilarín, A Braira e As Cruces, tamén co centeo recollido en marrotes preparado para ser carretado a cada aira, onde era disposto en medas para a súa malla. A sementeira realizábase en outono.
O tempo da sega ou seitura estendíase durante moitos días de xullo, tamén chamado mes da sega, porque era un traballo que se facía a man con fouciños suco a suco e no que participaban homes e mulleres desde a saída do sol até a atardecida. Por isto, para poder chegar ás searas do monte coa primeira luz do día había que erguerse ás catro ou cinco da mañá para aproveitar ao máximo a xornada. Homes e mulleres segaban a porfía cos fouciños, unhas veces a chapodo e outras a manda, as canas do cereal, que ficaba estendido en reas enriba do pallar. Logo, as mulleres eran as encargadas de iren facendo pequenos feixes ou mollos que os homes ataban con viortas e colocaban en marrotes. Ás dez parábase o traballo para comer o taco, as máis das veces, pan centeo e touciño como compango. O xantar facíase tamén na mesma seara e consistía en caldo e, de novo, touciño esta vez cocido, alimentos que subían en cestos na cabeza as mulleres. E como bebida, un garrafón de viño tinto que se servía nun único vaso de cristal que ía pasando de boca en boca. Mais tamén había momentos para expresar a ledicia o día en que se remataba a seitura se todos os traballos foran realizados satisfactoriamente. Daquela, o xúbilo estendíase polas searas de Penarrubia a través dos ufidos ou aturuxos que se propagaban até a Serras de Val e da Pena e desde alí eran correspondidos con tanta ou maior intensidade estabelecéndose unha eufórica porfía entre os segadores dun e doutro lado do val.
Mais, un dos momentos que se vivían con maior preocupación era o do carreto do pan desde as searas do monte até cada unha das airas. Unha vez dispostos os mollos e ben atada a carga no carro co trelo aos abruóns, nas facianas dos adultos entrevíase a anguria polo que podía suceder no descenso polos camiños do monte costa abaixo. Se o peso non era freado pola parella de vacas que ían apostas ao temón, a traxedia sería irremediábel: vacas, carro, pan e vidas humanas acarroularían precipicio abaixo. Para contrarrestar a inercia da baixada, a sabedoría popular tamén enxeñaba remedios: a ambos lados das chedas dos carros atábanse grandes ramallos de castiñeiro que arrastraban polo camiño sobre os que as mulleres e os nenos se colocaban con dominio do equilibrio para actuaren de contrapeso e de freo no descenso. Dos homes, o vinculeiro dirixía a parella de vacas con voces de dominio e a axuda da aguillada; outros, espreitantes a carón, estaban solícitos para socorrer se for preciso.
A malla
E a principios de agosto, a malla. Nesta tarefa participaban para cada casa todos os veciños e algúns máis que, por seren amigos ou familiares da parroquia, acudían á roga. Eran tempos de colaboración colectiva necesaria para estas actividades agrícolas nas que se requiría moita man de obra para executar traballos en breves períodos de tempo.
Para mallar era necesario tempo seco e quente porque, do contrario, o grao húmido balorecía na paneira e o cilindro da malladora embazaba ou empallaba paralizando o traballo. Chegado o día, a aira tiña que encontrarse limpa, varrida e recuberta cunha fina capa de buleira rebaixada con auga para poder recoller todo o gran sen que ningún penetrase na terra. E, unha vez concentrados todos os convocados á roga, ao comezo de cada xornada de malla, os anfitrións ofrecíanlles aos malladores a parva ou taco consistente en porcións de cachola, queixo de Castela, chocolate en onzas, pan e unha copa de augardente para estaren espelidos para a dura xornada que os agardaba.
Cada mallador tiña encomendada unha función específica e deste xeito, co paso dos anos, adquiría a especialización necesaria para que o resultado do traballo resultase satisfactorio.
O primeiro que se facía era asentar a malladora Ajuria ou Campeva. Logo, enchíase de auga o bidón que servía de refrixeración para o motor. Colocábase a polea na roda tractora que puña en movemento o cilindro encargado de separar a palla do gran e comezaba durante un tempo a conxunción de dous ruídos enxordecedores que se sentían en todo o val: o acompasado troupeleo metálico dos pistóns do motor e o acelerado e xordo do cilindro da malladora, que só se interrompía cando embazaba a palla no seu interior. Á vez, na aira formábase unha nube de poeira mesturada coas arganas desprendidas das espigas. No pico da meda había varias persoas, uns encargados de iren sacando os mollos dispostos en círculos e outros dirixíndoos cara o tendal onde eran desatados, espelidos e introducidos na boca da malladora por Vicente da Cota e Guillermo do Costureiro para que as canas coas espigas se encamiñasen cara ao cilindro encargado de separar o gran, que caía debaixo do tendal, da palla que saía pola dianteira da malladora. Alí estaban agardando en quendas José do Carrocheiro, Manolo da Casela, Suso de Miguelín, Manolo de Moreno e outros mozos encargados de subila ao palleiro mantendo o difícil equilibrio na ascensión da escada cargados con grandes volumes portados ao lombo e con corrizas de varas de carballo suxeitas con ambas mans. A dirección do palleiro era sempre encomendada a un home experto nesta arte, durante moitos anos Bautista do Carrocheiro, informado desde abaixo por José de Vazque cun pequeno angazo de mango largo. No seu auxilio había outras dúas persoas que ían dispoñendo a palla segundo as súas ordes. Que o palleiro collese boa forma era moi importante por dous motivos: para conseguir a xeometría perfecta e tamén para evitar no futuro problemas de estabilidade e de impermeabilización da palla, que había de manterse seca para o seu uso durante un ano.
Pero isto non era todo, o gran non saía limpo da malladora senón mesturado con arganas e po. Para esta misión estaba a limpadora, tamén de Ajuria-Vitoria, que xa non era accionada mecanicamente e necesitaba a forza humana para impulsar a manivela que puña en acción os cribos nos que se ía separando o gran das impurezas. E o cereal unha vez limpo, en sacos, era transportado ao lombo doutra persoa, xeralmente Pepe de Miguelín, para ser almacenado na paneira como reserva de alimento fundamental para todo o ano.
E, ao remate da malla en cadansúa casa, chegaba a hora da comida, da merenda ou da cea, porque necesariamente despois de cada sesión había que comer. Así que sentados os traballadores enriba da palla degraída e con múltiples brincadeiras froito da ledicia do traballo rematado e mais dos efectos do viño que se dispensaba con profusión entre os comensais, cada quen ía dando razón de diferentes menús segundo a tradición, entre os que non faltaban o caldo de repolo ou a ensalada de feixóns verdes, que para nós son os fréxeles; o bacallau con patacas; a cachola con cachelos; os macarróns rustridos con aceite ou manteiga, cebola, pemento e allo; a ensalada de repolo ou, algunha que outra vez, asado de ovella que se reservaba para esta ocasión. E certamente, se entre os presentes había xuventude casadeira ou recentemente matrimoniada, as bromas orientábanse cara ao erótico.
Para a provisión dalgúns destes alimentos e do viño que se ofrecían en cada malla, uns días antes acudíase compralos ao Taberneiro de Val. Así, na casa do Costureiro no ano 1932, para a comida da malla realizáronse as seguintes compras, que foron pagadas en pesetas aínda que se indica que as contas se realizan en reais. Temos que recordar que cada peseta, malia fraccionarse en céntimos, na tradición popular subdividíase en catro reais e cada real, en 25 céntimos. Para aquela ocasión, compráronse 5 litros de aceite por 40 reais (= 10 pesetas = 0,06 euros), 4 quilos de bacallau por 32 reais (= 8 pesetas = 0,04 euros) e unha cántara de viño por 28 reais (= 7 pesetas = 0,0421 euros). Isto é, o litro de aceite costaba 2 pesetas = 0,0120 euros; cada quilo de bacallau costaba tamén 2 pesetas. E, se temos en conta que unha cántara contén 16 litros, cada un destes litros costaba 1,75 pesetas = 0,0105 euros. Claro está, a totalidade dos produtos que se compraron ese día para a malla non tiveron que ser empregados nesa única comida. Así, os cinco litro de aceite non puideron ser usados para cociñar ese xantar. En cambio, os catro quilos de bacallau non permitirían ofrecer a cada participante na malla unha ración copiosa se o número de comensais superaba a trintena. E os 16 litros de viño non supuñan un exceso se temos en conta que esta bebida ofrecíase aos malladores non só á hora da comida senón tamén no medio do labor para acalmar a sede e infundir ánimo fronte á pesada carga do traballo. Igualmente, o feito de que na relación de produtos comprados para ese día non figuren outros elementos, non indica que estes non fosen ofrecidos aos asistentes. É impensábel que non se servise café na sobremesa e tamén, se a malla tiña lugar a primeira hora, unha copiña de augardente.
E as mulleres? As anfitrioas xa viñeran realizando os preparativos desde varios días antes na procura de que nada faltase nesa data. Madrugaban para teren a comida preparada a tempo; servían, recollían e fregaban os servizos empregados. As demais mulleres participantes na malla, servíndose das coañeiras ou ramallos de bidueiro, realizaban un traballo específico como era separar as coañas, isto é, a palla miúda mesturada con po e as espigas baleiras, do gran, que se ía xuntando coa axuda dun pequeno rodo de madeira. Josefa da Cota e Ramona do Costureiro teñen sido as encargadas desta actividade en moitas ocasións.
Outros cereais
Ademais do centeo, tamén se cultivou, aínda que en moita menor cantidade, o trigo nas súas variedades de inverno e serodio. Diversos documentos testemuñan isto. Así se constata en 1753 no Catastro de Ensenada, e nun acto de conciliación celebrado o 16 de novembro de 1892 no xulgado de Neira de Xusá afírmase que no monte comunal se cultivan centeo e trigo. O trigo do país ou serodio sementábase cara ao mes de marzo, despois dos rigores do inverno, e recollíase e mallábase en agosto.
Outro cereal que tamén se cultivou era o orxo ou cebada, reservada para alimento dos animais.
A ferraña
De entre os cereais usados como forraxeiros, cultiváronse alén do centeo, o trigo e o orxo, coñecido por nós como cebada, ás veces mesturados entre si. Cando se usaban con esta finalidade, en Penarrubia denominábanse ferraña e ferrañón, noutros lugares ferraia e alcacén. A ferraña segábase en verde, antes de espigar, e servía de alimento para os animais cando as herbas dos prados xa foran gadañadas e as vacas non saían pastar por estaren ocupadas nos traballos agrícolas. As leiras nas que se realizaba a sementeira desta forraxe adoitaban situarse cerca das casas para facilitar o seu traslado ás manxadoiras dos animais. Habitualmente eran as mulleres as que realizaban a súa sega a fouciño e as mesmas transportaban na cabeza os feixes atados con viortos de palla seca.
Resulta interesante a etimoloxía da palabra ferraña. Procede do latín farraginem (latín clasico farrago –inis, latín vulgar ferraguinem), que designaba a mestura de varias forraxes. Do farrago latino creouse en español o “doblete” patrimonial herrén, co mesmo significado que a nosa ferraña, e o cultismo fárrago, co seu derivado farragoso, como cúmulo de ideas ou expresións confusas, inconexas ou superfluas.
En cambio, o maínzo ou millo case non se cultivou até hai pouco en que se introduciu na gandería intensiva. Comezou sendo aproveitado en grao como cereal para o engorde do gando e actualmente emprégase como forraxe grazas ao seu valor nutritivo.
Cereais que deixaron de cultivarse
O paínzo. No Catastro de Ensenada xa non se cita a existencia deste cereal en Penarrubia. Do seu cultivo temos constancia a través do topónimo Painzal como lugar do monte no que se sementaba paínzo, nome do cereal Setaria italica, sinónimo de millo miúdo. O termo provén do latín paniceum. O paínzo menor ou millo miúdo é actualmente o segundo cereal máis cultivado e o máis importante de Asia. Ten unha longa historia como cultivo de gran fino na China dende hai seis milenios. Noutrora era moi común en Galiza, sobre todo no litoral, estendéndose tamén nas leiras das montañas interiores das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Recibía o nome de “millo”, que despois tomou o actual maínzo, que comezou a substituír o paínzo desde o século XVIII. O paínzo veuse cultivando e secando en hórreos e celeiros en toda Europa dende a antigüidade. Derivado de panicium, en piemontés een catalán denomínase panis, en español panizo, en galego e portugués paínzo.
En relación cos cereais tamén existe o topónimo Cibeiral, lugar onde abunda a “cibeira” (en español cibera), ou que é propicio para o seu cultivo. O termo “cibeira” deriva do latín cibaria = “víveres, alimentos”, plural de cibarium fariña groseira, gran que serve para alimentar o gando. (Coromines & J. A. Pascual, “Diccionario crítico-etimológico castellano e hispánico“). Os romanos referíanse ao oleum cibarium para designar o aceite extraído de olivas case podres, que servía para alimento dos escravos.