Segundo a aprobación inicial do PXOM de Baralla, no lugar de Penarrubia existen 53 construcións, das cales vinte son vivendas. Destas vinte, dezasete son tradicionais (tres de Ferreiro; cadansúa de Ruán, Martiz, Costureiro, Moreno, Mofín, Lopo e Preto; dúas de Cota, dúas de Vazque; unha de Miguelín, a Casa vella da Casela e a do Carrocheiro) e tres non tradicionais (Casa nova da Casela, Casa do Agro e Casa do Valado).
No PXOM inclúese erroneamente a existencia dunha casa en ruínas referíndose á reitoral porque, desde hai quince anos, desta vivenda histórica non se conservan nin os entullos.
O PXOM tampouco non está acertado ao considerar as dúas casas de Vazque como tradicionais porque unha delas foi construída hai poucos anos con materiais e liñas que nada teñen que ver coa tradición. Mais, contando as vivendas, non polo número de edificios senón como residenciais, na actualidade existen dezaseis casas. Cada unha delas identifícase co seu nome e o conxunto está estruturado en dous currais: o Curral de Abaixo (casas do Ruán, Ferreiro, Martiz, Costureiro, Moreno e Mofín) e o Curral de Arriba (Lopo, Ribeiro, Preto, Cota, Vazque, Miguelín, Casela e Carrocheiro). Fican fóra destes dous ámbitos as casas novas do Agro e do Valado, edificadas respectivamente nos anos setenta e oitenta do pasado século, por estaren afastadas do núcleo rural histórico.
O número de construcións agropecuarias, 31, case duplica o de vivendas, 16. O PXOM clasifica aquelas en 19 tradicionais e 12 novas. Ademais de cortes para gardar o gando vacún e porcino, existen outras edificacións como palleiras e pendellos, que tanto serven para gardar vehículos e apeiros de labranza como para almacenar a palla, a herba e a leña que dá calor nas cociñas.
Nomes
Os nomes que hoxe reciben as casas non sempre foron os mesmos. Así, a casa de Preto antes era coñecida como do Gasallo e a actual do Costureiro chamábase A Castellana.
Noutrora, existían dezasete casas familiares. Ademais das catorce tradicionais xa citadas, había outras tres: a Reitoral, a antiga casa do Costureiro e a casa da Abraira.
Como afirma Xaime López Arias, unha das características sociolóxicas do medio rural galego é a importancia definitoria que presenta a Casa como unidade convivencial e de distinción das familias. Teñen todas elas nomes que veñen desde séculos sendo o elemento diferenciador das familias, de maneira que, en moitos casos, os apelidos son imprecisas referencias identificadoras e o apelativo da casa permite distinguir claramente os individuos que a posúen ou que viven nela. E, como recoñece Xulia Marqués, na Galicia rural a xente noméase e é nomeada case exclusivamente polo nome da súa casa, incluso pode acontecer que os veciños non coñezan os apelidos nin o nome dun que vive no lugar, a aldea ou a parroquia do lado. A identificación que se facía antano coa casa, co nome da casa, funcionaba a xeito de carta de identidade para os que vivían nela. Tanto é así que as persoas de idade acababan por asumir o seu nome e pasaban a ser coñecidas polo da casa, sen engadir o propio. Esta realidade lingüística, que gozaba de plenitude no vivir diario da comunidade rural, vai minguando pola propia evolución na dinámica das relacións sociais e porque as novas xeracións ou non coñecen ou non usan estes nomes tradicionais… Tradicionalmente a adxudicación do nome da casa determinaba a pertenza da vivenda á comunidade e fixaba, á par, a identidade da casa e dos seus moradores… Tanto os nomes das casas coma os alcumes son exemplos de resistencia á castelanización da onomástica persoal…
En Penarrubia todas as casas manteñen o seu nome propio, que ficou xeralmente
invariábel ao longo da historia. O nome perdura sen cambios, mentres que as casas foron mudando a súa aparencia ao compás dos tempos do mesmo xeito que os seus propietarios ou inquilinos poden cambiar. Os oicónimos refírense aos apelidos das familias que as construíron ou as habitan (Martiz, Moreno, Lopo, Gasallo/Preto, Abraira, Ribeiro, Cota, Vazque e Miguelín), ás actividades que se practicaron nelas (Ferreiro e Costureiro), ao lugar en que se sitúan (Carrocheiro, Agro e Valado), á súa forma (Casela) ou a trazos fisionómicos ou de orixe dalgún dos seus moradores (Ruán, Castellana e posibelmente Mofín).
Se nos fixamos, todos eles conservan a súa forma orixinaria galega, agás o desaparecido da casa da Castellana. Este españolismo lingüístico explícase porque quizais a denominación fose introducida ex novo con motivo do traslado de alguén que mudara aquí o seu domicilio desde fóra de Galiza. Sostén esta interpretación o feito de que esta casa, antes de ser adquirida pola familia do Costureiro no ano 1884, pertencía a un matrimonio que, sendo natural de Penarrubia, emigrou a Madrid onde desenvolveu a vida laboral e regresou á súa terra de orixe unha vez que o varón se xubilase como co grao de sarxento. Co nome da casa do Portugués da Condomiña sucedeu algo semellante ao da casa da Castellana.
Todos os demais nomes das casas de Penarrubia conservan as formas propias da nosa lingua fronte ás dos apelidos, que foron españolizados desde que, a fins do século XV, as administracións política e eclesiástica castelás os deturparon. Isto sucede coas españolizacións dos apelidos Martínez da casa de Martiz, López de Lopo e Prieto de Preto. O mesmo acontece na propia parroquia co apelido Calderón da casa de Caldeiro.
O oicónimo adxectivo Ruán defínese como de crina branca. Atrevémonos a suxerir que vén da existencia dalgunha persoa desa casa que tiña matas brancas no cabelo ou o cabelo agrisado en idade temperá. Existen outros casos de oicónimos que gardan relación coa fisionomía dos seus moradores. Así as casas do Roxo e do Louro explícanse pola cor dourada do cabelo; as de Moreno e de Preto, pola cor escura da pel ou do pelo; a do Rubio, pola cor encarnada; e pensamos tamén que o oicónimo Picado serviu para designar a morada dalgunha persoa coa face afectada polo virus da varíola.
Os nomes das casas que se identifican con algunha actividade complementaria da agrícola son dous: O Ferreiro e O Costureiro. Estes oicónimos indican que, no primeiro caso, existía unha forxa na que se elaboraban as pezas metálicas dos utensilios de labranza necesarios para os traballos do campo e dos fogares; no segundo, residiría alguén que confeccionase as prendas de vestir. Para esta denominación existe tamén o sinónimo xastre como podemos comprobar na desaparecida casa do Xastre en Val. Mais, en relación coa profesión ou actividade hai moitos outros oicónimos como sucede tamén en Val coa casa do Taberneiro; nos Mazos, coa casa do Escribano, onde residía o fedatario público ou o notario actual; ou en Furís, coa do Arrieiro, onde habitada quen transportaba ou arreaba mercancías duns lugares a outros servíndose de animais de carga.
Tres son os nomes das casas que se identifican co lugar en que se sitúan: Carrocheiro, Agro e Valado. Carrocheiro designa tanto o lugar onde quedan raíces despois de cortar as árbores como a parte do toro dunha árbore que sobresae da terra cando se corta. Tamén designa a cepa de uz. A casa do Agro é nomeada así por estar situada en pleno agro de Penarrubia, isto é, nun terreo de leiras de cultivo, por contraposición a outros terreos como os soutos, os prados, as searas ou os campos. Co oicónimo do Valado, das Cruces ou da Abraira, pois aínda non está fixado definitivamente por mor da recente construción desta casa, sucede o mesmo: recibe indistintamente os nomes dos topónimos dos lugares que a circundan.
A casa da Casela denomínase así pola súa forma. O seu nome procede do latín casa + o sufixo diminutivo –ela. Así, de cas-ela orixínase casela, isto é, casa pequena. Mais, tanto para Carrocheiro como para Casela, podemos considerar que inicialmente non se trataba de oicónimos senón de topónimos cos que se designaban amplas extensións de terreos. Para soster esta hipótese, no caso de Carrocheiro aínda hoxe existen nos arredores predios que non só pertencen a esta casa senón tamén a outras veciñas. Para o caso Casela, no Catastro de Ensenada indícase que un veciño chamado Domingo González habitaba nunha casa pajaza con hórreo situada no barrio da Casela, do que se deduce que esta zona, e non só a casa, era coñecida co este topónimo.
Sobre o oicónimo Mofín, sospeitamos que pode derivar da hipotética forma *(villam) + o xenitivo do antropónimo *Muphini: de Muphinus > Mofín, do mesmo xeito que acontece con Pappini: de *Pappinus > Papín; con Nantín < *(villam) *Nantini: de Nantinus. Con respecto ás variantes Mofín/Mufín, inclinámonos pola primeira tanto por motivos etimolóxicos como dialectais. Etimoloxicamente, ŭ, ō e ŏ latinos átonos iniciais dan como resultado o. Así sucede en Mūndare > mondar, Mŭraena > morea, Sŭperare > sobrar. Por outro lado, Penarrubia pertence a unha zona lingüística na que existe a tendencia a pechar as vogais nun grao nomeadamente nos casos do |o| e do |a| como sucede en codesal > cudesal, lagoa > legúa, para > pre…
Construcións
A reitoral
A Reitoral era unha harmoniosa edificación construída por iniciativa do párroco Jacobo Ulloa Santiso entre os últimos anos do século XVIII e os primeiros do XIX segundo nos testemuñaba a epigrafía que figuraba no lintel da entrada principal deixando constancia do remate das obras en 1805.
Parece ser que a anterior reitoral estaba situada no lado occidental do actual cemiterio. Na década dos anos cincuenta aínda se conservaban os restos dunha parede que daba ao camiño da Fonte que podían pertencer a esta edificación. Ese pequeno muro adoitaba ser usado para sentármonos os nenos á sombra dos castiñeiros existentes nos días de verán camiño de volta da fonte coa auga que nos encargaban levarmos nas casas.
A reitoral, nos últimos anos do pasado século, ficou convertida en entullos por mor do abandono. Dela destacaba no primeiro andar da fachada oeste un vestíbulo aberto ao curral sustentado por fermosas columnas ao que se accedía por ampla escaleira de pedra.
A fachada leste, encalada de branco, daba á horta; a fachada sur, ao Prado Grande e a outros prados sempre verdes regados polas augas da presa da Fonte. A esquina noroeste presentaba unha fenda que, segundo varias informacións coincidentes, fora ocasionada por un explosivo colocado nos anos vinte do pasado século por algúns fregueses descontentos co polémico párroco daquel momento. Creo que a única vez que o bispado se preocupou deste inmóbel foi cando, xa en estado de ruína total, puxo á venda as súas columnas e algún outro elemento arquitectónico aproveitábel. Non lembro nos case setenta anos transcorridos da miña vida que endexamais se realizase unha obra de conservación neste edificio.
Na fotografía de abaixo, tomada desde a currada das ruínas da Reitoral no ano 2005, no lateral dereito da imaxe encóntranse amoreadas pedras e vigas de madeira que serían aproveitadas posteriormente por quen se fixo con elas. Desde a porta central que se abre no muro interior de carga accedíase á sala principal. A porta da esquerda conducía ao dormitorio do párroco e a da dereita comunicaba coa cociña. No andar terreiro, ao que se accedía pola porta inferior do lateral sur, encontrábanse as cortes da besta e dos porcos.
A casa do Costureiro orixinal estaba apegada ao valado da Cortiña de Lopo xusto diante da actual, separadas ambas polo camiño que discorría entre elas. Esta casa é probábel que deixase de ser habitada no ano 1884 en que esta familia comprou a chamada até aquel momento Casa da Castellana. Encontrámonos aquí cun cambio de denominación pouco habitual: os novos moradores dan o nome da súa anterior vivenda á casa á que se trasladan. A planta terreira da antiga casa do Costureiro desde que deixou de ser habitada foi destinada a varios usos: a parte sur serviu en ocasións de corte para algunha vaca e de lugar onde se gardaba a leña no inverno; na parte central estivo o poleiro ao que accedían as galiñas desde o exterior a través dun pequeno portelo axudadas por un pau que lles servía de escada; e a parte norte estaba destinada a corte das ovellas. Nalgunhas ocasións, na miña infancia, subín axudado dunha escada ao primeiro andar desta casa. Consideraba eu ese lugar misterioso e recordo nel a existencia de diverso mobiliario en desuso e, entre outros obxectos, unha especie de máquina de madeira para embutir chourizos que moito me chamaba a atención. Para abrirme camiño nese andar enriba das táboas en mal estado tiña necesariamente que ir apartando coas mans as tupidas teas de araña que se entrecruzaban. Pouco a pouco, as paredes desta casa foron perdendo o equilibrio e nun inverno de comezos dos anos setenta ficou toda ela convertida nunha morea de entullos. Pasado o tempo, o soar que ocupaba esta vivenda converteuse en aparcamento familiar.
A casa da Abraira
A casa da Abraira existiu no soar que actualmente se chama Cortiña da Abraira, situado ao oeste da casa do Ferreiro e ao sur do Horto do Costureiro. Por un documento privado de arrendamento do ano 1901 sabemos como era esta casa. Estaba cuberta de lousa, feito non xeneralizado porque tamén existían casas cubertas de palla ou de xesta, e constaba de cociña e dous cuartos no alto coas súas “inferioridades por abajo”. Tiña anexo un pequeno edificio cuberto de palla dedicado a forxa. O terreo no que se encontraban estas construcións ten unha extensión de aproximadamente tres ferrados e medio. Polo norte lindaba co Horto de José Álvarez Bolaño (Costureiro) con parede no medio. Polo leste, ribazo que a pecha, casa e horto de Vicente Fernández (¿Ferreiro?). Polo sur, camiño veciñal (congostra do Calellón) e polo oeste, tamén camiño veciñal e peche “con la casa vividera por esta parte”. Finca dedicada a cultivo de labranza, horto de dar verduras e aira de mallar.
Mais, as catorce casas tradicionais non conservan todas elas a mesma configuración que tiñan no pasado.
Casa do Ruán
A actual Casa do Ruán, Villa Rosalía, foi construída a comezos da década dos anos cincuenta do pasado século. A súa tipoloxía presenta influencias dos modelos domésticos indianos. Consta de soto, planta baixa, primeiro andar a dúas augas e ático en forma de torre a catro augas. As cubertas sobresaen dos volumes da planta con beirados de madeira pintados de verde. As fiestras son tamén da mesma cor. Os vans da planta baixa son de medio punto e os da terceira presentan balcóns de forxa de corpo aberto. Goza de protección estrutural.
A carón dela existiu até hai poucos anos unha pequena vivenda a dúas augas destinada aos caseiros.
Casa do Ferreiro
A actual Casa do Ferreiro non existía a principios da década dos cincuenta do pasado século. Nesa época fóronse levantando as súas paredes. A familia do Ferreiro, até a construción da nova casa, habitaba a tradicional da que aínda se conservan dependencias de pedra no lado sur.
Casa de Martiz
A Casa de Martiz alterou a súa forma tradicional. Na fachada sur abríronse varias fiestras e suprimiuse unha balconada. Alén disto, os muros exteriores foron recebados. Na súa aira existía un hórreo de planta cuadrangular con teitume circular de xesta.
Casa do Costureiro
A Casa do Costureiro cambiou a súa estrutura a partir da década dos setenta do século pasado. Até esa época tiña acceso ao andar superior pola fachada oeste, que dá ao camiño, a través dunha dupla escaleira exterior.
Nos anos cincuenta executáronse obras consistentes no reforzo da parede exterior do sueste combinando a cantería, realizada por Alfredo de San Martiño, coa albanelaría. Os traballos de carpintería realizounos Daniel do Carteiro: colocou madeira de piñeiro no chan e mais no teito do comedor e foi el tamén quen construíu a galería de castiñeiro que, pintada de verde, se conservou até o ano 2016.
Polo lado sur había unha palleira apegada na que se gardaba a herba seca. A mediados dos anos setenta esta palleira foi derrubada e no seu soar construíuse, na planta terreira, o garaxe e no primeiro andar ampliouse a vivenda.
Casa do Moreno
A Casa do Moreno conserva a súa estrutura tradicional e, como na casa de Martiz, tamén existía na aira un hórreo de planta cuadrangular con teitume circular de xesta.
Casa do Mofín
Da casa do Mofín recordo cando se construíu na década dos cincuenta a súa ampliación polo lado oeste. A esta ampliación chamabámoslle o Taller e quen isto escribe pasou algún tempo como neno xogando a picar pedras imitando a Alfredo de San Martín, o canteiro por excelencia daqueles tempos. Unha vez que Alfredín rematou esa obra na casa de Mofín, pasou á casa de Costureiro para rehabilitar a esquina suroeste da parede exterior sobre a que se abriu a galería do comedor.
Casa de Lopo
A Casa de Lopo conservou sempre a mesma estrutura con rexas paredes de pedra no exterior. Situada xa no Curral de arriba de Penarrubia, desde a súa aira contémplanse todo o val, a Serra da Pena e, detrás desta, os montes máis elevados nos que se encontran Vilares, Busto, Valados, Castrolanzán e Fontarón entre outros lugares. Na aira érguese unha palleira tradicional que salienta pola forte pendente do teitume á que se accede por dúas portas, unha situada ao norte e a outra ao leste.
Casa de Ribeiro
A Casa de Ribeiro non modificou a estrutura co paso do tempo. Presenta planta rectangular cun anexo no lado sueste.
Casa de Preto
A Casa de Preto sufriu cambios nos últimos anos cando lle suprimiron a parte norte quedando algunhas das súas paredes con tixolos á vista.
Casa de Cota
A Casa da Cota consta de dous edificios, un deles tradicional e o outro, apegado ao anterior polo oeste, construído posteriormente e rehabilitado na década dos cincuenta do pasado século. Na aira creo recordar a existencia dun hórreo circular con teitume de xesta.
Casa de Vazque
Hoxe na Casa de Vazque existen dúas edificacións: a tradicional, de planta cuadrangular e cuberta a catro augas, encóntrase en estado de abandono. Polo seu lado norte construíuse non hai moito unha casa de pequenas dimensións.
Casa de Miguelín
A Casa de Miguelín conserva a súa forma tradicional con pequenas actuacións realizadas nos linteis de portas e fiestras, que consistiron na substitución dos cargadoiros de pedra por outros de formigón.
Casa da Casela
Na Casela existen dúas casas: a tradicional e a nova, levantada esta a comezo dos anos oitenta.
Casa do Carrocheiro
A Casa do Carrocheiro sufriu algunha modificación na súa estrutura conservando tradicional a fachada sur.
Palleiras, pendellos, alboios…
Mais, a carón de cadansúa vivenda existen variadas construcións, algunhas tradicionais e outras de nova factura que serviron no pasado de palleiras, pendellos, alboios, rochos, cortes, granxas, poleiros, paneiras, pataqueiras, fornos, adegas e despensas. Desde que se introduciron a maquinaria agrícola e os coches, tamén se adaptaron algunhas destas construcións como garaxes.
Até a década dos anos setenta, nas vivendas convivían os humanos coa súa facenda e mesmo, nalgunhas dependencias, animais e persoas compartían espazo. E isto por comodidade para uns e outros. Nas casas de Penarrubia, agás na do Costureiro, a cociña, ao estar situada no andar terreiro a carón das cortes, facilitaba que os coidados dos animais se realizasen doadamente pola súa proximidade. Lembro que, nalgunha delas, a manxadoira dos xatos confinaba coa cociña familiar e a apertura dunhas portas a media altura da parede de separación de ambas dependencias permitía deixarlles os alimentos aos animais con comodidade. E non digamos cando, na época da ceba, se lles cocían os caldeiros aos porcos na cociña para botarlles deseguido a comida na maseira situada non moi lonxe.
Desde os anos setenta, isto comezou a cambiar pouco e pouco, os animais foron saíndo das vivendas dos humanos xa for polo abandono da actividade agropecuaria ou porque o gando se estabulou en novas construcións.
Servizos
A traída da auga
Até os anos sesenta, as vivendas de Penarrubia carecían dos servizos elementais. A traída colectiva de auga tivo lugar a mediados desta década. Para isto realizouse a captación desde a fonte existente na Valiña de Cabana de Lopo, situada na contorna do rego das Louseiras, e desde aquí abriuse a condución mediante tubaxe até un depósito que se construíu no Carrocheiro, desde o que se estenderon outras tubaxes que levan a auga a cadansúa das casas de Penarrubia. A traída de auga aos domicilios realizouse, xa que logo, hai case sesenta anos e desde aquela practicamente non se executaron obras de mellora nin de conservación. Por isto, e tamén porque nas épocas de estiaxe se incrementa a poboación por mor das persoas que pasan neste lugar as vacacións e porque se practica o rego de hortas por parte dalgúns veciños, no verán xorden problemas de abastecemento ao resultar insuficiente o caudal de auga para satisfacer todas as necesidades. Mais isto non parece preocupar porque, malia existiren convocatorias de axudas públicas para a mellora da traída de auga, en ningún momento se tomou a decisión de acometer esas obras para atallar o problema. Chama a atención que, sendo Penarrubia un lugar abundante en regos de moita e moi boa auga, os veciños non se preocupen de ter un servizo adecuado para remediaren as necesidades domésticas, que tamén podería incluír o rego das hortas nos meses de verán.
Mentres Penarrubia non contou co servizo colectivo de traída, as casas abastecíanse de auga por medio de pozos escavados no perímetro de cada vivenda, xeralmente a carón ou no interior das cociñas. A extracción da auga realizábase de dúas formas: ou ben a través de bombeo manual de manivela ou directamente co emprego de caldeiros accionados mediante roldana para subir o líquido. Na casa de Costureiro empregábase este último sistema. O pozo estaba situado no ángulo noroeste da casa recuberto por unha parede cúbica apegada á da propia vivenda. Desde unha dependencia que existía na entrada do primeiro andar abríase unha porta corrediza que comunicaba con este pozo. A carón del estaba situado o caldeiro de cocer a comida dos porcos de xeito que o traballo de enchelo de auga para prepararlles a caldeirada resultaba doado porque os baldes eran baleirados no recipiente sen necesidade de seren trasladados a distancia. En cambio, noutras casas a auga extraíase por bombeo manual como sucedía nas de Ruán, Martiz ou Moreno. E cando algunha avaría impedía o seu funcionamento, alí estaba José da Forxa co soprete soldando as tubaxes tinxidas de cor ferruxinosa que, ao seren extraídas do pozo, superaban en altura o lousado das casas.
Mais a auga que bebían directamente os humanos adoitaba ser collida na Fonte no caso das casas do Corral de Abaixo e das próximas do de Arriba. O traballo do carrexo desta auga até as casas era realizado polas mulleres nas sellas e baldes, que portaban na cabeza coa axuda da rodela ou rosca mulida de trapo que poñían para cargar o peso e tamén cando portaban feixes de verzas, nabos, ferraña e herba. Alén dos humanos, en certas ocasións as vacas e as bestas tamén necesitaban seren conducidas a beberen cando nos pastos non existían regos onde abeberaren ou porque estiveran realizando traballos en terras secas. Para isto, eran os nenos os encargados de levalas até a represa da Fonte.
A auga tamén se usaba, claro está, para o lavado da roupa, actividade da que se encargaban exclusivamente as mulleres. Precisamente, por seren elas as que realizaban este traballo, a maiores dos que practicaban nas faenas agrícolas, explícase que en Penarrubia endexamais existise un lavadoiro de uso comunitario que facilitase esta actividade considerada feminina por tradición e comodidade para os homes. As mulleres do Curral de Abaixo acudían lavar a roupa á presa do Prado Grande. Alí estaban dispostas pedras lisas e superficies de madeira sobre as que frotaban as prendas para despois aclaralas na auga e deixalas a branqueo sobre a herba do prado. As mulleres do Curral de Arriba realizaban este traballo en distintos lugares situados diante das casas por onde decorre o rego de Paínzal. Así, as da Casela e do Carrocheiro usaban en común as augas diante deste última casa. As de Miguelín, Vazque, Preto e Cota facíano nunha bica existente neste lugar. As mulleres de Lopo e de Ribeiro usaban a bica de madeira que recollía a auga detrás do horto desta segunda casa.
Xa no final da década dos anos setenta do pasado século, comezaron a introducirse as lavadoras mecánicas e, pouco a pouco, as mulleres deixaron de acudir coa roupa ao rego da Fonte e aos distintos lavadoiros do Curral de Arriba. Recordo a primeira lavadora que chegou a Penarrubia, á casa de quen isto está narrando. Nin as persoas que nela moraban nin o rapaz que a transportou eran coñecedores de que, antes de poñela a funcionar, era preciso desbloquear as ancoraxes que traía para protexela dos movementos. O caso é que se conectou á rede eléctrica e á corrente de auga, se introduciu no bombo a roupa co deterxente debidamente colocado no seu lugar e, ao pouco tempo, a máquina comezou a vibrar de tal maneira que, como besta indómita, saíu a brincos do cuarto onde se instalara para presentarse no corredor acompañada dun enorme estrondo que atemorizou os presentes.
Cuartos de aseo
Hai que agardar até finais dos anos setenta para que en Penarrubia comecen a instalarse os cuartos de aseo nas casas. Até ese tempo, non se coñecían as duchas nin as bañeiras e cada un lavábase por parroquias como podía servíndose dunha almofía ou, os domingos, dunha talla grande de zinc. E as necesidades fisiolóxicas de evacuación satisfacíanse de verán en determinados lugares afastados da vista como podían ser algúns curros a carón dos palleiros; e de inverno, nas cortes á calor e ao cheiro dos animais.
Electricidade
A electricidade tamén chegou a Penarrubia á entrada da década dos sesenta. Constituíu isto un acontecemento de primeira magnitude polo avance que supuxo para a vida dos veciños. Había tempo que na aldea de Fontarón, situada en fronte no pico dos montes que se ven desde Penarrubia polo leste, podiamos enxergar de noite escintilantes puntos de luz que nos provocaban a envexa. Dicíase daquela que os veciños desa aldea eran moi innovadores e que se puxeran de acordo para obteren electricidade dun salto de auga a través dun mecanismo que eles mesmos idearon. Aínda hoxe non sei se esta versión era unha lenda ou se coincidía coa realidade.
En agosto de 1960, Ramiro de Ruán presentou a solicitude en nome dos veciños das parroquias de Penarrubia e Pedrafita, dirixida á Xefatura provincial de Obras Públicas, para instalar a liña eléctrica.
Comezan as obras necesarias para a construción do transformador, que se levanta nos prados de Seis Fontes, para os tendidos dos cables e mais en cada domicilio realízanse as instalacións necesarias. A luz chegou a Penarrubia o 24 de decembro de 1961. Nas casas colocáronse algunhas lámpadas de pouca potencia en cada dependencia e mesmo nas cortes dos animais, pero suficientes para podermos comprobar que esa luz era moito máis intensa que a que antes se conseguía cos candís de gas ou de carburo que había que ir trasladando dun lugar a outro para iluminar as diferentes estancias da morada. Claro está, non existiu alumeado público até finais do século e, para transitar nas noites escuras polos camiños, era necesario axudarse de fachuzos de palla ou de lanternas alimentadas con pilas de petaca. Mais, a ausencia de luz tamén a aproveitaban para ocultaren a identidade algunhas persoas que regresaban a altas horas da noite polos camiños e carreiros do Taberneiro de Val, a única baiuca da parroquia durante moitos anos. Esta presenza de anónimos cambaleantes sentíase a distancia polo son metálico que os zocos ferrados de cravos que calzaban producían ao bateren sobre as pedras dos camiños. O silencio dominaba nas noites en todo o val e tan só se rompía polas badaladas da campá do reloxo, polos ladridos dos cans, o canto da curuxa ou o paso rítmico de alguén que, coas ferras dos zocos, facía ruído ao bater no camiño de retorno á casa.
A rede eléctrica partía, como o fai hoxe tamén, do transformador situado nos prados de Seis Fontes e, desde aquí, subía polas Cruces cara ás Parzarías até chegar ás primeiras casas. Era unha rede de dous fíos moi febles soportados por paus tamén inconsistentes que, á menor inclemencia meteorolóxica, provocaba avarías que tardaban tempo en seren reparadas. Recordo que un día de fin de ano estivo Penarrubia moitas horas as escuras debido a unha destas avarías tan frecuentes. Froito da cativeza da condución eléctrica, os electrodomésticos que requirían potencia para funcionaren con normalidade resultaban ineficaces nas casas e se nalgunha delas, por exemplo, se conectaba un muíño eléctrico para triturar o cereal dos animais, as demais vivendas ficaban, diciamos nós, cun ronco de luz. Por esta razón, as lavadoras eléctricas tardaron moito en poderen ser empregadas para facer as coladas. E velaí as mulleres do Curral de Abaixo camiño da presa do Prado Grande cargando cos baldes de roupa para lavaren axeonlladas e coas mans fretando e batendo contra unha pedra plana ou contra a madeira ondulada do lavadoiro. Lavar a roupa branca era máis laborioso. Enxaboada e sen torcer, botábase ao clareo sobre a herba do prado para recuperar a brancura. Aclarada e relucente, de novo, a roupa regresaba ás casas para ser posta a secar estendida en fíos metálicos.
Por fin, coa chegada do novo século, a condución eléctrica foi reforzada e, desde aquela, os electrodomésticos funcionan con normalidade e os cortes de luz xa non son máis frecuentes que noutros lugares do rural.
Teléfono
A chegada do teléfono foi tamén moi serodia. O primeiro teléfono do val foi instalado no Casino de Neira de Rei a principios da década dos setenta. Nos anos oitenta chegou á casa de Ribeiro a primeira liña telefónica de cabo e, a finais de século, xa se xeneralizou o servizo a través do sistema móbil de Telefonía Rural por Acceso Celular (TRAC). Actualmente, este sistema deixou practicamente de ser usado grazas á extensión da telefonía móbil.
2 comentarios en “As casas”
Boas tardes, Eduardo. Extraordinario traballo. Moi interesante. Agradezo muito a tua implicación e mais a da tua sobriña.
Hoy dous reloxes mais co de Peñarrubia, un é o das campanadas da Porta do Sol o outro non recordó.
Muitas gracias por todo e non deixes de seguir enriquecéndonos
Un abrazo
Grazas, Antonio. Reloxos como o de Penarrubia hai varios, mais como este ningún. Marcou as horas dos nosos antepasados, acompáñaos tamén de mortos ao seu lado e segue marcando as nosas vidas. Dentro de seis anos, en 2028, cumprirá o seu centésimo aniversario. Esperemos poder celebrar ese acontecemento todos nós e seguir agradecendo a Pedro Álvarez Saavedra a doazón que nos fixo en 1928.