Situación demográfica
Na actualidade, residen habitualmente en Penarrubia menos de quince persoas. Se nos remontamos ao século XIX, o número de habitantes era moi superior debido á existencia dunha elevada natalidade e ao feito de que os grupos domésticos engloban membros de dúas e, ás veces, tres xeracións. Se trasladamos as conclusións a que chega Pegerto Saavedra para as terras do interior de Lugo en Parentesco, familia e matrimonio na Historia de Galicia, podemos concluír que Penarrubia arredor do ano 1860 podería contar cun medio de 5,25 habitantes en cada fogar, taxa lixeiramente superior á de 4,90 que nos ofrece o censo elaborado ese mesmo ano para a poboación de Neira de Xusá, así chamado daquela o actual concello de Baralla.
Isto é, a poboación do lugar andaría nesas datas polos 90 habitantes. No nomenclátor das catro provincias galegas do capitán Emilio Platas Borde, publicado en 1873, á parroquia de Penarrubia atribúenselle 402 habitantes.
Na actualidade, o número de habitantes da parroquia segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2021 é de 127 como se indica na seguinte táboa:
Segundo a mesma fonte, o lugar de Penarrubia ofrece os seguintes datos de descenso poboacional desde 2000 a 2021:
O declive poboacional de Penarrubia é especialmente acusado. Nos últimos vinte anos, pasou de 38 a 12 habitantes, o que significa a perda do 68,42 por cento da poboación. Se comparamos os 90 habitantes con que contaría Penarrubia en 1860 cos 12 da actualidade, comprobamos que, en 160 anos, perdeu o 92,5 por cento. Este declive é constante neste período con lixeiros estancamentos e un incremento puntual de cinco persoas en 2019.
O descenso da poboación de Penarrubia supera amplamente o sufrido na totalidade do concello de Baralla (45,22 %) no período dos corenta últimos anos (1981-2021), en que pasa de de 4.463 a 2.445 habitantes.
Poboación do concello
Nesta táboa, e mais no gráfico que a acompaña, ofrecemos a evolución da poboación do concello desde 1842 a 2021.
Observamos como, nos case cen anos que van desde 1842 a 1940, a poboación experimenta un crecemento continuo desde os 4.562 aos 8.178 habitantes con lixeiros estancamentos nas décadas de 1900 e 1920, explicábeis quizais polos efectos das pandemias coñecidas como gripes rusa e española ocorridas respectivamente nos anos 1889-1900 e 1918-1919, que ocasionaron altas mortalidades.
Na década de 1940 é cando a poboación do concello acada a súa cota máis elevada con 8.178 habitantes. Coincide este período coa autarquía franquista en que se pechan as fronteiras á emigración. Desde este momento, durante oitenta anos, a poboación comeza o continuo declive que se estende ininterrompidamente até a actualidade coa perda de 5.733 habitantes. Dous factores que explican este feito: a emigración a América (década dos cincuenta), a Europa, Barcelona, Madrid e o País Vasco (décadas dos sesenta e setenta); e o elevado descenso da natalidade.
Este descenso da poboación veu acompañado da redución do número de vivendas segundo se mostra na seguinte táboa, cuxos datos se obteñen do censo de 2021:
A | Total vivendas | 1.569 | (B + C) |
B | Total vivendas principais | 996 | Residencia habitual |
C | Total vivendas non principais | 573 | (D + E) |
D | Vivendas secundarias | 407 | Residencia temporal |
E | Vivendas baleiras | 166 | Habitualmente deshabitadas |
O crecemento vexetativo do concello é negativo. A diferenza entre o número de persoas nacidas vivas e o de defuncións representa -47 no ano 2020. Quere isto dicir que a cifra -47 é o resultado de restar ás 6 persoas nacidas as 53 defuncións (6 — 53 = —47).
Nacementos por residencia materna | 6 |
Mortes fetais tardías por residencia materna | 0 |
Matrimonios polo lugar en que fixaron a residencia | 4 |
Falecidos polo lugar de residencia | 53 |
Crecemento vexetativo | -47 |
O decrecemento da poboación do concello por mil habitantes dá como resultado -1,8 para este período de tempo, decrecemento inferior ao medio de Galiza, que se sitúa en -2,12.
Trátase dunha poboación envellecida cuxa media etaria se concentra por enriba dos 60 anos segundo observamos na seguinte pirámide de poboación do concello correspondente ao ano 2021. Do total de habitantes, 2.445, superan esta idade 1.168, cifra que representa o 47,77 por cento.
Segundo os datos procedentes do padrón municipal de 2021, da totalidade dos 2.445 habitantes, 108 naceron fóra do concello, cifra que representa o 4,42 % da totalidade da poboación, taxa inferior á do 5,33 % da media da provincia de Lugo. Destas persoas, 37 proceden da Romanía, 14 da Arxentina, 10 de Colombia… como se indica na seguinte gráfica:
De onte a hoxe
Casa de Ruán
No Catastro de Ensenada constátese en Penarrubia a existencia de Domingo Méndez en dúas ocasións, unha como titular dun muíño coñecido como Da Fonte que muele con una rueda y con agua del Arroyo de Painzal durante a terceira parte do ano, ao que se lle asigna unha produción valorada en sesenta Reales de vellón, e, nun segundo momento, indícase tamén que Domingo Méndez posúe varias colmeas, cada unha delas valoradas atendiendo al nivel de cera y enjambre …en tres Reales de Vellon. Xa en 1845 constatamos a presenza de Manuel Méndez Villanueva, ascendente de Jesús Méndez González, casado con Rosalía Fernández López, pais estes dous de Ramiro, José María, Vitalia e Josefa e avós dos actuais titulares desta casa. De Jesús Méndez afírmase que tiña 49 anos en 1935 e dedúcese, por tanto, que nacera no ano 1886. Entre a xeración de Manuel Méndez Villanueva e a de Jesús existiu outra xeración da que non contamos con datos.
Asociadas a esta casa, tamén temos que citar as familias dos caseiros que viviron en Penarrubia en diferentes épocas. Desde os anos cincuenta e sesenta, os de Mallo da Pena foron os nosos veciños. O matrimonio José e Visitación, as súas fillas e, durante menos tempo, Asunción e Paco. Posteriormente, a finais da década dos sesenta, sucedeu como caseira a familia de Camilo e Victorina e, xa nos setenta, a familia Vilarín de Papín con Carme e José e as súas fillas.
Casa de Ferreiro
No ano 1845 temos constancia da existencia de Manuel Fernández e en 1901 documentamos a existencia de Vicente Fernández, que supoñemos sería o pai de Jesús Fernández Álvarez, casado este con María Pardo, pais dos oito fillos: Justa, Carmen, Manuela, Elisa, Consuelo, Pilar, Vidalina e Dositeo Fernández Pardo, casado este con Gloria Rodríguez, ambos pais dos actuais habitantes desta casa. De ser así, identificamos cinco xeracións desde o ano 1845 ao 2017.
Casa de Martiz
No ano 1845 figura Andrés Martínez nesta casa. En 1863, xa temos constancia pola Gaceta de Madrid de 23 de xullo de que herdara esta casa coa mellora do terzo e do quinto o seu fillo chamado José. En 1.884, quen representa esta casa é Manuel Martínez. En 1.927 aparece José Martínez López como casado e nos anos 1.933 e 1.940 como viúvo. No ano 1.950 temos constancia de Manuel Martínez, para algúns de nós coñecido como Lolo de Martiz, casado con Josefa, pais de Jesús e de José, casado este con Esther Álvarez, cuxos cinco fillos son os actuais descendentes da casa de Martiz.
Casa de Costureiro
María Bolaño. No Libro corrente de bautizados de 1.845, folio 41, figuran dilixencias nas que se recuperan datos de María Bolaño. Actúan como testemuñas Vicente López e Andrés Martínez, veciños de Penarrubia. Naceu en Penarrubia en 1.797. Foi bautizada no mesmo ano na igrexa parroquial polo presbítero Cayetano López, coadxutor de Jacobo Ulloa, párroco de Penarrubia. Foron os seus padriños Pedro Carballeira Fernández e María Bolaño, veciños de Papín. Era filla de Pedro e Antonia. Inscribiuse o 10 de outubro de 1.849. Asina esta inscrición José Nadela Tellado. De ser esta María Bolaño nai da seguinte, nacida en 1838, a maternidade tería lugar aos 41 anos de idade. Era irmá de Pedro, nacido en 1823 cando súa nai tiña 26 anos.
No ano 1.838 naceu estoutra María Bolaño [Santín], filla “natural” da anterior María Bolaño, que casou con Francisco Álvarez González. Morreu o 24 de febreiro de 1.867 á idade de 29 anos. Deixou catro fillos: José, de 10 anos; María, de 7; Manuel, de 3 e Manuela, de 1. O seu irmán, en 1.855, cédelle os dereitos hereditarios “atendiendo a que no tiene hijos ni esperanza de ellos no obstante se halla de unos treinta años de edad y el mucho amor y cariño que le profesa a su hermana María Bolaño, también soltera, aunque ya proclamada para contraer matrimonio habitante en su compañía como hijos ambos naturales de otra María Bolaño, difunta, por los buenos y leales servicios que de ella ha recibido y le está prestando en la indisposición que padece desde hace tiempo”.
Destes dados deducimos que María e Francisco casarían arredor do ano 1.857, ela aos 18-19 de idade e el aos 34. Na partida de defunción de María, expedida polo cura Nadela Tellado, indícase que era pobre.
Desta María Bolaño temos constancia na Gaceta de Madrid de 26 de decembro de 1871 como vendedora “de parte da Chousa da Veiga” a Vicente Gómez Moreno.
Francisco Álvarez González naceu o 26 de outubro de 1813 na Azoreira. Era fillo de Pedro Álvarez e de Ramona González, nacidos tamén ambos na Azoreira. Neto por parte de pai de Francisco Álvarez, da Azoreira, e de María da Veiga, de Vilacote. Neto por parte de nai de Manuel da Abraira e de María González, ambos da Azoreira.
Morreu en 1.883 á idade de 70 anos. Os seus catro fillos tiñan daquela as seguintes idades: José (26 anos), casado con Francisca González; María (22 anos), solteira; posteriormente casará con José Fernández, de Mofín; Manuel (20 anos), solteiro e Manuela (17 anos), solteira. Dos catro, para os tres menores de idade nomea curador deles ad bonam e ad litem o seu fillo casado, José.
José Álvarez Bolaño
Naceu en 1.857. Fillo de Francisco Álvarez e de María Bolaño. No ano 1.880 casa con Francisca González. Faleceu aos 80 anos, o 25 de xullo de 1.936. Tiveron cinco fillos: Casimiro, Manuel, Aniceto, Jesús e José. Destes, Casimiro quedou na casa e os outros catro emprenderon camiño da emigración a América. De Manuel e Aniceto sabemos que se instalaron na Arxentina. Jesús pasou tamén pola Arxentina e asentouse finalmente en Estados Unidos co nome de Philip. Do fillo máis novo, non temos información.
Francisca González Vázquez naceu en Penarrubia o 14 de maio de 1.856. Filla de Manuel María González, natural de San Cibrao de Montecubeiro, e de Sabina Vázquez Arias, de Penarrubia. Faleceu o 29 de outubro de 1.942 aos 86 anos de idade.
Casimiro Álvarez González. Fillo de José Álvarez Bolaño e de Francisca González Vázquez. Naceu en 1.884 e morreu 12 de agosto de 1.955. En primeiras nupcias casou, á idade de 24 anos, o 8 de agosto de 1.908, na igrexa de San Pedro da cidade de Lugo con Regina Correa Álvarez, de 23 anos, filla de Ramón da casa de Montenegro de A Pena e de Consuelo, natural de Matela. Regina Correa morreu a consecuencia de tuberculose pulmonar o día 25 de xullo de 1.914 aos 29 anos. Tiveron tres fillas: Josefa, nacida o 5 de xullo de 1.909 e falecida o 18 de novembro de 1.997; Consuelo, nacida o 22 de marzo de 1.913, e Manuela, nacida o 26 de maio de 1914. Das tres, as dúas máis novas morreron sendo nenas de poucos anos e Josefa emigrou a Cuba na adolescencia e desde aquí trasladouse a Florida, Estados Unidos, onde reside o seu único fillo.
Casimiro casou en segundas nupcias con Josefa Fernández Fernández, natural de Carballedo, filla de Vicente e de Carmen, o 8 de xullo de 1.916 na igrexa de Penarrubia actuando como párroco Emilio Pérez Rodríguez. Tiveron catro fillos: Jesús, Guillermo, Ascensión, Argelio e Sergio.
Casa de Moreno
O apelido Moreno figura en varios documentos relacionados con esta casa. Nun do ano 1.840 aparecen Pedro López Moreno, María López Moreno Bolaño, Manuel López Moreno. Noutro documento de 1.845 aparece de novo Manuel López Moreno. No ano 1.892, José López Moreno. De Vicente López Moreno temos constancia en numerosos documentos. No ano 1.848, el e a súa muller, Manuela García, reciben en foro a casa da Castellana. Na escritura de outorgamento deste foro dise que ambos residiran en Madrid pouco tempo antes. Noutra escritura do mes de setembro dese mesmo ano dise que Vicente López Moreno é sarxento retirado. Sería militar ou policía urbano en Madrid e, unha vez retirado, regresou a Penarrubia.
Supoñemos que José e Vicente López Moreno serían irmáns, ambos da casa de Moreno. José habitaría na casa deste nome e Vicente emigrou a Madrid e, unha vez retirado, regresou a Penarrubia e adquiriu como foratario a casa da Castellana, contigua polo sur á de Moreno. A este Vicente refírese un edito publicado na Gaceta de Madrid, o equivalente ao actual Boletín Oficial do Estado, en decembro de 1871, no que se indica que nese momento ten fixada a residencia en Madrid. Este Vicente López Moreno debía de encontrarse en boa situación económica porque no mesmo edito aparece como comprador da Chousa da Veiga a María Bolaño, da casa de Costureiro, e mais a un veciño de Matela de varias rendas.
No caso da compra que realiza Vicente López Moreno a María Bolaño, do Costureiro, trátase, en realidade, da aplicación da institución chamada retrovenda ou retracto convencional, fórmula xurídica que oculta un préstamo, na maior parte dos casos, de carácter usurario, pois a vendedora, que segue traballando o predio, adquire un préstamo/prezo do comprador, que, pasado un prazo, ten que devolver a este se desexa recuperar a propiedade. ¿Que sentido ten vender algo para, posteriormente, recompralo pagando, ademais do prezo, os gastos do contrato e os impostos xerados nestas dúas compras? Certamente, non ten ningún sentido se non se entende esta figura xurídica como unha tapadeira dunha operación de préstamo.
Nun contrato de compravenda do ano 1.883 figura Ramón López como propietario dunha terra nas Panás, que consideramos era da casa de Moreno porque no ano 1.891 figura este mesmo Ramón López como veciño pola fachada da casa da Castellana o curral dos herdeiros de Ramón López. Nun acto de conciliación do ano 1.892 volve aparecer José López Moreno actuando pola casa de Moreno. Do apelido Moreno non volvemos ter testemuños nos documentos. Mais xa no ano 1.905 aparece Manuel Prieto, alias Moreno, nun arrendamento de terras en Portela. No ano 1.927, Manuel Prieto tiña 55 anos, isto é, nacera en 1872. Casou con María López e en 1.940 figura como viúvo. Fillo del é José Prieto López, nacido en 1906, quen casou con Josefa Díaz, natural de Pedrafita. Tiveron sete fillos.
Casa de Mofín
Supoñemos que o José Fernández que figura na demanda datada o día 14 de abril de 1.845 pertencía a esta casa, mais non temos a certeza porque na casa de Ferreiro existía outra persoa co mesmo nome e apelido. Sería posibelmente o pai de José Fernández Val, quen casou en primeiras nupcias con María Álvarez Bolaño, procedente da casa de Costureiro, e en segundas nupcias con Petra, procedente da casa da Lameira de San Martiño. Ao morreren sen descendencia, a casa ficou deshabitada e na década dos setenta foi comprada pola actual familia de Mofín, procedente da Fonte dos Poios. Mais, antes de que isto sucedese, en vida de José Fernández, asentouse como caseira de Mofín durante un breve período de tempo unha familia composta por Luciano, a súa dona Carme e os seus catro fillos: Jesús, José, Carmen e Josefa.
Casa de Lopo
No Expediente de Comprobación da Única Contribución do ano 1760 figura Ángel López, de 40 anos, casado, como un dos catorce fidalgos existentes na parroquia. Sen temor a equivocarnos, pensamos que pertencería a esta casa.
Nun documento de 1789 existente na casa do Costureiro aparece citada Benita Fernández, viúva de Ángel López Fernández, pais de Pedro López Fernández. Posteriormente, polo Boletín Oficial da Provincia de Lugo, número 107, do 11 de maio de 1921, temos constancia da designación de José López Núñez, de Penarrubia, como xurado para actuar no Xulgado de Becerreá perante causas de roubo e homicidio. No ano 1845, esta mesma persoa, como cabezaleiro dos foratarios do monte abertal, presenta unha demanda contra os intrusos que fan uso indebido del. El será pai de Manuel López Gómez, quen figura nun documento do ano 1.899. No ano 1.905 comparece o seu fillo José López Núñez, de 48 anos, en representación da casa de Lopo nunha permuta dun predio do Barrancal. José López Núñez casou con Antonia López Méndez, natural de Berselos. Irmán de José era Dositeo López Núñez, párroco de Santa María de Vilamane e da anexa de San Xoán de Sevane, no concello de Becerreá. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo de 16 de maio de 1934 aínda dá constancia de José López Núñez como membro da Parte Persoal da Comisión para o repartimento de utilidades en representación da parroquia de Penarrubia. Constantino López López (1.893-1.989), o seu fillo, no ano 1930 figura xa nunha acta notarial de avinza. Casado con Concepción Otero, natural de Furís, son os pais de Manuel, Eladio, José, Jesús, Antonio e Carmen.
Casa de Ribeiro
En 1.867 figura como testemuña no outorgamento dun testamento un veciño de Penarrubia chamado Manuel Fernández Ribeiro, que pensamos pode gardar relación polo segundo apelido co nome desta casa. No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do día 12 de outubro de 1871, páxinas 3-4, inclúese unha sentenza na que, entre outros, figura como demandando Manuel Fernández Riveiro de Penarrubia. En 1.880 encontramos a Juan Fernández Riveiro como propietario dunha leira nas Panás. Nos anos 1.892, 1.899 e 1.908 encontramos a Ángel Prieto Castro en representación desta casa. No 1.922 quen aparece é Obdulia Prieto Fernández, casada con Valerio Fernández Ares, pais de María Fernández Prieto, casada con Francisco Mallo, dos cales son descendentes Carmen, Manuel, Ascensión e José Mallo Fernández.
Casa da Abraira
Nun documento do ano 1.848 figura Vicente Abraira como propietario da cortiña do Freixo, que linda polo oeste coa Cortiña da casa da Castellana, cortiña esta última que no ano 1.884 foi comprada pola casa do Costureiro. Nun documento de 1.892 volve aparecer Vicente Abraira como titular da mesma Cortiña do Freixo. Mais no ano 1.899 xa figura en representación desta casa Vicente Martínez Balboa nun acto de conciliación entre os veciños de Penarrubia e os de Cernadas por desavinzas no aproveitamento do monte de Penarrubia. Nese mesmo acto de conciliación dise que este Vicente Martínez Balboa cedeu a metade da súa parte no monte a José Álvarez Bolaño. No ano 1.901, Antonio Martínez Abraira, de 38 anos, casado, xornaleiro, veciño de Madrid na rúa Tribulete 7 4º principal, e Enrique Martínez Abraira, de 30 anos, solteiro, xornaleiro, veciño de Madrid, domiciliado no Mesón de Paredes, outorgan poderes de representación plenos a José Álvarez Bolaño da casa de Costureiro. Ese mesmo ano venden dúas fincas a Vicente Álvarez Fernández, veciño de A Pena. En 1.902, estes irmáns, con domicilio en la villa y corte de Madrid, herdeiros por si e representantes dos seus irmáns menores Jesús e Dositeo, arrendan por cinco anos a casa e a súa cortiña a Rosa Abelleira Lombardía, veciña de Val, quen se compromete a pagar a José Álvarez Bolaño do Costureiro, como representante dos irmáns emigrados en Madrid, 45 pesetas en cada mes de xaneiro, empezando no ano 1.903. Pouco a pouco, a familia Abraira iría vendendo as demais propiedades, mais carecemos dos documentos acreditativos. Sabemos que a casa de Ruán comprou o Freixo, o soar onde se situaba a casa e tamén a parte do monte abertal que lle correspondía á casa da Abraira.
Casa de Preto
Esta casa anteriormente era coñecida co nome do Gasallo. Así en 1845 figura José Fernández Gasallo, quen foi pai de Ramón Fernández Mallo. Deste sabemos que emigrou a Cuba e que non regresou dese país. Ramón foi pai de Enrique Fernández Fernández, quen en 1925 figura casado con Rosalía Prieto Ferreiro, matrimonio do que son fillos Regina, Luzdivina e Román. Falecida Rosalía en 1933, Enrique, en segundas nupcias, casa con Elena Seijo Álvarez, de cuxo matrimonio son fillos Pasión e Manuel.
Casa da Cota
No ano 1.845 figura José Fernández Cota. Nunha acta de conciliación de 1.856 encontramos a Antonio Fernández Cota como demandado por detraer augas que regan o Chouso do Barrancal por dous regos que abrira. Así mesmo, nun documento de 8 de abril de 1.880 volve aparecer Antonio como propietario dun chouso no Gruñedo e doutro nas Panás. Este Antonio podería sería o pai de Antonio Álvarez Fernández, quen naceu no ano 1.863 dado que en 1.902 tiña 39 anos. Tamén puidera ser que fose Ángel Álvarez Fernández, quen aparece no ano 1.899 en representación desta casa da Cota. Mais, inclinámonos que fose Antonio pola coincidencia nos antropónimos que se constata na sucesión de pais a fillos. Este Antonio Álvarez Fernández sería o pai de Antonio Álvarez Santiso, casado con Asunción Osorio Prieto, pais á súa vez de Vicente Álvarez Osorio, que casou con Josefa López Correa.
Casa de Vazque
En documentos de 1.860 e 1.880 encontramos a referencia a Ramón Vázquez, de quen se afirma que morrera no ano 1.875 e que foi pai de Sabina Vázquez Arias, quen casou con Manuel González e ambos son pais de Francisca González Vázquez, esposa de José Álvarez Bolaño do Costureiro. No ano 1.884 cremos que estaba relacionado con esta casa Manuel Vázquez Vázquez, pois nun acto de conciliación aparece citado na relación de comparecentes entre Ángel Álvarez, da casa da Cota, e Indalecio González, da casa de Miguelín. En 1.892 figura de novo e noutra conciliación do ano 1.899 volve aparecer situado na mesma posición. Este Manuel Vázquez Vázquez, en 1.911, á idade de 42 anos, figura nun documento de permuta dun souto seu de 35 castiñeiros nas Louseiras por medio chouso no Gruñedo achegado como dote por Francisca González Vázquez con motivo de matrimonio con José Álvarez Bolaño do Costureiro. Manuel casaría con Manuela Neira e ambos serán pais de Aniceto Vázquez Neira, quen casou con Virtudes Álvarez Suazo, procedente da casa da Penela da Pena. Virtudes casou en segundas nupcias con José Álvarez Santiso, irmán de Antonio Álvarez Santiso da casa da Cota. Durante un tempo, este matrimonio acolleu a Gaspar, un mozo que se integrou plenamente na xuventude de Penarrubia e que despois acompañou no reparto a un panadeiro de Baralla para logo instalarse en Barcelona como bombeiro municipal. Ao morreren José e Virtudes sen descendencia, a casa de Vazque pasou por herdanza colateral á casa da Penela e, posteriormente, foi vendida.
Casa de Miguelín
Nun documento datado no ano 1.845 figura en representación desta casa Pedro González. Tres anos despois, noutro documento indícase que o segundo apelido deste Pedro González é Miguelín. Aquí temos unha mostra máis de como os apelidos foron dando nome a varias casas en Penarrubia. Nalgúns casos, estes apelidos perdéronse (Miguelín, Gasallo, Cota, Ribeiro, Moreno) e noutros consérvanse (Preto, Vazque, Martiz). En documentos dos anos 1.884, 1.885, 1.892, 1.899, 1.911 e 1.933 figura nesta casa Indalecio González Álvarez, pai de Andrés González González, nacido en 1.897, quen casou con Carmen Fernández Carballo, os pais de José, Adela, Jesús e Luis.
Casa da Casela
José Vázquez Fernández figura como representante desta casa en documentos datados en 1.845, 1.892 e 1.899. A principios do século XX xa figura Vicente Vázquez Fernández, casado con Francisca Sánchez Nadela, emparentada esta co párroco José Nadela Tellado. Nos anos 1.901 e 1.905 figura como testemuña noutros documentos Vicente Vázquez. No ano 1.929 volve figurar Vicente Vázquez. Sabemos que este Vicente tivo nove fillos (Manuel, Consuelo, José, Enrique, Antonio, Victorino, Francisca, Josefa e María Manuela) dos que recordamos a Consuelo, a ama do párroco Germán nos anos cincuenta do pasado século. En documentos de avinza dos anos 1.930 e 1.935 aparece xa Vicente Vázquez Fernández como viúvo. En 1.936 indícase que este Vicente Vázquez é sogro de Carolina Dorado Otero. O 4 de xullo de 1.935 realízase a adquisición do prado de Seis Fontes por parte de cinco compradores. Pola Casela figura como compradora Carolina Dorado Otero, viúva, nacida en Furís en 1.885, quen estivera casada con Manuel Vázquez Sánchez. Deste matrimonio son fillos María, Manuel, Vicente e Josefa Vázquez Dorado. Á súa vez, María casou con Manuel Prieto Trashorras.
Casa do Carrocheiro
No ano 1.889 aparece por esta casa Vicente Fernández López. No ano 1.892 figura en representación desta casa José Fernández López. Nunha escritura de 1.928 dise que Vicente Fernández [López] é sogro de Josefa Villamil Pérez, da casa de Carrocheiro e ambos son pais de Celsa Fernández Villamil, quen casou con Bautista Díaz Fernández.
2 comentarios en “A xente”
hola me llamo fernando garcia, vivo en Buenos Aires, mi abuela paterna nacio en Penarrubia, ella murio antes que yo naciera, mi abuelo era de mazos de neira, (vecino), su nombre Maria Garcia Fernandez, que alegria que recuerden este lugar, cuando era pequeño mi padre me contaba que existia un castro donde cada tanto aparecia monedas romanas. en fin recuerdos de otras epocas, un abrazo a todos y gracias nuevamente
Ola, Fernando. Encantado de responder ao seu comentario. Somos moitas as persoas nacidas en Penarrubia que tivemos familiares que, desde 1860 a 1950, emigraron a Arxentina. Na miña familia, miña avoa paterna emigrou dúas veces para traballar en Buenos Aires como mucama. Varios tíos avós meus tamén deixaron Penarrubia e instaláronse definitivamente na Arxentina. Na maioría das familias de aquí existiron persoas que emigraron a Arxentina, Cuba e, en menor medida, a Venezuela. Eran tantos os emigrantes desta parroquia en Buenos aires que na década dos anos 20 existían nesa cidade dúas sociedades, unha denominada Neira de Jusá e a outra, Neira de Rei, conformadas por persoas nacidas aquí que se reunían para celebrar actos festivos e para axudarse mutuamente Do lugar de Papín, desta mesma parroquia, procedían os irmáns Manuela, Pedro e José María Álvarez Saavedra, que conseguiron medrar economicamente en Buenos Aires dirixindo diversas empresas industriais, financeiras e de seguros. José María participou durante varios anos na directiva do poderoso Centro Galego de Buenos Aires e foi presidente desta sociedade nos anos 1927-1928. Estes irmáns financiaron a construción da primeira escola que existiu na parroquia. Nestes momentos estamos en fase de investigación para publicar nesta mesma web un apartado relacionado con este feito.
Actualmente, no lugar de Penarrubia non existen persoas que conserven o apelido García de súa avoa, pero si se conserva noutros lugares da mesma parroquia. Se vostede fai click en Inicio Lugares da web, comprobará que hai nove lugares nesta parroquia.
Existen varios castros na parroquia. Un deles no propio lugar de Penarrubia e outro entre os lugares de Carballedo e A Veiga. Pola referencia que realiza ás moedas romanas, posiblemente se trataría do Castro de Carballedo. No ano 1906, no lugar de Papín encontrouse unha ara romana que está depositada no Museo provincial de Lugo. Hai que ter en conta que por estas terras pasaba a vía romana XIX. Mais, tamén é certo que arredor dos castros existiron moitas lendas relacionadas con tesouros.
Efectivamente, Os Mazos de Neira de Rei, onde naceu o seu avó, pertencen á unha parroquia próxima á de Penarrubia, que se chama San Martín.
Reciba os nosos afectuosos saúdos desde estas terras de Penarrubia.