A escola de Papín

A parroquia de Penarrubia, desde 1934 a 1970, contou cunha escola situada no lugar de Papín. O edificio foi construído mercé a doazón que realizou José María Álvarez Saavedra, un veciño deste lugar emigrado na Arxentina. En 1935, o concello recibiu estas instalacións que, desde a implantación da reforma educativa de Villar Palasí a comezos da década dos anos setenta do pasado século, ficaron en estado de absoluto abandono até a súa conversión nunha morea de entullos inzados de silvas. Na exposición que se realiza deseguido centramos a atención en dúas persoas, o citado José María Álvarez Saavedra e Santiago Aloguín Roig. A ambos queremos manifestarlles o noso agradecemento por seren, o primeiro, quen promoveu a construción do edificio escolar e o segundo, cando era mestre desta escola en xullo de 1936, por ter sufrido criminal persecución dos fascistas sublevados contra a legalidade republicana.

Os irmáns Álvarez Saavedra

Os irmáns Manuela, José María e Pedro Álvarez Saavedra eran orixinarios de Papín, na nosa freguesía de Penarrubia. Supoñemos que nacerían arredor na década dos setenta do século XIX. De Pedro sabemos pola revista semanal Nova Galicia do 17 de agosto de 1918 que neste ano celebrou as vodas matrimoniais de prata no seu fogar de Temperley, localidade arxentina da provincia de Buenos Aires. Procedían da casa de Corredoira de Papín. O apelido Saavedra estivo vinculado en tempos pasados a esta familia segundo nos informa un dos seus descententes. Este mesmo informador dinos que os seus parentes emigrados en Buenos Aires enviaron á Corredoira unha montura completa con todos os seus accesorios elaborada na Talabartería López-Álvarez que rexentaron na Arxentina. Os tres, como tantas outras persoas, emigraron non sabemos exactamente en que datas.

Alí, emprenderon negocios e José María e Pedro participaron activamente na organización e na dirección de diversas sociedades e empresas integradas por emigrantes galegos. De Manuela sabemos que casou cun varón apelidado López e pouco máis. Pola necrolóxica que se publica de José María, coñecemos que este casou con María Luísa Ygobone e deducimos que non tivo descendencia pois non se citan fillos do matrimonio nesa información. José María faleceu o 30 de outubro de 1928.

José María Álvarez Saavedra

A eles debémoslles a construción da escola de Papín e o reloxo que se instalou na torre da igrexa parroquial.

Talabartería-Lomillería López-Álvarez

Destes tres emigrantes de Papín, quen máis destacou socialmente foi José María. Sabemos que, canda o seu irmán Pedro e Manuel López Saavedra, foi socio da Talabartería y Lomillería López-Álvarez até 1913 cando, segundo se informa en Nova Galicia: revista semanal, órgano dos gallegos é pr’os gallegos n’as Amérecas, de 22 de xuño, José María abandona de mutuo acordo esta sociedade, que, desde este momento, pasa a denominarse López Saavedra y Cía.

Publicidade da Talabartería-Lomillería da que era socio José María Álvarez Saavedra publicada no Almanaque Gallego de Buenos Aires en 1912

As talabarterías ocupábanse da confección e venda de cadeiras de montar e dos correspondentes arreos, ademais dos arneses e gornicións para cabalgaduras e animais de tiro. Nas lomillerías elaborábanse lomillos, pezas semellantes ás albardas consistentes en dúas almofadas recheas de xunco ou de totora afianzadas a unha fina superficie de coiro, que se aplicaba sobre o lombo do animal.

Nós, familiarizados na actualidade cos medios de transporte motorizados e historicamente cos bois e as vacas como animais cos que se realizaban os traballos agrícolas, non podemos imaxinar a importancia e o prestixio que os talabarteiros e os lomilleros, como artesáns do coiro, tiñan na Arxentina nos tempos en que emigraron os nosos veciños da freguesía. No Diccionario de Buenos Aires, libro-guía editado en 1864, figuran censados 49 negocios de talabartería nesa cidade. Este censo non incluía aínda a que había ser a máis importante de todas as talabartarías bonaerenses, La Nacional, fundada en 1878 polo emigrante cotobadés Casimiro Gómez Cobas, en cuxas instalacións fabrís e almacén das rúas 24 de Noviembre e Buen Orden da capital bonaerense, á altura de 1920, traballaban máis de 2000 empregados.

Fábrica La Nacional do emigrante cotobadés Casimiro Gómez Cobas

Estes comerciantes do coiro provían os seus produtos a un variado abano de consumidores tanto residentes na cidade como no interior do país e, como reclamo, editaban catálogos ilustrados e anuncios publicitarios nas revistas e nos xornais. As talabarterías máis grandes contaban con obradoiros propios e tamén eran fornecidas por pequenos artesáns independentes. Na produción deste xénero existía a especialización das tarefas —trenzadores, tecedores, cosedores, etc.— e a xerarquización do traballo en aprendices, oficiais e mestres.

No xornal quincenal Nova Galicia, de 18 de decembro de 1910, dáse información de que a fábrica de talabartería dos nosos antigos veciños de Papín fora fundada por Manuel López Saavedra e de que nese momento tamén son socios da mesma os irmáns Pedro e José María Álvarez Saavedra. Engádese na información que, grazas á súa boa administración, este negocio conseguiu altas cotas de calidade na elaboración dos seus produtos e a súa expansión no mercado de toda a República arxentina.

Recortes de prensa nos que se informa dos premios acadados pola calidade dos produtos elaborados na Talabartería da que eran socios os irmáns Álvarez Saavedra

Nese número do mesmo xornal tamén se indica que na grandiosa Exposición Industrial Internacional organizada nese ano con motivo do primeiro centenario da independencia da República figuran novidosos pavillóns entre os que se cita o da Talabartería López y Álvarez.

Estes datos permítennos aventurar que os dous irmáns varóns de moi novos traballaron na talabartería López, propiedade de Manuel López Saavedra, orixinario tamén da freguesía de Penarrubia. Sospeitamos que este industrial estivo casado con Manuela Álvarez Saavedra. Inferimos isto porque, na necrolóxica de José María, súa irmá aparece citada como Manuela Álvarez de López. E sabemos que Manuel López Saavedra, falecido en 1920, procedía da freguesía de Penarrubia porque nun dos números do xornal El Eco de Galicia de 1903 infórmase de que este comerciante, “comprendiendo que la instrucción pública determina la regeneración y el engrandecimiento de los pueblos, y, por parte, amante del que le vio nacer, abriga, según tenemos entendido, un proyecto nobilísimo y consiguientemente merecedor de toda loa. Es el de adquirir en la parroquia de Santa María de Penarrubia, ayuntamiento de Neira de Jusá, partido judicial de Becerreá, en la provincia de Lugo, fincas apropiadas y levantar en ellas un gran colegio para niños de ambos sexos, que habrá de sostenerse con las rentas de las mismas. Harán, pues, obra recomendable cuantos contribuyan a que no se oponga el menor obstáculo al generoso proyecto de adquirirlas por el valor que tengan; máxime teniendo en cuenta que el colegio será un donativo que el señor López Saavedra hará al distrito citado.” Esta promesa que Manuel López Saavedra anuncia en 1903 non a cumpriu, mais si a executou José María Álvarez Saavedra case trinta anos despois.

O ascenso dalgúns emigrantes galegos desde os seus inicios laborais como humildes aprendices até facerse coas rendas das empresas era excepcional. A maior parte dos nosos emigrantes regresaron tan pobres como marcharan. Así nolo narra El Correo gallego do día 31 de outubro de 1885: “Tanta es la gente que llega a La Coruña para marchar a las Américas… Lo más triste es que el concepto que los gallegos tienen formado de nuestras posesiones de América no corresponde a la realidad de los hechos ¡Cuántos volvieron completamente desilusionados o más pobres de lo que fueron! Sí, pero mientras haya uno por cada cien que vuelva a la aldea de donde salió, trocada la montera por el jipijapa —sombrero panamá—, las cirolas por el pantalón de lanilla y las zuecas por las botas de punta cuadrada, si en el fondo del baúl consiguió reunir dos docenas de onzas de oro, el reflejo de estas servirá de incentivo, y otros cien emigrantes abandonarán la patria y la familia para dejar noventa y nueve de ellos su cadáver en tierra extraña y sus deudos en la miseria”.

O neno Migueliño non é quen de recoñecer seu pai que regresa enfermo e demacrado da emigración. Castelao. Cousas. 1917-1927

Nesa mesma época en que se publica este texto en El Correo Gallego, o rianxeiro Ma­ria­no Ro­drí­guez Dios, despois de casar e de nacer Afonso Daniel Rodríguez Castelao, emigra tamén á Pampa arxentina e en 1896 reúnense con el a súa muller e o seu fillo por un período de catro anos. Aquí, o neno Daniel, e posteriormente o noso Castelao exiliado, coñece en propia carne os efectos da emigración que tan ben reflicte nos seus debuxos e relatos presentando unhas veces o indiano fachendoso e noutras, o retornado fracasado. Mais, tamén encontramos moitos emigrantes solidarios cos seu veciños do lugar de nacemento que sufragaron cos seus logros económicos obras sociais como os nosos veciños, os irmáns Álvarez Saavedra.

Actividades financeiras

José María Álvarez Saavedra formou parte da elite galega en Buenos Aires desempeñando cargos en compañías financeiras e de seguros. Foi tesoureiro da Compañía de Seguros Galicia y Río de la Plata, que desde 1910 funcionou como sociedade anónima.

Tesoureiro da Compañía de Seguros Galicia y Río de la Plata

Tamén desempeñou cargos de dirección na Compañía de Seguros Prudencia, que se crea en 1923. Ocupou a Xerencia e a Dirección de La Constructora Americana, sociedade fundada en 1911, que se dedica a préstamos hipotecarios e inversións inmobiliarias. Así, a revista semanal Nova Galicia de 4 de maio de 1913, que ofrece o Balance de contas desta empresa no seu segundo exercicio económico cunha utilidade líquida de 58.333 pesos, inclúe como vocal a José María Álvarez Saavedra.

Nova Galicia. 4 de maio de 1913

Tamén formou parte da dirección da Asociación Española de Socorros Mutuos, fundada en 1853, centro asistencial sanitario que segue en activo na actualidade baixo a denominación de Sanatorio de la Asociación Española de Socorros Mutuos en Comodoro–Rivadavia. O feito de que esta asociación se denominase española non exclúe que non estivese controlada por galegos, pois hai que ter en conta que estes representaron ao longo do período 1860-1960 a metade de todos os inmigrantes españois chegados á Arxentina. Por isto, pódese afirmar que detrás da denominación de “española” dunha sociedade promovida por emigrantes adoitaba ocultarse unha maioría galega entre os seus dirixentes e socios.

Antes de integrarse no Centro Galego, formou parte da directiva do Círculo Gallego en calidade de vogal.

Centro Galego de Buenos Aires

O primeiro Centro Galego de Buenos Aires fundouse en abril de 1879 e foi presidido polo padronés Manuel Barro. Tiña finalidade instrutiva, cultural e de auxilio mutuo. Dotouse dunha biblioteca e abriu escolas nocturnas para a formación dos emigrados. Tamén creou unha Caixa de aforros.

Debido ao anquilosamento deste centro e ao baixo número de socios, en 1907 creouse o segundo Centro Galego de Buenos Aires. Inicialmente tiña obxectivos recreativos e culturais. Mais, entre os anos 1911 e 1914 transfórmase en entidade benéfico mutualista ofrecendo consultorio médico, servizos farmacéuticos, funerarios e asesoramento xurídico. Na revista Nova Galicia de setembro de 1913, xa se indica que o número de socios acada os 6.000. Pouco a pouco vaise incrementando o número de afiliados e isto vén acompañado da ampliación de locais para a prestación dos servizos. Na década dos anos trinta cóntase cun novo edificio. En 1931 o número de socios é de 38.000 maioritariamente de orixe galega. En 1936 o número de socios xa chega aos 55.000.

Pertencer á dirección do Centro Galego era un sinal de alta distinción social e, por isto, nos seus cargos ían rotando membros da colectividade que acadaban altas cotas de poder económico na sociedade arxentina. Por isto, cando lemos a prensa da época, comprobamos que se van sucedendo nos órganos de goberno as mesmas persoas, que, á súa vez, desempeñan cargos en diferentes sociedades económicas.

Como nos di Marcelino Xulio Fernández Santiago, xeralmente, por estes cargos foi rotando un grupo definido e destacado de membros da colectividade, identificado con aqueles cuxo triunfo económico foi máis patente, polo que nas comisións directivas adóitanse atopar continuamente os mesmos nomes, pode indicarse que hai persoas que ocupan cargos, ao mesmo tempo, en diferentes sociedades, é dicir, existe unha circulación institucional. Ao mesmo tempo as sociedades están interesadas en atraer para os seus cargos directivos a personalidades destacadas da colectividade co obxecto de prestixiar as mesmas e conseguir, desta forma, unha maior valoración social da colectividade e, consecuentemente, da súa elite económica. (Asociacionismo gallego en América, 1871-1960, páx. 212, en El asociacionismo en la emigración española a América. Juan Andrés Blanco Rodríguez, Editor. UNED. Zamora. 2008).

A existencia deste grandioso centro de carácter asistencial non excluía a proliferación de moitas outras entidades galegas de carácter local que terán principalmente un carácter recreativo-cultural. Moitas destas asociacións limitábanse a posuír un local, onde organizaban reunións, faladoiros, xogos diversos e, sobre todo, actos sociais como bailes ou banquetes; pero tamén aparecen outras institucións cun cariz máis cultural e político. (idem páx. 216). Entre estas destacan Hijos del Partido De Lalín, Unión del Partido de Lalín, Centro Cultural de A Estrada, Unión de Residentes de Carbia, Sociedad de Residentes del Municipio de Porriño, Unión Hispano Americana Val Miñor… Neste tipo de asociacións tamén localizamos nun número da revista Nova Galicia de 1934 a existencia do Centro Cultural Mutuo y Recreativo de Neira de Xusá e do Centro Valle de Neira de Rei.

Sociedades Neira de Jusá e Valle de Neira de Rey en Buenos Aires

José María na dirección

José María Álvarez Saavedra ocupou cargos na dirección do Centro Galego en diversas ocasións. Así, ao repasarmos os números do Boletín Oficial do Centro Galego e outras publicacións, encontrámolo como vogal da Xunta Directiva en 1913, baixo a presidencia do construtor e filántropo Alfredo Álvarez Pérez; de novo, co mesmo presidente, ocupa unha vogalía en 1917; en 1921, José María xa é vicepresidente co equipo do presidente Ramón Cabezas. Como vicepresidente preside o 14 de outubro deste ano, por ausencia do seu presidente, a importante Asemblea Xeral Ordinaria na que se aproba a proposición que autoriza a Xunta Directiva para empregar os fondos dispoñíbeis e arbitrar os que sexan necesarios para a reedificación da propiedade Belgrano 1271-73, obras que consistiron na construción dun edificio anexo ao local xa existente no que se instalaron trinta novos cuartos hospitalarios, cuxo mobiliario foi doado por distintas personalidades. En 1924, baixo a presidencia do porriñés Laureano Alonso Pérez, tamén é vicepresidente. En setembro de 1925 deixa este cargo e pasa formar parte do Consello de Apelacións.

E chegamos a marzo de 1927 cando o presidente, Eusebio Dávila, presenta a súa dimisión irrevogábel. Antonio Boo, como vicepresidente, convoca asemblea para elixir quen substitúa o dimisionario. En El Heraldo Gallego do día 20 de marzo infórmase de que ,”unha vez feito o reconto dos votos, a Xunta escrutadora proclamou presidente a don José María Álvarez Saavedra por 407 votos, quen onte, sábado, tomou posesión do cargo, comezando a súa actuación, que se espera sexa proveitosa para o Centro Galego”. Mais, existe un grupo de socios descontentos coa súa actuación á fronte do Centro Galego que solicitan a dimisión. No Heraldo Gallego do 17 de xullo, publícase un artigo baixo o titular Hay que deponer caprichos en bien de la obra colectiva que recoñece a existencia dunha “pequeña rencilla casera suscitada en el seno de la Junta directiva” que atribúe a un colega que persiste na terxiversación dos feitos por un lado e en certas afirmacións capciosas por outro. O 24 de setembro celébrase unha tensa asemblea xeral na que se somete a elección unha nova xunta. Un dos asistentes esixe que se explique por que unha exadministradora do Sanatorio recibiu a remuneración de 3.500 pesos. Non se ofrece explicación deste feito e quédase en que este asunto será tratado na seguinte xunta. Mais, as disputas por este proceder proseguen e fanse públicas nos medios de comunicación. Varios membros da Xunta Directiva maniféstanse en contra do seu Presidente por terse oposto á gratificación da exadministradora e por tela despedido como empregada do Centro Galego.

Heraldo Gallego 11/11/1927

No Heraldo Gallego de 18 de setembro de 1927 afírmase que “existe unha verdadeira confabulación na que se urdiron toda clase de intrigas que minou a presidencia do señor José María Álvarez facéndoo vítima de todos os desacertos, preparando así un campo propicio a certas combinacións, que se antes permanecían ocultas, agora preséntanse claras e inconfundíbeis.”

As desavinzas e enfrontamentos proseguen e sobre José María profírense por parte de un tal Julio García acusacións públicas que o de Papín considera inxuriosas e, como resposta, emprende accións xudiciais para salvagardar a honra. Mais, segundo se publica 25 de marzo de 1928 en El Correo de Galicia. Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, por medio dun acto de conciliación promovido perante un tribunal de honor, “chégase a unha honrosa solución do asunto” que cancela esta disputa.

Acto de conciliación, que non soluciona o problema

A Xunta directiva presenta a renuncia en pleno e convócase Asemblea Xeral para o 10 de setembro de 1927. O 30 de setembro de 1928, cando José María xa se encontra moi afectado pola grave enfermidade, na xunta que se celebra, a nova directiva dá por cancelada a polémica eximindo de responsabilidade a anterior dirección e indicando que tales comportamentos non se poden repetir. A saúde do noso benfeitor de Papín vaise deteriorando por mor de grave enfermidade. Falece 0 30 de outubro de 1928.

El Heraldo Gallego publica a noticia da morte de José María Álvarez Saavedra

Construción da escola

Segundo informaba o xornal La Vanguardia Gallega en 1932, en 1926, José María Álvarez Saavedra enviou 75.000 pesetas a Adelaida Fernández López destinadas á construción desta escola no lugar de Papín. Da execución das obras, que comezaron en 1928, encargouse Manuel Fernández Falcón, natural da Ponte de Neira, freguesía de San Miguel de Neira de Rei. En xuño de 1931 quedan paralizadas non sabemos por que causas. Segundo afirma José Álvarez Ramos nun escrito de denuncia datado en Xermade o 8 de decembro de 1932, dedúcese que na súa execución non se están respectando os planos deseñados polo arquitecto segundo información do veciño Alfonso López da casa de Caldeiro da Pena .

Desde La Vanguardia Gallega, en decembro de 1932, denúnciase que as obras da escola están paralizadas

O caso é que as obras seguen demorando e a escola é recibida provisionalmente polo concello o 25 de outubro de 1935 segundo se publica no correspondente BOP. Isto permítenos deducir que durante o curso 1934-1935 este edificio xa acolleu como escola os nenos e nenas da parroquia con anterioridade á súa recepción pola administración local.

Non debeu de quedar debidamente rematado pois, en diversas ocasións, o concello de Neira de Xusá aproba partidas orzamentarias para este edificio (Na sesión do pleno de agosto de 1944 acórdase a reparación da escola da Papín sen indicar contía. En 1954 destínanse con esta finalidade 5.000 pesetas…).

Estrutura do edificio

Se comparamos este edificio coas instalacións existentes naquel tempo noutros lugares do medio rural, cremos que os veciños de Penarrubia estarían moi satisfeitos das novas instalacións escolares. Temos que recordar que hai cen anos os locais dedicados ao ensino nas aldeas eran dependencias alugadas polos concellos situadas en anexos das vivendas particulares ou en casas deshabitadas e en estado de semiabandono.

Agora, os escolantes dispoñen dun edificio moderno, “hixiénico e pedagóxico” segundo publica o 10 de xullo de 1928 o diario El Noroeste.

En 1928 comeza a construción da escola

Non todo do que nos informa este xornal é certo. Estamos de acordo en que o edificio era hixiénico e pedagóxico, mais non pode ser endexamais certo que en xullo dese ano José María Álvarez Saavedra se encontrase veraneando por diversos lugares de España e de Europa. Mal podía facer isto o noso filántropo encontrándose prostrado no leito como estaba por mor da grave enfermidade que lle provocaría a morte tres meses despois. Tampouco sabemos se o concello de Neira de Xusá declarou fillos predilectos os dous irmáns benfeitores. En canto á atribución da autoría do financiamento das obras a ambos, tamén parece que non está moi acertada a información que publica este xornal. Noutros medios, sempre se afirma que foi José María quen achegou os cartos para esta obra e o seu irmán Pedro, quen doou o reloxo para a igrexa parroquial.

Maquinaria do reloxo doado á parroquia por Pedro Álvarez Saavedra

O edificio estrutúrase en dous pavillóns de dous andares cada un orientados de norte a sur. A el accedíase por unha única porta, desde a que se comunicaba, á dereita, coa aula das nenas, situada no lado oeste, e, á esquerda, coa dos nenos. De fronte estaban situadas as escaleiras de madeira que conducían ás dependencias destinadas ás vivendas da mestra e do mestre.

Reconstrución da fachada da escola

As dúas aulas eran espazosas e ben iluminadas pois recibían luz por fiestras que se abrían por occidente, a das nenas, e por oriente, a dos nenos. Debemos ter en conta isto porque durante os 36 anos en que estivo en funcionamento esta escola (1934-1970), só existiu luz eléctrica durante os últimos nove (24 de decembro de 1961-1970). Alén das aulas e das vivendas, o edificio tamén contaba con outros locais de pequenas dimensións que se empregaban como rocho para a leña, cuartos para almacén e, cremos, algún deles estaría destinado a albergar a Biblioteca circulante doada polas Misións Pedagóxicas ao seu director en Neira de Xusá, o mestre Santiago Aloguín Roig durante os cursos 1934-1936.

Estado de abandono

Coa entrada en vigor da reforma educativa de Villar Palasí, desde 1970 este edificio ficou abandonado. O concello de Neira de Xusá recibírao oficialmente en 1935. En datas posteriores dedicou algunha partida orzamentaria a obras de mellora e de conservación, mais, unha vez que os alumnos da parroquia deixaron de usar estas instalacións e foron transportados ao centro escolar de Baralla, comezou seu deterioro. Ninguén se preocupou de evitar a súa ruína. Mostra disto é que nin sequera se pecharon as portas con chave para impedir o acceso de intrusos. Nos meses de verán de 1975, quen isto escribe impartiu clases particulares nesas instalacións ao alumnado da parroquia e recorda que o edificio estaba relativamente utilizábel conservando o seu mobiliario cos pupitres de madeira suficientes para acoller comodamente unha longa ducia de escolantes. Como remate desa actividade, os alumnos representaron con moito interese e éxito un lance de Os Vellos non deben de namorarse. Aquel seu profesor particular daquela tiña 23 anos e aqueles nenos, entre 6 e 14. Hoxe, un ten 70 e os outros andan polos 50 e os 60.

A educación anterior á escola de Papín

Antes de que se construíse e empezase a funcionar o colexio de Papín non existía ningunha escola na freguesía de Penarrubia.

A lei Moyano de 1857 foi a primeira que regulou no Estado o dereito á educación establecendo que o ensino primario sería gratuíto para quen non puider pagalo. Para este cometido, os concellos eran os encargados de fornecer os medios materiais e didácticos. Á escaseza de recursos que estas entidades locais dedicaban ao ensino, sumábase a existencia de poucos mestres moi mal formados e pagados. A esta situación engadíase a falta de asistencia á escola de moitos nenos que, en determinadas épocas do ano, eran obrigados a realizaren traballos que lles encargaban as súas familias.

Taxa de alfabetización desde 1860 a 2001

En 1860 a taxa de alfabetización era do 42 por cento para os homes e do 4,54 por cento no caso das mulleres. A comezos do século XX a taxa de escolarización andaba polo 50 por cento do alumnado de ensino primario (6 a 12 anos) e a taxa de alfabetización era na Galiza do 52 por cento para os homes e baixaba ao 16 por cento nas mulleres. A isto hai que matizar que tanto a taxa de alfabetización como a de escolarización eran moito máis baixas no medio rural que nas cidades.

Temos constancia polo Boletín Oficial da provincia de Lugo de que en 1895 existían tan só cinco unidades escolares en todo o concello de Neira de Xusá: dúas en Baralla, delas unha asistida para os nenos polo mestre Andrés de la Peña e a outra, para as nenas, por Cristina González; a terceira unidade era mixta e estaba en Vilameixe, da que era mestre durante un período do curso Vicente Fontela; na cuarta unidade impartía clase Benigno Fernández medio curso na casa da Costiña da Condomiña; e a quinta, asistida por este mesmo mestre durante o outro medio curso, estaba no lugar de Ansareo, parroquia de Pacios. Había, xa que logo, catro mestres para atender cinco unidades escolares. Destas cinco unidades, só as dúas de Baralla dispuñan de mestre durante todo o curso escolar. Nas outras tres unidades, o mestre impartía clase durante medio curso. No ano 1910 existe outra unidade escolar en Quintá de Riba de Neira na que imparte clase, en calidade de substituta, Antonia Barreiro López.

Desde 1879 a 1929

Para coñecermos a realidade da escolarización naquela época, e concretamente na única escola existente en Neira de Rei, a de San Martín, contamos coa valiosísima información que nos deixou o xornalista Luis Bello (1872-1935) nas reportaxes que publicou no diario El Sol de Madrid en 1929. O 13 de outubro dese ano inclúe o titulado Neira de Jusá. Baralla. Historia de cincuenta años: desde 1879 a 1929.

Afirma Luis Bello que a vila de Baralla ten arredor de 500 habitantes nese momento e que o concello de Neira de Xusá anda “seguramente entre os oito ou dez mil.” Verbo da poboación do concello, Luis Bello andaba algo errado nestas cifras pois o Instituto Nacional de Estatística (INE) recoñece que en 1930 existía unha poboación de feito de 6.345 habitantes, e 8.098 de dereito, asentada en 1.193 fogares.

Benigno Fernández Gómez

Boletín Oficial de 1910 con relación de escolas do concello de Neira de Xusá en 1910 e co nome dos mestres e mestras ao seu cargo

Centra a atención Luis Bello no mestre Benigno Fernández Gómez, que, en temporadas alternas, está encargado das escolas de San Martiño e de Ansareo. Seis meses, coincidentes cos do inverno, traballa en San Martiño e os seis restantes, en Ansareo. Deste mestre di que tomou posesión das escolas en 1879 e que durante moito tempo tivo dotación económica anual de mil reais (250 pesetas) e que, por fin, lle incrementaron esa dotación a cen pesos (500 pesetas) cando adquiriu a condición de mestre en propiedade. Segue dicindo literalmente “de Ansareo a San Martín, de San Martín a Ansareo, seis meses en cada bando, os días voan. Onde lle tocaba o verán sabía que ía ter a escola baleira. O bo tempo é para o campo, e os nenos íanselle para traballar. Os pequenos de catro a cinco anos serven para gardar os porcos, vacas e ovellas. Os maiores lévanos para cavar os montes, arar as terras, estercar, sementar, sacar as herbas e demais traballos dos homes. Unha das dúas escolas era como se non existise…” O panorama escolar que segue describindo Luis Bello é lamentábel: en referencia aos coñecidos como mestres do ferrado, recoñece a existencia de moitos intrusos que poñen escola sen saber nada, case sen saber asinar, sen título nin autorización, individuos que aproveitaban todos os medios para lograr a asistencia dos nenos mentres os pais non caían no engano da súa nulidade. E o pobre mestre víase na obriga de compartir o seu reducido salario co intruso. Segue dicindo que as condicións de traballo eran durísimas, escuras e insalubres, que o concello lle ofrecía casa inhabitábel, que os alugamentos das escolas se pagaban cada cinco ou seis anos e que, nalgunha ocasión, o mestre viuse na obriga de pedir préstamos para pagar os atrasos para que os alumnos e el mesmo puidesen contar con local onde impartir ensinanza.

En suma, afirma Luis Bello, falta de celo nas autoridades e nos pais de familia. Supuña don Benigno que obraban os primeiros por “despotismo e por malicia” facendo crer que a “instrución causa danos”. E os pais, tanto por necesidade como por ignorancia, pois viven en moita miseria agricultores e xornaleiros. Algúns destes pais pensan ben: un día ao campo, outro, á escola; ou pola mañá ao campo e pola tarde, á escola. Outros cortan polo san e endexamais os mandan. Froitos da pobreza e da falta de luces… Pero, o que máis lle doía a don Benigno era a mala obra dos intrusos invernizos que ensinaban a ler sobre dilixencias xudiciais, preitos e querelas, así como a falta de libros para todos e a imposibilidade de graduar a ensinanza.

De Benigno Fernández tamén sabemos que era fillo de Manuel e de Carmen, residentes en San Martín, e que pertencía á quinta de 1879, o mesmo ano en que tomou posesión das dúas citadas escolas mixtas. Na súa folla de servizos docentes, datada en 1911 cando cumpre 50 anos de idade, figuran 28 anos, 9 meses e 4 días como mestre co número 29 dos mestres da provincia de Lugo.

Non existían instalacións escolares públicas destinadas ao ensino. Esta actividade realizábase en dependencias particulares. En Neira de Rei os nenos acudían á escola na casa da Costiña da Condomiña como se constata nun número do Diario Oficial da Provincia de decembro de 1909, no que se publican os locais de votación para o seguinte ano electoral: casa de Policarpo Vázquez da Fachita, que se usa como escola de nenas; casa escola da Costiña na Condomiña, parroquia de San Martín; en Vilameixe, casa de Antonio Rodríguez, antigo pazo do marqués de Castelar e casa dos herdeiros de Antonio Díaz, escola de Ansareo, na Mocha.

BOP de decembro de 1909 onde se publican os locais electorais para as eleccións xerais que se celebrarán en 1910

Benigno Fernández Gómez, nado en 1861, morre en 1917. Sería, por tanto, mestre dos nosos avós e bisavós.

Outros mestres

O xornalista Luis Bello fixa a atención despois en Andrés de la Peña, mestre de nenos da escola de Baralla. Del informa que se viu envolto en numerosas reclamacións salariais, de dotación de medios e de pagamento do arrendamento do local escolar e que en 1908 o concello tiña acumulada unha débeda de seis anos da casa escola e vinte e sete da súa casa habitación. Continúa informando o xornalista de que en 1909 o concello alugou a escola e a vivenda do mestre na casa do Asturiano, no Campo da feira, que nunca chegaron a pagala e, papel tras papel, móbeis, bancos, mesa, armario e demais seres da escola foron á cuneta da estrada… e o secretario do Concello interveu para pór a salvo o crucifixo e o retrato do Rei. Despois, foi cando alugaron unha sala da igrexa, enriba da sancristía… Interesante esta referencia do xornalista que mostra o interese da Administración por salvagardar os símbolos da relixión e de Estado e a absoluta despreocupación pola educación das persoas.

Dos mestres que sucederon a Benigno Fernández na escola de San Martín contamos con moi poucos datos. Tan só temos referencias de algúns deles polos Boletíns Oficiais da Provincia desa época. Isto fainos crer que se trata de docentes que ocuparon esta praza de forma interina e con períodos moi breves de estadía nesta escola. Entre eles, coñecemos a identidade dos seguintes:

Leonardo Mera Grandío

Natural de Becerreá, no curso 1914-1915 tiña destino como interino na escola de Balboa, Trabada (BOP de 13 de novembro de 1915). En 1915-1916 era mestre interino en Aldurfe, Riotorto. En 1916, tamén como interino, ten destino en Donís, Cervantes, con soldo anual de 500 pesetas. No curso 1918-1919 era mestre na escola de Recaré no Valadouro. Sabemos que no curso 1919-1920 tamén estaba nesta escola e que desde abril de 1920 goza da condición de mestre de “escuelas nacionales” con soldo anual de 2.000 pesetas.

Temos confirmación documental de que en 1922-1924 estaba destinado na escola de San Martín de Neira de Rei (El Ideal Gallego de 28/12/1922 e El Regional. Diario de Lugo de 13/11/1924). Desde o curso 1924-1925 ten destino definitivo en Becerreá, vila na que rematou a súa vida laboral e faleceu o 31 de decembro de 1955.

No BOP de 23 de febreiro de 1940, a Comisión Depuradora do Maxisterio Primario de provincia de Lugo publica unha listaxe de mestres que son confirmados nos seus cargos por non existir sospeita de ter simpatías republicanas. Nesa relación figura este mestre.

Francisco Prat Soler

Na Gaceta de Madrid de agosto de 1925 figura como propietario provisional das escolas de San Martín-Ansareo e pensamos que este foi o seu primeiro destino como docente. Na República, encontrámolo en Valle de los Nueve e en Telde (Illa de Gran Canaria), Agramunt (Lleida), Salient (Barcelona). Sabemos que foi depurado polo franquismo porque o seu nome está incluído na relación do Centro Documental da Memoria Histórica. Un irmán seu chamado Valentín tamén figura como imputado polos fascistas por delito de auxilio á rebelión militar na páxina 34 das fichas de “condenados o procesados años 1934-1936” emitido pola Fiscalía Jurídico-Militar da 4ª División Orgánica[1].

Antonio López Buján

En 1929 era mestre en San Martín e supoñemos que continuou neste mesmo destino pois no BOP de 19 de decembro de 1933 figura como membro suplente do tribunal do concello de Neira de Xusá para xulgar a selección de persoas candidatas a dúas prazas de persoal administrativo coa información de que é mestre de San Martín.

Unha escola na Fontenova?

Durante este período, segue funcionando a escola nas dependencias da casa da Costiña da Condomiña como único local escolar existente en Neira de Rei. Posteriormente, as informacións orais dinnos que se habilitou un local escolar nunha casa da Fontenova, que sería, segundo isto, a primeira escola da parroquia, que funcionou até o ano 1934 en que se inaugurou a nova escola de Papín, construída mercé á doazón do filántropo José María Álvarez Saavedra. Como proba documental da existencia desta escola na Fontenova, podemos considerar as informacións que publican La Vanguardia Gallega o 24 de novembro de 1931 e La Voz de la Verdad o 4 de xuño de 1933 nas que figura unha mestra de nome María Salómé García Goyanes con destino na escola de Papín.

A estes dous locais habilitados como escola, San Martín e A Fontenova, acudiron como alumnos os nenos da freguesía nacidos entre 1910 e 1927, entre eles o pai de quen isto escribe. Documentalmente temos constancia de que en 1927 seguía existindo unha praza de mestre para cubrir en alternancia por períodos as dúas escolas de San Martín e de Ansareo segundo se acredita en El Noticiero gallego: semanario destinado a fomentar los intereses morales y materiales del Magisterio de primera enseñanza, de 25 de febreiro dese ano. Debeu de ser a partir do curso 1928-1929, coincidindo co inicio das obras da nova escola de Papín, cando puido habilitarse a escola situada nunha casa da Fontenova da que nos informaron as fontes orais.

O maxisterio na República

Cando foi proclamada a República, o ensino encontrábase nun estado lamentábel e, nos núcleos urbanos, controlado maioritariamente pola Igrexa católica. Unha das primeiras decisións do goberno da República consistiu na elaboración dun ambicioso Plan Quinquenal que foi aprobado polas Cortes constituíntes e referendado pola Lei do 22 de outubro de 1931.

A nova constitución republicana establecía os principios dun ensino público, laico, mixto, gratuíto e obrigatorio no treito primario (desde o 6 aos 12 anos) facilitando ao alumnado necesitado o acceso a todos os demais graos educativos. Neste proxecto contemplábase a creación de máis de 27.000 escolas no Estado, 2.221 delas na Galiza. Para a execución deste plan, os concellos debían ofrecer os soares e, para a construción dos edificios, satisfacer entre o 25 ou o 50 por cento dos seus custos. Dos soldos dos docentes, incrementados nun 15 por cento, encargaríase o Estado. Ao remate de 1932 xa foran construídas 10.000 desas escolas. Mais, á obstrución deste plan sumáronse as consecuencias da crise económica internacional de 1929, a falta de colaboración dos concellos gobernados por políticos monárquicos e católicos, a forte resistencia de grupos de pais descontos coa ensinanza laica, que supuxo a supresión da obrigatoriedade do ensino da relixión e a retirada dos crucifixos das aulas, e a chegada ao poder do goberno radical-cedista que retardou a supresión das escolas relixiosas programada para xaneiro de 1934.

En 1933 a República puxera en marcha as Misións Pedagóxicas por iniciativa de Manuel Bartolomeu Cossío, persoa vencellada á Institución Libre de Enseñanza, que quería levar “o alento do progreso” aos lugares máis afastados e atrasados. O Padroado das Misións Pedagóxicas distribuíu na Galiza 405 bibliotecas: 79 na Coruña, 48 en Lugo (unha delas na escola de Papín da que era responsábel o seu mestre, Santiago Aloguín Roig), 123 en Ourense e 155 en Pontevedra. Este proxecto supuxo unha auténtica innovación cultural no medio rural, carente de libros, de vías e de medios de comunicación e mesmo de luz eléctrica. Destas bibliotecas circulantes beneficiábanse non só os nenos en idade escolar, carentes até ese momento de libros infantís, senón tamén a poboación adulta. Endexamais existiu na nosa historia unha campaña de fomento da lectura como a proposta neste período republicano.

Os novos métodos pedagóxicos propugnaban a coeducación e a ensinanza en contacto directo coa natureza

Moitos profesores do medio rural, alén de aplicar métodos educativos innovadores, crearon grupos de teatro e coros, organizaron exposicións de arte e puxeron ao servizo da poboación libros de lectura que se ofrecían desde as “bibliotecas circulantes”. Tamén se preocupaban no medio rural das ensinanzas teóricas e prácticas de agricultura con cultivos de hortos nos terreos circundantes dos edificios escolares.

Agardando unha representación teatral das Misións Pedagóxicas na vila de Malpica o 23 de outubro de 1933

O réxime republicano tamén dotou as Escolas Normais do Maxisterio primario dun carácter realmente profesional, organizándose en réxime de coeducación e con profesorado de ambos sexos. Debemos ter en conta que, con anterioridade, estas escolas onde se formaban os futuros mestres estaban separadas por sexos e esta segregación non só se limitaba a que os varóns non asistisen a clase mesturados coas mulleres senón que implicaba a impartición de contidos curriculares distintos, que logo eran transmitidos ao alumnado relegando a muller a determinados coñecementos e aptitudes vencellados á maternidade e ao servizo do varón e do fogar. A coeducación foi moi atacada por sectores da dereita e pola Igrexa porque a consideraban un ataque á moral católica, pois dicían que atentaba contra a inocencia da muller, necesitada de protección fronte aos perigos dos varóns, e destruía a familia cristiá.

Depuración franquista

O corpo de mestres foi un dos máis perseguidos durante a represión franquista. Un decreto do 8 de novembro de 1936, asinado polo ditador Franco, indica que “el hecho de que durante varias décadas el Magisterio en todos sus grados y cada vez con más raras excepciones ha estado influido y casi monopolizado por ideologías e instituciones disolventes, en abierta oposición con el genio y tradición nacional, hace preciso que en los solemnes momentos porque[2] [sic] atravesamos se lleve a cabo una revisión total y profunda en el personal de Instrucción Pública, trámite previo a una reorganización radical y definitiva de la enseñanza, extirpando así de raíz esas falsas doctrina que con sus apóstoles han sido los principales factores de la trágica situación a que fue llevada nuestra Patria”.

O proceso de depuración comeza na zona sublevada desde o primeiro momento do pronunciamento militar. O 20 de xullo de 1936, os golpistas asumen o mando da provincia de Lugo facéndose cargo da mesma o comandante militar Alberto Caso (BOP do 21 de xullo). No BOP do 31 de xullo publícase o Decreto número 1 da Junta de Defensa Nacional de 24 dese mes polo que os sublevados en armas asumen “todos los poderes del Estado”. No BOP do 1 de agosto, como se nada sucedese, anúncianse a apertura de matrícula non oficial na Escola de Maxisterio e a convocatoria de oposicións para o corpo de mestres. O 9 de agosto faise cargo do goberno civil o militar Ramón Bermúdez de Castro, quen, o 11 de agosto, publica a Circular número 66 na que ordena colocar en todas as escolas o “símbolo sagrado de la Cruz de Cristo”.

Circular 166 do Gobernador civil de Lugo ordenando a colocación do crucifixo en todas as escolas. BOP 12 de agosto de 1936

O gobernador, por medio da Circular 174, de 12 de agosto, suprime todos os Consellos locais de primeira ensinanza da provincia, que, de forma provisoria, quedan constituílos polo alcalde de cada concello como presidente, un mestre ou mestra facéndose cargo da secretaría, e o cura párroco e un pai de familia como vogais, “todos ellos dentro de la mayor solvencia moral, patriótica y religiosa”.

O Consello local de Neira de Xusá quedará composto por Manuel de la Peña Dorado[3], alcalde, que é o seu presidente; como vogais, o párroco Elías Capón Paz e Pura Rodríguez Poi. Como secretario, o mestre José Sánchez Capón.

Por orde da Junta de Defensa Nacional de 19 de agosto, “para demostrar al mundo la normalidad de la vida nacional en las zonas ocupadas por el Ejército Español, salvador de España… esta Junta acuerda con carácter general que las escuelas nacionales de instrucción primaria reanuden las enseñanzas el día 1º del próximo septiembre…” Nesta orde tamén se lles ordena aos alcaldes que tomen nota dos mestres que se presenten nos seus postos de traballo e, antes do 30 de agosto, que envíen ao Reitorado a relación dos que“han mostrado en el ejercicio de su cargo, ideario perturbador de las conciencias infantiles, así en el aspecto patriótico como en el moral…

Xa o 26 de agosto de 1936, catro días antes de rematar o prazo que o gobernador fascista lles concedera aos alcaldes para que lle enviasen a listaxe de mestres perturbadores de las conciencias infantiles, así en el aspecto patriótico como en el moral, Bermúdez de Castro asina a Circular número 183, na que “haciendo uso de las facultades que me han sido conferidas, … he venido a disponer que queden dichos señores destituidos desde este momento de los cargos y de las escuelas que han venido desempeñando. E a continuación inclúese unha primeira listaxe de 33 docentes represaliados, dos que cinco son mulleres. Entre eles encóntrase Jesús Varela Seijas, que, tempo despois, será mestre na nosa escola de Papín. A esta circular han seguir outras moitas con longas listaxes de mestres sancionados polos sublevados conta a legalidade.

Sempre, “con la autoridad que me ha sido conferida”, pola forza das armas e pola graza de Deus engadimos nós, o eximio gobernador fascista de Lugo, Ramón Bermúdez de Castro, prosegue na súa cruzada contra o maxisterio. Na Circular número 186 destitúe o Inspector Xefe de ensino primario e nomea para este posto a Joaquín García Ojeda (BOP 01/09/1936).

O 28 de agosto, a Junta de Defensa Nacional emite a primeira orde sobre a organización do curso escolar 1936-1937. Entre outros puntos, no quinto apartado recolle que “se sobreentiende que en todos estos casos deberán concurrir en los interesados [mestres] la circunstancia de no poseer los informes desfavorables… emitidos por la autoridad correspondiente o los que hubieren podido obtener los Rectorados por otros conductos oficiales.

Pola Circular 188 do Gobernador civil quedan anuladas todas as listaxes de interinidades existentes para as escolas da provincia “debido a la condición primordial y especialísima en el Magisterio por una moral cristiana a toda prueba, acendrado patriotismo y dotes inequívocas de honrada ciudadanía.” (BOP 05/09/1936).

Por orde número 13 de 4 de setembro de 1936 da Junta de Defensa Nacional, declárase que as bibliotecas ambulantes fomentadas polo goberno da República, “que han inundado las escuelas a costa del Tesoro público, constituyen una labor funesta para la educación de la niñez. Es un caso de salud pública hacer desaparecer todas estas publicaciones, y para que no queden ni vestigios de las mismas, la Junta de Defensa Nacional ha acordado… se proceda urgente y rigurosamente, a la incautación y destrucción de cuantas obras de matiz socialista y comunista se hallen en bibliotecas ambulantes y escuelas.” Desde este momento os fascistas emprenden a Cruzada consistente na queima inquisitorial de libros como as realizadas polos falanxistas o 19 de agosto na explanada do Club Naútico da Coruña ou a dos libros almacenados na editora de Ánxel Casal en Santiago, entre os que se encontraba a versión galega do Códice Calixtino.

…Un a un, caendo na fogueira, que alegrou a noite dos traidores. Unha noite chegaron os de sempre, de camisa azul e boina requeté, armados con fachos e estandartes. Cercaron a biblioteca para queimar os restos, que deixaran as ratas do banquete. Foi a fin dunha época distinta, onde os homes amaban o saber. Foi o comezo traumático dun tempo, que prefiriu a inxustiza á desorde. Xavier Queipo[4]

Pola Circular 191 publícase outra listaxe de 38 mestres destituídos, entre eles Jesús Pereira Vilares destinado en San Martín Ansareo.

Na Circular 196 (BOP 11/09/1936), o Gobernador dita normas xerais que se seguirán en todas as escolas. Como primeira delas está a formación espiritual dos nenos. Para iso, o catecismo declárase o libro fundamental. En segundo lugar, nas clases débense formar persoas con lecturas que “enfervoricen el alma con la contemplación de los valores tradicionales de esta España bienamada… bien entendido que [os mestres] en modo alguno tolerarán libros de dudosa ortodoxia en lo patriótico y en lo moral y religioso.

Por orde da Presidencia da Junta de Defensa Nacional de 4 de setembro 1936, suprímese a coeducación de xeito que “en las poblaciones en donde hubiere más de un instituto, se dividirá la población escolar, suprimiendo, desde luego, la práctica de la coeducación y destinando un centro a los alumnos y otro a las alumnas. Donde no hubiere más que un establecimiento, se procurará organizar las enseñanzas de manera que los alumnos acudan a las clases por la mañana y las alumnas por la tarde, o viceversa, según convenga….Parece innecesario advertir que en los institutos elementales y locales donde el corto número de alumnos permite hacer sesión única, los profesores procurarán la precisa separación de sexos… ” (BOP 14/09/1936). Moi preocupada a Junta de Defensa Nacional de que continuase en vigor a coeducación existente na etapa republicana, o 23 deste mesmo mes de setembro aproba outra norma, esta vez con rango de decreto, pola que se reitera a necesidade da “moralización de las costumbres, suprimiendo la coeducación en los centros de enseñanza secundaria y similares” e para isto ordena, na medida das posibilidades, que tanto o alumnado como o profesorado dos institutos femeninos estea conformado por persoas deste sexo, coa excepción, claro está, do de Relixión (BOP 30/09/1936).

Na Circular 198, de 15 de setembro, (BOP 16/09/1936), o funesto gobernador civil publica outra listaxe de 28 mestres, entre os que se encontra Santiago Aloguín Roig, “destituidos desde este momento de los cargos y escuelas que han venido desempeñando” e doutros 4 suspendidos de soldo.

Nas circulares 199 e 200 (BOP 18/09/1936), os sancionados son Narciso Aloguín Benedito, pai do noso mestre da Papín, que era director da Escola de Maxisterio de Lugo, e tres catedráticos do Instituto de Lugo. Quen detenta agora o posto na dirección da Normal é María Padrón González[5].

No BO da Junta de Defensa Nacional de 19 de setembro, este órgano militar publica a Circular para cumplimentar las disposiciones relativas a Primera enseñanza, secundaria, profesional, universitaria y superior, na que se ditan as normas que as autoridades sublevadas executarán no territorio por elas dominado polas armas para a represión do profesorado. Para isto, clasifícanse os docentes en tres grupos:

1.- Mestres con informes totalmente desfavorábeis: serán inmediatamente suspendidos de emprego e soldo.

2.- Mestres de conduta non totalmente definida nos informes dos alcaldes ou de persoas solventes: os reitores indagarán sobre as súas condutas para seren ou non clasificados no grupo 1.

3.- Mestres con informes favorábeis emitidos polos alcaldes: se non se reciben no reitorado outros informes contrarios de persoas ou organizacións de solvencia moral, quedan ratificados nos seus cargos.

Esta circular resulta decisiva para a represión do profesorado. Xa nos imaxinamos todos os alcaldes designados polo gobernador civil golpista como presidentes das xuntas reitoras de cada concello enviando apresuradamente listaxes cos nomes dos docentes relacionados ou sospeitosos de relación con calquera partido político ou asociación republicana. Como os informes tamén podían ser elaborados por persoas de “solvencia moral”, encontrámonos con que en varios casos foron os párrocos, como membros dos Consejos Locales de Primera Ensiñanza, e outras “persoas solventes” en cada freguesía quen participaron directamente nesta macabra selección que conduciu a “paseos”-asasinatos con aplicación de torturas previas (Arximiro Rico Trabada mestre de San Bernabé no concello de Baleira e seis máis na provincia de Lugo), execucións en xuízos sumarísimos (seis na provincia), anos de cárcere (Santiago Aloguín Roig mestre na escola de Papín, José Costa Pardo mestre da escola de San Román-Vilaestrofe…), outros fuxidos e desaparecidos e numerosísimos casos de separación do corpo, suspensión de emprego e soldo, desterro (o inspector en Lugo Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” enviado a Cáceres), traslados de destino dentro da provincia…

Pola circular 207 (BOP 19/09/1936), “dado que en los últimos cinco años estuvo en suspenso la enseñanza de la religión, se hace preciso que todos los alumnos la reciban antes de terminar los estudios.” Para executar esta orde, a Xunta de Inspectores de ensinanza primaria acorda que se dediquen dúas horas semanais ao ensino da doutrina cristiá e outras dúas á Historia sagrada. “La enseñanza de la Doctrina Cristiana se hará en base al Catecismo del Padre Astete… La enseñanza de la Historia Sagrada,[sic] conviene, a ser posible, ilustrarla intuitivamente para hacerla más viva e interesante la narración bíblica… (BOP 23/09/1936)”. A preocupación dos sublevados por que a ensinanza da relixión se impuxese nas escolas e por que o alumnado a recibise maniféstase na nota da Xefatura da Inspección de Primeira Ensinanza publicada no BOP de 22/10/1936: os mestres teñen que comunicarlle os días da semana en que impartirán esta materia e deben poner especial escrupulosidad en la vigilancia de la asistencia de los alumnos a las sesiones…dando cuenta a la Inspección en el plazo máximo de veinticuatro horas, de los niños que dejen de asistir, a que al objeto de que el Excmo. Señor Gobernador Civil ordene la imposición de las oportunas sanciones a los padres…

Na Circular 209 (BOP 21/09/1936), o gobernador civil sanciona coa destitución de 11 mestres, co traslado de destino de 33; e a 6 con suspensión de emprego e soldo.

Na Circular 212, o gobernador civil publica a convocatoria de prazas de profesorado para as escolas preparatorias dos institutos de Lugo e Ribadeo. Os candidaturas, claro está, teñen que ser informadas pola Inspección de Primera Enseñanza, por el señor Cura párroco y por el Alcalde de residencia...de cada candidato. A Comisión encargada da selección está presidida por Alfredo Rodríguez Labajo, xa director do Instituto; Joaquín García Ojeda, xefe de Inspección; María Padrón González, directora da Normal; Delio Mendaña Álvarez, catedrático de Física e Química; e Manuel Taboada Salgado, xefe da sección administrativa de ensino primario.

Na Circular 214, Ramón Bermúdez de Castro, o gobernador fascista de Lugo, publica outra listaxe de mestres sancionados: 5 con destitución, 19 con trasladado de destino das que 14 son mulleres; e 6 con suspensión de emprego e soldo por períodos de tres e seis meses.

E segue e segue a represión. Na circular 214, o ínclito gobernador civil sanciona unha vez máis catro mestres de Sober e un de Castro de Rei coa destitución, a 19 con traslado de destino e a 6 con suspensión de emprego e soldo (BOP 30/09/1936).

E así chegamos ao 29 de setembro de 1936 en que a Junta de Defensa Nacional por medio do decreto 138 nomea Xefe do Goberno o xeneral de división Francisco Franco, “generalísimo” de todos os exércitos. Nomeamento que el mesmo elevará, desde este momento, a xefe do Estado e caudillo de España por la gracia de Dios.

O mesmo día 1 de outubro, en que o golpista Franco toma posesión da xefatura do goberno sublevado en virtude da competencia que emana da súa autoridade de Führerprinzip, promulga a súa primeira lei pola que crea a Junta Técnica del Estado, composta por sete comisións que actúan a modo de ministerios.

Decreto 66. Comisións de depuración

O 8 de novembro o Ditador asina o Decreto 66 no que dispón a creación das catro Comisións encargadas da depuración do profesorado:

Comisión A: para depuración do profesorado universitario. Composta por cinco membros dos que tres serán catedráticos de universidade.

Comisión B: para a depuración do profesorado das escolas de enxeñeiros e de arquitectos. Integrada por tres profesores destas ensinanzas.

Comisión C: para a depuración do persoal adscrito aos Institutos, Escolas Normais, de Comercio, Artes e Oficios, de Traballo, Inspeccións de 1ª Ensinanza, Sección Administrativa e, en xeral, a cantos dependan do Ministerio de Instrución Pública e non estean incluídos na misión atribuída ás anteriores Comisións. “…en cada provincia constituida por el Gobernador civil, un Profesor de Instituto de 2ª Enseñanza, un profesor de Escuela Normal, otro de Escuela de Artes y Oficios o de Comercio, y un vecino con residencia en la capital, la que recabará los informes, Instruirá los expedientes oportunos y propondrá resoluciones…”

Comisión D: para a depuración do persoal de maxisterio en cada provincia: “…integrada por un Director de Instituto de 2ª Enseñanza, un Inspector de 1ª Enseñanza, el Presidente de la Asociación de padres de familia y dos personas de máximo arraigo y solvencia moral y técnica…

Creada a Junta Técnica del Estado, creadas as comisións que integran esta Junta, a de Cultura y Enseñanza, “ocuparase de asegurar la continuidad de la vida escolar y universitaria… para adaptar esta a las orientaciones del nuevo Estado”. Da presidencia desta Comisión encargouse o pseudoescritor e turiferario do réxime José María Pemán e, con este cometido, proseguiu a depuración do profesorado ditando normas e instrucións que eran executadas en cada provincia polas respectivas autoridades do réxime. O susodito presidente publica no BOE do 10/12/1936 con anacolutos e outras deficiencias sintácticas esta Circular a los Vocales de las Comisiones depuradoras de Instrucción Pública, para “garantizar a los españoles, que con las armas en la mano y sin regateos de sacrificios y sangre salvan la causa de la civilización, que no se volverá a tolerar, ni menos a proteger y subvencionar a los envenenadores de! alma popular primeros y mayores responsables de todos los crímenes y destrucciones que sobrecogen al mundo y han sembrado de duelo la mayoría de los hogares honrados de España.”

José María Pemán. Presidente da Comisión de Cultura y Enseñanza, encargada da depuración do profesorado

As Comisións depuradoras do profesorado tomarán as seguintes medidas, que reproducimos literalmente respectado os erros de puntuación:

1.- Separación definitiva del servicio para todos los que hayan militado en los partidos del «Frente Popular» o Sociedades secretas, muy especialmente con posterioridad a la revolución de octubre y de un modo general, los que perteneciendo o no a esas agrupaciones hayan simpatizado con ellas u orientado su enseñanza o actuación profesional en el mismo sentido disolvente que las informa.

2.- Traslado para aquellos que, siendo profesional y moralmente intachables, hayan simpatizado con los titulados partidos nacionalistas vasco, catalán, navarro, gallego, etc., sin haber tenido participación directa ni indirecta con la subversión comunista-separatista.

3.- Libre absolución para aquellos que puestos en entredicho hayan desvanecido los cargos de haber cooperado directa o indirectamente a la formación del ambiente revolucionario.

Na provincia de Lugo a Comisión de depuración do persoal de maxisterio estivo integrada polas seguintes persoas: Presidente: Alfredo Rodríguez Labajo, profesor de matemáticas, director do Instituto e, posteriormente, inspector de ensino secundario; José Ramón Fernández Ojeda, inspector de ensino primario; Darío Sáez Sáenz-Díez, representante da Confederación Nacional Católica de Padres de familia, membro de Acción Católica, tesoureiro do Consello diocesano e alcalde presidente da comisión xestora do concello de Lugo; Luis J. Martí e o notario Luis Hoyo de Castro até o momento en que cesa por traslado de provincia (BOP 23/03/1940).

Desde a creación destas Comisións de depuración (decembro de 1936), a maquinaria represiva incrementa a súa funesta actividade. Segundo recollen Antón Costa Rico e Uxía Bolaño Amigo en Represión política e castigo do profesorado republicano na provincia de Lugo. As consecuencias do 36, “no período comprendido entre agosto de 1936 e decembro de 1942, María Jesús Souto detectou un total de 1835 resolucións depuradoras no ámbito do ensino na provincia de Lugo, das cales 1810 afectaban aos mestres (1056 mestres e 754 mestras, incluídos 101 estudantes normalistas), 14 a profesores de instituto, 5 a inspectores de primeiro ensino, e 6 a persoal non docente, que se viron afectados por estes expedientes a práctica totalidade do profesorado de educación primaria, pero non así a totalidade do persoal doutros niveis educativos. Sinala tamén que estas resolucións de depuración se produciron ao longo de todos os anos do período sinalado agás en 1939, concentrándose 1291 delas no ano 1940. Neste total de 1835 resolucións podemos incluír os 203 mestres que, a finais de setembro de 1936, foran sancionados gobernativamente sen teren entrado aínda en funcionamento as comisións de depuración 47 e atendendo, sobre todo, á pretendida orientación política e sindical dos sancionados (118 deles, con destitución e cesamento; 32 suspendidos temporalmente de emprego e soldo; e 53 con traslado a outra escola).

O número de mestres expedientados é tan elevado que nos BOP de 23 e 24 de febreiro de 1940, a Comisión Depuradora do Maxisterio Primario da provincia opta por confirmar nos seus cargos e postos aqueles docentes incluídos nunha listaxe por estaren libres de sospeita de desafección ao réxime e por resolver, a contrario sensu, que o profesorado que fica fóra desa relación queda privado do seu posto de traballo. Este proceder da Comisión provincial lucense, segundo as nosas investigacións, foi único en todo o Estado.

A represión franquista, que se estendeu durante moitos anos, supuxo a perda dun colectivo de ensinantes moi formado, con métodos pedagóxicos avanzados, que foi substituído por excombatentes do exército golpista, por persoas afectas ao réxime e vencelladas ao máis rancio nacionalcatolicismo, profesionais, en moitos casos, carentes de calidade.

Mestres excombatentes

Foron tantos os mestres depurados polo réxime que moitas escolas quedaban sen profesorado co título requirido para o exercicio da docencia e, para cubrir estes postos, a Junta Provincial de Primera Enseñanza de Lugo, en sesión celebrada o 15 de maio de 1941, abre unha convocatoria de candidatos a ocuparen as prazas vacantes con arranxo ao seguinte baremo (BOP de 21 de maio de 1941): mestres de primeira ensinanza, alumnado de maxisterio, persoas con título académico ou carreira eclesiástica. Cos solicitantes que tomen parte nesta convocatoria fórmase unha listaxe con suxeición á seguinte orde de preferencia:

Ser mutilado de guerra.

2º Ser herido de guerra de la pasada campaña, siendo preferido dentro de este orden el que mayor número de heridas demuestre haber sufrido.

Haber participado en la guerra como combatiente.

Haber sufrido prisión o vejámenes graves en la persona del solicitante, por parte de los rojos.

Ser familiar de un muerto o mutilado en la pasada campaña, hasta el segundo grado de consanguinidad o afinidad. Dentro de este orden, se prefiere al que haya perdido al mayor número de familiares.

Dentro de los mismos grados de parentesco, haber perdido mayor número de familiares asesinados por los rojos o a consecuencia de su barbarie.

Tener mutilado por los rojos algún familiar.

8º Haber perdido en grave cuantía los medios materiales como consecuencia de la guerra.  

Santiago Aloguín Roig

Naceu en Deltebre, comarca do Baix Ebre, Tarragona, en 1914. Faleceu en 1984. Era fillo de Narciso Aloguín Benedito, profesor de matemáticas e director da Escola Normal do Maxisterio primario de Lugo desde o día 2 de xullo de 1936 (Gaceta de Madrid deste día) ao 16 de setembro do mesmo ano, data en que é destituído polo Gobernador civil da provincia e, pouco despois, separado definitivamente do servizo coa correspondente baixa na escala do profesorado. O motivo da depuración consiste en que, cando era director da Escola Normal de Gipuzkoa, en setembro de 1932, lle dirixiu unha carta ao seu amigo e condiscípulo Marcelino Domingo daquela ministro de Agricultura, Industria e Comercio da República. Posteriormente, por orde do 27 de febreiro de 1937 da Junta Técnica do Estado, ratifícase a separación do servizo até o 4 de agosto de 1947, en que se revisa o seu expediente de depuración e se anula a orde de 1937 “trasladándoo fóra da provincia de Lugo, non podendo solicitar vacantes durante un ano e inhabilitándoo para cargos directivos e de confianza”. (BOE de 21 de xullo de 1947). No BOE de 12 de decembro de 1947, por orde ministerial incorpórase na quinta categoría escalafonal, con el sueldo anual de 13.200 pesetas, don Narciso Aloguin Benedito, a la Escuela del Magisterio de Pontevedra, por haber reingresado al servicio activo de la enseñanza por Orden ministerial de 23 de mayo del corriente año, en virtud de expediente de depuración”. De pouco lle vale esta incorporación á docencia, pois o pai do noso mestre de Papín falece no ano 1949.

Santiago Aloguín Roig casou coa lucense Teresa Arias Varo. Nas fotos, Santiago e Teresa nos anos 1935-1936 cando el era mestre en Papín.

Santiago Aloguín Roig, en 1934 figura na relación de mestres interinos da provincia. Elixe como destino a escola de Papín na que mantén ese posto até setembro de 1936 en que é depurado polos sublevados contra a República.

Destitución do mestre de Papín. BOP Lugo de 16 de setembro de 1936

No BOP de Lugo de 16 dese mes de 1936, publícase a Circular número 198 do Gobernador civil, o militar golpista Ramón Bermúdez de Castro, na que “haciendo uso de las facultades que me han sido conferidas y teniendo en cuenta los hechos y facultades que concurren en cada uno de los Maestros nacionales que figuran en esta relación… he venido a disponer, … que queden dichos señores destituidos desde este mismo momento de los cargos y escuelas que han venido desempeñando.”

Os represores, non satisfeitos coa súa destitución como mestre en Papín, o 2 de febreiro de 1937, publican no BOP unha requisitoria “para que en el plazo de diez días notifique a esta Comisión su domicilio actual por no encontrarse en el de su destino, con el apercibimiento de que de no hacerlo se le seguirá el expediente como si hubiera sido oído. Asina este requirimento Alfredo Rodríguez Labajo[6] como Presidente da Comisión de Depuración. En setembro de 1936 sanciónano coa destitución como mestre e catro meses despois acúsano de abandono de destino. Esta é unha manifestación máis do proceder dos sublevados. Da mesma forma, os que se rebelaron contra a Constitución republicana condenaron e acusaron de delitos de rebelión e de auxilio á rebelión a aqueles que defenderon a legalidade en incontábeis xuízos sumarísimos. Que os rebeldes contra a República condenasen polo delito de rebelión a quen se mantivo fiel ás leis e aos principios constitucionais é algo máis que un sarcasmo. Mais, que estas condenas se manteñan na actualidade[7] sen seren anuladas só se entende pola conivencia cos restos do franquismo que segue campando ás súas anchas.

Non quedou aí o castigo, os represores encerraron no cárcere de Lugo o noso mestre de Papín durante dous anos e un día, como deu a coñecer a profesora de Historia Contemporánea da USC Maria Jesús Souto Blanco, exactamente desde o 22/10/1937 ao 23/10/1939, ficando desde este momento en “prisión atenuada”.

Poucos meses despois, por orde de 31 de febreiro de 1940 de José Ibáñez Martín, ministro de Educación Nacional, “queda separado definitivamente del servicio y causa baja en el escalafón respectivo don Santiago Aloguín Roig”. Para facer pública esta información para general conocimiento y para los interesados en particular que se inclúe nunha longa listaxe de mestres depurados, asina esta orde no BOP de Lugo de 20 de febreiro de 1940 Alfredo R. Labajo, eximio profesor do Instituto e aínda hoxe fillo predilecto de Lugo, que pouco tempo despois será recompensado polos servizos prestados na represión coa dirección dese centro de secundaria e, posteriormente, co cargo de inspector de educación.

Durante os anos posteriores á saída do cárcere, Santiago Aloguín Roig permanece na cidade de Lugo en calidade de “prisión atenuada” presentándose periodicamente á autoridade militar e seguido moi de cerca polos esbirros do réxime que se encargaban de emitir informes da súa conduta. Despois da prisión atenuada, que supuña seguir cumprindo a condena no propio domicilio, se existían informes favorábeis, acadábase a liberdade condicional que habitualmente viña acompañada do desterro a máis de 250 quilómetros do lugar onde se “cometera o delito” e nesta situación non estaba permitido desempeñar postos de traballo na administración porque subsistía o castigo da inhabilitación. Como medio de subsistencia, imparte clases privadas durante un tempo nunha academia en Sarria.

Así, nesta situación de liberdade condicional, encontrámonos a Santiago Aloguín, a súa muller e os fillos regresando a Deltebre en 1950, o seu lugar de orixe na comarca do Baix Ebre en Tarragona. Alí intenta subsistir dando clases particulares aos nenos do lugar, mais os represores prohíbenlle tamén esta actividade e a familia Aloguín-Arias padece graves penurias económicas, que en parte se alivian coas axudas procedentes dos familiares que deixaran en Lugo. Así pasarían anos, até o momento en que o noso antigo mestre de Papín consegue a rehabilitación e en 1964 encontrámolo de novo como mestre con destino en Sariñena, Huesca, e posteriomente en La Cava, na comarca do Baix Ebre en Tarragona, e, por concurso de traslados, pasa á escola de Polinyà de Xúquer, en Valencia. En 1966 regresa a Sant Jaume d’Enveja, comarca de Montsià, Tarragona. En 1972 segue neste mesmo destino como mestre segundo se publica na revista Escuela Española de 10 de maio. Remata a súa actividade docente en Sabadell.

Algo farían…

Nun pleno celebrado en 2013 no concello de Baralla, ao que pertence o lugar de Papín onde era mestre Santiago Aloguín Roig en 1936, o daquela alcalde manifestou que as vítimas da represión franquista “algo farían” para merecer as penas que sufriron. Vexamos que fixo o mestre de Papín para ser merecedor das sancións a que foi sometido polos franquistas. Para isto, temos como proba documental o expediente da Dirección Nacional de los Servicios Documentales (DNSD) co código ES-37274-CDMH-UD-7523922-ES-37274-CDMH-UD-12620243. Secretaria, Ficheiro 2, A0048589, da Sección Político Social, que reproducimos deseguido

Expediente de depuración do noso mestre da escola de Papín en 1936, Santiago Aloguín Roig. Archivo General de la Administración

Os motivos que alegaron os sublevados fascistas para desposuílo do seu posto de traballo e inhabilitado como ensinante, encarceralo durante dous anos, desterralo e privalo de realizar actividades docentes tanto públicas como privadas durante outros trinta consistiron en ser Presidente da Biblioteca Popular Circulante de Neira de Yusá [sic] e dirixir unha carta “a su correligionario Marcelino Domingo” en abril de 1936.

Primeiro “delito: promover e presidir unha biblioteca destinada a familiarizar coa lectura non só os escolares do concello senón tamén a poboación adulta. No xornal El Pueblo Gallego do 20 de decembro de 1935 publícase a seguinte información sobre esta biblioteca circulante

Biblioteca circulante de Neira de Xusá

Mercé ás xestións do mestre Aloguín, o Padroado de Misións Pedagóxicas vén de doarlle a esta Biblioteca un selecto lote de cen libros. Infórmase tamén de que conta cuns trinta socios que satisfán cotas mensualmente e de que, entre varios dos doantes de libros, figura o señor López Calderón, para nós Alfonso da casa de Caldeiro da Pena, tamén depurado polos franquistas e compañeiro do noso mestre de Papín durante algún tempo no mesmo cárcere de Lugo.

Entre os libros doados figuran A divina comedia, de Dante; Fausto, de Goethe; Cervantes educador e La patria española, de Ecequiel Solana; Lazarillo de Tormes; Mitología, de ¿Bande?; El Quijote, de Cervantes; Mireya, de Frédéric Mistral; Lecturas agrícolas, de Esteban Forcadell Calzada; Con la pluma y con el sable, de Pío Baroja e Cuentos de viejas, de Perrault.

Ningunha destas obras fomenta o adoutrinamento ideolóxico nin atenta contra a propiedade privada nin é danosa para a relixión católica, a non ser que título de mitoloxía agrida “el único dios verdadero” do nacionalcatolicismo.

A ferreña aversión dos golpistas verbo dos libros e bibliotecas maniféstase nas queimas publicas de exemplares que organizan e na censura inquisitorial que impoñen. Como mostra, a Circular 228, de 27 de outubro de 1936 (BOP 28/10/1936), na que o gobernador civil “prohíbe terminantemente el uso en las escuelas de la provincia de la obra de lectura titulada Historia del Mundo para los niños de V. M. Hillyer por considerarla nociva para el dogma católico por los errores de orden moral e histórico que contiene y por la tendencia internacionalista que la inspira al objeto de entibiar en la niñez el sacrosanto amor a la Patria.” Este libro de 470 páxinas era moi lido nas escolas desde 1925 en que se editou en España. A perversidade desta obra reside para os sublevados na personalidade do seu autor, o norteamericano Virgil M. Hillyer, creador dun novo sistema de educación infantil non sectario e mixto e, sobre todo, no feito de que o seu tradutor desde o inglés fose Fernando Sainz Ruiz, Inspector Xeral de Primeira Ensinanza no ministerio de Instrución Pública dirixido por Fernando de los Ríos durante o bienio progresista republicano.

Cando foi proclamada a república en 1931, non existía ningunha biblioteca pública na Galiza. As poucas existentes eran de acceso restrinxido, como sucedía coas universitarias, as dos poucos centros de ensino medio e as procedentes dos mosteiros desamortizados, con obras carentes de valor literario, científico e de divulgación.

Conscientes desta situación de penuria, os gobernos progresistas da República emprenderon un programa de solidariedade cultural a través das Misións Pedagóxicas, que se auxiliaron do Museo Pedagóxico Nacional e mais da Institución Libre de Enseñanza. A biblioteca converterase nun instrumento de cultura tan necesario como a escola, e moi especialmente no medio rural, onde as súas xentes, sobre todo as persoas adultas, nunca foran nin tiñan xa oportunidade de iren a clases manténdose condenadas ao analfabetismo e á ignorancia. Con esta finalidade, moitos mestres participaron na creación de bibliotecas ambulantes, como sucedeu no caso do noso mestre de Papín Santiago Aloguín Roig como presidente da Biblioteca Popular Circulante de Neira de Yusa [sic]. Este foi o seu primeiro delito: contribuír ao fomento da cultura nas xentes do concello de Neira de Xusá.

Segundo delito. No expediente de depuración indícase a continuación que o noso mestre Santiago Aloguín Roig, no mes de abril de 1936, dirixiulle unha carta a “su correligionario Marcelino Domingo”. Marcelino Domingo Sanjuán (Tortosa 1884-Toulouse 1939) era nesas datas ministro de Instrución Pública do Goberno da República presidido por Manuel Azaña. Nas catro liñas de que consta o expediente non se cita o contido desa carta. Sería interesante coñecer o sentido da mesma. Como vemos, o feito de que un mestre dirixa unha carta ao ministro responsábel da administración educativa tamén constitúe un grave delito para os fascistas sublevados.

Coñecedores como somos da biografía de Santiago Aloguín, esa carta ao seu ministro non contiña ningún programa soviético nin plans para subverter a legalidade en vigor. Mais ben, cremos que faría referencia ao desexo de transmitirlle os parabéns polo nomeamento como ministro do novo goberno e para desexarlle éxitos na consecución do plan educativo por el promovido. Santiago Aloguín e o ministro Marcelino Domingo coñecíanse persoalmente. Ambos naceran no daquela concello tarraconense de Tortosa[8], e o ministro, tamén mestre de profesión, fora compañeiro de estudos e moi amigo de Narciso Aloguin Benedito, pai de Santiago Aloguín. Esta información ofrécenola Tere Aloguín Arias, filla de Santiago, neste vídeo que os lectores poden consultar. É posíbel que o noso mestre de Papín, sendo neno, fose alumno de Marcelino Domingo, que, como mestre, tivo como primeiro destino docente ese mesmo lugar de Tortosa.

Marcelino Domingo. Ministro de Instrución Pública entre febreiro e maio de 1936. Retrato ao óleo de Manuel Álgeles Ortiz. Museo Reina Sofía. Madrid

Isto foi o que fixo Santiago Aloguín Roig para ser castigado coas graves sancións a que o someteron os fascistas sublevados contra a legalidade en vigor: ser bo mestre interesado na formación integral do seu alumnado da parroquia de Penarrubia e na extensión da cultura á poboación adulta do concello de Neira de Xusá, en parte analfabeta.

Neste momento da investigación sobre o noso mestre da escola de Papín, solicitamos do AGA (Archivo General de la Administración) o seu expediente completo como profesional do ensino. Estamos seguros de que na súa folla de servizos foron recollidas as súas virtudes como ensinante e de que non figura ningunha valoración negativa. Os nosos antepasados sempre nos dixeron que este mestre se dedicou con entusiasmo á formación íntegra dos seus alumnos. Faláronnos da biblioteca ao servizo de todos e tamén da existencia dun horto arredor do edificio da escola onde se realizaban prácticas de técnicas agrícolas. Esta última información oral podemos corroborala documentalmente coa noticia publicada no xornal El Pueblo Gallego de 20 de decembro de 1935 na que se informa que o mestre é quen doa á esa biblioteca o libro Lecturas agrícolas, de Esteban Forcadell Calzada, editado en 1907 e moi difundido nas escolas de todo o Estado pola súa utilidade no ensino primario para promover entre o alumnado a ensinanza agrícola moderna. A innovación desta obra radica en que contén 150 gravados que ilustran a teoría exposta de forma novelada.

A través da información oral, tamén sabemos que, ao comezo da sublevación militar, Santiago Aloguín abandonou precipitadamente a escola de Papín, onde tiña a residencia como usuario da vivenda do profesorado no primeiro andar do edificio e que tres veciños de Penarrubia, entre os que se encontraban o avó de quen isto escribe, Casimiro Álvarez do Costureiro, Andrés González de Miguelín, e un terceiro do que non recordo con exactitude a identidade mais creo que se trataba de Enrique Fernández de Preto, transportaron de noite o mobiliario do pobre mestre até a freguesía de Furís, xa no concello de Castroverde, para que el o puidese recoller nalgún momento posterior. Os veciños de Penarrubia endexamais volveron saber deste mestre, mais o seu recordo seguiu presente durante xeracións.

Analizados estes feitos desde o presente, e coñecedores como somos da represión que os sublevados exerceron sobre outros mestres pola súa implicación na formación da xuventude e de toda a sociedade, pensamos que Santiago Aloguín, salvando as penalidades a que o someteron, foi un privilexiado pois conseguiu salvar a vida e non ser fusilado por resolución sumaria dun tribunal militar ou executado nunha cuneta como lles aconteceu a moitas outras vítimas da represión franquista. Recordemos o caso de Arximiro Rico Trabada, mestre con destino inicial na escola da Fontaneira e, despois, na de San Bernabé, no veciño concello de Baleira. Como informa Narciso de Gabriel en Vida e morte dun mestre republicano, “ademais de dar clase aos alumnos de primaria, bacharelato e maxisterio, aos que a veces lles daba explicacións conxuntamente, e de atender as clases de adultos, Arximiro realizou no San Bernabé diversas actividades culturais cos seus alumnos. Formou un grupo de teatro, que representou varias obras, desprazándose mesmo a localidades próximas, como A Fonsagrada, Meira, A Pontenova e Montecubeiro… Arximiro organizou tamén un grupo de música e danza e un coro, que ensaiaba un sobriño seu que fora seminarista en Mondoñedo e agora estudiaba maxisterio co seu tío e dirixía el mesmo cando actuaba, facéndoo así mesmo en diversas localidades. Unha das pezas que se interpretaban era o Himno Galego… Os cartos que sacasen con estas actuacións estaba previsto destinalos á adquisición dunha biblioteca escolar, que en 1931 aínda non existía… El era o conselleiro dos labregos, aos que orientaba sobre a mellor forma de cultivar e tirar proveito das súas terras…” Estes “delitos”, e outros como o de non acudir a misa, xustificaron que na Serra de Montecubeiro os seus asasinos fascistas lle cortaran os testículos, lle quitaran os ollos, lle cortaran a lingua e o rematasen a paus e tiros de escopeta o 1 de setembro de 1937. Para maior escarnio, no BOP de 20/02/1940, a Comisión de depuración do maxisterio publica a sanción que se lle impón a Arximiro Rico Trabada consistente na “suspensión de empleo y sueldo por un período de un año siéndole de abono para su cumplimiento el tiempo que ya haya estado suspenso, traslado forzoso dentro de la provincia con prohibición de solicitar cargos vacantes durante un período de un año e inhabilitación para el ejercicio de cargos directivos y de confianza en Instituciones culturales y de Enseñanza.”

Con palabras de Narciso de Gabriel, incluíndo tamén nelas o noso mestre de Papín e tantos outros mestres depurados pola represión franquista: …a importancia de Arximiro Rico Trabada non radica na súa morte senón na súa vida, por máis que a forma en que o mataron resulte inseparable da súa figura. Unha vida dedicada ao ensino, á promoción social das persoas, á mellora das condicións de vida da súa xente. Se fósemos dados á grandilocuencia, diríamos que a morte o converteu nun mártir da Instrución Pública —así, con maiúscula as dúas—. É a súa vida o que queremos honrar. É o seu maxisterio o que queremos reivindicar. É a súa memoria o que queremos rescatar para a nosa memoria colectiva.

Algo farían… Si. Isto fixeron Arximiro Rico, Santiago Aloguín e outros moitos mestres asasinados, encarcerados e suspendidos do exercicio do maxisterio cuxos nomes figuran no silencio mentres os dos seus represores, servidores do réxime franquista, identifican colexios e seguen presentes no nomenclátor de cidades e vilas como constatamos na de Baralla.

Mestres 1936-1970

José Ramón Enríquez Moure.1936-1937

En 1914 obtén o título de mestre superior[9]. Ten o seu primeiro destino en Ferreira de Pantón. Non se lle coñece filiación política, mais é posíbel que simpatizase co Partido Republicano Radical Socialista. En setembro de 1936, Ramón Bermúdez de Castro, gobernador civil de Lugo, “haciendo uso de las facultades que me han sido conferidas ha acordado con esta fecha sufra la sanción que se detalla” (BOP de 21 de setembro de 1936), sanción que se traduce en traslado de destino desde Ferreira de Pantón á escola de Papín. Chega, pois, á escola de Papín a comezos do curso 1936-1937 como sucesor de Santiago Aloguín Roig.

En 1941 segue en vigor o expediente aberto por responsabilidades políticas en aplicación da Lei de 9 de febreiro de 1939. Mais, no BOE de 3 de xaneiro de 1943, Francisco García Vázquez, Xuíz de Instrución do partido de Monforte, “anuncia el haber sido sobreseídos los expedientes que se expresan, tramitados contra los inculpados que se mencionan”. E entre os mestres que figuran na relación está José Ramón Enríquez Moure, de Ferreira de Pantón. Por todo isto, cremos que foi mestre en Papín durante o curso 1936-1937. Sería, xa que logo, segundo coñecemos por distintas fontes orais, José Ramón Enríquez Moure quen transformou en corte dos cochos a dependencia da escola de Papín antes destinada por Santiago Aloguín Roig a biblioteca e o horto, que servía para as ensinanzas de agricultura, en terreo de sementeira para a ceba destes animais.

Jesús Fernández Quiroga. 1938

Cremos que era natural do propio concello de Neira de Xusá. Del sabemos que na década dos vinte era mestre interino con destino en Freixedo, Pantón, posto que abandona e, consecuentemente, queda cesante. En abril de 1936 figuraba de novo na listaxes de mestres interinos con destino en Samos. Temos constancia de que en 1938 rexentaba a escola de Papín (BOP 04/01/1938). A Comisión de Depuración de Maxisterio inclúeo na relación de mestres interinos confirmados nos seus cargos por non seren sospeitosos de desafección ao réxime (BOP 32/02/1940). De feito, o Delegado Nacional de Sindicatos de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, en 1942, noméao Delegado Local de Sindicatos de Neira de Xusá. Na relación de candidatos a interinidades de 1941 figura na listaxe de non combatentes. A razón desta exclusión é a idade, pois cando comezou a guerra tiña 42 anos. En 1942 encontrámolo na escola de Ribeira, parroquia de San Simón da Costa, en Vilalba. En xaneiro de 1943 renuncia ao seu posto como mestre en Penamil, Navia de Suarna.

Non volvemos ter constancia de que continuase exercendo a profesión de mestre, que mudou pola de empregado do concello de Neira de Xusá en calidade de “axente auxiliar” con función de cobros dos arbitrios sobre produtos da terra, utilidades de industria e profesionais, ao servizo dos alcaldes franquistas Ginés Fernández Sierra e Luis Díaz Moreno, este desde 1946. En 1943 xa desempeñaba no concello o posto de oficial primeiro cando o alcalde, Ginés Fernández Sierra, e o secretario municipal interino, Víctor Rubio Alcázar, son sancionados polo caso coñecido como do estraperlo de Baralla. Na sesión municipal celebrada o 14 de febreiro de 1943 (BOP de 28/01/1944) dáse conta da sanción imposta e acórdase que interinamente pase a ocupar Jesús Quiroga Fernández o posto de Secretario municipal “y reintegrándose el señor Rubio Alcázar a su cargo de oficial primero, que ocupaba cuando fue nombrado secretario.” Así, con intercambios de cromos como estes, eran executadas as sancións por corrupción impostas no franquismo aos seus correlixionarios consistentes en 30.000 pesetas de multa e condena de seis meses de traballo nun campo de concentración que lle impuxo a Fiscalía de Taxas a Ginés Fernández Sierra, o alcalde, e en 1.000 pesetas de sanción e tres meses de traballo nun campo de concentración, ao secretario municipal. Faleceu en Baralla o 22 de outubro de 1961 aos 67 anos.        

Jesús Varela Seijas. 1941-1951

Era natural de Santiago de Castelo, no barrio da Chanca de Lugo. Cando os militares se sublevaron contra a República, era mestre na escola de Landrove, Viveiro, e directivo da agrupación local do Partido Republicano Radical Socialista (PRRS). Por este motivo, foi sancionado coa destitución desde este momento do cargo na escola que viña desempeñando, en virtude da Circular 183 asinada o 27 de agosto de 1936 por Ramón Bermúdez de Castro, todopoderoso gobernador civil de Lugo imposto polos militares sublevados. Malia no BOP de 29 de xaneiro de 1940, a Sección Administrativa de Primeira Ensinanza lle concede o beneficio do reingreso á docencia, a efectividade desta resolución aínda non se tiña producido en decembro deste mesmo ano 1940 cando se publica no BOP o seu “traslado forzoso dentro de la provincia con prohibición de solicitar cargos vacantes durante dos años e inhabilitación para el desempeño de cargos directivos y de confianza en instituciones culturales y de enseñanza, no siéndole de abono los haberes que ha dejado de percibir durante su suspensión provisional de maestro”.

Cremos que desde 1941 está incorporado á escola de Papín aínda que non conseguimos corroborar documentalmente esta afirmación. En 1945, segundo se recolle no BOP de xullo dese ano, Jesús Varela Seijas figura como “mestre nacional, casado, residente na escola de Papín”. Nese mesmo BOP tamén se di que un irmán seu, chamado Primo[10], é capitán de enxeñeiros en Villaverde, Madrid. No BOP do 29 de maio de 1946, a Comisión Provincial de Educación Nacional de Lugo concédelle permiso para ausentarse do traballo para concorrer ás oposicións de escolas de máis de 10.000 habitantes. Non debeu de aprobar estas oposicións porque continuou como mestre en Papín.

Sabemos que estaba casado con Consuelo Quintela Ruiz, tamén mestra en Neira de Rei falecida en febreiro de 1947, e que tivo tres fillos: Jesús, empregado no Consorcio Madrileño; Luis, mestre con destino en Santalla, Negueira de Muñiz; e María Carmen, nese momento estudante na Universidade Central en Madrid e en 1949 mestra substituta en Lugo, en 1951 mestra interina en Cerceda, O Corgo, e en Neira de Xusá. En 1952 consta xa como mestra con destino en Madrid. En maio de 1950 Jesús Varela Seijas aínda figura como mestre en Papín.

Pai e filla trasládanse a Madrid, posibelmente no curso 1951-1952, ambos como mestres. O pai impartiu clase en Alcorcón e alí os alumnos e as súas familias gardan bo recordo da súa implicación como docente. Por este motivo, o actual CEIP de Alcorcón leva o nome de Jesús Varela “muy considerado entre la población alcorconera por ayudar a los alumnos a conseguir becas para continuar sus estudios en centros de Madrid.”

Isto é canto sabemos documentalmente de Jesús Varela Seijas como mestre de nenos da escola de Papín. Mais, por referencias orais dos nosos antepasados e tamén polo recordo dos seus exalumnos vivos na actualidade, sabemos que era coñecido cos alcumes de Macarrón e Golpazos debido ao emprego didáctico do método “la letra con sangre entra”. Contan algúns dos nosos veciños exalumnos de Golpazos que, cando seus pais lles anunciaban que ese día non acudirían á escola por teren que axudar nos traballos do campo, celebraban a nova con manifestacións de intensa ledicia por evitaren a zarracina de labazadas e moquetes que repartía a diario na aula.

Francisco Varela Casal 1952-1965

Como xa dixemos anteriormente, a represión franquista depurou moitos mestres republicanos. Para ocupar as súas vacantes, o réxime convocou as chamadas “oposicións patrióticas”, ás que só podían presentarse mutilados de guerra, excombatentes, expresos e persoas afectadas nos seus bens patrimoniais polos efectos dos combates. En maio de 1942, a Junta Provincial de primera Enseñanza de Lugo publica no BOP o acordo polo que se “aproba a lista definitiva de maestros Excombatientes aprobada [sic] por la Ponencia” na que figura Francisco Varela Casal co número 10 recoñecéndolle 1 ano, 3 meses e 9 días “de servicio en campaña”. En xuño dese mesmo ano, é nomeado mestre interino excombatente con destino na escola de Veiga de Brañas, parroquia de Zanfoga, no concello de Pedrafita do Cebreiro.

BOP de Lugo. Maio de 1942

Alén de mestre, tamén tiña o título de practicante, que lle expide a Universidade de Santiago en 1940.

Francisco Varela destinado á escola de Papín. El Progreso 22/08/1952

No BOE de 16 de xuño de 1954 publícase a orde pola que ascende á categoría sétima do “Escalafón General del Magisterio Nacional Primario y sueldo anual de 12.500 pesetas, más dos mensualidades extraordinarias”. En 1957 ascende á “sexta categoría y sueldo anual de 21.480 pesetas, más dos mensualidades extraordinarias”.

En xuño de 1959 participa no acto de confirmación dos nenos da parroquia en San Martín polo bispo Ona de Echave. El Progreso. 09/06/1959

Participou en diversos cursos de técnicas agrícolas organizados pola Inspección Provincial de primaria. En 1956, este órgano de Educación concédelle unha sulfatadora de man para realizar prácticas agropecuarias na escola de Papín. En 1962, obtén o certificado de capacitación agropecuaria, un premio de 500 pesetas e un lote de material escolar. En 1963 tamén foi seleccionado para realizar un curso de iniciación profesional con beca que se celebra na Coruña na primeira quincena de setembro. A administración franquista tratou de implicar os mestres das escolas rurais na formación agraria. Para isto, eran seleccionados, e mesmo gratificados con diñeiro, aqueles que colaboraban nestas tarefas, que tiñan máis efectos publicitarios na prensa que valor real para os labregos. Neste cometido quen tivo un papel protagonista foi Jesús Seoane Cortés, mestre da veciña escola de San Martín, pola súa participación na creación da Cooperativa del Campo del Valle de Neira de Rei, adscrita á Unión Territorial de Cooperativas de Lugo e integrada na Unión Nacional de Cooperativas del Campo, creada en 1942, e controlada pola F.E.T.-J.O.N.S.

Francisco Varela Casal casou cunha veciña da Pena e, pouco despois, solicitou destino para Avilés.

Manuel Rivas. 1965-?

No curso 1965-1966 era mestre en Papín segundo se le en El Progreso de marzo de 1966 con motivo da visita que realizara o día anterior ao concello de Neira de Xusá o omnipresente gobernador civil franquista Eduardo del Río Iglesia.

Nese momento Josefa Sánchez Guerra era a mestra encargada das nenas desta mesma escola

José Torres Sarceda. 1967¿1970?

Era natural da cidade de Lugo. En 1932 é un dos asinantes do Manifesto da Unión Regional de Derechas de Lugo canda outros ilustres dereitistas da cidade. A URD foi un partido político galego vencellado ao conservadorismo católico de A. Herrera Oria e de Gil Robles, posteriormente integrado na CEDA.

En abril de 1936 figuraba como aspirante a unha interinidade como mestre na provincia de Lugo. Descoñecemos se foi aceptada ou non esta solicitude. En cambio, si sabemos que 1940 ten destino como interino en Prevesos, Castro de Rei, na súa condición de excombatente franquista con dous anos e cinco meses de “de servicio en campaña”. En 1946 tamén figura na relación de mestres aspirantes a interinidades na mesma condición de excombatente e asígnaselle a escola de Monteseiro, na Fonsagrada. En abril de 1950 xa contaba con 6 anos de servizo en situación de interino. En 1952 seguía sendo mestre interino en Folgoso do Caurel. En 1959 seguía nesa mesma condición con destino en Lugo cidade.

Temos constancia da súa relación coa Falange. En 1947 figura como seleccionado para un curso de instrución organizado pola Jefatura Central de Enseñanza del Frente de Juventudes. Pola súa fidelidade ao réxime franquista foi obsequiado con premios outorgados polo Frente de Juventudes al Magisterio español como o consistente na concesión de dous puntos para o ascenso na escala no concurso de traslados como se pode comprobar na prensa do 21 de novembro de 1965. Outros colegas seus recibiron gratificacións máis substanciosas como as 4.000 pesetas do mestre de Gondulfe, as 3.000 do mestre da Pobra de Burón, ou os diplomas de honra que se reparten entre múltiples mestres das escolas da nosa xeografía. Hai que constatar que, malia seren moitas as mestras que atendían as escolas de nenas, ningunha delas era merecedora para a Partido Único de premios pola súa fidelidade ideolóxica.

Descoñecemos con exactitude durante cantos cursos estivo destinado na escola de nenos de Papín. Sabemos que chegou aquí en 1967 procedente da escola da Aldea de Arriba, A Pobra de Brollón, e que en 1971 xa estaba destinado na escola de Roás, en Cospeito.

Mestras 1936-1970

Das mestras destinadas a esta escola temos moita menos información que dos seus compañeiros varóns. As razóns poden deberse a que permaneceron neste destino durante períodos máis breves que os seus compañeiros varóns por ocuparen moitas delas esta praza en réxime de interinidade. Esta é a razón pola que existen menos vestixios do seu paso nas hemerotecas que consultamos.

Como dixemos, a escola de Papín constaba de dous pavillóns, un para nenas e o outro para nenos, e comezou a funcionar no curso 1934-1935. Neste período inicial, a mestra das nenas era Manuela Salas Reimonde, que permaneceu neste destino tan só este curso porque no seguinte encontrámola en Tiraña-Laviana, Oviedo (BOP 04/12/1935). Durante estes meses compartiu docencia con Santiago Aloguín Roig, o mestre destituído e encarcerado polos sublevados, encargado dos nenos.

No curso 1936-1937 figura como mestra María Mercedes Buide Ventura (BOP 10/02/1936). En 1940, a Comisión Depuradora do maxisterio de Lugo inclúea na listaxe de mestres non sospeitosos de desafección do réxime e confírmaa no mesmo destino de Papín (BOP 23/02/1940).

Para o curso 1937-1938 é designada Pilar López Díaz para a escola de Papín (BOP de 15/10/1937). Desde 1932 figuraba como candidata a ser mestra interina. En maio de 1941, a Comisión Depuradora concédelle permiso para continuar estudos (BOP de 07/05/1941). No BOP de 02/02/1940, a Comisión Depuradora do maxisterio confírmaa no seu destino por non ser sospeitosa de desafección co réxime.

Carmen Porto Porto. Cremos que era natural de Santiago e que conseguiu o título de maxisterio en 1934. Ten desdino nesta escola de Papín no curso 1947-1948(BOP 13/03/1947). Con anterioridade, xa en 1937, era mestra interina designada directamente polo Reitorado da Universidade de Santiago como era preceptivo polas autoridades sublevadas.  En 1951 figura como mestra interina na escola de Pidre, en Palas de Rei.

En 1954 era Elvira Costa González quen estaba á fronte desta unidade escolar de nenas. (BOP 03/03/1954). Natural de Chantada, onde seu pai era Depositario municipal, en 1935 era alumna do Instituto de Bacharelato de Lugo. Casou en 1943 con Manuel Silvosa Picos, “camisa vieja” de Falange e xefe local en Castro de Rei, membro do Sindicato Agrario Católico, voluntario na Guerra civil e na División Azul, Delegado provincial de Información e Investigación de Falange e xefe da Policía Local de Lugo até a súa xubilación en 1974. En 1941, Elvira Costa González obtén o título de mestra. Neste mesmo ano solicita que lle sexa recoñecida a condición de mestra excombatente[11], solicitude que non se lle concede nese momento porque “falta certificado médico, avales y penales” (BOP 29/09/1941). Supoñemos que se lle recoñece esta condición unha vez presentados os documentos acreditativos da condición de excombatente dado que o seu marido resultou ferido na fronte en 1937. Elvira estaba afiliada a Falange como se comproba na relación publicada en El Progreso de 11 de agosto de 1943. En 1951 tiña destino como interina na cidade de Lugo. En 1955 é destinada á escola de Brigos de Arriba, en Chantada. No curso seguinte volve ter destino como interina en Lugo. En 1956 ten destino na escola de Lousada, Samos.

En 1955 quen rexentaba a escola de nenas de Papín era América Docampo Carballedo escola de Papín. Era natural de Castroverde. Como mestra interina só estivo neste destino un curso.

En 1956 a mestra de nenas en Papín era Ermitas Valiña Sánchez. (El Progreso. 05/08/1956). En 1949 era alumna bolseira da Escola de Maxisterio en Lugo. Nese mesmo ano figura incluída nunha listaxe como membro da Sección Femenina de Falange (El Progreso 05/11/1949). En 1952 ten 8 días de servizo como mestra interina e en 1953 figura con 8 meses e 7 días de servizo na mesma condición de interinidade. En 1955 aproba a oposición de mestra e, cremos, que o primeiro destino que tivo como tal foi na escola de Papín. Na situación de mestra con praza, cremos que mantivo este destino durante varios anos consecutivos pois en xuño de 1959 participa no acto de confirmación dos nenos da parroquia en San Martín polo bispo Ona de Echave.

Josefa Méndez Guerra, recordada como “Fina” polas súas exalumnas.  Nada en 1933, estudou maxisterio na Escola Normal feminina “Isabel la Católica” de Santiago. En 1959 aproba as oposicións. Foi mestra de Papín na década dos sesenta. Estaba casada con Camilo Villasante, tamén mestre con destino na veciña escola de San Martín de Neira de Rei. Eles, canda os outros mestres de Papín e de Camporredondo, en colaboración cos párrocos, adoitaban organizar nesta época excursións acompañando os nenos coñeceren o mar e gañar o xubileo a Compostela cando coincidía este acontecemento, como sucedeu o 22 de xuño de 1965 baixo o patrocinio da campaña turística promovida polo daquela ministro franquista Fraga Iribarne. (El Progreso. 17/05/1965).

Visitación Fernández Díaz. Naceu na casa do Roxo da veciña freguesía de San Martín de Neira de Rei. Adquiriu o título de mestra en 1933. Foi mestra substituta e interina en diversas escolas: Mosteiro, en Cervantes; Bendollo, en Quiroga; Vilachambre, Castrolanzán, Vale, en Baralla; Lanzós, Vilalba; Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro… Tamén temos constancia de que nalgún curso tamén exerceu como mestra de nenas na escola de Papín.


[1][1] Antes da sublevación militar de 1936, o exército español estaba estruturado en oito divisións orgánicas e tres comandancias militares. A IV División tiña a súa cabeceira na cidade de Barcelona abarcando as catro provincias catalás. Ao mando desta estaba o xeneral de brigada Francisco Llano de la Encomienda, que se mantivo fiel á República.

[2] O franquismo tamén violaba a ortografía de “su sagrada lengua española” como comprobamos aquí. Non podía ser doutro xeito sendo José María Pemán o Presidente de la Comisión de Cultura y Enseñanza encargada de dirixir a represión sobre o profesorado coa publicación no BOE de circulares inzadas de violencia verbal e de desatinos gramaticais como esta Circular a los Vocales de las Comisiones Depuradoras do Instrucción Pública que este pseudoescritor, en calidade de Presidente, asina en Burgos o 7 decembro de 1936 (BOE 10 decembro de 1936).

[3] Bacharel en 1915, iniciou estudos de Medicina. En 1927 é estudante de Dereito, carreira que, parece ser, remata en 1935. Na ditadura de Primo de Rivera, en 1927, xa fora nomeado tenente de alcalde de Neira de Xusá e, logo, alcalde. Coa sublevación militar foi de novo designado Presidente da Comisión xestora do concello, cargo ao que renuncia, por “motivos de saúde”, en agosto de 1937 (BOP 25/08/1937). En 1932 fóralle incoado expediente por responsabilidades derivadas como alcalde por un acordo ilegal aprobado en 1927 en relación co nomeamento do médico municipal. (BOP 15/10/1932). Tamén desempeñou o cargo de xuíz municipal do concello de Láncara desde 1939. En 1940 foi designado xuíz municipal de Neira de Xusá. Posteriormente, en 1946, volveu ser nomeado xuíz en Láncara. Faleceu o 10 de marzo de 1947.

[4] Homenaxe a Ánxel Casal. © Asociación de Escritores en Lingua Galega. 2005.

[5] Como testemuña F. Rodríguez Lestegás en Apuntamentos para unha historia da Escola de Maxisterio de Lugo (1842-1972), no primeiro claustro que preside, María Padrón González proponlles aos presentes felicitar o Excmo. Sr. Xefe do Estado Sr. Franco e comunicarlle “la satisfacción del claustro por verle al frente del Estado español y ofrecerse para ayudar a secundar su obra”, o que resulta aprobado por unanimidade. Aquí comeza o ascenso desta antiga profesora de Historia da Normal de Lugo que, posteriormente, acadará altos cargos durante a etapa franquista, entre eles o de Consejera Nacional (BOE 22/01/1962), Inspectora Central das Escolas de Maxisterio (BOE 10/03/1964).

[6] Foi profesor de matemáticas, director do Instituto de Lugo desde 1947 e inspector de Ensino Medio. Fillo predilecto de Lugo.

[7] Nestes tempos (xullo de 2022), encóntrase en tramitación parlamentaria a Lei de Memoria democrática que declara a ilexitimidade dos tribunais, xurados e calquera outros órganos penais ou administrativos que, durante a Guerra, se constituíron para impoñer, por motivos políticos, ideolóxicos, de conciencia ou crenza relixiosa, condenas ou sancións de carácter persoal, así como a ilexitimidade e nulidade das súas resolucións.

[8] Nos tempos de República, non existía o concello de Deltebre, entidade de poboación que pertencía ao de Tortosa. O concello de Deltebre, onde naceron Marcelino Domingo e Santiago Aloguín, formouse en 1977 pola unión de dúas partidas: Jesús e María e La Cava que, á súa vez, se segregaron de Tortosa nese mesmo ano.

[9] Existían dous títulos de mestre: o elemental e o superior. Coa aplicación da Lei Moyano, desde 1857, para a obtención do título elemental contemplábase un exame de ingreso, dous cursos de estudo na Normal e a superación dunha reválida. Os mestres superiores, ademais do exame de ingreso e reválida, cursaban na Normal catro anos. Mais, convén saber que seguían estando facultados para a docencia os denominados mestres incompletos, aos que, sen estudos e previo exame, se lles outorgaba un certificado de aptitude pedagóxica. Até 1901 existiron tamén os mestres Normales, que cursaban cinco anos.

[10] No BOE de 13 de abril de 1939 insírese a seguinte orde “Reintegrado a la situación de actividad por Orden de 5 de abril de 1939 (B. O. núm. 98), el Sargento don Primo Varela Seijas, asciende a Alférez, con antigüedad de 20 de marzo de 1937, colocándose a continuación de don Gregorio Sosa Expósito. Burgos, 11 de abril de 1939.— Año de la Victoria.—El General Subsecretario del Ejército, Luis Valdés Cavanilles.

[11] O exército sublevado franquista non contou con mulleres nas súas filas como aconteceu coas milicias defensoras da legalidade republicana. Mais, como xa dixemos, as mulleres franquistas tamén podían gozar da condición de excombatentes se eran “familiares de un muerto o mutilado en la pasada campaña, hasta el segundo grado de consanguinidad o afinidad. Dentro de este orden, se prefiere al que haya perdido al mayor número de familiares”.

Relacionados...

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Ara votiva de Papín

Achado en 1905 En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893

Novos valores catastrais

15 de setembro de 2023 Nestes días de setembro, están chegando as notificacións dos novos valores catastrais que adquiren as terras e

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario