Os Regos

Regos

As serras de Penarrubia son ricas en augas que descenden até o val. Tres son os regos que durante todo o ano fertilizan os prados e, no pasado, moveron tamén as rodas dos muíños que moeron o cereal. Pola riqueza que supuña o seu aproveitamento, tamén foron numerosos os conflitos e preitos que enfrontaron os veciños.

Mapa cos regos en vermello

Rego do Cebeiral[1]

Mide 1.476,35 metros. Nace no noroeste dos estremeiros do monte de Penarrubia co monte de Cernadas. Descende polos límites do Monte de Penarrubia, entre os Cibeirais ao sur e a Canteira ao norte.

Rego de Ilarín

Segue polas Devesas e os Rebolos, onde conflúe co Rego das Louseiras conformando desde aquí o Rego de Ilarín, que só leva auga nos meses chuviosos, para constituír logo, desde Seis Fontes, o Rego da Pena. En tempos pasados as súas augas movían o muíño do Marqués. Segundo a Confederación Hidrográfica, desde o punto de confluencia do rego do Cebeiral co das Louseiras orixínase o rego da Pena.

Rego do Mazuco[2] ou das Louseiras[3]

Para os veciños de Penarrubia este rego denomínase do Mazuco, sen embargo, para a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recibe o nome de rego das Louseiras. Ten 868,97 metros de lonxitude. Nace na Pena do Escalón, no Barreirón. Baixa polas Louseiras e conflúe co Rego do Cebeiral pouco antes de chegar aos Rebolos, conformando desde aquí o Rego de Ilarín (Rego da Pena para Confederación Hidrográfica). Neste treito encóntrase o Pontigo que nos permitía, en tempos pasados, cruzar as augas deste rego aos veciños que Penarrubia que tantas veces tiñamos que ir á Taberna ou a Cartería de Val.

Rego de Ilarín

Rego de Painzal[4]

Mide aproximadamente 1.320 metros. Nace na fonte de Painzal. Baixa bifurcado polo Curral de Arriba de Penarrubia e polo Patal. Conflúe no Prado da Fonte do Costureiro onde nacen augas de maior caudal que regan o Prado Grande e baixan a outros prados até desembocar co Rego da Pena no Gruñedo.

No Prado da Fonte do Costureiro había un muíño en condominio. A metade pertencía a José López Núñez, de Lopo, e a outra metade, a José Álvarez Calderón, veciño de A Pena, e a José[5] Álvarez Bolaño, da casa do Costureiro.

Restos do muíño no Prado da Fonte

No ano 1908, cando este muíño xa se encontraba deteriorado en sen efectos, a casa do Costureiro comprou as partes dos outros dous propietarios con todos os dereitos que lles corresponden: materiais e soar. Aínda se conservan algunhas pedras deste muíño no sueste do Prado da Fonte. Actúan como testemuñas neste documento de compravenda Vicente[6] Vázquez Fernández e Ángel[7] Prieto Castro.

No actual Prado Grande, lindando coas Parcerías, na presa dos lavadoiros, existían hai anos tamén as ruínas dun muíño. A súa propiedade era en condominio pertencendo a metade a Ramón Diez de Freijo, veciño do lugar de Valín, parroquia de San Pedro da Esperela, e a outra metade a José López[8] e a Andrés Martínez[9].

Restos do muíño do Prado Grande

No ano 1848, Ramón Diez de Freijo concédelle en foro a súa parte no muíño e mais o prado en que se sitúa a Vicente López Moreno e a súa muller, Manuela García, veciños de Penarrubia onde residían desde había pouco procedentes de Madrid. Este matrimonio habitaba en calidade de propietario a casa chamada da Castellana, a actual do Costureiro.

Regos de Penarrubia e da contorna da cunca do río Neira

Rego da Pena.

Recolle augas dos regos do Cebeiral, das Louseiras e de Painzal, mais o maior caudal procede dos mananciais de Seis Fontes. Segue polos prados da Pena, Carballedo, Airexe e desemboca no río Neira cerca dos Mazos. No prado da Campa da casa de Montenegro, as súas augas moveron as moas dun muíño durante moitos anos que, desde hai tempo, está en desuso. Segundo a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, o rego da Pena ten 3.957,80 metros de lonxitude.

Muiño de Montenegro

[1] Ver Cebeiral.

[2] Ver Mazuco.

[3] Ver Louseiras.

[4] Ver Painzal.

[5] Bisavó dos actuais irmáns desta casa.

[6] Casa da Casela. Manuel Vázquez casou con Carolina Dorado, os avós dos actuais irmáns desta casa.

[7] Casa de Ribeiro. Ángel Prieto Castro é pai de Obdulia Prieto Fernánez, a avoa dos actuais irmáns desta casa.

[8] Da casa de Lopo, pai de Constantino López López.

[9] Da casa de Martiz. Pensamos que sería tataravó dos actuais irmáns desta casa.

Relacionados...

Fontes

Coa axuda de Pepe de Ribeiro, nunha sobremesa tomando café, realizamos un percorrido polas fontes de Penarrubia. Contamos as dezasete que figuran

Disputas polas augas

A auga na historia Hoxe todas as augas son de dominio público e ninguén pode facer uso delas sen previa conce­sión ou

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario