Coa axuda de Pepe de Ribeiro, nunha sobremesa tomando café, realizamos un percorrido polas fontes de Penarrubia. Contamos as dezasete que figuran localizadas con puntos azuis neste mapa.
Seguro que esquecemos algunha delas. E, claro está, non contamos todas aquelas que manan tan só nos invernos moi chuviosos e pronto deixan de botar auga. Das dezasete que enumeramos, case todas manan auga perennemente. Hai algunha que se mantén seca na maior parte do tempo, mais tamén a incluímos polo especial afecto que lles profesamos, como acontece coa fonte da Abraira ou do Calellón, que só abrolla nos meses moi chuviosos.
Fonte de Navallos
Nace no límite suroeste do monte de Penarrubia lindando co monte da Fonte dos Poios polo oeste e polo monte de San Martiño polo sur. Ten auga todo o ano, mesmo nos meses de estiaxe cun caudal moi reducido. A Consellería do Medio Rural construíu un depósito de formigón no que se almacena auga que pode ser utilizada polos servizos de extinción de incendios.
Fonte da Furada
Queda no souto que hai despois das Devesas onte están os eucaliptos de Ruán. Baixa a Fontán do Caselo, que rega coas súas augas.
Fonte da Devesa
Tamén trae auga todo o ano. Aprovéitaa a Devesa de Ribeiro.
Fonte de Penarrubia
É a fonte máis abundante en auga. Rega os prados e aproveitábase para a bebida dos humanos antes da chegada da traída ás casas. Nace no Prado da Fonte do Costureiro, pero a auga da Fonte de Penarrubia recóllese máis ao leste ao pé do Castro. En realidade, neste lugar existen dúas fontes: a Fonte do Prado e a Fonte de Penarrubia. Aínda que están xuntas, a do Prado nace no trollo do propio prado en confluencia coas augas que proceden do rego de Painzal e a de Penarrubia remanece contra a fondada do Castro. Esta segunda ten alí o depósito no que se recolle a súa auga, que se conduce entubada até os tres canos da construción.
Época da súa construción
A fonte de Penarrubia é a única mostra de arquitectura civil comunitaria. Non existe neste lugar ningún outro elemento arquitectónico de uso colectivo que non sexa de carácter relixioso. Segundo as nosas informacións, foi construída a principios da década dos anos trinta do pasado século, en plena Segunda República. Nesta etapa da historia de Penarrubia, constatamos a existencia entre os fregueses dun interese social que non se mostrou posteriormente: nestes anos, edificouse a escola de Papín por iniciativa dos irmáns Álvarez Saavedra, emigrantes afortunados na Arxentina. Estes irmáns tamén sufragaron os gastos da instalación do reloxo na torre da igrexa. Neste tempo tamén existiu, nin máis nin menos, unha banda de música.
Estilo artístico
A Fonte de Penarrubia non se pode considerar un elemento arquitectónico tradicional ou popular. Esta obra tivo que ser ideada e dirixida por persoas coñecedoras da arte culta. Co establecemento destas dúas categorías, popular e culto, non pretendemos subestimar o popular porque tanto unha como a outra manifestación expresan ideas simbólicas ou espirituais dunha colectividade. A diferenza entre ambas radica simplesmente en que a arte popular é natural e espontánea, non se serve doutros modelos para a súa creación e maniféstase moi vencellada ao medio no que se orixina tanto polos materiais que emprega como polas ideas que expresa.
O material empregado na construción é a cachotería revocada de cemento, area e cal. Cremos que, inicialmente, esta fonte resaltaría en primavera e verán pola súa cor agrisada no medio do verdor dos prados e das árbores caducifolias. En inverno, confundiríase cos castiñeiros e freixos que a rodean.
Descrición arquitectónica
Arquitectonicamente, estrutúrase en dous corpos. O inferior está decorado verticalmente nos seus laterais por cadansúa moldura lisa rematada no extremo inferior nun adelgazamento de liñas onduladas. Na moldura horizontal que percorre este primeiro corpo, de dobre anchura que as laterais, sitúanse simetricamente os seus tres canos.
No segundo corpo é onde a fonte presenta os elementos propios da ornamentación culta. Seguindo os modelos da arte clásica, un entaboamento con dentículos actúa como elemento que soporta o frontón circular que se enrola a ambos lados en ménsulas curvilíneas. En tempos pasados, este frontón estaba coroado por un acroterio vasiforme, do que aínda se conserva a súa basa. Sospeitamos que tamén existiría no tímpano algún elemento decorativo debido aos vestixios que se poden observar no lugar en que estaría emprazado.
Quen foron os promotores?
Gustaríanos coñecer a identidade das persoas promotoras e deseñadoras desta fonte. Sen lugar a dúbidas, tiñan coñecemento dos movementos arquitectónicos e cremos que a súa construción non se debeu á iniciativa clerical. Tamén puidese ser que o deseño desta fonte partise dos propios albaneis que a construíron. A isto vén engadirse a información que quen isto escribe recibiu dun tío seu, nacido en 1917, que referiu hai xa anos que, sendo adolescente, un dos albaneis que traballaban na obra da fonte lle fixo referencia ao compás e á escuadra, dispostos segundo a simboloxía da masonería, como expresión da nova fraternidade dos humanos. ¿Estaría colocado este símbolo como mediorrelevo no círculo central do frontón a modo de tímpano? Mais, preguntarase alguén como un albanel dunha aldea pode ser coñecedor dos elementos da arquitectura culta e manter contactos coa masonería. É certo que esta institución estivo integrada maioritariamente pola burguesía e as clases medias, mais tamén o é que, desde comezos do século XX, a secundaron de forma minoritaria persoas pertencentes á clase obreira, nomeadamente anarquistas. E da existencia de anarquistas en Penarrubia naqueles anos sempre se falou. Todos os que pasamos dos sesenta anos escoitamos en repetidas ocasións que na aresta noroeste da fachada da reitoral fora colocado naqueles tempos un explosivo que lle orixinou unha fenda que se mantivo á vista até o momento en que toda a casa se veu abaixo na década dos noventa do pasado século. E tamén sabemos que Emilio López Rodríguez, o polémico párroco entre 1910 e 1928, viuse obrigado a abandonar Penarrubia expulsado da freguesía polos veciños que empuñaban fungueiros entre o estrondo dalgún disparo de escopeta. Algunha destas persoas, posteriormente emigrará a Arxentina e alí prolongará as súas actividades reivindicativas sufrindo persecución e torturas por este motivo durante os gobernos de Hipólito Yrigoyen e de José Félix Uriburu.
Eran tempos de axitación social e de protesta contra a explotación e isto adoita estar acompañado do interese pola formación persoal. ¿Alguén se pode imaxinar hoxe a existencia dunha banda de música en Penarrubia na que os seus integrantes se reunisen a ensaiar baixo as ordes de Serafín de Castrolanzán despois de realizaren os pesados traballos agrícolas?
Outra hipótese sobre a autoría da promoción e deseño desta fonte podería relacionarse co mestre da nova escola de Papín, cuxo edificio foi rematado nos primeiros anos da década dos trinta coincidindo coa chegada da Segunda República. Del sabemos que, nos primeiros días da sublevación militar de 1936, viuse obrigado a fuxir dos criminais que asasinaron aquelas persoas que se tiñan identificado cos ideais republicanos. Tamén sabemos como algúns veciños de Penarrubia acudiron no seu auxilio ao transportárenlle nun carro en plena noite o mobiliario deste pobre mestre a través do monte en dirección a Furís.
Mais, esta hipótese da relación da Fonte de Penarrubia cos ideais republicanos e masónicos non sería unha excepción de manifestacións semellantes noutros lugares de Galiza. Sabemos que Manuel Rodríguez Sanxiao, canteiro de profesión e alcalde de Cuntis asasinado xunto a outros membros da corporación republicana o 16 de setembro de 1936 polos falanxistas sublevados, promoveu durante o seu mandato a construción dunha fonte na parroquia de Arcos de Furcos na que se aprecia a simboloxía masónica.
O certo é que o lugar da Fonte está en estreita comuñón coa historia da civilización de Penarrubia. Estas augas permitiron o primeiro asentamento humano, saciaron a sede producida por tantos e tan duros traballos durante máis de mil anos e serviron para fertilizar as terras.
Intervención de 2016
No ano 2016, desde o Concello realizouse nela unha intervención consistente na limpeza da propia fonte e da súa contorna e mais no levantamento de paredes nas zonas frontal e laterais. É certo que a explananda na que se erguía a construción estaba moi deteriorada polo uso e necesitaba ser reparada, mais desde o meu parecer, as obras realizadas foron excesivas e ocasionaron destrución de valiosa vexetación necesaria para o mantemento do ecosistema.
Fonte do Prado Grande
Sitúase no trollo deste prado no límite cos prados das Chousas. Hai quen di que esta non ten a consideración de fonte e que máis ben se forma polas escorras das augas da presa da Fonte de Penarrubia.
Fonte do Calellón
É unha fontiña situada baixo o antigo soar da casa da Abraira. Só remanece no inverno cando hai crecida de auga.
Fonte da Fame
Siatuada na entrada do Albarín de Martiz. Existen na Galiza numerosas fontes que levan este topónimo. A máis coñecida de todas é a do concello de Aranga. Na Devesa da Rogueira, no Courel, tamén se localiza outra con este mesmo nome. As augas desta última son moi apreciadas polos veciños porque lles atribúen a virtude de espertar o apetito. Mais, nós cremos que quen mata a fame en realidade é a planta carnívora Pinguicola vulgaris, que ten follas pegañentas que atraen os insectos dos que se alimenta. O lugar onde se sitúa esta fonte reúne as características para o asentamento desta planta difícil de encontrar: turbeira a carón de zonas húmidas. Trátase dunha planta perenne de raíz fibrosa que medra entre os 6 e os 15 centímetros de alto. As súas flores son de cor lavanda, púrpura ou case brancas. As follas miden de 2 a 5 centímetros de longo e presentan unha superficie superior moi pegañenta producida por dous tipos de glándulas. Na antigüidade, esta planta empregouse como laxante e tamén como remedio contra os piollos debido a que as súas follas atraen estes insectos que parasitan nos humanos.
Fonte de Painzal
Nace no souto de Painzal. Era a auga que se usaba antes da traída para o consumo das casas do Curral de Arriba de Penarrubia. Os prados de Cota, de Lopo e do Costureiro tiñan dereito de uso das súas augas por quendas semanais. Durante o verán tamén se usaba para regar os hortos. Nalgunhas casas había pozos escavados que se enchían de auga deste rego nun horario determinado para ila dosificando na rega das cortiñas. A auga empregada para os hortos nos períodos de estiaxe baixaba pola Congostra e non por entre as casas do Curral de Arriba. Os nenos tamén axudaban a tornar esta auga cara o Curral de Abaixo para que non se desperdiciase fóra da canle que a conducía.
Pozo da Campa Cernadas
Situado detrás da Cortiña do Carrocheiro. Era unha fonte pequena, que posteriormente fora agrandado na procura de auga para a granxa da Casela. Posteirmente, cando esa parte do monte de Penarrubia onde se situaba esa fonte foi adxudicado á casa de Martiz na partición realizada en 2005, ese pozo foi tapiado para evitar caídas nel dos animais. Malia isto, as augas desta fonte volven manar no inverno e descorren polo camiño facéndoo intransitábel coa lameira que se forma. Estas augas teñen provocado varios conflitos cos veciños que sementaban terras que eran inundadas polos aluvións producidos no invernos. Nestes conflitos, sucedíanse as avinzas nas que a casa da Casela se comprometía a tornar estas augas para evitar danos nos predios limítrofes.
Fonte do Mazuco
Dá orixe ao rego do Mazuco, que na nomenclatura oficial hidrográfica se designa como rego das Louseiras. Nace na Pena do Escalón, no Barreirón. Rega os prados de Miguelín e Lopo, que agora se converteron en silveiras. Neste rego conflúen augas procedentes doutras fontes innominadas.
Fontes da Valiña de Cabana
Delas proceden as augas das traídas de Penarrubia e mais da Granxa da Mura de Lopo. Son dúas e nacen na Valiña de Cabana de Lopo.
Fonte do Bispo
Sitúase no Cebeiral de Lopo. Nace no camiño, pegada ao monte, nas Bouzas Pequenas. Existen na Galiza e en Portugal varios topónimos coincidentes co desta fonte e todos eles relacionados con algunha lenda. No mesmo concello de Baralla, antes Neira de Xusá, na parroquia de Arroxo, hai outra fonte do bispo á que a tradición lle atribúe a curación da cegueira dun prelado que pasaba por alí coa súa comitiva. Pero, para bispo milagreiro contamos co da antiga diocese de Bretoña, Gonzalo Froilaz, o Bispo Santo por excelencia, quen, refuxiado co seu rabaño no Pico da Lebre, fronte ao mar de Foz, por temor ás naves normandas inzadas de guerreiros, coa axuda da intervención divina virou aquel plácido día de verán nunha pavorosa treboada que provocou o naufraxio dos ameazantes barcos viquingos. De que fazaña sería protagonista este bispo da nosa fonte alá no pico da serra do Mazuco?
Fontes do Rego do Cebeiral
Unha delas nace no monte de Penarrubia cerca do Pozo de Foncova. A outra nace ao lado do Chouso Queimado de Frei. O rego das Louseiras (chamado en Penarrubia do Mazuco) conflúe co do Cebeiral no Barrancal de Cota e, xa unidos, pasan polos Rebolos baixo a denominación tradicional de Rego de Ilarín, malia figurar nos mapas hidrográficos como Rego de A Pena. O rego de Ilarín, segundo os veciños, morre en Seis Fontes e, desde este lugar, denomínase Rego de A Pena.
Fonte dos Picholos
Sitúase no extremo suroeste da Canteira do Costureiro, ao lado do rego do Cebeiral. Fonte dos picholos.
Fonte de A Canteira
Nace no predio denominado Fonte da Canteira. A súa auga baixa entubada polos Barrancais, en zona de concentración parcelaria, e serve para a rega da Chousa do Costureiro.
Fonte Papeira
Localízase nunha das Searas da Veiga da concentración parcelaria á beira do antigo camiño que conducía de Penarrubia a Camporredondo e mais en dirección á Barrosa e Furís. Sitúase aproximadamente no punto das coordenadas do fuso UTM 29 ETRS89 X: 645101,77 Y: 4757717,00. Non dá orixe a ningún rego debido a que a súa auga nace na chaira destas veigas. Mais, en plena estiaxe de verán adoita mostrar pequenas charqueiras de auga que dan fe desta fonte.