Disputas polas augas

A auga na historia

Hoxe todas as augas son de dominio público e ninguén pode facer uso delas sen previa conce­sión ou autorización da correspondente administración. A través da súa historia, o ser humano serviuse das augas para satisfacer as súas necesidades. Inicialmente, cando non precisaba grandes cantidades para o consumo, abastecíase principal­mente da choiva almacenada, en alxibes e cisternas, ou de pozos dos que extraía augas sub­terrá­neas. Despois, co aumento da poboación e o desenvolvemento das cidades, os humanos necesitaron dispoñer de auga de forma continua durante todo o ano e algunhas civilizacións trazaron enxeñosos sistemas para captala e transportala até as urbes.

Os romanos estenderon o regadío e construíron acuedutos para conduciren a auga para usos domésticos e agrarios. Eles, xa na Lex Ursonensis (44 a. C.), distinguían entre os diferentes cursos de auga: río (fluuius), rego (riuus), fontes (fontes), lagos (lacus), estanques (stagna) e lagoas (paludes). Segundo o dereito roma­no, case todas as correntes estábeis eran de dominio público. Isto é, sempre que tivesen a capacidade de servir ao uso común, as augas quedaban adscritas ao servizo xeral e, por isto, eran de propiedade estatal e a súa concesión dependía do curator aquarum, quen se encargaba de procesar as solicitudes e de controlar que os particulares non utilizasen sen permiso a auga que non lles correspondía. Só escaparon de tal consideración as canles e as superficies permanentes pouco importantes e incapaces de servir á comunidade, as augas subterráneas e as augas de choiva mentres non se incorporasen a unha canle estábel.

Na Idade Media, as augas tiñan a conside­ración de bens persoais ou patrimoniais, suxeitas ao dominio do soberano e, xa que logo, ao seu dereito a dispoñer das mesmas. Este dereito señorial era compatíbel co dereito de terceiros a usalas, coexistindo así, como sucedía cos predios, o dominio eminente dos señores co dominio útil doutras persoas que podían acceder á auga.

Nos séculos XVI, XVII e XVIII danse dous tipos distintos de organización do aproveitamento das augas: o dos territorios nos que a posesión da terra e o uso da auga van unidos e o daqueloutros en que se disocian, dando lugar, neste segundo caso, á posibilidade de negociar a súa utilización[1].

As Cortes de Cádiz suprimen o dominio eminente dos señores sobre as augas. Mais, na Galiza esta medida quedou sen efecto por mor da continuidade do sistema de afora­mento dos predios cuxos titulares do dominio directo seguiron gozando do uso desas augas.

M. Colmeiro. Memoria sobre el modo más acertado de remediar los males inherentes a la estremada subdivision de la propiedad territorial de Galicia. 1843

Os rexeneracionistas preconizan no XIX a nacionali­za­ción das augas. Durante este século formuláronse outras reclamacións de regulacións que atallasen a conflitividade, entre elas a que elevou Manuel Colmeiro na Memoria sobre el modo más acertado de remediar los males inherentes a la estremada subdivisión de la propiedad territorial de Galicia, Santiago 1843, páx. 65: “un código rural para poner al alcance del más rudo el conjunto de derechos y obligaciones del labrador entre sí y con las del estado. Así se resolverán de una vez tantas dudas como suscitan al aprovechamiento de las aguas y de los pastos, el uso de las servidumbres rurales, el apeo de las heredades etc. y desaparecerá la sentina de mil y mil contiendas judiciales y no judiciales tan interminables como costosas y destructivas de la agricultura”.

Fonte da Canteira

A Lei de augas de 1.879, malia non materializarse na súa totalidade, sentou os principios da utilización racional baseada no dominio público, mais a súa nula operatividade, debido a que ofrecía formulacións deseñadas para outros lugares do Estado, non solucionou en absoluto os problemas na Galiza. Tampouco os decretos e leis para fomento do regadío, dirixidos tanto a particulares como a empresas capitalistas, tiveron relevancia. Por isto, no Congreso Agrícola Gandeiro de Lugo do ano 1.906 apróbase, dentro das súas conclusións, a seguinte solicitude: “Que non sendo prácticas as disposicións da vixente Lei de Augas sobre a concesión das mesmas cando se trata de cantidades pequenas para regar predios de curta extensión, como son case todas as que en Galicia se fan, se solicite dos poderes públicos a reforma da Lei e do regulamento vixentes no sentido de simplificar a tramitación dos expedientes (…) e resulten máis económicos os gastos”.

En 1.926, creáronse as Confede­racións Hidrográficas coa encomenda do aproveita­mento intenso, máximo, dos recursos hidráulicos das cuncas dos nosos grandes ríos… a través dun proceso rigoroso, metódico e ordenado (Real Decreto de 5 de marzo de 1926).

A política de augas durante o franquismo preocupouse fundamentalmente por subordinar as cuncas hidro­grá­ficas aos intereses da hidroeléctricas e polo fomento de embalses e canalizacións para regadíos de grandes extensións foráneas e para usos domésticos das poboacións.

Finalmente, a Lei de augas de 1.985 consagrou o Dominio Público Hidráulico tanto para as augas superfi­ciais como para as subterráneas. Mais, debemos ter presente que os usos e costumes adquiridos sobre as augas procedentes de mananciais por adquisición prescritiva desde tempos inmemoriais seguen en vigor en virtude da Disposición transitoria primeira desta mesma Lei de 1.985, segundo a cal, o  peculiar aproveitamento privado  destas  augas  de  dominio  público  deberá  manterse  durante  un período de 75 anos a partir da entrada en vigor da mesma (1 de xaneiro de 1986).

No Dereito civil galego

O aproveitamento destas augas está regulado no Dereito Civil de Galiza, concretamente nas institucións de pilla pillota e de torna a torna.  No réxime de pilla pillota, as augas son utilizadas para o rego dos seus predios polos partícipes —integrados na Comunidade de regantes— de forma indistinta, de acordo coas necesidades de cada un, sen acomodación a aspectos temporais cuantitativos e só supeditado a quen primeiro o utiliza; pola contra, no réxime de torna a torna, as augas están distribuídas segundo acordos temporais de quendas, que poden ser por horas, por días ou semanas en función dos predios a regar e das necesidades de cada un deles. Actualmente, estas institucións están recollidas no artigo 66[2] do Dereito civil galego. O que caracteriza o aproveitamento comunitario das augas ex artigo 66.1 LDCG/2006 , e con anterioridade ex artigos 16.1 LDCG/1995 e 90 da Compilación de 1963, é que as augas —polo xeral destinadas ao rego dos predios— pertenzan a unha comunidade de regantes que as usan pechando o paso aos demais predios e abríndoo para o propio até que outro comuneiro fai o mesmo no seu predio. (STSXG 23/06/2017, Roj: STSJ GAL 7227/2017).

A litixiosidade polas augas concentrouse nas procedentes dos regos rexidos por estas institucións consuetudinarias, pois as que se podían detraer dos ríos, debido á abundancia, non ocasionaban disputas. Así, unha vez consolidado o uso das augas por determinados veciños, convertidos de facto en comunidade de regantes, este uso converteuse en dereito exclusivo dos mesmos e, como tal dereito, a auga considerábase apropiábel e obxecto de comercio, como a terra, e podía negociarase de forma separada xa for por  cesión gratuíta ou por prezo. Á súa vez, a este dereito tamén se lle ameceron os accesorios de servidume e acueduto por predios alleos.

Afirma Ofelia Rey Castelao en La lucha por el agua en el país de la lluvia (Galicia, siglos XVI-XIX). Páx. 50.Vínculos de Historia, núm. 1 (2012) que “por moitas seguridades que se adop­tasen, o uso e aproveitamento da auga facíase a diario e os conflitos podían xurdir en calquera momento, especialmente no verán. Agora ben, na súa maioría non chegaron aos tribunais e non deben buscarse nos arquivos xudiciais, porque, ao ser unha conflitividade de baixo ton e producirse entre persoas e grupos que convivían nunha mesma comunidade ou en comuni­dades limítrofes, preferíase restaurar a convivencia e evitar custos, chegando ante notario a acordos previos a acudir á xustiza. Nun chanzo superior, son incontábeis os poderes para preito e os convenios e concordias feitos unha vez iniciado un conflito; aparecen tamén sentenzas arbitrais emitidas por persoas consensuadas polas partes. Máis arriba, os preitos entendidos polas xustizas señoriais e, subindo outro banzo, as demandas interposta perante a Audiencia de Galiza e as resolucións adoptadas por esta. E así sucesivamente, en cada nivel a pirámide debuxada pola conflitividade é máis estreita e é raro atopar preitos que chegasen ás máximas instancias xudiciais, e apenas atopamos ningún na Chancelaría de Valladolid”.

Cando os conflitos non se amañaban por vía de transacción ou concordia, as demandas chegaban en primeira instancia ás xustizas señoriais, malia a falta de confianza de que gozaban os seus xuíces por mor das corruptelas e da ignorancia que os caracterizaba. Por esta razón, en moitos casos, as partes acudían en apelación á Real Audiencia, dotada de xuíces profesionais e con maior sona de neutralidade nas súas resolucións. Este tribunal adquirira moito prestixio en toda Galiza polas súas funcións xudiciais e polo prestixio social de que gozaban os seu oidores fronte ás arbitrariedades dos xustizas ordinarios das xurisdicións señoriais. Por esta razón, a Audiencia era coñecida como  a Fonte limpa. En ocasións a propia Audiencia, consciente destas actuacións perversas, avocaba preitos que non eran da súa competencia para librar da pouta dos xuíces ordinarios os contendentes. Así, o manual Derecho práctico i estilos de la Real Audiencia de Galicia (1.768), da autoría do oidor da propia Audiencia Bernardo Herbella de Puga, foi prohibido momentaneamente en 1.800 porque, co pretexto de que abundaban no Reino os xulgados ordinarios servidos por persoas inhábiles designadas polos señores xurisdicionais, a Audiencia avocaba os autos orixinais dos litixios locais “fóra dos casos previdos polas Leis do Reino” e expedía “multitude de provisións sen estar autorizada polas leis”. A Audiencia tamén impulsou institucións de dereito propio do Reino de Galiza usadas desde tempo inmemorial, entre elas o Auto ordinario, tamén coñecido como Auto galego, e a Graciosa. A primeira destas institucións, coa finalidade de protexer o débil fronte os señores poderosos, consistía nun procedemento sumario dirixido a recobrar a posesión polo posuidor perturbado ou despoxado dela.

Bernardo Herbella de Puga. Derecho práctico i estilos de la Real Audiencia de Galicia. 1768

O propio Herbella de Puga cualifica este auto como “a mellor alfaia que ten o Rei no seu Reino de Galiza”.

Posuír o dereito de uso de augas sempre foi na Galiza un ben moi cobizado. Isto explica a existencia da numerosa litixiosidade procesual e mesmo, nalgúns casos, do recurso á violencia física entre veciños que se disputaban o seu aproveitamento. Mais, como afirma Ofelia  Rey  Castelao en La lucha por el agua en el país de la lluvia (Galicia, siglos XVI-XIX),  “non se pode coñecer a súa verdadeira magnitude, xa que pola súa frecuencia e a súa natureza intra-veciñal, unha parte dos conflitos imposíbel de calcular resolvíase mediante acordos verbais, con ou sen testemuñas, cuxa existencia aflora na documentación notarial e xudicial, ou ben a través de escrituras privadas que só deixan pistas se se levaban ante notario. Pode dicirse que a conflitividade por augas debuxa unha pirámide cunha base ampla e unha cima estreita, xa que poucas veces se chegaba ás instancias xudiciais máis altas”.

O uso das augas estaba vencellado, como forza motriz, aos muíños do cereal, aos aserradoiros de madeira e aos mazos dos ferreiros e, como rega, nomeadamente aos cultivos pratenses e, alí onde se sementaba millo, aos forraxeiros. Por isto, enfrontábanse os intereses dos muiñeiros cos dos labregos que nece­si­taban esas mesmas augas para a rega dos prados, os intereses dos posuidores dunha terra na que manaba un regato cos dos que podían aproveitalo máis abaixo, os dos señores cos dos seus vasalos e os duns veciños cos dos outros.

Sánchez Vaamonde. Memoria sobre los ganados de Galicia considerados relativamente a la economía política. 1802.

En 1.802, o ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, na páxina 34 da súa Memoria sobre los ganados de Galicia considerados relativa­mente a la economía política, alude á subordinación do uso da auga necesaria para a rega aos numerosos muíños existentes con estas palabras: “Como el país abunda en arroyos de agua, son innumerables los molinos que se hallan en él, moliendo solo tres ó quatro meses de hibierno, y siendo inútiles lo restante del año. Así sucede que queriendo un propietario aprovecharse del agua que nace en su terreno, hacer un riego, una pequeña pradera, se le denuncia la obra con el pretexto de un molino que está á poca o mucha distancia á donde vá a parar aquella agua. Aquí se alega el especioso pretexto del bien comun, como si no lo fuese mayor la multiplicación del alimento que son necesarios para la subsistencia del hombre que la proporción de tener el molino mas cerca cien pasos. Se nota que todos estos pequeños molinos están mal cuidados, y por tanto desperdician gran cantidad de harina…”

Un preito de moita sona da segunda metade do XVIII, relacionado coa freguesía de Penarrubia, xurisdición de Neira de Rei, foi o que tivo como partes a Pedro Santiso Ulloa, señor da Casa Principal de A Pena, e a Ana Santiso Montenegro e outros consortes, veciños de Quintela sobre o aproveitamento da maior parte da auga que baixa do Barrancal e demais fontes que se incorporan até a presa antiga para a rega do prado que chamado de Seis Fontes, entre 1.748 e 1.766, nada menos que durante dezaoito anos, que se conserva no Archivo da Real Chancellaría de Valladolid coa signatura PL CIVILES, ALONSO RODRÍGUEZ (F),CAJA 2554,1. e mais a executoria do preito litigado por Antonio Santiso Montenegro e consortes, veciños de A Pena, con Pedro Santiso Ulloa, da mesma vecindade, sobre o aproveitamento de augas e fontes que se incorporan para o regadío do prado chamado Seis Fontes, datado o 3 de xullo de 1.748, no mesmo Arquivo da Real Chancelaría de Valladolid, REGISTRO DE EJECUTORIAS,CAJA 3203,61, que se pode descargar en http://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/show/5826564?nm

Supoñemos que neste famoso preito, dos poucos que chegaron á Chancelaría de Valladolid relacionados coas desputas pola auga, se debatía a importancia que tiñan as procedentes do Barrancal, hoxe denominado Rego de A Pena, pola súa utilidade para a rega da gran extensión dos prados de Seis Fontes e tamén para o seu aproveitamento para mover as rodas dos muiños de Montenegro e, un pouco máis abaixo, o que a casa Principal da Pena posuía na Cortiña do Pombal, segundo se acredita no Catastro de Ensenada en 1.753.

Alén das disputas xeradas polo uso das augas do rego da Pena, na freguesía de Penarrubia tamén existiron litixios polo aproveitamento dos regos de Painzal e da Fonte. Estas augas rexíanse por quendas en virtude da institución torna a torna, que xa comentamos.

Quendas de auga

Augas do rego de Painzal

Mide aproximadamente 1.320 metros. Nace na fonte de Painzal. Baixa bifurcado polo Curral de arriba de Penarrubia e polo Patal. Polo Curral de Arriba pasa por diante das casas de Carrocheiro, A Casela, Miguelín e Cota. En chegando á bica[3] de Ribeiro, descende até confluír no Prado da Fonte do Costureiro, onde nacen augas de maior caudal que regan o Prado Grande e baixan a outros prados até desembocar co Rego da Pena no Gruñedo. Na demanda dun dos preitos relacionados con este rego dise que pasa pola Bica de Vazque, girando desde esta por frente a la casa de Vazque para recobrar, seguidamente, a inmediaciones de la casa de Preto, su anterior dirección, discurriendo, también al margen del camino público y pie de la pared que cierra el Horto de Preto hasta la Bica de Ribeiro

Rego Painzal bifurcado

Cando nos preguntamos en que momento da historia se realizou o desvío das augas deste rego para que pasase por entre as casas do Curral de Arriba, atrevémonos a responder que sería cando os habitantes do castro deixaron de residir alí e se asentaron nas terras baixas do que posteriormente sería o lugar de Penarrubia. E continuando coas hipóteses históricas, podería ser coincidindo coa ocupación polos romanos deste territorio.

O uso das augas deste caudal rexíase por quendas entre as casas de Cota, Lopo e Costureiro para regar cadanseu prado. O 1 de decembro de 1.884, o notario de Becerreá, José Miragaya Tomé, autoriza un documento notarial co número 488/1.884 do seu protocolo polo que Joaquín López García, fillo de Vicente López Moreno e de Manuela García Calderón, dono do Prado da Fonte, de 30 áreas, permuta este prediopor un terreo na fondada da cortiña chamada da Paná, de 6 áreas, propiedade de José Álvarez Bolaño, da casa do Costureiro. O Prado da Fonte fora adquirido canda outras fincas polos pais de Joaquín en virtude do foro que lles fixo Ramón Díez Ulloa, veciño de Valín, parroquia de San Pedro da Esperela. A renda anual deste lote de predios ascende a 140 reais, ou sexa 35 ptas, renda non rateada por cada unha das unidades. Os comparecentes calculan que ao Prado da Fonte lle corresponde a pensión de 25 ptas. O Prado da Fonte valórase en 450 pesetas e a cortiña da Paná, en 50. José entrega esta cantidade no acto a Joaquín, quen admite a conta dela 179,75 pesetas que lle debía Álvarez Bolaño en concepto de préstamo.

José Álvarez Bolaño, da casa de Costureiro, por permuta, desde 1.884 ten dereito a regar o Prado da Fonte todos os días da semana, agás sábados e domingos, que pertecen a Manuel López, de Lopo. Con data de 18 de xuño de 1905, en escritura pública outorgada perante Emilio López de Neira y Vidal, notario de Baralla, concello de Neira de Xusá, co número de protocolo 132/1905, José Álvarez Bolaño permuta con José López Núñez, da casa de Lopo, de 40 anos, casado, labrador, veciño de Penarrubia, fillo de Manuel López, o dereito a regar a noite do domingo e o luns coa súa noite até o albor do martes o prado da súa propiedade chamado Cortiña de Abaixo a cambio da propiedade do Chouso do Barrancal, considerando co mesmo valor ambos bens. Este chouso é un terreo a monte dunhas 15 áreas aproximadamente, que linda polo norte, sur e leste co camiño e polo oeste co predio de José Álvarez Bolaño. En 1953, o Prado da Fonte rega martes, mércores e venres porque José Álvarez Bolaño cedéralle había uns cincuenta anos a Lopo o dereito dos luns e logo, o 21 de outubro de 1935, transmitiulle á casa de Cota o uso das augas dos xoves polo prezo de 500 pesetas. Así que as quendas quedaron finalmente así:  martes, mércores e venres ten dereitos de rega a casa de Costureiro para o Prado da Fonte; xoves rega a casa de Cota o Prado da Porta e sábados, domingos e luns rega a casa de Lopo o Prado da Cortiña.

Os litixios estendéronse no tempo entre as casas de Cota e Costureiro polo uso destas augas. Do 8 de abril de 1.914 existe unha acta de transacción segundoa cal, José Álvarez Bolaño, como demandante, di que Manuel Vázquez Vázquez é dono da Leira de Abaixo, confinante co rego de Painzal e que desvía as augas do rego sen ningún dereito e que Antonio Álvarez Fernández é dono da finca Fondo da Cortiña. Recoñece Álvarez Bolaño que ten dereito a regar martes, mércores, xoves e venres. Recoñece que ambos demandados teñen dereito a regaren os hortos en días e horas de estiaxe. Acordan esta transacción. En 1.935 existe un novo litixio entre as casas de Cota e do Costureiro polo mesmo motivo que se arranxa por medio dun acordo privado o 29 de outubro. Mais, poucos anos despois, no ano 1952, afloran de novo as disputas e, o 29 de maio, Casimiro Álvarez presenta demanda no xulgado contra Antonio Álvarez Santiso, quen non comparece na data fixada por encontrarse enfermo. O 23 de xaneiro de 1.953, chegan as partes á transacción nos seguintes termos: acordan en realizaren as obras necesarias para recoller as augas na Bica de Ribeiro e desde aquí tornalas para o Horto da Cota os xoves e os martes, mércores e venres para o Prado da Fonte. Os contendentes obríganse tamén a someter as disputas que poidan xurdir no futuro á decisión inapelábel de Juan Manuel Losada Iglesias, cura párroco de Penarrubia, e de Jesús Méndez González, da casa de Ruán. Acordan tamén que as custas do perito se satisfagan a medias. Desde ese momento, non temos constancia da existencia de posteriores desacordos entre os tres comuneiros de regantes das augas do rego de Painzal.

Augas de Campa Cernadas

O 16 de decembro de 1.929 celébrase comparecencia no Xulgado municipal de Neira de Xusá coa finalidade de chegar a un acorto entre os demandantes, Casimiro Álvarez González, Constantino López López, Enrique Fernández Fernández e Obdulia Prieto Fernández, intervenida de su esposo Valerio Fernández Ares, por unha parte, e pola outra Vicente Vázquez, da Casela, dono dun predio situado na parte superior do agro de Portela destinado na maior parte a prado.

Actúa como xuíz municipal Manuel Martínez Capón e, como secretario suplente, Odón Moreno Mouriz. Vicente Vázquez vén aproveitando desde hai tempo as augas que manan do monte e seara chamada Campa Cernadas, que sempre se recolleron por un rego que as conducía en dirección diferente á Cortiña da Porta do demandado e, por conseguinte, sen prexudicar outros predios do agro de Portela evitando así que fosen anegados. Esas augas nunca se dirixiron á Cortiña da Porta do demandado; non obstante, Vicente Vázquez cortou ese rego e as augas causaron graves prexuízos nos predios dos demandantes. Vicente Vázquez non se avén. Os homes bos, Jesús Méndez González, de Penarrubia, polos demandantes, e Vicente Cedrón Freire, veciño de Baralla, polo demandado propuxeron medios de avinza infrutuosamente.

Mais, o 1 de marzo de 1.930 outórgase un documento público de avinza, que autoriza o notario José M. Orol Balseiro, en Baralla, con residencia en Becerreá co número de protocolo 79/1930. Comparecen Vicente Vázquez Fernández, viúvo, Valeriano Fernández Ares, casado con Obdulia Prieto, Enrique Fernández Fernández, casado con Rosalía Prieto Ferreiro, Jesús Méndez González, casado con Rosalía Fernández, e Constantino López López, casado con Concepción Otero Seijo. Transixen nos seguintes termos: De primeiro de maio a primeiro de outubro, Vicente Vázquez aproveitará as augas que veñan polo camiño de Campa Cernadas e desde outubro a maio botarán esas augas ao sitio chamado Barrancales, terreos incultos próximos. Vicente Vázquez debe construír dous “aguaductos” de 24x 13 cm. situados un no extremo norte e o outro no sur.

Pero, este litixio das augas de Campa Cernadas aínda prosegue. O 12 de febreiro de 1936, subscriben un acordo privado, dunha parte, Jesús Méndez, de Ruán, Casimiro Álvarez, do Costureiro, Constantino López, de Lopo, Valeriano Fernández Arias, de Ribeiro, este con intervención da súa muller Obdulia Prieto, e Enrique Fernández Fernández, de Preto, e doutra parte Vicente Vázquez Fernández, da Casela. Recoñecen que xa o día 1 de marzo de 1.930 concertaran poñerse de acordo nas augas que flúen en Campa Cernadas nun contrato outorgado perante o notario José María Orol Balseiro. Acordan que Vicente Vázquez, desde o punto da fonte e desde abaixo da presa, rompa un canal soterrado con dirección ao leste até o camiño que por enriba do Agro vén a Penarrubia para que conduza as augas á súa finca chamada Cortiña da Porta.

Asinan: Jesús Méndez, Vicente Vázquez, Valerio Fernández, Enrique Fernández, Casimiro Álvarez e Constantino López. E, parece ser, que desde aquela non volveron existir problemas coas augas procedentes de Campa Cernadas.

Pepe de Ribeiro fálanos destas augas: “si, esa auga arriba de Campa Cernadas había unha época que a tiñan que botar por tras da parede de Teixón, que lle chamaban a parede do Agro, nesa época esa auga tiña que cortala o Caselo e noutra época viña para a Cortiña do Caselo

As augas da Presa da Fonte

Presa da Fonte co curso natural en vermello e cos desvíos en amarelo

Chamámoslles a estas augas en Penarrubia Presa da Fonte, mais oficialmente este rego é a prolongación do de Painzal desde a Fonte até a súa desembocadura no rego de A Pena no Gruñedo. Parte das augas, descorren entre as Barcias e o Redondelo polo sur e o Prado Grande polo norte, baixa polas Chousas, pasa entre as Madorneiras e o Gruñedo e cruza a estrada LU-710 para desembocar no rego de A Pena. Este é o seu decurso natural, mais na mesma fonte parte do seu caudal é conducido por unha presa que vai polo alto do Prado Grade do Cura e, unha vez na entrada deste predio, a carón do soar da reitoral, as súas augas de novo sofren unha bifurcación: por un lado hai caudal que, pasando pola Cortiña da Reitoral, chega ao Codesal para regar este pequeno prado, e a outra parte rega as cinco Parzarías chegando as escorras ás Madorneiras confluíndo estas augas coas da cunca natural antes sinalada. En tempos pasados, as augas desta presa regaban moita extensión de pradaría, na actualidade varios destes predios están repoboados de chopos.

Augas da Presa da Fonte regando o Prado Grande

O uso destas augas constituía un complexo sistema de quendas por mor do elevado número de lameiros que se aproveitaban da rega. Pepe de Ribeiro e Antón de Lopo explícannos en que consistía. Recórdanos Pepe de Ribeiro que “nunha quenda regaba un día o Prado Grande, un día as Parcerías repartindo as augas entre as cinco partes, outro día nunha semana regaban o Prado de Preto e o de Ribeiro, outro día a Trigueira de Lopo e o Codesal e na seguinte semana regaban o Prado de Preto e o do Caselo. Noutra quenda regaba dous días o Prado Grande non regaban a Trigueira de Lopo nin o Codesal. As Parcerías e o Prado Grande regaban un día sempre e o Prado Grande nunha quenda dous e na noutra, un. O Prado de Preto regaba sempre, cando non regaba con Ribeiro regaba co Caselo. O Codesal e A Trigueira de Lopo regaban a semana que regaba o Prado Grande un día. A Cadeita daquela non tiña dereito a rega pero botábase polo medio dunha presa que ía á Trigueira en paga do botala á Trigueira botábase por aquela presa e regaba a


[1] Nas cidades e vilas importantes, xunto á auga para a xente común que fornecían as fontes, coexistían sistemas de acceso privilexiado para as institucións e determinadas persoas de certa condición social. Así, a dispoñibilidade de auga no fogar estaba só ao alcance dunha minoría que, ou ben a compraba, ou a obtiña de balde por mercé da Coroa ou do Concello. Os habitantes que non tiñan este privilexio ían directamente ás fontes públicas ou acudían aos servizos do gremio de augadores.

[2] 1.- As augas de torna a torna ou pilla pillota aproveitaranse segundo o costume ou conforme o acordo unánime dos usuarios ou partícipes, e, por pedimento de calquera deles, partiranse por horas, días ou semanas, en proporción á extensión que se viñese regando, sen que se lles poida dar ás augas un uso distinto daquel para o que foron rateadas. 2.- Os aproveitamentos existentes presúmense inmemoriais e por acta notarial de presenza poderán ser inscritos no rexistro da propiedade de conformidade co disposto na lexislación hipotecaria.

[3] O dicionario da RAG non inclúe esta palabra. Si o fai o de Estraviz co significado de “cano por onde sai a água nas fontes de escasso caudal, cano por que corre o vinho desde o lagar até ao pio. Boca das jarras e outras vasilhas por onde se bebe”. A bica era un pequeno alxibe de madeira que recollía as augas do rego que se aproveitaban para lavar nela a roupa e mais para transportar en caldeiros para diversos usos.

Relacionados...

Fontes

Coa axuda de Pepe de Ribeiro, nunha sobremesa tomando café, realizamos un percorrido polas fontes de Penarrubia. Contamos as dezasete que figuran

Os Regos

Regos As serras de Penarrubia son ricas en augas que descenden até o val. Tres son os regos que durante todo o

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario