Repoboación

A fins da década dos setenta e comezos dos oitenta do pasado século, iníciase o proceso do abandono do uso do monte por parte dos veciños debido a que o gando comeza a ser estabulado e xa non se necesita como pasto nin como esquilmo para as cortes. Por esta razón, os veciños acordan constituírse en Sociedade Agraria de Transformación coa finalidade de subscribir un convenio de repoboación do monte coa Xunta.

Acta fundacional SAT

A acta fundacional desta sociedade non nata foi subscrita e asinada o 10 de decembro de 1985 perante José Luis Roca, Secretario da Cámara Agraria Local, figurando como presidente Dositeo Pardo Fernández, da casa do Ferreiro, e como secretario José López Fernández, da casa de Mofín. No mes de febreiro de 1986, incóase a constitución da SAT número 446 XUGA, integrada por todos os veciños como partícipes incluído, descoñecemos con que dereitos, o párroco José Vilariño coa finalidade de asinar un convenio coa Administración para realizar unha plantación de 85 hectáreas de piñeiro radiata. A sociedade non chegou a funcionar por falta dos requisitos formais, entre eles a elevación a escritura pública da súa constitución ao tratarse de bens inmóbeis os afectados. Tampouco se realizou a plantación das 85 hectáreas aludidas nos estatutos, senón unha extensión máis reducida.

Convenio Consellería

No convenio acórdase, ademais da plantación dese número de hectáreas, construír unha pista forestal e un cortalumes perimetral. O orzamento ascende a 7.200.000 ptas. (43.272,87 euros) Do cal 5.100.000 ptas. (30.651,62 euros) dedícanse á plantación, 1.600.000 (9.616,19 euros) á pista forestal e 500.000 ptas. (3.005,06) aos cortalumes. Deste orzamento, a Xunta achega o 50 por cento e o outro 50 por cento ten a consideración de anticipo reintegrábel que sería amortizado coa participación da Consellería nos froitos da venda da madeira que produza esa superficie. Fíxase como data do comezo da repoboación e das demais obras o mes de marzo de 1986. Desde o ano 1986 até o 2009, malia terse creado sobre o papel a SAT, esta sociedade carece de validez xurídica e, por isto é necesario constituír nesta data a Comunidade de bens, que se mantén vixente na actualidade.

Comunidade de bens

O 23 de agosto de 2009, constituíuse formalmente a Comunidade de Propietarios Monte de Penarrubia baixo a institución xurídica de comunidade de bens, con número de identificación fiscal E27400548, integrada polos catorce titulares de cadansúa casa. Se ben na sección A segue manténdose como comunidade de bens a masa forestal existente até a corta dos piñeiros segundo se acordou na partición do monte, nas demais seccións cada veciño vén realizando nas parcelas que lle foron asignadas por sorteo no ano 2005 as actividades que considera do seu interese actuando como propietarios a todos os efectos sobre os terreos ao seu dispor.

Desde que se realizou a reforestación en 1986 da Sección A do monte e, desde que en 2007 se repoboou tamén a Sección B, a paisaxe de Penarrubia mudou radicalmente segundo podemos constatar nestas fotografías tomadas respectivamente na primavera de 1981 e no verán de 2018.

1981-2018

Na primeira delas, vemos como existen aínda na Serra do Medio e na Ramalleira varias searas sementadas de cereal ou a barbeito e como o resto do monte, dominado pola matogueira, carece de arborado agás nos soutos de Painzal e como, na segunda fotografía, se estendeu case uniformemente a masa forestal con predominio das coníferas nas parte alta e media do monte e das caducifolias na súa parte baixa. Tamén observamos como comeza por parte dalgúns veciños a plantación de eucalyptus nitens.

Na primeira das fotografías tamén podemos observar a impoñente Pena de Painzal, cuxa visión constante desde Penarrubia destacou coa súa presenza, en tempos pasados, nos recordos paisaxísticos da vida dos que vivíamos con anterioridade a que a nova vexetación a ocultase da vista.

Pena de Paínzal

Relacionados...

Situación xeográfica

As catro serras Catro son as serras de Penarrubia: A da Canteira, a do Mazuco, a Serra do Medio e Navallos. Os

Situación catastral

Parcelas catastrais No Catastro, o monte de Penarrubia comprende o monte do Mazuco, parte do de Navallos e descende até os límites

O Monte abertal de Penarrubia

A singularidade dos montes abertais radica na súa orixe e no seu aproveitamento colectivo. En tempos pasados, os propietarios de coutos, xa

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario