O 14 de maio de 2005, os representantes das catorce casas como propietarios deste monte asinan o contrato privado polo que conveñen tomar acordos e realizaren o sorteo das parcelas que resultaron da división do monte particular dos veciños de Penarrubia. Posteriormente, o 28 de decembro dese ano 2005, os mesmos catorce veciños outorgan escritura pública de partición do monte perante o notario de Sarria, Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número 3.117 do seu protocolo. Como indica o artigo 1.218 do Código civil, este documento fai proba, mesmo contra terceiro, da partición realizada, da súa data e tamén contra os veciños contratantes e os seus herdeiros.
Nese momento tamén se procedeu a colocar nos estremeiros de cada parcela marcos de formigón para delimitar as propiedades das catorce casas segundo os puntos xeorreferenciados nos planos levantados polo técnico contratado para a partición. Neste acordo establécense catro seccións no monte: a A, situada na zona de maior altitude; a B, situada na zona media; a C, situada na parte baixa; e a D, situada na parte norte do monte do Mazuco que limita coa a liña de condución eléctrica. Destas catro seccións, a A está ocupada pola masa forestal de piñeiros radiata en convenio coa Consellería do Medio Rural. A sección B foi plantada acolléndose a axudas da mesma Consellaría coa especie de piñeiro pinaster no ano 2007, agás a parcela B5, parte da mesma dedicada a pasteiro e o resto a plantación de eucaliptos nitens, e aqueloutras que contiñan árbores caducifolias. Esta plantación de coníferas estivo descoidada e non foi obxecto dos mantementos nos primeiros anos e por isto existen nela moitas marras. Endexamais se realizou nesta sección limpeza nin poda do arborado agás na parcela B6, en que en 2017 se procedeu á roza e, o ano seguinte, á reposición de marras.
En abril de 2019, extinguiuse o convenio existente coa Consellería de Medio Rural para a xestión da plantación dos piñeiros da sección A, que foran adquiridos en poxa por Maderas Villapol uns meses antes.