Necesidade dos camiños
Do uso do monte, os veciños extraían moita utilidade. En primeiro lugar, unha parte del, precisamente a situada nas cotas máis altas, empregábase para sementar cereal. Outra parte servía de pasto do gando vacún, ovino e caprino. Aproveitábase del o esquilmo para estrar as cortes dos animais e tamén se usaba a matogueira rozada como combustíbel para roxar os fornos nos que se cocía o pan. E, finalmente, nas foias que ardían no monte ao coidado xeralmente dos mozos obtíñase carbón vexetal que logo o vendían na feira de Meira.
Para poder realizar todas estas actividades eran necesarios numerosos camiños que se mantiñan expeditos para o paso dos pastores co gando, dos carros cargados e, as veces tamén, dos transeúntes que os percorrían a pé ou en cabalgadura nas súas visitas familiares, no cumprimento do precepto de asistencia a misa dos domingos e dos días de festa. E tamén, claro está, cando os veciños dos lugares de Cernadas, Fonte dos Poios, Casar de Monín e A Barrosa acudían ou regresaban ás feiras e á Taberna de Val.
Camiños do monte
A principal arteria que percorría o monte desde Penarrubia cara ao oeste era a Volta do Camín (1). Era esta a vía máis ancha de todas as existentes no monte, mais presentaba un grave obstáculo. A súa pendente era moi elevada e isto impedía que os carros cargados a subisen e a baixasen. Superada a Volta do Camín, a uns 770 metros de altitude, a pendente xa deixa de ser tan pronunciada e, desde aquí, esta vía principal bifúrcase por un lado cara ao Barreirón e O Mazuco chegando á Seara do Trigo e, por outro, continúa en dirección á Cruz do monte a á Fonte dos Poios (10).
A Carrilleira Nova (2) era a empregada cando se subía ou se baixaba cos carros cargados para salvar a acusada pendente que presentaba o Camín do monte. Percorrer esta carrilleira supuña meterse nun forte arrodeo compensado pola seguridade das persoas e dos animais que a transitaban con carro.
O Camiño do Mazuco (3) era menos transitado porque nesa parte do monte non adoitaba sementarse cereal, mais si se podían ver pastores con vacas pastando e mais tamén rabaños de ovellas. Paralelo a este, máis o norte decorrían dous camiños, un de pouco percorrido pois morría nas Valiñas de Cabana (4) e o segundo de moita maior importancia, o camiño das Louseiras (5) que se unía co que viña de Val e conducía, atravesando a Canteira (8), a Cernadas e seguía polo Latadal, o Couso… cara a Furís.
Entre as Cortiñas da Casela e do Carrocheiro parte un camiño moi importante polos servizos de comunicación que ofrece para, ao chegar á Cruz, bifurcarse no camiños do Mazuco (3), das Valiñas de Cabana (4), das Louseiras (5) e no camiño das Grobiñas (6), que vai xuntarse no Barrancal coas importantes vías que levan a Val, a Camporredondo, á Barrosa e a Cernadas, neste último caso coincidindo co percorrido da vía romana XIX.
Desde As Louseiras partía tamén un camiño, coñecido como das Bouzas (7), que daba servizo aos Cebeirais e chegaba ao Prado de Foncoba, xa en Cernadas. Con este camiño enlazaba o que descendía da Seara do Trigo por unha pendente moi pronunciada que atemorizaba a quen baixaba cos carros cargados de centeo. De menor importancia eran os camiños de Painzal (11) e da Campa do Candelo e da Pena Barreira (12).
Xa polo lado sur, está o camiño de Fillobal (13), que conduce a predios particulares e o Camiño da Serra do Medio (14), que vai á Pedreira do Costureiro, ao Negredo e á Groba de Navallos.