Na década dos anos setenta, desde a Administración propúgnase unha política de catalogación e de clasificación xurídica dos montes galegos sen rigor e coa consideración de que na maioría dos casos eran de propiedade xermánica, isto é, en man común. Mais, na casa de Lopo existen varios documentos, o máis antigo deles de 1845, que serviron para probar fielmente que o monte de Penarrubia é de propiedade romana e non en man común. Estes documentos foron achegados polo avogado da casa de Ruán Ramiro Méndez e, con data de 13 de novembro de 1979, o Xurado Provincial de Montes en Man Común certifica que os montes dos veciños de Penarrubia non se clasifican como veciñais en man común.
