Mentres os montes veciñais en man común proceden dun tipo de propiedade colectiva herdada da tradición xermánica, os abertais, como era o de Penarrubia, foron adquiridos polos veciños a través dun contrato celebrado en tempos pasados co antigo propietario do domino directo, o señor do lugar. Os montes en man común, como se recolle actualmente na súa lexislación, son privados e pertencen colectivamente sen atribución de cotas ás respectivas comunidades veciñais titulares. Non se poden partir nin vender e, como acontece cos bens de dominio público, gozan dos privilexios de non seren adquiridos por prescrición nin de ser obxecto de embargo. Pola contra, os montes de veciños foron adquiridos nun primeiro momento en usufruto reservándose o señor o seu dominio directo e, posteriormente, a través da compra, da redención dos foros ou dun proceso de desamortización, os veciños accederon á súa propiedade plena. Por esta razón, sobre estes montes cada titular ostenta unha cota de participación que pode ser transmitida tanto por actos inter vivos como mortis causa. Outro trazo definidor dos montes de veciños consiste en que a propiedade osténtana os seus titulares independentemente de que vivan ou non no lugar, fronte aos dos montes en man común que requiren para iso residencia habitual con casa aberta e exercicio de actividades nas entidades de poboación segundo os usos e costumes da comunidade a que pertencen.

As catro serras Catro son as serras de Penarrubia: A da Canteira, a do Mazuco, a Serra do Medio e Navallos. Os