Os montes abertais
Historicamente, o monte de Penarrubia era de tipo abertal, definido no artigo 64 do Dereito civil galego do seguinte xeito: Son montes abertais, de voces, de varas ou de fabeo os conservados en pro indiviso nos que os seus copropietarios, sen prexuízo de realizaren en común aproveitamentos secundarios, tiñan ou manteñen o costume de se reunir para repartir entre si porcións determinadas de monte ou searas para o seu aproveitamento privativo, asignacións que se fan en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados polos títulos ou polo uso inmemorial, e nos que a súa adxudicación se decide pola sorte, tamén sen prexuízo da subdivisión das searas así asignadas consonte as adquisicións hereditarias ou contractuais. De chegar o caso, a división das devanditas terras e a conseguinte extinción da copropiedade faranse consonte o costume, e de non esixir este faranse consonte a presunción de igualdade de cotas referida no parágrafo segundo do artigo 393 do Código civil.
O número de montes galegos de veciños desta tipoloxía é moi reducido fronte ás máis de 700.000 hectáreas que ocupan os en man común. Debido a que aqueles se poden partir adxudicándolle a cada partícipe unha parte proporcional á súa cota, na actualidade a existencia deste réxime de propiedade comunal fica reducida a algúns territorios da provincia de Lugo, nomeadamente dos partidos xudiciais de Becerreá e da Fonsagrada. A Lei de montes, desde o ano 2012, veu impedir na práctica a extinción definitiva dos poucos exemplos de montes deste tipo que quedan ao prohibir parcelacións, divisións e segregacións definitivas de terreos cualificados como monte ou terreo forestal cando o resultado sexan unidades de superficie inferiores a 15 hectáreas. Malia non existir, de momento, por non estar aínda constituído, un Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, estas figuras de propiedade colectiva suman na actualidade, segundo a Consellería do Medio Rural, un total de 27 montes (21 deles na comarca lucense da Fonsagrada e Os Ancares), cunha superficie total de 7.837 hectáreas.
Decreto 16/2024
Por fin, catro anos despois de terse aberto o prazo para presentar alegacións en febreiro de 2020, o 7 de febreiro de 2024 publícase no DOG o Decreto 16/2024 polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
Entre outros aspectos, este decreto desenvolve o réxime xurídico destes montes e das comunidades de persoas copropietarias e dispón normas sobre o funcionamento do correspondente Rexistro Administrativo.
Regula os órganos de goberno, a asemblea xeral da comunidade e as súas funcións, a Xunta xestora, os estatutos e o seu contido mínimo.
Crea o rexistro destes montes ao cargo da Administración forestal.
Indica que, para o fomento da xestión forestal, as súas comunidades poderán solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta. Como sucede cos montes en man común, as comunidades propietarias deberán investir nos montes abertais, de voces, de varas ou de fabeo da súa propiedade e para a súa mellora, polo menos, o 40 % dos ingresos obtidos polos aproveitamentos do monte, derivados dos actos de disposición voluntaria, así como dos procedentes de procedementos de expropiación forzosa.