As Foias

Que son as foias

Outra forma de aproveitamento do monte consistiu na transformación da madeira en carbón vexetal, que se facía a partir das garrochas das uces negras. O proceso de obtención do carbón vexetal era moi laborioso e constaba de diversas fases que se levaban a cabo directamente no monte. O seu emprego acadou importancia coa implantación e funcionamento das ferrerías (entre os séculos XVI e XIX), aínda que se mantivo para abastecer os mazos e ferreiros espallados polas aldeas até mediados do pasado século. O procedemento consistía na escavación dunha foia (do latín fovĕa fovĕae = burato circular) no monte na que se depositaban as garrochas de uz. O conxunto das cepas cubríase con terra para selar a entrada do aire e controlar a combustión. A selección da materia prima era moi importante neste proceso de produción do carbón. Como nos din M. Martín e  A. Teira en Dúas historias escritas en carbón. Arqueoloxía e arqueobotánica de estruturas relacionadas co carboneo e o procesado de mineral en Folgoso (Xermade-Lugo), “esta etapa era particularmente importante na produción de carbón de uz. As pólas deste arbusto eran cortadas cunha ferramenta ou a man facendo panca, deixando unicamente as cepas e as raíces, apreciadas pola súa dureza. Despois, limpas de terra, cepas e raíces eran transportadas en sacos ou cestas ao lugar onde se localizaba o forno e partíanse en pezas de diferente tamaño. Non debía haber cepas moi grosas que tardasen en arder moito máis que o resto, se as había era necesario picalas. O grosor debía ser o dun puño”. Seguen dicindo os autores que “cando a fosa estaba preparada, as pezas de madeira obtidas a partir dos cepos e raíces situábanse no seu interior. As maiores pezas de madeira verde colocábanse en vertical no centro da estrutura e as restantes arredor desta tapando os ocos, dando forma a unha estrutura cónica que facilitase a circulación de osíxeno para que o lume non morrese. Para acendela empregábase madeira seca, pólas e pequenas achas como combustible de iniciación no centro da fosa… O lume acendíase no centro da estrutura cónica de madeira, procurando que se estendese uniformemente cara o exterior. Cando a madeira reducía o seu volume e aparecían as brasas incandescentes, a estrutura cubríase. Os terróns eran situados coa parte que conservaba a herba cara abaixo sobre as brasas. O resto do solo removido durante a escavación da fosa era utilizado para rematar de cubrir o forno. O proceso de combustión podía durar de sete a oito horas ata dous ou tres días. Durante este tempo o forno debía ser atendido constantemente ata que o carbón estivese feito. Os dous principais problemas que podían ocorrer eran que o proceso de combustión se parase ou que se introducise demasiado osíxeno no interior do forno, producindo unha combustión completa co resultado de obter cinza en lugar de carbón… O forno non podía ser aberto ata que o lume se atopase completamente apagado. Unha vez que isto acontecía, o solo e os terróns eran retirados e o carbón estendido sobre o chan. No segundo día o carbón xa estaba frío e podíase gardar (Abraira Pérez, 2003). Entón era seleccionado e almacenado no interior de sacos ou cestos. O volume de carbón obtido unha vez rematado o proceso era de aproximadamente un terzo do volume da madeira inicial queimada.

Manolo de Moreno recorda como se facían

Foia. Excavación
Manolo de Moreno explica como se facían as foias na década dos cincuenta e sesenta do pasado século

Manolo de Moreno lémbranos como se conseguía o carbón vexetal na súa xuventude: Primeiro arrancábase a cepa e despois partíase co machado. Facíase unha foia bastante [grande] e despois facíase o lume e íase queimando a cepa até que se facía o carbón. As cepas eran de uz negra. Unha vez queimado todo o carbón, toda a cepa, tapábase con terrón e terra e tiñan que estar vinte e catro horas e despois sacábase a unha aira que se facía e despois ensacábase para levar a Meira. Participábamos os de aquí de Penarrubia case todos, Pepe de Martiz, nosoutros, o Carrocheiro, Lopo (Antonio paréceme que fixo algo, Pepe non), Suso de Miguelín tamén fixo carbón, e máis ninguén. Baixabámolo no carro e despois levabámolo até a estrada. Na estrada levábao o Escribano e eu tamén cheguei a levalo coa carroceta. Cando eu tiña a carroceta eu carretaba para os outros, para Fidel, para Suso da Veiga e todos os que o facían pola Pena. Os da Pena tamén o facían. Había que pasar o río. Eu tiven a carroceta no 68 e 69 e despois no 70 xa marchei para Barcelona. Facíase máis carbón no inverno que no verán. Levábase os días de feira, que se celebraba un domingo si e un domingo non. O carbón comprábannolo os ferreiros de Paradavella, Ferreira Vella se chamaba. Os ferreiros de aquí non o compraban, facíano eles para si. Vendíase por cargas, non compraban un saco só, compraban dous. Unha carga valía vinte pesos. Cada saco era de cen quilos. O carbón pesa pouco. Eu cheguei a levar na carroceta 120 sacos. Facíanse bastantes cartos, si. Eu facíao co Cuco porque eu era máis pequeno, dáballo a medias, el arrancaba as uces e eu partía. Non había que estar de noite vixiando a foia mentres ardía, tapábase e víñase, pero ao día seguinte íase mirar por se se queimaba o terrón e se queimaba todo e perdíase todo. A nós non nos pasou isto nunca porque se se vía un furadín xa se vía fumear.

Relacionados...

Situación xeográfica

As catro serras Catro son as serras de Penarrubia: A da Canteira, a do Mazuco, a Serra do Medio e Navallos. Os

Situación catastral

Parcelas catastrais No Catastro, o monte de Penarrubia comprende o monte do Mazuco, parte do de Navallos e descende até os límites

O Monte abertal de Penarrubia

A singularidade dos montes abertais radica na súa orixe e no seu aproveitamento colectivo. En tempos pasados, os propietarios de coutos, xa

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario