Igrexa parroquial
Emprazada na ladeira leste do monte de Navallos, é a capital da freguesía. O exterior da igrexa parroquial agride a vista polas aberrantes obras executadas na torre e polo abandono dos seus muros. Fronte á entrada do templo, polo seu occidente, sitúase o cemiterio.
Núcleo rural
Segundo o proxecto do PXOM de Baralla, en Penarrubia existen vinte vivendas, das cales dezasete son tradicionais (tres de Ferreiro, Ruán, Martiz, Costureiro, Moreno, Mofín, Lopo, Preto, dúas de Cota, dúas de Vazque, Miguelín, Casa vella da Casela e Carrocheiro) e tres non tradicionais (Casa nova da Casela, Casa do Agro e Casa do Valado). Como todo asentamento rural, cada casa dispón arredor doutras construcións necesarias para o desenvolvemento das actividades agrícolas e gandeiras.