A escola
Desde 1933 a 1970, ao edificio escolar deste lugar, hoxe en total abandono e coas paredes comestas de vexetación, acudiron a clase os nenos da freguesía.
De planta rectangular, estruturábase en dous pavillóns laterais de dúas plantas e un espazo central que funcionaba como distribuidor. Na planta baixa, no lado oeste, recibían clase as nenas e no leste, os nenos. No sobrado, enriba de cadansúa aula, estaban as vivendas da mestra e do mestre. O recinto escolar, murado en cachotaría, abarcaba unha extensión de terreo que se utilizaba como lugar de xogos no recreo e que algúns mestres tamén empregaron para instruír o alumnado nas técnicas agrícolas.
A escola foi construída a expensas dos irmáns Pedro e José María Álvarez Saavedra, naturais deste lugar de Papín, emigrantes afortunados en Bos Aires. No proxecto dos benfeitores figuraba a instalación dun reloxo de pesas cuxa esfera presidiría o frontispicio do edificio. Mais, a insuficiente altura impediu que se executase este desexo e, finalmente, o reloxo foi colocado na torre da igrexa parroquial e, desde aquela, as súas badaladas metálicas rompen o silencio da contorna mesturadas cos cantos dos paxaros, coas voces que conducen os animais e, nos últimos tempos, co troupeleo das máquinas.
Algúns historiadores, en Papín (> *villam *Pappinus), situado no decurso da vía romana XIX, localizan a mansio Timalinus. O certo é que, en 1906, o párroco de Penarrubia Antonio Correa Valcarce descubriu unha ara votiva neste lugar que se encontra no Museo Provincial de Lugo.
Núcleo rural
O núcleo rural de Papín está conformado por seis casas: Corredoira, Mateo, Vilarín, Papín, O Coto e O Cuco.