No cumio do monte de Navallos, a 884 metros de altitude, aséntase A Fonte dos Poios. Non hai moito tempo, este lugar estaba dominado pola matogueira e o arborado, hoxe predominan os pasteiros que serven para a práctica da gandería extensiva onde pacen bos exemplares de vacas do país.

O núcleo rural concéntrase neste lugar de engado desde o que se domina a impresionante panorámica do Val atravesado pola autovía A6 con O Casar, A Lagúa, Furco e o Cereixal ao lonxe.

Entre as casas do Gasallo e de Abiaxo, érguese un impoñente carballo.

Antano, a capela de Santa Bárbara, protectora contra as treboadas, presidía o espazo arredor do que se sitúan as casas. Hoxe tan só quedan os entullos das súas paredes.

A entullos tamén quedaron reducidas a casa do Ferreiro e a súa forxa que abeiran o camiño na entrada deste lugar.