As casas
No extremo sur da Serra do Puñago sitúase A Barrosa. Por aquí decorría tamén a vía romana XIX en dirección a Lucus Augusti. Son catro as casas do lugar: a de Abaixo, a do Medio, a da Rega e a do Arrieiro. No cumio do monte da Uzeira, a Pena da Uz, que serve de marco de delimitación da parroquia de Penarrubia, de Furís e de Pousada e tamén dos concellos de Baralla, Castroverde e Baleira. Desde hai pouco, neste monte, a empresa Naturgy instalou o parque eólico Serra do Puñago-Vacariza.
Paga a pena deterse neste lugar para contemplar os prados e cultivos do amplo val de Camporredondo e como nas serras de en fronte se enxergan os pequenos núcleos rurais de Vilachá, Vilarín e Biduedo.
A Cruz da Barrosa
Encóntrase a uns 190 metros ao nordeste da casa do Arrieiro nas coordenadas X: 643880 Y: 4758467 á esquerda do camiño que descende do lugar en dirección aos terreos da concentración parcelaria.
Moi probabelmente se trate dunha cruz de morto erixida para lembrar o falecemento en tempos pasados dalgunha persoa neste lugar xa for por causas naturais ou por acto violento.
É unha cruz de granito con estrutura simple: consta de pé e brazos de sección octogonal. Está asentada nunha base de planta cuadrangular de 0,44 x 0,44 m. A súa composición é simple: o canteiro que a labrou serviuse de dous bloques de pedra, un para elaborar a parte do pé até o traveseiro (de 1 metro de altura) e outro bloque para os dous brazos e a cabeceira (de 0,45 m. de altura), acadando un total de 1,45 m. desde a base. O brazo transversal mide 0,69 m de extremo a extremo sobre o que se ergue a cabeceira de 0,23 m. O pé ten 1 m. de altura.
Segundo di a tradición, neste lugar apareceu morto a principios do século XX un home que vivía na casa contigua. Outra versión, en cambio, afirma que un home da Esperela, en Baleira, que fora á feira de Becerreá, xamais regresou á súa casa. A familia recorreu a unha responsadora. Esta guiou os familiares polo camiño por onde adoitaba ir o desaparecido. En chegando á Barrosa, detívose. O home levárao a Santa Compaña, asegurou. O cheiro penetrante a cera era a proba. Desde aquela, aquí está chantada esta cruz.