A parroquia de Penarrubia durante 343 anos pertenceu á diocese de Oviedo. Exactamente, desde o ano 811, en que Afonso II doou estas terras á diocese asturiana, até 1154 en que o rei galego Afonso VII, no concilio de Salamanca, as integrou de novo na diocese de Lugo.
Até fins do século XIX
Até fins do século XIX, comprendía os seguintes catorce lugares: Teixeira de Abaixo, Teixeira de Arriba, Castrolanzán, A Revolta, A Veiga, Carballedo, Papín, A Pena, Val, Penarrubia, A Barrosa, Cernadas, Fonte dos Poios e Casar de Monín. A súa extensión era de 18,84 Km2, isto é, 1.884 ha.

Desde 1890
A finais do século XIX realizáronse cambios de adscrición de diversos lugares que afectaron á freguesía de Penarrubia. Así, nos Boletíns oficiais eclesiásticos do Bispado de Lugo de 18 de abril de 1890 e de 18 de setembro de 1891, A Barrosa adscríbese á parroquia de San Lourenzo de Pousada, Teixeira de Abaixo pasa á de Córneas e Teixeira de Arriba, á de Pedrafita de Camporredondo.

Desde hai 130 anos, as Teixeiras de Arriba e de Abaixo deixaron de pertencer á parroquia de Penarrubia, malia isto, por ignorancia ou por inercia, os medios de comunicación e informacións oficiais seguen afirmando que ambos lugares son da nosa freguesía. Descoñecemos, en cambio, que sucede co lugar de A Barrosa. O certo é que, na actualidade, os veciños deste lugar son enterrados no cemiterio de Penarrubia, e isto que indica que de feito pertence a Penarrubia.