Vimos no apartado Antigo Réxime en que consistía o beneficio eclesiástico de curado: a aristocracia, a fidalguía, os mosteiros, os bispos e os cabidos catedralicios mantiñan o dereito de presentación[1] do beneficio de curado, que concedía a determinadas persoas cunha garantía de rendas acceder ao estado eclesiástico e, en tal condición, desempeñar un posto nunha parroquia, capelanía ou cabido catedralicio que lles permitía vivir folgadamente. A cada beneficio eclesiástico correspondía un conxunto de bens patrimoniais con presunción de perennidade. Nas dioceses galegas o número de parroquias existentes con este beneficio de curado eran moitas, entre elas a de Penarrubia e a súa anexa de San Martiño de Neira de Rei. Nestes casos, quen nomeaba os párrocos non era o bispo senón a entidade ou o padrón que gozaba dese privilexio como sucedía na parroquia de Penarrubia coa familia Santiso Ulloa, da Casa Principal da Pena, que designaba os párrocos e os seus substitutos. Por isto, na relación que ofrecemos deseguido comprobamos que até 1834 todos os clérigos manteñen apelidos desta familia. Tamén constatamos que, alén dos párrocos, existan outros nomeamentos en calidade de vicarios, coadxutores, ecónomos e tenentes, que, en realidade, actuaban como substitutos dos titulares. Este dereito de padroado era hereditario e mantívose en vigor até mediados do pasado século coincidindo co Convenio para a provisión de beneficios non consistoriais asinado entre o goberno do ditador Franco e o Vaticano en 1946.
Os Santiso Ulloa
Segundo informacións obtidas en diversos documentos consultados, temos constancia dos seguintes párrocos nesta freguesía:
1753: Manuel Alonso Santiso Ulloa. Figura como intervinte nas Respostas xerais do Catastro de Ensenada.
1760: Nas Dilixencias de comprobación do mesmo Catastro de Ensenada, figura xa Pedro López como vicario actual por muerte del cura de esta feligresía [refírese ao anterior, Manuel Alonso Santiso Ulloa].
176?: Jacobo Ulloa Santiso. En 1767 temos constancia de que era párroco de Penarrubia pola lenda que figura nun dos paneis do retablo barroco da nave sur: ESTE RETA / BLO SE P/ INTÓ [por obra? del se] / ÑOR DON / PEDRO SAN / TISO Y ULLO / A /ĐEBOCION / SUYA / SIENDO CU / RA DN. JACO / BO ULLOA. / AÑO DE 1767. Polo Libro de fábrica da parroquia de San Pedro de San Martiño, anexa á de Penarrubia, sabemos que en 1794 seguía sendo párroco de ambas parroquias.
Jacobo Ulloa Valcarce. O 7 de febreiro de 1800 actuou como padriño do seu sobriño Jacobo Ulloa de las Riberas, quen ocuparía distintos postos na maxistratura e chegaría a ser senador en varias lexislaturas do Sexenio revolucionario e nos primeiros anos da Restauración borbónica. Supoñemos que foi este párroco o promotor da casa reitoral porque no lintel da entrada principal deste edificio figuraba unha epigrafía na que se indicaba que as obras foran rematadas en 1805.
Juan Ulloa Valcarce. Era fillo de Luis Ulloa Santiso (falecido en 1785) e de María Valcarce Ponce de León. No Libro de fábrica da parroquia de San Martiño encontramos referencias a este cura, mais non sabemos o período concreto en que foi párroco.
1803-1828: José María Ulloa.
Nadela Tellado
1834-1884: José Nadela Tellado. Rexentou esta parroquia durante cincuenta anos. Naceu o 26 de setembro de 1812. Morreu o 26 de xaneiro de 1884 “a consecuencia de hernia estrangulada á idade de 71 anos”. Era fillo de Ramón Nadela, natural e veciño de Infesta, Castroverde, e de Serafina Tellado, natural de San Román de Cervantes. Foi enterrado no cemiterio de Penarrubia. Outorga testamento o 25 de xaneiro de 1884, o día antes de morrer. Párroco de Penarrubia e de San Pedro de San Martiño. Autoriza o testamento o notario de Neira de Xusá Francisco Carballo. “…Cree y confiesa en todos los Misterios que tiene y cree nuestra Santa Madre Iglesia, en cuya fe y creyencia ha vivido, protesta vivir y morir, como católico fiel cristiano… Temeroso de la muerte, cosa tan natural y cierta a toda criatura, deseando para cuando llegue estar prevenido con disposición testamentaria… Es su voluntad asistan a su entierro veinte señores curas, se digan por su anima y obligaciones quinientas misas. Declara carece de herederos forzosos, ascendientes ni descendientes. Dice: que en el tiempo que el Govierno dispuso la venta de los bienes Eclesiásticos, estando el que dice ya párroco en esta parroquia, adquirió los bienes que como eclesiásticos, al Estado, pertenecían a la misma, consistentes en tres o cuatro fincas rústicas, y mediante pertenecieron a dicho Clero, ínterin, después que fallezca el testador y no sea elegido y aprendida posesión el párroco que le suceda, las poseerán y disfrutarán hasta últimos, o sea la fecha que el párroco aprenda la referida posesión, la poseerán sus hermanos don Andrés Nadela y Tellado y doña Juana, que viven en su compañía; aprendida que sea por dicho párroco sucesor la posesión, dichas cuatro o cinco fincas rústicas, las deja a disposición de los Señores párrocos que bayan continuando en esta parroquia y su unida por espacio de tres cientos años, con la obligación de que en cada año de los dichos y dominicas de los mismos, según bayan sucediendo los referidos párrocos y en su lugar tenientes y bicarios, han de cantar en todas las dominicas de los trescientos años referidos, en la iglesia de esta parroquia de Penarrubia, un Responso de recorderis, sin otra ninguna retribución que el producto de las tres, cuatro o cinco fincas, además de dichos párrocos sucesores y tenientes bicarios suministrarán y harán por su cuenta en cada uno de los trescientos años, en la mencionada iglesia de Penarrubia, dos funciones, con la asistencia de seis señores curas cada una de las dos, una en el día, o sea la octava de Corpos y otra en la de difuntos, por el anima y obligaciones del que dice… encarga o seu irmán de que se envíe unha copia do testamento ao bispado para que se obrigue os súbditos se cumpra o referido. Lega á Igrexa de Penarrubia 50 ptas. Á de San Martiño, outras 50 e a León XIII outras 50. Institúe herdeiros universais no demais os seus irmáns a partes iguais… priva a toda autoridad intervenga ni otra persona más que ellos en la mencionada herencia excepto con los límites indicados de las cuatro o cinco fincas adquiridas del Iglesario, que recuerda son cinco. Son testemuñas Indalecio González, de Miguelín, Ángel Prieto, de Ribeiro, e José Álvarez, do Costureiro.
Antonio Calderón Díaz
1879-1900: Antonio Calderón Díaz. Procedente da casa de Caldeiro de A Pena. Foi coadxutor na parroquia de Penarrubia. Nas actas sacramentais, a súa sinatura figura por primeira vez o 2 de marzo de 1879 e por última o 10 de setembro de 1900. No Boletín Oficial eclesiástico do Bispado de Lugo do 14 de maio de 1913 volve figurar como coadxutor de Penarrubia ao mesmo tempo que é designado párroco o polémico Emilio Pérez Rodríguez. En 1921, volve figurar como coadxutor in capite á vez que José María Quiroga López é designado coadxutor desta parroquia.
Ramiro Armesto Díaz
1886-1891: Ramiro Armesto Díaz. Natural de San Madede de Vilasouto, O Incio. En 1883 cursaba Teoloxía no seminario de Lugo. En 1886 é ordenado presbítero e designado cura patrimonial do seu lugar de nacemento. Durante este tempo estivo á fronte das parroquias de Penarrubia e de San Pedro de San Martiño. En 1891 é párroco de Lama Má, concello de Baños de Molgas en Ourense. Morre en 1943 despois de cumprir cincuenta e dous anos ao cargo desta parroquia ourensá.
Antonio Calderón Franco-Díaz
1892: Antonio Calderón Franco-Díaz. Ecónomo en vacante e coadxutor de Penarrubia, procedía da casa de Caldeiro de A Pena. Era tío do médico militar Antonio López Calderón. Morreu na casa familiar de A Pena aos 85 anos de idade en xaneiro de 1932.
Antonio Correa Valcárcel
1893-1909: Antonio Correa Valcárcel. Foi arcipreste de Valpedroso. Faleceu en xaneiro de 1909. Anteriormente, fora párroco de Furís. Era tío e padriño do médico Antonio Correa Fernández.
En 1906, Antonio Correa descubriu en Papín unha ara romana coa seguinte epigrafía: “LARIBV(S) / VIALIB(VS) / PLACID / [I] NA EX V / OTO P[O] / SVIT”, (“Aos Lares Viais Placidinia puxo [este monumento] en cumprimento dunha promesa“), que se encontra no Museo Provincial de Lugo.
1908: José Ferreiro López, coadxutor de San Froilán de Lugo, é nomeado vicario in capite[2] de Penarrubia,. (Diario de Galicia: periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general. Nº 27 (29/12/1908).
Preito polo beneficio de curado
Trala morte do párroco Antonio Correa Valcárcel ten lugar un longo preito sobre a quen corresponde o dereito do beneficiado de curado da freguesía de Penarrubia e da anexa de San Pedro de San Martiño. Victoriano Sánchez Latas, como comprador da Casa Principal da Pena e das súas terras a José Pedrosa Ulloa, propón como párroco a José Roibás Álvarez, mentres que o morgado do marquesado de Villaverde de Limia, Ramón Pedrosa González, sucesor da familia e representado por súa nai, Ascensión González Neira, viúva de José Pedrosa Ulloa, propón a Emilio López Rodríguez. En primeira instancia, o 12 de xullo de 1910, o Provisor Vicario Xeral do Bispado de Lugo declara la vacante al Beneficio parroquial de Santa María de Penarrubia y anejo de San Pedro de San Martín por muerte de su último párroco don Antonio Correa: ser de patronato laical y presentación alternativa del Excelentísimo Señor Marqués de Alcañices, conde de Grajal, como poseedor del estado de Villacio, Vilaci y otros y en la mayor y más sana parte de la iglesia de San Martín de Neira de Rey. Al poseedor de la Casa de la Pena deberlo adjudicar como de hecho se lo adjudicamos al presbítero don José Roibás Álvarez en virtud de nombramiento hecho a su favor por don Victoriano Sánchez Latas, en concepto de dueño y poseedor y llevador de la mencionada casa de la Pena, al cual toca el presente turno…
Presentado recurso contra esta sentenza, o Provisor Vicario Xeral do Arcebispado de Santiago, o 4 de marzo de 1911, despois de varios RESULTANDO e de 26 CONSIDERANDO, resolve, Christi nomine invocato, revogar a anterior sentenza ditada en Lugo e declarar que o beneficio de curado da freguesía de Santa María de Penarrubia y su unido de San Pedro de San Martín de Neira de Rey es de patronato y presentación de legos con alternativa turnaria entre los patronos respectivos de las dos parroquias unidas; que en la actual vacante corresponde la presentación por el turno de Penarrubia al señor don Ramón Pedrosa González, marqués de Villaverde de Limia, como sucesor de las prerrogativas anejas a los vínculos fundados por sus ascendientes Don Juan de Santiso el Viejo y don Juan de Santiso el Nuevo a cuyos vínculos fue legítima perpetuamente agregado dicho patronato y que debemos adjudicar y adjudicamos el expresado beneficio de Penarrubia y Neira de Rey al presbítero don Emilio Pérez Rodríguez…
Non conforme con esta sentenza de segunda instancia, o presbítero José Roibás Álvarez presenta recurso de apelación perante o Supremo Tribunal dirixido ao Excelentísimo y Reverendísimo Señor Arzobispo de Filipos Nuncio Apostólico en España por la pretensión que introdujo cometió Su Excelencia Reverendísima el conocimiento de este pleito a la Rota por medio de la Comisión que aceptó el Ilustrísimo Señor Auditor Ponente... Finalmente, CONSIDERANDO QUE o beneficio de curado de Santa María de Penarrubia e San Pedro de San Martín de Neira de Rei é de padroado e presentación de leigos con alternatura turnaria entre os padroados respectivos… que na actual vacante corresponde a presentación por quenda de Penarrubia ao Sr. Don Ramón Pedrosa González, marqués de Villaverde de Limia, como sucesor das prerrogativas anexas aos vínculos fundados polos seus ascendentes don Juan de Santiso el Viejo y don Juan de Santiso el Nuevo… Fica, pois gañador neste litixio canónico a aristocracia fronte ao novo grupo social, representado por Victoriano Sánchez Latas, que, procedente do funcionariado e da política, pretende facer valer as súas prerrogativas no control da sociedade. Sae tamén vitorioso como párroco de Penarrubia e de San Martiño, o presbítero Emilio López Rodríguez, quen posteriormente manterá fortes conflitos cos fregueses de Penarrubia e cuxos feitos, narrados polos nosos antepasados, fican aínda hoxe na memoria.
O polémico Emilio López
1913-1921: Emilio López Rodríguez. Este polémico párroco de Penarrubia era natural de Santa María de Régoa, concello de Monforte de Lemos. En 1901 cursaba primeiro de Teoloxía no Seminario de Lugo. En 1905 foi nomeado coadxutor en Lalín. No Boletín oficial eclesiástico do Bispado de Lugo de 14 de maio de 1913 publícase a súa toma de posesión como párroco de Penarrubia despois de gañar o citado preito contra outro cura que fora proposto para esta parroquia por Victoriano Sánchez Latas. No mesmo Boletín tamén se publica o nomeamento de Antonio Calderón Díaz como coadxutor da mesma parroquia. As desavinzas entre o párroco Emilio López Rodríguez e os fregueses foron continuas como nos contaron os nosos maiores que viviron aquela situación. Non sabemos exactamente as súas causas, sospeitamos que este cura se inmiscuiu nos asuntos dos veciños do lugar de Penarrubia e estes reaccionaron. Segundo testemuños dos antepasados, os fregueses de Val non gardaban inimizade con el. De feito, téñollo oído ao señor Andrés de Miguelín, nunha ocasión en que este cura era perseguido en Penarrubia berraba cara a Val voceando na procura de auxilio: “Acudídeme os de Val”. Tamén é certo que naqueles tempos había moita xuventude en Penarrubia e non toda ela de asisado comportamento. Así, entre 1916 e 1920 existiu unha banda de música cuxos integrantes en manada foron autores dunha grave agresión sexual cando regresaban dunha das súas actuacións na festa de Baralla. Foi precisamente no verán do ano 1920 cando tivo lugar este lamentábel acontecemento e, parece ser, que o párroco Emilio actuou con firmeza na defensa da moza agredida sexualmente. Esta actitude encomiábel do cura intensificaría as malas relacións xa existentes coa xuventude. Así, contaban tamén as mesmas testemuñas, nunha ocasión roubáronlle todos os parrulos, que comeron na casa de Mofín. Noutra ocasión, os mozos de Penarrubia, entre eles varios integrantes da banda de música, sorprenderon no carreiro de Val o criado do cura que cargaba ao lombo un garrafón de viño de misa. Detivérono e rompéronlle o garrafón. Cando foi sabedor disto, o cura saíu coa escopeta cargada na man na procura dos mozos, que non conseguiu encontrar. Tamén parece ser certo que estes mesmos mozos foron os que colocaron un potente petardo na aresta noroeste da casa reitoral causándolle unha longa fenda que provocou o derrubamento desa esquina, que endexamais foi amañada. Parece ser que a inimizade dos veciños de Penarrubia tamén se dirixiu contra a casa da Casela, pois, segundo contaban as mesmas fontes, por seren os membros desta familia amigos do cura desfixéronlle as medas que había na aira agardando para seren malladas. Tamén se dicía que, noutra ocasión, os mozos de Penarrubia mataron un gato e colgaron o seu cadáver na porta da reitoral coa seguinte lenda:
O cura deste curato como mañá non se vaia, ha quedar como o gato
No que coincidían todas persoas que recordaron este cura é en afirmar que era moi arrichado, que sempre levaba consigo unha pistola e que adoitaba regresar bébedo de noite á reitoral. O caso é que as malas relacións foron incrementándose e os fregueses puxeron en coñecemento do bispo o comportamento do párroco. E así, na noite dos días 6 a 7 de febreiro de 1921, o cura Emilio viuse obrigado a fuxir de Penarrubia perseguido polos fregueses no medio de petardos, disparos de pistola e fungueirazos. Parece ser que quen máis corría na fuxida era Socorro, a criada do cura, unha moza delgadiña e de bo parecer, segundo recordaban os que presenciaron a escena. Nisto discordan as versións das persoas que nos transmitiron os acontecementos segundo acabamos de narrar coa noticia que publicou El Progreso o día 11 de febreiro de 1921, que lemos na seguinte imaxe.
Da nosa parroquia, cremos que este cura marchou á comarca de Monforte, pois en 1933 era párroco de San Vicente de Pinol, no concello de Sober.
Este cura debía de saber desenvolverse con importante recoñecemento social por varios feitos que constatamos: en primeiro lugar, por ser designado párroco mercé o dereito de curado na parroquia de Penarrubia que ostentaba Ramón Pedrosa González[3], marqués de Villaverde de Limia. Outro dato que nos permite realizar esta afirmación radica no feito de que contase como avogado defensor cos servizos do eminente xurista Luis Díaz Cobeña[4] no preito que mantivo no Tribunal da Rota na disputa do nomeamento de párroco para a parroquia de Penarrubia. Finalmente, rastrexando nas hemerotecas, nos “ecos de sociedade” aparece anunciada a súa chegada a distintos lugares, como sucedía cos “persoeiros ilustres” naqueles en tempos non tan distantes.
Castor González Somoza
1924-1928: Castor González Somoza. Naceu en Santa María de Tuimil en 1874, concello de Bóveda, nas terras de Lemos. En 1893 cursaba segundo ano de Filosofía no Seminario de Lugo e en 1903, quinto ano de Teoloxía, e no ano seguinte é ordenado presbítero. En 1905 toma posesión como párroco de San Xurxo de Piquín, concello de Ribeira de Piquín. En 1908 é párroco en San Pedro de Vilareda, no concello de Palas de Rei. En 1912 tomara posesión da parroquia de San Vicente de Pinol, á mesma onde sería destinado en 1933 o seu antecesor, o polémico Emilio López Rodríguez. Temos constancia de que en 1924 era párroco de Penarrubia. Este cura tamén gustaba do viño e varios fregueses narraron episodios neste sentido. Recordo que o sancristán, José de Moreno, contoume que o día de san Xosé dun deses anos, o párroco presentouse na igrexa con tal grado de alcohol que, como era incapaz de poder oficiar, cando estaba na sancristía revestíndose para a celebración díxolle que comunicase aos asistentes que se encontraba enfermo e que non podía iniciar a misa. O sancristán desde o presbiterio anunciou con retranca: —Hoxe o señor cura non pode dicir misa porque está enfermo. Ao que Consuelo da Casela respondeu con ironía desde a primeira fila: “Deamos gracias a Dios”. Cando algúns dos alumnos do párroco José Barrreiro, a finais dos anos cincuenta, realizaron os índices dos libros parroquiais de bautismos, casamentos e defuncións, comentaban que existían páxinas que lles resultaban ilexíbeis por mor do estado alcohólico “del infraescrito” don Castor González Somoza. Morre en agosto de 1944 en Tuimil, o seu lugar de nacemento.
Juan Manuel Losada
1928- 195..?: Juan Manuel Losada Iglesias. Don Juan, para os nosos antepasados, era natural de Santalla de Alfoz, concello de Triacastela. No Boletín oficial do Bispado de Lugo do 28 de marzo de 1922 figura ordenado como presbítero. En 1924 é nomeado ecónomo de Penarrubia. En 1934 consta que era párroco de Penarrubia. En 1939 seguía ocupando esta parroquia pois actúa como tal con motivo da primeira misa de Ramón Fernández Correa. En 1945 continuaba sendo párroco pois figura nun informe xurídico deste ano, solicitado ao avogado Benigno Varela Fernández[5] por Casimiro Álvarez, da casa do Costureiro, como arrendatario do Prado Grande. O que se disputa nese momento é se un veciño de Penarrubia que opta a ser subarrentadario dese prado pode selo sen autorización do asinante do contrato de arrendamento. Nese informe xurídico dise que desde 1929 Casimiro Álvarez González leva en arrendo o Prado Grande, pertencente ao cura Juan Manuel Losada Iglesias por 600 pesetas ao ano, aumentadas a mil[6] ultimamente. Dise tamén que, desde o comezo, subarrendouno en parcelas a varios veciños con coñecemento e consentimento do arrendador e que o mesmo cura realizou as contas para o reparto das cotas entre os subarrendatarios. Indica que este repartimento se realiza, no caso da herba seca, unha vez gadañada, entre as moreas de herba, que logo botan a sortes; e indica tamén que, coa herba verde, se reparte o pasto levando a pacer cada veciño o mesmo número de vacas. Conclúe o ditame xurídico deste avogado afirmando que o arrendador non pode impoñerlle ao arrendatario o deber de aceptar máis subarrendatarios que os existentes nese momento mentres manteña vixencia o contrato. Deste cura dicíase que era moi rañicas e amigo dos cartos. Tiña como ama a Enriqueta, da casa de Lopo. Deixou a parroquia no ano 1953 ou 1954 en contra da súa vontade debido, posibelmente, porque, ao entrar en vigor o Concordato coa Igrexa, extinguiuse o beneficio de curado que permitía até ese momento que os párrocos de Penarrubia fosen designados polo marqués de Vilaverde de Limia.
Outras versións, pola contra, explican o abandono da parroquia polo feito de que este clérigo desempeñaba simultaneamente o cargo de secretario municipal do concello de Navia de Suarna e o bispo non lle permitía esta compatibilidade debido tamén a que residía habitualmente en Triacastela, desde onde se desprazaba tanto a Navia como a Penarrubia. Indisposto por este motivo co bispo, seguiu actuando como secretario municipal. Acabou os seus días internado no Asilo de Lugo ao coidado das monxas. Alí casou a Manolo do Moreno, quen garda del grato recordo e, en contra doutras opinións, afirma que era dadivoso.
Germán López Gómez
Germán López Gómez. Natural de Vilacote, parroquia de Riomol, Castroverde. Tiña como ama a Consuelo da Casela. Botou poucos anos como párroco en Penarrubia. Parecer ser que foi o primeiro dos párrocos de Penarrubia nomeado directamente polo bispo e non en virtude do beneficio de curado, como sucedía antes. Morreu na reitoral de Penarrubia e o seu cadáver foi conducido a Vilacote, o seu lugar de nacemento. Moitos veciños da parroquia acudiron ao seu enterramento. Recorda Manolo de Moreno que se contrataron dous autobuses de Santín para o desprazamento até a parroquia de Riomol.
Trala morte deste párroco, durante un período de tempo actuaron como encargados da parroquia de Penarrubia Valentín Quiroga López[7], párroco de San Miguel de Neira de Rei, e Pedro Díaz López, párroco de Pedrafita de Camporredondo.
José Barreiro
José Barreiro Gómez. Natural de Santa Cruz da Retorta, concello de Guntín. Segundo publica El Progreso, foi ordenado subdiácono o 22 de xullo de 1950 canda o lingüista e membro correspondente da Academia Galega Nicandro Ares Vázquez. En 1951 foi ordenado cura. Licenciado en filosofía pola Universidade Pontificia de Salamanca, realizou estudos e publicacións sobre o lingüista, teólogo e filósofo Amor Ruibal. Chegou á parroquia de Penarrubia procedente da de Torés, concello de As Nogais, despois de protagonizar varias polémicas cun sector desa freguesía.
Na reitoral vivía acompañado de seus pais, Erundina e Domingo, da súa tía Carme e, segundo as épocas, como alumnos das clases que impartía, de parentes seus como Carmiña, filla dunha curmá, ou de nenos e mozos alleos á familia como Marcial e Eulogio.
Foi párroco de Penarrubia desde 1958 a mediados de 1963, mais, durante este breve período de tempo, deixou pegada na parroquia.
Era un cura moi ortodoxo e identificado coa ideoloxía imperante no franquismo. O poder político da Ditadura consideraba que, durante a paréntese da República, a sociedade experimentara un grave proceso de secularización que era preciso desterrar. Por isto, a xerarquía eclesiástica e o poder civil, para recristianizar aquelas persoas que foran enganadas polas ideoloxías demoníacas republicanas, encargaron os clérigos, e nomeadamente os párrocos, de velar pola total identificación da poboación co catolicismo. A conduta dos cidadáns recoñecíase conxuntamente no cumprimento dos deberes relixiosos e na afinidade co ideario político do réxime. Os comandantes de posto da Garda civil expedían “certificados de boa conduta” e de “conformidade ideolóxica” nos que non só se tiña en conta a adhesión ao poder civil senón tamén o cumprimento dos mandamentos da Igrexa na procura dun Estado dominado pola civilización cristiá sustentado nos principios da xerarquía, a orde e a fe.
A Santa Misión na Carballeira do Barreiro
O cura Barreiro tamén se propuxo recristianizar as parroquias ao seu cargo, a de Penarrubia e a de San Martiño de Neira de Rei, e para isto organizou na primavera de 1961 unha Santa Misión, na que os nenos tiveron protagonismo. Durante varios días dese ano, os fregueses foron mobilizados en masa a diversos actos relixiosos cuxo teatro principal de representación tivo lugar na Carballeira do Barreiro de San Martiño, a carón de Catro Camiños. Durante os días da Misión interrompéronse os traballos porque había que asistir a rosarios da aurora, procesións, via crucis, sermóns, confesións xerais e misa de campaña. As ocupacións laborais ordinarias quedaron supeditadas aos deberes sagrados.
A xornada comezaba co rosario da aurora xa de mañá cedo. Desde as respectivas igrexas saían sonoras procesións nas que as mulleres se agrupaban arredor da imaxe da Virxe; os homes, arredor do Crucificado; e os cativos, arredor do Neno Xesús. E os tres grupos, rezando o rosario entrecortado por breves cantos, emprendían o camiño da grande escenografía protagonizada por elocuentes predicadores xesuítas que, servíndose de efectos retóricos e empuñando en alto cara aos concorrentes o crucifixo que levaban colgando sobre o peito, impactaban nas conciencias con parábolas moralizantes e furibundos anatemas contra os pobres pecadores, que non conseguían entender a lingua allea que os clérigos usaban.
Como en todas as misións, tamén na de Penarrubia, un dos actos máis esperados foi a dramatización realizada polos escolares do propio cura Barreiro e tamén por outros que acudían ás escolas de Papín e de San Martiño. Antes da confesión xeral e da misa de campaña, naquel día de 1961, ensaiados previamente polas mestras e o párroco, na Carballeira do Barreiro representouse a escena dos Sete Sacramentos. Alí estaban elegantemente ataviados os noivos casadeiros (Suso de Moreno e Carme de Mallo), o diácono que ía ser ordenado cura (Pepe de Ribeiro), o confesor que absolvía pecados (Pepe de Ribeiro), o neno destinado a ser bautizado, o bispo disposto a confirmar os novos soldados da Igrexa (Suso de Costureiro), o cura administrando a unción a unha muller anciá… E rodeando todo este espectáculo, velaí Lucifer, interpretado maxistralmente por Xosé Luís de Vilar de Ousón, coa face tisnada e un apéndice cornudo sobre a boina con que toucaba a cabeza, vestido todo el de negro, con medias tamén negras cubrindo as súas delgadas pernas infantís, encirrando cunha forcada as anxelicais almas brancas representadas por enfermeiras da Cruz Vermella. Ao final, nesta lea maniquea contra a negrura das tentacións e dos pecados, saía triunfante a Graza de Deus mercé ao auxilio dos Sete Sacramentos que, personificados nun neno revestido con roquete branco sobre negra sotana (Pepe de Ribeiro), asperxía auga bendita sobre o inmundo Satán, que ficaba finalmente anicado no chan en actitude submisa.
Despois da representación teatral, veu a confesión xeral como acto previo á misa de campaña na que comungaban todos os asistentes con “uso de razón”. Coa confesión e comuñón xerais cumpríase o obxectivo da Misión: que todos os habitantes das parroquias misionadas, ou polo menos a inmensa maioría deles, entrasen en Graza de Deus por teren recibido os sacramentos da confesión e da comuñón.
Mais, o acto final desta representación teatral rematou coa decepción xeral dos asistentes xa en graza de Deus. Como gran oficiante deste solemne acto fora anunciada a presenza do príncipe da Igrexa, cardeal e arcebispo de Tarragona, Benxamín Arriba Castro (oficialmente Benjamín de Arriba y Castro como correspondía a tan alta dignidade), natural da Ferrería, parroquia de Penamaior, do concello limítrofe de Becerreá. El había de clausurar esta Santa Misión dirixíndose aos fregueses concentrados devotamente na Carballeira do Barreiro de San Martiño. Neno eu de nove anos, aquela tarde desconfiaba de que comparecese naquel humilde lugar tan eminente persoa. Recordaba que dous anos antes, en xuño de 1959, viñera o bispo de Lugo, Antonio Ona de Echave, confirmar á igrexa de San Martiño e que fora recibido con foguetes mentres os nenos de varias parroquias da contorna con bandeiriñas de España de papel estabamos formados en dúas filas por entre as que a inxente figura do prelado, revestido de mitra e capa, se desprazaba a pé solemnemente empuñando na man esquerda o báculo e repartindo copiosas beizóns a destra e sinistra. Agora non se distribuíran bandeiriñas entre os nenos e os foguetes tampouco non se sentiran por ningures. Os fregueses acudiran en masa, e tamén outras xentes vidas de lonxe, para ver el eminentísimo y reverendísimo señor doctor don Benjamín de Arriba y Castro, cardenal arzobispo de Tarragona, laureado coas cruces de Isabel a Católica, do Mérito Militar, de San Raimundo de Peñafort, da Orde de Carlos III e de Afonso X O Sabio, Medalla de Duarte de la República Dominicana… Finalmente, anúnciase que Su Eminencia non pode acudir por non recordo que motivo e a decepción expandiuse por toda a Carballeira. Imaxínense que, dez anos despois, o 21 de xuño de 1969, El Cordobés non acudise tourear a Sarria como estaba anunciado no programa das festas de San Xoán despois de teren concorrido tantas persoas concitadas para tan execrábel espectáculo!
O cura Barreiro non só organizou esta Santa Misión, tamén introduciu na parroquia a celebración de Exercicios espirituais e da Adoración Nocturna[8], actividades estas reservadas para varóns selectos da freguesía. Como bo servidor das consignas da Santa Madre Igrexa, tamén se preocupaba de que os fregueses cumprisen o mandamento de santificar as festas respectando estritamente o descanso dominical e de que adquirisen a bula que lles permitía comer carne durante os días en que o calendario católico fixaba como de abstinencia. Este cura velaba tamén moi especialmente polo cumprimento do sexto e noveno mandamentos. Así, non consentía que se celebrasen os bailes que antes se organizaban ao son dun gramófono ou dun acordeón. Nalgunha ocasión presentouse no medio da ruada e rematou coa festa. Tampouco vía con bos ollos as celebracións que sucedían ao remate das mallas nas que dominaba a alegría polo traballo concluído incrementada pola euforia do viño que se bebera en abundancia. En fin, eran tempos de íntima comuñón entre a Igrexa e o franquismo, de sermóns, novenas, procesións, bulas, adoración nocturna, cursiños de cristiandade, exercicios espirituais, mais tamén de transgresións furtivas, de hipocrisía e de corrupción xeneralizada nunha sociedade dirixida por sotanas e uniformes.
José Barreiro promotor de iniciativas
Como xa dixemos a propósito da igrexa, o cura Barreiro foi o promotor das obras de restauración executadas en 1959. Foi quen contratou o primeiro tractor para arar as terras do Valado e quen se fixo coa primeira vaca pinta na contorna. Tamén foi el quen trouxo o primeiro coche a Penarrubia. Era este un vello renault negro con moitos anos de uso e mal conservado. Isto, unido á falta de dotes como condutor do seu dono, converteu este vehículo nun armatoste de menos utilidade que problemas. Cantas veces foi necesario agabitar cunha parella de vacas para traelo de regreso a Penarrubia despois de cada avaría que sufría!
Unha das actividades sociais máis significativas do cura Barreiro na parroquia consistiu na implicación da educación dos nenos e das nenas e, para isto, impartía clase polas tardes a un nutrido grupo de alumnos, entre os que se encontraba quen isto escribe. Así, a diario, na currada da reitoral concentrabámonos unha longa ducia de escolantes agardando as leccións que impartía o párroco. Naqueles momentos de agarda aproveitabamos para xogar e as voces infantís difundíanse por todo o Curral de Abaixo. Acudiamos ás súas clases non só os nenos de Penarrubia, tamén recordo algúns de Carballedo e mesmo do Val de Arriba, en concreto de Quintá, incluída tamén unha curmá-sobriña do propio cura que residía na reitoral. Nalgún momento, tamén asistiron a estas clases un neno de Torés, a anterior parroquia do párroco, e outro de Vilar de Ousón, concello de Becerreá. Como o famoso coche do cura-profesor sufría frecuentes avarías, cando viaxaba, as clases comezaban con retraso e os xogos prolongábanse, para alegría de todos os escolantes, durante moito tempo. Mais, cando comezaban, o ambiente festivo tornaba serio, case marcial. As leccións impartíanse na antesala da reitoral, un lugar amplo que contaba cunha única mesa grande arredor da cal nos dispuñamos de pé todos os alumnos. Como iluminación desta enorme dependencia, un único candil de carburo situado no centro da mesa. Da altura da mesa para riba, as caras infantís de atención e respecto iluminadas pola luz do candil contrastaban coas pernas en sombra de cada un de nós, que, prolongando os anteriores xogos da currada, se entretiñan en amolar as dos outros condiscípulos e condiscípulas. O momento crítico chegaba cando o mestre-cura controlaba a resolución dos deberes impostos a cada un na sesión anterior e comprobaba que ou ben estaban sen realizar ou que os resultados eran insuficientes. Entón tronaba a reprimenda que, en moitos casos, viña acompañada de severos tiróns de orellas. E, algunha vez, o castigo raiaba na crueldade cando consistía en acudir de noite, ao remate das clases e antes de regresar á casa, alimentar con aceite á lámpada da igrexa atravesando, para isto, o adro onde estaban enterrados os defuntos e penetrando na arrepiante escuridade do templo. E non había forma de evadirse deste castigo: era preciso devolver a chave da igrexa á reitoral unha vez cumprida a misión e, ao día seguinte, o párroco pasaba inspección do nivel oleoso da lámpada. Aos medos infantís infundidos pola superstición sumábase a imposición de deberes que raiaban o sadismo.
Mais, esta actividade educativa do cura Barreiro serviu para que en varios de nós e nas nosas familias se fomentase a necesidade de continuar a formación e, como a única opción existente para este obxectivo naqueles tempos consistía na carreira eclesiástica, algúns daqueles nenos foron encamiñados ao seminario de Lugo e outros fomos ao convento dos frades mercedarios de Sarria. De todos aqueles nenos, só un rematou sendo frade mercedario, que finalmente tamén se exclaustrou, e os demais abrímonos camiño pola vida con aquela formación inicial e outra que completamos.
Despois de ser párroco en Penarrubia, o cura Barreiro pasou á igrexa de San Froilán en Lugo. De ideas moi conservadoras, sempre comungou co réxime franquista e nalgunha ocasión protagonizou polémicas sonadas como cando lle retirou iradamente do altar o cáliz e outros obxectos litúrxicos para a misa ao coadxutor desta mesma parroquia co que non compartía ideoloxía. Tamén adoitaba celebrar os oficios relixiosos con motivo de aniversarios ultramontanas como a Festa dos Mártires da Tradición[9] e a misa anual do Benemérito Cuerpo de Mutilados de Guerra por la Patria.
Tamén foi profesor de ensinanza secundaria da materia de filosofía nun instituto de Monforte e noutro da cidade de Lugo. E segundo nos contaron algúns colegas seus de claustro, nestes anos de docente o autoritarismo que manifestara cando nos daba clase a aqueles nenos da parroquia a fins da década dos cincuenta e principios dos sesenta tornárase en permisividade e en manifesta ausencia de control do alumnado nas aulas.
José Vázquez Vilariño
José Vázquez Vilariño. Natural de A Golada. Ordenado sacerdote en 1950, sucedeu na parroquia a José Barreiro Gómez en 1962. Foi o primeiro párroco de Penarrubia en deixar de vestir sotana e soubo moi pronto acomodarse ao aggiornamento do Concilio Vaticano II. Non volveu haber nin santas misións, nin adoracións nocturnas nin foi preciso manter acesa día e noite na igrexa a lámpada de aceite… A misa comezou a oficiarse de cara aos asistentes e o latín foi substituído polo español, iso si, e non pola nosa lingua. Era fumador empedernido. Nos primeiros tempos desprazábase velozmente en moto con dominio do equilibrio por aqueles camiños e estradas empedradas. Posteriormente, cambiou a moto Ducati por un coche Ondine branco de segunda man que, co tempo, acabou abandonado na Mura de Lopo ao lado da granxa.
Participou como socio na cooperativa gandeira que se constituíu en 1969 con outros tres veciños máis e isto non foi ben visto polos arrendatarios que até ese momento aproveitaban os prados do igrexario.
Impulsor da reforma do campanario da igrexa, que se encontraba deteriorado, a solución arquitectónica que se ofreceu, consistente nese chapitel de tixolo á vista, foi lamentábel.
Manuel Rodríguez Castro
Manuel Rodríguez Castro, natural de Marei, O Corgo. Sabemos por El Progreso do 16 de maio de 1954 que ese mesmo día foi ordenado presbítero canda outros 27 compañeiros do seminario de Lugo. Desde principios da década dos sesenta do pasado século foi párroco de San Miguel de Neira de Rei até a súa xubilación. Posteriormente, desde a morte de José Vázquez Vilariño, fíxose cargo tamén da parroquia de Penarrubia. Tense solidarizado coas loitas dos labregos. Así, cando se expropiaron as terras para o trazado da autovía A6, compuxo e publicou versos como estes na defensa do Val de Neira:
Salvemo-lo Val do Neira
Coa carraxe de protesta,
Todos xuntos nunha xeira
Para que a xeración vindeira
Non emigre a outras terras.Non rexeitamo-la vía,
Queremos prosperidade.
Mais hai outra alternativa…
Non nos amarguen a vida,
Fuxan co “invento” de diante.
Destes párrocos, José Vázquez Vilariño e Manuel Rodríguez Castro, recoñeceu o escritor Ánxel Fole que eran dous dos tres seus mellores amigos de Baralla: “se a min me dixesen agora que elixise as tres mellores persoas de Baralla, por exemplo, pois elixiría da seguinte maneira. En primeiro lugar o capitán da Garda Civil, que se chama José Luis[10] e é unha belísima persoa… Despois, o cura de San Miguel, que se chama Manolo; este non pode ser mellor: alegre, optimista e moi francote. E, por último, o párroco de Penarrubia, outra boa persoa.” (Carlos Casares: Conversas con Ánxel Fole. Editorial Galaxia, páx. 83, Vigo 1984.
Ramón Rodríguez González
Ramón Rodríguez González, natural de Lugo. En 1967 era párroco de San Pedro de Ernes, concello de Negueira de Muñiz. Organizou a visita que realizou o omnipresente gobernador civil franquista de Lugo Eduardo del Río Iglesias o 21 de febreiro de 1967 a Ernes para atender as peticións dos seus veciños, incomunicados desde a construción do embalse de Salime en 1955, que desexaban abandonar aquelas terras asolagadas polo pantano. En efecto, os fregueses conseguiron emigrar á Terra Cha, que naquel momento estaba necesitado de xente que traballase os predios postos a disposición de novos gandeiros polo Instituto Nacional de Colonización. Cos seus fregueses tamén abandonou Ernes o seu párroco, que os acompañou á nova parroquia de O Matodoso, dependendo agora da diocese de Mondoñedo e non da de Lugo como anteriormente.
Aquí participou na vida social impulsando actividades de diverso tipo nas que implicou especialmente a xuventude e permaneceu até o 1998, en que se trasladou ás parroquias de Pousada, Laxes, Berselos, Cobas, Lebruxo e Val, no concello de Baralla. O motivo do seu desprazamento desde O Matodoso a Baralla foi debido a unha sonada polémica co ultracatólico bispo de Mondoñedo Gea Escolano segundo nos informan os medios de comunicación. Desde 2014 está tamén ao cargo das parroquias de Cascallá, Pedrafita de Camporredondo, San Miguel de Neira de Rei, Penarrubia e San Martiño de Neira de Rei. Foi el quen, en 2019, promoveu con acerto a rehabilitación do interior da igrexa da nosa freguesía. Sabemos que na súa mente bule o proxecto de restaurar tamén o seu exterior e, nomeadamente, de rematar co feísmo do campanario.
Don Pedro de Pedrafita
Pedro Díaz López. Párroco de Pedrafita de Camporredondo. En 1922, no Boletín Oficial eclesiástico do Bispado de Lugo figura nomeado ecónomo de San Vicente de Nullán, no Incio. En 1925 xa figura como párroco desta mesma parroquia. Nas hemerotecas consultadas non volvemos encontralo en ningunha outra ocasión. Era unha persoa coñecida en Penarrubia porque tiña moito contacto con motivo da súa asistencia a todos os enterramentos e demais celebracións. Cando se producía algunha vacante nesta parroquia, el era o encargado até o momento do nomeamento do novo párroco. Posuía unha potente voz que destacaba por enriba das demais tanto nos cantos como nos responsos e sermóns que pronunciaba. Era moi enxeñoso na conversa e de xestos teatrais. Como todos os curas de mediados do século XX, desprazábase a cabalo dunha besta, mais el foi o primeiro en usar tamén unha moto. Na foto podémolo ver sorrinte neste medio de transporte vestido de gardapó, sotana e bonete. O bonete e as gafas redondas eran signos externos da súa identidade.
As numerosas anécdotas que se contaban e permanecen na nosa memoria constitúen tamén trazos da súa peculiar personalidade. Á reitoral de Pedrafita, pola súa iniciativa, chegou o primeiro televisor do Val de Neira de Rei. De certo, o que se podía ver naquela pantalla, máis que imaxes, era un fervedoiro de puntos brancos e grises, que o numeroso público convocado por aquel aparello interpretaba coa imaxinación.
Deste párroco dicíase que non cobraba aos pobres polos oficios que celebraba e que, en cambio, se resarcía coas tarifas que lles pasaba aos fregueses que tiñan medios para pagar. Tamén se dicía que cando se celebraba o enterramento dalgún familiar do fregués natural de Biduedo propietario dunha empresa de transporte público, detiña reiteradamente a comitiva fúnebre desde o lugar do falecido até a igrexa de Pedrafita para rezar os responsos e aproveitaba a ocasión para ingresar o que non percibía por outros medios. E os nenos cantabamos, con tonalidade da música gregoriana, a canción que dicía: kirie leisón, Christe leisón / e cartos para o caixón, mentres coa man faciamos acenos de recoller moedas e billetes. Non debía de ser este párroco bo administrador do seu peculio porque el mesmo se vía obrigado a cultivar o horto para o seu alimento e isto causaba estrañeza na contorna polo feito de que un cura empuñase a ferramenta para labrar a terra. Por isto, era habitual encontralo coa sotana remangada á cintura cavando entre os couceiros das verzas e realizando outras actividades hortícolas. Unha das últimas veces que coincidín con don Pedro foi no mes de agosto de 1975 cando acudiu á misa solemne da festa do Carme de Penarrubia. Á saída da igrexa, xa no espazo do cruce de camiños situado entre as casas, estaba concentrado un grupo de xente que acudira ao acto relixioso en animada conversa. Un honorábel petrucio de San Miguel de Neira de Rei sacou do peto da súa flamante chaqueta escura unha petaca de prata repuxada con tabaco para liar. A mirada de don Pedro concentrouse en tan primoroso obxecto e, dirixíndose ao petrucio, díxolle, mentres collía nas súas mans o tabaqueiro e, con sorriso pícaro, facía acenos de gardalo no seu peto pola abertura da sotana: —Xa sabes, hai un principio relixioso que di onmia tua, mea sunt. Esta frase latina quedoume gravada e tempo despois entendín en plenitude a súa deturpación irónica cando coñecín o sentido completo dentro do seu contexto ortodoxo: Totus tuus ego sum et omnia mea tua sunt.
Federico Somoza de San Lourenzo
Federico Somoza López. Naceu no ano 1874 en San Martiño de Louseiro, concello de Sarria. En 1900 foi ordenado cura. En 1910 encontrámolo como alumno de terceiro curso das materias de Oratoria Sagrada e Linguas bíblicas na Universidade Pontificia de Santiago[11] coa cualificación de meritusimus. Nese mesmo ano tamén figura matriculado nas institucións de Dereito público, Dereito eclesiástico, Institucións canónicas e Teoloxía pastoral. En 1914 xa era párroco das veciñas freguesías de San Lourenzo de Pousada e da Esperela, no Cádavo. O 9 de outubro de 1933, na igrexa de Santiago a Nova de Lugo, oficia o casamento do escritor e profesor Ricardo Carbalho Calero con María Ignacia Ramos Díez, natural esta da Esperela. Morreu en xaneiro de 1963 despois de permanecer durante cincuenta anos como cura nesta freguesía de Baleira. Non sendo párroco de Penarrubia, eran moi frecuentes as súas visitas a esta parroquia para asistir a enterramentos e outros actos. Desprazábase a cabalo atravesando os camiños das Veigas, O Barrancal, Os Rebolos, O Agro, onde non gustaba encontrarse coas cancelas pechadas para proseguir a súa viaxe sen ter que baixarse da cabalgadura para abrilas. Tamén gustaba de que os pastores que ían coas vacas por eses camiños lle franqueasen o paso apartando os animais que obstaculizaban a súa ruta.
[1] Este dereito incardínase no regalismo característico das relacións históricas do papado co poder civil. Os antecedentes que dan orixe a estes acordos remóntase á Idade Media cando son constantes as disputas sobre as competencias do poder do Papa e o Emperador. A fins do século XV xa se instaura o regalismo oficialmente cando os Reis de Castela e de Portugal se comprometeron co papado a cristianizar os novos territorios conquistados en América a cambio da competencia real para organizar a Igrexa nos territorios de alén mar. Posteriormente, os mesmos reis conseguen ese mesmo padroado perpetuo para as Canarias e o reino de Granada unha vez incorporado á Coroa de Castela. Os poderes do monarca para dirixir a Igrexa foron aumentando co tempo. No século seguinte xa se recoñece o dereito de presentación. En 1539 o emperador Carlos V esixiu que as peticións dos bispos á Santa Sé pasasen pola súa man, impoñendo o pase real (pase rexio ou regium exequatur) aos documentos pontificios para seren executados. Durante o reinado dos austrias, o poder real viuse incrementado: control da Inquisición, dereito de presentación de bispos, padroado rexio ou de Indias, participación en décimos, etc. O regalismo de cuño borbónico maniféstase no Concordato de 1753, no que malia o Papa se negar formalmente a recoñecer o «padroado universal» como unha regalía da Coroa, aceptou o dominio real sobre os beneficios eclesiásticos, o que supoñía o recoñecemento de feito do «padroado universal» agás de 52 que se reservou. Desta forma alcanzouse o maior triunfo do regalismo. As concesións eran de tal calibre que o poder do monarca sobre a Igrexa era absoluto e completo: nomeamento de bispos, cóengos ou beneficios eclesiásticos, que pasaba a depender da vontade do monarca. Posteriormente, Carlos III restaurou a rexia prerrogativa e mesmo ampliou a súa aplicación aos asuntos relacionados co dogma.
[2] O vicario in cápite, equivalente vicario episcopal foráneo, recibía o seu nomeamento do bispo e estaba dotado polo dereito canónico para exercer con potestade ordinaria, fóra da sé episcopal e nun territorio determinado, os actos de goberno que o mesmo bispo lle indicaba e na súa representación, a fin de evitar aos fieis a molestia de ter que acudir á afastada sé episcopal. Xeralmente exercía tamén a función de xuíz eclesiástico.
[3] Ramón Pedrosa González era fillo de Antonio Pedrosa Ulloa e Ascensión González Neira, marqueses de Vilaverde de Limia. O primeiro título desta liñaxe foi concedido en 1809 pola Xunta Suprema do Reino de Galiza, baixo a denominación de marqués de Santás, a Benito María Sotelo Novoa Niño (1760?-1839), fidalgo e rexedor da cidade de Ourense, escritor e colaborador en xornais absolutistas. Posteriormente, en 1811, xa co regreso de Fernando VII, o título cambia polo de Vilaverde de Limina. A liñaxe dos Ulloa de A Pena únese á de Vilaverde de Limia por medio do matrimonio de Antonio Joaquín Ulloa con María Casilda Sotelo de Novoa, filla primoxénita do primeiro marqués. Casou esta última con Ramón Pedrosa González, enlazando así con apelidos de profundas resonancias tradicionalistas, por canto Jacobo Pedrosa Ulloa foi tamén figura capital do carlismo na Galiza unha vez concluídas as guerras carlistas.
[4] Este ilustre xurista dirixiu un bufete no que traballará como pasante Manuel Azaña. Tivo actividade política chegando a ser deputado e senador en sucesivas ocasións, entre elas por Lugo (1903-1904) e Ourense (1904-1905) antes de ser nomeado senador vitalicio. Foi decano do Colexio de Avogados de Madrid, entre 1907 e 1913. Combinou a avogacía co xornalismo cultural, especialmente a crítica teatral e a creación e adaptación de obras teatrais. Da súa actividade como avogado destaca pola súa participación como defensor de José Millán Astray, implicado na causa do famoso crime da rúa Fuencarral, en 1888, e polos seus famosos Ditames, recompilados e publicados polo Colexio de Avogados de Madrid, postumamente, en 1919.
[5] Fillo do avogado, xornalista e político republicano Benigno Varela Pérez, ex gobernador civil de Ourense e membro do Partido do Centro Nacional Republicano, e irmán de Mauro Varela Fernández. En febreiro de 1932, Benigno Varela Fernández presidiu a primeira asemblea xeral da xestora do Partido Galeguista en Lugo, que contou tamén coa presenza de Reynaldo Gómez Neira como vicecepresidente, Sevando Gómez Aller como secretario, Manuel Iglesias como contador, Andrés Tato como tesoureiro, Xosé Pimentel como bibliotecario e Ramón Martínez, Salustiano Carro e Constantino Rodríguez como vocais, celebrada no domicilio do catedrático de instituto Ramón Martínez López. Pertenceu á primeira nómina da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.
[6] As rendas cobradas anualmente polo arrendamento deste prado eran elevadas se as comparamos, por exemplo, co salario anual de 1.300 pesetas que cobraba no mesmo ano 1929 un obreiro metalúrxico.
[7] Foi párroco de San Miguel desde 1956 até o seu falecemento, en 1964.
[8] Asociación ultracatólica de persoas que ten como obxectivo a adoración de Cristo baixo a forma de pan e viño durante toda unha noite cada mes estabelecendo quendas até o rompente. Os haxiógrafos do ditador Franco afirman que pertenceu desde moi novo a esta asociación e que pasou moitas noites de xeonllos adorando a Hostia antes de tomar decisións de goberno. Unha mostra máis da comuñón entre poder político e relixión no control franquista da sociedade.
[9] Conmemoración carlista instaurada por Carlos de Borbón e Austria-Leste en 1895. A festividade foi creada para honrar a memoria de «os mártires que desde principios do século XIX pereceron á sombra da bandeira de Deus, Patria e Rei». O día 10 de marzo foi escollido por ser o aniversario da morte do seu avó, o infante Carlos María Isidro de Borbón, falecido no exilio de Trieste o 10 de marzo de 1855. Coa promulgación polo ditador Franco en abril de 1937 do Decreto de Unificación, a Comuñón Tradicionalista quedou integrada na FET e das JONS e a festa dos Mártires da Tradición pasou a ser tamén unha conmemoración franquista. Con motivo desta efeméride, en 1938 Franco concedeu o grao honorífico de tenentes do exército español aos superviventes das guerras carlistas do século XIX estabelecendo con isto unha continuidade entre a causa carlista e o Movimiento Nacional.
[10] Refírese a José Luís García Sánchez, capitán da Garda civil en Baralla a principios dos oitenta. En 2002, como xeneral de brigada, ocupou o cargo de Xefe da Garda civil na Galiza.
[11] O seminario de Santiago gozou da concesión para conferir graos académicos superiores —ademais do bacharelato en teoloxía e canons, que o podían conceder todos os seminarios conciliares en virtude do c:oncordato de 1851—, como Seminario Central de Galiza (1876-1897) e Universidade Pontificia (1897-1932). O Seminario de Santiago contou desde 1897 cunha universidade pontificia. As súas facultades de teoloxía e dereito canónico víronse pronto frecuentadas por moitos alumnos das dioceses galegas. Este centro foi clausurado polo Vaticano ao remate do curso 1931-1932. (Carlos García Cortés: Lucenses graduados na Universidade Eclesiástica de Santiago. En LVCENSIA. Páx. 137-189. Nº 14. Vol. VII. Lugo 1977.