Dioceses e parroquias

No decurso do século IV asistimos na Gallaecia á progresiva substitución do organigrama admi­nis­trativo e territorial romano polo que, pouco a pouco, vai introducindo o cristianismo. Así, as capitais dos seus tres conventus (Lucensis, Bracarensis e Asturicensis) adquiren tamén a cate­goría de sés episcopais.

Dioceses no reino suevo

As dioceses documentadas no século V no Reino suevo son Aquae Flaviae (Chaves), Lucus, Aquis Celenis (Caldas de Reis), Bracara e Asturica. No Concilio I de Braga (561) figuran dúas máis, Iria Flavia, que substitúe a Aquis Celenis, e Britonia. No Concilio II desa mesma cidade (572) xa se recoñece tamén a existencia da sé de Tude. A esta época tamén se refire o Parroquial Suevo (Parrochiale Suevum ou Divisio Theodomiri), que recoñece a existencia na Gallaecia de trece sés episcopais: Bracara, Portus Cale, Lamecum, Conimbriga, Viseo, Dumio, Egitania, Lucus, Auria, Asturica, Iria, Tude e Britonia, das que a de Braga e a de Lugo teñen a consideración de sés metropolitanas[1].

Reino suevo coas trece sés episcopais

Da totalidade destas trece dioceses dependían 107 ecclesiae e 25 pagi. Ecclesia, con significado equivalente ao da posterior “parroquia”, era o nome que recibía cada unha das comuni­dades cristiás organizadas arredor dun templo baixo a xerarquía do seu correspon­dente bispo. O vocábulo pagi parece ser que designaba determinadas igrexas rurais só existentes nas dioceses de Bracara, Portus Cale e Tude. En cambio, o vocábulo parrochia máis ben designaría o que logo foron os arciprestados.

Copia do Parrochiale Suevum

Nestes momentos continúa presente o move­mento priscilianista que, entre outras pretensións, propugnaba a separación da relixión da organización administrativa imperial romana, que consideraba os bispos como altos funcio­na­rios con poderes políticos e xudiciais. Das trece dioceses en que se estrutura a Gallaecia segundo o Parrochiale Suevum, a de Lugo debía de ser a menos poboada ou cristianizada pois tan só se lle adscriben tres ecclesiae: Carioca (Quiroga), Seuios[2] e Cauarcos[3].

Após o reino suevo

Liquidado o Reino suevo no ano 585, iníciase un proceso de integración no sistema administrativo do reino visigodo de Toledo. Mais, coas invasións musulmás, este organigrama das dioceses suevas transfórmase. Os territorios de Auria, Braga e Dumio foron ocupados, sufriron despoboamento e as súas xerarquías trasladáronse a Lugo e a Britonia e as sés de Tude e Auria desapareceron. A diocese de Britonia trasládase a San Martiño de Mendunieto no ano 967, dando orixe á de Mondoñedo. A de Iria trasládase oficialmente a Santiago en 1.095. A partir deste momento, temos xa conformadas as cinco dioceses da Galiza: Lugo, Ourense, Santiago, Mondoñedo e Tui.

As cinco dioceses da Galiza na actualidade

A freguesía de Penarrubia

A freguesía de Penarrubia non sempre pertenceu á diocese de Lugo. Cando Afonso II (791-842) crea a diocese de Oviedo no ano 811, concédelle un extenso territorio, no que se inclúen as terras do río Neira e outra boa parte das que pertencían á de Lugo: «necessitate compulsus, terras et prouintias Sancto Saluatoris Ouetensi concedo Ecclesie que ante fuerant subdite Lucensi Ecclesie per cuncta seculorum tempora. Hec sunt autem nominata prouintie, id est Valbonica, Neria, Flammoso, Sarria, Paramo, Frolani, Sauinianos et Sardinaria, Auiancos, Asma, Camba et ecclesias de Dezon» (López Sangil e Vidán Torreira. Tumbo Viejo De Lugo. Transcripción Completa. Páx. 51). Entendemos que o topónimo Neria identifica as terras do Neira, que cremos inclúen tanto as de arriba como de abaixo do seu decurso. Os bispos de Lugo nunca aceptaron de bo grao o espolio deste territorio a favor de Oviedo e mantiveron un longo contencioso para a súa recuperación. Os prelados ástures e os lucenses considerábanse respectivamente con dereito a exercer a súa xurisdición sobre as terras e os propios fregueses afectados pola disputa. Nin sequera o papa Euxenio III (1.145-1.153) foi quen de solucionar este conflito a comezos do seu pontificado cando pediu tanto a clérigos como a fregueses, «dilectis filiis clero et populo de Lemos, de Sarria, de Flamoso, de Paramo, de utraque Neira, de Navia de Suarna, de Buraon, de Vallonga, de Ambiacos, de Lamba et de Asma», que obedecesen o bispo de Lugo porque o de Oviedo estábaas ocupando ilicitamente (quondam restitute fuerint et ab Ovetensi ecclesia denuo illicite occupale, venerabili fratri rostro M. Ovetensi episcopo tam litteris quam viva voce mandavimus ut easdem ecclesias venerabili fratri nostro [G.] Lucensi episcopo cum integritate statuto termino restitueret. (Concilio de Sala­manca. Xaneiro, 1.154. En http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/concilios-nacionales-de-salamanca-en-1154-y-de-valladolid-en-1155-0/html/00cdf332-82b2-11df-acc7-002185ce6064_9.html). Hai que agar­dar á intervención do rei da Galiza e emperador Afonso VII para que, no Concilio de Salamanca, celebrado nos primeiros días de xaneiro de 1.154, a sé de Lugo recupere o territorio que desde tanto tempo e con insistencia viñera reclamando: “concedo Deo et Ecclesie Sancte Marie lucensi et Uobis Domino Iohanni lucensi Episcopo et Omnibus Successoribus Uestris illos terminos perpetuo habendos super quibus inter lucensem et Ouetensem Ecclesiam longo olim tempore maxima discordia fuerat –uidelicet– Superiorem et Inferiorem Neiram cum Uallonga, framosum, Sarria, froilanos, lemos, Verosmi, Sauinianos, Paramos, asma, camba, Dezon et auiancos.” (López Sangil e Vidán Torreira. Tumbo Viejo De Lugo. Transcripción Completa. Páx. 94). Resaltamos en letra negriña a referencia ás dúas Neiras, a Superior e a Inferior, que, no caso da segunda, se corresponde en romance coa Neira de Xusá. Alén deste longo litixio, na Idade Media existiron outros conflitos de menor contía entre dioceses que disputaron freguesías estremeiras, mais a configuración medieval dos territorios episcopais mantívose sen maiores modificacións ao longo da historia sobrevivindo mesmo á división territorial por provinciais que introduciu en 1.833 o Goberno liberal.

Os bispos das dioceses galegas na Idade Media reciben o poder xurisdicional que ostentan sobre cidades e vilas por concesión real, mais, co paso do tempo, van ser tamén os monarcas quen llelo van ir suprimindo. Así, en 1.095, Ramón de Borgoña e dona Urraca confirman o couto da sé episcopal de Tui ao seu bispo; Fernando II, en 1.180, fai o mesmo co burgo de Pontevedra á mitra compostelá… A finais do século XVI, a mitra de Santiago ostentaba xurisdición sobre as vilas de Padrón, Pontevedra, Vigo, Redondela, Noia e Vilanova de Arousa; a de Tui, sobre Vilavella de Redondela, A Guarda, Parada (Nigrán) e Salceda. Coincidindo coa fin do reinado de Felipe II, e coa finalidade de sufragar os gastos da Coroa, o monarca emprende o proceso de desmembración das rendas procedentes dos dereitos inherentes ás xurisdicións eclesiásticas das procedentes do uso que das terras viñan realizando os vasalos en calidade de dominio útil. Esta pretensión do monarca bate coa forte oposición de bispos e abades porque a perda do poder xurisdicional que ostentaban non só os privaba de determinados ingresos, como a lutuosa, por exemplo, ou das penas de cámara da xurisdición penal senón que os desposuía tamén do poder coercitivo con que contaban a través dos seus xuíces e alguacís para recadar os décimos.

Mais, nestas relacións entre bispos e poder real sobre o dominio nas cidades tamén existiron frecuentes tensións e maiores aínda foron as que se manifestaron na intromisión do poder eclesiástico sobre os gobernos dos seu concellos.

Século XVIII

En 1768, a diocese de Lugo estaba estruturada en 35 arciprestados e tres priorados bieitos rexidos polo abade de Samos, que formaban unha prelatura territorial. Esta prelatura suprimiuse no século XIX trala desamortización de Mendizábal.

Dioceses e provincias na actualidade

Reforma de 1954

Podemos afirmar que, desde a Idade Media, a maior reforma territorial que expe­ri­mentaron as dioceses galegas foi a operada polo Decreto da Sagrada Congregación Consistorial, de 17 de outubro de 1.954 que, seguindo as disposicións previstas no Concordato de 1.953, foi ratificada polo Goberno franquista o 5 de agosto de 1.955 e publicada, como corresponde a un Estado confesional, no B.O.E. do día 10. En virtude deste acordo, a diocese de Lugo perde a favor da de Astorga dezaoito parroquias principais e nove anexas situadas en territorio administrativo leonés; a favor da de Mondoñedo, Lugo perde cinco principais e seis anexas; perde tamén unha parroquia a favor da de Ourense que pertencía a esta provincia. En cambio, a diocese de Lugo incorpora dez parroquias principais e nove anexas procedentes da de Astorga, seis principais e catro anexas da de Mondoñedo, sete da de Ourense e trinta e cinco principais e oito anexas procedentes da diocese de Oviedo. Esta reestruturación tiña como obxectivo, claro está, a consecución da maior coincidencia entre as dioceses e as provincias como corresponde á simbiose entre o poder civil e o eclesiástico que caracterizaba o Estado confesional no que o Ditador entraba baixo palio nos templos da mesma forma que o facía o Santísimo Sacramento nas mans dos eclesiásticos que o portaban.


[1] Inicialmente, o termo metropolitano refírese ao bispo da cidade capital da provincia romana cuxa autoridade en relación cos outros bispos da mesma provincia foi recoñecido polo Primeiro Concilio de Nicea (325). O bispo da capital provincial, o metropolitano, gozaba de certos dereitos sobre outros bispos da provincia, máis tarde chamados bispos sufragáneos. Na actualidade, os arcebispos son metropolitanos.

[2] M. Díaz Díaz identifica este topónimo con Suegos, no concello de Pol, nas terras de Meira.

[3] Posibelmente se trate de Cabarcos, no concello de Barreiros.

Relacionados...

Parroquia de Penarrubia

A parroquia de Penarrubia durante 343 anos pertenceu á diocese de Oviedo. Exactamente, desde o ano 811, en que Afonso II doou

Párrocos

Vimos no apartado Antigo Réxime en que consistía o beneficio eclesiástico de curado: a aristocracia, a fidalguía, os mosteiros, os bispos e

A Igrexa

Exterior Malia presentar esta igrexa elementos arquitectónicos renacentistas, cremos que foi construída na segunda metade do século XVII, en tempos do párroco

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario