Exterior
Malia presentar esta igrexa elementos arquitectónicos renacentistas, cremos que foi construída na segunda metade do século XVII, en tempos do párroco Juan ¿Antonio? Santiso Ulloa, segundo deducimos da lenda epigráfica que consta no lintel da fiestra inferior norte da torre, cuxa data interpretamos como 1639.
Tamén é posíbel que a torre fose levantada na segunda metade do XVII e o resto do templo xa estiver construído con anterioridade. Mais, o certo é que, canda elementos arquitectónicos renacentistas, tamén encontramos neste templo outros barrocos e neoclásicos. Penarrubia, como parroquia que gozaba do privilexio de curado, mostra nesta construción varias referencias a membros da familia fidalga Santiso Ulloa, que dispuña desta concesión. O mesmo sucedía coa casa reitoral, perdida por abandono, que no lintel da súa porta de acceso tamén contiña unha lenda epigráfica coa identidade do seu promotor na segunda metade do XVIII, Jacobo Ulloa Santiso, quen non debeu de ver concluída a construción en vida porque a data do seu remate foi 1803, ano en que xa era párroco José María Ulloa, o seu sucesor.
O exterior áchase nun estado lamentábel de conservación. Consta do corpo da igrexa e torre. O conxunto foi concibido polo equilibrio arquitectónico, que se consegue coa sucesión de volumes a varias alturas e coa disposición harmónica dos vans.
Construída con cantaría e cachotaría tomada con cal e area, o seu exterior estrutúrase en catro volumes: tres de planta cuadrangular (torre, presbiterio e sancristía) e un de planta rectangular (conformado polas dúas naves laterais e a central), que no seu interior se desdobra en tres unidades lonxitudinais que se corresponden con cadansúa nave. Sostemos que inicialmente o presbiterio e a torre presentaban teitume a catro augas e que tanto o campanario actual como o anterior foron elementos engadidos que desfiguraron a harmonía con que foi concibida. Deste xeito, a igrexa presenta unha estrutura arquitectónica propia do Renacemento con simetría e proporcións baseadas no módulo cuadrangular, que se obtén da medida do ancho da nave principal.
A torre, de forma prismática cuadrangular, cuxa anchura coincide coa da nave principal, organízase en dous corpos: o inferior, cúbico e moi robusto, presenta vans a ras de chan nas súas caras norte, sur e oeste, con arcos de medio punto, que crean un reducido e funcional pórtico resgardado da intemperie desde o que se accede á nave central da igrexa a través dunha porta alintelda.
E aquí destacamos, desde no nosa apreciación, a porta nobre de madeira como un dos elementos de especial riqueza artística deste templo. Adoitamos ponderar determinados elementos arquitectónicos ou decorativos como protagonistas da arte e moitas veces esquecemos aqueloutros pequenos detalles que imprimen pautas de estilo e de calidade.
E isto é o que sucede coa porta principal da igrexa parroquial de Penarrubia. Estrutúrase en tres corpos, o inferior simple e o central e o superior xeminados. En cada un dos dez paneis destacan como elementos decorativos os cravos con cabeza de diamante dispostos simetricamente e os roleos xeométricos xeminados en relevo. Entre as dúas follas disponse unha perfecta moldura helicoidal. O ferrollo presenta, en cambio, liñas simples.
O segundo corpo da torre, separado por unha sobria moldura transversal, contén vans alintelados nas caras norte e sur e fiestras xemelgas con arcos de medio punto nas caras oeste e leste. No interior desta parte superior colocouse nos anos trinta do pasado século a maquinaria do reloxo de pesas doado por dous irmáns emigrantes desta parroquia na Arxentina, maquinaria que, desde o ano 2019, se expón no interior da igrexa. Até finais da década dos oitenta, este corpo remataba nunha balaustrada, que se suprimiu cando, por iniciativa dos propios veciños, se realizaron as obras necesarias por mor do seu estado ruinoso.
O campanario da torre substituíu o existente até finais dos anos oitenta do pasado século e consiste nun horríbel chapitel de liñas arquitectónicas foráneas coas paredes de tixolo sen recebar. Os vans leste e oeste, ambos en arco de medio punto, soportan cadansúa campá: a occidental, de maior tamaño, é a que se emprega habitualmente para convocar ao culto; a oriental, toca as horas que marca o reloxo. Na cara leste do chapitel loce a esfera horaria.
Mais, o campanario no remate da torre tal e como se encontraba antes da substitución polo actual chapitel tampouco podía ser o orixinal do momento en que se construíu a igrexa, pois contiña materiais que non se coñecían no século XVII, cando se edificou o resto do edificio.
Cremos que esta torre foi concibida no momento da súa construción como truncada ao estilo da que encontramos, por exemplo, na contigua parroquia de San Martiño de Neira de Rei. A tradición popular agrega que, en ausencia de campanario, as campás penduraban das pólas dun castiñeiro por non existir lugar onde colocalas na propia torre. De ser certa esta afirmación, non entendemos por que non podían estar emprazadas en ambos pares de vans en arco de medio punto que existen no seu segundo corpo.
Ás naves laterais tamén se accede por cadansúa porta alintelada sobre as que se sitúan nichos enmarcados por pilastras decorativas rematadas en borlas de estilo renacentista. É posíbel que, en tempos pasados, nestes nichos existise algunha escultura ou elemento decorativo como sucede noutros templos rurais deste estilo.
As paredes encaladas ocultaron durante moitos anos a cantería e a cachotaría. Con motivo das obras de restauración do tellado, descubríronse algúns dos muros da capela maior e da torre e, posteriormente, da nave lateral norte. Desta maneira, o exterior presenta un desleixo lamentábel.
Na parte alta da aresta occidental da nave sur está emprazado un reloxo de sol, doado por Joseph López, vinculeiro da casa de Lopo que viviu na segunda metade do século XIX.
Interior
Durante moitos anos, o interior debeu de conservar o aspecto que os máis vellos recordamos até 1959 cando o párroco José Barreiro Gómez promoveu reformas nas que participaron os fregueses. Na miña infancia recordo que os muros, as bóvedas e os piares estaban recubertos de cal a treitos con amplas superficies descascadas. Tamén recordo o chan de táboas dispostas lonxitudinalmente formando rectángulos de medidas propias dos enterramentos, que alternaban con pequenos treitos de laxe e de terra nos que afloraba algún que outro óso humano. E isto permítennos explicar que antigamente se realizaban enterramentos no interior das igrexas. Mais, non todos os fregueses gozaban do privilexio de recibiren sepultura en recinto sagrado, pois isto estaba reservado para os clérigos e determinados leigos que, como no caso de Penarrubia, gozaban do beneficio de curado como acontecía coa familia Santiso Ulloa, da Casa Principal de A Pena. A fe cristiá afirma que, coa morte, os corpos sepáranse das almas, mais este afastamento é temporal porque, segue afirmando o credo, chegará o momento en que corpo e alma volverán unirse para gozar da vida eterna xa for en presenza de Deus ou padecendo as penas do inferno. Esta crenza tamén permitía entender que os cadáveres enterrados nas igrexas gozaban da proximidade de Deus e dos santos e isto proporcionábanlles os beneficios espirituais para a salvación eterna. Aínda no século XVIII, recoñecía Jovellanos no Informe dado al Consejo por la Real Academia de la Historia en 10 de junio de 1783 sobre la disciplina eclesiástica antigua y moderna relativa al lugar de las sepulturas que “era tal la ciega confianza de algunos, que creían liberarse de las penas del Infierno o del Purgatorio con sólo tener la sepultura inmediata a la de los mártires”. Con estes enterramentos, os defuntos non só estaban en comuñón directa coa divindade senón que tamén seguían mantendo estreitas relacións coa comunidade dos vivos e, nomeadamente, cos seus parentes, pois estes adoitaban reservar a superficie ocupada no chan polos devanceiros enterrados para emprazar os seus reclinatorios cando asistían ás funcións relixiosas. E da mesma forma que existía unha forte xerarquización social, o espazo sagrado dos templos para inhumar tamén estaba rigorosamente clasificado. Clérigos e fidalgos ocupaban as proximidades do presbiterio e outras familias de certa relevancia económica ou social distribuíanse o espazo libre da nave central e das laterais. Mais, polo xeral, os enterramentos eran anónimos no sentido de que non se delimitaba o espazo dedicado a cada defunto nin se distinguían uns doutros coa colocación de epígrafes ou lendas. Os enterramentos no interior das igrexas provocaba graves problemas na saúde pública por mor da propagación de enfermidades. Para contrarrestar isto, adoitaba existir unha caleira, como sucede en Penarrubia, isto é, un cuarto dedicado a almacén de cal, mineral que non só se esparexía na foxa canda a inhumación do defunto, senón tamén se aplicaba nas paredes con asiduidade como medida profiláctica para atacar as emanacións pestilentes procedentes dos cadáveres en descomposición.
Mais, o chan da igrexa, por ser moi limitado en relación coa totalidade da poboación parroquial, só permitía o seu uso como cemiterio para un reducido número de persoas. Por isto, os demais fregueses recibían enterramento en foxas escavadas no adro, isto é, fóra dos muros da igrexa e arredor de todo o seu perímetro.
E aquí asignábaselles un lugar especial aos nenos falecidos antes de chegaren ao chamado “uso de razón[1]”: o Curro dos anxos, situado na zona recollida da parte sur do adro de Penarrubia onde remata o muro exterior da nave e comeza o da capela maior. Este lugar en tempos pasados, debido á elevada taxa de mortalidade infantil, adoitaba acoller numerosos enterramentos.
Mais, volvamos ao interior e situémonos na década dos cincuenta do pasado século antes de se realizaren as obras de reforma citadas: chan moi irregular de madeira alternada con superficies de terra; piares, bóvedas e paredes recubertas de cal mesturado con area; pía da auga bendita encaixada no segundo piar da dereita da nave principal; retablo da capela maior de cor madeira escura sen pintar; no extremo noroeste do presbiterio, púlpito consistente en columna de pedra sobre a que se asentaba unha base circular tamén de granito con varanda metálica prateada; lámpada de cobre pendurada do teito do presbiterio, que ascendía e descendía por medio dunha polea accionada por unha corda; e tribuna de madeira en tan mal estado que imposibilitaba o seu uso. E todo, nun ambiente sombrío pola reducida luz que permitían entrar as fiestras abertas nas naves. No chan colocouse baldosa como se adoitaba empregar daquela nalgunhas dependencias das vivendas urbanas e nas grandes salas de reunións sociais; e nos presbiterios, pezas de mármore branco alternando con reberetes escuros na capela maior e de cor rosa, nas laterais. Estes materiais subministrounos a Marmolera Gallega, de Lugo, empresa creada nese momento e da que un dos propietarios era da casa de Ruán de Penarrubia. Os traballos de limpeza do cal que cubría os piares e os arcos foron realizados polos propios fregueses armados de diversas ferramentas, entre as que dominaban pequenos martelos de pico, pedras de esmeril, lixas e rasquetas usadas para pelar os porcos na matanza. Conforme ían aparecendo á vista os perpiaños, as naves recuperaron a beleza da pedra con vetas rosas que semellan mármore.
Trátase dunha pedra branda, fácil de traballar, que ofrece boa resistencia nos interiores, mais que deteriora facilmente en contacto coa humidade. Na miña infancia sempre oín que esta pedra fora traída do monte de A Canteira e, concretamente, da Groba da Curuxa. O certo é que neste lugar do monte encóntrase un tipo de rocha semellante, que se usaba para lustrar a prancha das cociñas bilbaínas e que ofrecía mellores resultados que os materiais que se compraban nas feiras para esta finalidade.
A pía para a auga bendita que existía encaixada no segundo piar da dereita era grande, de pedra e foi retirada dese lugar e substituída por dúas pequenas de mármore emprazadas a cadanseu lado da entrada da igrexa. Non sabemos que foi daquela pía orixinal.
Do púlpito de pedra xacen algunhas das súas pezas arrombadas no exterior a carón do arco occidental da torre.
Mais, non sabemos que sucedeu coa columna de granito que sostiña as bases deste púlpito. Durante un tempo, cremos recordala tamén a carón das outras pezas que aínda se conservan depositadas no adro. Posibelmente se refira ás bases desta columna do púlpito a referencia que realiza o Colectivo Patrimonio dos Ancares cando expón en https://arqueoancares.blogspot.com/2011/01/mamoas-e-castros-do-concello-de-baralla.html que “xunto á igrexa de Penarrubia hai varios restos esparexidos polo lugar, entre outros o que semella a base, reutilizada e adaptada para colocar un cruceiro, dunha columna de época romana”.De ser así,o que semella un baseamento da columna do antigo púlpito, e non dun cruceiro, podería ser material romano reaproveitado cando se construíu a igrexa, do que se prescindiu na década dos anos sesenta, sendo párroco José Vázquez Vilariño, ao emprazar o novo altar exento do retablo e mais o atril para as lecturas litúrxicas no lado norte do presbiterio. A varanda metálica desde aquela segue estando depositada na caleira, rocho apegado polo norte ao muro da capela maior.
Este avesedo cuarto, na miña infancia, concitaba a atención e, á vez, o temor pola cantidade de obxectos heteroxéneos que nel se amoreaban: diversas pezas da andamiaxe que soportaba as teas moradas coas que se tapaba o retablo principal en Semana Santa, o catafalco das cerimonias fúnebres, restos dun facistol estragado pola couza, un confesionario desvencellado en equilibrio inestábel, a arca da cera con candeas e fachóns no seu interior… e todo entre rimas de cal.
Outros elementos, que hoxe non se conservan, gardábanse con máis coidado no interior da igrexa. Así acontecía co pendón e o estandarte, que se empregaban nas solemnidades encabezando as procesións detrás da cruz que portaba o sancristán. Do pendón, recordo o enorme e pesado mastro de madeira, do que colgaba un farrapo de tea, que se conservaba no fondo da nave lateral do sur. O estandarte, unha tea vermella cadrada soportada por unha hasta, en cambio, perdurou máis e recordo telo visto nalgunha procesión portado por algún distinguido fregués flanqueado a cadanseu lado polos acompañantes que termaban das cintas. Esta bandeira acabou a súa existencia convertida en fiaños e vítima da couza no fondo da nave lateral norte.
A lámpada que penduraba da bóveda no punto central do presbiterio seguiu no seu lugar durante uns anos despois de realizárense as obras de rehabilitación a finais dos cincuenta. Foi a principios da seguinte década cando se suprimiu, posibelmente coincidindo cos cambios litúrxicos operados polo Concilio Vaticano celebrado nese tempo. Aquela fermosa lámpada mantíñase sempre acesa e constituía unha grave neglixencia consentir que se apagase. Alimentábase con aceite de oliva sobre o que frotaba a mecha nunha plataforma circular de cortiza. Os nenos eran os encargados de que a lámpada se mantiver acesa e este mandato supuña unha experiencia arrepiante debido a que este encargo adoitaba realizarse ao empardecer o día cando as sombras invadían as escuras naves da igrexa e, para iso, era necesario atravesar o adro a carón das ánimas dos defuntos. En decembro de 1961, chegou a luz eléctrica a Penarrubia e, pouco despois, a lámpada foi substituída por iluminación artificial e da súa presenza só fica á vista o mecanismo da polea co seu plafón na bóveda.
As obras de rehabilitación realizadas en 1959 consistiron tamén na colocación dunha nova tribuna de madeira de piñeiro aos pés da nave principal. Dos traballos de carpintería encargouse Daniel do Carteiro, quen elaborou unha superficie de madeira con balaústres torneados soportada por dúas vigas. Eran aqueles tempos de máis poboación e devoción que na actualidade e, en determinadas celebracións relixiosas, facíase necesario aumentar o espazo para os fregueses. Algunha vez recordo tamén que nesta tribuna se colocaban os músicos da orquestra contratada para a festa desde onde interpretaban o himno español no momento máis solemne da misa. Nesta mesma ocasión tamén recordo que un dos músicos en conversa con outros compañeiros de profesión comentou con desdén que no altar maior se usase como soporte dun ramo de flores unha lata de brillo dourado das usadas para envasar o queixo da axuda americana que se repartía na escola. Non podía entender eu que aquel músico non soubese valorar aquel esplendor áureo polo que deveciamos os escolantes unha vez que remataba o queixo que contiña no seu interior.
Finalmente, as remodelacións realizadas a finais da década dos cincuenta e comezos dos sesenta completáronse coa clausura do adro como lugar de enterramento e, no seu lugar, coa creación do novo cemiterio parroquial na parcela anexa á igrexa polo oeste, na reparación do teitume da igrexa polo lado norte substituíndo as lousas deterioradas e, infelicemente, na corta do teixo centenario que se erguía frondoso á esquerda da cancela da entrada no adro. Supoñemos que as razóns para prescindir desta árbore senlleira obedeceron á preservación do lousado da auga norte da igrexa, que acababa de ser amañado, na que caían as súas follas e provocaban o deterioro da cuberta. No lugar onde estaba o teixo plantouse deseguido un ciprés, que tamén foi cortado nos anos noventa cando se paredou o muro que rodea o adro polo norte.
Con todo, da serra librouse o segundo dos teixos existentes, o situado no noroeste no espazo que queda entre a entrada ao templo e o cemiterio. Trátase dun fermosos exemplar centenario, que posibelmente fose plantado cando se rematou a construción da igrexa na primeira metade do século XVII.
No breve período de tempo que vai desde 1958 a 1962, coincidente co da estadía como párroco de José Barreiro Gómez, acometéronse, pois, interesantes intervencións de rehabilitación na igrexa, unhas realizadas, segundo o noso entender, con acerto e outras, non tanto.
Posteriormente, practicáronse novas actuacións. A finais dos anos oitenta do pasado século, sendo párroco José Vázquez Vilariño, foi cando se cambiou o campanario existente polo actual chapitel. Consistiu nunha intervención aberrante propia do peor feísmo coa agravante de deixar o tixolo á vista. Nada dixo a propósito desta obra a Consellería de Cultura con competencias na preservación do noso patrimonio histórico.
Finalmente, no ano 2019, sendo párroco Ramón Rodríguez González, realizouse unha acertada rehabilitación das bóvedas durante tantos anos deterioradas por mor das humidades, da ausencia de conservación e mais das obras da instalación á vista do alumeado eléctrico. O aspecto do interior recuperou beleza e luminosidade.
Completouse esta actuación coa colocación de bancos nas tres naves e co traslado da maquinaria do reloxo existente no segundo corpo da torre para un expositor situado nos pés da nave lateral norte.
Planta e retablos
Ofrece planta de tres naves: a central está recuberta de bóveda de canón, mentres que as laterais son de aresta. Lonxitudinalmente, o lado norte consta de catro tramos separados por piares cuadriformes con pilastras apegadas sobre as que descansan impostas con molduras en bocel que soportan os arcos de faixa e os formeiros, rompéndose a simetría no lado sur, que consta de tres tramos.
A nave central é de proporcións maiores que as laterais tanto de ancho como de alto. As tres naves están separadas por grosos piares sobre os que se apoian os arcos formeiros. En cambio, os arcos de faixa de medio punto parten, tanto na nave central como nas laterais, de pilastras que se prolongan até o arrinque das bóvedas soportadas.
O presbiterio, separado da nave central por un banzo, solemne e cuberto no exterior a catro augas, no seu interior prolonga a bóveda de canón da nave central e o seu perímetro está unido por unha imposta corrida.
Retablo da capela maior
O retablo da capela maior é de factura neoclásica. Nos últimos anos da década dos cincuenta, a madeira deste retablo foi pintada por mans totalmente inexpertas cun fondo claro e xaspeados azuis de mal gusto reservando a cor dourada para os capiteis, o sagrario e as ménsulas. Consta de baseamento, constituído polo altar, do que arrinca o corpo central con catro columnas de fermosos capiteis corintios con dúas filas de follas de acanto que sosteñen o entaboamento e o friso con dentículos.
A atención céntrase no camarín que contén a imaxe da Virxe do tipo iconográfico “de vestir”, de posición erguida, cuberta de túnica e manto de cola branco, cabeza con coroa circular estrelada provista de iluminación artificial, de face alisada inexpresiva e longo cabelo natural.
Como sucede nas imaxes revestidas, a indumentaria efémera cambia e vaise adaptando aos gustos e modas de cada tempo. Por isto, os que temos recordos de épocas anteriores sabemos que as roupaxes desta Virxe non sempre foron como as que contemplamos na actualidade. Así, desta imaxe, un dos elementos que ficaron gravados nos meus recordos infantís son as dúas cabeza de putti, os anxelotes colocados aos pés.
Imaxes como esta de Penarrubia carecen de personalidade escultórica e, ao presentarnos estábeis e visíbeis soamente o rostro, o pescozo e as mans, podemos bater con outras moitas no amplo repertorio de virxes. Os trazos de expresión psicolóxica fican reducidos á face lixeiramente erguida que permite considerar que a mirada se dirixe cara arriba tentando ofrecer á divindade a crianza inexistente que acena acoller nas súas mans cos dedos abertos en actitude aprehensiva, dos que pende, pola contra, un longo rosario.
O aspecto desta imaxe desprendida das roupaxes que a envolven resulta decepcionante: queda reducido a unha simple estrutura de madeira que serve para soportar a verticalidade e os pobres trazos escultóricos da cabeza e das mans.
O ático, enmarcado en pilastras acanaladas que sustentan un arco painelado paralelo á bóveda, ofrece a pintura dun crucificado ao óleo sobre madeira que, cando se coloreou o resto do retablo, foi lamentabelmente estragado pola mesma man de brocha gorda. Este ousado pintor, seleccionado tamén por quen ignoraba a arte, desfigurou de tal maneira o Crucificado que, cando o párroco que lle fixera o encargo constatou que, entre outras desfeitas, a posición da cabeza de Cristo deixara de estar inclinada sobre o ombreiro dereito adquirindo frontalidade, montou en tal estado de cólera que ao da brocha gorda faltoulle pouco para caer da escada desde as alturas. Grazas á intervención posterior de Choncha Bonet[2], esta pintura recuperou en certa medida os seus trazos anteriores.
Ademais da Virxe, o retablo contén dúas imaxes situadas sobre cadansúa peaña enriba das portas de acceso á sancristía: santa Lucía, no lado sur, e o Sagrado Corazón, no norte.
Na miña memoria fotográfica de neno fican gravados tres elementos deste retablo que concentraban a atención: as dúas cabezas de face nacarada dos anxos sorrindo de felicidade aos pés da Virxe, o año branco inmaculado situado enriba do sagrario e a pintura ao óleo sobre a madeira da faldra frontal do altar que representaba dúas pombas metidas, as pobres, nunha canastra de vimbio con asa.
Das tres, a das pombas era a máis misteriosa porque case sempre estaba oculta polo mantel branco que cubría o altar e tan só podía eu contemplala en moi contadas ocasións. Na actualidade, estas tres escenas perderon o feitizo da infancia: os anxos, ás veces, fican ocultos tralo ampuloso manto da Virxe, o año tornou a albura rizada do vélaro en la grisalla co paso do tempo e as pombas, desde a reforma vaticana dos anos sesenta, desapareceron definitivamente da vista dos fregueses pola instalación dun novo altar diante do histórico apegado ao retablo.
Retablo da nave sur
No retablo da nave sur encontramos unha boa manifestación barroca. Constátase que foi realizado por mans expertas con dominio das técnicas retablísticas. Debido ao deterioro dalgunhas partes, podemos comprobar que enriba da madeira estendeuse unha capa de xeso para tapar os poros e as unións das pezas sobre a que se aplicaron os dourados. Consérvase en mal estado por mor do estrago prolongado do teitume que veu filtrando augas e humidades durante anos mentres non se atallou o problema coas obras do novo lousado da cuberta.
Foi pintado en 1767 segundo se testemuña nunha das tres cartelas que ilustran o baseamento do que parte cada un dos seis estípites: ESTE RETA / BLO SE P/ INTÓ [por obra? del se] / ÑOR DON / PEDRO SAN / TISO Y ULLO[3] / A /ĐEBOCION / SUYA / SIENDO CU / RA DN. JACO / BO ULLOA. / AÑO DE 1767.
Consta de baseamento, dun corpo central e de ático. Está estruturado en tres rúas separadas por estípites: a central, cun nicho con cúpula que acolle a imaxe da Virxe do Carme; e, aos lados, ambas rúas con nichos coas tallas de san Franco[4], ao norte, e de santo Alberte Magno, ao sur.
Estas tallas son de mellor calidade que as do altar maior: a Virxe do Carme, patroa da freguesía, que preside; san Alberte Magno, que, polo deterioro presenta o toco da súa man esquerda, e san Franco de Siena.
No sagrario hai dous gravados que representan as ánimas do purgatorio. No ático destaca un escudo coroado, posibelmente identificando a familia Santiso Ulloa, que se organiza en tres cuarteis con cadansúa estrela de seis puntas, todo enmarcado entre volutas barrocas. Estes mesmos elementos decorativos esténdense profusamente en todos os paneis do retablo.
Retablo da nave norte
O retablo da nave norte, máis sobrio, tamén con estrutura de tres nichos e un ático, presenta elementos barrocos como son os arcos polilobulados dos nichos que acollen as imaxes, a sucesión das liñas curvas coas rectas no entaboamento que separa o corpo principal do ático e a ornamentación recargada con motivos xeométricos e vexetais nos intercolumnios.
As catro columnas parten de cadanseu pedestal con plinto e toro nas basas, fustes lisos cun anel situado no seu primeiro terzo e capiteis con motivos vexetais de pobre factura. A cimeira do ático representa o mundo celestial por medio da cara rosácea dun querubín rodeada de nubes das que partían os raios solares, que, co paso do tempo, foron reducindo o seu número e desaparecendo totalmente desde que se realizaron os traballos de rehabilitación e de pintura das bóvedas no ano 2019. Neste retablo xa se entrevé algún indicio neoclásico como acontece coa concepción arquitectónica do conxunto ou cos fustes lisos das columnas que enmarcan as tres rúas.
Está presidido pola talla de santo Antonio. As outras imaxes son de san Ramón Nonato e san Roque, todas elas de menor interese artístico.
Completan a imaxinaría da igrexa as tallas dos santos Pedro e Paulo, que se gardan na sancristía. Na década dos oitenta, estas dúas pezas foran roubadas e, para recuperalas, o párroco José Vázquez Vilariño foi citado pola policía a Ferrol onde llas devolveron, segundo se dixo, despois de que quen se fixera con elas se arrepentise do acto e as entregase a un clérigo baixo segredo de confesión. As tallas permaneceron na reitoral xa en ruínas até que se trasladaron á sancristía, onde se sitúan na actualidade. Desde o meu entender, estas dúas imaxes son as que posúen máis valor artístico do conxunto desta igrexa. Son dúas tallas de pequeno tamaño moi deterioradas polos efectos da couza e dos fungos, que aínda hoxe permiten apreciar trazos de policromía nas faces e nas roupaxes. A ausencia dos atributos iconográficos, como as chaves no caso de Pedro e a espada, no de Paulo, dificultan a identificación de cada imaxe.
E tamén se recorda entre os veciños a existencia da talla de San Brais, actualmente en paradoiro descoñecido. Da existencia noutrora desta imaxe, de 0.50 metros, dá razón Elías Valiña Sampedro na páxina 116 no Inventario Artístico de Lugo y su provincia, tomo V, publicado en 1983. Destas tres tallas, san Pedro, san Paulo e san Brais, podemos sospeitar que, por non existir ningunha peaña nos retablos destinada a situalas, poderían pertencer ao templo primitivo, posibelmente de factura medieval, anterior ao actual.
Nos pés da igrexa, apegada ao primeiro piar, na última arcada que separa a nave central da norte, localízase unha fermosa pía bautismal decorada con figuras xeométricas e zoomórficas na cunca e antropomórficas no pequeno fuste que a sostén.
Das representacións zoomórficas, identificamos con certa dificultade dúas cabezas de animais moi esvaecidas, que posibelmente representen un cervo perseguido por outro animal; o primeiro, como símbolo iconográfico do cristianismo e o segundo como o inimigo que axexa para producir mal. Na Biblia, o cervo brama na procura de auga fresca da mesma forma que os humanos buscan estar con Iaveh. Plinio, na Historia Natural, afirma que o cervo é inimigo das serpes. Por isto, o cristianismo adoptou tamén este animal como figura de Cristo que vence a serpe do inferno e son numerosas as representacións medievais do cervo neste sentido. Mais, o cervo bebendo transformouse tamén nun novo motivo iconográfico relacionado co bautismo, sacramento no que a auga calma a sede do espírito e limpa o pecado orixinal. Por isto, adoita aparecer esculpido nas pías bautismais como acontece nesta de Penarrubia.
Até principios dos anos sesenta do século pasado tamén existía un púlpito de pedra, situado no lado do evanxeo do presbiterio, que foi desmontado. Algunha das súas pezas aínda se poden localizar no adro.
[1] Segundo o artigo 97 § 2 do Código de dereito canónico, o menor, antes de cumprir sete anos, chámase infante, e considérase sen uso de razón; cumpridos os sete anos, presúmese que ten uso de razón.
[2] Asunción Bonet Correa asinou as súas pinturas como Choncha Bonet. Naceu na Coruña en 1922 e morreu na mesma cidade en 2011. Súa nai, a escritora Asunción Correa Calderón, coñecida co pseudónimo Florisel, nacera no lugar de A Pena desta Parroquia. O profesor de Bacharelato e autor de libros de texto de lingua española Evaristo Correa Calderón tamén era tío seu. Como pintora foi autodidacta e expuxo os seus cadros por primeira vez no Círculo de Belas Artes de Lugo en 1954. Pasou varios veráns nas casas familiares de A Pena e de San Miguel de Neira de Rei, onde tivo ocasión para inspirarse en temas populares como a romaría de San Vitorio de Baralla ou a feira de gando de Becerreá.
[3] Pedro Santiso Ulloa, fidalgo da Casa Principal da Pena, efectivamente, viviu a mediados do século XVII. Era fillo de Juan Santiso o Novo (primeira metade do século XVII) e neto de Juan Santiso o Vello (fins do século XVI). Casou con Inés Álvarez de Balboa e foi pai, entre outros, de Juan Santiso e avó de Jacobo Santiso.
[4] No Inventario Artístico de Lugo y su provincia, tomo V, Elías Valiña Sampedro afirma que se trata da imaxe de san Francisco, mais nós identificámola coa de san Franco de Siena porque así se indica na lenda que figura no pedestal desta imaxe, pola expresión dos seus ollos e tamén polo que se di na súa haxiografía. Deste personaxe, tamén coñecido como Francisco Lippi, di a Xacopedia que foi un delincuente italiano (1211-1291) sobre o que o Apóstolo obrou un milagre trala súa peregrinación a Compostela. Dedicado á mala vida, amigo de liortas e de conduta disoluta, aos quince anos formaba parte dunha banda criminal de mozos. No transcurso dunha liorta encarnizada na rúa, quedou cego. Tralo incidente, arrepíntese e promete peregrinar a Compostela buscando o perdón dos seus pecados. Na cidade compostelá, e por intercesión do Apóstolo, recupera a vista. Aos sesenta e cinco anos ingresa na orde dos carmelitas. O dramaturgo do barroco español Agustín Moreto (1618-1669) inspirouse na vida de Franco de Siena para a obra do mesmo título na que o presenta como un home entregado á vida disipada que perde os ollos no xogo da baralla. Esta comedia serviu de inspiración posteriormente para a escena do xogo de cartas do Estudiante de Salamanca, de José de Espronceda.