22 outubro 2026
Os novos concursos mineiros en Lugo, a súa incidencia en Baralla, conflito cos proxectos eólicos e graves repercusións medioambientais
A nosa historia está ligada á extracción da riqueza do subsolo para beneficio de intereses alleos. Desde a Antigüidade até hoxe, o territorio viviu sucesivas ondas de expansión mineira que incidiron na súa xeografía e na sociedade.
A sona de terra rica en metais atraeu as rutas comerciais de fenicios e cartaxineses, situando Galiza no mapa xeopolítico do mundo antigo grazas á súa riqueza mineral.
Coa integración de Gallaecia no Imperio Romano, a minaría transformouse nunha industria masiva e altamente organizada polo Estado. O ouro converteuse no obxectivo absoluto. Os romanos aplicaron técnicas de enxeñaría a gran escala: escavaron e furaron montes, e desviaron cuncas de ríos con fins mineiros.
Desde a segunda metade do XIX, tras séculos de explotación artesanal, a Revolución Industrial e a chegada do capital estranxeiro —principalmente británico, francés e belga— reactivaron o subsolo galego. Nas décadas corenta e cincuenta do século XX, a Segunda Guerra Mundial desatou a febre mineira máis dramática e novelesca de Galiza na procura do volframio necesario para endurecer o aceiro dos tanques e proxectís.
Hoxe en día, afrontamos unha “nova febre mineira” impulsada pola transición enerxética global e a procura da soberanía tecnolóxica pola que disputan, como outrora, os grandes poderes mundiais. O interese xa non está agora no ferro ou no ouro, senón en minerais como o litio, o coltán e as “terras raras”. A Xunta súmase a esta febre ofrecendo aos grandes intereses alleos o noso subsolo. Con esta finalidade, o 9 de outubro pasado publicou no DOG oito ordes nas que convoca permisos de investigación e concesións en todo o territorio que suman en total 153 dereitos mineiros, dos que 126 son permisos de investigación e 27, concesións.
Concursos de investigación en Lugo
Neste concurso público, 21 son permisos de investigación mineira na provincia correspondentes a dereitos caducados. O concello que concentra a maior parte das convocatorias é o da Fonsagrada.
Do conxunto da convocatoria provincial, tres permisos afectan directamente o concello de Baralla: Isabel (núm. 5126), Lago (núm. 5772) e Lago II (núm. 6056).

Aspectos do concurso
Obxectivo. Permitir que as empresas interesadas presenten ofertas para investigar a presenza de recursos minerais en terreos que quedaron libres (francos).
Bases e criterios. As propostas valóranse segundo a viabilidade técnica, as melloras ambientais e sociais e a solvencia financeira das empresas solicitantes.
A valoración suma un máximo de 100 puntos. Deseguido, recóllense tres dos bloques citados e as súas puntuacións máximas:
1. Criterios técnicos e proxecto de investigación (até 34 puntos)
Racionalización e ordenación mineira (Máx. 8 puntos): Valórase a continuidade do recurso (4 puntos se o solicitante ten unha concesión adxacente) e a proximidade de instalacións nun radio ≤ 150 km (4 puntos).
Execución de sondaxes (Máx. 6 puntos): Outórgase a puntuación máxima (6 puntos) se o proxecto permite prescindir totalmente das sondaxes por coñecemento previo, ou puntúase de xeito proporcional ao orzamento ofertado para sondaxes con recuperación de testemuña. (Cando unha máquina perfora o subsolo para investigar un xacemento, usa unha broca oca que corta un cilindro continuo de rocha chamado testemuña. No campo da minaría, os estudos xeolóxicos e a perforación, a recuperación de testemuñas é a porcentaxe de rocha ou solo real que se extrae intacto dun pozo de perforación en comparación coa profundidade total escavada).
Espazo temporal máximo (Máx. 5 puntos): Premíase a redución do prazo de investigación sobre os 3 anos máximos legais, outorgando 1 punto por cada 3 meses completos de redución.
Experiencia e capacidade (Máx. 5 puntos): Baseada nos dereitos mineiros relacionados titulados nos últimos 10 anos (2 puntos por cada concesión de explotación e 1 punto por cada permiso de investigación).
Ensaios (Máx. 4 puntos): 2 puntos por dispoñer de laboratorio propio de caracterización química a ≤ 150 km e outros 2 puntos por ter contrato cun laboratorio de contraste acreditado.
Modelización final do recurso (Máx. 4 puntos): 2 puntos por convenios con centros tecnolóxicos e 2 puntos por colaboración con centros académicos nun radio ≤ 250 km que empreguen técnicas avanzadas.
Materias primas estratéxicas (Máx. 2 puntos): Se o proxecto pon de manifesto o aproveitamento potencial de materias primas estratéxicas da listaxe oficial da Unión Europea (Regulamento UE 2024/1252).
2. Criterios ambientais e sociais (até 18 puntos)
Investimento en gastos ambientais (Máx. 8 puntos): Avalíase o orzamento destinado por cuadrícula para a restauración (incluíndo zonas degradadas previas) e protección ambiental. A mellor oferta acapara os 8 puntos, mentres que destinar menos do 5% do investimento total supón 0 puntos.
Emprego de calidade (Máx. 4 puntos): Outórgase mediante fórmula matemática en función do compromiso vinculante de creación de postos de traballo directos indefinidos a xornada completa durante a fase de investigación.
Relacións coa comunidade (Máx. 2 puntos): Repártese en 1 punto por dispoñer de mecanismos de diálogo/atención ás queixas e outro punto por ferramentas de transparencia e acceso á información para os cidadáns.
Colaboración ambiental (Máx. 2 puntos): Por subscribir un protocolo ou convenio de colaboración con entidades ambientais ou centros de investigación para o control de impactos.
Saúde laboral (Máx. 2 puntos): Por acreditar a certificación dun Sistema integrado de xestión da saúde e seguridade (como a ISO 45001 ou equivalente). A puntuación total da convocatoria complétase co baremo económico, a solvencia financeira e a viabilidade global do plan.
3. Materias primas estratéxicas
O baremo oficial puntúa máis aquelas ofertas que acrediten a “posta de manifesto de materias primas estratéxicas potencialmente explotábeis aparelladas ao depósito principal”. Para obter a máxima puntuación nesta categoría, os minerais obxecto de investigación deben figurar especificamente na Sección 1 do Anexo I do Regulamento (UE) 2024/1252. Este regulamento europeo concede preferencia a 17 materias primas estratéxicas debido á súa alta importancia para as transicións ecolóxica, dixital, espacial e de defensa:
- Terras raras para imáns permanentes (como o neodimio, praseodimio, disprosio, etc., moi comúns no subsolo do interior de Galiza).
- Litio, cobalto e níquel (fundamentais para o almacenamento e baterías).
- Magnesio e silicio metálico.
- Galio, xermanio e arsenio (cruciais para microchips e semicondutores).
- Tungsteno (volframio), tamén con forte presenza histórica e xeolóxica en Galiza.
- Cobre, grafito natural e manganeso.
- Metais do grupo do platino.
Como funcionan os permisos de investigación
Nos dereitos mineiros da sección C, como estas que tratamos, existen tres pasos sucesivos regulados no artigo 15.2 c) da Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minaría de Galiza: dous teñen a consideración de permiso e un, de concesión.
Na lexislación mineira, os permisos de exploración e os permisos de investigación son dous títulos mineiros distintos que representan fases sucesivas no coñecemento do subsolo.
1. Permiso de exploración
- Obxectivo: Realizar estudos preliminares e recoñecemento xeolóxico xeral en grandes áreas onde a existencia de recursos non é ben coñecida.
- Técnicas permitidas: Métodos que non alteren substancialmente a superficie, como a xeofísica, a xeoquímica, a mostraxe superficial e a cartografía. Non se autorizan grandes escavacións nin perforacións profundas.
- Área: Normalmente abrangue áreas moi grandes (medidas actualmente en cuadrículas mineiras e antes como pertenzas).
- Duración: Trátase dunha fase curta, normalmente concedida por un ano, renovábel por un máximo doutro ano adicional.
- Seguinte paso: Se os resultados son positivos, outórganse dereitos preferentes para solicitar un permiso de investigación para esa área.
2. Permiso de investigación
- Obxectivo: Desenvolver un proxecto detallado para demostrar a existencia dun depósito, definir o seu tamaño, forma, calidade e viabilidade económica.
- Técnicas permitidas: Traballo moito máis profundo e directo, incluíndo perforación mecánica (onde se mide a recuperación do núcleo), pozos de proba, gabias e análises de laboratorio.
- Área: Máis restrinxida e limitada que a exploración, céntrase en zonas de menor superficie e de maior interese mineiro.
- Duración: Normalmente concédese por un período de 3 anos, renovábel se se xustifican atrasos ou a necesidade de continuar os estudos.
- Seguinte paso: Se se demostra que o recurso é explotábel, concédese o dereito exclusivo a solicitar a concesión mineira (a mina comercial).
Neste caso das tres áreas mineiras que afectan terras do concello de Baralla, trátase da convocatoria do permiso de investigación. É dicir, como o primeiro dos pasos xa foi realizado en tempos pasados e as empresas solicitantes non proseguiron no proxecto, estas terras encóntrase francas e agora pasan, con esta convocatoria, á segunda das fases, a de investigación, porque xa se consideran realizados os estudos de exploración.

O artigo 35 da Lei de Minas establece que, cando caduca un dereito de investigación, a Administración debe sometelo a concurso público mantendo a mesma categoría. Por ese motivo, un terreo xa clasificado para investigación non recúa para tramitarse de novo como un permiso de exploración. O paso seguinte consiste en realizar sondaxes, obter testemuños de rocha profunda e cuantificar con maior precisión os recursos do xacemento. Calquera empresa que cumpra os requisitos legais, económicos e técnicos pode concorrer a este procedemento para obter o permiso de investigación, con independencia de quen for o titular anterior. A caducidade extingue a prioridade do antigo titular e devolve á Administración a dispoñibilidade das cuadrículas mineiras en cuestión.
As tres áreas que afectan Baralla
Isabel (LU/C/5126)
Esta zona, co número de rexistro mineiro 5126, comprende unha superficie de 38.452 pertenzas, equivalentes a 1.375 cuadrículas mineiras actuais, e afecta os concellos de Baleira, Castroverde, Láncara, O Corgo, As Nogais, Triacastela, Becerreá e Baralla.

Destes oito concellos, é o de Baralla o que se ve afectado practicamente na súa totalidade. Polo sueste, “Isabel” ocupa unha boa parte do de Becerreá. Polo norte, esténdese nunha pequena superficie dos concellos de Baleira e Castroverde a ambos lados da Serra do Puñago. Polo sur, pasa ás terras de Triacastela e As Nogais. E polo oeste, abeira cos concellos do Corgo e Láncara.
O permiso de exploración fora solicitado en xuño de 1967 e outorgado en agosto de 1971 para os metais non férreos chumbo, cinc e cobre. Deles, o cobre está clasificado oficialmente como materia prima estratéxica pola Unión Europea debido ao seu papel clave na electrificación. En cambio, o chumbo e o cinc son metais habituais nos xacementos do interior de Galiza (historicamente asociados en sulfuros como a galena e a esfarelita) e non teñen a consideración de “estratéxicos”. A data da caducidade é de marzo de 1998. A empresa solicitante fora a multinacional EXMINESA.
Exploración Minera Internacional España, S.A. (EXMINESA)
Esta multinacional canadiana operou en Pedrafita do Cebreiro a mina de Rubiais, un dos fitos máis importantes da historia industrial de Galiza, considerada no seu momento a mina de chumbo e cinc subterránea máis moderna de Europa. Explotaba un xacemento masivo de sulfuros complexos, extraendo principalmente galena (sulfuro de chumbo) e esfarelita/blenda (sulfuro de cinc), ademais de pequenas concentracións de cobre e prata.
Durante os seus 15 anos de vida activa (1977-1992), extraeu desta mina un total de 18,6 millóns de toneladas de mineral.
EXMINESA en Rubiais demostrou cientificamente que as formacións calizas do Cámbrico no flanco oriental da provincia de Lugo (as mesmas que atravesan os permisos da actual convocatoria da Xunta) albergan concentracións masivas de metais de gran valor estratéxico, un precedente clave para os concursos mineiros do século XXI.
O vínculo xeolóxico entre a antiga mina de Rubiais (Pedrafita do Cebreiro) e os terreos que hoxe abarcan os macropermisos actuais é total: ambos forman parte da mesma franxa xeolóxica-metaloxénica do flanco oriental da Zona Asturoccidental-Leonesa (ZAOL).
O territorio destes permisos segue as mesmas bandas de calcáreas cambrianas de Rubiais que continúan cara ao sur e o leste en dirección a Pedrafita e O Bierzo.
A riqueza que EXMINESA extraeu aquí radicaba na combinación de cinc (esfarelita/blenda) e chumbo (galena), con presenza secundaria de cobre (calcopirita) e prata. O interese de investigar estas franxas responde exactamente á procura de réplicas ou extensións deste modelo.
EXMINESA era a filial en España e brazo executor da multinacional canadiana COMINCO Ltd, que, naqueles tempos, controlaba a maior parte do capital en alianza con socios españois como Asturiana de Zinc e outros investidores privados. EXMINESA tamén executou operacións simultáneas ás de Rubiais na Mina Troia en Mutiloa, Gipuzkoa. Co esgotamento dos xacementos de Rubiais e Troia, a comezos dos anos noventa, e sumando a isto a crise global nos prezos dos metais, COMINCO Ltd desmantelou progresivamente a estrutura de EXMINESA e abandonou a explotación directa en España. En 2001, COMINCO fusionouse coa compañía Teck para dar lugar a Teck Cominco.
En 2008, a corporación simplificou o seu nome eliminando o acrónimo, pasando a chamarse Teck Resources, operando hoxe en día como unha gran multinacional canadiana centrada en América (Canadá, EE.UU., Chile e Perú), sen presenza de explotación activa en Europa. Xa que logo, é seguro que unha multinacional do perfil actual de Teck Resources decida non optar ao permiso de investigación “Isabel” nin a ningún outro do recente macroconcurso de dereitos mineiros caducados convocado na Galiza. Cremos que si o farán empresas afeitas á minaría subterránea ou de ceo aberto de sulfuros masivos (chumbo, zinc, cobre), moi similares ao que foi Rubiais. Entre outras, atrevémonos a citar: Atalaya Mining (operadora do proxecto de cobre de Touro e Riotinto en Andalucía); Minera Los Frailes / Grupo México; Energy Transition Minerals (ETM), que opera en España a través da súa filial ETM Spain (titular do proxecto da mina de Penouta para estaño e tántalo, que xa conta cunha concesión de explotación de Sección C e que “coñece” perfectamente a tramitación autonómica galega)…
O permiso “Isabel” en Baralla
O Concello de Baralla atópase no corazón xeográfico do permiso de Investigación “Isabel”. O deseño alongado e continuo deste dereito histórico asenta gran parte do seu núcleo sobre este termo municipal. Ao analizarmos detalladamente a afectación do permiso “Isabel” sobre Baralla, destacan os seguintes puntos clave:
Grao de afectación e a xeometría do permiso
O municipio de Baralla ten unha superficie total de aproximadamente 141 quilómetros cadrados (14.100 hectáreas). Aínda que o perímetro definitivo con cada un dos seus vértices de coordenadas históricas do permiso “Isabel” se define no expediente técnico completo tras o concurso, o seu trazado cruza o concello de norte a sur seguindo o val do río Neira e as franxas calcáreas da Formación Vegadeo. A afectación é masiva e ocupa a maior parte do subsolo do concello, estendéndose cara ao norte (Castroverde e Baleira) e ramificándose cara ao sur e leste (Becerreá e Láncara).
O precedente: Conflito co Parque Eólico Serra da Lagoa
A proba de que o permiso “Isabel” cobre practicamente todo o territorio de Baralla quedou rexistrada nos informes técnicos da Xunta de Galicia en 2024. Durante a tramitación do expediente do Parque Eólico Serra da Lagoa, proxectado precisamente nos cumios ao oeste do concello afectados tamén por esta convocatoria de Investigación mineira, a Xefatura Territorial de Lugo emitiu un informe debido a que as instalacións eólicas coinciden plenamente co espazo protexido polo PI 5126 “Isabel”. Isto demostra que tanto as zonas baixas de val coma as áreas altas de serra do concello están integradas dentro das devanditas 38.452 pertenzas. O contido do informe di que “o 20.7.2023, a Xefatura Territorial de Lugo … indica que o parque eólico atópase afectado polo permiso de investigación nº LU/C/05126 Isabel, o cal foi caducado mediante a Resolución do 24.3.1998… Ao non afectar ningún dereito mineiro con vixencia, non procede trámite de compatibilidade ningún”. E preguntámonos nós, se se reactivan ambos plans, o eólico e o de investigación mineira, como se vai resolver o solapamento de ambos proxectos? Pretendemos dar resposta noutro apartado desta exposición.
Que significa isto para os veciños e propietarios de Baralla?
Un permiso de investigación non autoriza por si só a apertura dunha mina: abre unha fase de estudos, sondaxes e mostraxes
Convén salientar que un permiso de Investigación non é unha autorización para abrir unha mina a ceo aberto nin para facer escavacións masivas de forma inmediata:
Fase actual (sondaxes e mostraxes): A empresa que gañe o concurso só terá dereito a realizar estudos xeofísicos, recollida de mostras de terra e sondaxes mecánicas con extracción de testemuña (perforacións profundas pero de poucos centímetros de diámetro) para analizar o subsolo.
Dereitos superficiais: A propiedade do terreo segue sendo dos veciños ou das comunidades de montes. Se a empresa adxudicataria precisa acceder a unha finca para realizar unha sondaxe, terá que negociar un acordo de ocupación temporal co/a propietario/a ou, no seu defecto, tramitar da Administración unha servidume temporal indemnizada.
A extensión excepcional de “Isabel”
Unha pertenza mineira equivale a unha hectárea. Isto é, o permiso de investigación para esta área outórgase para realizar prospeccións e estudos nunha zona de 38.452 hectáreas dos citados concellos. Esta enorme extensión, lixeiramente superior a toda a superficie municipal de Compostela e Vigo sumadas, triplica o que, desde 2008, cando entrou en vigor a lei galega da minaría, se recolle no artigo 28.1 b): A autoridade mineira non concederá extensións que superen quince cuadrículas mineiras… ” nos permisos de investigación. Unha cuadrícula mineira en Baralla equivale aproximadamente a 27,78 hectáreas. Por tanto, as 38.452 hectáreas de “Isabel” constitúen exactamente a 1.384,16 cuadrículas mineiras (administrativamente redondeado a 1.384 cuadrículas). Mais, esta aparente contradición legal ten explicación na irretroactividade das leis sobre dereitos históricos adquiridos. O permiso “Isabel” non se somete a un concurso novo neste ano 2026. Trátase dun dereito mineiro histórico caducado. Ao ser outorgado orixinalmente en agosto de 1971 ao amparo da normativa da franquista Lei de minas, de 19 de julio de 1944, a súa delimitación e xeometría realizáronse en función de pertenzas mineiras (sistema anterior ás cuadrículas actuais). Por lei, os concursos públicos de dereitos caducados teñen que saír a licitación respectando a mesma demarcación xeográfica e perímetro orixinal que tiña o dereito extinto. Non se pode aplicar o actual artigo 28.1 b) da Lei de 2008 para este proxecto, senón que a poxa ten que conservar o esqueleto do antigo permiso “Isabel” tal e como fora outorgado en 1971.
Solapamentos con outras zonas mineiras
Como o permiso de Investigación “Isabel” e o de exploración “Lago” afectan enormes extensións xeográficas na montaña lucense, as súas superficies presentan solapamentos directos (coincidencia de hectáreas e cuadrículas) entre si e mais co permiso de exploración Lago II e coa concesión da Canteira do Penedo en Sixirei e Vale (Baralla). Aínda máis, os permisos “Castro” (nº 5523) e Lago III (nº 6058), que participan neste concurso da Xunta, tamén comparten superficie, mais como afecta exclusivamente os concellos de Baleira, da Fonsagrada e de Becerreá, e non o de Baralla, fica fóra da nosa análise.

Ao declararse todos estes terreos como francos e saír a concurso público simultaneamente, a Xunta non outorga dereito de prioridade histórica. O criterio de adxudicación resolverase mediante a puntuación do proxecto: se varias empresas solicitan investigar as mesmas cuadrículas coincidentes de “Isabel”, “Lago” e “Lago II”, por exemplo, a mesa de contratación outorgará a superficie a aquela que logre máis puntos no baremo técnico, económico e de retorno social.
Lago (LU/C/5772)
A solicitude do permiso de exploración foi cursada en maio de1989 e outorgado en marzo de1998. Adquiriu a caducidade en febreiro de 2001. O seu número de rexistro é LU/C/5772. Solicitouse para todas as substancias da sección C nunha superficie de 2016 cuadrículas mineiras, isto é, o equivalente aproximadamente a 56.367 hectáreas, superficie que equivale a catro veces o tamaño de todo o concello de Baralla. A solicitude fora realizada pola empresa MINEIRA DE CORCOESTO, S.L. Afecta os concellos de Baleira, Becerreá, Cervantes, Fonsagrada, A, Láncara, Navia de Suarna, Nogais, As, Baralla.
Mineira de Corcoesto S. L.
É unha empresa mineira coñecida principalmente por ter promovido a principios dos anos 2010 un polémico e multimillonario macroproxecto para extraer ouro a ceo aberto que afectaba os concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, sobre un depósito de ouro que historicamente xa fora explotado polos romanos e, desde as últimas décadas do século XIX até 1910, por empresas inglesas. Mineira de Corcoesto S.L. pretendía realizar unha explotación a ceo aberto cunha previsión de vida útil de máis de 12 anos. Estimaba que as entrañas da zona albergaban reservas masivas de ouro. O proxecto incluía o procesamento do mineral mediante lixiviación con cianuro, unha das técnicas mineiras máis agresivas ambientalmente que existen.
Diversas plataformas cidadás e asociacións ecoloxistas activaron unha fortísima contestación social recollendo decenas de miles de sinaturas denunciando o grave perigo de contaminación por arsénico e cianuro nas augas do río Anllóns e considerando o plan un modelo de “saqueo colonial” dos recursos galegos.
Ante a presión social e a falta de viabilidade económica e técnica garantida pola empresa canadiana, a Xunta denegou a autorización e paralizou o proxecto de forma definitiva, caducando as concesións mineiras básicas (como a histórica Mina Emilita).
En xuño do 2022, a empresa realizou cambios na súa denominación oficial (Orogal Minera del Norte S.L.) e o seu domicilio figura na mesma comarca. Aínda que o megaproxecto a ceo aberto foi tombado, a zona de Corcoesto segue sendo obxecto de recorrentes estudos e debates técnicos sobre o potencial do seu subsolo debido ao alto valor do ouro.
De novo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde que declara terreos francos e libres os dereitos históricos da contorna de Corcoesto que foran caducados para Mineira de Corcoesto S.L. Aínda que esta sociedade está rexistrada en España, opera como unha filial instrumental de multinacionais canadianas. Pasou por mans de firmas como Río Narcea Gold Mines ou Kinbauri Gold, até que os dereitos foron adquiridos pola canadiana Edgewater Exploration Ltd, que controlaba a empresa para o desenvolvemento na Galiza. O seu obxecto social céntrase na extracción de minerais metálicos non férreos, así como na compravenda de activos mineiros e consultoría. A finais de 2024, cambiou por completo a súa actividade principal mudando de ser unha operadora directa de xacementos a actuar como consultora, intermediaria de activos ou xestora de restauración ambiental e proxectos enerxéticos vencellados a antigos terreos mineiros.
Lago II (LU/C/6056)
Encóntrase en situación de permiso de exploración caducado desde febreiro de 2001. O seu número de rexistro é LU/C/6056. Solicitouse para as substancias cinc, prata, chumbo, cobre e ouro nunha superficie de 396 cuadrículas mineiras, isto é, o equivalente aproximadamente a 11.072hectáreas. A solicitude foi realizada en 2010 pola empresa GOLDQUEST IBÉRICA, S.L. e outorgada en marzo de 1998. Afecta os concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Baralla.
GoldQuest Ibérica
A empresa matriz que solicitara este permiso caducado é GoldQuest Mining Corp, de capital canadiano orientada á exploración e desenvolvemento de xacementos minerais. Cotiza no mercado secundario da bolsa de Toronto (TSX Venture Exchange baixo o símbolo GQC) e nos mercados alemáns de Frankfurt e Berlín. Os seus principais accionistas estratéxicos inclúen potentes firmas do sector como Agnico Eagle Mines Limited e fondos de investimento como Guess Investments Ltd.
A súa actividade principal concéntrase case de xeito exclusivo na República Dominicana, onde controla importantes dereitos na Formación Tireo, unha franxa xeolóxica de gran riqueza en ouro e cobre. O proxecto estrela de GoldQuest no Caribe, o “Proyecto Romero” (un megaxacemento subterráneo de ouro, prata e cobre valorado en máis de 5.000 millóns de dólares), foi obxecto de intensas disputas legais e sociais que culminaron en graves incidentes. O conflito acadou o seu punto crítico tras masivas protestas cidadás que percorreron máis de 20 quilómetros. As mobilizacións derivaron en duros enfrontamentos coas forzas de seguridade, que empregaron gases lacrimóxenos, deixando varios policías feridos e decenas de manifestantes arrestados. Ante a insurrección social, o presidente da República Dominicana ordenou a suspensión total do proxecto. GoldQuest viuse na obriga de acatar a orde e procedeu a desmobilizar e retirar de urxencia a totalidade da súa maquinaria e equipos debido á extrema tensión ambiental e social.
A principios da década de 2010, no marco da escalada de prezos das materias primas, a filial ibérica de GoldQuest estableceu a súa base de operacións en Ponferrada. Desde aquí, a multinacional tramitou permisos de investigación xeolóxica e sondaxes para buscar prata, chumbo, cinc e cobre afectando directamente franxas montañosas orientais de Lugo, Ourense e O Bierzo, o que provocou naquel momento as primeiras alarmas por parte de colectivos ecoloxistas debido á proximidade de espazos protexidos como as reservas da biosfera.
É neste contexto cando, como GoldQuest Ibérica, solicita da Xunta permisos de exploración na zona contorna de Baralla. GoldQuest Ibérica é unha filial enteiramente participada da canadiana GoldQuest Mining Corp. Como dixemos, esta compañía multinacional estaba centrada no ouro e o cobre na República Dominicana. Segundo constatamos aquí, tamén pretende os mesmos obxectivos coloniais na Galiza.
En nota de prensa publicada o 19 de xullo de 2011, GoldQuest Mining Corp. afirmaba que a mina Lago supón un recurso mineral de 4,04 millóns de toneladas cun 5,30% de chumbo (Pb), 6,50% de zinc (Zn) e 41 g/t de prata (Ag), que contén máis de 470 millóns de libras de Pb, 577 millóns de libras de Zn e 5,3 millóns de onzas de Ag., ao que se lle calcula un recurso mineral inferido de 4,67 millóns de toneladas cun 4,44% de Pb, 5,40% de Zn e 32,0 g/t Ag que contén máis de 456 millóns de libras de Pb, 555 millóns de libras de Zn e 4,8 millóns de onzas de Ag.
Conflito entre eólicos e dereitos mineiros
Como xa informamos no apartado Penarrubia rodeada de eólicos nesta mesma páxina web, en todo este territorio do concello de Baralla e limítrofes afectado polos permisos mineiros existen numerosos parques eólicos que se encontran en distinta fase. Máis ao norte, nos concellos da Fonsagrada e Baleira, coa mesma afección mineira, tamén se localizan outros parques. Uns foron rexeitados, como lle aconteceu ao parque de Navallos por Declaración de Impacto Ambiental desfavorábel. Outros están en funcionamento e algúns dos aprobados fican paralizados cautelarmente por resolucións xudiciais.
Alén máis, para evacuar a electricidade desta ampla rede de parques son necesarias liñas eléctricas, unha de Alta Tensión (LAT) de 14,2 quilómetros que discorre sobre apoios metálicos de celosía atravesando directamente terreos forestais e de monte dos termos municipais de Baleira e A Fonsagrada, varias aéreas de alta tensión de 132 kV e outras soterradas que percorren terreos de Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Láncara, Sarria, O Corgo, Castroverde, Pol… E para toda esta rede eólica, son necesarias as subestacións eléctricas transformadoras de cadanseu parque e as subestacións receptoras de nó que recollen a enerxía de varios deles para inxectala na rede xeral.
Contexto do conflito
O solapamento territorial entre parques eólicos e permisos mineiros pode xerar un conflito entre dous usos de interese público. A súa resolución depende, sobre todo, do estado de tramitación de cada proxecto, da posibilidade de compatibilizar ambos os usos e do seu interese público, social e económico. A situación non é idéntica en todos os casos. Cómpre distinguir entre parques en funcionamento, proxectos en tramitación e parques aprobados cuxa execución foi suspendida cautelarmente polos tribunais.
Parques eólicos en funcionamento ou definitivamente autorizados
Por exemplo, os parques eólicos Vacariza-Puñago e Montes de Abella, ao estaren en funcionamento, contan con declaracións de utilidade pública consolidada, ademais de instalacións físicas e servidumes xa implantadas. En consecuencia, a empresa titular dun permiso de investigación mineira non pode interferir nin paralizar a súa actividade.
Os traballos de investigación —voaduras, catas ou sondaxes— deberán respectar:
- os perímetros de seguridade dos aeroxeradores;
- as liñas de evacuación eléctrica;
- as subestacións e demais instalacións auxiliares;
- as servidumes de paso xa constituídas.
Este criterio tamén resulta aplicábel aos demais parques definitivamente autorizados que non teñan resolucións xudiciais pendentes.
Proxectos eólicos en fase de aprobación
Cando o parque eólico e o permiso mineiro están en tramitación, prodúcese un solapamento de expedientes. Ao seren actividades estratéxicas reguladas por normas sectoriais distintas —a lexislación eléctrica e a mineira—, debe tramitarse un procedemento de concorrencia de utilidades públicas.
Durante a instrución, a Xunta concederá ás partes un prazo para formular alegacións técnicas. A promotora eólica defenderá que a investigación mineira pode comprometer a implantación do parque, mentres que a solicitante do permiso mineiro alegará o potencial do subsolo.
Se a coexistencia resulta materialmente imposíbel nalgunhas cuadrículas, a Administración ponderará o interese público, social e económico de cada iniciativa. Entre os factores máis relevantes figuran:
- O grao de madurez do proxecto eólico. Se dispón dunha declaración de impacto ambiental favorábel ou se atopa nunha fase avanzada, adoita prevalecer fronte a un permiso que só pretende investigar.
- O carácter estratéxico do recurso mineral. Se a investigación afecta materias primas críticas ou estratéxicas, a prioridade pode inclinarse a favor da minaría.
A compatibilidade física. Antes de excluír un dos proxectos, valorarase se é posíbel modificar localizacións, accesos ou áreas de traballo.
Parques aprobados e suspendidos cautelarmente
A suspensión cautelar dun parque aprobado pola Xunta modifica os prazos e a estratexia xurídica, pero non equivale á anulación da autorización. Trátase dunha medida preventiva destinada a evitar danos mentres se resolve o procedemento principal.
Mentres non exista unha sentenza firme que anule o proxecto:
- o dereito sectorial eólico mantense formalmente vixente;
- a zona continúa sometida a concorrencia de utilidades públicas;
- os permisos de investigación deberán prever a eventual reactivación do parque.
Escenario probábel durante a suspensión
Escenario probábel durante a suspensión
Na maioría dos casos, a Xunta tenderá a declarar unha compatibilidade condicionada. Como o permiso de investigación é unha fase temporal de estudo e non autoriza por si só a apertura dunha mina, poderá permitirse a investigación con limitacións como as seguintes:
- prohibición de realizar sondaxes ou movementos de terras nas poligonais previstas para os aeroxeradores e nas súas áreas de afección;
- respecto das liñas de evacuación, accesos e demais infraestruturas proxectadas;
- coordinación previa dos traballos coa Administración e coa promotora eólica.
Se a investigación acredita un xacemento viábel e a empresa solicita unha concesión de explotación, abrirase un conflito máis intenso. Nesa fase podería ser necesario redeseñar o parque, modificar o proxecto mineiro ou determinar cal dos dous usos debe prevalecer.
Efectos da resolución xudicial definitiva
O futuro do solapamento territorial dependerá do pronunciamento definitivo dos tribunais.
| Resolución do TSXG | Efecto principal |
| Desestimación dos recursos e desbloqueo dos parques | As obras poderán reactivarse. Os permisos mineiros quedarán condicionados á compatibilidade técnica e á non interferencia coas infraestruturas eléctricas. |
| Anulación definitiva das autorizacións eólicas | Os parques deixarán de ter cobertura xurídica. As cuadrículas mineiras quedarán libres da servidume eólica e o proxecto mineiro gañará prioridade. |
Suposto especial: caducidade da declaración de impacto ambiental
Se a suspensión se debe á caducidade da declaración de impacto ambiental (DIA), como sucede no caso do parque Serra de Puñago, a posición administrativa do proxecto eólico debilítase. A promotora deberá iniciar unha nova avaliación ambiental e obter outra DIA favorábel.
Neste escenario, destacan tres consecuencias:
- Vantaxe temporal do permiso mineiro. A tramitación da nova DIA pode prolongarse entre un e dous anos, mentres que o concurso dos permisos mineiros se resolvería nun prazo máximo de seis meses. Se estes se outorgan antes, converteranse en dereitos preexistentes que deberán terse en conta na futura tramitación eólica.
- Inclusión da actividade mineira no novo estudo ambiental. O novo estudo de impacto ambiental deberá identificar os permisos mineiros nas afeccións a outros dereitos e analizar os seus efectos acumulativos e sinérxicos.
- Nova concorrencia de utilidades públicas. Ao examinar a nova avaliación ambiental, a Administración deberá ponderar expresamente os dereitos mineiros xa existentes fronte ao proxecto eólico.
Criterios previsíbeis de decisión
A natureza do recurso investigado pode resultar decisiva:
- Minerais críticos ou estratéxicos. Se a investigación se centra en litio, volframio, terras raras, coltán ou outros recursos relevantes para a transición tecnolóxica e industrial, o proxecto mineiro poderá competir en igualdade de condicións —e mesmo con vantaxe— fronte ao eólico.
- Minerais comúns da sección C. A Administración tenderá a outorgar maior peso ao interese público enerxético. Con todo, se o parque está aínda nunha nova fase de avaliación ambiental, a solución máis probábel non será cancelar o permiso mineiro, senón esixir o redeseño do parque para afastar os aeroxeradores das zonas de investigación ou do posíbel xacemento.
Conclusións
O resultado dependerá da fase de tramitación de cada proxecto, da firmeza dos dereitos xa adquiridos, da viabilidade da coexistencia e do carácter estratéxico do recurso mineral. En termos xerais, a Administración procurará unha compatibilidade condicionada antes de excluír por completo un dos usos. Porén, unha autorización eólica consolidada terá unha posición máis forte que un permiso meramente investigador, mentres que un dereito mineiro preexistente sobre minerais estratéxicos pode adquirir un peso decisivo fronte a un parque que deba reiniciar a súa avaliación ambiental.
Graves conflitos medioambientais
A convocatoria do concurso público de dereitos mineiros na provincia xera unha importante superposición territorial sobre os espazos de alta protección ambiental da montaña e o oriente lucense.
A apertura de ofertas para obter permisos de investigación (PI) afecta milleiros de hectáreas e cuadrículas mineiras en concellos como A Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, Baralla… O impacto e os efectos sobre as diferentes figuras de protección estrutúranse así:
1.- Efectos sobre as Reservas da Biosfera (Programa MaB de UNESCO).
As Reservas da Biosfera non son figuras de exclusión legal directa e total para a minaría. Teñen unha zonificación en tres niveles: núcleo, tampón-amortecemento e transición. Os permisos de investigación —que inclúen prospeccións xeofísicas, calicatas ou sondaxes con recuperación de testemuña— pódense solicitar na súa totalidade, pero a futura concesión de explotación quedará estritamente condicionada nas zonas “tampón” e totalmente prohibida nas “zonas núcleo” de máxima reserva ecolóxica.
2. Efectos sobre a Rede Natura 2000 (ZEC / ZEPA)
Esta é a figura máis restritiva a nivel normativo. Moitos dos dereitos mineiros convocados —como os grandes PI denominados Isabel, Lago ou Lago II— solápanse con zonas de Especial Conservación (ZEC) como Ancares-Courelou Carballido. Segundo o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia:
- Requiren Avaliación Ambiental Obrigatoria: A mera concesión dun Permiso de Investigación non permite meter maquinaria nin facer perforacións libremente. Calquera actividade de prospección sobre o terreo dentro da Rede Natura esixe unha Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) específica ou un informe de afectación da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
- Son incompatíbeis coa explotación: Aínda que as empresas obteñan o permiso para investigar os minerais, o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia cualifica, por norma xeral, as novas industrias extractivas a ceo aberto como usos prohibidos ou non autorizábeis se poñen en risco os hábitats prioritarios ou as especies protexidas.
3. Efectos sobre os Espazos Naturais Protexidos (ENP / ZEPVN)
Galiza engloba tamén a Rede Natura dentro das chamadas Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e os Espazos Naturais Protexidos autonómicos. Neste caso, requírese Autorización Concorrente da Consellaría de Medio Ambiente, quen ten a última palabra. As catas ou as aperturas de camiños vinculadas á investigación mineira requiren unha autorización sectorial expresa. Se as prospeccións provocan alteracións na xeoloxía, os leitos dos ríos ou a cuberta vexetal nativa, o permiso ambiental deberá rexeitado automaticamente, neutralizando o dereito mineiro concedido.
Os concellos de Navia de Suarna, Cervantes, Baleira e Becerreá entran plenamente na Rede Natura 2000 e neles existe superposición territorial dos antigos dereitos mineiros caducados (como os correspondentes ás áreas Isabel, Lago e Lago II) en concurso público pola Xunta. Os tres forman parte inseparábel da zona especial máis extensa e protexida do oriente galego:
ZEC A MARRONDA (ES1120004): Un valioso espazo natural de 1.239 hectáreas situado no concello de Baleira. Destaca por albergar un dos bosques autóctonos galegos mellor conservados, famoso polos seus espectaculares faiais e carballeiras e polo nacemento dos ríos Eo e Neira.
ZEC Ancares-Courel (ES1120001): Tres concellos están incluídos neste espazo protexido. Calquera cuadrícula mineira solicitada nas súas contornas que toque estes límites territoriais choca de fronte coa catalogación de Zona de Especial Conservación (ZEC).
ZEPA Ancares (ES0000374): Zonas amplas dos termos municipais de Cervantes e Navia de Suarna súmanse tamén á figura de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), o que engade unha capa de restrición adicional polo risco de alteración da avifauna protexida afecta directamente a estas zonas de máxima protección ambiental da montaña lucense.
A ZEC Cruzul-Agüeira (ES1120014) é outra das grandes xoias ecolóxicas da montaña lucense que atopa plenamente afectada por este escenario de presión industrial. Este espazo protexido sitúase a cabalo entre os concellos de Becerreá e As Nogais (cunha superficie de máis de 600 hectáreas na conca alta do río Navia). Constitúe un ecosistema único vulnerábel: protexe o enciñar de Cruzul, o bosque de aciñeiras máis ao norte de Galicia de carácter mediterráneo sobre solo calcario e o Souto de Agüeira. Calquera alteración nas augas ou polución por prospeccións mineiras nas cuadrículas adxacentes das áreas Isabel ou Lago poría en risco directo este delicado microclima.
Grao de afectación de Rede Natura en Baralla. A diferenza de Cervantes ou Navia de Suarna, onde case a totalidade dos termos municipais están baixo a máxima protección, o territorio de Baralla funciona como un limiar de transición de:
- ZEC Ancares-Courel: A franxa máis oriental do concello de Baralla, a que se eleva cara ás serras que lindan con Becerreá e Cervantes, intégrase plenamente dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC).
- A conca do río Neira: O concello conta con importantes corredores ecolóxicos fluviais asociados á conca do Miño que tamén contan con réximes de protección de valores naturais debido á súa biodiversidade.
Incompatibilidade cunha futura mina: A normativa do Plan Director da Rede Natura de Galicia prohibe explicitamente a apertura de novas industrias extractivas a ceo aberto que poidan danar os espazos preservados. Xa que logo, as empresas poden competir comercialmente por “investigar” os minerais, pero a posibilidade real de obter unha concesión de explotación posterior para abrir unha mina nesa área da Rede Natura é legalmente imposíbel.
4.- Solo rústico de Especial Protección. Boa parte da superficie do solo que figura nas cuadrículas mineiras para as que se convoca este concurso de investigación está catalogada nos planeamentos urbanísticos como de Especial Protección.

Malia estes permisos non seren sistematicamente incompatíbeis co solo rústico clasificado con esta categoría, a súa viabilidade está estritamente condicionada e supeditada a un complexo control ambiental e sectorial coas seguintes esixencias segundo a categoría.
As actividades e obras asociadas á minería son autorizábeis sempre que non impliquen a transformación urbanística dos terreos nin lesionen os valores obxecto de protección. Nas áreas de protección de espazos naturais, paisaxística ou de augas, o permiso de investigación require de forma preceptiva un Informe de Impacto Ambiental e a autorización do órgano sectorial competente —Dirección Xeral de Patrimonio Natural ou Confederación Hidrográfica—. Se o informe ambiental determina que as sondaxes ou prospeccións prexudican de forma crítica os valores protexidos, o permiso deberá ser denegado.












