Tres cruces que son dúas

Había tres cruces en Penarrubia que marcaron a miña infancia: a Cruz da Carballeira do Rei, a Cruz de Foncova e a Cruz do Monte. Por diante da da Carballeira do Rei pasaba eu acotío cada vez que tocaba alindar as vacas na Chousa do Barrancal e na Canteira. Pola Cruz de Foncova facíao en contadas ocasións pois esta abeiraba un camiño que apenas transitaba. Á Cruz do Monte só subía as poucas veces en que, ascendendo polos camiños costentos, era preciso chegar á Fonte dos Poios. As tres coinciden en estaren situadas en encrucilladas de camiños.

Naqueles tempos impregnados pola relixión, ao pasar diante destes símbolos, os fregueses facían o sinal da cruz e había tamén quen rezaba un noso pai ou unha ave maría polo sufraxio das ánimas do purgatorio dos familiares defuntos. Os tres lugares eran de amilladoiro nos que os viandantes se humillaban con devoción dobregando uns o xeonllo e outros descubrindo a cabeza.

Estas cruces impoñían pavor e cada unha delas mantiña os seus misterios. Das tres, dúas eran de madeira e a terceira, de pedra granítica. Hoxe en día, das de madeira desapareceu a de Foncova e a da Carballeira do Rei encóntrase totalmente deteriorada polo paso de tempo e o desleixo colectivo. A terceira, tallada en pedra, consérvase en perfecto estado na cota máis alta do monte de Penarrubia.

Mais, das tres, a cruz por antonomasia é a da Carballeira do Rei e, por iso, cando falamos da Cruz entendemos que se trata desta. As outras dúas necesitan complementación para seren identificadas. Deste xeito, o topónimo A Cruz designa no só o símbolo relixioso senón tamén o conxunto de predios situados na súa contorna e os treitos de camiño que o abeiran. E endexamais existía confusión entre a súa forma singular, A Cruz, e a plural As Cruces que identifican o camiño que sobe desde A Pena cara a Penarrubia até o lugar en que se bifurca na Abraira, os Pedragás, os predios do Agro e os Valados.

As tres, alén de sacralizaren as encrucilladas e de serviren de memento para os defuntos dos familiares dos viandantes, cumprían tamén a función de protexer as colleitas das sementeiras. En tempos pasados, un dos días do fin de abril ou de principios de maio, cando as patacas xa estaban sementadas e o cereal verdeaba nas searas, organizábase anualmente unha procesión que, partindo da igrexa, se detiña nas leiras das Cruces para bendicir os campos[1], realizar o esconxuro contras as pragas e escorrentar os perigos do pedrazo e das treboadas.

A Cruz de Foncova

Estaba situada enriba da parede lateral esquerda do camiño que sobe desde Val a Cernadas xusto no lugar en que esta vía se bifurca cara os predios de Ilarín, polo sur, e os Barrancais e As Veigas, polo norte, lugar de tránsito obrigado para as persoas que traballaban e alindaban as súas facendas nestas terras.

Era unha cruz de madeira escura de maior altura que a da Carballeira do Rei. Emprazada nas proximidades dunha volta do camiño, o viandante batía con ela de súpeto naquel lugar avesedo rodeado de frondosas carballeiras que fomentaban o enigma. A este ambiente tenebroso contribuía o dito de que nese lugar sucedera antano unha morte violenta. De ser así, a simboloxía relixiosa desta cruz estaba asociada ao recordo dunha traxedia local relacionada cun homicidio derivado ¿dunha xenreira veciñal, dun axuste de contas, dun amor mal resolvido…?

Mais, o arreguizo que me producía esta cruz aquí situada transformouse en arrepío aquela tarde de inverno de mediados da década dos cincuenta cando, sendo neno de poucos anos, sentín desde a casa unha poderosa voz inicialmente inintelixíbel que se viña achegando cara a onde me encontraba. Empolicado no interior da porta, desde o oco do postigo vin que, á altura do Escadín de Lopo, o Tolo de Matela descendía polo Camín coa cruz de Foncova ao lombo proclamando, agora xa con nítida fonética, a chegada do Xuízo final para as xentes de Penarrubia. Para todas as xentes, homes e mulleres, vellos e novos e tamén para… ¡os nenos! Todos, seguía dicindo o de Matela, seriamos convocados en presenza do Cristo xulgador antes da misa do seguinte domingo e a cita para os fregueses de Penarrubia e San Martiño tería lugar non no enxoito Val de Xosafat senón no húmido Prado do Muiño de Ardenide en Riosubil. Endexamais subira eu antes a Riosubil, nunca oíra falar deste prado, mais durante ben tempo estes nomes seguiron provocándome espanto.

A escena rematou coa intervención conciliadora de José de Moreno que, habituado como sancristán a tratar estes asuntos, convenceu o pobre demente para que finalizase a diatriba apocalíptica e lle cedese a cruz para devolvela ao seu emprazamento de sempre. Mais, a imaxe daquel home empuñando coa man esquerda o pau vertical da cruz apoiado sobre o ombreiro mentres coa man dereita xesticulaba con acenos ameazantes e profería aquela atronadora convocatoria ficou gravada na miña mente durante moito tempo.

Non sei que foi da Cruz de Foncova. O mesmo misterio que rodeaba a súa orixe tamén a acompañou na súa desaparición dos predios de Ilarín. Hai quen di que, cando se ensanchou o camiño para transformarse en estrada, as máquinas derrubaron a parede onde se encontraba e que as madeiras que a conformaban quedaron reducidas a cascallos.

A Cruz da Carballeira do Rei

Esta é, sen lugar a dúbidas, unha cruz de encrucillada como tantas outras que existen na cultura celta baixo diversas formas de cruceiros. Está situada na confluencia do camiño da Casela co que descende cara ás Grobiñas, co que conduce ás Louseiras e cos que soben á Valiña de Cabana e mais ao monte do Mazuco. Tamén, neste punto arrincaba o carreiro que servía de atallo, atravesando o Agro, para desembocar no Camín de Penarrubia á altura de Tralaira. Por el descendían os fregueses de Cernadas e A Fonte dos Poios cando acudían á igrexa os domingos e días festivos.

Esta cruz durante moitos anos testemuñou a relixiosidade dos veciños e foi respectada e coidada con esmero. Diante dela, os transeúntes realizaban pregarias e recordaban os seus familiares defuntos. Saída da imaxinación e de crenzas e sentimentos colectivos, na actualidade expresa a indiferenza, o abandono e a degradación crecente do noso patrimonio cultural.

Primeiro foi comesta das silvas. O paso do tempo maltratou os seus dous paus provocando o deterioro da madeira. Traveseiro e poste acabaron con fendas e perdendo a perpendicularidade.

Cando isto sucedeu, alguén que viu as pezas no chan conseguiu suxeitalas de novo na súa posición aproveitando unha ferradura que localizou pola contorna. Esa mesma persoa, pouco tempo despois, volveu encontrar o traveseiro caído e recorreu a unha atadura de fío para que as pezas recuperasen a forma de cruz.

En fin, na actualidade, a pobre Cruz serve de soporte dun cordón de plástico co que se defende dos animais salvaxes unha plantación de eucaliptos auxiliando para este mesmo cometido a colocación ao seu carón dun horrendo espantallo de plástico amarelo. ¡Que máis dá! ¡Polo menos o pau da Cruz protexe o eucaliptal!

Do patrimonio cultural non se obteñen rendas como sucede co eucalipto. Sexamos crentes ou non, manifestacións etnográficas como as desta Cruz non teñen por que estaren asociadas unicamente á relixión. As cruces dos camiños son símbolos da nosa condición humana pertencente a unha comunidade cultural que nos sitúa nun lugar indicándonos, como camiñantes, fitos que orientan as nosas vidas, a relación cos nosos remotos antepasados que nestes mesmos lugares veneraron quizais outras divindades protectoras[2] fronte ás adversidades da natureza. En fin, esta Cruz será hoxe ¿…expresión do tempero das persoas que habitan estas terras?

Coda da descomposición

Xoves, 19 de maio de 2022

Día soleado e caloroso deste maio de 2022. Estou en Penarrubia e aproveito para facer un percorrido polo camín do Agro, Os Rebolos, a Chousa do Barrancal. Chego á Ponte da Silvela, subo á Canteira e regreso pola Carballeira do Rei. Detéñome na Cruz e co teléfono móbil tomo esta fotografía, que non necesita ningún comentario para ilustrala.

A Cruz do monte

Das tres cruces, esta difire das outras dúas. É de pedra e, ademais de ser cruz de encrucillada serviu tamén para fixar o límite exacto do monte abertal dos veciños de Penarrubia co da Fonte dos Poios. Trátase, por tanto, dun sinal de termo que, como nos fitos de demarcación, está colocado na beira da vía principal que conecta estas dúas entidades de poboación.

Á finalidade de marco desta cruz tamén se engade a súa simboloxía relixiosa. Aos transeúntes que se desprazaban polos camiños que conflúen nesta encrucillada servíalles de protección divina, de lembranza dos seus antepasados defuntos e de fixación como estación no percorrido desde a Fonte dos Poios cando se conducía un cadáver cara ao cemiterio parroquial de Penarrubia para que a lenta comitiva fúnebre se detivese nese lugar mentres o cura, diante do cadaleito, salmodiaba en latín o número de responsos que os asistentes un a un ían previamente sufragando.

Está orientada coa cara esculpida mirando ao sur por onde decorre o camiño principal que percorren os viandantes como acontece no emprazamento de todos os cruceiros que non foron trasladados do sitio en que se colocaron inicialmente. Desde xeito, os brazos da cruz tamén prestaban información a camiñantes e arrieiros indicándolles o nacente e o ocaso no seu itinerario.

Marcos como este eran moi frecuentes en tempos pasados e cumprían a mesma función que os actuais fitos de formigón e os paneis informativos que o poder político sitúa nas beiras das estradas para indicar o comezo das lindes administrativas do seu territorio.

É un bloque de pedra de 1,04 metros de alto, 0,67 de ancho, 0,23 de fondo na parte alta e 0,40 na parte baixa. Ten forma rectangular coa liña superior arqueada que rompe a simetría no lado dereito posibelmente pola propia irregularidade que xa posuía a pedra antes de ser tallada polo canteiro. A cara oposta á esculpida está sen desbastar conservando a súa forma natural.

O conxunto descansa en equilibrio inestábel sobre un baseamento de rocha de 0,80 x 0,50 metros, razón pola que unha man anónima dispuxo recentemente pequenas pedras entre ambas pezas para a súa consolidación.

A cruz en baixorrelevo, perfectamente enmarcada polas molduras laterais rectas e a curvatura da cabeceira, descansa sobre un semicírculo que describe o decurso diario do sol a través do firmamento desde o abrente ao solpor que simboliza o poder da divindade sobre a vida e a morte. Co desbaste profundo da superficie que rodea os brazos e co contraste de luz e sombras proxectadas, a cruz adquire volume tridimensional que o viandante contempla no seu desprazamento. Velaquí, pois, como un canteiro popular, servíndose dunha pedra como tantas outras que ofrece a natureza, logrou efectos artísticos e simboloxías que transcenden a propia función directa de carácter relixioso e a de servir de fito de demarcación.


[1] Na miña infancia xa non recordo a celebración da bendición dos campos e do esconxuro en Penarrubia. A este rito asistín en 1958 na freguesía de Furís e participei na procesión que se realizou desde a igrexa até o cruceiro que, naqueles tempos, estaba situado a uns douscentos metros da igrexa parroquial na encrucillada dos camiños de Riomol, Furís de Abaixo, Laurentín e Pereira. Estas datas coincidían arredor da festividade relixiosa da Invención da Cruz, 3 de maio, que, como moitas outras celebracións relixiosas, consistiron na cristianización de festividades pagás relacionadas co ciclo do maio conservadas durante séculos. López-Cuevillas e Risco consideran que teñen orixes celtas, outros cren que proceden do mundo grecolatino relacionado coas divindades agrarias e da fecundidade Deméter, Ceres (19 de abril), Pales (21), Flora (do 28 ao 3 de maio), Maia (1 de maio). O cristianismo condenou estas celebracións tan estendidas na Gallaecia. A súa erradicación resultou difícil de conseguir segundo se reitera no concilio de Braga (570) e no Correctione rusticorum de Martiño de Dumio. Malia isto, as populares festas maias continuaron celebrándose e mantéñense aínda hoxe en varias das nosas comarcas.

[2] Como di López Cuevillas en La civilización céltica de Galicia, (Ediciones Istmo, Madrid 1989. páx. 286) “o culto aos deuses dos camiños aparece confirmado en San Martiño Dumiense cando recomenda que non se acendan luces nas encrucilladas (ed per trivium cereolum incendere), e como vestixios modernos quizais sexa lexítimo considerar os cruceiros e os montóns de pedra chamados nalgúns lugares amilladoiros, levantados co correr dos tempos por certos viandantes e a moitas prácticas de medicina máxica que teñen as encrucilladas por obrigado escenario”. O mesmo Cuevillas deduce que os romanos aproveitaron estes lugares de culto existentes nas encrucilladas para colocaren aras dedicadas aos Lares Viales como a encontrada en Papín en 1906 polo párroco de Penarrubia Antonio Correa Valcárcel, que contén a seguinte lenda “LARIBV(S) / VIALIB(VS) / PLACID / [I] NA EX V / OTO P[O] / SVIT”, (Aos Lares Viais Placidinia puxo [este monumento] en cumprimento dunha promesa).

Relacionados...

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Ara votiva de Papín

Achado en 1905 En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893

Novos valores catastrais

15 de setembro de 2023 Nestes días de setembro, están chegando as notificacións dos novos valores catastrais que adquiren as terras e

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario