Revisión catastral

A Xerencia Territorial do Catastro, con data de 31 de agosto pasado, abriu o procedemento simplificado de valoración colectiva do concello de Baralla co número de expediente 00564082.27/22, que afecta a 2.505 parcelas situadas nos distintos núcleos rurais. Este procedemento ten como finalidade que estes predios adquiran a consideración de solos de natureza urbana.

Os propietarios destes terreos van ter que satisfacer cotas superiores nos impostos que se rexen polo valor catastral como base impoñíbel, como sucede especialmente co Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) que anualmente se paga ao concello.

A Xerencia Territorial do Catastro aplica este procedemento, que consiste no CAMBIO DE NATUREZA RÚSTICA A URBANA POR aplicación do artigo 7.2a do Real Decreto Lexislativo 1/2004, de 5 de marzo, que indica: 2.- Enténdese por solo de natureza urbana: a) O clasificado ou definido polo planeamento urbanístico como urbano, urbanizado ou equivalente. Como consecuencia, tamén se rexerá polo artigo 30.2e da mesma lei que di: e) Cando, con motivo da modificación ou aprobación do plan, os solos adquiran a consideración de chan de natureza urbana de conformidade co disposto na letra a) do apartado 2 do artigo 7, poderán ser valorados tomando como valor de solo o mínimo dos previstos na ponencia de valores vixente para o uso de que se trate, sen prexuízo da consideración, no seu caso, da urbanización pendente de realizar. Dita valoración deberá respectar en todo caso os criterios de coordinación de valores do municipio.

Notificación do procedemento

O acordo de inicio deste procedemento realizarase por edito da Xerencia Territorial, que se publicará na Sede Electrónica do Catastro (art. 30.1 do Real Decreto Lexislativo 1/2004). Desde este momento, as persoas afectadas, e todas aqueloutras físicas ou xurídicas que teñan interese lexítimo, dispoñen do prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, a fin de que formulen as alegacións e presenten as probas que se estimen pertinentes.

A Xerencia está na Rúa do Teatro, 4, Lugo. Para acudir presencialmente, requírese obtención de cita a través da Sede electrónica do Catastro (www.sedecatastro.gob.es) ou da Liña Directa do Catastro chamando aos teléfonos 91 387 45 50 ou 902 37 36 35.

A presentación de alegacións neste período inicial é importante para mostrar a desconformidade co contido do expediente antes de que a Administración resolva.

Posteriormente, unha vez aprobados os novos valores catastrais de cada unha das parcelas afectadas, é preceptiva unha notificación individualizada que conteña a resolución cos novos valores fronte á que se poderá presentar reclamación económico administrativa perante o Tribunal Económico-Administrativo Rexional e, con carácter potestativo, e previo á devandita reclamación económico administrativa, poderase interpor recurso de reposición perante a propia Xerencia Territorial do Catastro de Lugo.

Predios afectados

En Penarrubia

Segundo o noso estudo, realizado a través do plano catastral da Sede electrónica deste organismo, son 43 as parcelas afectadas en Penarrubia.

A selección destes 43 predios carece absolutamente de rigor técnico e xurídico. Non se teñen en conta nin as catorce vivendas actualmente existentes no núcleo rural nin a configuración morfolóxica deste lugar, estratificado en planos de diferentes cotas de altitude, nin a existencia ou non de vías rodadas que permitan o acceso a varias desas parcelas.

Por exemplo, a consideración da existencia da reitoral, edificio do que nin se conservan os entullos, pretende transformar en urbanas parcelas situadas ao seu arredor como son o Prado Grande co Colmeal, tres Parzarías, O Codesal e o soar que antes ocupaba a Cortiña do Cura.

Non queda aquí a aberración que pretende este procedemento. Tamén se inclúe nel unha parcela situada directamente en solo rústico de especial protección patrimonial e outras que rodean o castro, clasificada toda esta área como ben de interese arqueolóxico no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza co código GA27036020 e coa consideración de protección integral. A súa área de amortecemento de protección ocupa 30 hectáreas meditas desde o centroide, superficie na que se inclúen diversos predios afectados por este procedemento.

O mesmo sucede coa inclusión de solo rústico afectado por normas sectoriais como o solo de especial protección das augas do rego de Painzal e da Fonte de Penarrubia. Os predios do Patal, situados ao sur do decurso deste rego, tamén figuran entre os propostos neste expediente para seren catalogados como urbanos.

¿E que dicir das dúas parcelas do monte, unha de 677.634 m2 e outra de 764.515 m2, das que unha parte tamén  se pretende que adquiran a condición de urbanas segundo este procedemento? Trátase de dúas parcelas, a do monte Mazuco e a de Navallos, das que 108 hectáreas están clasificadas como solo rústico de especial protección nas Normas Subsidiarias actualmente en vigor.

En definitiva, con esta valoración colectiva, o núcleo urbano do lugar de Penarrubia, integrado por 14 vivendas, vería afectadas por este procedemento un conxunto de parcelas dunha extensión de 1.604.987 m2, isto é, 160,49 hectáreas ou 1,6 km2. A todas luces, a relación existente entre a superficie das parcelas afectadas e o número de vivendas resulta absolutamente desproporcionada. Esta desproporción resulta aínda máis incomprensíbel se temos en conta a tendencia demográfica acusadamente regresiva que o núcleo rural de Penarrubia vén experimentando de forma acelerada nos últimos tempos.

En Val

En Val son 36 as parcelas afectadas por este procedemento. A estrada LU-710 e os camiños que comunican entre si as vivendas de Val cara A Pena marcan as liñas arredor das que se sitúan os predios sometidos a revisión catastral. Polo norte, na Forxa, as primeiras parcelas son a 123 do polígono 18 e a 47 do polígono 10. Polo sur, a superficie afectada por este expediente remata, na beira oeste da estrada, no prado do Chouso, antes de chegar a Seis Fontes, e, na beira leste, na Pinguela. Os predios afectados son os situados en paralelo das vías de comunicación ampliando a súa extensión polo leste nas parcelas da Seara de Santín e no Monte de Papín (Parcela 73 do polígono 9). Este procedemento de revisión catastral non continúa cara Papín, A Pena nin Carballedo porque as Normas Subsidiarias do concello de Baralla non consideran estes lugares núcleos rurais. En total, a superficie total destes predios de Val sometidos a revisión catastral ascende a 46,85 hectáreas.

Plano das parcelas de Val afectadas por este procedemento simplificado de revisión catastral

Delimitación do núcleo de Penarrubia

En datas recentes na páxina web da Sede Electrónica do Catastro figura a delimitación do núcleo urbano de Penarrubia tal e como se observa nas seguintes imaxes

Para case todas as parcelas cuxa superficie total se encontra dentro do perímetro delimitado por estas liñas vermellas, o Catastro ten programado que pasen de natureza rústica a urbana. E dicimos “case todas” porque existe algunha que, encontrándose dentro do perímetro sinalado, seguirá tendo a consideración de rústica por esquecemento ou por outras razóns que descoñecemos. Como podemos comprobar, en varias parcelas, as liñas que marcan o perímetro urbano establecen para estas dous tipos de natureza: a urbana da parte que fica dentro e a rústica da parte que queda fóra. Así acontece co Prado Grande, o Prado da Fonte, o Albarín, o Patal e varias máis por outros lados. Se nos fixamos tamén, unha das parcelas do Castro, lugar protexido por Patrimonio, vese afectado nunha reducidísima extensión. O mesmo acontece coas dúas parcelas do monte de Penarrubia.

A superficie total delimitada como urbana pasa das 9 hectáreas e media, que pode quedar, como moito, en 9 hectáreas se descontamos as vías públicas. Aquí, pois, comprobamos como o Catastro nesta delimitación que propón se excede en case 2 hectáreas con respecto ao que estabelecen as Normas Subsidiarias municipais actualmente en vigor, que fixan a superficie do núcleo rural de Penarrubia en 7,80 hectáreas. Este e outros máis poden ser motivos para presentar alegacións cando se abra o prazo para poder facelo.

Delimitado o núcleo rural, a seguinte fase do procedemento de revisión consistirá en fixar o novo valor catastral de todos os bens inmóbeis que pasen de natureza rústica a urbana. E aquí temos que ter en conta que todas as construcións (palleiras, pendellos, cortes de gando, garaxes… que non se encontren apegadas ás casas) que actualmente teñen a consideración de rústicas van sufrir tamén nova valoración de xeito que ao valor do solo vaise engadir o valor da construción a efectos da pagar o imposto municipal de bens inmóbeis (IBI).

Delimitación do núcleo de Val

O núcleo rural de Val queda delimitado segundo se mostra nesta imaxe

Neste caso, o núcleo rural de Val ten unha extensión de 13,437 Ha, da que hai que descontar a que ocupan as vías públicas, que neste caso son numerosas como acontece coa estrada LU-710 e mais os varios camiños que decorren entre as casas. Nas Normas Subsidiarias municipais, este núcleo rural figura delimitado cunha superficie de 12,20 Ha. Convén sinalar que as liñas que marcan a delimitación unha vez pasada a casa da Penela e antes de chegar á do Bochinche son moi difusas no planimetría catastral e, por isto, nós representámolas de forma descontinua por non ter a seguridade de plasmalas correctamente.

Análise xurídica

De momento este procedemento non se iniciou. Sucederá isto cando sexa publicado na Sede Electrónica do Catastro o edito no que se anuncie a incoación deste expediente cun texto semellante ao que reproducimos deseguido: En virtude do disposto no artigo 30.1 do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario (R.D. Lexislativo 1/2004, do 5 de marzo), polo presente ponse en coñecemento dos titulares catastrais o inicio do procedemento simplificado de valoración colectiva do municipio de BARALLA, executado por esta Xerencia, de acordo co regulado no artigo 30.2.e.) do citado texto refundido.

Evidentemente, as alegacións xurídicas que se poidan formular variarán en función da parcela de que se trate en cada caso. Existen parcelas protexidas por albergar xacementos arqueolóxicos recoñecidos por Patrimonio (o castro, por exemplo), outras por estaren situadas en dominio público ou zona de policía de augas da confederación Hidrográfica, outras por estar en zonas forestais declaradas de especial protección… Tamén se poderán formular alegacións porque as parcelas en cuestión non reúnen os requisitos que sinalan as Normas Subsidiarias do concello actualmente en vigor: número de habitantes do núcleo rural, porcentaxe de edificación das áreas consolidadas, abastecemento de auga, saneamento, existencia de parcelas encravadas e, por tanto, carentes de acceso rodado, etc.

Solo de núcleo rural

O concepto de solo de núcleo rural resulta necesario explicalo pola relación que garda coas categorías de solo que fixa a lexislación urbanística e para entender este procedemento de revisión catastral.

O solo de núcleo rural constitúe un tipo de solo propio do noso territorio non recollido na lei estatal. Foi creado como tal categoría propia pola derrogada Lei 1/1997, de 24 de marzo, do Solo de Galiza. Con anterioridade, xa existía a consideración de núcleo rural como un tipo de asentamento poboacional na Lei 11/1985, de 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galiza.

As Normas Subsidiarias do concello de Baralla, como único documento normativo actualmente en vigor, definen como solo urbano dos núcleos rurais os asentamentos de poboación superior a 50 habitantes constituídos por áreas consolidadas pola edificación polo menos nas súas 2/3 partes e formados por terreos agrícolas con uso dominante da vivenda familiar, edificacións agrícolas e dotacións propias da vida do núcleo, dispoñendo polo menos de acceso rodado, enerxía eléctrica, abastecemento de auga e saneamento en condicións sanitarias adecuadas.

Na nosa parroquia, a relación de núcleos rurais recoñecidos nas NNSS son dous: o de Penarrubia e o de Val-A Pinguela coas seguintes notas:

Nome do núcleoSuperficie en has.PoboaciónDensidade ha./hab.
Penarrubia7,80668,46
Val e A Pinguela12,20635,16

A Lei 11/1985, de 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galiza, indica que terán o carácter de núcleo rural existente aquelas áreas do territorio que, por existir agrupacións de vivendas e xurdir relacións propias da vida comunitaria que as convertan nun asentamento poboacional singularizado, diferenciado e identificable, o Plan ou as Normas definan como tales, tendo en conta, polo menos, os parámetros de número e densidade de vivendas e distancia entre edificacións. Así mesmo, dividiranse, segundo as súas características, en tradicionais e de recente formación. Ademais dos anteriores, constituirán parámetros definitorios de núcleo rural os determinados pola súa ubicación e pola especial vinculación ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro ou análogas.

En definitiva, na parroquia de Penarrubia existen xuridicamente os núcleos rurais de Penarrubia, Val, A Pena, Papín, Carballedo, Cernadas, A Barrosa, A Fonte dos Poios, Casar de Monín, A Veiga, Castrolánzán, A Revolta, Teixeira de Arriba e Teixeira de Abaixo (Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo), mais urbanisticamente só adquiriron vida como tales os de Penarrubia e Val porque así se recolle nas Normas Subsidiarias municipais en vigor.

Isto é, requírense dous requisitos para a existencia dun núcleo rural segundo a lei galega do solo en vigor no momento da aprobación das Normas Subsidiarias do Concello de Baralla en 1986:

  1. Un asentamento poboacional singularizado, diferenciado e identificábel.
  2. A existencia dun planeamento que delimite o seu número de vivendas dentro dun perímetro xeográfico.

Os lugares citados da parroquia de Penarrubia son asentamentos de poboación singularizados, identificados cada un co seu propio topónimo nos censos, padróns e arquivos oficiais e delimitados como tales nas Normas Subsidiarias municipais. Mais, para A Pena, Papín, Carballedo, A Barrosa, Cernadas, A Fonte dos Poios, Casar de Monín, A Veiga, Castrolanzán, Teixeira de Arriba e Teixeira de Abaixo falta o segundo dos requisitos para que teñan a consideración xurídica de núcleos rurais: non existe planeamento municipal que os delimite definindo o seu perímetro. Por isto, estes últimos lugares da parroquia non son obxecto deste expediente simplificado de valoración colectiva.

No concello de Baralla non existe PXOUM en vigor. Foi financiado cun orzamento de 142.454,40 euros en 2008 para sufragar os gastos da súa elaboración e aprobado inicialmente polo Pleno municipal en setembro de 2013, mais carece de aprobación definitiva. Tampouco existe Plan Básico Municipal ao que se refire o artigo 63 da actual Lei do solo para os concellos de menos de 5.000 habitantes no que se delimiten e estabelezan as categorías dos núcleos rurais existentes. En definitiva, ¿por que o concello de Baralla non delimitou con rigor os núcleos rurais do seu termo municipal cando resultan tan obsoletas e inxustas a lei de 1985 (derrogada desde 1997), que creou e definiu este tipo de solo, e as Normas Subsidiarias de 1986, que se aprobaron ao amparo desta lei de 1985?

Como vemos, a superficie do núcleo rural que se realiza no PXOUM limítase a 36.033 m2 fronte aos 96.500 m2 do expediente de revisión catastral. Neste núcleo nin tan sequera se integran todos os predios que abeiran os accesos rodados ás vivendas senón que se exclúen parcelas como os Forxos e parte de Tralaira que non limitan con edificios residenciais. Como ten que ser, tamén se respectan os límites do dominio público de augas e os cen metros da súa zona de policía, a protección integral do xacemento arqueolóxico do Castro, o solo rústico de protección de infraestruturas (transformador e servizo de condución eléctrica) e, por suposto, non se lles ocorreu aos redactores deste non nato PXOUM a aberración de incluír no núcleo rural de Penarrubia ningunha superficie das dúas parcelas do monte.

O documento urbanístico actualmente en vigor desde 1986 no concello de Baralla son as Normas Subsidiarias de Planeamento. Que nós teñamos constancia, nestas normas só se realizaron alteracións puntuais para modificar o planeamento no ámbito da canteira de Vale (DOG 06/05/2015), para o desenvolvemento de actividade mineira en Sixirei e para a delimitación do núcleo rural de Santa Marta, parroquia de Vilartelín. Actualmente, tamén existe o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Baralla, aliñacións e dotacións no solo urbano e modificación do solo urbanizábel SUB-1 (DOG 23/9/2021, expediente 2021AAE2574).

Para satisfacer as demandas industriais e para o planeamento do solo urbano da vila de Baralla, desde o Concello realízanse modificacións urbanísticas, pero nada se fai para delimitar os núcleos rurais atendendo a criterios normativos en vigor e ás novas situacións económicas e demográficas de cada un destes lugares.

Normas subsidiarias

As normas urbanísticas actualmente en vigor seguen sendo as Normas Subsidiarias de 1986, aprobadas naquel momento baixo o parámetro de Lei 11/1985, de 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galiza, que clasifica os asentamentos poboacionais de Penarrubia e Val como solos de núcleo rural sen categorizar non urbanizábel.

Como vemos neste plano, en toda a parroquia só figuran delimitados dous núcleos rurais: Penarrubia e Val-A Pinguela. En ambos casos, estas delimitacións resultan indefinidas por falta de detalles, mais, a grandes trazos, no caso de Penarrubia, respectan as limitacións que impoñen as normas das distintas proteccións sectoriais para estabelecer as categorías de solo rural e urbano como son as de augas, patrimonio e de solo rústico de especial protección como se reflicte nos casos dos montes do Mazuco e de Navallos.

¿Por que o Catastro interpreta dun xeito desmesurado as Normas Subsidiarias considerando urbana a extensión de 9,65 hectáreas fronte ás 7,80 que se contemplan nas Normas Subsidiarias para Penarrubia? Imponse a necesitade de presentar alegacións no seu momento para que isto non suceda.

Clasificación catastral e urbanística

Existe a crenza xeneralizada de que a catalogación polo Catastro dun predio como urbano vai permitir a edificación de vivendas no mesmo. Non é certo. O Catastro ten competencias para describir as parcelas e fixar os valores catastrais que serven de base para determinados impostos, entre eles fundamentalmente o IBI, mais carece de competencias para declarar edificábel unha parcela. As competencias urbanísticas residen nos concellos a través das normas en vigor de cada un deles. Debemos ter presente que, ás veces, a realidade catastral e a urbanística diverxen e isto ocorre no caso de Baralla e noutros concellos que carecen de PXOM.

Ao concello de Baralla, por carecer de Plan Xeral de Ordenación Municipal, élle de aplicación o estabelecido no apartado 4 da Disposición Transitoria 1ª  da Lei do solo de Galiza en vigor, que di: “nos municipios sen planeamento xeral aplicarase o réxime de solo rústico establecido nesta lei, coas seguintes particularidades: a) unicamente poderá edificarse nos terreos que merezan a condición de solo urbano consolidado por reunir os requisitos establecidos no artigo 17.a)[1] desta lei”. É dicir, urbanisticamente as parcelas declaradas de natureza urbana polo Catastro seguirán tendo a consideración rústica mentres non adquiran a condición de solo urbano consolidado polo correspondente planeamento municipal.

Alén disto, tampouco se vai poder construír en determinadas parcelas consideradas polo Catastro, e mesmo polas actuais normas urbanísticas, de natureza urbana. Existen afeccións impostas pola lexislación sectorial estatal e autonómica derivadas, por exemplo, da Lei de augas (Real Decreto Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Auguas), que delimita zonas de servidume (5 metros) e de policía (100 metros) nas que se prohiben e se limitan as construcións nas faixas laterais das terras que lindan coas beiras dos ríos e dos regos. O mesmo sucede coa Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galiza, que impón prohibicións de construír ou de certas limitacións de construción nas áreas do contorno e nas zonas de amortecemento do patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, paisaxístico… declarado de interese cultural ou catalogado. No caso de Penarrubia, o contorno de protección do Castro (GA27036020) coa súa zona de amortecemento é moi amplo pois comprende 30 hectáreas medidas en círculo desde o seu centroide. Outros bens inmóbeis catalogados por Patrimonio con diferente tipo de protección dentro do núcleo rural son a igrexa, a casa de Ruán e a Fonte; e fóra do núcleo rural, O Barrancal (GA27036064), As Louseiras (GA27036065), Valintrobo (GA27036066) e a Cruz do Monte, esta xa lindando coa Fonte dos Poios.

Para realizar alteracións substanciais do terreo, extraccións de áridos, construcións de todo tipo —xa for de carácter definitivo ou temporal— nos 100 metros de anchura medidos horizontalmente desde a beira da cunca… as normas que rexen as augas de dominio público impoñen medidas estritas de solicitude de permiso (artigo 9 do Real Decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de Augas).

Máis estritas son as normas que regulan a protección do patrimonio cultural. Así, o artigo 38 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galiza, impide construcións na zona delimitada do contorno de protección dos bens incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza. A maiores, tamén sinalan para estes bens áreas de amortecemento nas que se require autorización previa para a realización de determinadas actividades. E isto é o que acontece co Castro de Penarrubia. Desde o 26 de xullo de 2018, ten a consideración de Xacemento Arqueolóxico Catalogado co código GA27036020, cunha zona de especial protección que ocupa 3 Ha de superficie e cunha zona de amortecemento que comprende 30 Ha. medidas en círculo desde o centro.


[1] Artigo 17. Categorías de solo urbano: a) Solo urbano consolidado, integrado polos terreos que reúnan a condición de soar ou que, polo seu grao de urbanización efectiva e asumida polo planeamento urbanístico, poidan adquirir a dita condición mediante obras accesorias e de escasa entidade que poidan executarse simultaneamente coas de edificación.

Relacionados...

Segadores en Castela (I)

21 de abril de 1893 Xosé non acouga esta tarde. Prepara o forno para cocer ao día seguinte. Coa vasoira de xesta

Inocencio. In memoriam

15 novembro 2022 Esta mañá fóisenos Inocencio, o Taberneiro de Val. Na tardiña do pasado 26 de outubro fun á Taberna tomar

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario