Parque eólico Serra do Puñago

En datas recentes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza emitiu unha resolución pola que suspende cautelarmente o inicio das obras do parque eólico Serra do Puñago, que afecta en parte o monte de Penarrubia. Con motivo disto, desde penarrubia.gal realizamos unha exposición informativa sobre a historia eólica na Galiza centrando a atención no parque proxectado para ser instalado nos montes do Mazuco e de Navallos do noso lugar. Mais, para situármonos, tamén nos referimos aos demais parques programados que rodean Penarrubia polos catro puntos cardinais e, así mesmo, aos que afectan a provincia e toda Galiza.

O monte onte e hoxe

Os montes proporcionaron riqueza no pasado e continúan sendo rendíbeis no presente. Neles sementábanse extensas searas de centeo que servía de alimento para as familias, triscaban rabaños de ovellas e cabras das que se obtiñan la, leite para facer queixo e crías; pastaban as vacas cando tiñan vetada a herba dos prados reservada para ser gadañada e gardada nas palleiras como feo para o inverno. Do monte sacábase o esquilmo para estrar as cortes, cortábase a leña para queimar nos fogares e roxar os fornos nos que se cocían as fornadas. No monte tamén se facían foias para obter o carbón vexetal que se vendía nas feiras de Meira.

Desde hai corenta anos, o monte é fonte de riqueza forestal. Os nosos antepasados, labregos humildes de Penarrubia, coas serras da Canteira, da Lagoa, de Rañadoiro, do Mazuco e de Navallos presentes polo oeste, sempre estimaron o monte. Nos últimos tempos, corporacións que cotizan no IBEX 35 e outras poderosas empresas, auxiliadas por cargos políticos ao seu servizo, campan ás súas anchas polas liñas do horizonte que debuxan estas terras.

Penarrubia rodeada de eólicos

Ao oeste de Penarrubia, sitúanse as serras da Vacariza, da Lagoa, do Puñago, de Navallos, de Rañadoiro e, xa entre Matela e A Condomiña, o Monte do Xangazo. Nos cumios de todos estes montes está proxectada e aprobada administrativamente a instalación de cinco parques eólicos que contan con 38 aeroxeradores cunha potencia total de 155,64 MW.

Parques eólicos situados no oeste de Penarrubia. Dos cinco, de momento só se encontra en funcionamento o primeiro

Ao leste de Penarrrubia, esténdese o Complexo Eólico dos Ancares, que comprende os proxectos Chan do Marco, Serra de Piñeira, Serra do Colmo, Serra de Furco, Restelo, Monteiro, Pena do Pico e Levante. Todos eles localizaranse nunha área xeográfica cun alto nivel de ocupación polos parques eólicos xa instalados e en tramitación e lindeira con outras Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) tamén con un alto nivel de ocupación de aeroxeradores. Destes oito parques, os sete primeiros son de competencia da Xunta de Galiza e o último, o PE Levante, composto por 19 aeroxeradores de 5,6 MW cada un e unha potencia total de 106,4 MW, é competencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e situarase nos concellos de Triacastela, As Nogais e Becerreá. As súas liñas de evacuación, de 30 kV e de 49,1 km, tamén afectarán no seu paso terras dos concellos de As Nogais, Becerreá, Baralla, Baleira e Pol.

Os oito parques proxectados para seren instalados nos montes situados no leste e sur de Penarrubia
Proxecto do macroparque Levante. O trazo vermello do plano da esquerda sinala a liña de evacuación que transportará a enerxía desde a SET Levante, situada dentro da demarcación poligonal do parque, até a SET Ventisca, no concello de Pol. Fonte: BOE 09/12/2023

Restelo afecta os concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna. Chao do Marco e Serra de Furco afectan o concello de Becerreá. Serra do Colmo e Pena do Pico afectan os concellos de Becerreá e Baralla. Serra de Piñeira, os concellos de Baralla, Láncara e Becerreá. Monteiro afecta os concellos de Baralla, Baleira e Becerreá. O macroparque Levante afecta os concellos de Triacastela, As Nogais e Becerreá.

En total, se se executan todos os parques proxectados, nos montes que rodean o Val de Neira de Rei chantaranse 100 aeroxeradores de enorme altura que xerarán 478,84 MW de potencia. A este descomunal espectáculo contribuirán tamén as torres metálicas que soportarán os cables necesarios para conducir até moitos quilómetros de distancia a enerxía que aquí se xere.

Historia da enerxía eólica

Os primeiros pasos

A historia dos parques eólicos na Galiza arrinca en 1986 coa sinatura do convenio de cooperación para a explotación dun parque de 360 kW de potencia. Participaban neste proxecto a Consellaría de Traballo, Industria e Turismo da Xunta de Galiza, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e a Empresa Nacional de Electricidade S.A. (ENDESA). O lugar escollido foi A Condomiña, perto do Faro de Estaca de Bares. Proxectado este parque baixo o goberno de Fernández Albor, foi rematado e inaugurado en novembro de 1987 polo goberno tripartito presidido por González Laxe. En 1989, instálanse en Cabo Vilán dous aeroxeradores, que nos primeiros anos da década de 1990 se foron ampliando até chegar á potencia total de 4’5 MW, cunha produción de arredor de 7.600 MWh/ano. Mais, estes primeiros pasos constituíron un ensaio máis que os comezos da historia da enerxía eólica.

Os inicios. 1995-2001

En 1995, o goberno de Fraga Iribarne aproba o Decreto 205/1995 que regula “o procedemento para a autorización das instalacións dedicadas á produción de electricidade a partir da enerxía eólica”. Neste decreto créase o Plan Eólico Estratéxico, que permite ás empresas promotoras realizaren traballos de investigación para a implantación de parques eólicos. En decembro dese mesmo ano, a consellaría de Industria e Comercio aproba o primeiro Plan Estratéxico presentado pola empresa GAMESA. Entre os anos 1995 e 1996, como este, foron seleccionados dez plans eólicos estratéxicos. O Plan Eólico de Galicia será aprobado en 1997. Neste período inicial 1995-2001, na provincia de Lugo instálanse 13 parques eólicos cunha potencia total de 287,3 MW. Case todos eles emprázanse na contorna da Serra do Xistral nos concellos de Muras, Abadín, Vilalba, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Alfoz.

Táboa coa relación de parques eólicos situados na provincia de Lugo nesta etapa 1995-2001

Entre ACCIONA, IBERDROLA e ENDESA repártense exactamente o 84,32 % do total e tres empresas galegas (O Vicedo S.L., Desarrollos Eólicos de Lugo e Norvento) só acadan o 15,68 %. Outros tres parques sitúanse a cabalo da provincia de Lugo coa da Coruña nos concellos de Monfero-Xermade, As Pontes-Muras e Toques-Melide-Palas de Rei, cun total de 51,4 MW.

Período 2001-2007

Coa entrada en vigor do Decreto 302/2001, modificado polo Decreto 513/2005, impúlsase o crecemento da enerxía eólica. Na exposición de motivos afírmase: “encontrámonos ante unha enerxía moderna, limpa e cunha alta aceptación social, que considera os parques eólicos como instalacións e empresas limpas, sen consecuencias ambientais negativas…” Por isto, a norma recoñece a compatibilidade da implantación eólica cos espazos naturais integrados na Rede Natura 2000, asumindo que os seus valores ambientais non se ven afectados pola construción de parques eólicos nestas zonas. Isto explica que boa parte dos parques que se impulsaron neste período até a entrada do novo decreto en 2007, e mesmo algúns autorizados e construídos con posterioridade, se situasen nestes espazos naturais protexidos. Desde o ano 2002, en que comeza a aplicarse a nova política eólica regulada no Decreto 302/2001, até 2007, en que o goberno bipartito aproba o Decreto 242/2007, o goberno de Fraga Iribarne dá un novo pulo á implantación de parques.

Táboa coa relación de parques eólicos situados na provincia de Lugo entre 1995-2001

Neste período, na provincia de Lugo, a Xunta autoriza 32 novos parques cunha potencia total de 856,12 MW dos cales ENDESA ocupa o primeiro lugar con 238,14 MW, seguen ACCIONA con 130 MW e IBERDROLA con 125 MW. Neste ranking de asignacións, as empresas galegas PE DE BUIO, NORVENTO e DESARROLLOS EÓLICOS DE LUGO dispoñen de 93, 60, 73,60 e 70,20 MW respectivamente sumando entre as tres 237,40 MW. ENDESA, ACCIONA e IBERDROLA fanse co 57,76 % do total da potencia autorizada. A maior parte dos parques eólicos concéntranse tamén na Serra do Xistral, nomeadamente nos concellos de Muras, Xermade, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Mondoñedo, Vilalba, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Viveiro, O Vicedo, mais tamén se expanden a Castroverde, Baleira e Pol co parque de Puñago, que posteriormente será denominado Punago-Vacariza, promovido por FENOSA WIND S.L.

Período 2007-2010

O terceiro período dos parques eólicos arrinca en 2007 co Decreto 242/2007 aprobado polo goberno bipartito. Esta norma marca os seguintes obxectivos: “…actuar como un vector de crecemento económico en sentido amplo, sobre todo nos territorios concretos en que se implante…

…ser exemplar no plano ambiental, …a enerxía eólica, ademais de resultar limpa por non emitir gases contaminantes á atmosfera, na súa implantación deberá ser extremadamente respectuosa cos valores ambientais até o punto de non ocupar espazos de especial protección ambiental

…debe supor progreso social, pero non unicamente para os promotores dos proxectos senón para o conxunto da cidadanía galega, estreitando o vínculo entre enerxía e sociedade e conseguindo unha maior aceptación desta modalidade de xeración”.

Este decreto introduce a esixencia de que “todos os proxectos de parques eólicos se someterán a avaliación de impacto ambiental e serán obxecto dunha declaración de impacto ambiental na consellaría competente en materia de ambiente” (art. 6.1) e prohibe a “implantación de parques eólicos naqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais para formaren parte da Rede Natura 2000” agás nos casos de repotenciación dos parques xa existentes. Malia esta norma dar un paso importante na protección do medio ambiente ao excluír a instalación de parques nas zonas da Rede Natura 2000, resulta insuficiente por existiren outros espazos merecedores de protección ambiental e cultural que fican fóra da exclusión eólica.

Con este decreto desaparece a posibilidade da existencia dos parques eólicos singulares da anterior etapa, que se caracterizaban por non superar os 3 MW e por estar destinados ao autoconsumo das empresas promotoras. Tamén introduce esta norma as convocatorias anuais estabelecendo un límite de potencia autorizábel de 6.500 MW.

Posteriormente, no DOG de 17 de marzo de 2008, publícase a Orde pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megawatts para tramitar no período 2008-2012 e ábrese o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de parques eólicos. Para a selección das solicitudes, entre outros criterios, prímase nesta convocatoria o impacto socioeconómico positivo que xere, os investimentos que se realicen en empresas e tecnoloxía, o número de postos de traballo permanentes asociados e as iniciativas de contido ambiental e de infraestruturas básicas que se creen. No DOG de 2 de febreiro de 2009, faise pública a relación de anteproxectos de instalación de parques eólicos seleccionados consonte a Orde do 6 de marzo de 2008. Nesta relación, o parque eólico Puñago Sur II, de 44 MW de potencia, que ocupará parte do monte de Penarrubia, asígnaselle á empresa Enerxías Renovables de Galicia, S.A.

Adxudicación do goberno bipartito PSOE-BNG. 2009

O grupo que máis se beneficiou nesta distribución foi Eólica Galenova, filial de Caixanova, con 235 MW, seguido de Aucosa, con 216 MW, que integra varias empresas conserveiras (Pita Hermanos, Bernardo Alfageme, Thenaisie, Hijos de Carlos Albo, Conservas Cerqueira co apoio da enerxética Terawatio); Ventos Cooperativos, con 192 MW, formada polas catro grandes cooperativas lácteas galegas (Feiraco, Os Irmandiños, Colaga e Icos) en colaboración con Eolia Renovables e Croquis Enerxía cun investimento directo previsto de 498 millóns de euros acompañado doutros investimentos por valor de 150 millóns de euros en proxectos industriais, ambientais e formativos. A outras empresas galegas autorízanselles importantes parques eólicos, entre elas a Ventauria Enerxía Rural S.A., con 164 MW, na que participaban a familia lucense Chousa, Cafés Las Candelas e Caixa Rural Galega… Como vemos na táboa da imaxe anterior, entidades financeiras galegas (Caixa Nova, Caixa Galicia e Caixa Rural); cooperativas gandeiras como Feiraco, cooperativas lácteas de Galicia (COLAGA) e Os Irmandiños; empresas conserveiras e outras industrias galegas acadaron importantes autorizacións nesta convocatoria. Agora ben, os grandes grupos que controlaban o dominio do ventos nas anteriores convocatorias (Iberdrola, Familia Entrecanales e Enel-Unión Fenosa) tamén reciben a súa parte, mais, descontentas con este reparto, as dúas grandes compañías do sector eléctrico, Iberdrola e FENOSA, presentan recurso administrativo como paso previo para o contencioso. As empresas autorizadas para desenvolver novos parques cederían de media ao Instituto Enerxético de Galiza (INEGA) o 14,22% do negocio, equivalente a 352,74 MW, que reportarían ás arcas públicas ingresos anuais próximos aos 30 millóns de euros.

Período do goberno do PP

O 1 de marzo de 2009, celébranse eleccións autonómicas e o PP acada maioría absoluta. O seu candidato, Núñez Feixoo, toma posesión da Presidencia da Xunta o 18 de abril. A aperta máis entusiasta que neste momento recibiu o novo Presidente é a de Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola.

Nesta imaxe, presidente de Galiza e presidente de Iberdrola manan felicidade porque á amizade súmanse proxectos millonarios compartidos nos que os intereses xerais galegos ficarán subordinados aos das grandes corporacións. Segundo datos facilitados pola propia empresa, na actualidade Iberdrola conta con 18 parques eólicos en Galiza e é a “única compañía que gestiona más de 600 MW de eólica en la autonomía”. Ao sector eólico hai que sumar os 1.550 MW de potencia que esta mesma empresa obtén dos nosos ríos a través da enerxía hidroeléctrica.

Anulación do programa eólico do bipartito

Unha das primeiras medidas da Xunta do PP consistiu na suspensión do programa eólico aprobado pola anterior Consellaría de Innovación e Industria. No DOG de 14 de agosto de 2009, publícase a resolución pola que o goberno presidido por Núñez Feixoo suspende o procedemento para outorgamento de autorizacións de instalacións de parques eólicos tramitado polo goberno bipartito. Alégase que o referido decreto devén nulo de pleno dereito por adoecer “de falta de legalidade, vicios que afectan esencialmente o procedemento e as melloras voluntarias do artigo 9.2º, especialmente a relativa á participación pública recollida no seu punto primeiro, a cal chega a ser cualificada como nulidade ex artigo 62.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, é dicir, nulidade de pleno dereito”. Na exposición de motivos da Lei 8/2009, do 22 de decembro, aprobada no parlamento pola maioría absoluta do Partido Popular, aléganse de novo motivos de ilegalidade nas normas do bipartito que regulaban o aproveitamento eólico por estimularen a participación do sector público no capital social dos proxectos das empresas autorizadas para instalar parques eólicos xeradores de enerxía eléctrica, participación que se considera “tacha de legalidade directa e infranqueábel”. Por isto, dise deseguido que “unha escrupulosa observancia e respecto da liberalización do sector e a consideración de que o interese público de Galiza pode e debe encontrarse mellor reflectido e en harmonía plena co ordenamento xurídico son causa e razón suficientes para xustificar o distanciamento do procedemento ideado polo decreto e iniciado pola orde de aplicación co fin de atopar outras fórmulas, outros modelos máis racionais, máis perfectos, máis rectos”. Tal ilegalidade proclamada polo goberno de Feixoo endexamais foi recoñecida en ningunha resolución xudicial.

Inexistencia de ilegalidade

Nos estados de dereito a quen corresponde declarar a ilegalidade dos actos é ao Poder xudicial. Pois ben, o procedemento de convocatoria e de adxudicación dos parques eólicos executado pola Consellaría de Innovación e Industria do goberno bipartito foi declarado legal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza na STSXG 979/2012, de 24/07/2012, resolución posteriormente ratificada en casación polo Tribunal Supremo na sentenza 2377/2015, de 06/05/2015. Aínda máis, ambos tribunais consideran que o Goberno de Feixoo actuou con desvío de poder ao adoptar unha medida cautelar non para garantir a efectividade dunha resolución, “senón para outra finalidade“, que coñecemos moi ben.

Responsabilidade patrimonial

A suspensión da asignación realizada polo goberno bipartito ocasionou que con cartos públicos houbese que indemnizar empresas anteriormente seleccionadas polos gastos xerados no concurso eólico.

O PP coñecía moi ben as consecuencias derivadas desta suspensión. A mesma Lei 8/2009, aprobada pola maioría absoluta dos seus deputados, contempla a responsabilidade patrimonial da Administración e así, no apartado 4 da Disposición transitoria primeira, recoñécese que as indemnizacións que, se é o caso, deriven do desestimento referiranse exclusivamente aos gastos debidamente xustificados que resultasen imprescindíbeis na instrumentación da solicitude sempre e cando tales documentos non sexan utilizados nas novas convocatorias que se produzan ao amparo desta lei.

A Resolución pola que se suspende o outorgamento das autorizacións de instalacións de parques eólicos do bipartito vai ter consecuencias relevantes para as arcas da Xunta en forma de responsabilidade patrimonial polas elevadas indemnizacións económicas a que teñen dereito as empresas anteriormente seleccionadas como candidatas á adxudicación de parques eólicos. Unha resolución como esta, motivada por intereses espurios, executada con desviación de poder como recoñecen resolucións xudiciais, debera repercutir no patrimonio das autoridades que, por seren responsábeis da súa aprobación, participaron na comisión de tales resolucións. Mais non. Somos todos os galegos e galegas os que tivemos que pagar e seguimos pagando por este atropelo. Ao importe das indemnizacións, que ascenden a 3.102.982,80 euros, hai que sumar os xuros legais (entre o 3 % e o 4 %) desde o momento en que se inicia cada un dos procedementos de reclamación e, en varios casos, o importe devindicado por gastos financeiros e comisións dos avais bancarios acumulados durante o ano 2009.

Deseguido ofrecemos nove resolucións xudiciais que condenan a Xunta por responsabilidade patrimonial derivada da suspensión da adxudicación de parques eólicos realizada pola consellaría de Innovación e Industria do goberno bipartito PSOE-BNG.

AUCOSA EOLICA S.A, adxudicataria de sete parques eólicos cun total de potencia de 216 MW, solicita tamén o aboamento dos gastos en que incorrera para a solicitude presentada ao abeiro da Orde da Consellaría de Innovación e Industria do goberno PSOE-BNG. O TSXG, na sentenza de 02/02/22, declara a responsabilidade patrimonial da Xunta de Galiza condenándoa a aboar á recorrente a suma total de 929.786,01 euros incluído o satisfeito por custes financeiros e comisións dos avais durante o año 2009, con incremento dos xuros legais desde a data da reclamación en vía administrativa.

PROXECTO ENGADIR SL. Na convocatoria realizada polo goberno bipartito é seleccionado o seu anteproxecto para o parque de A Pastoriza cunha potencia de 50 MW. O TSXG recoñece a existencia de responsabilidade patrimonial da Xunta e outórgalle a cantidade de 76.787,27 euros máis os xuros legais desde a data de presentación da reclamación en vía administrativa con expresa imposición de custas á Administración demandada.

VIRAVENTOS ENERGY S.L. A consellaría de Innovación e Industria do goberno bipartito concedéralle a esta empresa dous parques eólicos, un na Serra da Lagoa (42 MW), concello de Baralla, e o outro en Vilouzán (8 MW), concello de Láncara. Na demanda, esta empresa solicita unha indemnización total de 7.965.637,92 euros, desagregada nos seguintes importes: 1) 2.365.277,82 euros polos gastos de participación no proceso de selección e posterior proceso regulado de autorización para a execución e 5.600.360,10 euros polo lucro cesante. O TSXG declara a “responsabilidade económica da Xunta de Galiza, e condénaa ao aboamento da cantidade ao recorrente total de 308.000 euros máis o importe devindicado por gastos financeiros e comisións dos avais durante o ano 2009, con determinación desta última cantidade na fase posterior de execución procesual”.

VENTAURIA ENERXÍA RURAL S.A. A consellaría de Innovación e Industria seleccionara catro anteproxectos de parques eólicos desta empresa cunha potencia total estimada de 160,2 MW: os de Porteliña (entre Avión e A Lama), Outeiro do Home (entre Forcarei, Boborás, Avión e Beariz), Coto da Lebre (entre Piñor e Lalín) e San Sebastián (A Estrada). O TSXG declara a responsabilidade patrimonial da Xunta de Galiza condenándoa a aboar á recorrente a suma total de 842.721,23 euros máis os xuros legais desde a data da reclamación en vía administrativa.

VENTOS COOPERATIVOS S.L. Dos oito proxectos presentados por esta empresa, a consellaría de Innovación e Industria do goberno PSOE-BNG seleccionara catro cun total de 192 MW (Ventos Cooperativos V (Aranga, Coirós e Oza dos Ríos), Ventos Cooperativos VII (Trabada, Riotorto, Lourenzá), Ventos Cooperativos I (Barreiros, Lourenzá e Trabada) e Ventos Cooperativos VIII (A Pontenova e A Fonsagrada). O TSXG recoñece o dereito da demandante a ser indemnizada dos danos e prexuízos derivados da retirada do concurso de enerxía eólica a que se refire a reclamación deducida, por importe de 88.856 euros máis os xuros legais desde a data da reclamación administrativa.

INICIATIVAS ESTRATEXICAS GALEGAS (INESGAL). No concurso do bipartito fora seleccionada con 36 MW para o parque eólico Cabana-Zas.O TSXG declara que a empresa demandante ten dereito a ser indemnizada pola Consellería de Economía e Industria, como consecuencia dunha reclamación por responsabilidade patrimonial, na cantidade de 21.761,12 euros máis os xuros legais que correspondan desde a reclamación por vía administrativa, efectuada o 11 de xaneiro de 2011, condenando expresamente a Administración demandada ao pagamento das citadas cantidades.

ANDAVIA RENOVABLES S.A. Fóranlle adxudicados dous proxectos, un para o parque eólico Fontenla na zona de Antas de Ulla, de 34 MW, e o outro para o parque de Penalonga, entre os concellos de Barreiros e de Ribadeo, de 16 MW. O TSXG declara que “a empresa demandante ten dereito a ser indemnizada pola Consellería de Economía e Industria, como consecuencia de reclamación por responsabilidade patrimonial exercida contra ela, na cantidade de 112.697,33 euros, máis os xuros legais que correspondan da reclamación en curso. , actuación administrativa, realizada o 29 de decembro de 2010, pola que se condena expresamente a Administración demandada ao pagamento citado”.

EDP RENEWABLES EUROPE SL, adxudicataria de catro parques (Salgueiras, Corme, Zas e Abadín) reclamou unha indemnización de 1.344.979,56 euros. A sentenza 222/2016, de 16 de marzo de 2016, recoñeceu que a Xunta ten que aboar arredor de medio millón de euros polo “dereito do recorrente a obter unha indemnización en concepto de responsabilidade patrimonial da administración por desistencia dos procedementos de parques eólicos en tramitación, instruídos ao abeiro da Orde de 6/3/2008“.

CUPA RENOVABLES S.L.U., EOLICA DE FONTEFRIA S.L., COTO CORISCOS S.L. e ALTO DA MONEDA S.L. Estas empresas do mesmo grupo empresarial pizarreiro emprenden unha demanda conxunta contra a Xunta de Galiza por responsabilidade patrimonial como indemnización polos gastos en que incorreran por mor da suspensión dos seus proxectos eólicos aprobados pola Consellaría de Innovación e Industria do goberno bipartito. A Cupa Renovables S.L.U. fóranlle asignados tres parques eólicos (Coto Coriscos, en Rodeiro, con 28 MW; Alto da Moneda, en Valdeorras, con 40 MW; e Eólica de Fontefría, tamén en Valdeorras, con 50 MW). Solicitan unha indemnización de 1.515.225,11 euros, cantidade da que 222.373,84 euros teñen a consideración gastos compensábeis e o resto corresponden a euros indemnizatorios polos desembolsos efectuados e polo concepto perda de oportunidades (1.291.805 euros). O TSXG recoñécelles ás demandantes o dereito a ser indemnizados polos danos e prexuízos derivados da desistencia da Xunta do concurso eólico na suma de 222.373,84 euros máis os xuros legais desde a data da reclamación administrativa.

Indemnizacións a que foi condenada a Xunta gobernada por Feixoo derivadas da anulación do concurso eólico do goberno bipartito. Non se inclúen os xuros e outros gastos nin custas procesuais

Como resultado desta política eólica executada polo PP desde aquela, na actualidade tres empresas foráneas controlan el 43% dos 3.906 MW eólicos que se encontran operativos na Galiza.

IBERDROLA. Destes 3.906 MW, 626,2 están en mans de IBERDROLA que, sumados aos que esta empresa obtén tamén na nosa Terra da enerxía hidráulica, acada un total de 2.000 megavatios. Isto é, Iberdrola dispón do 51,20 por cento da enerxía hidráulica e eólica que se produce na Galiza.

ACCIONA, empresa controlada pola familia Entrecanales nun 55 por cento, segue en megavatios a Iberdrola. Dispón de 26 parques eólicos.

ENDESA, grupo controlado polo Estado Italiano como accionista maioritario, conta cun total de 24 parques con capacidade conxunta de 508,7 megavatios, cifra que acada o 13% do total eólico na Galiza.

NATURGY conta con 20 parques que suman 487,6 megavatios de potencia.

A xaponesa EURUS ENERGY, filial da poderosa industria Toyota, dispón de 430 megavatios.

EDP Renewables Europe SL. Esta empresa portuguesa ocupa o sexto lugar con 321,7 megavatios de enerxía eólica instalada. NORVENTO. Ocupando o sétimo lugar do ranking, sitúase a primeira empresa galega no mercado eólico con dez parques en Galiza con capacidade de 242,3 megavatios.

Cargamos co pandote

Na miña infancia un dos xogos co que os nenos de Penarrubia adoitabamos entreter o tempo era o da panda. Cargaba co pandote o neno que se anicaba diante da nogueira da aira de Moreno para que os demais saltasen a escarranchaperna no seu lombo. Non sei por que, había alguén que endexamais apandaba. Hai decisións políticas que semellan o xogo da panda: a maioría social actúa de pandote mentres uns poucos lizgairos saltan no lombo dos demais.

Gobernantes implicados nas autorizacións de parques eólicos e da expedición de informes ambientais realizaron camiños de ida e volta desde a Xunta de Galiza aos órganos de direccións de empresas eléctricas.

Joaquín del Moral Crespo, director xeral de Industria con Juan Fernández, primeiro conselleiro do ramo da Xunta presidida por Fraga, e director xeral tamén con Couceiro e co seu sucesor, Juan Rodríguez Yuste, mantívose á fronte da política eólica galega durante a práctica totalidade da década de 90 até o seu cesamento en 1999. Posteriormente, forma parte da direccións de diversas empresas do sector enerxético como Somozas Energías Renovables. Foi tamén un dos máximos accionistas de Estela Eólica, unha das grandes beneficiadas do concurso eólico d o PP en 2010. Antonio Couceiro, conselleiro de Industria e Comercio da Xunta desde 1994 a 1999, forma parte do Consello de Administración e é accionista de Greenalia. Con Couceiro partilla asento no mesmo consello Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar nos dous primeiros Gobernos de Feixoo e conselleira de Medio Ambiente entre 2015 e 2018.

Antonio Couceiro, Beatriz Mato e Marta Fernández Currás

Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda entre 2009 e 2011, e secretaria de Estado de Orzamentos no primeiro goberno de Mariano Raxoi, desembarca en Ecoener, a eléctrica coruñesa presidida por Luis de Castro Valdivia, empresario que obtivera a concesión de nove centrais hidroeléctricas e sete parques eólicos durante os últimos seis anos de Goberno de Fraga, período no que o seu cuñado, Ramon Ordás Badía, fora director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta antes de se incorporar á dirección do negocio enerxético de Endesa en Portugal.

O parque Serra do Puñago

A historia do parque eólico Serra do Puñago, que afecta o monte de Penarrubia, comeza no ano 1997 cando a Xunta, presidida por Manuel Fraga, aproba o Plan Eólico de Galiza. Neste documento, na nosa contorna, asígnanse tres áreas de investigación eólica a ENDESA (Serra do Puñago, Fonsagrada e Becerreá-Paradela) coincidindo coa privatización completa desta empresa baixo o goberno de J. María Aznar. Queda en reserva naquel momento a área de investigación Serra da Lagoa, tamén situada na contorna do monte de Penarrubia.

O macroparque asignado a ENDESA

No BOE de 11 de maio de 2007 publícase o anuncio da Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Lugo polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa do anteproxecto do parque eólico de Punago Sur. Quen realiza a solicitude é ENDESA Cogeneración y Renovables, S.A.U. para a instalación de 43 aeroxeradores cunha potencia total de 86 MW. O perímetro da liña poligonal deste parque é o seguinte:

As liñas descontinuas en verde delimitan a poligonal deste macroparque eólico asignado a ENDESA en 2007

Fragmentación do macroparque

Descoñecemos que sucedeu con este anteproxecto presentado por ENDESA Cogeneración y Renovables en Madrid por exceder de 50 MW de potencia, empresa que posteriormente actuará baixo a denominación ENEL Green Power España S.L.U. O caso é que a poligonal deste macroparque vaise fragmentar en cinco: Puñago-Vacariza (promovido por Naturgy con 12 aeroxeradores e unha potencia total de 39,6 MW), Serra de Puñago (promovido por Acciona Energía, S.A.U. con 8 aeroxeradores e 24 MW de potencia), Navallos (promovido por ENEL Green Power España, S.L. con 4 aeroxeradores de 13,54 MW de potencia), Reboiro (promovido por Green Capital Power S.L con 9 aeroxeradores e unha potencia instalada de 49,5 MW) e Serra da Lagoa (promovido por Enerxías Renovables de Galicia, S.A, con 5 aeroxeradores e unha potencia total de 29 MW).

Destas cinco empresas que operan na contorna de Penarrubia, só unha delas, Enerxías Renovables de Galicia S.A, vinculada ao Grupo Empresarial San José, ten a súa sede en Galiza. Naturgy e Acciona, con sede en Madrid, forman parte do IBEX 35. ENEL Green Power España S.L., da división de enerxías renovábeis de ENDESA, tamén cotiza no IBEX 35 e, desde as sucesivas privatizacións realizadas polos gobernos de Felipe González e Aznar, forma parte do grupo empresarial multinacional estatal italiano ENEL, que controla o 70 por cento.

Na análise das liñas poligonais de delimitación, sorpréndenos que na mesma superficie que no ano 2007 o Goberno central somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa do anteproxecto do daquela denominado parque eólico Punago Sur para a instalación de 43 aeroxeradores cunha potencia total de 86 MW, se instalen agora 35 aeroxeradores cunha potencia total de 155,64 MW. O que en 2007 era competencia do Estado por superar os 50 MW, posteriormente, debido á fragmentación desa superficie, transfórmase, baixo competencia autonómica, en cinco parques, permitindo deste xeito triplicar na mesma superficie o límite de xestión da Xunta dos 50 MW e mais incrementar nun 47,51 % a potencia inicialmente programada no anteproxecto (de 86 pásase a 155,64 MW). Sorpréndenos tamén o solapamento das poligonais de delimitación que observamos nalgúns destes parques eólicos malia o que sobre nesta materia recollen o artigo 31.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro e mais o 12.3 da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galiza.

Solapamento de superficies poligonais dos parques Serra do Puñago e Navallos

Mostra deste solapamento da superficie de delimitación poligonal constatámola nesta imaxe elaborada cun programa informático de información xeográfica de precisión cartográfica e cos datos de localización dos limites poligonais e dos aeroxeradores que figuran nas resolucións publicadas no DOG. Aquí comprobamos como dous parques eólicos, o da Serra do Puñago (cos oito xeradores sinalados con círculos vermellos) e o de Navallos (cos seus catro xeradores sinalados con círculos amarelos), comparten a mesma delimitación poligonal do primeiro deles, no que se sitúan os xeradores que afectan o monte de Penarrubia. Casos de solapamento encóntranse tamén noutros parques que forman parte do Complexo eólico dos Ancares (Chao do Marco, Serra de Piñeira, Serra do Colmo, Serra de Furco, Reboiro, Serra da Lagoa, Serra do Puñago, Navallos e Levante), como se observa nesta imaxe publicada por Ecoloxistas en Acción.

Solapamentos de parques no Complexo eólico Os Ancares: Serra do Puñago + Navallos, Reboiro + Serra da Lagoa; Chao do Marco + Serra de Furco. Imaxe tomada de Ecoloxistas en Ación

Asignación a ACCIONA

En 2010, a Consellería de Economía e Industria aproba a nova relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia. Nesta relación xa non se lle concede a unha empresa galega o parque eólico Serra de Punago, como sucedía antes, senón á multinacional ACCIONA ENERGÍA, S.A. cunha potencia de 24 MW.

2012. Información pública

Posteriormente, en 2012, sométese a información pública para autorización administrativa, aprobación do modificado ao proxecto de execución, declaración de utilidade pública, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (DOG 27/08/2012). O conxunto do parque eólico, segundo a Resolución da Consellería constaría de oito aeroxeradores (modelo AW116 IEC IIa) a 12 kV de tensión nominal, con 3.000 kW de potencia unitaria, torre de formigón de 120 m de altura, e con 116 m de diámetro de rotor e de tres torres meteorolóxicas autoportantes de 120 m de altura, equipadas con anemómetros, viraventos, medidores de temperatura, medidores de presión, rexistrador de datos e alimentación solar.

Elementos que integran o parque Serra do Puñago segundo as resolucións administrativas publicadas no DOG

No monte de Penarrubia prevíase en 2012 a colocación de catro aeroxeradores e unha torre meteorolóxica situados nos puntos que se sinalan na seguinte imaxe.

Declaración Impacto ambiental

Por RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dá publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no 25 de novembro de 2014.

2018. Solicitude de autorización

En novembro de 2018, ACCIONA presenta a solicitude de autorización administrativa previa e de construción para o proxecto do parque eólico Serra do Puñago, cunha potencia reducida agora a 23,21 MW.

2020. Autorización de construción

O 8 de outubro de 2020 publícase no DOG a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción para as instalacións relativas ao proxecto deste parque eólico. Nesta mesma resolución, a Consellería responde ás alegacións presentadas por algúns veciños de Penarrubia, tales como a existencia de erros na relación de bens e dereitos, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, coa afectación de superficies arboradas e tamén coa referida á relación moi incompleta de propietarios do monte publicada en 2012. Responde a Consellería que estas serán tidas en conta, se proceder, no momento da resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico. Nesta resolución, seguen figurando oito aeroxeradores, tres torres meteorolóxicas e unha subestación para este parque eólico, afectando o monte de Penarrubia o mesmo número de elementos que en 2012, mais, segundo información de Acciona, este proxecto sufrirá outro modificado que consistiría na redución do número de aeroxeradores de maneira que, en paga de colocar os catro aeroxeradores previstos de 3 MW cada un, serían dous os instalados de 5,7 MW cada un.

En outubro de 2020, ACCIONA informa aos veciños de que no monte de Penarrubia en paga de situar os catro aeroxeradores previstos de 3 MW cada un, serían dous os instalados de 5,7 MW cada un

Isto sucedía en outubro de 2020. ACCIONA, nun escrito de 7 de maio de 2021 comunica á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da consellería de Industria que a data prevista de inicio das obras será o 20 de xuño de2021. Mais a promotora nin siquera solicita a lizenza municipal preceptiva para a execución das obras. Aínda máis, ao día seguinte da data en que anunciara o comezo das obras, ACCIONA solicita a modificación do proxecto alegando que xa non se fabrica o modelo previsto de aeroxeradores. Desde entón, non volven existir novas noticias sobre este parque eólico até abril de 2024 en que o TSXG paraliza cautelarmente a súa construción.

Paralización cautelar

O 4 de abril de 2024, a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza suspende cautelarmente a execución deste parque que afecta o monte de Penarrubia. Quere isto dicir que, mentres este órgano xudicial non se pronuncie por medio de sentenza, non se poden executar as obras.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a mediados de maio de 2023 presenta recurso contencioso-administrativo no que alega causas de ilegalidade no proxecto deste parque eólico e solicita que, cauterlarmente, non se realicen as obras para evitar as consecuencias que poderían derivarse se o Tribunal resolve que existen os motivos que se presentan no recurso. Analicemos os argumentos que sosteñen o auto do TSXG. Fundamentalmente, son dous os motivos que ADEGA alega: a caducidade da DIA e a existencia de fragmentación fraudulenta nos proxectos eólicos da contorna do da Serra do Puñago.

Caducidade da DIA

Convén en primeiro lugar explicar en que consiste a Declaración de Impacto Ambiental (DIA). A avaliación ambiental dos proxectos é un procedemento técnico e administrativo polo que se teñen en conta os aspectos relacionados coa protección ambiental nun proceso de toma de decisións. Neste procedemento participan as empresas promotoras dos proxectos, as Administracións con competencias e as persoas físicas e xurídicas na defensa dos valores ambientais, que adoitan facelo por medio de asociacións.

O artigo 5.3 d) da Lei 21/2013, de avaliación ambiental define a DIA como: “informe preceptivo e determinante do órgano ambiental co que remata a avaliación ordinaria de impacto ambiental, que avalía a integración dos aspectos ambientais no proxecto e determina as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do medio ambiente e dos recursos naturais durante a execución e explotación e, se é o caso, o cesamento, desmantelamento ou demolición do proxecto.

Desde 1986, coincidindo coa entrada do Estado no daquela denominada Comunidade Económica Europea (CEE), coa publicación do Real Decreto Lexislativo 1302/1986, de evaluación de impacto ambiental, incorporouse á normativa española a necesidade da avaliación do impacto ambiental para a execución de proxectos e actividades específicas de promoción privada. Desde 2006, esta obrigatoriedade tamén afecta os proxectos promovidos polas administracións públicas.

Na actualidade, a norma estatal que regula as declaracións de impacto ambiental é a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, norma que traspón dúas directivas comunitarias: a Directiva 2001/42/CE, do 27 de xuño, relativa á avaliación das repercusións de determinados plans e programas no medio ambiente; e a Directiva 2011/92/UE, do 13 de decembro, relativa á avaliación das repercusións de determinados plans e programas sobre o medio ambiente.

A Asociación para a Defensa Ecolóxida de Galiza (ADEGA) alega que a DIA do parque eólico da Serra do Puñago carece de efectividade por estar caducada. Esta DIA foi publicada no DOG o 26 de maio de 2015, data en que entra en vigor. O artigo 43.1 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, recolle que a declaración de impacto ambiental do proxecto ou actividade perderá a súa vixencia e deixará de producir os seus efectos se, unha vez publicada no «Boletín Oficial do Estado» ou no diario oficial correspondente, non se iniciase a execución do proxecto ou actividade no prazo de catro anos”. É certo que o apartado 4 do mesmo artigo contempla que os promotores dos parques poidan solicitar a prórroga da vixencia da declaración de impacto ambiental antes de que remate o prazo previsto e que a solicitude formulada suspenderá o prazo de validez de catro anos. Así o fixo ACCIONA o 25 de novembro de 2014. Por Resolución do 6 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, concédeselle a prórroga da DIA situando o seu vencemento no día 26 de maio de 2021.

Consciente da proximidade da caducidade, ACCIONA tenta salvar a situación e, para isto, procede a realizar un simulacro de inicio de obra consistente en levantar neste mesmo mes de maio de 2021 dúas torres arriostradas de medición meteorolóxica, unha situada en Rañadoiro, ao oeste do Reguengo; a outra, na parcela A10 do monte de Penarrubia. Como sabemos, estas torres de medición do vento, tamén coñecidas como torres meteorolóxicas, son necesarias para avaliar o potencial eólico dun lugar antes da instalación de aeroxeradores. Son mecanismos previos para a obtención de datos antes da instalación das turbinas, mais non forman parte dos elementos que configuran administrativamente un parque eólico. De feito, para a colocación destas torres é necesaria unha licenza municipal distinta da que se require para a execución das obras do parque. Aínda máis, na resolución pola que se outorga a ACCIONA autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Serra do Punago recóllese que se trata de tres torres meteorolóxicas autoportantes de 120 metros de altura. ACCIONA coloca dúas torres arriostradas de medición eólica e non as tres torres autoportantes meteorolóxicas como figura na autorización de obra e, ademais, unha delas sitúaa a 800 metros de distancia do lugar sinalado na resolución administrativa. Quen si lle dá a razón a ACCIONA por considerar iniciadas as obras é Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación cando afirma literalmente nun escrito de resposta a ADEGA que “finalmente o día 26 de maio de 2021 iniciáronse as obras de construcción do parque eólico Serra do Punago, consta unha reportaxe fotográfica [sic].

Imaxes coas que ACCIONA pretende xustificar o inicio das obras do parque eólico Serra do Puñago. As obras consistiron na colocación dunha torre arriostrada de medición meteorolóxica na Serra de Rañadoiro
Torre arriostrada de medición meteorolóxica situada por ACCIONA no monte de Penarrubia no mes de maio de 2021

E o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais conclúe: Por todo o exposto, e dado que as obras do parque eólico Serra do Punago foron iniciadas antes da perda de vixencia da DIA, non existen motivos para considerar que dita DIA non estea vixente, polo que non procede atender as cuestións solicitadas por esa entidade [ADEGA]. Nin para ADEGA, nin para os propietarios do monte nin tampouco para a Sala do Contencioso do TSXG, as afirmacións de ACCIONA, ratificadas submisamente pola Xunta de Galiza, gozan de credibilidade. Con contundencia, e deixando en evidencia o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declara o Tribunal Superior de Xustiza que non pode impedir a caducidade da DIA a reportaxe fotográfica dunha pa escavadora rozando a cuberta vexetal na zona onde se proxecta a instalación da torre meteorolóxica…

Fragmentación fraudulenta

Ora ben, o TSXG no auto de paralización cautelar do parque eólico non se limita a pór en dúbida a caducidade da DIA senón que tamén centra a atención na demanda da existencia de fragmentación fraudulenta de parques eólicos na contorna onde se sitúa o da Serra do Puñago.

Solapamento da superficie poligonal nos parques eólicos Serra de Puñago e de Navallos

Como vemos na imaxe superior, que contén as liñas poligonais e os doce aeroxeradores dos parques Serra de Puñago (8) e Navallos (4) tal e como figuran nos documentos administrativos publicados no DOG, a maior parte da superficie deste último ocupa terras delimitadas polas liñas poligonais do parque Serra de Puñago e os seus catro aeroxeradores están proxectados para seren emprazados a unha distancia inferior aos 2 km. Aínda máis, a potencia total de ambos parques suma 37,54 MW (24 Serra de Puñago + 13,54 Navallos). Por tanto, cremos nós, a avaliación ambiental ordinaria tería que ser realizanda conxuntamente para os dous parques e non de forma individual para cada un deles como se realiza neste caso.

A Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, na letra n) da parte B Conceptos básicos do Anexo VI, define isto como “mecanismo artificial de fraccionamento dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”.

O TSXG tense pronunciado nalgunha resolución afirmando que a fragmentación de parques eólicos pode ser un subterfuxio fraudulento para evitar eludir as esixencias ambientais. Así, na STSXG do 26 de maio de 2023, recoñece que no proxecto do parque eólico Campelo, sito entre os concellos de Coristanco e Santa Comba, se produciu unha fragmentación da avaliación ambiental de tres proxectos de parques eólicos (Campelo, Monte Toural e Bustelo) que se consideran non autónomos, senón integrados e dependentes entre si, por compartir estruturas e conexións e que, por tanto, a avaliación ambiental ordinaria tería que ser única para os tres parques: [ninguén] nega que os tres proxectos compartan liñas e infraestruturas de evacuación, nin que cada un deles fora obxecto dun estudo dos seus efectos acumulativos e sinérxicos, así como da súa propia declaración de impacto ambiental, polo que, con esta, recoñecen abertamente que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de tres proxectos de parques eólicos que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións, a pesar de que as solicitudes se formularon en datas afastadas… (FX 3). A Xunta de Galiza, Greenalia Wind Power Campelo S.L.U. e a Asociación Eólica de Galicia (EGA), fronte a esta sentenza presentaron recurso de casación perante o TS, recurso que foi admitido a trámite por auto 7213/2023, de 13/03/2024. A conclusión a que chegue o TS en relación con esta cuestión vai ter consecuencias para o outorgamento das autorizacións administrativas do futuro nas que son necesarios os trámites de avaliación de impacto ambiental.

Por que a normativa impide a fragmentación fraudulenta dun mesmo proxecto? Para poder medir os impactos ambientais de maneira global e efectiva. Para isto, o artigo 7.1 da Lei da avaliación ambiental prevé que os proxectos incluídos no anexo I serán obxecto dunha avaliación de impacto ambiental ordinaria, así como os proxectos que, presentándose fraccionados, acaden os limiares do anexo I acumulando as magnitudes ou dimensións de cada un dos proxectos considerados. E de xeito similar se establece no artigo 7.2, para evitar que a técnica de fragmentación limite a avaliación integral dunha actuación.

O TSXG no auto de paralización cautelar do parque Serra de Puñago, malia afirmar no seu fundamento xurídico terceiro que  “é un feito non controvertido por admitido (art. 281.3 da Lei Axuizamento Civil) que varios parques eólicos conflúen nas inmediacións do parque eólico desta peza de medidas cautelares [Serra do Puñago], polo que, por moito que se nos asevere que a sinerxía non impacta negativamente no medio ambiente porque a DIA así o refire, verdadeiramente, neste momento procesual, non podemos considerar totalmente veraz este documento, nin os informes que o sustentan, tanto administrativos como os achegados nesta vía xurisdicional, xa que persiste a incógnita sobre se a DIA refire a radiografía exacta da contorna ou estaría mediatizada pola fragmentación artificial do parque, que é un dos motivos da impugnación da parte recorrente [ADEGA]”. Mais, o Tribunal, neste momento, non se pronuncia sobre se existe ou non fragmentación fraudulenta porque, por tratarse dun momento procesual de cognición limitada, agarda a que se sucedan os pasos procesuais necesarios para, mediante a análise das probas e demais elementos do proceso, chegue a ter unha información completa para poder resolver o que proceda no momento de ditar sentenza.

Futuro do parque Serra do Puñago

A día de hoxe, as obras deste parque non poden comezar por mor dunha resolución xudicial que o impide: existen indicios fundados de  dereito (fumus boni iuris) que indican que a Declaración de Impacto Ambiental está caducada. Mais, alén da caducidade, tamén é posíbel que existan outras razóns xurídicas que deriven na anulación da autorización de construción outorgada pola Xunta en outubro de 2020. A resolución destas cuestións daraa a coñecer o mesmo Tribunal cando dite sentenza sobre todas as cuestións que ADEGA presentou na demanda. Aínda máis, contra esta futura sentenza, a parte non satisfeita poderá formular recurso de casación perante o Tribunal Supremo, co cal podería prorrogarse a suspensión das obras durante varios anos máis ou ben, tamén podería suceder, que os tribunais declarasen definitivamente ilegal este parque e que endexamais puider ser executado.

Relacionados...

Suso de Moreno

12 de outubro 2024 Hoxe quedamos sen ti, Suso de Moreno. Sabemos que loitaches con forza e con optimismo até os últimos

Ouro en Penarrubia

Xρυσὸν γὰρ οἱ διζήμενοι γῆν πολλὴνὀρύσσουσι καὶ εὑρίσκουσιν ὀλίγονQuen busca ouro cava moito e saca pouco.Heráclito Xacementos mineiros en Penarrubia Coñecemos as

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Que podes atopar aquí

1 comentario en “Parque eólico Serra do Puñago”

  1. Despois de ler esto,hay que aplicar o dito. Que a Nosa galiza a deixen quedar como está e que o capitalismo deixe de joder.e referente o nosos políticos cada un ten o que merece.

    Responder

Deixa un comentario