Texto do poema
Non sei quen sería que tivo ese acerto, Non sei s’isto é nome d’o tempo pasado Nin sei s’isto é cousa dun xénio encantado. ¡Ningures mo dicen, de quen perguntei! Pero é nome posto c’os cinco sentidos A terra cuberta de fruitas e froles, A terra d’as nenas con cara de soles; A terra encantada de Neira de Rei. A nai que me quere naceu n’esa terra Y-ó pé d’unha eirexa, cal vellos creentes Descansan os corpos dos meus ascendentes: ¡D’alí foi a nena que tanto chorei! N’os anos primeiros da miña crianza Correndo sin tréguas por soutos e prados; Subindo cerdeiras, saltando valados, Os tempos mellores da vida pasei. Alí son as nenas xeitosas, garridas, Alí vin as caras máis lindas d’a terra; O chau ten os puros perfumes d’a serra Y á paz d’os patriarcas en ela atopei. Os dolmes d’os celtas y-os castros d’os mouros C’a ponte romana d’o Mazo á mamoria Nos tran ós que rastros deixaron na Hestoria Y-aquela terriña tivéronlle lei. Por ela reñeron en luitas de morte Levand’os seus ayes as augas d’o Neira, Que en tristes queixumes recorr’a Ribeira En canto s’aparta de Neira de Rey. Qué ten esta terra non podo sabelo Que chora ó deixala quen pon os pés n’ela Y-alábana todos que chegan a vela. ¡Qué meiga de terra! ¡Qué ten non’o sei! Alí, vendo as augas de fontes é regos, D’o mundo as tristuras esquenz’o dorido. ¡E cuadrall’o xeito seu nome garrido A terra fidalga de Neira de Rey!
Data
Cremos que o autor compuxo este poema en 1903, pois nese ano aparece publicado por primeira vez o día 16 de xuño no xornal de Lugo El Norte de Galicia. Posteriormente, tamén se publica na Literatura Gallega de Uxío Carré Aldao (Páxs. 237-238. Casa Editorial Maucci. Barcelona 1911) e noutros xornais e revistas: o 25 de setembro de 1926 na revista Céltiga en Buenos Aires; en 1928, no xornal El Compostelano. La Vanguardia Gallega, o xornal dos irmáns Evaristo e Juan Antonio Correa Calderón, tamén publica este poema o 1 de xaneiro de 1932. Curiosamente, malia pertencer ambos irmáns editores á casa de Correa de Neira de Rei, non inclúen nesta publicación a dedicatoria con que vira a luz en 1903. A razón estriba en que naquela data, Evaristo tiña catro anos e Juan Antonio aínda non nacera e ambos descoñecían a dedicatoria. Seu pai, o médico Antonio Correa Fernández, e Luís González Cando eran amigos. Así o testemuña o feito de que Antonio Correa lle dedique o artigo La tradición de la ciudad o villa de Pedreda, publicado o 20 de maio de 1904 en El Eco de Galicia, órgano da emigración galega na Arxentina.
Dedicatoria
O autor dedica este poema a dúas das casas fidalgas da Pena: a de Correa e a de Montenegro. Neste lugar da parroquia de Penarrubia concentrouse ao longo dos tempos unha alta densidade de fidalguía. Aquí residía a máis poderosa de todas elas, a familia Santiso Ulloa, cuxos descendentes neste momento estaban en proceso de venda da Casa Principal e de todas as súas terras, que pasaron a mans de Victoriano Sánchez Latas. A carón vivían os fidalgos das casas de Caldeiro, de Correa e de Montenegro. Non moi lonxe, no lugar de Papín, tamén existían dúas familias recoñecidas como fidalgas no Catastro de Ensenada. Isto explica o verso final do poema “terra fidalga de Neira de Rei.”
Nos momentos en que o autor o compuxo, a casa de Correa estivera habitada pola familia do médico Antonio Correa Fernández, integrada pola súa muller Filomena, procedente da casa de Caldeiro, e seus fillos Isaac, Asunción, Evaristo e Jesús Correa Calderón. Juan Antonio nacería poucos anos despois.
Na casa de Montenegro residían nese momento o patrucio Ramón Correa Montenegro e a súa segunda esposa Cándida Cordero Lamela xunto cos seis fillos menores nacidos deste matrimonio (Filomena, José, Manuela, Carmen, Germán e Gerardo Correa Cordero) e os tres do anterior con Consuelo Álvarez Otero (Enrique, Consuelo e Regina Correa Álvarez).
Contido
O ton dominante nesta composición encádrase, dentro do xénero lírico, no que academicamente se denomina oda. Isto é, o autor expresa a admiración que sente polo val de Neira de Rei. Tamén existen referencias épicas na segunda parte da terceira estrofa e na primeira da cuarta que rememoran fazañas das épocas megalítica, celta e romana.
Malia telo indagado en moitas ocasións, o poeta descoñece quen foi a persoa que denominou este val como “Neira de Rei”. O certo é que lle convén plenamente porque nesta terra encantada hai froitas, flores e mozas fermosas.
A nai do poeta naceu aquí e no cemiterio, a carón da igrexa, descansan os seus antepasados. Aquí pasou os mellores anos da súa vida e de aquí tamén era a nena que coñeceu na infancia en compañía da que choutou por soutos e prados, subiu árbores e saltou valados.
Aquí viu as mozas máis fermosas da terra. A este val descenden os perfumes da serra e nel revívese a paz da que gozaron os antepasados. Os vestixios dos celtas, os castros e a ponte romana dos Mazos evocan as pegadas das persoas que protagonizaron feitos gloriosos no pasado e seguiron con lealdade os designios que esta Terra lles sinalou.
Naqueles tempos, os antepasados emprenderon sanguentas batallas e as augas do Neira diluíron os seus laios no decurso pola Ribeira abaixo. Non sabemos que ten esta terra que fai chorar a quen se afasta dela e que alaban todos os que a coñecen.
Aquí, entre as augas das fontes e dos regos, o poeta esquécese da tristura. Esta terra fidalga chámase “Neira de Rei”.
Como vemos, trátase dun poema que desenvolve o tema clásico do locus amoenus con presencia dos seus elementos esenciais: paisaxe con “soutos e prados”, “regos e fontes”, “fruitas e froles” e a terra impregnada do recendo que descende das serras. Postal de cromatismo enriquecido por “puros perfumes”. Neste escenario bucólico de Neira de Rei, o poeta evoca os xogos infantís en compañía das nenas do lugar e evoca tamén os seus ascendentes soterrados no adro da igrexa parroquial. Con esta oposición entre a vitalidade da xuventude e a morte identificada cos seus antepasados, o poeta tamén introduce unha antítese que caracteriza o tema do locus amoenus: vida / morte, paraíso perdido da infancia / angustia do presente, xogos alegres en compañía no pasado no que non decorre o tempo / soidade no presente que conduce vertixinosamente cara a morte.
O poeta, en cambio, esquécese dun elemento sensorial que adoita formar parte deste tipo de composicións: a presenza de sons relacionados cos cantos de paxaros e co murmurio de augas cristalinas e introduce referencias épicas que resultan alleas a este tema idílico, desmerecendo o conxunto do poema e mesmo caendo no tópico de difusas e confusas referencias ás culturas megalítica, celta, romana e árabe.
Forma
Metricamente, o poema está conformado por cinco estrofas, nas que se mesturan estruturas propias da copla real (versos dodecasílabos de rima consoante) con outras que caracterizan a rima da oitava italiana (… B B Ć / … B B Ć). A última estrofa, que actúa a modo de epodo, consta de catro versos que condensan o sentimento do poeta. Esta estrutura métrica resalta, coa rima aguda nos versos cuarto e oitavo de cada estrofa, o nome Neira de Rei e as excelencias deste val e das súas xentes.
O metro, a rima e o ritmo dactílico acentúan a musicalidade da composición. A cesura en cada dodecasílabo marcando pausas mediais, a rima consoante cos versos primeiro e quinto soltos en cada estrofa, a reiteración dos versos agudos en –ei e, fundamentalmente, a sucesión dos acentos rítmicos en catro eixos nas sílabas 2ª, 5ª, 8º e 11ª, xunto coas pausas versais e mediais, impregnan o poema dunha melodía persistente e reiterativa que nos lembran as composicións épicas de finais do medievo e, xa nos tempos de González Cando, as dos poetas modernistas hispanoamericanos.
Autor
Luís González López naceu en Madrid en 1867. Asinaba os seus escritos como Luís González “Cando” porque este era o nome da casa patrucial que a súa familia posuía en Pumarín, parroquia de Montecubeiro, concello de Castroverde. Entre 1869 e 1878 viviu en Montecubeiro e pasou tempadas na casa de Méndez da Pena de Neira de Rei de onde procedía súa nai.
Estudou bacharelato e seguiu algúns cursos na facultade de Medicina en Madrid, mais non rematou esta carreira por mor da súa afección á literatura. Desde moi novo colabora en diversos xornais e revistas baixo o pseudónimo de Armando Tiberio.
Faleceu en Barcelona o 22 de maio de 1916.
Segundo a Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo-Americana, na que colaborou González Cando desde 1908 até a súa morte, foi “un poeta satírico de agudo enxeño, mestre na difícil arte do cantar e do epigrama, varias veces laureado en públicos certames, autor dramático e distinguido cronista…” deixou multitude de traballos sen recompilar dispersos en diversos xornais e varias obras teatrais, nove delas escritas en colaboración co fotógrafo e dramaturgo catalán Baldomer Gili i Roig (1873-1926). Ademais dos poemas citados, é autor dalgunhas obras en castelán escritas en colaboración con Alfredo López Álvarez (De visita: apropósito en un acto y dos escenas en verso. 1898. El suicidio de anoche: juguete cómico en un acto y en verso. 1899) e con Fermín Perosterena (La leva: zarzuela en un acto y dos cuadros, en prosa. 1900), inspirada no relado de José María de Pereda do mesmo título e estreada no Teatro de la Zarzuela de Madrid en 1900. Tamén foi letrista en colaboración con B. Gili i Roig da peza musical No quiero ser princesa: canción (1914), do compositor e director de orquestra valenciano Rafael Benedito Vives. González Cando tamén practicou a crítica de arte, que publicaba en revistas e xornais.
Como escritor galego, Ricardo Carvalho Calero, na Historia da literatura galega, inclúeo no capítulo dos Epígonos e del afirma que a máis coñecida das súas poesías é A víspera de San Xoán en Montecubeiro, que foi premiada cun accésit nun certame celebrado en Lugo en 1891. O poema, segue dicindo Carvalho Calero, representa con “realismo ameno e ponderado un anaco da vida da aldea e ten o valor do directamente coñecido e exposto con simpatía e fluidez”. Outras composicións súas son as tituladas A miña sorte, O bico, Parrafeo con San Pedro, publicadas na revista Galicia de Andrés Martínez Salazar.
Uxío Carré Aldao inclúe o poema “Pregunta de crego” en La Literatura Gallega en el siglo XIX. (Librería Regional de Carré. A Coruña. 1903). Malia vivir afastado de Galiza, a lingua que emprega González Cando nos seus poemas galegos, así como a súa visión do ambiente, segue dicindo Carvalho Calero, “son dunha sorprendente precisión.”