O ronco da mazá

Este outono veu farturento de mazás. Os pomares cargaron de froitos de bo tamaño, mais a maior parte deles están afectados polo que en Penarrubia chamamos o ronco. Como consecuencia, moitas mazás podreceron, caeron antes tempo das árbores e presentan no seu exterior buratos polos que penetraron os vermes que se prolongan no interior en negras galerías que adoitan rematar no carozo a carón das pebidas.

Esta praga non constitúe unha novidade desde hai ben anos. Non sucedía así antano cando se recollían as mazás e se gardaban enriba da herba seca nas palleiras varios meses para seren comestas pouco a pouco durante o outono e o inverno.

Cunha produción anual que se achega ás dez mil toneladas de mazás na Galiza, non entendemos como a Consellaría do Medio Rural non emprende accións específicas e campañas informativas para atallar esta praga endémica que afecta os nosos pomares.

Cydia pomonella

O ronco da mazá é un insecto da familia dos lepidópteros tortricidae chamado cientificamente Cydia pomonella, carpocapsa e, popularmente, ronco, couza e avelaíña da mazá. Constitúe a praga máis importante para o cultivo desta froita, mais tamén afecta as peras, os marmelos e as noces.

As larvas non se alimentan das follas da árbore senón dos froitos e, por isto, os impactos nos cultivos son graves. As eirugas penetran no interior da polpa e, impedindo o seu desenvolvemento, converten en inviábeis os froitos para a comercialización. Alén disto, a presenza de galerías abertas no interior das mazás, que van desde a pel até o carozo, constitúen unha vía para o asentamento de fungos que provocan a podremia dos froitos

Fases

Fases da Cydia Pomonella

O ciclo biolóxico do ronco das mazás é o seguinte: as avelaíñas adoitan aparecer a mediados da primavera e realizan a posta de ovos nas follas que rodean os froitos. Aos poucos días, destes ovos saen as eirugas (os roncos), que se introducen nas mazás. Despois convértense en pupas (crisálidas), que se depositan no chan e mesmo no tronco das árbores e nas ramas. Das pupas sairán novas avelaíñas, pechando así o ciclo e comezando outro novo.

Ovos

Ovos e larva eclosionando. Fonte: Universidade de California

Os ovos, que se depositan tanto nos froitos como nas ramas da árbore, son brancos e teñen forma de lente convexa. De pequeno tamaño, normalmente miden de 1 a 1,2 mm. A medida que a eiruga se desenvolve dentro do ovo, este cambia de cor. Primeiro fórmase un anel avermellado e despois aparece unha mancha escura, que se converte na cabeza da eiruga. Normalmente, os ovos tardan entre 7 e 12 días en eclosionar dependendo das condicións meteorolóxicas. En condicións óptimas, poden facelo en cinco días.

A eiruga, ronco ou larva

De cor crema e cabeza negra na eclosión, torna rosada  pouco despois. Presenta tres pares de patas verdadeiras e cinco pseudopatas.

As eirugas póñense en actividade xa nas horas posteriores á eclosión dos ovos. Como non poden sobrevivir alimentándose das follas, e tamén para evitar os depredadores, emprenden rapidamente movementos na procura dos froitos. Malia preferir as mazás, son polífagas e aliméntanse doutros froitos como o marmelo, a pera, a noz, e, nalgúns casos, os pexegos e as castañas.

Localizado un froito para alimentarse, a eiruga perfora a súa epiderme e, a medida que vai penetrando no seu interior, os restos da pel, a polpa e o seu propio excremento acumúlanse arredor da entrada do burato. Estas elementos están pegados entre si por fíos de seda que libera a eiruga para crear un tapón bloqueando o acceso. Nesta actividade, o ronco tarda uns 45 minutos en perforar o froito e uns 15 en tapar o burato. A perforación remata no carozo. Aquí, a eiruga morde as sementes detendo o crecemento do froito. Como resultado, a froita madura prematuramente e podrece antes tempo. Este comportamento de alimentación dura de 23 a 27 días nos que se alimenta dunha media de un a dous froitos durante este tempo. A mediados de outubro, estas larvas abandonan as mazás, tanto as caídas no chan como as que restan na árbore e refúxianse debaixo da cortiza do tronco e nas rugosidades das ramas grosas. Alí tecen un casulo no que invernan como pupas.

Pupa

En fase pupal rodeada do casulo

Á fin do período larval, para invernar, as eirugas abandonan o froito usando os seus fíos de seda ao estilo das arañas ou baixan até o chan desde as ramas reptando polo tronco da árbore na procura dun local protexido normalmente na casca das árbores.

Aquí iníciase o estadio pupal, que se caracteriza pola formación de casulos, que presentan xeralmente coloración castaña amarelada e unha lonxitude aproximada entre os 10 a 12 mm, permanecendo neste local até irromperen dos casulos as bolboretas (fase adulta). Neste proceso de busca dun lugar axeitado para pupar, invisten tempo na procura de boas condicións. Foron avistadas en lugares variados, ademais das cortizas e as fendas das árbores, lugares secos na terra, ocos escavados no chan, almacéns e caixas de madeira onde se gardaron os froitos, debaixo de pedras, terróns do chan… O casulo proporciónalle á pupa suficiente protección contra a choiva e outros factores externos.

Avelaíña

Avelaíña coas ás despregadas e en repouso

É de cor agrisada e de pequeno tamaño. Na fase adulta acada os 10 mm de longo e 20 mm de envergadura. As ás préganse cando repousan. Distínguense doutras avelaíñas similares da familia Tortricidae polas manchas marróns. As antenas están lixeiramente curvadas nas puntas. Aínda que a maioría das avelaíñas son de cor marrón ou gris, observouse que a madurez dos froitos dos que se alimentan as larvas pode provocar variacións de cor na avelaíña adulta.

As avelaíñas practicamente non necesitan alimentos para sobrevivir. De facelo, recorren a fluídos doces como o zume da froita, mais isto non reduce a súa reprodución. A capacidade de copular e de ovipositar non se ve afectada.

Após a cópula, as femias realizan a posta de cerca de 60 ovos distribuídos quer polos froitos quer polas follas. Viven entre 15 e 18 días. Actívanse ao solpor con temperaturas superiores aos 10º C e voan cando superan os 15º C.

Número de xeracións

Mais, este ciclo que vai desde a fase ovo á adulta non é lineal senón que coñece solapamento de dúas  xeracións de insectos: a primeira, derivada da eclosión das pupas do ciclo anterior; a segunda, xerada dos novos ovos postos por estas avelaíñas. Isto é, adoitan existir, cando menos, dúas xeracións de avelaíñas, unhas activas en primavera cando os froitos se están formando e outra nos meses de verán, cando os froitos se encontran en desenvolvemento.

Avanzada a primavera, as avelaíñas eclosionan dos casulos do anterior ciclo, dando inicio á primeira xeración da praga e están activas en xullo e parte de agosto. Os ovos postos por estas avelaíñas da primeira xeración dan orixe á segunda xeración. Estes ovos eclosionan e a eiruga convértese en pupa. As larvas entran en diapausa durante o inverno. En abril e maio do seguinte ano, estas pupas de segunda xeración eclosionan e as avelaíñas desta xeración están activas durante os meses de maio e xuño.

O voo das avelaíñas adultas comeza en maio coa eclosión das avelaíñas de segunda xeración e detense ao redor de finais de agosto cando as avelaíñas da primeira xeración alcanzan a envellecemento cada ano. O período de voo de primeira e segunda xeración solápase entre 10 e 20 días e isto significa que haberá danos continuos causados ​​pola avelaíña durante os meses de verán.

Métodos preventivos

A loita contra esta praga presenta dificultades e require o seguimento tanto do ciclo de produción da mazá como das fases do insecto desde a posta dos ovos até a eclosión da avelaíña.

Recollida das mazás

Como os roncos permanecen durante un tempo no interior das mazás, resulta necesario recoller no momento da súa maduración todos os froitos que se manteñen na árbore.

Pero, tamén é imprescindíbel recoller todos os froitos caídos e apodrentados no chan para evitar que as larvas retornen á árbore para continuar o seu ciclo vital. Estas mazás caídas deben ser depositadas en recipientes herméticos para impedir a supervivencia dos roncos antes de que as abandonen.

Mazás podres e afectadas pola praga preparadas para seren illadas en bidóns con pechamento hermético

Bandas de cartón

Bandas de cartón colocadas no tronco de cada pomar

Un método ecolóxico para reducir a poboación destes insectos consiste en colocar bandas de cartón corrugado no tronco de cada pomar de maneira que a parte ondulada se manteña en contacto coa casca e a parte lisa, na parte externa. Para situar cada banda, debemos buscar a zona máis lisa do tronco de forma que rodee toda a súa circunferencia e quede ben axustada á árbore mediante o seu atado con fío ou arame. Os cartóns recolleranse cando se deterioren pola choiva e serán substituídos por outros antes do remate do inverno, momento en que as larvas saen do seu letargo. Evitarase a perda de larvas durante a recolección tanto dos primeiros cartóns como dos segundos, que debemos queimar ou enterrar profundamente. Tamén é necesario repasar a zona do tronco de cada árbore para comprobar que non queden larvas apegadas na cortiza.

Confusión sexual

Como alternativa ao uso de produtos fitosanitarios, na agricultura ecolóxica emprégase o método da confusión sexual, que consiste en impregnar as plantacións de pomares con feromonas sintéticas evitando a cópula entre as avelaíñas machos e femias para impedir a proliferación da praga.

Trátase  dun método respectuoso co medio ambiente porque as feromonas non xeran residuos nos froitos nin son prexudiciais para a outra fauna. O seu uso está autorizado na agricultura ecolóxica polo seu baixo impacto ambiental e polo seu respecto pola fauna auxiliar. Por outra banda, co uso de feromonas é posíbel controlar as poboacións da praga sen xerar resistencias como sucede no caso dos produtos fitosanitarios convencionais.

Mais, o emprego deste método require realizar unha serie de observacións de campo e meteorolóxicas para saber en que momento eclosionan as avelaíñas para comezar o tratamento. Para que se produza o primeiro voo anual dos adultos é necesario acadar os 400º C/día[1] contados desde o 1 de xaneiro do ano en curso.

Segundo informa a Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGA), desde o 1 de xaneiro até o día 9 de maio deste ano 2022, acadáronse os seguintes Graos/Día nas diferentes estacións meteorolóxicas representativas para a fruticultura galega:
 

ZonaEstaciónGraos/día actualData 400 grados/día
Mariñas coruñesasMabegondo> 40030 – abril
Mariñas coruñesasGuísamo> 40029 – abril
BarbanzaBoiro> 40028 – marzo
Lugo SurSarria> 4009 – maio
Graos/Día desde o 1 de xaneiro até maio de 2022

Quere isto dicir que en Penarrubia, por estar nas proximidades da comarca de Sarria, o tratamento con feromonas neste ano 2022 tería que comezar a realizarse arredor do día 9 de maio coincidindo co momento en que eclosionan as avelaíñas e comezan a copular e a depositar os ovos dos que nacerán os roncos que afectarán as mazás.


[1] O Grao/Día (GD) consiste na diferenza entre a temperatura media do día para unha comarca ou localidade concreta e unha temperatura base. Pódese calcular para un período de tempo ou para todo o ciclo dun cultivo.

Relacionados...

O cruceiro da Condomiña

Situación e estado O único cruceiro que existe no concello de Baralla encóntrase na parroquia de San Martín de Neira de Rei.

Ara votiva de Papín

Achado en 1905 En 1905, o médico Antonio Correa Fernández e o seu tío Antonio Correa Valcárcel, párroco de Penarrubia desde 1893

Novos valores catastrais

15 de setembro de 2023 Nestes días de setembro, están chegando as notificacións dos novos valores catastrais que adquiren as terras e

Que podes atopar aquí

Deixa un comentario