O carlismo constituíu un movemento político insurreccional, nacido na terceira década do século XIX. Orixinouse, coincidindo coa morte de Fernando VII, polos desexos dos partidarios de que o seu irmán Carlos María Isidro de Borbón ascendese ao trono en lugar da súa filla Isabel.
Mais, no fondo, os carlistas non só disputaban a coroa senón que mantiñan unha ideoloxía reaccionaria baseada na defensa do catolicismo tradicionalista, do poder absoluto do Antigo Réxime e do sistema foral. As guerras carlistas sucedéronse en tres momentos: a primeira (1833-1840) desencadeouse tras a morte de Fernando VII, a segunda en 1846-1849 e a terceira en 1872-1876. Os enfrontamentos bélicos estendéronse de forma xeneralizada polos territorios de Navarra, Euskadi, Catalunya e parte de Aragón.
Primeira guerra carlista
Trala morte de Fernando VII, o Pretendente, exiliado en Vila Real, na rexión portuguesa de Trás-os-Montes, dirixiu proclamas aos galegos solicitando cooperación coa súa causa e convidándoos a empuñar as armas. Na Galiza o exército mantívose fiel ao goberno liberal e os carlistas non foron quen de formar milicias baixo un mando único e isto derivou na necesidade de emprender unha guerra de guerrillas. Cada xefe de partida contará con plenos poderes militares, políticos, administrativos e xudiciais. Como din Barreiro Fernández en Historia contemporánea de Galicia, cada caudillo era un ditador da súa comarca e da súa xente e Reboredo Pazos, en La Exposición del Arcediano (Un singular documento do Arquivo do Museo Provincial de Lugo), as partidas eran verdadeiras taifas, cuxos xefes actuaron sen ningún control superior, e sen acatar máis autoridade que a que lles daba a ascendencia sobre os seus homes, xa viñer do recoñecemento dos méritos militares do líder ou da súa crueldade.
O carlismo contou, antes dos enfrontamentos guerrilleiros, con destacados dirixentes procedentes do exterior que ocuparon postos de responsabilidade na nosa Terra desde o nacemento desta ideoloxía: Nazario Eguía fora Capitán Xeneral de Galiza entre 1824 e 1832; Zumalakárregi, en 1832 fora gobernador militar de Ferrol; o arcebispo de Santiago Rafael de Vélez, autor de Apología del Altar y el Trono, e Francisco López Borricón, bispo de Mondoñedo, eran declarados antiliberais xa desde a Constitución de Cádiz. Coa sublevación carlista, todos eles ocuparán postos significados: Eguía, ministro da guerra de don Carlos; Zumalakárregi, caudillo do exército do Norte; López Borricón, autor da Pastoral o Histórica exhortación, vicario xeral castrense; e Rafael de Vélez, presidente da ineficiente Xunta Superior Gobernativa de Galiza.
O ardor guerreiro da ideoloxía carlista chegou mesmo a contar en 1919 cun Himno militar galego, da autoría de Evaristo Martelo Pauman, ao que pertencen estas dúas estrofas:
Bandeira santa do Sacramento
¿á quen divina non porás ley
cando berremos con forte alento
brandendo as fouces, Dios, patria e Rey?Afora os negros do chan sagrado,
afora os corvos, Anglo e Francés,
n’este cristiano reino arrombado,
fé dos valentes, proba quen ês.
Fracasados varios intentos de levantamentos urbanos, entre eles a toma da cidade de Lugo en febreiro e marzo de 1834, na Galiza o carlismo desenvolveuse a través de movementos de guerrilla en determinadas comarcas montañosas das provincias de Lugo, Ourense e, en menor medida, de A Coruña. Así, o coronel Pouso crea unha facción no veciño territorio de Castroverde integrada na maior parte por seminaristas que, antes de entrar en combate, desertan ocasionando a fuxida do seu propio xefe. Posteriormente, Pouso, antigo compañeiro de armas de Zumalakárregi, formando parte do exército carlista do norte, en 1835 morre en primeira liña na fronte de Gernika.
Da comarca de Burón, non moi lonxe de Penarrubia, era Juan Martínez Villaverde, o Cura do Freixo, tamén coñecido como Arcediano de Melide, que, despois da súa participación na fracasada toma de Lugo, ocúltase nos montes da súa terra de nacemento como caudillo dunha partida converténdose nun dos principais coordinadores das diversas faccións carlistas na Galiza. De Bullán, parroquia de Quintá de Cancelada, en Becerreá, era o guerrilleiro Manuel Álvarez Fernández, alcumado O Señorito de Bullán e O Coxo, quen, en compañía doutras faccións intentou inutilmente conquistar territorio asturiano enfrontándose co exército liberal. De Mosteiro, Pol, era o subdiácono guerrilleiro José Ramón González Soto, alias O Evanxelista, Comandante Xeral do Distrito de Burón.
O ideario carlista estaba enraizado no rural por influencia do clero e da fidalguía. Así o constata Pablo Morillo, Capitán Xeral na Galiza, nunha carta dirixida en 1834 ao infante Francisco de Paula Antonio María de Borbón: “Dos cortísimas facciones levantaron la cabeza hace dos meses; se les ha perseguido y persigue vivamente; se ocultan y vuelven a salir cuando la tropa se retira. Esto prueba la protección del país, alimentada por el clero en su mayor parte ignorante y fanático…”
Nas cidades, nomeadamente en Santiago e Lugo, o movemento carlista tivo os seus centros reitores e delas saíron voluntarios que se enrolaron nas partidas que operaban no rural. Aquí o carlismo dispoñía dun ambiente propicio para a súa implantación: unha sociedade fortemente controlada polos perceptores das rendas agrarias: o clero e a fidalguía.
Con todo, como afirma Barreiro Fernández, a maioría da nobreza galega mantívose á marxe do ideario carlista e só se identificaron abertamente coas posturas do Pretendente a familia Campomanes, da que Rodrigo Rodríguez, conde de Campomanes, chegou a ser coronel do Exército e membro da Xunta Superior Gobernativa de Galiza; Xacoba de Cisneros de Castro e de Puga, condesa de Ximonde, fervorosa realista, quen deixa como herdeiro a Manuel María Puga Feixoo, militar carlista; o Marqués de Santa Cruz; a Condesa de Cifuentes, cuxa axuda aos pequenos partidos da guerrilla foi decisiva, e o marqués de Bóveda de Limia, comandante Xeral carlista. O fidalgo Benito Sotelo de Novoa Enríquez Niño, nomeado despois marqués de Vilaverde de Limia pola súa participación na Xunta Suprema do Reino de Galiza, foi fervente defensor do carlismo e a súa filla María Casilda enlazou matrimonialmente coa familia Pedrosa Ulloa tamén de profundas resonancias tradicionalistas.
Na provincia de Lugo organizáronse partidas carlistas nas áreas de Burón-Ancares e de Chantada-Sarria-Samos; na da Coruña, a de Sobrado-Melide-Arzúa e a de Mesía e Betanzos interior; na de Pontevedra, as de Cotobade-Lalín e Baixo Miño. De todas elas, recoñece Barreiro Fernández que a de Burón foi a máis activa. Mais, estas faccións foron aniquiladas e os seus líderes ficaron fóra de combate: José Ramón González Soto, alias Mosteiro e Evangelista, asasinado a golpes de baioneta cerca da Fonsagrada e conducido o seu cadáver a Navia de Suarna como trofeo de guerra; O Señorito de Bullán, morto en 1837 nunha acción de combate en Lugo e o seu cadáver paseado polas rúas da cidade…
Segunda guerra carlista
A segunda guerra carlista estala en 1846. Esta fase desenvólvese fundamentalmente en Catalunya e El Maestrazgo, comandada por Ramón Cabrera i Grinyó, en Euskal Herria e, en moita menor medida, en Castilla e na Galiza. Aquí tivo maior presenza en zonas de Lugo, Santiago e Ourense. A partida que máis sona acadou nesta época foi a de Fernando Gómez, máis coñecido como O Ebanista, que actuou polas terras de Monforte. Chegou a contar con máis de 200 guerrilleiros ás súas ordes. Perseguido polas tropas gobernamentais viuse na obriga de fuxir a Portugal en 1840. En 1847 atravesa a fronteira portuguesa con vinte homes. Instala nun primeiro momento o seu cuartel no Monte Faro, dende onde lanza diversas ofensivas polo territorio circundante. Monterroso e Friol foron algúns dos lugares visitados por este guerrilleiro. Mais, o 3 de setembro de 1847 cae morto en San Pedro de Salaia (Palas de Rei). Segundo manifesta F. Tettamancy nunha publicación do Boletín da Real Academia Galega de 1907, na partida do Ebanista integrouse Juana García de Carbajal, Juanita de Paderne, filla dun avogado de Chantada, do solar de Paderne de Abaixo. O Ebanista, receando do poder que ía adquirindo a guerrilleira ou dos seus amoríos cun compañeiro de armas, expulsouna da facción. Finalmente, cansada da dura vida que levaba e abandonada polos seus amigos, refuxiouse na vila do Grove, no domicilio dun parente seu que ocupaba o cargo de párroco, Francisco Varela Carbajal. Viviu na casa deste clérigo até o 17 de febreiro de 1840, cando a foi recoller o seu irmán Francisco para devolvela á súa casa de Paderne.
Terceira guerra carlista
Na terceira guerra, o Val de Neira de Rei e toda a comarca dos Ancares foi escenario de actuacións do movemento carlista debido ás intensas e reiteradas actividades guerrilleiras da partida dirixida por Manuel María Núñez Saavedra, quen ten baixo as súas ordes unha facción duns douscentos homes bastante ben armados e algunha cabalería.
Na provincia de Lugo era onde máis organizado e estendido estivo o carlismo nesta terceira guerra. Á fronte da súa Xunta provincial figuraban, entre outros, o conde de Campomanes, Ramón Veiga Valcárcel e Antonio Pedrosa Ulloa, marqués de Vilaverde de Limia. Este último, vinculado á casa principal de A Pena, na freguesía de Penarrubia, foi o único deputado galego carlista, elixido polo distrito de Lugo, nos comicios celebrados o 7 de abril de 1872.
Foron varios os motivos que impulsaron a adscrición dos labregos ás partidas carlistas. En primeiro lugar podemos situar a defensa da relixión e da tradición inoculada polos párrocos como correa de transmisión das directrices que partían da xerarquía eclesiástica. En segundo lugar, cremos que a reacción contra a imposición das pesadas cargas tributarias que soportaban os labregos contribuíu á participación na insurrección. Non menos importante era tamén a evasión da xuventude das levas militares que fornecían de soldados como carne de canón as guerras que o goberno liberal mantiña contra os propios carlistas e tamén coa xa iniciada desde 1868 en Cuba. ¿E por que non?, a soldada que percibía cada guerrilleiro, que oscilaba entre os sete e os dez reais diarios dependendo das partidas en que se enrolasen, constituía un moi bo aliciente para fuxir dos duros traballos que se padecían no campo. Por esta razón, os líderes guerrilleiros eran admirados por boa parte da poboación.
Manuel María Núñez Saavedra
Núñez Saavedra naceu en 1834 en Vilarín, lugar naqueles tempos da freguesía de Torés e actualmente da de Santa Lucía de Alence, concello de As Nogais. Na súa familia fidalga había varios clérigos. Quen sería xefe de insurrectos realizou estudos eclesiásticos no seminario de San Lourenzo de Lugo, no que poucos anos despois cursaría toda a carreira eclesiástica o músico Juan Montes, sen chegar a recibir ordenación sacerdotal.
Para a enumeración da seguinte relación dos actos insurxentes dirixidos por este caudillo carlista, seguimos as investigacións publicadas no libro Hijos del Trueno: La Tercera Guerra Carlista en Galicia y el Norte de Portugal, de Alfredo Comesaña Paz.
A facción de Núñez Saavedra fustrigou en repetidas ocasións as columnas móbeis do exército gobernamental en todo o oriente da provincia de Lugo e tamén realizou incursións en Asturias e León. As accións consistían fundamentalmente en desvalixar as administracións de rendas estancadas e requisar as recadacións de impostos, cortar as liñas telegráficas e asaltar os xulgados e os rexistros civís para queimar nos primeiros os sumarios incoados contra os guerrilleiros e nos segundos os libros de asentos dos nacementos, matrimonios e defuncións. ¿Que interese tiñan as partidas carlistas na queima destes libros? Era un acto de rebeldía contra a implantación, polo goberno do Sexenio democrático en 1871, do Rexistro Civil como autónomo e independente da Igrexa. Un dos rexistros civís afectados por esta queima foi o de Neira de Xusá.
Núñez Saavedra tiña como segundo da súa facción a Francisco Fernández Cordeiro, que fora tenente do exército isabelino, natural de Pereira, parroquia de Furís. En febreiro de 1873, esta partida, composta para a ocasión duns cincuenta guerrilleiros, presentouse en Becerreá e incautouse de 10.500 pesetas e de varios efectos do estanco que estaban en poder de Vicente Núñez, recadador de contribucións. Ese mesmo día tamén se apoderou de dous cabalos de tiro do coche correo. O 16 de maio, ao mando de 50 homes, preséntase en Baralla, capital de Neira de Xusá, e queima o expediente que da causa que se instruía no xulgado contra os tamén carlistas José Belón e Manuel Lombardía Ferreirós, veciños de Os Mazos, Ramón Nogueira, de A Condomiña; José García, de A Veiga; Manuel Fernández, coñecido como O Largo de Pousada; Manuel Fernández Rei, de San Pedro, e outros quince homes, acusados todos eles de roubarlle ao recadador José Fernández Picado 30.755 reais. En xuño do mesmo 1873, os guerrilleiros da facción de Núñez Saavedra entraron dúas veces na Fonsagrada, onde queimaron os libros do Rexistro civil e se apoderaron de fondos e efectos estancados. Na segunda destas incursións, tamén queimaron os libros do Rexistro Civil e os 71 folios de que se compuña o sumario que se instruía no xulgado contra os guerrilleiros que participaran no anterior asalto producido na vila. Nese mesmo mes de xuño, uns cincuenta carlistas desarmaron en Becerreá tres soldados convalecentes do Reximento de Murcia aloxados na casa de José Arias, rodearon a casa dos escribáns Juan Carreira e José María Gómez e fixéronse coas causas que se estaban instruíndo contra Núñez Saavedra e os seus correlixionarios por subtracción de fondos públicos e a queima do Rexistro Civil de Neira de Xusá. Nesa mesma causa tamén se incluía a apropiación de 30.750 reais ao recadador de contribucións do mesmo concello de Neira de Xusá. Estes sumarios foron queimados publicamente na estrada diante da casa dos escribáns. Mais, non contentos con estas accións, ese mesmo día en Becerreá tiraron os postes de telégrafos e, no Rexistro da Propiedade, arrincaron as follas dos libros nas que estaban anotados os embargos practicados contra Núñez Saavedra e outros guerrilleiros e na Administración de rendas estancadas apoderáronse de 14.000 reais, de oito caixóns de tabaco e de papal timbrado, deixando de todo o aprehendido un recibo asinado por Leonardo Raimundo Sáez en calidade de Comisario de Guerra do Exército Real de don Carlos. No seguinte mes de xullo, cando quixeron apoderarse en Baralla de dous cabalos do coche correo foron perseguidos por axentes da garda civil e un dos guerrilleiros, Manuel Fernández Fernández, de Pousada, resultou ferido de bala nun pé.
O 13 de xullo, unha vez máis, a partida de Núñez Saavedra, composta nesta ocasión por 114 guerrilleiros, ocupou A Fonsagrada, destruíu diante de numeroso público un sumario custodiado polo escribán e apoderouse de 500 pesetas da Administración de Estancadas así como dunha escopeta e dun trabuco.
As súas accións tamén se estenderon a Ribadeo desde onde pasou a Asturias ocupando Vegadeo, Castropol, Tapia de Casariego… A finais de xullo, regresa a Galiza, ocupa Pedrafita do Cebreiro onde derriba postes de telégrafo e queima os libros do Rexistro civil no medio da rúa en presenza dos veciños. Desde aquí diríxense a Veiga de Valcarce, onde requisan tres cabalos do coche de correo e un fusil. O 31 de xullo, a mediodía presentáronse os guerrilleiros en Cervantes e queimaron os libros do Rexistro. A principios de agosto roubaron varios cabalos en As Nogais e no Cereixal e cortaron de novo as liñas telegráficas. O 11 de agosto, Núñez Saavedra volve entrar en Becerreá a pleno mediodía, acompañado dun numeroso grupo de guerrilleiros, apodérase das existencias na Administración de estancadas: caixóns de tabaco, papel timbrado e selos de franqueo. En setembro, a partida de 106 guerrilleiros de Núñez Saavedra chegou á vila ourensá de A Rúa, onde se incautou do existente na Administración de Estancadas.
En varias ocasións, os asaltos das faccións carlistas aos recadadores da Facenda pública realizábanse en conivencia dos xefes guerrilleiros cos propios encargados da recadación. Así, nun dos botíns máis elevados de Núñez Saavedra, consistente en 53.000 reais, practicado na parroquia de Mirandela, Castroverde, constatouse que o recadador era un carlista encuberto que planeara a acción de acordo co caudillo guerrilleiro.
Proba da expansión da causa carlista na Galiza é que, a principios de 1874, a Capitanía Xeral de Galicia declarou o estado de guerra para derrotar as numerosas partidas que proliferaban ao longo de 1873.
Mais, pouco a pouco esta facción comezou a sufrir o acoso das forzas do exército gobernamental e da garda civil. En outubro é detido o fregués de Penarrubia Xosé García, veciño de A Veiga, outros morren en enfrontamentos armados e algúns optan por acollerse aos indultos ofrecidos polo Goberno. Francisco Fernández Cordeiro, de Pereira en Furís, figura para a Comandancia militar de Lugo en paradoiro descoñecido. Outros guerrilleiros son condenados a prisión e conducidos ao castelo coruñés de San Antón.
Segundo Luís López Pombo, en https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.1353.php, Manuel Núñez Saavedra foi requirido polo Tribunal Militar de Lugo para responder dos cargos que se lle imputaban. Descoñecemos cal foi a sentenza de tal xuízo, se é que existiu; o que parece confirmado é que Manuel Núñez Saavedra tivo que pagar fortes sumas de cartos quizais para poder eludir o cárcere. Isto dedúcese de que, o día 22 de xaneiro de 1887, outorgou, perante o notario de Becerreá José Miragaya Tomé, recibo de préstamo de dúas partidas de diñeiro de 2.500 pesetas cada unha, equivalentes a 10.000 reais, a favor do seu amigo o cura párroco de san Lorenzo de Pousada e arcipreste de Vilapedroso, Froilán Arias Santisteban, hipotecando para isto nove predios da súa propiedade. A mesma fonte infórmanos, segue dicindo López Pombo, que unha vez depurada a responsabilidade, a Núñez Saavedra foille ofrecido o grao de Tenente Coronel dos Reais Exércitos, mando ao que renunciou en aras ás súas ideas carlistas. Aos 45 anos, casou o 13 de febreiro de 1878 na igrexa parroquial de santa María Madanela de As Nogais con María Consuelo Díaz Herbón, de 26 anos de idade, filla de Manuel Díaz Fernández e de Ángela Herbón, donos do mesón Herbón das Nogais, de cuxo matrimonio naceron sete fillos. Deles, Jesús recibiu en herdanza a Casa Grande de Pando.
Na currada, o capitán Cordeiro aparella dous cabalos, atado un deles na argola dunha columna de pedra e o outro no toro dun bidueiro que se ergue impoñente no medio. Mentres, na sala nobre do pazo, o fidalgo da Casa Principal da Pena, xa de pé, despide a don Manuel María Núñez Saavedra, señor da Casa Grande de Vilarín.
—Suba a Penarrubia e, da miña parte, fale co párroco, cruzado tamén da milicia cristiá e, coma nós, ferreño defensor do lexítimo Rei.
O vinculeiro de A Pena e o comandante do Real exército franquean a porta exterior e descenden en animada conversa as amplas escaleiras de pedra que os deixa a carón das cabalgaduras. O capitán Cordeiro tende as correas das rendas do cabalo de crina ruana a don Manuel María e ambos xinetes emprenden camiño cara a reitoral da freguesía avanzando a par ao paso dos cabalos entre as casas do lugar. Diante da portada aberta do solar do señor de Montenegro, levando a man á boina vermella, con marcialidade saúdan ao unísono o vinculeiro desta casa que regresa de supervisar os labores que no muíño da súa propiedade atende un dos seus criados.
O sol xa se ocultou tras a serra do Puñago e a sombra cobre o Val do Neira. Non convén percorrer os camiños á luz do día. Os dous cabaleiros, agora xa a bo paso de andadura, soben cara a Penarrubia entre os farturentos prados regados por abondosas augas. Chegados á volta da costa das Madorneiras e á carballeira de Seis Fontes, ao adentrárense na congostra, por prevención, levan a man dereita ao fusil. Intérnanse logo polo pedregoso e entrollado camiño que sobe entre lameiros gadañados até chegar ás terras fértiles dos Freixos e ás cortiñas das proximidades do lugar. Pasadas As Cadeitas, desde o camiño que vén das Parcerías, crúzanse cos xinetes dúas mulleres enloitadas, arredadas polo estrépito das ferraduras dos cabalos sobre as pedras do camín. As súas voces atipladas murmuran con inquietude.
—¿Quen serán?
—Vanche á Reitoral. Son moitas as xentes que acoden a don Xosé. Andan os tempos moi revoltos.
—Din que se está armando unha guerra contra o Rei de Madrid.
—Deus nos aparte da guerra. Non carrexa máis que calamidades para os pobres.
—Desde hai tres meses, o rapaz máis novo da Veiga marchou da casa e non se sabe que é del. Din que está ás ordes do Señor da Casa Grande de Vilarín, un dos xefes do exército do outro Rei que lle chaman don Carlos.
—E na freguesía de Furís son moitos os mozos que deixan as casas e andan uns fuxidos polo monte e outros, máis lonxe, na raia de Portugal.
—¡Nunca tal se viu! ¡Dous reis, e cada un cos seus exércitos!
—Non queda quen labre as terras. Don Xosé insiste en que os homes defendan coas armas o lexítimo Rei. Do morgado do Sancristán, hai quen di que marchou enrolado na cuadrilla de Francisco do Costureiro para facer a sega en Castela, mais outros cren que serve no exército católico ás ordes dun militar de aí arriba da montaña, da freguesía de Furís.
Os dous cabaleiros apean das cabalgaduras na currada da Reitoral e sorprenden co seu porte a figura dunha silueta que abanea cargada cun feixe de feo no medio da escuridade do verán entrante.
—¡Boa noite, señores, nos dea Deus! Se desexan tratar co señor cura, está arriba. Acaba de chegar da igrexa do rezo do rosario. Déixenme as cabalgaduras e permítanme vostedes que compartan coa besta do meu señor esta herba e mais o toxo que vou picar na manxadoira.
Sen responder, os dous milicianos da Causa ceden ao Sancristán as rendas dos animais, que son conducidos con parsimonia ás cortes do andar terreiro da vivenda. Comandante e Capitán, boinas vermellas con borla azul, cos fusís cruzados en bandoleira no peito sobre as cananas, ascenden as escaleiras exteriores que conducen ao ástrago que antecede a porta. Detidos baixo o lintel pétreo, empurran con forza a aldraba cuxo son rompe o silencio da aldea e retumba nas estancias da enorme reitoral. Os cans do clérigo cazador, alertados nese momento, responden desde as cortes inferiores con ladridos corais.
Don Xosé Nadela Tellado, pastor de almas da parroquia mercé ao beneficio de curado que desde tempos inmemoriais ostenta a Casa principal de A Pena, arrastra entre sombras o seu corpo envolto no manteo iluminado levemente pola tenue luz que desprende o candil que sostén na man dereita.
—Nobres milicianos do glorioso exército de don Carlos nesta causa santa e xusta, este humilde servo de Deus e da Súa Santidade Pío nono ponse ás súas ordes.
Xa a carón dos visitantes, o clérigo identificou o home corpulento, louro, de ollos grandes e claros, de barba longa e ben coidada como o señor da Casa Grande de Vilarín. Cura e fidalgo foran condiscípulos en tempos pasados no seminario de San Lourenzo na capital.
Respondeu o Comandante:
—Saudémonos como cruzados da mesma empresa. Quen me acompaña vén sendo o capitán Cordeiro, da familia da Cruz de Pereira, fregués cumpridor de Santo Estevo de Furís .
—Pasen, pasen e cóntenme como van os asuntos da santa guerra.
Clérigo e cabaleiros avanzan sobre as táboas da antesala da reitoral cara a cociña, nese momento atendida por María Xoana, irmá do párroco. Os visitantes sentan en cadansúa cadeira arredor dos tizóns da lareira que languidecen mantendo na calor o pote das viandas dispostas para a cea. Sentada no escano, en segundo plano, confundida coa feluxe da parede, enxérgase unha figura silente que fita con insistencia cada un dos cabaleiros.
Con pícara complicidade, a voz arxentina do cura diríxese alternativamente aos visitantes, á efixie recortada no escano e á muller que, accionando con movementos acompasados a manivela dunha bomba, extrae auga que verte con sopridos asmáticos nunha pía de pedra.
—Señores, mentres repoñemos as forzas coas humildes viandas que lles ofrecemos, poden falar con franqueza. María Xoana e mais Andrés son meus irmáns e, abofé, as súas bocas non divulgan os nosos secretos. Senten ao escano e compartan connosco este refrixerio.
Debruzados na mesa a carón da figura silente, a irmá do clérigo acende o quinqué que coloca no centro da estancia resaltando os catro rostros sobre o fondo ennegrecido das paredes. Andrés, irmán menor do clérigo, parecía un home de idade madura, de condición rústica propia de criados e caseiros. Co cabelo cortado a rentes, o rostro afeitado e mirrado de fondas engurras, a súa expresión concentra o servilismo e a astucia salvaxe.
María Xoana dispón con presteza pratos, cubertos e vasos. Un cántaro barrigán de viño do Bierzo preside a cea. Do pote que colga na gramalleira, a áxil man da muller extrae pezas de carne cocida que dispón nunha bandexa que vai pasando a cada comensal. O párroco toma nas mans un bolo de pan centeo que enceta despois de realizar nel o signo da cruz. Mentres talla rebandas para os demais, dirixíndose ao señor da Casa Grande de Vilarín, con grave dignidade dixo:
—¿Como marchan os asuntos da guerra, señor Comandante?
—No norte, como sabe vostede, desde que en Madrid os impíos proclamaron a República, son numerosos os mozos que se adhiren á Causa do noso Rei. Nas Vascongadas e Navarra o exército de Pavía recúa cada día e gran parte do territorio está no noso poder. O Duque de Madrid, quen, coa axuda de Deus e as nosas forzas, será rei de España, en breve fixará residencia en Estella e desde esa cidade formará o goberno que dirixirá a totalidade da Patria restaurando nela a orde e a nosa sacrosanta Relixión. Mais, para continuar con éxito esta empresa, necesitamos máis armas, máis cartos e máis soldados.
O cura cazador, coas fazulas acendidas e os ollos refulxentes pola emoción das novas, retruca:
—Por Deus, a Patria e o Rei, desde estas terras contribuiremos co que faga falta para conseguir o propósito que nos mantén nesta comuñón. Os inimigos de Deus acabarán no lugar que lles ten destinado Satanás no fondo dos infernos. Este inverno, o impío Amadeo, fillo do Anticristo, como porco bravo perseguido no páramo castelán, abandonou o Palacio e regresou ao seu tobo italiano. En Madrid, o republicanismo ateo dita leis sacrílegas que relegan a relixión católica e liquidan a nobreza. Desde o meu posto de pastor de almas das freguesías de Santa María de Penarrubia e de San Pedro de San Martín de Neira de Rei, transmítolles a vostedes, nobres soldados, o sentir do noso ordinario da Cidade do Sacramento, o rexo monseñor José Ríos Lamadrid, e de todo o arciprestado que represento co triunfo dos nosos santos ideais. Guiados pola fe, loitaremos contra os continuadores nos nosos días dos impíos Mendizábal e Madoz. A nosa Igrexa posúe riquezas non confiscadas aínda polos nefandos decretos de Isabel que serán postas a disposición de tan nobre causa. As propias terras deste igrexario que eu administro, vai agora para dezasete anos, foron postas en poxa pública por 14.000 reais, que desembolsei do meu peculio para reintegralas, cando calmen estas feras carrañas, á súa orixinaria e canónica propiedade. Señores soldados, neste momento comprométome a contribuír coas rendas do Prado Grande e dos demais predios da miña propiedade para sufragar os gastos que se ocasionen até a entronización de Carlos VII no Palacio Real de Madrid.
O Comandante, despois de apurar un goto de viño tinto, respondeu agradecendo a xenerosa contribución do párroco á Causa. Mais, desexoso de incrementar o número de homes da súa partida provistos de armas, continuou:
—Conto con cento corenta e seis soldados, algúns deles dispoñen de fusís, outros levan trabucos ou escopetas, mais boa parte do meu exército vai armado con facas, paus e fouces. Os rexementos republicanos e a Garda Civil andan en boas cabalgaduras e empuñan os fusís máis modernos. Resulta imprescindíbel para nós poder contar con cincuenta soldados máis para estender as accións nun primeiro momento polas xurisdicións de Burón, Castroverde, Baleira, Neira de Xusá, Becerreá, O Cebreiro, e posteriormente chegarmos a Ribadeo e penetrar tamén na outra beira do Eo e mais nas Terras do Bierzo. Cordeiro, o meu capitán, dirixirá persoalmente a parte occidental deste territorio e eu organizarei os soldados desde Neira de Xusá até Ponferrada.
Neste momento, Andrés, o irmán do clérigo, que seguira con atención reconcentrada as palabras do Comandante, con voz baril e profunda, dixo:
—Conte comigo, señor. Desde hoxe, día 6 de xuño de 1873, como soldado xuro servir lealmente a Deus, á Patria e ao noso Rei Carlos VII, ás súas ordes e ás da Xunta Provincial, representadas nesta xurisdición polo noso valedor, don Antonio Pedrosa Ulloa, señor da Casa Principal de A Pena.
O párroco e súa irmá, intercambiándose a mirada, ficaron sorprendidos ao escoitaren este compromiso. Durante un tempo fíxose silencio roto polos ladridos roncos dun can no exterior. O capitán Cordeiro propuxo, co asentimento do seu superior, que o novo soldado se integrase na súa compañía para participar a semana seguinte na toma da vila da Fonsagrada. Alí estaba previsto que confluísen a mediodía os soldados procedentes de Castroverde, Baleira e Neira de Xusá cos que chegarían de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.
O párroco apostilou:
—Queira o ceo que dispense os seus favores ao ínclito xeneral Dorregaray para que con acerto se obteñan vitorias como a de Eraul, deixando sentir a espada sobre as infames cabezas dos inimigos, porque os nosos guerreiros traerán para a Patria a honra, a moralidade e a orde sostidas nas máximas da sacrosanta Relixión. E a vós, comandante Núñez, capitán Cordeiro e meu querido irmán, recibide a beizón das miñas mans para
Que vos atenda o Señor nos días de perigo,
Que sempre vos sosteña Deus omnipotente;
que vos envíe auxilio desde o seu santuario,
para podermos celebrar a vitoria
e no nome de Deus alzar estandartes.
Unha semana despois, co sol ocultándose pola Serra do Mazuco, o soldado do Rei Andrés Tellado Nadela parte da reitoral da freguesía de Santa María de Penarrubia cara á Serra do Puñago. Cabaleiro na besta de seu irmán, vai a trote lixeiro polo camiño do Agro. A ambos lados, detén a mirada nas leiras de centeo coas espigas maduras. Pasadas As Grobiñas, ao penetrar nas carballeiras dos Barrancais, con voz grave entoa esta estrofa:
Aparéllame o cabalo
porque me vou á facción
pola serra do Puñago
pra servir o meu Señor…
Chegado a Inarelle, crúzase con catro segadores suorentos de aspecto canso que regresan aos seus fogares empuñando distendidamente os fouciños.
—Boa tarde, Andrés, ¿a onde vas a estas horas con tanta présa?
—Levo unha encomenda de meu irmán para don Froilán, o señor cura de San Lourenzo de Pousada.